
Erudito, arqueólogo, etnógrafo,
bibliófilo, editor, libreiro, novelista, poeta, autor teatral e
ensaísta, a quen conmemoramos no Día das Letras do 2008, foi un
humanista incansábel e polifacético, comprometido ata a cerna cos
ideais galeguistas. Para a historia cultural da Terra de Viveiro, a
súa figura ten unha concreta e especial relevancia, relacionada con
Pastor Díaz, da que tentaremos dar conta neste pequeno traballo.
Infancia
tudense e mocidade pontevedresa
Xosé
María Álvarez Blázquez,
tudense de nacemento, foi un dos seis fillos do matrimonio formado
polo médico pontevedrés Darío Álvarez Limeses e pola cubana María
Blázquez Ballester. Tras pasar a infancia na vila natal, desde
setembro de 1931 instalouse en Pontevedra na casa de seu tío
Xerardo Álvarez Limeses (1871-1940), inspector de ensino e poeta con
certas vinculacións a Viveiro, pois ademais de ser amigo de Noriega
Varela e de coincidir con Xoán Pla Zubiri nas páxinas da revista
pontevedresa Galicia
Moderna
(1897-1898), obtivo en 1904 un galardón literario na nosa vila, no
certame do que foi mantedor o deputado fusionista Eleuterio Delgado,
e en 1915 fíxose merecente dun novo premio poético, desta vez nos
"Juegos Florales" de Lugo, grazas á súa composición en
oitavas reais "A Vivero", da que demos conta hai xa algún
tempo nas plans do Heraldo
de Vivero.
O
mozo Xosé Mª chegaba á casa do tío na Boa Vila con intención de
estudar Maxisterio, mais da estadía pontevedresa derivaranse ademais
moitas outras experiencias formativas. Así, na
compaña doutros mozos pontevedreses, promove a revista Cristal,
publica o poemario en castelán Abril
(1932) e fai parte do comité de recepción a Federico García Lorca
cando o poeta granadino visita Pontevedra.
Por
outra banda, unha curmá súa e filla de D. Xerardo, Amalia Álvarez
Gallego, casará con Alexandre Bóveda, na altura secretario xeral do
Partido Galeguista e figura decisiva para a conversión espiritual do
mozo Xosé María, quen ingresará da súa man no agrupamento da
"Federación de Mocidades Galeguistas" da cidade do Lérez
en 1933, con dezaoito anos cumpridos. Poucos meses despois, o noso
mozo ve publicado no boletín A
Nosa Terra
o seu primeiro artigo,
intitulado "Outro aldraxe", e edita un
folletiño
baixo o rótulo de "Berro en lembranza dos herois de Carral".
Pouco
antes do estourido bélico do 36, Xosé
Mª Álvarez Blázquez comeza a preparar un libro de relatos en
galego, Os
ruíns,
que ía publicar Ánxel Casal na editorial "Nós" se a
tráxica guerra non frustrase o seu desexo e, desde 1935, desempeña
os seus
primeiros destinos docentes en escolas de A Guarda, Tui e Coia
(Vigo).
Desastres
da guerra en carne propia
A
guerra civil cébase coa súa familia máis directa: co seu pai
Darío, fusilado en Tui polos falanxistas; co seu tío paterno Xosé,
que morre días despois coa tristura; co seu irmán Celso, que loita
en Asturias e contrae unha tuberculose mortal; co seu admirado
Bóveda, fusilado na Caeira o 17 de agosto do 36... Mobilizado el
propio, safa este período como enfermeiro e intendente no
compostelán Hospital de San Caetano, actual sede administrativa do
goberno autonómico.
A
inmediata posguerra pásaa como docente en Coreses (Zamora), por
traslado forzoso, e aproveita a súa situación e soidade para
escribir a súa primeira novela, Crecen
las aguas
(premiada en 1955) e moitos poemas.
En 1941
publica El
crimen de la isla verde
e ao ano seguinte pede a excedencia para poder regresar onda a
familia, que abandona o Tui represor e se instala en Vigo.

En
1946 contrae matrimonio con María Luísa Cáccamo, traballadora do
"Banco Pastor" en Vigo. O casal instálase no barrio das
Travesas e fai tertulia no "Derby" con figuras como os
pintores Laxeiro e Maside, Valentín Paz Andrade, Viñas Cortegoso,
etc.
Ao
ano da súa voda, Xosé Mª estrea en Vigo, no Teatro "García
Barbón", a peza El
zapato de cristal,
"cuento escenificado" e, pouco despois, no "Jovellanos"
de Xixón, Los
pazos altivos,
"comedia en tres actos, en verso". Ambas foron feitas en
colaboración con seu irmán Emilio, como tamén o foi o volume
poético Poema
de ti e de min,
editado na colección pontevedresa "Benito Soto" en 1949.
O
libro como bandeira
A
partir de 1948, Álvarez Blázquez comeza a súa aventura como
editor, bibliófilo e libreiro, que tantos e tan bons froitos rendeu
para a cultura galega e da que a figura de Pastor Díaz, como logo
explicaremos, foi directa beneficiaria.

Complementando
esta faceta bibliófila topamos ao noso autor, en plena madurez
intelectual, despregando un intenso e polifacético labor como
correspondente e logo numerario (ingresa en 1964 co discurso Cantares
e Romances vellos prosificados)
da Academia Galega, como Comisario de Escavacións Arqueolóxicas de
Vigo (achado de estelas funerarias romanas na rúa Pontevedra,
escavacións no Castro, na illa Toralla e no poboado paleolítico das
Gándaras de Budiño, organización dun congreso de arqueoloxía na
cidade olívica...), como columnista de prensa no compostelán La
Noche
e mais no Faro
de Vigo
que dirixe entón o noso Leal Ínsua e como guionista para o
"Galician Programme" da BBC e para numerosas emisións
radiofónicas viguesas (con seccións como "Ventana al mar";
"Buenas tardes, Galicia"; "Cada día tiene un suceso";
"Refraneiro galego"; "Reloj de sol", etc.).
Tamén
non descoida a faceta literaria, ben como novelista (en 1952 edita
Una
cabaña en el cielo
e en 1955 Las
estatuas no hablan),
ben como poeta (en 1954 obtén o "Premio Pondal" do Centro
Galego de Bos Aires, por Canle
segredo,
volume que non obstante ficaría inédito ata 1976). En paralelo,
ademais, Xosé María escribe diversos traballos como erudito da
historia local (así La
ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo,
en 1960) e sobre temas etnográficos e numismáticos, ao mesmo tempo
que se erixe nun auténtico especialista na nosa lírica medieval,
mercé á Escolma
medieval galego-portuguesa
(1952), á súa biografía do xogral Martín Códax (1958), a artigos
como "Sobre la voz 'señor' en los trovadores (Concepto del
'amor servil')" publicado nos Cuadernos
de Estudios Gallegos
do Instituto "Padre Sarmiento" en 1950 e mesmo a
divertimentos literarios como o Cancioneiro
de Monfero,
creación absolutamente súa que imprime e difunde o día dos Santos
Inocentes de 1953 como se se tratase dun novo códice medieval
galaico-portugués... A imitación recreativa das cantigas era tan
perfecta, que máis de un erudito coidou estar diante dunha auténtica
xoia do noso Medioevo recuperada...
A
desgraza traidora e o traballo como refuxio

'Colorín'
morre en 1970 e o noso escritor súmese nunha tan fonda como calada
tristura, nunha irreversíbel crise de fe e nun redobrado esforzo
cultural, literario e editorial, do que son froito os mellores anos
da editora "Castrelos" (ata 1979, en que vende os seus
fondos á editora Galaxia), os relatos de A
pega rabilonga
e outra presada de textos inéditos, numerosos artigos no Faro,
a concesión en 1976 do título de "Cronista Oficial" de
Vigo, a dirección, xunto con Cunqueiro, do volume colectivo Vigo
en su Historia
(1980) e, finalmente, a biografía de Alexandre Bóveda que o "Banco
del Noroeste" (do grupo Rumasa, de Ruíz Mateos) encargou en
1982 para a colección "Hombres que hicieron Galicia" e que
acto seguido secuestrou... Desa obra fixo unha edición posterior,
traducida para a nosa lingua, a tamén xa infelizmente desaparecida
editorial do semanario A
Nosa Terra.
Homes
así nunca morrerán de todo
Xubilado
desde 1983, concorre simbolicamente nunha candidatura galeguista ás
eleccións municipais viguesas e falece, dun infarto, o 2 de marzo de
1985. Atrás quedaba unha meritoria obra literaria, tanto en galego
como en castelán; un feixe de eruditas achegas sobre diversos campos
de investigación, especialmente relevante no tocante á historia
local viguesa, ás letras galaico-portuguesas medievais e anteriores
ao Rexurdimento, á etnografía e á arqueoloxía; unha inxente obra
de divulgación histórica e cultural, derramada en xornais impresos,
revistas e emisoras de radio; un labor editorial comparábel, por
intención e enfoque popular, co despregado antes da guerra pola
"Nós" de Ánxel Casal; unha prole entregada á curiosidade
humanística, ás artes e ás letras (seus fillos Xosé Mª, Alfonso
e Celso, escritores de valía; súa filla Berta, magnífica artista
plástica...) e, sobre todo, como referencia insoslaiábel do pasado
comunal galego recente, un valioso e irrenunciábel exemplo ético.
O agasallo dun inédito de Pastor Díaz
Aludimos
liñas arriba ao intenso labor despregado por Xosé Mª Álvarez
Blázquez a partir dos anos 50 e ata ben entrados os 70 como
libreiro, bibliófilo, editor e investigador da cultura galega, sexa
a través da "Libraría Monterrey", da editora homónima,
das algo posteriores "Edicións Castrelos" e dos múltiples
traballos de divulgación e erudición que deu a coñecer na prensa
periódica (Faro
de Vigo,
La
Noche...)
ou en revistas especializadas (Cuadernos
de Estudios Gallegos,
Grial...).
É precisamente nesta perspectiva como o seu nome se vincula de
maneira directa coa historia cultural viveiresa, desde o punto e hora
en que foi el o descubridor e editor, en 1951, dunha composición en
idioma galego de Nicomedes Pastor Díaz, a "Égloga de Belmiro e
Benigno".
En
realidade, da pluma do tudense saíron numerosos traballos que
versaron sobre numerosas figuras, temas e motivos da nosa historia
literaria. Así, por exemplo, sobre a biografía de poetas como
Martin Códax, Antonio Arias Teixeiro, Francisco Añón ou Aurelio
Aguirre. Tamén eruditas achegas sobre a literatura popular ou "de
cordel" que circulou na Galiza dos "Séculos Escuros"
tendo ao mariscal Pardo de Cela como tráxico protagonista. Súas
foron diversas escolmas de poesía galega medieval e moderna e seus,
asemade, moitos dos volumes misceláneos ou recompilatorios que a
colección "O Moucho" foi publicando con títulos como
Cantigas
do viño,
Sal
e pementa. Escolma de epigramas,
Os
nomes da terra
(asinado co pseudónimo 'Celso de Baión', que fai referencia á
parroquia de Vilanova de Arousa onde pasou os veráns da súa
mocidade), O
libro da caza,
Xan
labrego,
Cantares
de cego,
O
libro do marisco,
etc.
Foi
na editorial "Monterrey", que fundara en 1950 con Viñas
Cortegoso e por medio da que poñería na rúa volumes emblemáticos
como Cantiga
nova que se chama riveira
de Cunqueiro, Nasce
un árbore
de Mourullo, o seu propio poemario Roseira
do teu mencer
(adicado á súa filla 'Colorín') ou a reedición de El
buho gallego
(obra que se atribúe ao VII Conde de Lemos), onde publicou
efectivamente Álvarez Blázquez en 1951, con ilustracións de Xosé
Sesto, o citado poema ata entón descoñecido do escritor romántico
viveirés.
Hoxe
esta edición prínceps,
que constou de 313 exemplares e que saíu concretamente o 23 de xuño
de 1951 dos talleres de Celestino Peón (aínda hoxe activos na
pontevedresa Praza do Teucro), é ben difícil de atopar, mais
dispoñemos afortunadamente do facsímil que Edicións Xerais de
Galicia preparou, co patrocinio do Concello de Viveiro e con limiar
do profesor Ramón Nicolás, cando a citada editora viguesa celebrou
a entrega dos seus emblemáticos premios literarios "Xerais"
e "Merlín" na nosa vila, en 2001.
O
achado da "Égloga" serviu, entre outras cousas, para
comezar a elevar a categoría (unha vocación inicial de escrita en
galego, auspiciada polo clima intelectual do seminario mindoniense ou
da Minerva compostelá) o que ata entón só viña sendo anécdota
(un único texto na nosa lingua, "A alborada", dado a
coñecer por vez primeira en 1828) na biografía de Pastor Díaz,
colocando automaticamente algúns enigmas apaixonantes: ¿cantos
outros textos puido compoñer no seu galego natal o autor de "La
Sirena del Norte"? ¿quen o animou ou influíu para cultivar esa
vocación de escrita en galego, tan precoz nel como inhabitual e
chamativa nunha época en que o noso idioma, como é ben sabido,
estaba proscrito de moitos ámbitos sociais e marxinado da propia
literatura?
Mentres
que para o primeiro dos interrogantes non existe resposta
satisfactoria, de xeito que debemos polo de hoxe limitarnos a citar
unicamente tres textos en galego de Pastor Díaz, para o segundo hai
unha plausíbel hipótese formulada no seu día polo profesor
Carballo Calero, que sinalou a Don Antonio María de Castro e Neira
(1771-1826), párroco de Argomoso, profesor no seminario mindoniense
e autor de varios vilancicos na nosa lingua, como verdadeiro mestre
en arte poética do viveirense.
Composta
por varias estancias de versos hendecasílabos e heptasílabos, a
"Égloga" reproduce a conversa que manteñen Benigno e
Belmiro: o primeiro, experimentado en amores infelices por unha Ana
que marchou da Terra, intenta consolar ao segundo, que chora diante
do mar a perda da súa namorada Xulia, afogada, e pensa na propia
morte como remedio á súa desgraza. Finalmente, ambos deciden
refuxiarse no vivir aldeán para pasaren o resto dos seus días coa
súa amizade como consolo eficaz ("entraron
n-ela e sempre en paz viviron").
Álvarez
Blázquez declarou ter topado a "Égloga" pastordiana
"revolvendo un mazo de antergos manuscritos poéticos", que
procederían, tamén segundo a súa propia indicación, do legado
documental da casa de dous compañeiros de aulas do noso poeta, na
Compostela do primeiro terzo do século XIX, Francisco Xavier e Xosé
Parcero Blanco, ambos lugueses.
Para
a atribución da autoría do texto, Álvarez Blázquez, sen obviar as
lóxicas cautelas intelectuais ao respecto, manexou argumentos de
diversa índole, que expuxo tanto no limiar da edición de 1951 como
no artigo "Notas para una edición crítica de la Égloga
de Belmiro e Benigno
de Pastor Díaz", publicado nos Cuadernos
de Estudios Gallegos
(Compostela, tomo XVIII, nº 56, 1963).

A
escritora Marica Campo analizou magnificamente no Programa
de Festas Patronais
viveirense de 1986 o galego usado polo romántico na súa "Égloga",
ponderando o mérito dese entón adolescente que se enfrontaba á
composición dun texto non pequeno nunha lingua que non contaba entón
nin con gramáticas, nin con dicionarios nin con normas de ningunha
caste.
En
segundo lugar, a atribución a Pastor Díaz sostense polas mencións
paisaxísticas que o texto contiña, nomeadamente a referencia á
costa bravía e ao río Landrove ("Nas
ribeiras amenas / do apacible Landrove"),
tantas veces amentado polo poeta nas súas composicións posteriores,
xa en castelán.
O
marcado ton sentimental, romántico, da composición, en contraste
cunha coidada forma de xinea máis ben neoclasicista, colocábana no
intre histórico axeitado para atribuírlle o texto a Pastor Díaz,
na medida en que o escritor, que había ter probabelmente non máis
de dezaseis ou dezasete anos cando a compuxo, protagonizou unha época
de mocidade en que o neoclasicismo e romantismo eran códigos
antitéticos aínda en loita pola hexemonía definitiva.
A
todos estes elementos aínda hai que engadir un máis, de tipo
grafolóxico: a comparación entre os manuscritos dun e doutro texto
e, á súa vez, destes con epístolas do viveirés conservadas
permitiu aseverar, con certos visos de indiscutibilidade, que todos
eles saíron do mesmo puño...
Leal
Ínsua e Chao Espina, dous eruditos viveireses que estudaron a fondo
a figura de Pastor Díaz e que manexaron e posuíron abundante
material manuscrito por el, non dubidaron en corroborar a atribución
feita por Álvarez Blázquez, o mesmo que estudosos de prestixio na
época, como Fermín Bouza Brei, Fernández del Riego ou Ricardo
Carballo Calero. Desde entón, a "Égloga" figura por
dereito propio no elenco de composicións que a comezos do século
XIX anunciaron o inminente espertar literario do noso idioma; un
espertar que acadaría a súa máxima expresión e intensidade en
Rosalía de Castro, amiga dun Pastor Díaz que tería prologado os
seus Cantares
gallegos
se a morte cruel non llo impedise.
En palabras da xa amentada Marica
Campo, admirada poeta e benquerida amiga nosa, "Pastor Díaz, poeta galego e en
galego, é un fito do que non podemos prescindir á hora de xulga-la
historia da nosa lingua".
Ningún comentario:
Publicar un comentario