eu

eu
eu

mércores, 17 de xuño de 2015

OS DERRADEIROS DÍAS DE ANTÓN VILLAR PONTE (e II)


Iniciativas de homenaxe post-mortem

A nova da morte de Antón Villar Ponte, ademais de conmocionar profundamente a opinión pública e ocupar significativos espazos na práctica totalidade dos xornais do país, espertou inmediatamente unha serie de iniciativas de homenaxe. Delas cómpre dar conta sequera brevemente, mesmo tendo presente que algunhas delas ficaron irrealizadas ou interrompidas por mor dos acontecementos bélicos e políticos desatados no tráxico xullo de 1936.

As homenaxes das Mocidades Galeguistas

A Federación de Mocidades Galeguistas foi unha das entidades máis activas e madrugadoras á hora de levar a cabo iniciativas de homenaxe post-mortem a Villar Ponte. O grupo de Celanova, por exemplo, liderado polo mozo Celso Emilio Ferreiro, imprentou unhas cartolinas de esquela. No seu anverso dicían: "Irmán Antón Vilar Ponte. Fundador das Irmandades da Fala. Escritor e Diputado nacionalista galego. Finou na Cruña o 4 de Marzal do MCMXXXVI", entanto no reverso líase: "Lembrámoste pol-a Patria. Confía en nós irmán, tua obra non morrerá endexamais. Cando o camiño era negro tua verba foi fírgoa acesa de fé i-espranza. Confía en nós irmán. No teu sartego todal-as primadeiras sentirás ledo recendo de froles nacionalistas".

Outro grupo da F.M.G., o santiagués, acordaba en reunión celebrada o 5 de marzo de 1936 baixo a presidencia de Enrique González García Paz, por iniciativa do seu secretario de propaganda Xaime Vidal Rei, organizar unha velada necrolóxica en memoria de Antón Villar Ponte e editar "uns cantos artigos seus de caráiter nacionalista". A idea inicial era reeditar o folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, mais finalmente non foi así, quer por problemas financeiros para custear a edición, quer polas urxencias impostas pola dinámica política do momento (campaña do plebiscito estatutista). Así saíu do prelo da Editora Nós a Escolma d-artigos nazonalistas, volume de apenas 22 páxinas que, precedido por unhas palabras do alcalde de Cork (heroe e mártir nacionalista irlandés) e por unha introdución intitulada "In Memoriam", recollía un total de sete traballos villarpontinos.

Esa escolma amosa un carácter marcadamente doutrinario, pois seis dos sete traballos inciden sobre cuestións de relevancia ideolóxica para o nacionalismo: reivindicación do idioma como epítome da nacionalidade e como bandeira de loita política; defensa da conveniencia do achegamento do galego ao portugués; reivindicación de referentes históricos e simbólicos propios perante o discurso centralista e unitario hexemónico; defensa do carácter progresista e aconfesional do movemento galeguista; etc. Chama a atención, igualmente, o feito de que os textos escolmados procedan sen excepción da colección do boletín A Nosa Terra (el sería facilitada ao efecto polo impresor Ánxel Casal?) e, ademais, correspondan todos eles ao período anterior á escisión do nacionalismo consagrada na Asemblea de Monforte (1922). Parece haber unha clara intención dos responsábeis da Escolma, nese sentido, de recuperar textos representativos do ideario primixenio ou fundacional do movemento e de colocar a figura do noso autor, en tanto que ideólogo, nun lugar preeminente na historia do mesmo.

Proxecto dun monumento na Coruña

O escritor ourensán Álvaro das Casas, poucos días despois de producirse o óbito do xornalista viveirense, propuxo nun artigo intitulado "Primeros toques de llamada" e publicado en El Pueblo Gallego (18.3.1936) tres iniciativas de homenaxe urxente a Villar Ponte: a inmediata e efectiva constitución da Asociación de Escritores Galegos "por la cual Villar Ponte luchaba día tras día, incansable"; a inclusión nos repertorios de grupos teatrais afeccionados como "Keltya" (dirixido na Coruña polo actor Serafín Ferro) ou aqueles impulsados polas Mocidades Galeguistas, de fragmentos ou pezas da dramaturxia do escritor de Viveiro; e, en terceiro lugar, a erección dun monumento na súa honra nos xardíns coruñeses, previa subscrición popular encabezada polos dous diarios que acolleran as súas colaboracións nos derradeiros tempos, La Voz de Galicia e El Pueblo Gallego.

Após o chamamento de Álvaro, os citados xornais abren unha subscrición popular para lle erixir un monumento a Antón Villar Ponte na cidade da Coruña, concretamente nos xardíns de Méndez Núñez. O poeta e xornalista Julio Sigüenza, en representación do amentado diario vigués, e máis o daquela redactor-xefe de La Voz de Galicia, Fernando Martínez Morás, presiden a comisión organizadora da homenaxe. Na xuntanza que esta celebra en Compostela o día 30 de marzo acórdase que ambos xornais asuman actuar, desde primeiros de abril de 1936, como oficinas recadadoras das provincias de Lugo e A Coruña, o herculino, e Ourense e Pontevedra, o olívico, respectivamente. Desde entón e día tras día, van publicando os dous cabezallos un recadro no que consignan as novas achegas pecuniarias, entanto outros xornais, como El País de Pontevedra, van informando puntualmente dos acréscimos recibidos polos seus dous colegas.

Aínda que a subscrición aberta para erguer ese monumento alcanzou á partida, segundo valorizaba A Nosa Terra, "un éisito grande, pol-as moitas aportacións que se están a recibir", a medida que foron pasando os días o ritmo e contía de contribucións foron minguando de xeito evidente. Paulatina e infelizmente, foise abesullando así que o recadado ía ser insuficiente para afrontar os gastos que conlevaría a realización do proxecto nas condicións en que inicialmente fora planificado. Evidentemente, esta non era senón unha consecuencia máis do retraemento provocado polas graves cuestións que flotaban no ambiente social, económico e político da coxuntura, así como o resultado da política de priorización absoluta concedida (tamén do punto de vista financeiro, loxicamente) á batalla pro-estatutaria por parte do P.G. e, en menor medida, das outras forzas da Fronte Popular. O pagamento das débedas xeradas pola propaganda nos comicios de febreiro contribuía tamén a que os partidos non se volcasen coa amentada colecta. Por outra banda, o estado de provisoriedade en que funcionaban a maioría das Corporacións locais contribuía, así mesmo, a estiñar fontes que noutras circunstancias máis favorábeis terían dado numerario con destino ao monumento á memoria do autor viveirense.

Sexa como for, o certo é que por estas circunstancias apuntadas foron frecuentes tanto en La Voz de Galicia como en El Pueblo Gallego os recordatorios e chamamentos á responsabilización dirixidos a aqueles sectores que máis afinidade tiñan coa figura, o pensamento e a obra do finado, así como a aquelas institucións públicas (Concellos, Deputacións, Universidade...) e privadas (Coros, Centros Galegos, Academia Galega, "Seminario de Estudos Galegos", "Reunión de Artesáns", etc.) das que se agardaba algunha contribución. O 9 de maio de 1936, por exemplo, La Voz de Galicia indicaba: "Sabemos que en varios pueblos están abiertas listas de suscripción y que está en el espíritu de muchas Corporaciones, sociedades y entidades de distinto orden contribuir con sus aportaciones a que la idea de erigir en los Jardines de Méndez Núñez de La Coruña el sencillo monumento que perpetúe la memoria del inolvidable escritor, se lleve a la práctica en la forma rápida deseada (...) Conviene, pues, que las listas de suscripción se ultimen cuanto antes. Las diputaciones provinciales, los ayuntamientos, las entidades de cualquier orden que han anunciado el deseo de aportar contribuciones más o menos importantes (no se necesitan grandes sumas), deben hacerlo en plazo breve, ya que la modesta obra que se proyecta y la notoria personalidad de Villar Ponte (tan bien recordada por todos) son motivo bastante para que esta suscripción pueda darse por definitivamente cerrada en un término perentorio".

O 21 de xuño, o mesmo diario advertía: "La suscripción abierta con destino a costear el sencillo monumento a la memoria del ilustre escritor gallego y notable periodista Antonio Villar Ponte, no ha alcanzado aún la cifra que se estima necesaria para llevar a cabo el proyecto. Apenas si en Vigo han reunido mil cuatrocientas pesetas y en nuestra Administración se han recibido poco más de 2.500. No han remitido aún cuota alguna ni las Diputaciones provinciales, ni la mayoría de los Ayuntamientos de las ciudades gallegas. Tampoco muchas de aquellas Corporaciones, entidades y sociedades que con la cultura y los intereses regionales tienen una relación más directa (...)".

A Comisión organizadora da recadación tiña acordado nun principio que esta se pechase o 25 de xuño de 1936. A día 19 dese mes ían recadadas 1.387'50 ptas. na redacción de El Pueblo Gallego, entanto a día 27 de xuño a redacción de La Voz de Galicia atesouraba polo mesmo concepto 2.588'25 ptas. Como a suma de ambas cantidades seguía a ser insuficiente a efectos de financiamento do proxecto, a Comisión decidiu prorrogar o período de recepción de óbolos e así chegaríase ao mesmísimo día en que se desataba o trebón da guerra civil co xornal La Voz de Galicia anunciando (18.7.1936) que "(...) en los primeros días del mes de septiembre próximo será inaugurado en los jardines de Méndez Núñez el sencillo y artístico monumento a la memoria del ilustra periodista y gran enaltecedor de la región gallega, Antonio Villar Ponte (...) El ilustre artista [Asorei] ha puesto de su parte cuanto pueda exigírsele. Los gastos materiales de la obra, por otra parte, no pueden excusarse. No se ha cerrado aún la suscripción abierta en nuestras columnas, en espera de que las Corporaciones y entidades que todavía no contribuyeron, lo hagan, y lo mismo aquellas personas que hasta ahora no han remitido sus cuotas, aun habiéndolo anunciado algunas de ellas. Para todas las aludidas entidades, locales o de otras partes de Galicia, y personas, es este memorándum, ya que la suscripción tendrá que ser clausurada en fecha próxima y resultaría lastimoso que al margen de ella quedasen quienes no tienen motivo alguno para dejar de asociarse a un homenaje, modesto sí, pero obligado a un buen gallego, a un escritor ilustre, ejemplo de patriotas, que vivió honorablemente y murió pobre".

Os que contribuíron

Unha ollada sobre o listado de contribuíntes da colecta pro-monumento a Villar Ponte na Coruña da que falamos permite tirar, con todas as precaucións que sexan do caso, algunhas conclusións.

A primeira: que se trata, do punto de vista xeográfico e sociolóxico, dunha recadádiva moi heteroxénea e plural, con contributos tanto individuais como colectivos, institucionais como privados, masculinos como femininos, algúns moi cuantiosos e outros moi humildes (desde as 500 pesetas que achega Manuel Portela Valladares, as 250 do daquela subsecretario do Ministerio de Trabajo, o pontevedrés Bibiano Fernández Osorio Tafall ou as 100 do reitor da Universidade compostelá, ata os 0'25 céntimos de peseta que entregaron moitos parroquianos da Ponte de Mera-Ortigueira), en parte perfectamente identificados, en parte tamén anónimos (moitos aparecen asinados con fórmulas como "Un irmán", "Un galleguista", "Uno de izquierda", "Tres nuevos secretarios de juzgado", "Un cubano amante de su obra", "Un simpatizante", "Un galeguista de Souto (Sada)", "Un donante", "Patrón y cuatro tripulantes", etc.), e que proceden, ademais, de moitas vilas diferentes do país, e aínda dalgunha do exterior.

Con todo, a segunda conclusión é que o pendor ideolóxico dos contribuíntes revélasenos moito menos variado, máis compacto en clave republicana, esquerdista e galeguista. Salvo en casos puntuais de contributos entregados na propia urbe herculina por parte de persoas que tiveran trato amical co noso autor (o músico Fernández Amor, o actor Fernando Osorio, a cantante Honoria Goicoa, o compositor e arquitecto Eduardo Rodríguez Losada Rebellón, os xornalistas Rey Alvite, Carballo Tenorio e Alejandro Villamayor, o militar Félix Estrada Catoira, o político Joaquín Martín Martínez, a pianista Pilar Castillo, o académico Ángel del Castillo, o doutor Hervada...), ou de institucións e entidades ás que pertencera ou coas que colaborara, está practicamente ausente da colecta emprendida o que poderíamos chamar "dereita sociolóxica": nin partidos políticos desa significación (CEDA, radicais, agrarios monárquicos, calvosotelistas…), nin asociacións profesionais e empresariais, nin círculos de recreo, nin elementos eclesiásticos, nin altos mandos militares… Resulta chamativa a presenza no listado de individuos (todos eles coruñeses) que no pasado, remoto ou recente, mantiveran choques dialécticos e diverxencias máis ou menos fortes en materia política, cultural ou idiomática co noso xornalista. Tal é o caso de César Alvajar, destacado detractor do Estatuto; Alejandro Barreiro, director de La Voz de Galicia; Eladio Rodríguez, ex-presidente da Academia Galega nesa altura; Manuel Casás Fernández, destacado detractor das Irmandades; Félix Estrada Catoira, presidente da “Reunión de Artensáns"; etc.

Parece evidente, nese sentido, que o esforzo recadatorio básico movimentouno o galeguismo, e iso a xulgar tanto pola presenza de varios grupos locais do PG en calidade de contribuíntes de seu (Vilarmaior, Franza, Ferrol, Sada...), como pola militancia explícita nesa organización dunha alta porcentaxe das persoas que achegaron diñeiro desde moitas outras vilas (Viveiro, A Coruña, Santiago, Ourense, A Estrada, A Guarda...), como polos considerábeis contributos dos seus dirixentes (Otero Pedraio, 50 ptas.; Ánxel Casal, 50 ptas.; Castelao, 15 ptas., etc.) como, finalmente, polo significado e mérito de esforzos como o realizado polo agrupamento de Ponte Mera (Ortigueira), que conseguiu ducias e ducias de pequenísimas axudas ao proxecto... Menos destacado, aínda que imprescindíbel, é o papel que xoga na subscrición o republicanismo burgués de obediencia estatal (Izquierda Republicana, Unión Republicana,...): tanto na persoa dos seus deputados e ex-deputados polas circunscricións galegas (Alfredo Somoza, Martínez Risco, Cornide Quiroga, García Becerra...), como desde as alcaldías que ostentaban elementos máis ou menos afíns a el (a propia Coruña, Culleredo, Ortigueira, Noia, Ribeira, A Cañiza...), como desde o seu tecido social (Agrupación Republicana Femenina, Casino Republicano...).

O obreirismo, tanto socialista como anarquista, parece estar ausente da iniciativa, agás que tivesen esa significación as achegas realizadas por un grupo de funcionarios do Centro de Telégrafos da Coruña e/ou unha parte deses moitos óbolos de menor contía dos que apenas si sabemos máis que o nome e apelido do contribuínte. No entanto, a colecta benefíciase da largueza crematística de persoeiros como Portela Valladares (500 ptas.), Bibiano Fernández Osorio Tafall (250 ptas.), Fábrega Coello (50 ptas.), varios membros da familia ortegana dos Maciñeira (45 ptas.), etc., e máis de institucións como a Universidade (100 ptas.), a Asociación de Prensa da Coruña (100 ptas.), a Academia Galega (25 ptas.) ou a Sociedade Filharmónica herculina (25 ptas.). Tamén non faltaron exemplos de negocios que quixeron arrimar algo de diñeiro á iniciativa. Así o Hotel Mato, de Noia, e o Café Derby, de Santiago.

Bótanse en falta no listado, porén, entidades das que podía agardarse con certo fundamento unha sensibilidade maior cara á persoa do falecido e cara á idea de homenaxealo. Entre as que nos atrevemos a explicitar figurarían o Seminario de Estudos Galegos (ben é certo que estaba embarcado daquela na onerosa edición do Corpus Petrogliphorum...), a totalidade de Sociedades e Centros Galegos da diáspora, as catro Deputacións Provinciais e unha inmensa maioría das Corporacións Municipais do país. Hai que destacar, por último, a positiva resposta dada á colecta polos moradores da propia vila natal do autor, o noso Viveiro. Alén dalgúns contributos individualizados que aparecen na lista (o do ex-alcalde Santiago Seijo, o do industrial José Ladra, o de Xosé Plá Zubiri, o de Ángel Seco, etc.), a cidade do Landrove, por man do seu alcalde o galeguista Balbino Cerdeiras, ingresou ao fundo común pro-monumento ao autor de Nacionalismo gallego a nada desprezábel cantidade de 191'50 ptas.

Un encargo para o escultor Asorei

O escultor Francisco Asorei foi quen recibiu o encargo de deseñar o monumento a Villar Ponte.

Xornais como La Voz de Galicia e El Pueblo Gallego publicarían a finais de abril de 1936 a fotografía do bosquexo da obra proxectada polo de Cambados, estando prevista a súa inauguración para a primeira quincena do mes de setembro dese mesmo ano. A peza artística concibida por Asorei mediría seis metros de alto e presentaría forma de dolmen, con tres corpos ou partes ben diferenciadas: a de abaixo, servindo de base, imitaría unha rocha; a do medio, con forma rectangular e cruzada por unha franxa diagonal a imitación da presente na bandeira galega, levaría na cara anterior o nome de Antón Villar Ponte insculpido e un retrato seu de perfil feito en bronce; a parte superior, finalmente, iría adornada a ambos lados da cara anterior con motivos vexetais de loureiro tamén insculpidos...

Paralelamente ao desenvolvemento da colecta popular e ao labor do artista cambadés, a maquinaria burocrática oficial coruñesa deu algúns pasos na tramitación do proxecto. Con data de 31 de marzo de 1936, o presidente da Asociación da Prensa coruñesa Fernando Martínez Morás e o seu secretario Antonio Carballo Tenorio rexistraban no Concello herculino, efectivamente, un escrito dirixido ao Alcalde pregando que se sinalase o emprazamento máis axeitado para o monumento en cuestión.

Ao día seguinte, o Alcalde daba orde de pasar o tema a estudo na denominada Comisión de Paseos y Jardines. Esta, formada entre outros por Julio Pardela Caamaño, Francisco Portela de Fano, Joaquín González e Ramón Lago Portela, emitía o 29 de abril de 1936 o seu informe nos seguintes termos: "La Comisión de Paseos se honra e proponer a V.E. que para emplazar el monumento que ostentará un busto del ilustre escritor Señor Villar Ponte sea elegida una pradera que existe frente al nuevo palacete que sustituye a la vieja casilla de jardineros, si así fuere el parecer técnico. Es un lugar de gran perspectiva en el que el monumento destacará, teniendo por fondo el verdor de la pradera y los matices de las flores de los macizos circundantes, y por frente la carretera del puerto con la lejanía del mar, el mar que atravesó un día, en su mocedad, el señor Villar Ponte para ir a la Habana en la que su talento y su pluma alcanzarón [sic] prestigio y lauros. La inauguración de ese monumento puede y debe coincidir con el descubrimiento de la placa que dará el nombre de Villar Ponte a una calle de la Ciudad Jardín. Este doble homenaje debe constituir una solemnidad gallega en la que la [sic, minúscula] Coruña que la organiza, ha de plasmar el fervor de la tierra al excelso escritor que la exaltó en sus producciones, tan bellas en pensamiento como brillantes en estilo" (Véxase o documento "Ayuntamiento de la Coruña. Sección Fomento y Trabajo. Negociado de Paseos y Jardines. Año 1936, nº 548 bis. Expediente sobre emplazamiento del monumento que ostentará un busto del notable escritor D. Antonio Villar Ponte").

Con data de 4 de maio, o alcalde enviou a documentación á sección facultativa de Obras Municipais para o oportuno informe dos técnicos (conservador e asesor artístico) mais aí ficou interrompido o trámite. A guerra civil sepultou a iniciativa, e ao funcionario de turno non lle ficou máis remedio que consignar con data de 5 de abril de 1937 no Expediente intitulado "Ayuntamiento de la Coruña. Sección Fomento y Trabajo. Negociado de Paseos y Jardines. Año 1936, nº 548 bis. Expediente sobre emplazamiento del monumento que ostentará un busto del notable escritor D. Antonio Villar Ponte", que o asesor artístico do Concello devolveu a documentación "sin informar"...

Unha homenaxe do grupo alpinista ferrolán Abrente

Os membros do grupo alpinista Abrente, fundado por Alfonso Piñón e presidido pola señorita Paquita Blanco, organizaron o 3 de maio de 1936 unha excursión por diversos lugares da Terra de Trasancos, partindo do peirao das Curuxeiras no vapor "El Globo" con destino ao monte Laurel, preto do cabo Prioriño e do castelo de San Filipe, na ría de Ferrol.

Alí, o artista departamental Luís Picos insculpiu nun penedo que facía as veces de miradoiro, en sinal de homenaxe que se quería explicitamente "desprovisto de todo matiz político", o nome de Antón Villar Ponte, acompañado do epíteto "Galego escrarecido", e unha breve frase debida á propia pluma do viveirés: O mar é o único espello do infinito, e forma có ceo o paréntesis grandioso onde a cativez do home se aprecia craramente". Tratábase dunha tradución para o galego dun fragmento do artigo de Villar Ponte intitulado "Mi máscara y yo", publicado en La Voz de Galicia o 8 de febreiro de 1914 e reproducido posteriormente no diario vigués Galicia o 18 de maio de 1924…

Ademais, os numerosos asistentes realizaron, baixo a presidencia de Manuel Insua Santos (natural de Xove, militar retirado, colaborador do Heraldo de Vivero e presidente na altura da sociedade herculina Amigos del Campo), unha ofrenda floral diante dun retrato de Villar Ponte pintado para a ocasión expresamente por Vicente Díaz González. No transcurso deste acto, os responsábeis do grupo Abrente explicaron así o significado da súa orixinal ofrenda á memoria do xornalista viveirense: "Iste home escrarecido, que nacéu en Viveiro, xunto ao río Landro, e morréu na Cruña, foi un namorado do mar e da libertade. E por iso ficará o seu nome n-ista outura, diante do mar infindo".

"Abrente" tíñase dirixido previamente aos membros da directiva da recentemente creada Asociación de Escritores Galegos, presidida polo escritor muxián Gonzalo López Abente, para que lle fixesen chegar unhas cuartillas escritas ex professo para este acto, que estaba previsto inicialmente tivese lugar o 5 de abril, foi logo posposto para o 19 dese mesmo mes e acabou celebrándose finalmente, como dixemos, o 3 de maio. Os traballos recibidos cedeullos logo "Abrente" ao voceiro galeguista A Nosa Terra, que procedeu á súa publicación. Apareceron así nas súas páxinas, concretamente no número 415 (22.5.1936), os textos intitulados "Gratitude", de Ramón Villar Ponte, no que expresa dor pola perda do irmán, agradecemento polas homenaxes que se lle tributan e consolo polas condolencias que está a recibir; e "Lembranza de Antón Vilar Ponte", de Otero Pedraio, no que o escritor de Trasalba alude á dimensión xa inmortal da figura do xornalista viveirés fundador das Irmandades.

No seguinte exemplar de A Nosa Terra, con data do 29.5.1936, viron lume "No homaxe a Antón Vilar Ponte", de Arturo Noguerol; o poema "A Antón Villar Ponte" de Cipriano Alonso e Francisco Yáñez; "Recordo ao Mestre", texto en prosa deste último; e, finalmente, "Vilar Ponte", do alcalde socialista ferrolán Xaime Quintanilla Martínez, quen logo de lembrar a profunda amizade que o uniu ao finado e de destacar o seu amor panteísta por Galiza, declárao poeta por riba de todo: "Poeta cando facía periodismo, pois no seu labor periodístico puña decote unha migalla de sentimento lírico. Poeta cando facía dramas, pois como dramaturgo a súa lira era unha estrela tremelucente d-emoción. Poeta cando facía política, pois n-él a política era unha arela de redención da terra. Poeta decote, mais sobre todo poeta no amor á Galicia".
Aínda aparecerían no semanario A Nosa Terra, após a publicación deste traballo de Quintanilla que citamos, outros textos de homenaxe e lembranza a Villar Ponte, como os intitulados "Antón Villar Ponte, bandeira e símbolo", de Xesús Noya Iglesias; "Lembranzas. No homenaxe a Villar Ponte", asinadas en Castela por un tal Manuel; ou, por último, o poema "Un xenio e un símbolo", de C. Porta Meizoso.
Na cimeira do monte Laurel, no acto a que nos referimos, dous mozos chamados Jesús Noya Iglesias e José Hermida López, ambos socios de Abrente, foron dando lectura aos textos que logo publicaría A Nosa Terra, a outros de Felipe Bello Piñeiro, Alfonso Rocha e José Pérez Pallaré e, finalmente, a algúns telegramas de adhesión. Tamén pronunciaron discursos Ricardo Torres Quiroga e, improvisadamente, Matías Usero Torrente, por ausencia dos oradores previstos, Álvaro de las Casas e Ricardo Carballo Calero. Puxo fin ao acto o canto do himno galego.
Unha sesión nas Cortes
Tamén se lle rendeu ao noso xornalista morto unha pequena homenaxe no hemiciclo das Cortes españolas, coincidindo coa sesión de apertura da nova lexislatura, o 15 de abril de 1936. Castelao foi o encargado de comunicar oficialmente ao Presidente da Cámara, Jiménez Asúa, con data de 18 de marzo de 1936, a nova do falecemento do deputado electo pola circunscrición coruñesa Antón Villar Ponte, lembrándolle ademais a súa condición de parlamentario na primeira lexislatura constituínte republicana. Segundo informa El País, de Pontevedra, "todos los sectores del Parlamento elogiaron la personalidad del ilustre periodista que tanto laboró por Galicia y por la República. El presidente de la Cámara señor Jiménez Asúa hizo notar que Villar Ponte había muerto pobre y esto era un motivo más de admiración hacia el líder galleguista".
A Nosa Terra reproducirá integralmente nas súas páxinas (nº 411, 24.4.1936) algúns dos discursos pronunciados nesa ocasión polos voceiros das diferentes minorías parlamentares. Pascual Leone, polo grupo parlamentario de esquerdas, destacará a rectitude de carácter do falecido. Tomás i Piera, en nome da Esquerra Republicana de Catalunya, lamentará a perda "de un hermano nuestro en virtudes democráticas y de un hermano nuestro en esencias nacionalistas". Edmundo Lorenzo, pola minoría socialista, lembrará a actitude de franca irmandade que mantivera Villar Ponte para con el e para con outros deputados do PSOE nas Cortes Constituíntes, "por encima de las fronteras políticas que parecían separarnos". Ramón Fernández Mato, pola minoría centrista, evocará a colaboración de Antón no xornal vigués que el propio tiña dirixido en 1924, El Pueblo Gallego, cualificando ao autor de Almas mortas como "un apóstol" e sinalando, ademais, que "ha vivido en perenne vocación de amor a su tierra" e que "como las antorchas se consumió alumbrando". O dereitista galego Rodríguez de Viguri, en nome da minoría agraria, alén de ofrecer axuda pecuniaria para os orfos de Villar Ponte, expresou a súa admiración polo aceso amor a Galiza do finado, calidade que quixo colocar "por encima de las luchas políticas en que nos separan discrepancias de ideología". En liña semellante pronunciouse o representante do Bloque Nacional calvosotelista, sr. Comín. Pola súa vez, o sr. Pinyol, da minoría rexionalista catalá, sumouse ás manifestacións de condolencia, o mesmo que Irujo, pola minoría vasca, e Romero Cachinero, pola comunista, quen engadiu ademais que "recorriendo Galicia he podido observar como los campesinos, cómo el pueblo laborioso en general apreciaba a este hombre que había sabido mantener firmemente los principios de liberación de ese pueblo que vive hoy bastante esclavizado". Expresaron tamén a súa dor, en nome da minoría popular progresista o deputado Figueroa Rojas, e en nome do propio Goberno do Estado o entón ministro de Agricultura e deputado de Izquierda Republicana, Mariano Ruíz Funes.
Falaron tamén nesa mesma sesión das Cortes españolas dous deputados máis, ambos de orixe galega. Antón Alonso Ríos (1887-1980), pola Federación Agraria de Pontevedra, definindo a Villar Ponte como "un espíritu avanzado entre la Galicia ultrajada y proscrita y la Galicia que ha de reconocerse, amarse y comprenderse" e Afonso Daniel R. Castelao, pola propia minoría galeguista á que tería pertencido Villar Ponte caso de ter tomado pose efectiva do escano alcanzado nas urnas. Castelao glosa na súa intervención parlamentar numerosos parágrafos do seu artigo "¡Deica logo!", publicado en A Nosa Terra, para engadir: "Antonio Villar Ponte era un gran periodista, un gran republicano, un gran gallego, un gran hombre. La República ha perdido en Galicia a uno de sus propagandistas más eficaces, y en la Prensa gallega desaparece con su muerte el artículo, siempre magistral, que mejor interpretaba las ansias de justicia y de libertad que siente nuestro pueblo".
Un proxecto de homenaxe en Arxentina
Para o día 22 de xullo de 1936, a Organización Nazonalista Repubricana Galega de Buenos Aires, afecta ao Partido Galeguista, tiña previsto render homenaxe a Villar Ponte desenvolvendo o seguinte programa de actos: Discurso de apertura polo secretario da ONRG, Rodolfo Prada; Lectura das intervencións na homenaxe rendida a Villar Ponte na Cámara de Deputados española; Lectura de adhesión á homenaxe do Goberno presidido por Manuel Azaña; Lectura de adhesións que se recibisen desde Galicia, Cuba, Uruguai, etc.; Palabras de adhesión do embaixador de España en Buenos Aires, sr. Díez Canedo; Conferencia de Lino Pérez sobre a personalidade e a obra de Antón Villar Ponte; Representación teatral de dúas escenas escritas por Villar Ponte; Execución de varias composicións musicais galegas.
O estourido da guerra civil, no entanto, desbarataría tamén esta iniciativa, orientando os esforzos da colectividade galega pro-republicana en Arxentina, loxicamente, cara a outras prioridades.
Outras iniciativas para honrar a súa memoria
O pasamento de Antón Villar Ponte suscitou, ademais das xa citadas nas anteriores entregas deste artigo, outras iniciativas e homenaxes de carácter máis puntual e simbólico que non quixéramos deixar de referir.
Na totalidade dos locais do PG e das forzas de esquerda burguesa e obreira ondearon o día do seu enterramento as bandeiras a media haste. Corporacións municipais como as da Coruña e Carnota expresaron o seu unánime pésame. A Academia Galega, o PG, o boletín A Nosa Terra e a propia familia do finado recibiron centos de telegramas e cartas de condolencia. Entre elas a da potente Federación de Sociedades Galegas" bonaerense, editora do xornal Galicia e mais a dun grupo de soldados galegos destinados en Ceuta, entre os que figuraba o daquela mozo galeguista Avelino Pouso Antelo, presidente que foi logo da Fundación Castelao e chorado defensor sempre da nosa lingua.
Numerosas entidades comezaron neses días as súas xuntanzas, actos e reunións gardando un ou máis minutos de silencio en memoria de Villar Ponte ou pronunciando, no seu caso, breves alocucións de memento. Así, os grupos locais do PG de Sada, Melide e Bergondo; a Mocidade Galeguista de Monforte; etc. Ao rematar unha conferencia do mozo galeguista Cesáreo Muñiz, os asistentes gardaron tres minutos de silencio. O Seminario de Estudos Galegos puxo a bandeira galega a media haste no edificio de Fonseca, acudiu representado polo seu presidente ao soterramento do escritor viveirés e fixo pública unha nota salientando a súa íntima dor pola morte deste "miembro activo del Centro, que tanto cariño había puesto siempre en él y a quien el Seminario debe las mejores iniciativas y las más cálidas palabras de aliento". Tamén barallou o Seminario, entidade cofundada no seu día polo viveirés Lois Tobío, outras iniciativas de homenaxe póstuma a Villar Ponte, finalmente non concretizadas, "entre ellas la de hacer una edición amplísima de Almas Mortas, para distribuirla gratuitamente a las bibliotecas y centros culturales de Galicia".
Por outra banda, na reunión que o Consello Nacional do Partido Galeguista celebrou en Santiago o 11 de marzo, o seu presidente, o arquitecto Gómez Román, segundo información do xornal pontevedrés El País, "inició la reunión con un emocionado recuerdo del ilustre escritor y destacado miembro del Partido Galleguista Antón Villar Ponte, fallecido recientemente. El Consejo en pie escucha con la mayor unción sus palabras y guarda después prolongado silencio. Se acuerda agradecer profundamente las constantes y sinceras manifestaciones de pésame que el Partido está recibiendo de significadas personalidades de Galicia, Cataluña, Vasconia y Madrid por la muerte del fundador de las Irmandades da Fala (...). A propuesta del consejero de Lugo, ciudad en la que tuvo lugar la primera Asamblea nacional gallega, se acuerda asimismo invitar a todos los afiliados al Partido llevar durante un mes, a partir del 15 del corriente, corbata negra en señal de duelo por la pérdida de tan significado Maestro y luchador de la causa de Galicia. Se adoptan también diferentes acuerdos encaminados a procurar la mayor difusión de la abundante y valiosa obra patriótica del llorado escritor y en relación con sus hijos".
Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey) é quen propón nesa xuntanza que os afiliados leven durante quince días, a partir do 15 de marzo, gravata negra en sinal de loito por Villar Ponte. Esta medida, finalmente adoptada, foi causa de mofa e descualificación para algúns militantes galeguistas en determinados ambientes, segundo relata o boletín nacionalista A Nosa Terra: "Hai quen por vérnol-a corbata negra fai mofa de nós. Chegan a ponto de chamarnos loucos".
Por outra banda, o poeta Aquilino Iglesia Alvariño, instalado en Vilagarcía de Arousa como profesor do Colexio León XIII, que dirixía o tamén galeguista Xosé Núñez Búa, publica na imprenta Buceta da citada localidade, baixo o rótulo de "Impresos Sentimentais, nº 1" e co patrocinio expreso do Grupo Galeguista da vila arousá, un tríptico de "nenias" elexíacas dedicado a Manuel Antonio, Luís Amado Carballo e Antón Villar Ponte, respectivamente. O soneto de Aquilino a Villar Ponte será reproducido en varios xornais por esas datas e di así:

Ribeira de outos bidos enramada
en arela de ríos e de pontes,
floríu auga de sono en ermas fontes
para os ledos muíños da alborada.

Aceña de saudades! Outra escada
levantaras de alaudas sobre os montes
para salvar a dôr dos horizontes
i-enchelos de vieiros de rosada.

Agora xa es herbiña e flor de liño
De verdade ribeira de espadanas.
Nós, illa enredomada que ela encerra.

Tecéi, tecéi agora paseniño
a súa tea de sonos, tecelanas,
que é o branco veo de noiva da súa Terra.

Outro membro do Consello Nacional do PG, o editorialista de El Pueblo Gallego Xerardo Álvarez Gallego, proporía así mesmo, na liña de procurar a máxima difusión da obra do viveirense, a publicación por parte do PG de dous libros: "un en que se recolla o máis granado da súa vasta obra patriótica e cultural en toda a variedade de aspectos que abrangue, folletos, artigos, conferencias, etc.; outro, especialmente adicado aos seus traballos en col das autonomías do que se faga unha tirada grande pra espallar profusamente n-istes intres en que o trunfo do Frente Popular pon de novo en marcha o Estatuto de Galicia".

Ningún deses dous volumes proxectados na xuntanza do máximo órgano entre congresos dos galeguistas chegaría a ver lume, se ben non custa traballo ver que dalgunha maneira o primeiro deles acadou concreción grazas á escolma que xa na posguerra editou na Arxentina Fernández del Riego baixo o título de Pensamento e Sementeira. Leiciós de patriotismo galego.

Homenaxes en Viveiro

A conmoción que produciu a morte de Antón Villar Ponte non deixou de ter lóxica presenza na súa vila natal. O propio Concello de Viveiro adoptou na primeira ocasión que tivo, nada máis coñecerse a infausta nova, o acordo unánime de expresión de pésame. Como relatou Santos Alfonso a este respecto desde as páxinas do Heraldo (20.12.1991), "en La Coruña fallece Villar Ponte, ilustre periodista, escritor, miembro de la Academia Gallega, colaborador de diversos periódicos y Diputado a Cortes electo por el Partido Galleguista. La Corporación, ante la pérdida de tan ilustre vivariense acuerda hacer constar en acta el sentimiento de la Corporación por tal fallecimiento y que una comisión lo testimonie personalmente a su hermano Ramón”. Non estará de máis lembrar que o PG tiña tres concelleiros na Corporación viveiresa nese instante: o propio alcalde, Balbino Cerdeiras Rey, e os edís Modesto Vilar Ínsua e César Parapar Sueiras.

Algo despois, sempre seguindo o relato de Santos Alfonso, o edil Modesto Vilar Ínsua daba as grazas á Corporación en nome do PG pola boa disposición amosada á hora de render homenaxe a Villar Ponte e propuña a seguir "que se designe una comisión presidida por el alcalde [Balbino Cerdeiras, do PG] para que organice los actos que deben celebrarse en memoria del mismo y que se le de el nombre de Antonio Villar Ponte a uno de los Grupos Escolares que van a construirse en este municipio. La Corporación acoge con entusiasmo la propuesta del señor Vilar". O Grupo Escolar que había de ser bautizado co nome do noso xornalista era o de Landrove, parroquia onde nacera o pai dos Villar Ponte, Ponciano, mais o estoupido da guerra civil impediu que así fose. Na actualidade, reparando dalgún xeito esta frustrada iniciativa da etapa republicana, leva o nome “Vilar Ponte" un dos centros de secundaria existentes na nosa vila.

Cando no propio Viveiro natal do noso autor teña lugar unha magna manifestación das forzas progresistas para conmemorar un novo aniversario da proclamación da 2ª República, o 14 de abril, os asistentes, segundo indica a crónica do xornal El Progreso (17.4.1936), deteranse "delante de la casa de don Ramón Villar Ponte, donde se hizo el minuto de silencio en homenaje al fallecido, Antonio Villar Ponte, entonando luego los afiliados al Partido Galleguista, el Himno Regional. La manifestación siguió al Ayuntamiento, desde donde dirigieron la palabra al pueblo Javier Soto Valenzuela y Agapito García Atadell. Después los componentes del Grupo Galleguista llevaron la bandera enlutada a casa de los señores Villar Ponte, en donde quedó depositada en señal de homenaje siendo recibida por Ramón Villar Ponte".

Loxicamente, houbo bastantes viveirenses que, a título individual, enviaron o seu pequeno contributo pecuniario para a idea do monumento a Villar Ponte deseñado por Asorei, ao que xa aludimos. Entre eles cabe citar ao pintor e fotógrafo Fermín González Prieto (Lander), a Ángel Seco e ao ex-alcalde Santiago Seijo. Ademais, segundo lemos en La Voz de Galicia do 5 de xullo de 1936, o entón alcalde de Viveiro Balbino Cerdeiras enviou, “como resultado de una colecta efectuada en dicha ciudad, donde nació Villar Ponte, 191'50 pesetas”.

Preocupación polos fillos orfos

A outras persoas, porén, preocupáronlle nesa hora de elexías e propostas de homenaxe outros problemas máis concretos e até delicados que se derivaban da definitiva ausencia de Antón Villar Ponte. García Nodar, por exemplo, nun artigo publicado no xornal estradense El Emigrado (31 de marzo), consideraría de moita maior importancia unha idea colocada o día 12 de marzo por Fernández Asís nas páxinas do rotativo de Portela Valladares, dirixida ao amparo dos dous fillos orfos do xornalista falecido e que denunciaba, ao mesmo tempo, a actitude un tanto hipócrita daquelas entidades que coidaban cumprido todo o deber para coa figura de Villar Ponte co simples envío dunha coroa fúnebre ou dun telegrama de pésame. Escribía García Nodar, concretamente: "Villar Ponte ha muerto pobre. No ha dejado fortuna, pensión ni rentas de ninguna clase. Murió así por haberse olvidado un poco de los suyos en beneficio de Galicia. Deja un hijo en trance de iniciar carrera y una hija enferma, a la que es urgente llevar a un sanatorio. Galicia no pude escamotear ese dolor entre las palabras pomposas de las notas necrológicas. Galicia debe acudir inmediatamente en auxilio de los hijos de Villar Ponte, porque por ella, por el servicio de Galicia, quedan ellos desamparados. ¿Nadie responderá a esa llamada? ¿Las entidades oficiales, las corporaciones públicas, se atrincherarán egoistamente en el silencio, creyéndose suficientemente cumplidas con la corona fúnebre o el telegrama de pésame?".

O xornal pontevedrés El País, de filiación republicana e esquerdista, sinalaría a este respecto, no editorial intitulado "Deuda de gratitud": "En la Prensa regional se han escrito artículos recordando lo que Galicia debe a Antonio Villar Ponte, el ilustre compañero fallecido, y proponiendo la celebración de un homenaje que esté a la altura de la obra que el gran periodista, con una perseverancia y una tenacidad insuperables, ha realizado en aras del amor a su país en veinticinco años de brega ininterrumpida. En el Pueblo Gallego, Olimpia Valencia (...) ha escrito una carta en que (...) se insiste justamente sobre este tema. A su lado nos tiene y huelga decir en qué medida secundaremos cuanto se haga, por justicia y por gratitud de Galicia, en memoria de Villar Ponte. Y aun añadiremos algo más, por si ello sirve para encauzar cualquier iniciativa. El insigne periodista ha muerto pobre, como todos los periodistas de vocación que infunden a su pluma un aliento apostólico, y ha dejado dos hijos pequeños en la más desolada de las orfandades, uno de ellos -una niña en la flor de la pubertad- enfermo de cuidado".

Reaxindo diante deste estado de cousas, o alcalde galeguista de Bueu, Johán Carballeira, proporíalle á Corporación por el presidida abrir con 100 ptas. unha subscrición popular en favor dos dous fillos orfos de Villar Ponte e dedicar ao xornalista unha rúa da localidade, iniciativas que serían aceptadas unanimemente polos munícipes, mais que a Guerra Civil, máis unha vez, levou por diante.

Segundo informa El Pueblo Gallego, en maio de 1936 varios deputados da Fronte Popular presentarían igualmente no Congreso unha proposición de lei "solicitando que se conceda una pensión de 250 pesetas mensuales a cada uno de los hijos que dejó huérfanos el diputado por La Coruña, Sr. Villar Ponte, que no llegó a posesionarse del cargo". A iniciativa, que saibamos, non chegou a votarse nin aprobarse antes do fatídico 18 de xullo…

Nos prolegómenos da traxedia

Na Asemblea do 17 de maio do 36 celebrada en Compostela a instancias do Comité Executivo da Autonomía para determinar a data do plebiscito estatutario, Ramón Suárez Picallo, despois de expor o posicionamento do PG a respecto da citada cuestión, solicitou que a Asemblea "puesta en pie, guarde un minuto de silencio en homenaje a la memoria de Villar Ponte, padre espiritual del Estatuto que se va a plebiscitar. La Asamblea, en pie, dedica al luchador caído el homenaje de su silencio y de su recuerdo".

O propio día do plebiscito autonómico, o 28 de xuño, El Pueblo Gallego publicaría nun recadro as fotografías de Lois Porteiro, Losada Diéguez, Xoán Vicente Viqueira e Antón Villar Ponte baixo o rótulo significativo de "Os catro apóstoles mortos". E cando se difundan uns resultados claramente favorábeis ao SI, García Barros e Álvarez Gallego terán no semanario A Nosa Terra sentidas lembranzas para un Antón Villar Ponte que non podía estar presente no gozo e celebración desa esperanzadora xornada...

Mais o certo é que a dinámica de tensión política e enfrontamento violento que se foi apoderando da sociedade española e galega nos meses seguintes á morte de Villar Ponte, así como o fragor da campaña pró-Estatuto que desembocou nese histórico plebiscito do 28 de xuño de 1936, foron colocando nun lugar cada vez máis secundario e relativizado, como era lóxico en certa maneira, o interese pola lembranza e a rendición de homenaxes á figura do intelectual viveirense. Desatada a confrontación bélica, o seu nome esluíuse como referencia dun tempo convertido en preludio dunha traxedia maiúscula. Despois, o bando vencedor da guerra botou sobre o xornalista de Viveiro, sobre a súa obra e sobre as súas ideas nacionalistas, progresistas, republicanas e democráticas un mesto manto de silencio, ocultación e esquecemento que, por acaso, aínda pesa demasiado sobre unha auténtica proxección da figura de Antón Villar Ponte á altura de todos os seus méritos e merecementos.

2 comentarios:

  1. Estimado José, me agradan mucho tus notas, me conectan con mis raices y me hacen disfrutar mucho de tanta cultura gallega. Mi Abuelo era hermano de Modesto Vilar Insua. Conozco muy poco de su historia, pero leer cosas tan bonitas de sus historias, más allá de los tristes sucesos, me acercan un poco más a mi pasado. Desde Buenos Aires te envío un fraternal abrazo, Santiago

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Estimado Santiago Abascal: Compracido enormemente polo teu xeneroso comentario e moi grato de comprobar que a estirpe familiar do galeguista viveirense Modesto Vilar Ínsua segue florecendo na outra beira do Atlántico. Un forte abrazo!

      Eliminar