eu

eu
eu

domingo, 18 de xaneiro de 2015

A FACETA XORNALÍSTICA DE PASTOR DÍAZ

O xornalismo foi para Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro, 15.9.1811- Madrid, 22.3.1863), como en certa maneira tamén a propia poesía, cáseque “un pecado de xuventude”, isto é, unha actividade á que se entregou en corpo e alma só durante unha concreta e temperá parte da súa existencia, abandonándoa despois case por completo.

Por máis que breves no tempo [lémbrese que o tomo da súas Poesías edítao aos 29 anos e que as derradeiras campañas publicísticas non sobardan a metade da década dos 40], Pastor Díaz logrou raiar nesas facetas poética e xornalística a unha altura considerábel, o mesmo que na análise sociolóxica coas súas conferencias no Ateneo Los problemas del socialismo (1848-1849), na novelística con De Villahermosa a la China (1858) e no ensaio biográfico coas vidas de Javier de Burgos, o duque de Rivas, Diego de León e Ramón Cabrera. Poi iso podemos dicir que de todas esas facetas cultivadas tirou o prestixio público sobre o que asentou o seu verdadeiro campo de interese, que non foi outro que a política.

Nesta última actividade desenvolveu, como é ben sabido, unha carreira fulgurante, na que se sucederon os postos relevantes e as graves responsabilidades (xefe político de Segovia – 1837 - e de Cáceres – 1839 -; deputado a Cortes en varias ocasións e por diversos distritos, desde 1843; reitor da Universidade Central – 1848 -; ministro de Comercio, Instrucción e Obras Públicas no gabinete puritano que presidiu Pacheco en 1847; embaixador en Torino nos anos 50; ministro de Estado con O’Donnell en 1856; senador desde 1858; embaixador en Lisboa – 1860 -; ministro de Gracia y Justicia, novamente con O’Donnell, en 1863…), mais sen que faltasen tampouco, xaora, os dolorosos fracasos e os momentos amargos (lémbrense os dous meses que tivo que permanecer en prisión en 1840, por tentar axudar á rexente María Cristina en Valencia ou a súa derrota en 1846 no distrito de Viveiro fronte ao candidato Coira Ares).

No campo propiamente xornalístico, o debut de Pastor Díaz tivo lugar por volta de xaneiro de 1834 na redacción do xornal progresista madrileño El Siglo, de curta vida (tres meses) por mor da censura, pero que constitúe un fito por ser o primeiro xornal liberal que se publicou na nova era constitucional, logo da morte de Fernando VII.

En 1835, o de Viveiro asina traballos en La Abeja, como o poema “La mariposa negra”, e durante 1835-1836 colabora coa revista El Artista, fundada por Eugenio Ochoa, onde publica poemas como “A la luna”. Pola súa vez, en El Museo Artístico Literario achega “Del movimiento literario en España en 1837”.

Estas iniciais aparicións na prensa como poeta e como crítico literario axiña dan paso a colaboracións de índole distinta, centradas nos asuntos da res publica. Destacada é a súa participación nunha campaña contra o xeneral Espartero en 1841 nas planas de El Correo Nacional, tras dous meses de estadía no cárcere do cuartel de Salvaguardias. Neste cabezallo de prensa escribe artigos como o titulado “Sobre la revista que en 25 de enero de 1841 pasó a la Milicia Nacional en Madrid el Duque de la Victoria, Regente”, en que acusa implicitamente a Espartero de ser o “suscitador de la revolución y anarquía que se han desencadenado sobre esta nación sin ventura” e o cualifica de “personificación de la demagogia”.

En 1841, Pastor Díaz funda El Conservador, con Pacheco, Ríos Rosas e Cárdenas. Nel publica artigos que transparentan o seu ideal político moderantista, liberal-conservador e antiesparterista, entre os que cabe citar os seguintes:

    • “Situación política de 1841”, en que fai un aceso eloxio de María Cristina de Borbón, raíña Rexente, defende o centralismo político-administrativo e expresa unha “grave y vigorosa protesta contra las ya rancias preocupaciones revolucionarias, contra las teorías trastornadoras, contra las exageraciones democráticas, contra la ojeriza antimonárquica y el fanatismo antirreligioso de nuestros decrépitos jacobinos”;
    • “Medidas excepcionales (nº 4), en que denuncia a inxerencia do estamento militar nos asuntos da gobernación pública, en claro ataque a Espartero;
    • “Progresos de la anarquía” (nº 5), no que sinala que con Espartero rexente trunfa a anarquía en todas as esferas da vida social e política española;
    • “De la república de las sociedades modernas” (nº 13), en que declara que “a los hechos revolucionarios dirijimos nuestros ataques” e se sitúa nas antípodas do republicanismo, ao que identifica coa anarquía e cos trastornos sociais;
    • Ça ira” (nº 17), en que denuncia que as masas xa están a organizarse e a se levantar coa palabra “repartimiento” nos beizos;
    • “De las Asambleas deliberantes como poder legislativo” (nº 21), en que defende o rol político e lexislativo do Parlamento;
    • “De la aristocracia” (nº 22), traballo no que afirma, fronte ás tendencias igualitaristas, a influenza beneficiosa dese estamento social na dirección dos negocios públicos;
    • “Libertad” (nº 24), en que declara que a Liberdade é unha ilusión, un valor máis moral do que político, que só pode garantir a Relixión;
    • “Necesidad de un principio incontrovertible de gobierno” (nº 23), en que indica que a relixión é ese principio, porque mantén institucións como a monarquía, o matrimonio, a familia …; e defende o respecto á Lei por riba de toda continxencia.

Tamén aplaude nas páxinas de El Conservador a segunda parte da peza teatral de Zorrilla El zapatero y el rey (nº do 16.1.1842), a novela Sab (nº do 19.12.1841) de Gertrudis Gómez de Avellaneda (1814-1873) e a publicación dun tomo de Poesías por parte desta mesma escritora (nº do 23.1.1842). Neste último artigo, Pastor Díaz defende o dereito da muller escritora a tratar todo tipo de temas (“a nosotros no nos parece que cuando una mujer toma la lira, necesaria y fatalmente ha de suspirar amores, ni exhalar blandas melodías”) e loa a valentía desta no medio da “fútil y prosaica sociedad, en medio del siglo positivo y financiero, en medio de la literatura convertida en industria”. O de Viveiro, porén, non deixaría de advertir profeticamente (cf. Rosalía de Castro) que unicamente hostilidades, incomprensións e indiferenzas agardaban á atrevida poeta:

“¡Sed poeta!... cantad las maravillas de la naturaleza, las borrascas del corazón, las tristezas del alma, las esperanzas del cielo, o la desesperación del mundo; y en respuesta a vuestros cantos, y en eco a la expresión de vuestros afectos, os negarán la posibilidad de sentirlo. Sed poeta, describir las pasiones; que no creerán en las vuestras. Sed poeta, y hablad de virtud; que os llamarán hipócrita. Sed poeta, cantad el nombre de Dios; que os llamarán ateo. Sed poeta, dad al viento los ardientes suspiros de amor; y ninguna hermosura creerá que podéis consagrarle vuestro corazón (...) Sed poeta, y dad a luz vuestros cantos; los sabios de los grandes volúmenes os llamarán compasivamente superficial, y deplorarán un talento perdido. Sed poeta, y publicad un libro, si los aterrados libreros se han decidido al arrojo de imprimirle; y os habréis incapacitado ante el mundo para todo lo que exige y supone ciencia, gravedad, perseverancia, estudio, conciencia, acaso virtud.
Pero, sobre todo, sed poeta mujer; y a todas las desgracias y miserias de vuestro sexo, y a todas las agitaciones y tristezas de vuestro corazón, añadid una más grande todavía. Cuando la preocupación de los hombres no os dispute la originalidad de vuestro genio, la de vuestro propio sexo os condenará a la pena, que en el pueblo de Atenas alcanzaba a todos los que por alguna calidad eminente se elevaban sobre los demás (... ): el ostracismo”.

Outros xornais cos que colaborou o autor de “La mariposa negra” foron El Heraldo (1842) de Madrid, ao que achega traballos de tema histórico-artístico como o titulado “La Alhambra. Gonzalo de Córdoba. El Cid”, en que protesta polo maltrato ao patrimonio monumental e se doe do seu estado de abandono; El Sol, que el propio fundou con Ríos Rosas e Tassara e no que deitou o carismático artigo “Sobre la mayoría de la Reina” (30.3.1843); La Patria, dirixido por Joaquín Francisco Pacheco, no que Pastor Díaz adiantou aos lectores en 1848 a primeira parte das catro que compoñerán finalmente a súa novela De Villahermosa a la China; e, por último, o xornal La Concordia, dirixido polo seu futuro biógrafo Fermín de la Puente, no que deu á publicidade fragmentos do seu ensaio en defensa do Papado Italia y Roma. Roma sin el Papa

O Tomo V das súas Obras Completas patrocinadas pola RAE (1866-68), prologado por Antonio Ríos Rosas e editado baixo o título Las campañas periodísticas, recollerá moitos dos traballos que aquí deixamos amentados, como tamén o fará o tomo III, con prólogo de Antonio Ferrer del Río, baixo o rótulo de Álbum literario. A crítica literaria e o debate político representan o quiñón temático principal deste Pastor Díaz xornalista que aquí fica evocado.

1 comentario: