Buero Vallejo |
Vimos de ler co meirande
interese, aínda que unha miga tarde con respecto á data da súa
primeira aparición editorial, dous volumes da autoría do
investigador, profesor do Departamento de Linguas Modernas de Queen
Mary na Universidade de Londres e escritor cubano exiliado Omar
García-Obregón, editados ambos polo "Cera Publishing" de
Miami ("Censorship and Exile Research Association"), que
versan sobre a difícil e reveladora peripecia que tiveron que pasar
diante dos organismos da censura franquista algunhas das producións
literarias de varios dos escritores teatrais máis destacados na
década dos 50-60 do pasado século, como son Alfonso Sastre, Buero
Vallejo, Lauro Olmo e José Martín Recuerda.
Os traballos do profesor
cubano editáronse en 2006 e titúlanse, respectivamente, El
(im)posibilismo teatral: Buero y Sastre frente a la censura e
mais Censura y enfrentamiento con el público. El teatro de Lauro
Olmo y Martín Recuerda. Ambos parten do concienzudo labor de
investigación que realizou o citado autor para a confección da súa
tese de doutoramento, defendida baixo o epígrafe Diálogos con la
censura e presidida, en palabras do propio García-Obregón, polo
animoso desexo de analizar, sistematizar e comprender "los
medios que encuentra la cultura para sobrevivir la opresión o los
dictámenes del poder".
Lauro Olmo |
A maior orixinalidade
destes dous traballos, elaborados desde perspectivas tomadas da
escola semiótica de Lotman e da Socioloxía, estriba, desde logo, no
hábil e fructífero manexo dunha fonte de información á que, ata
hai ben pouco, non se podía acceder en condicións. Referímonos aos
documentos da censura franquista que, procedentes do arquivo do
Ministerio de Cultura, obran desde 1989, hoxe debidamente catalogados
e ordenados, no chamado "Archivo General de la Administración
Civil del Estado", en Alcalá de Henares.
García-Obregón bota man
de abundantes documentos existentes no citado arquivo para revisar a
idea, solidamente asentada na bibliografía existente sobre ese
período teatral hispano, de que houbo autores, como Alfonso Sastre,
que practicaron un enfrontamento absoluto coa censura
("imposibilismo"), fronte a outros, como Buero Vallejo, que
procuraron xogar nos intersticios do sistema para sacar adiante as
súas producións ("posibilismo").
En opinión do profesor,
"ni el teatro de Buero fue tan conformista como la crítica
parece haber aceptado, ni el de Sastre tan 'imposibilista' como para
no pactar con la censura en algunos casos". E a tese do profesor
cubano é que "los autores que políticamente se oponían al
franquismo, pero que a su vez querían estrenar sus obras en España,
aprendieron a 'dialogar' con el sistema, o a jugar con la censura,
pero explotando las riquezas del lenguaje, a través de la
'sobrecarga metafórica' de los signos teatrales durante la
representación". Dito doutro xeito, o que a censura tentaba
impedir tachando determinados fragmentos do texto, cobraba logo vida,
forma e difusión no escenario a través doutros signos e recursos
teatrais, non sempre necesariamente verbais.
Alfonso Sastre |
Para poder explicar os
mecanismos censoriais que actuaban en cada instante histórico e
sobre cada unha das pezas dramáticas dos autores antes citados (El
sueño de la razón, Historia de una escalera ou Aventura
en lo gris, no caso de Buero; La sangre y la ceniza,
Escuadra hacia la muerte ou La mordaza, no de Sastre;
La camisa e English Spoken, de Lauro Olmo e,
finalmente, Las salvajes en Puente San Gil e Caballos
desbocaos, de Martín Recuerda), García-Obregón fai un amplo e
clarificador repaso tanto das disposicións legais que na España de
Franco deron carta de natureza á censura teatral e literaria (así a
"Ley de Prensa" do 38, a chamada "Lei Fraga" de
1966, etc.) como á dinámica evolutiva, aos trapasos ministeriais de
competencias e ás sucesivas tendencias que experimentou a maquinaria
censora nos corenta longos anos ditatoriais, baixo os ministerios
sucesivos de Arias Salgado, Fraga Iribarne, Alfredo Sánchez,
Fernando de Liñán, Pío Cabanillas e León Herrera Esteban.
Neste sentido, convén
chamar a atención sobre algunhas das conclusións ás que chega o
profesor cubano, au rebours das ideas dominantes ao respecto.
Así, fronte ao coñecido dito "Con Arias Salgado, todo tapado;
con Fraga, hasta la braga", que sintetiza o presunto
"aperturismo" que tería significado a chegada do político
vilalbés ao "Ministerio de Información y Turismo"
franquista, García-Obregón, á vista da práctica censora teatral
practicada baixo o mandato fraguiano, conclúe que, moi ao contrario
do que se coida habitualmente e das teses que expuxeron no seu día
autores como Román Gubern, a censura actuou sempre con desacougante
dureza e discrecionalidade e, concretamente no período Fraga, "el
trabajo censor continuó de igual forma y en algunas ocasiones (...)
se prestó a censurar (a través de nuevas tachaduras) obras que
anteriormente ya habían sido aprobadas, como sucedió en el caso de
Historia de una escalera de Buero Vallejo".
Achega nos seus libros
Garía-Obregón, loxicamente, abundantes exemplos concretos,
perfectamente documentados, da acción do lápis vermello sobre esas
determinadas pezas, consideradas hoxe do mellor e máis
representativo do teatro hispánico deses anos. Imos vendo ao longo
dos dous volumes, desta maneira, os fragmentos, expresións, diálogos
e elementos textuais ou paratextuais que non pasan a peneira censora
nunha primeira lectura; as redaccións corrixidas e alternativas que
os autores someten de novo á consideración do organismo
correspondente; as contradicións e matices que se rexistran nos
diferentes informes de distintos censores sobre unha mesma peza; as
burocráticas, desesperantes e amiúde arbitrarias e irracionais
decisións sobre a concesión ou non de permiso para a representación
das obras; as estrataxemas usadas polos autores para burlar as
prohibicións ou, finalmente, os argumentos empregados para recorrer
as multas e sancións que as autoridades acababan impoñendo cando os
seus "diktats" eran finalmente burlados.
Os apéndices documentais
que encerran os dous volumes son do máximo interese e utilidade e
reproducen, basicamente, diversas disposicións legais sobre a
censura, algúns textos de Alfonso Sastre que fan referencia ás
peripecias e reviravoltas que tiveron que padecer obras súas como La
mordaza para seren finalmente autorizadas e diversos informes e
notas oficiais da censura sobre os cortes e supresións que debían
facerse en varias pezas de Lauro Olmo ou Martín Recuerda antes de
autorizar a súa subida aos escenarios.
Martín Recuerda |
Visto o interese e
produtividade das perspectivas semiótica e sociolóxica adoptadas, o
hábil e suxestivo manexo da abundante información inédita e o
rigor con que todo o traballo no seu conxunto está realizado, non
cabe senón felicitar ao autor por esta importante achega científica
sobre ese anaco da historia literaria e teatral, cultural e política
da España de Franco, un tempo que debe revisitarse unha e outra vez,
desde todas as perspectivas posíbeis, como eficaz antídoto contra
moitas desmemorias intereseiras e algunhas nostalxias decididamente
terxiversadoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario