eu

eu
eu

sábado, 25 de abril de 2015

ECOS DO NACEMENTO DO "HERALDO DE VIVERO" (1912) NA PRENSA GALEGA DO SEU TEMPO

Contexto en que aparece o Heraldo

A aparición no escenario da prensa viveiresa de El Heraldo de Vivero, baixo o patrocinio do armador, empresario e banqueiro Benigno López Muñoz, respondeu a un momento de clara recomposición dos espazos e hexemonías políticas na vila do Landrove, das que as propias cabeceiras de prensa, en boa medida, non deixaban de ser prolongación. Nesa dinámica cabe situar distintos feitos que explican o encadramento socio-político do novo semanario, a súa oportunidade e, en parte tamén, a súa rápida e firme consolidación. 

En primeiro lugar, despois dunha década final do século XIX en que a hexemonía política e a representación en Cortes no distrito de Viveiro fora alternando entre liberais (Sanz Riobóo, Martínez Bande...) e conservadores (Rebellón Zubiri), dentro da lóxica do sistema “de turno” ideado por Cánovas del Castillo, a partir de 1901 Viveiro converteuse, de facto, nun distrito enfeudado ao bando liberal (Eleuterio Delgado, Martínez Bande, Wenceslao Delgado, Marqués de Báyamo, Soto Reguera...), o que provocou como reacción, en 1908, un movemento de coaligación a nivel local entre os republicanos de Freixo (antigos aliados dos liberais) e os seareiros de Rebellón.

Numerosos enfrontamentos nos plenos municipais, continuos incidentes nas eleccións, múltiplas denuncias nos xulgados, detencións (como a que padece Freixo en 1909) e arbitrarias represións laborais ou profesionais contra destacados referentes dun ou doutro bando, furibundas polémicas na prensa e fulminantes mudanzas de alcalde por Real Orde ao vaivén dos ventos dominantes na política provincial e estatal fóronse producindo sen tregua no revolto panorama público viveirés dos tres primeiros lustros do século XX.

De feito, efemérides como o primeiro centenario de Pastor Díaz, en setembro de 1911, non acadaron máis alto voo por culpa da desunión existente entre as elites da vila. Do tenso clima reinante xurdiron tráxicos episodios, como o asasinato do ex-alcalde Juan Muíño Cora ou un tiroteo na praza maior de Viveiro, o 5 de novembro do propio 1911 e sendo alcalde José Marqués, que deu como resultado a morte dunha humilde mulleriña, de nome Clara Peón, que vendía queixos allea ás disputas políticas que se ventilaban na Casa Consistorial... É o que Villar Ponte acertaría a resumir no Álbum de Vivero de Lánder falando “de las luchas políticas de dos bandos sin ideas, episodios de caciquil picaresca rural (Capuletos y Montescos en búsqueda de pastor) que celebraban el triunfo incivilista con música, cohetes y cambio de guardias municipales...”. 

Mina da Silvarosa (Viveiro)
A vitoria de Soto Reguera nas lexislativas de novembro de 1914 fronte ao candidato besadista Augusto Príncipe de la Bárcena marcará, porén, o comezo dunha longa etapa de relativa calma e de indiscutible preeminencia de aquel no distrito, primeiro como afecto á facción liberal romanonista e logo como albista. O Heraldo, que naceu instalado no campo da prensa liberal baixo a dirección do entón alcalde Pedro Pérez Barreiro, axiña se situará ao servizo inmediato e directo dos intereses que representaba no distrito o citado Soto Reguera, tanto fronte á antes citada coalición republicano-conservadora (que axiña será substituída, tras o mutis polo foro de Freixo, pola opción maurista que representaba José Santiago, co xornal Verdad y Justicia de voceiro), como fronte ao emerxente movemento obreiro, tanto socialista como anarquista, que arraigaba con forza nas minas da Silvarosa, nas fábricas da conserva de Celeiro, na factoría de Barro-Chavín, no ramo da construción ou mesmo en certos sectores artesanais tradicionais (carpinteiros, zapateiros...), recollendo, en boa medida, o descontento social que non se daba canalizado mediante a emigración, corrente que adquire por esa época na Terra de Viveiro proporcións masivas, con Cuba e Arxentina como principais destinos. 

En segundo lugar, non se pode esquecer que se produce a finais de 1908 a desaparición provisoria do escenario público viveirés da figura de Jesús Noya González e do veterano periódico da súa dirección, El Eco de Vivero (que aparecera en 1888), como consecuencia dunha sentenza xudicial, froito dunha querela interposta dous anos antes polo industrial José Barro, que lle impuña ao subdiácono unha pena de tres anos, seis meses e 21 días de desterro. Noya marchou a cumprila a Mondoñedo, onde colaborará co Boletín oficial do Bispado e co integrista El Pensamiento Católico. Cando regrese á vila do Landrove retomará a súa irrenunciable vocación xornalística en cabezallos como Verdad y Justicia (1915), Landro (1916) e La Defensa (1918), facendo non poucas veces de principal contraditor do Heraldo, precisamente.

O taller tipográfico de Ignacio Botino, ao quedar sen periódico que imprentar trala forzada desaparición de El Eco de Vivero, animou en xaneiro de 1909 a posta en marcha de La Voz de Vivero baixo o patrocinio do liberal Pedro Manuel Trobo e a dirección do xoven avogado Pedro Pérez Barreiro, que lle imprimiron á nova publicación, definida como “semanario defensor de los intereses generales del distrito”, unha liña menos integrista no plano relixioso e máis moderada e ata certo punto plural no plano político-ideolóxico que a que levara El Eco baixo a batuta de Noya. 

Esta relativa boa marcha empresarial de La Voz de Vivero e o atractivo da súa maior pluralidade e moderación editoriais fixeron que se agravase a crise do outro periódico da vila, El Vivariense, que fora refundado en 1906 (logo dunha primeira xeira entre 1890-1898) polo republicano Ramón Díaz Freixo coa colaboración de plumas ben cortadas como as de Xosé Plá Zubiri, Antón Villar Ponte e Alfredo García Dóriga e que protagonizara continuos e por veces moi virulentos enfrontamentos con El Eco de Vivero. O frustrado intento de suicidio do administrador de El Vivariense, Francisco Navarro, nos locais que a sociedade recreativa “La Peña” tiña na rúa María Sarmiento, en febreiro de 1909; a marcha a Cuba do autor de A patria do labrego; a morte do principal redactor García Dóriga en decembro de 1911 e a propia retirada da primeira liña política do médico dos pobres son circunstancias que colocaron ao semanario El Vivariense, que quedara baixo a dirección de Antonio Santiago, na necesidade de suspender provisionalmente a súa saída á rúa, aínda que hai indicios de que a retomou cando xa o Heraldo era unha realidade. Tería chegado así a sobrevivir, probablemente con algunha interrupción, ata polo menos maio de 1915.

Un elemento máis que debe traerse a colación para entender cabalmente o contexto que rodea o nacemento do Heraldo é a saída na Habana, en novembro de 1911, da revista Vivero en Cuba, órgano de prensa da sociedade de instrución “Vivero y su Comarca”, que impulsara e presidía o rico empresario indiano Justo Taladrid Catá. A nova entidade estableceu de inmediato unha especie de ósmose ideolóxica, xornalística e propagandística co Heraldo, que se reflicte na reprodución dos mesmos artigos, na coincidente nómina de colaboradores (Vicente Otero Cao, Riguera Montero...) e, sobre todo, na constante atención ditirámbica que emprestan ao seu protector ou padriño político, que non é outro que o avogado e deputado lugués José Soto Reguera. 

Puxo en marcha directamente o proceso de nacemento do Heraldo, por último, a compra da imprenta Botino por parte de Benigno López, co correspondente traslado da maquinaria desde o número 5 da rúa Maldonado ao número 12 da Rúa Pastor Díaz (Casa dos Leós). Esa mudanza de propiedade da imprenta tradúcese na desaparición de La Voz de Vivero, que ben mirado, constitúe así un precedente directo e inmediato do propio Heraldo. De feito, será a mesma persoa, Pedro Pérez Barreiro, na altura alcalde da localidade, quen pase sen solución de continuidade de dirixir o cabezallo que se extinguía a facer o propio no cabezallo que viña de nacer... 

Anuncios da saída do Heraldo 

Desde finais de 1911 van aparecendo en determinados xornais galegos pequenos soltos anunciadores da saída en Viveiro dun novo rotativo. O diario lugués El Regional, por exemplo, ofrece o 26 de decembro a nova do seguinte xeito: “Asegúrase que el partido democrático vivariense comenzará, en principios de año, la publicación de un semanario consagrado á la defensa de los intereses locales y los políticos del partido. Titularáse, probablemente, El Heraldo de Vivero”. Pola súa vez El Progreso de Lugo comenta o día 28 dese mesmo mes: “En los primeros días del año próximo verá en Vivero la luz pública un nuevo semanario que se titulará El Heraldo de Vivero, defensor de los intereses locales”. 

Dous cabezallos satíricos efémeros, de orientación editorial antitética, acompañaron a saída á palestra pública do Heraldo. Efectivamente, o diario herculino El Noroeste indicaba o 6 de xaneiro de 1912, nas vésperas da saída do propio Heraldo á rúa: “Anúnciase en Vivero la publicación de un periódico festivo, con caricaturas, que se titulará Allá va eso. En cambio ha dejado de publicarse el semanario La Voz de Vivero”. 

Ese xornal festivo Allá va eso, que tivo por nome definitivo ¡Ya está aquí esto otro! e estaba inspirado polo bando republicano-conservador dos Freixo-Plá-Santiaguito que editaba asemade El Vivariense, foi replicado inmediatamente polo liberal ¡Ya apareció aquello!, “periódico satírico circunstancial (escrito en serio, aunque parezca broma)”, que situaba a súa redacción no primeiro andar do número 11 da Rúa Espartero e viu lume en outubro de 1912, aclarando na súa mancheta que “no se vende pero se compra por 10 céntimos”... 

¡Ya apareció aquello!, do que saíron cando menos seis números, ata o 8 de decembro de 1912, é certamente un alter ego do Heraldo: imprímese no mesmo obradoiro, o de Benigno López, e enfróntase ao mesmo bando político, o da coalición republicano-conservadora local, mais faino cun constante recurso á ironía e cunha virulencia de ton considerable, fronte ao máis comedido discurso e o empaque máis formal e serio que amosa o Heraldo. No segundo número de ¡Ya apareció aquello!, o artigo titulado “¡Conformes!”, revela claramente esta complementariedade á que aludimos:
El Vivariense dice que El Heraldo de Vivero buscó un testaferro que le sirviese de pantalla, por temor á que todas las personas decentes se dieran de baja en las listas de suscripción.
La confesión, por lo que toca á todas las personas decentes, debe ser sincera. 
Pues los únicos que, al parecer, no son suscriptores del Heraldo de Vivero, son Freijo, Pla-compañía, Explosivos Álvarez y otros satélites de ínfima magnitud. 
Es decir que según El Vivariense, las personas decentes son todas suscriptoras de El Heraldo. 
Más claro: que El Heraldo es el órgano de la decencia. 
Lo contrario de... Viva... riense”.
 Noutra orde de cousas, tal vez non estea de máis facer aquí unha breve paréntese para indicar que a palabra “heraldo”, derivada do francés héraut e sinónima de pregoeiro, anunciador, emisario ou mensaxeiro, puxérase moi de moda nese preciso instante para bautizar novos cabezallos de prensa. En 1906, por exemplo, nacera na capital arxentina El Heraldo Gallego, en tanto en xaneiro de 1909 reaparecía con destacada combatividade agrarista o Heraldo Guardés. En 1910 comezara a se editar o efémero Heraldo de Bayona e un ano máis tarde El Heraldo de Verín, do director-propietario Eladio Fuentes. En xuño de 1912, pouco despois de facelo o propio semanario viveirés que nos ocupa, saíu tamén á rúa o Heraldo de Vigo, de matiz igualmente liberal, que contaba entre os seus redactores a Lustres Rivas, Javier Montero, Prudencio Canitrot, o fotógrafo Cao e un aínda imberbe Valentín Paz-Andrade. En 1913 viron lume El Heraldo Gallego, en Ourense, de inspiración agrario-basilista e dirixido por Lustres Rivas, e mais El Heraldo de Allariz. Posteriormente aínda apareceron El Heraldo de Puente-Caldelas (febreiro de 1915-xullo de 1916), con periodicidade mensual e afecto ao grande cacique da provincia pontevedresa, o Marqués de Riestra; El Heraldo de Villalba (marzo de 1916) quincenal monárquico, católico e conservador, con lixeiras coloracións rexionalistas, vinculado á figura de Antonio García Hermida; e, por último, El Heraldo de Arosa (1917), publicación de tendencia política maurista, dirixida por Gómez Paratcha e na que colaboraron non poucos irmáns da fala, como o viveirés Antón Villar Ponte. 

O Heraldo como fonte informativa doutros medios

O 21 de febreiro de 1912, o diario coruñés El Noroeste confirmaba aos seus lectores: “Vivero.- Ha comenzado á publicarse El Heraldo de Vivero, que verá la luz semanalmente como periódico defensor de los intereses de aquel distrito. Agradecemos la visita y le deseamos mucha vida”.

O primeiro exemplar do novo rotativo, que se subtitulará “periódico defensor de los intereses del distrito”, apareceu o domingo 17 de febreiro de 1912. O artífice técnico da grande calidade compositiva e tipográfica que amosa o Heraldo nas catro páxinas de que consta desde o seu primeiro número non é outro que Esteban Fernández Temprano, quen, andado o tempo, acabaría rompendo, non obstante, co semanario por discrepancias ideolóxicas e fundaría na propia vila do Landrove, no número 3 da rúa Pardiñas, outra imprenta da que sairía o xornal La Voz del Pueblo (1926). 
 
O xornalista viveirense Fernando Pérez Barreiro, irmán do primeiro director do "Heraldo", debuxado por Bujados
No editorial de presentación do Heraldo, debido seguramente á pluma do director Pedro Pérez Barreiro, faise mención á necesidade de que Viveiro contase dunha vez por todas cun “periódico serio, imparcial y respetuoso con todos, que labore con honradez y eficacia por la prosperidad del distrito, dirigiendo la opinión pública y encauzando la actividad colectiva, en sus variados aspectos, por los amplios derroteros de la vida moderna”. Ficaba clara, ademais, a intención do novo rotativo de fuxir de personalismos, de rexeitar a “egolatría ambiente” e de non cultivar o “odio implacable al adversario” que caracterizaran, por desgraza, a etapa anterior da vida política local viveiresa. Saía á palestra o novo xornal, en definitiva, para condenar “los antagonismos y rencores” que viñeran dominando o panorama e para infundir “ansias civilizadores de paz y de progreso” nunha misión que resultaría ao mesmo tempo “educativa y patriótica”. 
  
Moi axiña os colegas do novo semanario que estableceran intercambio con el, como era costume habitual nesa época, comezaron a valerse das informacións e contidos do Heraldo para ofrecer aos seus lectores breves pinceladas sobre o discorrer cotián da vila do Landrove, aforrando así o dispoñer nela de correspondente ou o ter que valerse do que no argot xornalístico se denominou axiña como enviado especial. 

Así, aos poucos días de saír o Heraldo por vez primeira á rúa, El Regional de Lugo (27.2.1912) aproveitaba a súa crónica dos actos celebrados no Entroido en Viveiro para encher, diríamos hoxe, a súa páxina de “sucesos”:
Vivero. Leemos en el Heraldo de Vivero: El miércoles recorrió las calles de esta ciudad, en las primeras horas de la noche, una original mascarada para celebrar el Entierro de la Sardina. Al llegar la regocijada comitiva frente a la casa del Sr. Marqués, el ex-municipal Manuel Díaz (a) Cristino, secundado por su hermano Balbino, acometió salvajemente á un individuo que conducía un pellejo de vino, promoviendo un escándalo tremendo, que originó gran alarma y la disolución de la mascarada. Los hermanos Díaz agredieron á dos guardias municipales, lesionando levemente á uno de ellos, y solo después de una verdadera batalla, lograron ser detenidos y puestos á buen recaudo.  Ambos se encuentran en la cárcel á disposición del Juez de instrucción”.
O mesmo rotativo de Lugo, que saía entón baixo a dirección de Manuel Amor Meilán, insería o 18 de xuño do propio 1912 outra crónica negra procedente do noso semanario:
Vivero. Un suceso desgraciado. 
Leemos en nuestro colega El Heraldo de Vivero. 
El pasado domingo ocurrió en esta ciudad uno de esos sensibles accidentes con que la fatalidad parece saborear la desgracia de una familia. 
Un vendedor ambulante llamado Antonio Novilla Carballo, de 28 años de edad, regresaba ya bien entrada la tarde, de recorrer varios pueblecitos y ferias con su industria, y al apearse de la caballería que montaba frente a su casa, en la calle de Porlier, lo hizo con tan mala fortuna que se clavó en el vientre un puñal que llevaba al cinto. 
Al sentirse herido cayó instantáneamente al suelo, derramando sangre en abundancia, de dónde fué recogido acto continuo, por algunos vecinos que lo trasladaron al Hospital, en donde a pesar de los cuidados de la ciencia, falleció en las primeras horas de la madrugada del lunes. 
En los primeros momentos pretendieron ver algunas personas que el desdichado Novilla Carballo fuera víctima de un crimen, por lo cual la guardia civil practicó algunas indagaciones conducentes á esclarecer el hecho, pero la misma víctima confesó lo casual del accidente, desapareciendo el misterio en que parecía envuelta la desgracia en un principio. 
Deja la víctima mujer y tres hijos en el mayor desamparo, y hace muy pocos días, una hija de cortos años, jugando con otras de su edad, tuvo la desgracia de que le vaciasen un ojo”.
Unha terceira nova publicada no Heraldo con traxedias e sucedidos do vivir cotián como argumento, neste caso referidos ao transporte en automóbil, é acollida por El Regional no seu exemplar de 6 de agosto de 1912:
Vivero.- El lunes de la semana pasada, al regresar á Vivero uno de los automóviles de la empresa “El Oriente”, que tiene establecido el recorrido desde esta población á Ferrol, y viceversa, fué objeto de un salvaje atentado, cerca de Santa Marta, que pudo traer funestas consecuencias para los que en él viajaban. 
Unos desalmados colocaron grandes piedras en una de las curvas de la carretera, y gracias á que, aun siendo de noche, el conductor del vehículo pudo verlas á tiempo, haciendo funcionar los frenos y quedando el coche parado instantáneamente, sin otras consecuencias que el susto que es de suponer entre los viajeros”. 
Unha cuarta desgraza, desta volta en Merille, salta das columnas do Heraldo ao citado El Regional en setembro:
Vivero. Sangriento suceso. 
Leemos en nuestro querido colega Heraldo de Vivero: 
A las dos de la tarde del miércoles, el vecindario de la parroquia de Merille se vió desgraciadamente sorprendido con una dolorosa nueva. 
Próximamente á esa hora, una gran detonación se sintió en todo el contorno y, cuando los vecinos salieron de sus casas para enterarse á que era debido, supieron que su convecino Francisco López Pena, de setenta y cuatro años de edad, se había suicidado disparándose una bomba. 
El hecho, según las declaraciones que en el lugar del suceso se recibieron, parece ser que ocurrió de la siguiente manera: 
Salió el López Pena de su casa y cerró por fuera las puertas y enseguida con la mano izquierda arrimó debajo del maxilar inferior una bomba de dinamita, de las que se acostumbran a echar en las fiestas, mientras que con la mano derecha arrimaba á ella un tizón que previamente había cogido en el hogar. 
El efecto fué instantáneo y el infeliz López debió de quedar muerto en el acto”.
Manuel Amor Meilán
E aínda en febreiro de 1913, o diario lugués de Amor Meilán reproduce a seguinte nova tomada do noso semanario, coas prácticas do matonismo rural durante as festas e a falta de controis sobre a posesión de armas de fogo como transfondo:
Leemos en el Heraldo de Vivero: 
En la noche del martes ocurrió en la parroquia de San Pedro un accidente desgraciado. 
El vecino del burgo de Valdemirós en aquella parroquia, Antonio Goás, de 45 años de edad, soltero, se dirigía en las primeras horas de la noche al baile que se celebraba en la inmediata parroquia de Landrove; parece ser que llevaba consigo una pistola Browning, y disparó con ella un tiro al aire para ver si funcionaba bien; el tiro falló y al estar examinando por qué no salía el tiro, se disparó el arma introduciéndose la bala en el vientre. 
Inmediatamente se dió aviso al facultativo Sr. Freijo, quien le hizo la primera cura. En la tarde del miércoles, en vista de la gravedad del paciente, fué avisado el forense Sr. Quintana, y éste puso el hecho en conocimiento del Juzgado, que se personó en el domicilio del lesionado en la mañana del jueves con el fin de instruir las primeras diligencias sumariales. 
De la declaración del herido y de los vecinos, parece ser que se deprende que fué casual y tal como lo relatamos. 
El herido ha fallecido hoy sábado, pues, no habiendo podido serle extraida la bala, sobrevino la peritonitis que, desde un principio, ya anunciara el Sr. Quintana como origen de un fatal desenlace. 
En poco tiempo, y por descuidos, ya han ocurrido algunos de estos accidentes, debido á la ignorancia de ciertas gentes para manejar armas modernas, prohibidas por la ley, que se llevan, á veces, con fines premeditados y punibles”. 
Mais non só de “sucesos” se alimentaba o “recorta e pega” que outros xornais practicaban a expensas do publicado no Heraldo. Tamén había lugar para dar conta de determinadas visitas institucionais á vila do Landrove e para, de paso, facer propaganda das súas excelencias de cara ao incipiente negocio turístico. Nesa liña, no diario católico lugués La Voz de la Verdad do 16 de abril de 1912 insírese o seguinte solto:
El Heraldo de Vivero se ocupa en su último número de la breve estancia del señor Gobernador civil en aquella población. 
Asegura el colega que tanto agradó la hermosura de Vivero y su campiña al señor Boccherini que volverá en el verano en cuantas ocasiones pueda”.
Cando o potentado José Mª Riguera Montero agasalle ao alcalde de Ourol cun luxoso bastón de mando con artística empuñadura de ouro, o xornal compostelán Gaceta de Galicia, ademais de reproducir a nova o día 14 de novembro tomándoa do Heraldo, desfarase en eloxios cara ao obsequiador, entendendo que o seu aceno era demostrativo do “civismo y el fervoroso amor que por el curruncho nativo siente”. 

Vista antiga do peirao de Viveiro
Por outra banda, o importante proxecto dun novo peirao marítimo na nosa vila tamén saltaría desde as páxinas do Heraldo a outros cabezallos provinciais. O 6 de agosto de 1912, El Regional sinalaba:
Hemos tenido el gusto de examinar (leemos en El Heraldo de Vivero) los planos del futuro muelle. 
Será todo él de piedra y estará determinado por tres líneas: una, de 150 metros, que partirá del primer ojo del puente y llegará á la bajamar; frente á una de las actuales rampas de la Pescadería; otra, de 30 metros, que formará ángulo con la anterior; y otra de 63 metros, que unirá la línea precedente con el Malecón. 
En la primera de las tres citadas líneas irá una rampa de 30 metros de longitud, para el servicio de las embarcaciones menores, y tres escaleras de hierro, adosadas al muro, para el de las mayores. 
La superficie del muelle será de 7.000 metros cuadrados, y, dentro de ella, se construirá una carretera, de forma angular, de 8 metros de anchura, para el acarreo de las mercaderías. 
El costo se elevará, según el presupuesto de la Jefatura, á 131.000 pesetas. Trátase, como se ve, de una obra de extraordinaria importancia, sabiamente proyectada por el ingeniero D. Leopoldo Soler, á quien, como al diputado Sr. Soto Reguera, hacemos presentes desde estas columnas la fervorosa gratitud del pueblo de Vivero”.
Pola súa vez, El Norte de Galicia de 10 de agosto do mesmo ano explicaba que “El Heraldo de Vivero elogia el proyecto y planos formados por el ingeniero Sr. Soler para el futuro muelle de aquel puerto” e resumía a continuación as principais características técnicas da obra copiando os datos do propio semanario viveirés. 

Convulsións na dirección do Heraldo 

O inesperado falecemento do director do Heraldo, o xoven avogado Pedro Pérez Barreiro, cando apenas levaba postos na rúa dezaoito números do semanario e contaba unicamente 30 anos de idade, foi loxicamente obxecto de atención e sentimento noutros medios xornalísticos. La Voz de la Verdad expresábase ao respecto o 24 de xuño de 1912 nestes termos:
Nuestro colega El Heraldo de Vivero viene dedicado en gran parte de su último número á la memoria del joven abogado D. Pedro Pérez Barreiro, director de dicha publicación, recientemente fallecido en aquella hermosa villa de la costa. El entierro del finado periodista fué una espontánea y cariñosa manifestación de duelo. Acompañamos a la redacción de Heraldo de Vivero en su pesar por tal desgracia”.
Para cubrir a triste baixa que deixaba sen patrón o seu buque mediático, Benigno López botou man de Antonio Díaz Vale, quen viña exercendo desde marzo de 1912 como director doutra publicación que tamén se editaba no obradoiro tipográfico dos baixos da Casa dos Leós: La Opinión de Ortigueira. A partir de xullo, este cabezallo trasladaría a súa impresión á casa tipográfica David Fojo, na propia Ortigueira. 

Reciprocamente, o Heraldo tamén lamentou nas súas planas a morte doutros directores de xornal galegos amigos. Tal foi o caso de José Lombardero, de El Noroeste coruñés, sobre quen se escribe no noso semanario, en outubro de 1912:
Con sentimiento profundo escribimos estos renglones, que no son más que la expresión débil y pálida de la participación que los modestos camaradas de El Heraldo de Vivero toman en el pesar inmenso que embarga á sus queridos compañeros de El Noroeste, por la muerte del ilustre maestro de periodistas D. José Lombardero y Franco, propietario del diario coruñés. El hermano insustituible, el sincero compañero de los que componen la redacción de nuestro querido colega, el político talentoso que era alma mater del famoso “Club de las viudas” del salón de conferencias del Congreso, como él mismo había bautizado aquella peña de políticos, ha muerto en París, lejos de su querida tierra, y de él no quedan sinó sus inanimados restos que recibirán sepultura en la Coruña, su ciudad natal”.
Nas planas doutros xornais irán saíndo ao longo de 1912 novas pequenas e menores do vivir cotián viveirés que remiten como fonte para as páxinas do noso semanario. Por El Regional, de Lugo, sabemos do reto que o “Club Vivero” lanza en agosto aos seus colegas vilalbeses para disputaren un partido de foot-ball; do ingreso nun convento madrileño da rapaza Mª Luísa Fernández Ramudo, filla do notario Lucio Fernández Argüelles; das felices vacacións que pasou nese ano de 1912 na vila do Landrove, na compaña da súa señora e fillas, o daquela catedrático de Cálculo Diferencial e Integral na Facultade de Ciencias da Universidade Central de Madrid José Andrés Irueste (1844-1920); do accidente que sofre en febreiro de 1913 Taladrid Catá durante unha cazaría, que lle causa a rotura dunha perna; etc. O 10 de decembro de 1912, en fin, insire El Regional esta nota: 
Leemos en el Heraldo de Vivero: 
El día de Santa Bárbara cumplió cien años nuestro amigo D. Manuel Leal (o señor Manuel d'as Pontes). 
A pesar de tan respetable carga, disfruta el simpático anciano, casi, casi, de tanta agilidad como si sólo contase sesenta abriles. 
Dios le conserve la salud siquiera unos diez añitos más, y después... ya seguiremos pidiendo”.
Como xa advertimos, as actividades e iniciativas da sociedade “Vivero y su Comarca” gozaron dunha atención preferente nas planas do Heraldo, o que fixo que outros medios se fixesen eco delas. Así, El Regional de Lugo de 6 de agosto informa da poxa celebrada pola entidade en Merille para adxudicar as obras de construción do edificio escolar desa parroquia, resultando adxudicatarios pola cantidade de 6.000 pesetas Francisco Rodríguez e Manuel Fraiz, quen se comprometeron a iniciar decontado a obra e a rematala no prazo máis breve que lles fose posible. 

Cando o Heraldo estaba a piques de cumprir o seu primeiro ano de vida, produciuse unha das situacións que resultaron máis comprometidas en toda a súa xa centenaria traxectoria. Efectivamente, como se encargou de difundir o compostelán Diario de Galicia de 17 de xaneiro de 1913:
El juez de instrucción de este partido, don Silvino Álvarez de la Escosura ha procesado y encarcelado al director de El Heraldo de Vivero, don Antonio Díaz Vale y al regente de la imprenta del mismo periódico D. Esteban Fernández Temprano. 
El motivo de estas detenciones fue la publicación en aquel colega de un artículo comentando la noticia del traslado de dicho juez, como consecuencia de la denuncia que contra él formuló el diputado Sr. Soto Reguera”.
Soto Reguera
Mais como informa El Regional lugués, ao final quen riu último foi o semanario local, pois os poderosos resortes do preboste liberal Soto Reguera non só conseguiron o traslado inmediato e forzoso dese maxistrado de orixe asturiana a unha pequena localidade catalá, senón que determinaron a rápida posta en liberdade dos xornalistas heraldinos e a apertura dun gravoso expediente contra o citado Silvino Álvarez:
Por el último número del Heraldo de Vivero nos enteramos de la denuncia de que fué objeto por el Juzgado de primera instancia de aquel partido don Silvino Álvarez de la Escosura recientemente trasladado a Santa Coloma de Farnés, y del proceder de aquel funcionario en las actuaciones practicadas. 
Lamentamos el percance y hallamos muy justas y muy razonables las protestas del querido colega contra el proceder de aquel juez tan llevado y tan traído en recientes interpelaciones formuladas en pleno Congreso de los Diputados”.
 Remate

Ao encarar o seu segundo ano de existencia, non hai dúbida de que o Heraldo é un proxecto empresarial e xornalístico plenamente consolidado: goza do respaldo financeiro de varios potentados locais e da protección política do todopoderoso Soto Reguera; non dá feito para acoller nas súas planas anuncios comerciais de negocios de toda caste (zapaterías, ferreterías, ultramarinos, fábricas de chocolate, confeitarías, almacéns, talleres mecánicos, materiais de construción, maquinaria agrícola, fábricas de xeo, consultorios médicos, boticas, notarías...); recruta colaboradores e non poucos asinantes entre a nutrida colonia galega de Cuba; está no mellor dos tratos coa potente sociedade de instrución “Vivero y su Comarca” e co seu hiperactivo presidente Taladrid Catá; e, por se todo isto fose pouco, goza ademais das primicias poéticas e dos artigos de fondo dun elenco cada vez máis nutrido e variado de escritores locais: Gonzalo (o daquela seminarista Justo Núñez Rodríguez), Demetrio Zenón (pseudónimo que corresponde a Fernando Pérez Barreiro), Leoncio López de las Casas, Vicente Otero Cao, Riguera Montero, o mestre Lois Tobío Campos... A partir de xaneiro de 1913, dando mostras desa consolidación indiscutible, o Heraldo lanzarase mesmo a editar o seu primeiro folletín, co título de “Virgen... y mártir. Novela en rústica, caricaturista, corta y original de Fernando Pérez Barreiro”... 

O que veu despois constitúe unha historia apaixonante á que non deixaremos de volver en novas entregas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario