Limiar
La
Defensa foi un sintagma abundantemente empregado nos usos
xornalísticos de comezos do século XX, cando a maior parte dos
xornais editados nas vilas do país aínda non lograra (nin
probabelmente quixera, todo sexa dito) desprenderse do enfoque
“combativo” ou explicitamente “partidista” que viñera
caracterizando o estadio da prensa nas décadas anteriores.
Con
este nome, efectivamente, publicáronse varios xornais en diversas
localidades galegas nos derradeiros compases do século XIX e
primeiros do século XX: un en Valdeorras (1894); outro en Vigo, de
corte republicano (1897-1898); un “periódico de intereses
generales, órgano del centro de labradores de esta villa”
(1905-1908) en Lalín, afecto ao agrarismo de signo católico; outro
na Guarda (1905); un quincenario anticaciquil en Noia (1906), do que
foi colaborador Heraclio Pérez Placer e que só tirou doce números,
baixo a batuta de Arturo García Rodiño; un órgano xornalístico
das asociacións de agricultores da bisbarra betanceira pertencentes
á "Solidaridad Gallega" (1906-1910), fundado polo avogado
Víctor Naveira Pato, dirixido (ata xuño de 1907) polo daquela aínda
promesa do xornalismo Wenceslao Fernández Flórez e do que foron
colaboradores, entre outros, os intelectuais Murguía, Pérez
Constanti, Riguera Montero e Salvador Golpe (que, dito sexa de paso,
asinaba o seus traballos co pseudónimo de Pedro de Merille);
un semanario tradicionalista ou católico-carlista de Mondoñedo
(1906-1909), que se publicou na imprenta Mancebo baixo a batuta dos
irmáns Enrique e Carolino Costas Márquez; un quincenario
agrario-lerrouxista en Teo (1911-1915); un semanario dominical en
Marín (1914) e, finalmente, un órgano de prensa semanal do
republicanismo compostelán, “defensor de la clase obrera”
(1913-1914), dirixido por José Pasín.
Co
mesmo substantivo figurando no cabezallo rexistramos, ademais, o
rexionalista La Defensa de Galicia (Ourense, 1893), dirixido
polo poeta Alberto García Ferreiro; La Defensa Católica de
Ferrol (1906); La Defensa Comercial (1907-1916), órgano de
prensa da Compañía Industrial Coruñesa; e, finalmente, La
Defensa Obrera (Vigo, 1913).
Mais a
esta listaxe hai que engadir (cousa que non fan, por certo, nin a
Gran Enciclopedia Galega, nin a Enciclopedia Galega
Universal, nin o Diccionario da Literatura Galega. Tomo II.
Publicacións periódicas da editorial Galaxia, por citarmos tres
importantes obras de referencia) un nome ou ficha máis: o do xornal
viveirés La Defensa, do que pouco se ten escrito ata o de
agora e sobre o que coidamos poder achegar con estas liñas, tras a
localización dalgúns exemplares da súa colección, algunha
información anovadora.
Atención
bibliográfica previa
Na súa
imprescindíbel Historia de Vivero y su Concejo (1953, páx.
363), Juan Donapetry sinala que La Defensa “empezó siendo
semanario el 2 de Junio de 1918, dirigido por don Jesús Noya
González y la redacción estaba en la calle Quiroga, hoy de
Fernández Victorio”, engadindo a seguir que “se imprimía en la
Tipografía de Mancebo de Mondoñedo, al final no tenía fecha fija
de publicación, era repartido gratis y terminó el 3 de Noviembre de
1923”.
Pola
súa vez, Gerino Núñez, en Los periódicos de Vivero (1980,
páx. 39-40), reproduce a información dada por Donapetry (que o
domicilio de Jesús Noya facía de redacción-administración do
xornal, que este se repartía gratuitamente, que fora iniciado en
xuño de 1918, que ao final saía sen periodicidade fixa…), mais
retrasa unha miga, porén, a data de desaparición efectiva do
xornal: “Debió de dejar de publicarse a principios de 1924”.
Fotografía da rúa Fernández Victorio, de Viveiro, obra de R.Mestre. |
O
único número de La Defensa que puido consultar Gerino,
segundo el propio fai constar, foi o 63, correspondente ao 18 de
decembro de 1923, e nel saudábase o labor do Directorio militar
primo-riverista, que viña de implantar a ditadura en España tres
meses antes. Gerino contextualiza a aparición de La Defensa
no momento en que se apagan os xornais Verdad y Justicia,
vinculado ao propio Jesús Noya, e mais La Sirena del Norte,
promovido por elementos da “Juventud Católica” viveiresa
(Fernando Pérez Barreiro, Pepe da Mota, etc.). Considerou, en
derradeiro extremo, que o xornal que nos ocupa “no dejó una
especial huella” (op. cit., páx. 40).
Tamén
é mencionado La Defensa de Viveiro en A prensa en Lugo,
dous séculos de historia, de Mari Paz Teijeira e Mª de la Torre
(1997, páx. 282-283) como impreso en formato pequeno, con 4 ou 8
páxinas, a tres columnas, primeiro na imprenta Mancebo de Mondoñedo
e logo na de Fojo. A presenza de Jesús Noya evidénciase, segundo as
autoras, "no cuidado da presentación, na exquisitez dos textos
e, sobre todo, nas abundantes seccións históricas", mais están
erradas cando afirman que “o seu nome non aparece na cabeceira”,
pois tal circunstancia si se produce, como veremos.
Ademais,
indican que o 13 de setembro de 1923 o xornal dedicou un especial a
Pastor Díaz, co gallo do traslado dos seus restos mortais desde
Madrid a Viveiro. Engaden que La Defensa comezou como
semanario, o 2 de xuño de 1918, e que rematou como quincenario de
reparto gratuíto, desaparecendo a finais de 1923. Na páxina 461 do
seu libro, Teijeira e De la Torre reproducen a primeira plana do
exemplar de La Defensa correspondente ao 13 de setembro de
1923, nº 60, onde son claramente lexíbeis as indicacións “Año
V” e mais “Se reparte gratuitamente”.
O
director de La Defensa
O director de La Defensa, o subdiácono Jesús Noya González (1865-1943) |
O
subdiácono de orixe santiaguesa, por parte de pai, e viveiresa por
parte de mai, Jesús Noya González (1865-1943), foi profesor do
Seminario mindoniense e do “Colegio Insigne” viveirés, membro
correspondente da Academia Galega e da Academia de la Historia, vogal
da Comisión Provincial de Monumentos lucense e, desde 1898 ata a súa
morte, Cronista Oficial da vila do Landrove. Ademais de traballador
incansábel da investigación histórica local (velaí os seus
inconclusos e fragmentarios traballos Apuntes para la historia de
Vivero. Paseo histórico-artístico por la ciudad del Landro e o
recompilatorio de “Efemérides vivarienses”, ambos publicados nas
planas do emblemático El Eco de Vivero), Noya foi, sen
dúbida, un xornalista vocacional, perseverante, apaixonado e moi
polémico, como se teñen encargado de salientar diversos estudosos
da súa figura, como Ramón Villar Ponte1,
Fausto Galdo2,
Gerino Núñez3,
Juan Donapetry4
ou Modesto Pérez5.
Ademais
de estar presente coa súa rúbrica nalgúns xornais de corte
carlista e confesional como El Correo Español, El Siglo
Futuro, El Eco Franciscano, El Ideal Gallego ou o
Boletín Eclesiástico del Obispado de Mondoñedo, Noya
dirixiu ou colaborou directamente, durante cinco décadas, con moitos
dos cabezallos de prensa que xurdiron na vila do Landrove: El Eco
de Vivero (1888-1908); La Voz de Vivero (1909-1910);
Verdad y Justicia (1915-1917); La Defensa (1918-1923);
La Voz del Pueblo (1926-1927); Renovación (1930);
Mar Bonanza (1935)...
En
contraste, outros papeis periódicos como o liberal El Vivariense
(tanto na súa primeira fase, 1890-1898, como na segunda, 1906-1915),
os republicanistas Nueva Brisa (1899) e Germinal
(1906-1907) ou o liberal El Heraldo de Vivero (1912-…)
foron, en troques, publicacións que padeceron os seus por veces
desaforados ataques, inspirados case sempre por unhas concepcións
políticas e sociais que non cabe senón cualificar, vistas coa
perspectiva histórica precisa, como francamente reaccionarias. Na
súa longa traxectoria, Noya enfrontouse agre e reiteradamente a
brillantes plumas locais como as de Alfredo García Dóriga, os
irmáns Xosé e Xoán Pla Zubiri, Antón Villar Ponte, etc. En 1908,
logo de dous anos de vaivén xudicial, resultou condenado por
inxurias proferidas en El Eco de Vivero contra o industrial
José Barro a unha pena de desterro de varios anos, que o levou a
residir e traballar en Mondoñedo. Cando puido regresar á vila do
Landrove, retomou con algo máis de prudencia e contención verbal a
súa vocación xornalística, un de cuxos froitos foi, precisamente,
o cabezallo La Defensa sobre o que aquí nos estamos a
debruzar.
Exemplares
localizados
Puidemos
consultar, entre os fondos hemerográficos que atesoura a Real
Academia Galega, tres exemplares da colección do xornal viveirés
que nos ocupa, que corresponden aos números 1 (de 30 de maio de
1918), 5 (de 29 de xuño de 1918) e 6 (de 6 de xullo de 1918),
respectivamente.
Constan
os tres exemplares amentados, todos eles saídos do prelo da casa
tipográfica mindoniense de Edesio Mancebo Rey, de catro páxinas
cada un, mais mentres o primeiro presenta unha maqueta a dúas
columnas, os outros dous, posteriores, empregan tres columnas na
confección das súas planas.
Contidos
do primeiro número
No
primeiro número, como era habitual nesa época, o novo cabezallo de
prensa insire diversos textos de carácter explicativo, tentando
presentar a súa liña editorial, desvelando as súas aspiracións,
caracterizando o tipo de público ao que se dirixe e resumindo a
misión que se autoimpón.
O
editorial de presentación leva por título “Preludio”. Comeza
facendo unha caracterización da prensa como regulador necesario da
opinión pública, verdadeira instancia decisiva das sociedades
modernas. O título revela o carácter esencial do papel periódico
que agora bota a andar:
“(…)
nace como obligado por las circunstancias; no para herir, sino para
rechazar golpes; no para atacar, sino para desarmar a quien en
indefensos complácese en causar aleves heridas. Venimos a defender
intereses legítimos, así morales y sociales como industriales y aun
privados, si hasta lo privado
la saña del enemigo llegase. Y esto con alteza y dignidad; sin
rebajamiento y sin los rencores que en corazones pequeños
el odio infunde (…)”.
Despois
de reclamar que non usen pseudónimos aqueles que pretendan contender
e contradicir a La Defensa, o editorial sitúa explicitamente
a nova publicación na órbita do que daquela se dera en chamar
“buena prensa”, isto é, os xornais de declarada confesionalidade
católica e obediencia eclesiástica, facendo advertencia da súa
intención de ser contundentes na defensa do seu ideario:
“(…)
Por otra parte, el título de este semanario, rancio abolengo
católico tiene ya en el periodismo. Pero ni los principios
religiosos en que se informa, ni lo levantado de sus miras, ni lo
digno de sus procedimientos, harán que los puntos de nuestra pluma
dejen de punzar cuando la ocasión lo pida, ni que con blandenguerías
y confites contestemos las groserías e insulceces con que muchos
substituyan al razonar. LA DEFENSA, para serlo, debe ser armada, y
tajante el acero con que el enemigo empuje haya de rechazar. El
adversario mismo será quien la intensidad de nuestro
defendernos modere; de los provocadores será
la responsabilidad total y absoluta (…)”.
Finalmente,
maniféstase o desexo de laborar sempre polo progreso, a unión, a
paz e a concordia da vila e da bisbarra de Viveiro.
Un
segundo texto de presentación neste primeiro número de La
Defensa, intitulado “Nuestro periódico”, acrecenta novas
claves para entendermos o perfil e índole do semanario viveirés
neonato, que declara a súa desconfianza nos políticos ao uso e a
súa intención de emprestar “especial atención” aos asuntos da
poboación agraria da bisbarra:
“Aspiramos
a que sea verdaderamente popular, recogiéndose en él las legítimas
aspiraciones del distrito.
Como
no pertenecemos a ningún bando político de los que a Vivero han
dividido, abrimos las columnas de LA DEFENSA a todos los ciudadanos
cultos, a los amantes del progreso de este país, sin distinción de
ideas políticas ni de afecciones de cualquier orden, para que en
ellas viertan conceptos que a la generalidad interesan y de cuya
realización Vivero pueda reportar ventajas. Pueden con nosotros
convivir cuantos del verdadero Progreso sean entusiastas (…).
LA
DEFENSA será periódico serio y razonador, pero no se crea que esta
seriedad es incompatible con el cuerdo reir (…): también la sátira
tiene su lógica.
LA
DEFENSA será, en lo posible, un periódico ameno y para todos los
gustos loables, no solo por la variedad que procuraremos imprimirle,
sinó por los grabados ilustrativos que en él intercalaremos”.
O
resto do espazo do primeiro número de La Defensa repártese
nas seguintes seccións e traballos. En primeiro lugar, un artigo
sobre “El alumbrado público”, en que se critica, a diferenza do
Heraldo de Vivero, que o consideraba xusto, un ditame
desfavorábel ao industrial José Barro emitido polo deputado
provincial Sebastián Solla de Ron e corroborado polo gobernador da
provincia.
Desde
logo, chama poderosamente a atención que Noya González, noutrora
condenado por inxurias á pena de desterro de tres anos, seis meses e
vinte e un días por mor das súas acerbas críticas en El Eco de
Vivero ao industrial Barro, precisamente, saia aquí en defensa
del perante as críticas de que é obxecto no voceiro oficioso do
partido liberal viveirés. Non será esta a única vez, como veremos,
de maneira que podemos conxecturar xa se a gratuidade no reparto
público de La Defensa non tería algo que ver co patrocinio
non confeso da publicación por parte do citado industrial…
Lémbrese que xa con anterioridade circulara en Viveiro unha
publicación periódica, Pro-Neutralidad, que saíra ao
público gratuitamente mercé a recibir, baixo corda, o capital
necesario de mans do enxeñeiro das minas da Silvarosa, o xermanófilo
Cloos…
En
segundo lugar, presenta o primeiro número de La Defensa un
diálogo satírico en galego acastrapado, co título de “Ninguén
se queime. Somente por parolar”, asinado por Lois d’a
Pumarega, que non é senón pseudónimo do propio Noya6.
Constitúe esta, subliñémolo, a única presenza da nosa lingua no
xornal, mais ten interese, alén diso, porque resulta continuación
clara dun tipo de molde xornalístico, inspirado no “Tío Marcos da
Portela” que consagrara a finais do século XIX o escritor ourensán
Valentín Lamas Carvajal, que Noya xa empregara noutros xornais da
súa dirección con anterioridade, como Verdad y Justicia, en
que inserira unhas “Parolas de vellos” asinándoas como Antón
d'Acolá.
O
molde xornalístico citado é sinxelo e eficaz: dous personaxes de
extracción popular comentan no galego que falan acotío e en chave
crítica as cuestións máis candentes da actualidade local ou a
marcha xeral da sociedade e do mundo. No caso do primeiro número de
La Defensa, Lois d’a Pumarega tenta convencer a
Perico d’a Trasposta da mala vida que se ven obrigados a
levar os ricos, sempre presos de preocupacións, cálculos e
coidados, en contraste co sinxelo e, sobre todo, paciente pasar da
xente humilde, que ha de ter xusta recompensa na outra vida
celestial...
En
terceiro termo aparece no número inaugural de La Defensa
outro artigo intitulado “Por la verdad. El camino de Galdo”, en
que, co pretexto do acontecido na subhasta para a construción da
citada infraestrutura da rede viaria local (presentouse
inesperadamente a ela o industrial José Barro, contra a previsión
dos liberais locais, que xa decidiran previamente o adxudicatario…),
vértese unha dura crítica contra os manexos do bando político
hexemónico na localidade nesa altura, os liberais do banqueiro,
armador e empresario impresor Benigno López, e contra o seu voceiro
oficioso de prensa, o semanario El Heraldo de Vivero:
“No
somos políticos en la vulgar acepción del vocablo. Pero, en los
pueblos pequeños, sabido es que toda ambición con la capa de la
política se cubre y todo disparate en la política encuentra
justificación. Claro es que la POLÍTICA no tiene por objeto
justificar desatinos ni disculpar ambiciones; pero muy cierto es
también que en pequeñas localidades - en Vivero especialmente, en
donde las ideas subordínanse a los hombres - la mayor parte de los
que a políticos se meten por eso lo hacen: por sentar plaza de
caciques, disparatar a su placer y satisfacer ambiciones que
frecuentemente generan odiosas venganzas (…).
Todo,
en ese campo estéril de la política al uso, se convierte en arma
contra aquéllos que al cacique rehusan someterse, o que, con
suficiente valor cívico y conciencia de su ideal, ejercitando un
derecho, aspiran a realizar sin ajena intromisión, sus personales
concepciones (…)”.
Finalmente,
presenta este número inicial de La Defensa unha “Sección
local” en que se ofrecen unha serie de notas breves: o anuncio
dunha novena en Santa María do Campo; a exitosa celebración da
romaría de San Martiño no monte Castelo, con predicación do
párroco Lamas Lodos incluída; a designación de Sor Consuelo como
directora do Hospital da Caridade de Viveiro, en substitución de Sor
Pilar Pintado; as xestións do alcalde José Marqués e do deputado
Soto Reguera para a mellora do servizo postal na localidade; a
celebración dunha festa do Sacramento na VOT franciscana, baixo a
supervisión do Visitador Fraga Fernández; a chegada vacacional a
Ourol da familia do médico viveirés Bernardo Quintana; a melloría
na saúde dunha filla, de nome Rosalía, do rexistrador da propiedade
e procurador Ramón Palmeiro; a futura constitución na parroquia de
Chavín, da man so sacerdote José Galdo López, dun coro
eucarístico; o feliz nacemento dun fillo do concelleiro J. A. García
Vizoso e, finalmente, o seguinte rogo expresivo dirixido ás
autoridades:
“Rogamos
al Sr. Alcalde que excite a los dependientes de su autoridad que por
la noche están encargados de la vigilancia, para que eviten el
tránsito de muchachos
por ciertos parajes peligrosos a hora en que sus padres debieran
tenerles en camita, e
impidan canciones obscenas con que algunos desaprensivos ofenden los
oídos pudorosos”.
Contidos
do quinto número
O
quinto número de La Defensa, que corresponde ao 29 de xuño
de 1918, ábrese cun artigo de fondo, “Vivero, estación
veraniega”, en que se engloba un chamamento para facer da vila do
Landrove un destino turístico de primeira categoría, obxectivo para
o que se necesitaba, entre outras cousas, unha constante e ben
planificada propaganda sobre as súas excelencias naturais e unha ben
orientada publicidade que fixese fincapé en aspectos como o seu
frescor meteorolóxico, a súa tranquilidade, os efectos benéficos
para a saúde do seu ar, augas e alimentos, as súas variadas belezas
paisaxísticas e, por último, o atractivo e mérito dos seus
monumentos histórico-artísticos.
Retoma
o xornal, a seguir, a polémica do camiño veciñal de Galdo,
defendendo novamente ao industrial José Barro dos ataques e críticas
que contra el ser vertían en El Heraldo de Vivero.
Unha
nova parola en galego acastrapado, baixo a mesma epígrafe
“Ninguén se queime. Somente por parolar”, permítenos asistir
aos razoamentos do veterano Señor Lois co seu colega Perico. Desta
volta o obxecto de crítica son os periódicos que le o fillo de
Perico, “Alifonso”: La Revolución social, Petróleo y
Dinamita, El trapo rojo e El pensamiento libre.
Semellante tipo de xornais, de orientacións claramente esquerdistas
e librepensadoras, son descualificados porque, en palabras do Señor
Lois, “todo canto teñen
son burradas e herexías”…
son burradas e herexías”…
Ocupa
boa parte da terceira plana e unha porción da cuarta e derradeira
deste número de La Defensa un artigo asinado expresamente por
Jesús Noya González co título de “Fiestas en Vivero en el siglo
XVIII”, que se centra nas celebracións que tiveron lugar na nosa
vila con motivo da proclamación do rei Luís I, a comezos da décimo
oitava centuria.
Por
último, completan este exemplar quinto do xornal que nos ocupa unha
nota sobre a sociedade “Vivero y su Comarca” e varias “Locales”.
Canto
á primeira, denúnciase nela que dos doce edificios escolares
promovidos pola citada sociedade de instrución só estaban rematados
e en funcionamento tres, en realidade: “Los nueve restantes
encuéntranse sin concluir, abandonados, sirviendo, algunos, para
fines muy diversos del que a su erección presidió, por el mismo
desamparo en que están”. A solución inmediata que se propón
desde as planas de La Defensa a este estado de cousas ataca
sen disimulo na liña de flotación ao entramado do partido liberal
na localidade, representado polos prebostes Soto Reguera e Taladrid
Catá:
“Comprendemos
que el Delegado de dicha Asociación, don Justo Taladrid, tiene
embargada por múltiples asuntos su actividad innegable, requerida en
cien puntos a la vez por cien diferentes cosas en las que imprime el
carácter de su personalidad, que no se aviene con el reposo; pero no
debe “Vivero y su Comarca” sufrir las consecuencias de las
ocupaciones del señor Taladrid. Aun con sentimiento, deben nuestros
conterráneos que residen en Cuba pensar en nombrar otra persona apta
que sustituya a don Justo Taladrid en la Delegación de “Vivero y
su Comarca” por la imposibilidad en que éste se encuentra de
atender hoy por hoy a los intereses sociales de la misma;
imposibilidad que los edificios escolares antes mencionados proclaman
en sus maltratados muros”.
As
notas locais son, nesta ocasión, un total de trece e refírense a
asuntos moi diversos, como o solemne funeral celebrado en Valdeflores
polo descanso eterno do vigairo do convento, José F. Fernández; os
triunfos académicos obtidos no Conservatorio Nacional por
Esperancita, filla do sobrestante de Obras Públicas en Viveiro,
Germán Linares e alumna do maestro Juan Latorre, antigo director da
Banda municipal; o anuncio dos concertos con que a Banda de
Exploradores ha de amenizar no verao xoves e domingos os paseos no
Malecón viveirés; a visita á localidade que realizan os avogados
con bufete en Madrid Regino e Eduardo Cortiñas Riego, fillos do
filántropo local Melitón Cortiñas; o regreso vacacional de moitos
estudantes, entre os que cabe citar a Ramón Canosa, Balbino
Cerdeiras, Vicente Plá, José Sierra, Manuel Peña Fernández,
Domingo Franco Amor, José Fernández Colosía ou Francisco Amat
Donapetry; o notábel adianto das obras do Novo Teatro que promove
Nemesio Barreiro, segundo planos do arquitecto lugués Mario Páez; a
intención de erixir en Galdo, no lugar do Souto, unha casa-escola;
as obras de reforma na barbería de Jesús Otero Pardo; o falecemento
da nena Lolita, filla do fotógrafo José Ínsua López (Pepe da
Mota), bisavó por liña paterna de quen estas liñas escribe;
etc. Tamén acusa recibo a nosa publicación, por último, do envío
dun caderno da Real Academia Galega.
Contidos
do sexto número
O
sexto número de La Defensa semella un duplicado do quinto,
pois a maioría dos traballos que inclúe son continuacións ou
segundas partes dos iniciados no anterior… De feito, a única
novidade constitúea a aparición, na primeira plana, dun
“entrefilet” en que se insiren dúas máximas ou pensamentos que
resultan ben reveladores da ideoloxía do director da publicación:
“Los
hombres más valientes
contra la Religión son por lo regular los más cobardes frente á la
muerte. Los que más detestaron á los sacerdotes son, en aquellos
supremos instantes, los que más se agarran á su mano.
***
El
que se venga de un enemigo, se pone a su nivel; mas el que le
perdona, prueba que es superior a él”.
Na nova entrega de “Vivero, estación veraniega” diagnostícanse agora os principais problemas infraestruturais que lastran o despegue da vila como enclave turístico de primeira clase. O máis grave deles, segundo se sinala, é a falta de aloxamentos e ofertas de ocio apropiadas “para personas de cierta clase social”:
“Aquí
nació muerta siempre toda iniciativa para mejorar la permanencia
entre nosotros de veraneantes. Ni un hotelito, ni un restaurant,
ni casetas para baños en debidas condiciones, ni algún festejo
público, ni siquiera unos bancos cómodos sombreados por copudos
árboles, en los que se pudiese gozar del frescor de la playa, de la
vista del mar, y de los pintorescos paisajes; nada se hizo en este
sentido, absolutamente nada (…)
Si
mitad del esfuerzo gastado en tanto politiquear empleado fuese en
promover la venida de forasteros, ¡qué buen verano sería para
Vivero el de 1918!”
Prosegue,
así mesmo, na continuación de “El camino de Galdo. La verdad de
los hechos” a pechada defensa por parte de Noya do comportamento e
intencións en tal asunto público do industrial José Barro Polo,
fronte ás críticas e acusacións que contra el profiren tanto os
representantes da maioría liberal no Concello como o semanario El
Heraldo de Vivero. Noya desvela, concretamente, o boicot que
desde o Concello se exercía contra o compromiso a que chegaran Barro
e unha comisión de representantes da parroquia de Galdo, encabezada
polo cura párroco e polo avogado Marcelino Rodríguez Franco, de
afrontar a partir de xaneiro de 1918 a conclusión das obras do
camiño de Ruanova a Cova de Bravos por un importe total de 15.000
pesetas, a pagar en tres anos.
O
diálogo en galego acastrapado “Ninguén se queime. Somente por
parolar” presenta, nesta ocasión, as intervencións de tres
personaxes: o Señor Lois, o seu colega Perico e o fillo deste
último, “Alifonso”, lector, como se recordará, de xornais
caracterizadamente esquerdistas. A burla contra o tal “Alifonso”
debúxao como un verdadeiro paspán engreído, que por ter pasado
unha pequena tempada na emigración e facer lectura acotío dos
devanditos xornais, xa se considera culto e progresista, construtor
da nova sociedade onde “tós nosotros, quisi yo dicir,
tenderemos los mesmos drechos, porque tós, comprienda usté
la isprisión, toitos semos ijoales”. Este ridículo
castelán que emprega “Alifonso” pon de manifesto aínda máis,
se cabe, a súa ufanía inxustificada.
Conclúe
neste sexto número, coa segunda entrega, o traballo erudito de Noya
“Fiestas en Vivero en el siglo XVIII”, e féchase o exemplar,
como os anteriores, cunha nutrida serie de notas “Locales” en que
se informa de toda clase de eventos sociais da vida viveiresa e das
súas xentes, con especial mención aos de índole relixiosa.
Desfilan
así referencias ao casamento en Compostela de Alfredo Bermúdez de
Castro Plá con María de la Cruz Mosquera; á celebración dunha
función relixiosa en Galdo en honra a San Antonio e San Roque,
presidida polo cura ecónomo José R. Souto Mel e acompañada pola
actuación da Banda de Exploradores, baixo a batuta de Eugenio Gómez;
á toma de posesión do cargo de capelán-coadxutor de San Pedro de
Viveiro e Landrove por parte do presbítero José Alvariño García;
á chegada a Viveiro, na compaña das súas irmás, do xurisconsulto
e auditor da Armada retirado Jesús de Cora y Cora; á función
relixiosa celebrada na parroquial de Valcarría, baixo a presidencia
do cura Juan Reigosa Lorenzo e con sermón de Francisco Fraga
Fernández; á chegada a Viveiro, procedente de Uviéu, de Juan
Donapetry e da súa esposa, María Rosa Orts…
Tamén
se alude na citada sección aos brillantes resultados académicos
obtidos na Universidade compostelá polo estudante Felipe Díaz
Ortega, fillo do notario Felipe Díaz Ponte, e, na de Valladolid, por
Julio Rodríguez, fillo do secretario do xulgado Julio Rodríguez
Meyre; ao remate dun novenario ao Sagrado Corazón na parroquial de
Santiago, con sermón do cura de Galdo, Souto Mel; ao regreso a
Viveiro de varios sacerdotes da comarca (Antonio Nieto, párroco de
Santa María; José Galdo López, párroco de Chavín; José Mª
Rodríguez Ínsua, cura castrense; Gerardo Fanego Losada, vigairo de
Valdeflores; e Tomás R. Villlameitide, capelán-coadxutor de Galdo)
que se desprazaran ata Mondoñedo para participaren nuns exercicios
espirituais; á partida para Vilalba da muller e fillo do
farmacéutico Federico Meirás, Consuelo Goás Franco e Antoñito; á
celebración en San Pedro da festividade do patrón, con sermón do
párroco Gervasio Lamas Lodos; á visita a José Barro, en Chavín,
do opulento industrial de Barcelona, sr. Cucurny, dono dunha fábrica
de cerámica en Burela; e, por último, á chegada a Viveiro desde A
Coruña, cos seus fillos, de Dolores Rebellón Basanta, para pasar
uns días en casa de seus pais.
Simpática
é a redacción da nota con que finaliza a sección “Locales” na
última plana deste sexto número do noso xornal:
“El
Banco de España ordenó la recogida de los billetes de 500 pesetas,
para evitar la difusión de los falsos del mismo tipo; por las señas
que los periódicos dan de ellos, era fácil distinguirlos de los
legítimos.
Nosotros,
por desgracia, no nos hemos visto en el caso de confrontarlos”.
Expostas
sumariamente as nosas lecturas e
descubertas após a consulta de tres dos exemplares da colección do
xornal viveirés La Defensa, chega o intre de expoñermos
algunhas conclusións, por máis que estas sexan necesariamente
provisorias.
- Fronte á información ofrecida por Donapetry, Gerino e Paz Teijeira & Mª de la Torre, que sitúan o comezo da publicación no 2 de xuño de 1918, constatamos que o primeiro número de La Defensa saíu á rúa, en realidade, uns días antes, concretamente o 30 de maio dese mesmo ano.
- O intervalo que se rexistra entre os número 5º e 6º é exactamente semanal, de maneira que a perda de periodicidade fixa a que aluden as fontes consultadas ten que ser necesariamente posterior ás datas dos citados números.
- Do mesmo xeito, os tres exemplares en cuestión que demos consultado saíron do prelo da casa tipográfica Mancebo mindoniense, de xeito que é necesariamente posterior ao 6 de xullo de 1918 a mudanza do noso xornal aos talleres de Fojo.
- Se no primeiro exemplar as planas aparecen maquetadas só a dúas columnas, nos outros localizados presentan, en troca, tres columnas. Todos os exemplares en cuestión constan de catro páxinas, o habitual nesa época. A pesar das liñas estampadas ao respecto no editorial de presentación do seu primeiro número, non achamos nos exemplares consultados de La Defensa ningún dos gravados ilustrativos prometidos.
- Xa desde o primeiro número do xornal aparece na mancheta a indicación “se reparte gratuitamente” e se atribúe explicitamente a dirección do rotativo a Jesús Noya González. Esa gratuidade explica unha peculiaridade do rotativo, como é a total ausencia de publicidade e propaganda comercial nas súas planas. Por outra banda, a pesar do convite expresado no primeiro número (“abrimos las columnas de LA DEFENSA a todos los ciudadanos cultos, a los amantes del progreso de este país, sin distinción de ideas políticas ni de afecciones de cualquier orden”), o certo é que a confección do xornal debía recaer en exclusividade na propia figura do seu director, pois non se rexistra nos exemplares coñecidos nin unha soa colaboración que apareza asinada por calquera outra persoa que non sexa el.
- Coidamos moi probábel que fose o industrial José Barro Polo, unha e outra vez defendido nas páxinas da publicación nas súas polémicas co bando liberal viveirés, o patrocinador económico, baixo corda, de La Defensa. Os noutrora acérrimos inimigos Barro e Noya, que mesmo chegaran a se ver as caras nos tribunais, fixeron causa ao unísono por medio de La Defensa contra os seus comúns antagonistas, que non eran outros que os políticos liberais locais, co banqueiro Benigno López á cabeza e co semanario El Heraldo de Vivero como medio de expresión.
- En moitos aspectos xornalísticos e de orientación editorial, La Defensa constitúe unha clara continuación de El Eco de Vivero e de Verdad y Justicia, circunstancia lóxica se atendemos ao rol de director que exerceu sobre todos estes cabezallos o subdiácono Jesús Noya González. O feito de que a súa redacción e administración se situase na mesma rúa Fernández Victorio (antes Quiroga), as críticas ao bando político liberal e á prensa de carácter librepensador e esquerdista, a constante presenza de novas da vida relixiosa local e o recurso a certos xéneros xornalísticos caracterizadores, como é o caso dos artigos eruditos sobre historia local ou o dos diálogos de personaxes populares en galego acastrapado, así o poñen de manifesto.
- La Defensa é unha publicación explicitamente confesional, católica, e declaradamente antiesquerdista, como poñen de manifesto os diálogos de Lois d’a Pumarega inseridos nas súas páxinas, mais non casa nin se erixe en voceiro de ningún partido político concreto do espectro conservador ou dereitista, nin a nivel local (“no pertenecemos a ningún bando político de los que a Vivero han dividido”), nin a nivel supralocal. Neste punto, marca unha certa separación co seu precedente inmediato Verdad y Justicia, por canto este actuara como voceiro oficioso do partido conservador maurista na localidade.
- Indiscutíbel é, asemade, a constante preocupación amosada na liña editorial de La Defensa polo progreso material da vila e da comarca: artigos sobre alumeado público, camiños veciñais, escolas de “Vivero y su Comarca”, fomento do turismo…
- A presenza do galego na publicación limítase aos diálogos da sección “Ninguén se queime. Somente por parolar”.
- Como era de agardar, o xornal liberal El Heraldo de Vivero, que viña editándose desde 1912, constitúese no contendente/contraditor principal de La Defensa. Se nos finais do século XIX, Noya polemizara co liberal El Vivariense desde o seu El Eco de Vivero, nos comezos do século XX seguiu facéndoo co tamén liberal El Heraldo de Vivero, primeiro desde Verdad y Justicia e logo desde La Defensa.
- Infelizmente, nada podemos engadir ás hipóteses ofrecidas por outros autores a respecto da data exacta e circunstancias da desaparición do xornal que nos ocupa.
Após
o apagamento de La Defensa, a finais de 1923, haberá que
agardar a comezos de 1926 para encontrarmos a Jesús Noya González
novamente á fronte dun proxecto periodístico na vila do Landrove: o
semanario independente La Voz del Pueblo, impreso nos talleres
de Esteban Fernández Temprano. A historia desa nova cabeceira de
prensa ben merece un artigo de seu, que agardamos non tardar en
ofrecer.
BIBLIOGRAFÍA
MANEXADA
CHAO ESPINA, Enrique: Historia de
Vivero, Ediciós do Castro, Sada, 1988.
DONAPETRY, Juan: Historia de
Vivero y su Concejo, Artes Gráficas
Santiago, Viveiro, 1953.
GALDO, Fausto: Pintura y pintores
de Viveiro, Ediciós do Castro, Sada, 1992.
GALDO,
Fausto: "Vellos papeis. No cincuenta cabodano de Noia",
Heraldo de Vivero,
23.7.1993, p. 8.
GALDO,
Fausto: "No centenario do pasamento de D. Teodoro Botino",
Heraldo de Vivero,
8.4.1994, p. 8.
ÍNSUA
LÓPEZ, Emilio X. & NUEVO CAL, Carlos: O
primeiro Villar Ponte, Fundación Caixa
Galicia-El Progreso, Lugo, XVII Premio “Ánxel Fole”, 2003.
ÍNSUA
LÓPEZ, Emilio Xosé: Antón e Ramón Villar
Ponte: unha irmandade alén do sangue, CILL
Ramón Piñeiro, Cadernos nº VII, Santiago, 2004.
INSUA,
Emilio Xosé: “Algún apuntamentos sobre o semanario viveirés
Verdad y Justicia”,
Casino de Viveiro-Club Náutico 1982-2007. 25
años de su vida, Viveiro, 207, pp. 49-59.
LEAL ÍNSUA, Francisco: "El
Eco de Vivero, un semanario gallego que dejó
huella", Especial Centenario de La Voz de
Galicia, A Coruña, 4.1.1982, pp. 58-59.
NÚÑEZ DÍAZ, Gerino: Los
periódicos de Vivero. Apuntes sobre la historia de cien años de
prensa en un pueblo gallego, Gráficas Bao,
Lugo, 1980.
PÉREZ RODRÍGUEZ, Modesto: Algúns
chiscos da prensa viveirense, Servizo de
Publicacións da Deputación Provincial de Lugo, Lugo, 1999.
SANTOS GAYOSO, Enrique: Historia
de la prensa gallega. 1800-1986,
Volume I, Cuadernos do Seminario de
Sargadelos, nº 52. Ed. do Castro, Sada, 1990.
SANTOS GAYOSO, Enrique: Historia
de la prensa gallega. 1800-1993,
Volume II, Cadernos do Seminario de
Sargadelos, nº 68, Ed. do Castro, Sada, 1995.
TEIJEIRA, Mari Paz & TORRE, María de la: A
Prensa en Lugo: dous séculos de historia,
Servicio de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo, Lugo,
1997.
TOBÍO FERNÁNDEZ, Lois: As
décadas de T. L., Ediciós do Castro, Serie
Documentos, nº 110, Sada, 1994.
VILAVEDRA, Dolores (coord.): Diccionario
da literatura galega. Tomo II. Publicacións Periódicas,
Ed. Galaxia, Vigo, 1997.
EMILIO
XOSÉ ÍNSUA
Do
Seminario de Estudos Terra de Viveiro
Notas
1
Cf. VILLAR PONTE, Ramón: "Don Jesús Noya González, BRAG, nº
277-280, tomo XXIV, Novembro de 1944, páxs. 11-12.
2
Vide GALDO FERNÁNDEZ, Fausto: "Vellos papeis. No cincuenta
cabodano de Noia", Heraldo
de Vivero,
23.7.1993, p. 8.
3
Vide NÚÑEZ, Gerino: Los
periódicos de Vivero,
páx. 24.
4
Vide DONAPETRY IRIBARNEGARAY, Juan: Hª
de Vivero y su Concejo,
1953, páx. 478.
5
Vide PÉREZ RODRÍGUEZ, Modesto: Algúns
chiscos da prensa viveirense en louvanza a Jesús Noya González,
Deput. Prov. de Lugo, 1999, páxs 6 e 11.
6
Téñase en conta que seu pai chamábase Manuel Noya Pumar e
que el propio tiña como nomes de pía os de Jesús Manuel Luís.
Ningún comentario:
Publicar un comentario