eu

eu
eu

domingo, 6 de marzo de 2016

UNHA TESE SOBRE O ESCULTOR CAMBADÉS FRANCISCO ASOREI

O vindeiro venres día 11 de marzo de 2016, a partir das 11 horas, vai ter lugar na Sala de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia en Santiago de Compostela a defensa pública dunha tese de doutoramento sobre a figura e a obra de Francisco Asorei (1889-1961), escrita pola nosa amiga Maribel Iglesias Baldonedo, profesora de Historia nun instituto de ensino medio de Cambados que leva o nome do escultor, precisamente.

Esa tese, que dirixiu o profesor do Departamento de Historia da Arte da antecitada Facultade, José M. López Vázquez, está dedicada ao marido da autora (o noso compañeiro no instituto de A Basella vilanovesa e profesor de debuxo Manuel Busto) e aos seus fillos (Manuel e Mariña), así como á memoria do noso chorado amigo común Luís Rei. 

Leva por título Francisco Asorey, escultor galego e consta de setes grandes apartados.

O primeiro está dedicado a explicar os primeiros anos do escultor, co ambiente que o rodeou no seu Cambados natal; a súa estadía formativa, desde os 14 anos, nos salesianos de Sarriá (Barcelona), onde se enchoupou do ambiente artístico modernista e simbolista que dominaba entón esa cidade e o seu período como docente de debuxo nos salesianos de Barakaldo, onde ten oportunidade de entrar en contacto co rexionalismo pictórico vasco, representado polos irmáns Valentín e Ramón Zubiaurre. Precisamente este último pintaría en 1917 o célebre cadro “Gaiteiro de Cambados”.

Neste primeiro capítulo tamén se ocupa Maribel da posterior etapa madrileña de Asorei, tinxida de bohemia canda o crítico de arte José Francés, o artista compostelán Juan Luís (que se refería a Asorei como “El Rodin gallego”), o viveirense Manuel Bujados e o pintor cordobés Julio Romero de Torres, con que compartiu pensión. A vida madrileña de Asorei prolóngase dende 1909 até o 8 xaneiro de 1919, data esta última en que o artista, que consegue traballo como escultor anatómico na Facultade de Medicina, contrae matrimonio con Jesusa Ferreiro Casal e instálase xa para sempre en Compostela.

Un segundo apartado céntrase nos anos 20, cando Asorei abre estudo na compostelá rúa da Caramoniña e se vincula decididamente ás Irmandades da Fala, cumprindo no mundo das artes plásticas, mercé ás súas tallas en madeira policromadas (“Picariña”, “Naiciña”, “O tesouro”, “Ofrenda ao San Ramón”, “A Santa”, “San Francisco”...) e aos diversos recoñecementos que obtén en varias Exposicións de Belas Artes, un papel simbólico e referencial idéntico ao do seu paisano Ramón Cabanillas no eido das letras: Escultor da Raza e Poeta da Raza, respectivamente. É esta a etapa das homenaxes en Cambados organizadas por Cabanillas, da intensa relación amistosa con Castelao, da pertenza ao Seminario de Estudos Galegos, mais tamén a dos agravios á hora de non recibir premios que seguramente merecía e a das críticas feroces, como as que lle endereza Ramón Mª del Valle Inclán.

Asorei pintado polo artista compostelán Juan Luís
A terceira parte da tese de Maribel ocúpase dos anos 30, cando Asorei abre un estudo máis amplo na rúa de Santa Clara, en Compostela, e emprende a confección dos seus grandes monumentos en pedra, como o do aviador Loriga, en Lalín (1933), o do San Francisco de Compostela, que se inaugura en 1930, ou o de Curros Enríquez na Coruña, en 1934. De sumo interese é a epígrafe que a autora dedica a comentar o relacionamento, nada cordial nin produtivo á prostre, dos autores da nova xeración galega (Luís Seoane, Eiroa, Maside, etc.) con Asorei, no enésimo exemplo de mala avinza entre sucesivas xeracións artísticas.

Unha cuarta parte da tese de Maribel Iglesias céntrase no Asorei de posguerra. Superados, grazas ás súas boas relacións co estamento eclesiástico compostelán, os medos a crueis represalias como as que lle custaron a vida ao seu grande amigo Camilo Díaz Baliño, o escultor cambadés renuncia neste etapa a calquera veleidade artística orixinal e reduce practicamente o seu traballo a abundantes pezas de carácter relixioso, bustos oficiais que se lle encargan en 1938 (o de Calvo Sotelo para Vilagarcía; o do ditador Franco para Ourense...), monumentos militares na Escola Naval de Marín ou aos Caídos, como o de Ourense (1951), lápidas conmemorativas e pouco máis. Algúns dos seus últimos traballos de mérito son a estatua do Padre Feixó para o mosteiro de Samos, o altar para o Panteón do Centro Galego de Buenos Aires e o monumento ao astrónomo lalinés Ramón Mª Aller.

O traballo de Maribel compleméntase cun quinto apartado de Conclusións, un sexto que está conformado por un rigoroso Catálogo da obra de Asorei e un sétimo e derradeiro que ofrece a Bibliografía empregada para a confección desta alfaia investigadora.


Moi relevante e pulcro resulta o diálogo crítico que esta tese estabelece coa única monografía sobre Asorei preexistente, o traballo El escultor Francisco Asorey, editado en 1959 por Ramón Otero Túñez. Son varios os aspectos que se discuten desa obra pioneira, con argumentos moi atinados ao noso humilde entender. Maribel corrixe, por exemplo, a total ausencia de referencias ao compromiso de Asorei co nacionalismo galego irmandiño, delimita con rigor a escasa relación do escultor cambadés coas vangardas artísticas, resume á perfección as bases estéticas da súa proposta (modernismo e simbolismo) e contribúe a reconstruír con poderación e serenidade a posición de Asorei no escuro período da posguerra franquista.

Desde aquí, parabenizamos e desexámoslle moito éxito á doutoranda e agardamos ver editada sen demora esta valiosísima contribución á historia da nosa cultura e da nosa arte.

1 comentario:

  1. Parabéns a Marisol polo seu traballo no estudo e difusión da obra de Asorei. Foi un pracer tela anos atrás na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña falándonos sobre el.

    ResponderEliminar