eu

eu
eu

venres, 29 de maio de 2015

VALORACIÓN DO STEG DESPOIS DE CELEBRADA A REVÁLIDA DE 3º DE PRIMARIA

Velaquí a valoración que fai o sindicato STEG da mobilización dos pasados días 27 e 28 de maio contra a "reválida" de 3º de Primaria implantada pola LOMCE, que consistiu, principalmente, na inasistencia do alumnado aos centros esas dúas xornadas, para non teren que realizar esa proba.


A resposta que a comunidade educativa galega acaba de dar á “reválida” de 3º de Primaria implantada pola LOMCE constitúe unha clara e rotunda deslexitimación democrática desta nefasta lei e o STEG non pode menos que felicitarse e felicitar a toda a comunidade por este exercicio de responsabilidade co futuro da escola pública que acabamos de facer entre todos/as con éxito rotundo e indiscutíbel.

Se a LOMCE xa naceu lastrada por carecer do imprescindíbel consenso e por ter sido apoiada unicamente por un partido e se, así mesmo, xa durante os dous pasados cursos as folgas e mobilizacións deixaron ben patente o rexeitamento masivo de profesorado, pais/nais e alumnado a respecto da nova lei, o sucedido os días 27 e 28 de maio de 2015 coa “reválida” de 3º de Primaria visualiza de maneira rotunda unha evidencia que a Consellería, cegada no seu sectarismo e na súa inflexibilidade política (esa que acaba de castigarse de maneira contundente nas urnas o pasado 24 de maio), négase incomprensibelmente a recoñecer: a comunidade educativa galega non respalda nin ten confianza nin quere que siga adiante a implantación da LOMCE.

As cifras de inasistencia á “reválida” no conxunto do ensino público galego superaron claramente o 50%, cifra de seu extraordinaria e sen precedentes nunha mobilización deste tipo, e nun número ben significativo de centros de cidades como Vigo e de comarcas como O Morrazo, O Salnés, Baixo Miño e Deza, por non citarmos máis que exemplos da provincia de Pontevedra, acadaron porcentaxes que van do 80% ao 100%. Engánase o conselleiro unha vez máis e engana á comunidade metendo no saco porcentual centros privados concertados e centros públicos para minimizar o impacto da protesta dicindo que só foi secundada por un 20% do alumnado. Na escola pública galega, a repercusión do boicot á reválida de 3º de Primaria é, sinxelamente, extraordinaria e cómpre felicitar por iso a todas as ANPAS, federacións e grupos de pais/nais que fixeron posíbel co seu esforzo altruísta unha campaña informativa que non deron contrarrestado nin a propaganda de certos medios de comunicación obedientes ás consignas da Consellería nin as presións da Inspección sobre moitas direccións de centros.

Resultaron patéticos, xaora, os intentos da Consellería por negar o carácter esencialmente segregador do sistema de “reválidas” que implanta a LOMCE e por desautorizador a eficacia e o traballo do profesorado na avaliación continua do seu alumnado. Desde o STEG só acreditaremos na idoneidade e autenticidade das probas de avaliación diagnóstica cando a Administración escoite primeiro a opinión dos profesionais da educación que traballan día a día nos centros e cando, sobre todo, se comprometa a responder ás necesidades que se detecten con medidas e medios de reforzo concretos, como reducir ratios de alumnado/aula, dotar os centros dunha rede de orientación estable, enviar máis profesorado de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, incrementar agrupamentos específicos, desenvolver programas de enriquecimento curricular, facer desdobres nalgunhas materias, crear grupos de adquisición das linguas ou de adaptación da competencia curricular para alumnado estranxeiro … Se non é así, seguiremos denunciando que este sistema de probas ou “reválidas” o único que pretende é comezar a segregar alumnado desde os 8 anos de idade e permitirlle á Administración a elaboración de ránkings de centros e acabar rompendo a equidade e a igualdade de oportunidades que debe presidir a nosa escola.

A derrogación definitiva desta infausta LOMCE está hoxe un paso máis perto. Sigamos traballando para que ocorra canto antes e para que se abra ese ilusionante proceso de confección dunha nova lei educativa consensuada que garanta a escola de todos/as para todos/as pola que loitamos.

Secretariado Nacional do STEG
29 de maio de 2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario