
Ademais,
emprendeu xa nesa época da súa traxectoria a escrita teatral. En
palabras de Manuel Lourenzo e Francisco Pillado, “son peciñas moi
breves, en que o surrealismo e o matiz expresionista se engalanan co
‘marabilloso’ positivo do autor, admirador de Apollinaire,
segundo propia confesión” (Lourenzo & Pillado, 2006:5).
Refírense a Rúa 26, a Xan, o bô conspirador e á
brevísima Posíbel final de drama.
Rúa
26
Este
“diálogo limiar” apareceu publicado por primeira vez no sexto
número da revista luguesa Yunque, en 1932, mais ficou
esquecido e non foi recollido sequera no tomo dedicado ao teatro na
Obra completa do escritor mindoniense editada por Galaxia.
Finalmente foi resgatado en edición non venal por Teresa López, nas
Edicións Laiovento, en 1995.

As
didascalias e indicacións escénicas que presenta este texto
cunqueiriano amosan un xorne lúdico, transgresor e irónico,
cuestionando metateatralmente algunhas das convencións habituais no
xénero. A escena ten que ser aquí “triangular” e dispor de
“unha fiestra disforme cóncava”.
A
respecto da caracterización dos personaxes, dísenos que “a idade
diles é crara, cáseque de vidro” e que teñen que adoptar unha
“posizón perfeitamente verosímil”. Cando un dos personaxes
pregunta se debe comezar a relatar polo principio, o outro
replícalle: “non!, non! Sen orde ningún”. A paradoxal historia
que un personaxe conta a outro versa sobre unha muller que sempre
tivo dezaoito anos e viviu máis de cincocentos... Unha vez que
comeza o relato, o personaxe desta peza teatral sinala que “istas
cousas non se poden dicir diante da xente en voz outa”, que é
precisamente o que está el a facer... Xogo tras xogo, pois, porque,
como conclúe un dos personaxes na derradeira frase da peza, “sempre
é posível inventar!”.
Xan,
o bô conspirador
Chegaron
a nós unicamente dous fragmentos desta peza, subtitulada polo autor
“invenzón nun prólogo e dous actos”, que Cunqueiro se puxo a
confeccionar en 1933.
O
primeiro deles foi resgatado pola revista Grial, en Xuño de
1978 (nº 60), como manuscrito aparecido nun cartafol propiedade do
pintor Colmeiro. Posteriormente reproduciuno na mesma revista (nº
85, Xullo-Setembro de 1984) Francisco Fernández del Riego,
advertindo que figuraba “entre a manchea de notas manuscritas, de
poemas traducidos e ilustrados por el, de fotografías familiares e
outros recordos, que Álvaro Cunqueiro me foi entregando ao andar dos
anos da nosa nosa longa amistade”.
O
certo é que entre unha e outra reproducións dese prólogo existen
diferenzas idiomáticas e ortográficas evidentes e mesmo
diverxencias moi chamativas que agardan unha explicación ecdótica
e/ou editorial.
Posteriormente,
a “Escea fiñal” da peza, aparecida orixinariamente en La
Región de Ourense o 14 de Xullo de 1933, foi resgatada na
publicación do IGAEM Si o vello Sinbad volvese ás illas...
(Colección Centro Dramático Galego, nº 21, 1999), e Lourenzo e
Pillado reprodúcena no seu Guía das obras dramáticas de Álvaro
Cunqueiro (2006).

Pola
súa vez, Cermeño, que cualifica a obra como “mostra pequena, pero
importante, da vontade rupturista do autor”, considéraa un claro
indicio de que Cunqueiro desexaba separase “do aire certamente
benintencionado pero anticuado que respiraba o teatro daquela”, na
medida en que se afastaba propositadamente, cos seus ares
surrealistas, do “etnografismo ou da mera reivindicación
nacionalista e racial” (Cermeño, 1993:473).
Finalmente,
Xosé Mª Paz Gago tamén entende que esta obra representa “camiños
de ruptura e de innovación” que resultaban inéditos no teatro
galego da época, por canto “Cunqueiro vai máis aló superando o
realismo e o romanticismo, o simbolismo e costumismo rural,
conectando coas liñas de vangarda europea, do expresionismo ó
surrealismo, de Cocteau a Apollinaire, e adiantando ó mesmo tempo os
rasgos definitorios do novo teatro francés que só aparecerá vinte
anos máis tarde” (Paz Gago, 1993: 462). Nese senso, para este
crítico en Xan o bo conquistador, “encóntrase en xermolo a
maior revolución teatral do século vinte” (Paz Gago, 1993: 461).
Na
escena que reproduciu en dúas versións a revista Grial, que
constitúe o “prólogo” da obra, interveñen tres personaxes
despersonalizadas, carentes de nome propio: ‘A nena da fiestra’,
‘O home con cravata’ e ‘O home sin ela’.
Na
didascalia inicial atopamos xa a chave irónica, lúdica,
transgresora, experimental e anticonvencional que Cunqueiro manexa ao
confeccionar o seu bosquexo. Repárese na caracterización dunha
desas tres personaxes: “A nena é unha nena. Aparenta 14 anos. Ten
12 e medio, como se verá. É perfeitamente vermella. Un ollo máis
enriba do outro”.
A
entrada en escena dos outros dous personaxes faise de maneira
igualmente anticonvencional: un entra dando brincos; o outro, pola
“concha” do apuntador. Irónico é, desde logo, que o ‘Home con
cravata” reproche á ‘Nena da fiestra’ que “dices demasiadas
cousas”, pois a participación dela nos diálogos é mínima ...
Moitos
outros recursos empregados apuntan á filiación vangardista do
texto. Sinalemos, entre eles, a técnica especular (“Toda a escena
un espello. Nel refréxase a sombra da casa vella coa nena na
fiestra”) e o xogo de apelación/ocultación ao público: mentres
nun intre dado o ‘Home con cravata’ fala dirixíndose a el
(“Vostedes, señores espectadores, decataranse axiña...”),
noutro indícalle a outro personaxe: “Non berres tanto que te ouven
os señores espectadores”... O público, semella querernos dicir
Cunqueiro, non é unha instancia imprescindíbel...
Na
mesma liña está o xogo de absurdos, case diálogo de xordos, que se
estabelece entre a historia que conta ‘O home con cravata’ (a da
señorita corrente que tivo un fillo, que á súa vez mercou un
crebanoces e non se sabe que fixo con el...) e a intencionalidade con
que di concorrer a escena o outro ‘Home’, que non é outra que
“facer o prólogo dunha traxedia”. Afinal, quen non amosaba
interese en facer tal prólogo, provocando o desespero do seu colega,
sinala: “paréceme que xa está”. O texto, semella querernos
dicir Cunqueiro, é o de menos en teatro...
Canto
á “Escea fiñal”, publicada en 1933, como xa anotamos, no diario
La Región e recuperada no seu día por Paz Gago, ambiéntase
ás cinco da tarde nunha casa “con sono de ágoa nas fiestras” e
está protagonizada por dúas personaxes, ‘Carolina’ e o
‘Doutor’. A primeira, que tira un ollo da cara para o limpar cun
pano, dedícase a picar cigarros “que cheiran a dentadura postiza i
a vaca parida”, en tanto o segundo, que se declara “aborrecido
disto”, anda a ensaiar prestidixitacións nun aramio mentres evoca
episodios da súa vida pasada e relata a historia de dous namorados
que traballaban no circo, con estrañas habilidades da máis pura
xinea surrealista:
Diante de
tódolos artistas da compañía fizo equilibrios sobre parágoas,
saltou tódolos instrumentos da charanga, meteuse nun peto da súa
mesma chaqueta e cuspiu ágoa de seltz [...] deitábanse nas mesas de
noite, bañábanse en vasos. Facían os engorroñamentos máis
imposíveis. Chegaron a viaxar como cartas, drento de sobres
nebulosos i aéreos. Tiveron un fillo. Xa o viches. Saiu dobrado en
seis plegues.
Canso
e somnolento, o Doutor pídelle a Carolina que lle afrouxe o aramio,
para poder durmir e ela, segundo se indica na didascalia final,
macabra, feísta e granguiñolesca, “saca os ollos, os dentes i un
brazo; mete todo na faltriqueira. Busca unha pulga pola sufraxe. Mata
a luz”.
Posíbel
final de drama
Esta
micropeza foi publicada por Cunqueiro como remate dun artigo
intitulado “Da mar”, que apareceu no xornal olívico El Pueblo
Gallego en 1935, e foi resgatada e dada a coñecer por Euloxio R.
Ruibal (2003: 131).

Carácter
lúdico e onírico, na liña do surrealismo que quería procurar no
subconsciente unha fonte de ideas e motivos para a creación
artística, por unha banda, e reflexión metapoética, por outra, son
as chaves estéticas deste texto, que, como os outros anteriormente
citados, non tivo ocasión de subir a escena no intre histórico en
que foi concibido, polo que hoxe apenas resta máis posibilidade que
a de especular sobre cal(es) podería(n) ter sido a(s) resposta(s)
do(s) público(s) daquela época á súa encenación...
REFERENCIAS
BIBLIOGRÁFICAS
CERMEÑO, Xosé: “Álvaro
Cunqueiro, esperanzas e desesperanzas dun dramaturgo”, Congreso
Álvaro Cunqueiro (Actas), Xunta de Galicia, pp. 471-477.
LOURENZO, Manuel & PILLADO MAYOR,
F. (2006): Guía das obras dramáticas de Álvaro Cunqueiro,
Manuais Casahamlet, nº 6, A Coruña.
PAZ GAGO, Xosé Mª (1993): “Os
proxectos teatrais de Cunqueiro: as pezas curtas”, en Congreso
Álvaro Cunqueiro (Actas), Xunta de Galicia, pp. 461-469.
RUIBAL, Euloxio R. (2003): Xogo de
máscaras. Escritos sobre teatro galego, Eds. Espiral Maior, Col.
Teatro, A Coruña.
SALVAT, Ricardo (1993): “Cunqueiro
y el teatro europeo de su tiempo”, en Congreso Álvaro Cunqueiro
(Actas), Xunta de Galicia, pp. 451-460.
Ningún comentario:
Publicar un comentario