eu

eu
eu

xoves, 27 de outubro de 2016

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (V)


Sección da banda dos Garrote, de Ortigueira, a comezos do século XX
As Bandas de Música

Dentro da corrente de popularización da música, poucos agrupamentos teñen tanta relevancia e incidencia como as bandas. Desde certa perspectiva os seus compoñentes, individuos case sempre de extracción social humilde, achan nas nocións elementais de solfexo que teñen que adquirir e na posterior habilidade interpretativa unha vía feliz de culturización efectiva, que os fai ademais merecentes do respecto social. Desde outra, as bandas achegan ás masas que forman o “gran público” pezas musicais de toda índole, facéndoas permeábeis a variados estilos e xerando nelas unha afección que será levada e multiplicada logo por todo tipo de novos agrupamentos musicais.

Na época de entre dous séculos, entre finais do XIX e comezos do XX, existiu unha vibrante rivalidade musical entre Ortigueira (os fúfaros) e Viveiro (os vilanchos), deliciosamente retratada no seu día por Ramón Canosa no duodécimo capítulo da súa Historia menuda de un pueblo gallego (1953).

A saga dos Garrote de Landoi, formada polo pai José María, fundador da banda ortegana en 1886, e os fillos Manuel, Francisco e Luís, que a dirixiron dende 1901, personalizou daquela a figura do músico popular de cualidade, espertando envexa e admiración a partes iguais en todos os municipios da contorna.

A superioridade técnica dos orteganos sobre calquera dos músicos viveirenses daquel tempo era unha espiña cravada no orgullo local que tardou tempo en poder ser arrincada... Por se fose pouco, os músicos de Landoi introducían no seu repertorio pezas da máis alta alcurnia musical, como fragmentos de ópera, causando o desconcerto das xentes que asistían ás romaxes da comarca querendo simplemente “botar un baile”. A confusión músico-danzante que causou a banda ortegana nunha edición do San Pantaleón de Galdo, segundo conta con graza Canosa, levou a que o ramista da comisión imprimise para a seguinte edición da festa unha folla voandeira para espallar entre o público que incluía este desconcertante recado: “¡Alto a la parranda! (...) Bailarines: abstinencia!”.

En realidade, Viveiro non dispuxo dunha banda estábel ata 1916, cando conseguiu formar a chamada “Banda de Exploradores”, da man de Juan Latorre Capón (Lugo, 1858-Viveiro, 1936). O propio Latorre viñera a Viveiro en 1886 con esa misión e, de feito, ao amparo dos desexos dos entón alcaldes conservadores César Riego Almoina e Benito Quintana, que adquiriran a tal fin unha vintena de instrumentos, creara un agrupamento musical bandístico. Mais aconteceu que este primixenio intento chocou coas feroces rivalidades políticas en que se vía inmerso o Viveiro desa época, que habían desembocar traxicamente no tiroteo de 1911 que levou por diante a vida inocente dunha vendedora de queixos na Praza e que foi abondosamente aireado en toda a prensa peninsular co revelador nome de “Los sucesos de Vivero”.

Efectivamente, os liberais, por medio do semanario El Vivariense, levaron adiante unha campaña de críticas constantes ao traballo de Latorre, denunciando as súas presuntas ausencias inxustificadas ás clases da Escola municipal, protestando polo pésimo estado do instrumental da banda, facendo burlas sobre a súa cualidade musical, etc. En 1896 os concelleiros liberais Trobo e Rafael Galdo defenderon na Corporación unha proposta de destitución de Latorre, que foi rexeitada, mais o propio director presentou daquela a súa renuncia alegando motivos de saúde, para trasladarse de seguido a Ribadeo. O instrumental desa frustrada banda, segundo Nuevo Cal (“As Bandas de Música de Viveiro (1848-1936), Viveiro en Vivo, Ano I, nº 2, nadal 1988, pp. 20-27), sacouse a subhasta e os músicos repartíronse en dúas novas agrupacións de menor entidade, a “Música de Cazadores”, encabezada por Francisco Peláez, e a “Banda de Ingenieros”, dirixida por Juan Rivas.

Banda de Música "La Lira", de Viveiro, promovida nos anos 20 por Manuel Amor, (a) Tolino.

José Botino tomou o relevo durante algún tempo como director dunha pequena banda popular que atendía as actuacións nos festexos máis relevantes do ano viveirense. Trala súa precoz morte, xurdiu un novo agrupamento, da man de Balbino Díaz Deán (O Cristino) co nome de “La Escala”, que conviviu nos anos 10 do pasado século con outros como a banda da Liga de Amigos e a Sociedad Filharmónica (1913), ambas baixo a batuta de Juan Latorre, retornado a Viveiro desde 1904. Da citada Filharmónica facían parte os violinistas Moisés Peláez, Ricardo Galdo, Jesús Pena, Jesús Fernández Veiga e Ramón Canosa, o tanxedor de viola Manuel Mera, o contrabaixista Nemesio Barreiro Casal, o violonchelista José Salaverri e o frautista Francisco Pena.

A banda do Cristino, chamada con malicia “banda d'o esgarro”, na que formaban músicos viveirenses de orixes populares, moitos deles zapateiros, como Vicente Pérez (Camacho), Antón do Forno, José Bermúdez (Pepe Randa), Antonio Rodríguez López (Cuco), José Guerreiro (Goyo) e os irmáns Preñados, tíos da muller de Vicente Pérez, foi finalmente absorbida en 1917 pola Banda de Exploradores de Juan Latorre Capón, gozando así Viveiro por vez primeira dunha Banda de Música de valía certa.

A banda de Exploradores, que non tiña vínculo co Concello, debutou en xuño de 1917 nunha velada no Teatro Nemesio e a comezos de 1918 estaba composta por un total de vintecinco músicos, máis o director, entre os que figuraban Eugenio González e Cirilo Romero (bombardinos); Manuel Amor (baixo); Francisco Yáñez, Benigno Soto e Cesáreo González (trombóns); Felipe Fernández (trombino); Juan Paraños e Manuel García Atadell (fliscornos); Herminio Amor, Benigno Gómez, Bernardo Fernández e Vicente Cociña (cornetíns); Francisco Pena, Nemesio López, Eusebio Taboada e Agapito García Atadell (clarinetes); Andrés Mariño (requinto), etc.

Ben é certo que esa agrupación padeceu axiña problemas internos, que a debilitaron enormemente tras a marcha de varios elementos encabezados por Manuel Amor, o Tolino. Refeita nos anos finais da ditadura de Primo de Rivera e asumida nalgún instante como “banda municipal”, asistiu xa en plena 2ª República ao momento de xubilación do seu director Latorre, con nada menos que 75 anos de idade, que cedeu a batuta, tras a correspondente oposición, a Hixinio Cambeses Carrera.

A chegada a Viveiro en 1935 deste músico marca un punto culminante no panorama local nos tempos da 2ª República. Cambeses, que era fervente republicano e simpatizante do Partido Galeguista, traía consigo unha prolífica obra musical propia inspirada nos motivos tradicionais galegos e foi un director pioneiro á hora de introducir as gaitas na formación, opción esta que nunca sería do agrado do músico e xornalista viveirense Jotraque. Desa obra de Cambeses, pendente de recuperación na maioría dos casos, pois non en balde o seu autor fixo parte do bando dos derrotados e represaliados no 36, cabe sinalar pezas como os pasodobres “¡Ard'o eixo, carballeira!” e “Cántigas da ría”, a balada “Terra Nosa”, a muiñeira “Miña xoia” e a xota “Carballeira”, mais tamén o danzón “Allá en Camagüey” ou a marcha-diana “¡Libertad!”, de título ben elocuente.

Banda de Música de Viveiro, con Hixinio Cambeses como director (Anos 30 do século pasado)
Ao comezar a guerra o 18 de xullo de 1936, Cambeses é detido, torturado cruelmente e destituído manu militari do seu posto de director. Tras deixar Viveiro, en 1943 estabelécese en Cuntis, onde dirixe a banda en medio de terríbeis padecementos psíquicos, e en 1948 trasládase a Padrón, onde intenta suicidarse varias veces. Nunha delas, mentras era atendido nun hospital de Pontevedra, conseguirá aforcarse cunha saba, pondo así tráxico final ao seus días.

Logo da destitución represiva de Cambeses fíxose cargo da Banda de Viveiro Jesús Pérez Rivas (Camacho), quen cesou no posto por traslado en 1944. Tras períodos de interinidade en que estiveron á fronte do agrupamento musical, sucesivamente, directores como Francisco López Díaz (O Curto), Carlos Adrán Cambón e Ramón Amor o Tolino, asume o posto o músico ortegano Manuel Rebollar Martínez, que llo traspasa pola súa vez en 1956 a un mozo de apenas vintesete anos entón, chamado Alfonso Mariño Parapar.

Cómpre sinalar, en paréntese, que cando Ramón Amor deixa de dirixir a banda de música de Viveiro é para crear a orquestra “Amor”, que con figuras como Benigno Soto na batería, Toniño no contrabaixo e Juano de Xove no acordeón, estará en activo ata 1963, coa “Variedades” como grande e “eterna” rival nos palcos...

O 28 de marzo de 1958 fixo o seu debú a Banda de Música de Viveiro de Alfonso Mariño Parapar. Tras unha pequena paréntese, reorganízase en 1965, con mulleres entre os integrantes (cousa nada habitual entón) e chega en activo ata 1992, con algún interregno en que exerce como director interino Antonio Amigo (1960-61).

Desde mediados dos anos 80, porén, a Banda de Don Alfonso, que sempre tivo unha forte compoñente xuvenil no seu cadro, estivo atravesada de tensións, por motivos moi diversos. Un, a polémica sobre o alcance do seu carácter “municipal” e os dereitos que iso daba presuntamente aos músicos en canto traballadores do Concello. Outro, a necesidade de dotarse dun regulamento interno e dunha Xunta Directiva que non deixase ao albur do director absolutamente toda a xestión e todas as decisións, incluídas as disciplinares. Para a elección dos representantes dos músicos nesa Xunta chegaron a enfrontarse en 1987 senllas candidaturas, encabezadas respectivamente por Modesto Fustes e Hernán Naval, respectivamente, con triunfo da primeira por 23 a 16 votos. Outro motivo de discordia intestina foi a demanda de creación dun Conservartorio na vila, que non foi acollida nin moito menos con entusiasmo por algúns sectores. Outro máis, aínda, o xuvenil descontento interno dunha boa parte dos seus músicos, por polémicas como a negativa do director a actuar gratis para a televisión ao paso dunha Volta Ciclista. Moitos deses músicos novos (Cayetano Navarrete, o Yupi, Beni, Paco Flo, etc...) marcharán da banda nun momento dado para fundaren a charanga “Os Yoscos”.

Esta crise da Banda comezaría a superarse cando se produza a xubilación de Mariño Parapar (1992) e, tras un breve período de Carlos Méndez como director no propio ano de 1992, a entrada na dirección de Francisco Javier Vidal Suárez, que permanecerá no posto ata 2005. O período posterior, co ponteareán Delio Represas Carrera á fronte e coa entidade rebautizada como Banda de Música “O Landro”, resulta de grande brillantez e incluíu un solemne concerto de conmemoración, en novembro de 2008, do cincuenta aniversario da súa refundación, no que participamos cun texto (logo publicado por entregas no semanario Heraldo de Vivero) en que evocamos as anécdotas e vivencias da nosa etapa de músico nesta agrupación, que vive desde agosto de 2015 un novo cambio, baixo a competente batuta de Carlos Timiraos Timiraos.

Desde 2011 celébrase nas vésperas da Semana Santa un Certame de Bandas Cidade de Viveiro que permite coñecer e gozar do traballo de moitas destas agrupacións chegadas desde diversos puntos da Península.

domingo, 9 de outubro de 2016

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (IV)



Comparsa feminina do Antroido de Viveiro, a comezos do século XX. Fotografía de José Ínsua.

A música como elemento esencial das festas do Antroido
 
Durante a segunda metade do século XIX e os primeiras décadas do XX, Viveiro dá numerosos exemplos da dinámica de popularización musical a que aludimos na anterior entrega deste traballo. Se algún momento do ciclo festeiro anual viveirense exemplifica como ningún outro esa dinámica, ese momento é o Antroido.

O Antroido na vila de Viveiro propiamente dita, isto é, o “urbano”, tivo xeitos propios, claramente diferenciados en moitos sentidos do Antroido “rural”. Entre eles, un dos que máis nos interesa salientar é a creación de todo tipo de agrupamentos, chámense “comparsas”, chámense “músicas”, chámense “rondallas”, en que a presenza de instrumentistas de pulso e puga e un repertorio de cancións preparado ad hoc constitúen dous elementos tan esenciais como o propio disfraz.
 
Na Sociedad de Obreros segundo explicaba Manuel Bermúdez Fernández, “los socios jóvenes ensayaban veladas teatrales y algunos grupos aprendían a tañer instrumentos de púa para dar serenatas en días señalados (Cf. Badal, Viveiro, nº 41, 43-III-1983)”. A propia Sociedad organizou en 1901 un Orfeón denominado “Brisas del Landro”, baixo a batuta de Pedro Marco (cf. Diario de Pontevedra, 31-I-1901, p. 3) e comparsas de Antroido como “Los de la Clave de Sol”.

Durante o Antroido, as comparsas desfilaban disfrazadas polas rúas cantando coplas e cancións feitas para o caso e tamén, como sinala Tobío nas súas memorias, aqueloutras “que estaban de moda ou vellas habaneras e valses como aquel que comezaba: 'Ven, dueño mío, ven que mi alma te adora'" (Cf. TOBÍO, Lois (1994): As Décadas de T.L., Sada: Eds. do Castro, serie Documentos, nº 110, p. 42). 

Merenda campestre da comparsa dos Armantes, de Viveiro

Entre esas comparsas antroideiras de Viveiro deixaron fonda memoria:
  • A dos “Armantes”, impulsada entre 1872 e 1882 por Vicente Sergio López Carril, Juan Antonio Ínsua Dorado (Novenas), Joaquín Ávila (Quinco) e Manuel Sampedro López, canda outros, e glosada nun fermoso artigo polo noso chorado amigo e mestre Fausto Galdo (Cf. GALDO, F. (1992): “A troula dos Armantes”, en Libro-Programa das Festas Patronais de Viveiro);
  • A xa citada “Los de la Clave de Sol” da Sociedad de Obreros;
  • A “Comparsa del Trueno” (1913), formada entre outros polos irmáns José e Fermín Ínsua (da Mica), José Núñez Regal (Favorito) e Lisardo Martínez (Mariñao);
  • A dos “Blancos Pierrots” (1929);
  • Así da gusto” (1933), presidida por Vicente Baño;
  • A murga “Los Últimos” (1935), que interpretou a famosa habanera de Emilio Caxete que comeza cos versos “Es Vivero delicioso / regado por el río Landro; / podría ser más hermoso / pero, señores, hay mucho mando...”;
  • e, last but not least, a comparsa “Interrogación”, que ademais de en Viveiro actuou no Antroido en Vilalba 0 3 de febreiro de 1932 e da que coñecemos o elenco instrumentístico ao completo, formado por Ramón Amor e Manuel Cora Quiroga (Lole de Manaí) como violinistas; Manuel Romero como mandolinista; Plácido Amor coa frauta; Jesús Cora Quiroga (Xuxo de Manaí) e Manuel Baño Cerdeiras como laúdes; Andrés Mariño, Carlos Ruza, Benigno Gómez, Vicente Baño e Francisco Bermúdez como guitarras; Eugenio del Valle, Joaquín Picado e Varela como primeiras voces e Francisco Pedreira (Chichí), Antonio Otero (Primo), José Nistal e Germán González (Madono) como segundas voces.

A comparsa "Interrogación" (1932), de Viveiro

Simpática e curiosa foi, asemade, a experiencia do “Circo-Tabariqués”, relatada con pormenor por un dos seus protagonistas principais, José Nistal, no libro Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi e que incluía entre os seus números a actuación do dúo vocálico “Del-Nis” (Eugenio del Valle e José Nistal), que interpretaban o tango “Bésame en la boca”, a canción venezolana “Languidece una estrellita” e o valse “Ensueño”.

A aventura dese peculiar Circo, da que foron partícipes entre outros o noso avó paterno Emilio Ínsua Polo (Milucho) e a súa irmá Charo, que tocaba o piano, non pasou das dúas actuacións, o debú exitoso en Viveiro en febreiro de 1930 e o fracaso rotundo en Vilalba en abril dese mesmo ano, mais deu renda solta ás afeccións artísticas e á simpática pallasada dun grupo de mozos que, en definitiva, como resume Nistal (Cf. NISTAL, José (2001): Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi, Viveiro: Seminario de Estudos Terra de Viveiro, p. 55):

fue el que durante tantísimas noches en todas las épocas del año turbó poéticamente el sueño de las jóvenes vivarienses al despertarlas nuestras románticas serenatas, con canciones propias o ajenas, cantadas por Joaquín [Picado Marín], Eugenio [del Valle], [Antonio] Meirás, el ciego Darío, Jesús Picado, yo [José Nistal]..., y acompañados por el violín de Lole [Manuel Cora Quiroga], la flauta de Pepiño Ladra, los laúdes de Manolo Baño y de Xuxo de Maneí [Jesús Cora Quiroga], la mandolina de Pichurre [Manuel Romero], las guitarras de Andrés de Cidre, de Vicente Baño, de Nito...; en la víspera de Reyes, para dejar las sorpresas con dedicatorias humorísticas; en la de San José, para felicitar a las Pepitas, y en la de las respectivas onomásticas de las Lolas, Conchitas, Cármenes, etc.”
 
Na perruquería de Castañer reuníanse tamén algúns mozos melómanos viveirenses para formaren rondalla e ensaiaren os danzóns que para ela compuña Latorre, con letra de Antonio Lorenzo. Unha desas pezas, en galego, comezaba cos versos: “Branca pombiña / dos meus amores, / que n'a Ribeira / xogas co'as froles...”.

No Antroido de 1933 visitáronnos dúas rondallas vilalbesas, “Alegría” e “Los Caballeros del Castillo”. Esta última interpretaba cancións con música de Manuel Currás Guntín e Ramón López Ares e letra da escritora Carmiña Prieto Rouco, que daquela era xa colaboradora habitual do Heraldo de Vivero.

"Comparsa del Trueno", do Antroido viveirense de 1913.

Neses anos 30 naceu tamén en San Cibrao a rondalla de Benigno Rey Alonso, mentres que en 1932 fixo o propio a “Juventud Musical de Celeiro”, con Vicente Carballo Blanco como presidente e os irmáns Balbino e Francisco Ínsua Álvarez, entre outros, na directiva. 

Paralelamente á existencia puntual desas comparsas antroideiras, compañías lírico-dramáticas visitaban cada ano Viveiro nos comezos do século XX para ofreceren o seu repertorio de números zarzuelísticos ou cupletistísticos, como a de Calvacho-Ruiz, a de Montijano, a de Llopis, a de Gómez de la Cruz, a de Cecilio R. de la Vega, o dueto Malvar-Vidal... 

Algunhas veces as interpretacións destas compañías reducíanse tan só a un coro de voces e un piano, mais o certo é que os números musicais máis pegadizos acababan sendo memorizados por boa parte do público e cantados logo en todo tipo de ocasións festivas. A título de anécdota digamos que a compañía Montijano reservaba un lote de entradas gratuítas para os membros da Banda de música de Viveiro a cambio de que esta dese un pasarrúas “publicitario” polas principais rúas da vila nos momentos previos ao comezo do espectáculo, que tiña lugar no teatro popularmente denominado “O caixón dos figos”... 

Tamén chegaban ata a Vila músicos ambulantes, como don Adolfito, que Tobío evoca con estas palabras (cf. TOBÍO, Lois (1994): As Décadas de T.L., Sada: Eds. do Castro, serie Documentos, nº 110, pp. 34-35):
 
Don Adolfito percorría a Praza e as rúas a cantar, acompañándose do violín, cantigas de amor ás donas e rapazas que estaban nas fiestras, galerías e balcóns, e botando requebros (beldad, sultana, hurí...) ás belidas que pasaban carón seu. Era, polo visto, home lanzal e distinguido, de bigode e barbiña en pirulo, cabelo loiro, que coñecera aos da casa da Troia coma estudante en Santiago, onde nacera, e que, segundo contaban, por un amor malfadado, perdera unha miga o siso e botárase ao camiño coma un derradeiro trovador. A miña nai lembraba unha das suas cantigas que lle eu ouvín cantar moitas veces:
Niña de trenzas de oro
y de ojos soñadores,
para cantarte amores
escucha al trovador.
Trovador,
por ti me muero de amor,
por ti me muero,
me muero
de amor”
Contan que ía vestido de levita e bombín e levaba unha florciña silvestre na lapela, e que nonm aceptaba donativos en público anque sí cando se lle daban con disimulo. Era, xa que logo, coma un romántico “après la lettre” (...)”.

Nos comezos do século XX, naquel Viveiro que César Michelena Rebellón definiu nun dos seus sonetos como “cantarín y bullanguero" (Cf. MICHELENA REBELLÓN, C. (1987): Mis cien sonetos a Vivero, Viveiro: Gráficas Lar, p. 24), triunfan algúns ares musicais traídos da Habana polos moitos emigrantes das terras regadas polo Landrove que frecuentaban neses anos a Illa caribeña: guajiras e habaneiras como a da “bella Lola”, “En el fondo del mar nace la perla”, etc. 

Dicía Jotraque (José Travieso Quelle), neste sentido (Cf. TRAVIESO QUELLE, J. (2010): Vivero, síntesis del incensario y la gaita, Viveiro: A.C. Estabañón, pp. 29-30), que “la gente de Vivero canta muy bien, especialmente habaneras y otras canciones que tienen un sello nostálgico” e o mesmo xornalista evocaba no artigo “Con orlas negras” ao barbeiro e mandolinista Manuel Romero, (a) Pichurre deste xeito

"Yo recuerdo de mis años mozos a Pichurre sentado a la puerta de su establecimiento tocando con su mandolina alguna de las habaneras de moda en aquellos tiempos (...). A veces, se unían la la música de Pichurre las voces de Darío da Cobela, un invidente de buena voz, y Emilio de Chupitín, que cantaba muy mal (...)"

Cuarteto "Los últimos románticos"

Nos anos 50 formouse tamén en Viveiro un conxunto de pulso e puga chamado “Los últimos románticos”, que estaba formado por Canana (guitarra e voz), Pichurre (mandolina), Paco de Rocambol (laúde) e Jotraque (violín). Na simpática visión dun dos seus protagonistas (Cf. Travieso Quelle: Op. cit., p. 95):, o grupo era
 
más malo que la carne del pescuezo hasta tal punto que una noche, durante una serenata, algunos melómanos confundieron el bolero “Campanitas de la aldea” con la serenata de Schubert, tan mala era la interpretación”.

A chegada dos primeiros gramófonos abriu, non obstante, unha posibilidade nova de gozar da música que xa non implicaba necesariamente a interpretación en directo. Fernando Pérez Barreiro, no libro El digesto no indigesto (1952), evocaría a barbería de Vergallás, dotada dun deses novos aparellos fonográficos:

Era de verle afeitar con una navaja en cada mano y actuando con las dos a un tiempo, al compás de un alegre pasodoble o de un pausado danzón, según las preferencias del cliente, que elegía el disco que había de rodarse en aquel primitivo gramófono de descomunal vocina, mientras duraba la faena del afeitado”.

xoves, 29 de setembro de 2016

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (III)

A música como elemento esencial do lecer vilego e un crítico musical viveirense inxustamente esquecido



O grupo de gaiteiros BRISAS DO LANDRO, de Viveiro, a finais dos anos 50 do pasado século

As vertentes relixiosa, oficial e militar da música en Viveiro non recollen de seu toda a intensidade da tradición melómana local, que se complementa cunha vizosa listaxe de agrupamentos (rondallas, orquestrinas, cuartetos, tunas...) creados sobre todo e ante todo para contribuír a facer máis ameno o tempo de lecer dos nosos devanceiros.


A música foi elemento esencial da diversión e do lecer para amplas capas da sociedade. Na rioleira de festas patronais de todas e cada unha das parroquias da Terra de Viveiro non faltou desde que hai memoria un gaiteiro con acompañamento de tamboril, ou un cuarteto, ou un acordeonista, ou unha orquestrina, ou unha sección de banda de música ou, en tempos máis recentes xa, unha orquestra ou conxunto músico-vocal.

Do tecido societario e recreativo que vai xurdindo na Vila desde o século XIX en adiante, como imos ver a seguir, non cesan de aparecer agrupamento e iniciativas musicais. En realidade, ata os enterros levaban antigamente na Vila do Landrove acompañamento musical de fagot, competindo co toque de defunto das campás...

O espallamento a partir da segunda metade do século XVIII da moda italianizante na música (Rossini, Bellini, Donizzeti, máis tarde Verdi e Puccini...) trouxo consigo a difusión de certos xéneros operísticos, como a “aria”, o “recitativo” e a “cantata”, que dos salóns da aristocracia cortesá e capitalina se contaxiaron axiña a estratos sociais máis baixos pero ansiosos de cultura e refinamento, como a fidalguía e a burguesía vilegas. Este gusto musical consegue romper o ata entón case monopolio relixioso da música culta e pon en marcha unha “desacralización” imparábel. Agora nacen novos ámbitos de sociabilidade, alleos ao estamento eclesiástico, que queren gozar activa ou pasivamente da música: son os Liceos, os Casinos, as Sociedades Filharmónicas, os Cafés-Concerto...

En Viveiro, ao igual que acontece noutras vilas como A Coruña (Círculo de Artesáns), Lugo (Círculo das Artes) ou Ferrol (Recreo Artístico), os mediados do século XIX marcan a aparición da primeira das entidades deste xénero.

Segundo datos ofrecidos polo actual cronista oficial nunha entrevista en 2008 para La Voz de Galicia, en 1848 naceu en Viveiro unha Academia Filharmónica, da que era encargado Tomás Rebellón e director Julián González Llobes. Máis tarde, pequenos agrupamentos musicais, encabezados respectivamente por José Botino, Francisco Martín e Antonio Travieso, ocupábanse de actuar nos actos festivos e relixiosos de maior relevancia que tiñan lugar na Vila.

Hai noticia de que en 1852 existiu na vila un Circo-Recreo, que ocupaba un local que lle alugou Benito Galcerán e que dispuña dun piano que adquiriu o avó materno dos irmáns Villar Ponte, José Mª Ponte. Nese Circo-Recreo constituíuse unha sección lírico-dramática, animada por Florencio Pla Sampedro e Vicente Sergio López Núñez e composta por señoritas de boa familia (Clementina Ponte, Rita Pardo de Cela, Concha Osorio, unha filla do Rebellón...), que debutou en xaneiro de 1873 con números musicais diversos, como o dúo de tiples da zarzuela El relámpago, fragmentos das óperas Semiramis e Campanone para piano e frauta, a melodía “El despertar” e o bolero da zarzuela Los amantes de la Corona. A mesma sociedade Circo-Recreo contratou os servizos profesionais do músico Lorenzo de Castro, por un soldo de 1.000 reás ao ano e obriga de ofrecer concertos todos os xoves e domingos, con horario distinto segundo fose inverno ou verao.

En 1869 constituíuse o Círculo Artístico, Instructivo y Recreativo de Vivero, auspiciado polos republicanos locais que lideraba Salustio Vítor Alvarado e con local no futuro “Chipe”. En novembro de 1882, este Círculo e o Circo-Recreo fundíronse nunha soa entidade, o “Círculo de Recreo de Vivero”, con local no que hoxe é o bar “A Fragata”, na rúa de Abaixo. Tras sufrir diversas escisións (a da conservadora “Tertulia de Confianza” en 1889, á que pertencei Don Ponciando Villar Bermúdez, pai dos irmáns Villar Ponte; a de “La Peña” de Ramón Díaz Freixo en 1908, con local na rúa María Sarmiento), o “Círculo de Recreo” acabaría refundándose en 1915 como “Centro Vivariense”, baixo a presidencia de Balbino Franco Fernández e a vicepresidencia de Eusebio Bujados (irmao do xenial debuxante Manuel). O Centro desembocaría finalmente na sociedade “Casino de Vivero”, en maio de 1935, que herdou o fermoso local nos xardís do Malecón que lle viñera servindo de sede ao “Centro” desde 1924. Como é ben sabido, o Casino trasladaríase á súa sede actual en decembro de 1982.

Precisamente no período de existencia do citado “Centro Vivariense” intentouse crear no seu seo unha Academia de Música e funcionou un cadro lírico-dramático liderado por José Vilar Sixto, con orquestra de pulso incluída que formaban, ademais do propio Vilar Sixto, Eusebio Bujados, Antonio Cora e Jesús Antas, coa posterior incorporación de Ramón Canosa ao violonchelo.

No seo desas entidades recreativas que acabamos de citar, os bailes de gala ou de asalto de Antroido, Nadal, Aninovo, a Candelaria, a Pascua, o Carme e o San Roque, as veladas músico-literarias e os festivais benéficos (pro vítimas do cólera, pro viúvas e fillos de mariñeiros náufragos, pro feridos na guerra de Cuba, pro Asilo de anciáns, etc.) abren a posibilidade dun goce frecuente e reiterado de números musicais de toda índole interpretados por variadas formacións: solistas, dúos, cuartetos, orquestrinas....

Son, por iso mesmo, o humus ambiental preciso para que poidan xurdir figuras como a de José Muñiz Carro (1855-?), un nome apenas coñecido e divulgado hoxe entre nós mais que ten un valor enorme desde a perspectiva da tradición musical que pode exhibir Viveiro, como tentaremos explicar brevemente a seguir.

Fillo de Balbina Carro e do militante republicano e vicecónsul británico no porto de Viveiro Joaquín Muñiz Riobóo, o aludido José Muñiz Carro foi tradutor (en solitario ou en colaboración con Giner de los Ríos) de varias obras literarias e xornalísticas de Edmundo D'Amicis ao castelán, enviou o texto “Las verdaderas glorias” para a velada en honor a Pastor Díaz que se celebrou en Viveiro en 1882 e, sobre todo, exerceu como crítico musical de grande relevancia no Madrid do seu tempo.

Efectivamente, foi redactor desde decembro de 1880 ata o mesmo mes de 1882 dunha prestixiosa publicación denominada Crónica de la Música, fundada en Madrid polo musicógrafo Andrés Vidal y Llimona e que se editou desde setembro de 1878 co subtítulo de “revista semanal y biblioteca musical”. Por certo que á publicación non lle faltaron asinantes no propio Viveiro, que aparecen aludidos na sección administrativa coas iniciais F. L., F. R. L. e S. L. T.

Muñiz Carro exerceu de crítico habitual dos espectáculos de música clásica, ópera e zarzuela que se celebraban nos teatros líricos madrileños de maior renome: o da Ópera, o Real, o da Zarzuela… Da súa pluma foron saíndo comentarios das interpretacións de pezas como Guillermo Tell, Rigoletto, Hamlet, Hernani, Fra Diavolo, Os Hugonotes, Aida, Un ballo in maschera e un longo etcétera. Ocasionalmente, cubriu tamén información de concertos fóra de temporada na localidade alacantina de Alcoi ou comentou as obras pictóricas que puideran verse na Exposición Nacional de Bellas Artes celebrada en Madrid en 1881.

Teñen grande interese os seus artigos de divulgación sobre o compositor Richard Wagner e, en particular, sobre a súa ópera Lohengrin, así como a súa cálida acollida da soprano Sofía Menter e do pianista Antonio Rubinstein, aínda que tamén cómpre amentar as súas agres polémicas con Manuel de Palacio, redactor de La Europa.

En Crónica de la música publicou así mesmo algún traballo sobre historia da música antiga en Grecia e outros que tenden ao ensaio propiamente dito, como a serie de cinco “Cartas musicales a una mujer” (núms. 150 a 154, agosto de 1881), das que extraemos este significativo fragmento:

La música, arte verdaderamente moderno, es fruto de un sucesivo desarrollo de la razón, de la inteligencia y del corazón. La razón formula sus reglas, la inteligencia las coordina y el corazón se aprovecha de ellas para infundirle sentimiento.
Si es cierto, como yo creo, que en el alma humana hay algo de impersonal, de infinito, de divino; á ese algo, á esa región del alma debe dirigirse y se dirige la música (…). El músico no podrá presentar un paisaje, como el pintor; te hará sentir otro género de belleza más indeterminada, más vaga, pero también más conmovedora (…)”.

Volvendo ao rego principal, diremos que a crecente “popularización” da música que se verifica ao longo do século XIX en Viveiro, como en todas partes, trae consigo a aparición de novos agrupamentos, onde a participación de elementos do artesanado, do incipiente proletariado e aínda da pequena burguesía é fundamental. Falamos dos primeiros orfeóns, das primeiras bandas de música (Juan Latorre chega a Viveiro en 1886 contratado para tal fin), das primeiras rondallas e “murgas” de antroido, das primeiras “tunas”.

O fenómeno coincide, non por acaso, coa eclosión do Rexionalismo musical galego, con compositores como Marcial del Adalid, Pascual Veiga, Xoán Montes, Xosé Castro Chané, Xosé Baldomir que compoñen melodías preciosas (“Negra sombra”, “Unha noite na eira do trigo”, “Os pinos. Himno galego”, “Dous amores”, “Lonxe da terriña”, etc.) sobre textos dos autores do Rexurdimento (Rosalía, Curros, Pondal, Salvador Golpe, Aureliano Pereira...) e nutren de rapsodias e alboradas inspiradas na música folclórica galega o repertorio desas agrupacións citadas. Paralelamente, a difusión popular da zarzuela e do “xénero chico” (Barbieri, Chapí...) dota moitas desas agrupacións de numerosas pezas de repertorio, que se completa cun abano de ares musicais vidos de fóra, ao socaire de diversos movementos culturais da atribulada Europa: valses, polonesas, mazurcas, lieds...

Dous instrumentos gañarán nesta época o fervor musical nos ámbitos cultos: o piano e a guitarra. En breve, un terceiro instrumento, o acordeón, farase dono de todos os salóns de baile populares da contorna, como o Salón de Camilo, de Vieiro; o de Mangas Rubas, en Celeiro; o do Gaiteiro, en Grallal, etc., substituíndo a típica formación de “tres e a caixa” (cornetín, bombardino e clarinete).

venres, 9 de setembro de 2016

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (II)

Músicos da Banda de Exploradores de Viveiro, que fundou e dirixiu desde 1916 Juan Latorre Capón

O contributo da música relixiosa, heráldica e militar

Falamos na primeira entrega deste traballo da vertente folclórica e popular da música en Viveiro, salientando algunhas figuras e grupos referenciais e aludindo a algúns dos cancioneiros e recollidas que a conservan. Falaremos nesta segunda entrega do contributo esencial que a música relixiosa e a heráldica supuxeron para a nosa tradición.

A música solemnizou desde moi antigo os cultos e oficios relixiosos nas catro igrexas da Vila (a de Santa María, a de San Francisco e as desaparecidas de Santiago e Santo Domingos) e marcou, así mesmo, as horas do vivir comunitario (desde os maitines ata as completas) dos seus catro conventos, dous deles masculinos, San Francisco e Santo Domingos, ambos desaparecidos, e dous femininos, Concepcionistas e Valdeflores, que chegan aos nosos días.

Estivo presente, xaora, nas celebracións da Semana Santa, con motetes cantados por José Pla Zubiri ou José Nistal desde algúns balcóns no propio pecorrido das procesións nos comezos do século XX; con cornetín e tambor na madrugada do Venres Santo para anunciar o Encontro; con bandas de música interpretando marchas procesionais; e, desde hai uns anos, con concertos de música sacra dentro do programa “Adral” desenvolvido pola Xunta de Confrarías. A Banda de Cornetas e Tambores da TAU, fundada a finais dos anos 70 por Manolo do Paraño e dirixida actualmente por Pacucho, antigo batería dos “Dominantes” e da “Paradise”, e a Banda Naval de Tambores, Cornetas e Gaitas do Casino de Viveiro, creada en 2002, resultan elementos imprescindíbeis nos desfiles procesionais da Semana Santa.

Cantos litúrxicos de toda índole (Kiries, Glorias, Aleluias...), misas cantadas e responsos fúnebres foron interpretados durante séculos nos claustros e nos templos viveirenses por freires e freiras e por sacerdotes educados en Mondoñedo na prestixiosa capela musical da súa catedral, descrita na revista Estudios Mindonienses polo profesor Enrique Cal Pardo, a quen acabamos de perder infelizmente en datas recentes. O pobo participaba musicalmente nesas cerimonias relixiosas sobre todo nas misas do Nadal, como a do Galo, con vilancicos tradicionais que non renegaban da lingua galega e mais nos fatos de cativos que saían polas rúas a cantaren os “Reises” e pediren o aguinaldo.

A presenza do órgano como instrumento para acompañar o ceremonial relixioso do Viveiro antigo está ben documentada, pois sábese que os dragóns franceses fixeron leña do órgano de San Francisco durante a ocupación da Vila en 1809 e que os dominicos, despois dunha primeira exclaustración forzosa durante o Trienio Liberal, solemnizaron o seu regreso ao convento a carón da Porta da Vila o 24 de setembro de 1823 cunha procesión acompañada do son solemne dese instrumento. Esa presenza do órgano ten o seu reflexo, ademais, no primeiro libro que tratou da historia da nosa vila, o Bosquejo histórico, político y religioso del Antiguo Reino de Galicia, publicado por Jacobo Araújo en Pontevedra en 1854. Nesa obra lemos (páx. 107) que a igrexa de San Francisco

posee también el cuarto completo de un órgano con varios tonos, servido con bastante gusto por un organista que reúne además la circunstancia de una voz esbelta y agraciada, que le acompaña en sus solemnidades”.

Patricia Rejas Suárez catalogou e editou recentemente o repertorio musical existente no arquivo do mosteiro de Valdeflores e Clara Rodríguez Núñez (El monasterio de Valdeflores de Viveiro, Ferrol, p. 472.) informounos do nome dalgunha das monxas organistas que exerceron nel, como Micaela de Lemos (1710), e do estatus diferenciado de que gozaba dentro da comunidade conventual, pois

era la única religiosa de coro que podía ingresar sin dote en la comunidad, dado que su trabajo era retribuido por el Estado. Debía dar una hora diaria de clase de canto a todas las novicias y monjas con menos de cuatro años de profesión, debiendo instruirlas musicalmente para su participación en el culto divino".

Órgano da igrexa de San Francisco de Viveiro
Durante o século XVIII foron recompensados economicamente por tocaren o órgano en San Francisco de Viveiro Domingo Pernas (1724) e Frei Luís Fernández de la Peña (1753-75) e en 1788 renovouse o instrumento no convento de Valdeflores. 

A música fixo parte imprescindíbel, xunto coas danzas gremiais e os correspondentes lábaros ou estandartes, da procesión do Corpus, noutrora o evento colectivo máis relevante da Vila. Na súa comitiva participaban os distintos gremios existentes (mareantes, zapateiros, ferreiros, carpinteiros, xastres...), moitas veces pouco ben levados en cuestións de protocolo e a música púñana, segundo informaba Noya González en El Eco de Vivero, referíndose ao Corpus de 1827, gaiteiros e tamborileiros como Francisco Rodríguez e Benito López, ambos da Vila; Francisco Rocha, de Landrove; Rafael Pérez, de Covas; Antonio Leal, de Vieiro e algúns outros máis.

Nesta mesma perspectiva cabe sinalar o relevante papel xogado na tradición musical viveiresa polos coros parroquiais. En 1913, o de Santa María estaba formado por Teodomira Peña, Consuelo Lorenzo, Águeda Vizoso, Pilar Cotilla, Dolores Otero e Rosario Fernández Sampedro, acompañadas ao harmonium por Luísa Lage. En épocas recentes destacaron coros parroquiais como os de Dona Herminia Salas e Vicente Casas, en San Francisco, e o de Lolita Girón, en Santa María. Salientaremos entre os solistas destas agrupacións a Saleta Couceiro Ínsua e a Nina Gómez Meitín, entre as sopranos, e a José Luís Rivera, entre os tenores, sen menoscabo doutras boas voces que fican hoxe no tinteiro.

A capela coral das irmás Concepcionistas cantou na inauguración en 1925 da réplica da cova de Lourdes, baixo a dirección do sacerdote José Pérez Barreiro, e as irmás Dominicas de Valdeflores gravaron en 1981 unha cassete con himnos litúrxicos arranxados por María del Carmen Villar, co título de Nacidos de la luz.

E aínda debemos amentar, nesta orde de cousas, a achega da grande escritora Luz Pozo Garza co seu himno eucarístico “Gloria al divino cordero”, musicado por Antonio Amigo, para o 2º Congreso Eucarístico Comarcal de maio de 1961, que tivo lugar na cidade do Landro: “Gloria al divino cordero / cantemos llenos de amor. / Que en la ciudad de Vivero / reine por siempre el Señor”. Cómpre referir que o feito de que o entón alcalde, Francisco Vázquez Ramudo, non tivese en conta máis opcións poéticas que a da súa entón esposa para dotar de himno ese Congreso Eucarístico causou o desagrado do sacerdote Tomás Moar y Garazo, que desexaba candidatar un poema da súa autoría a tal fin. Ese poema recolleríao posteriormente no volume Desahogos del alma.

Por outra banda, a música deulle pompa e ornato, asemade, aos desfiles cívicos das autoridades en todo tempo, por medio das chamadas “fanfarrias” heráldicas no pasado ou coa banda de música en tempos máis recentes.

Cando se fixo en novembro de 1843 a proclamación da maioría de idade de Isabel II, defendida ardentemente por Nicomedes Pastor Díaz fronte ao xeneral Espartero, houbo en Viveiro pasarrúas de gaiteiros e un pequeno grupo de instrumentistas interpretou na Praza a Marcha Real e outras pezas. Segundo a crónica que ofreceu o xornal coruñés El Centinela de Galicia (27-I-1843),

en la plaza, los estallidos de innumerables y vistosos cohetes alternaba con la música, que colocada en un tablado o tribuna, recreaba el oido y brindaba al pueblo a bailar y solazarse".

Do mesmo xeito, en setembro de 1923, solemnizando os actos do traslado dos restos mortais de Pastor Díaz desde Madrid a Viveiro, actuou unha banda militar que interpretou na Praza diante da estatua do noso poeta o “himno galego” no mesmo día en que o xeneral Miguel Primo de Rivera estaba a implantar a súa ditadura...

Tamén a música acompañou determinadas actividades educativo-ecoloxistas impulsadas nos anos 10 do século XX polo mestre Luís Tobío Campos, como a Festa da Árbore, que ademais de incluír unha plantación na Furada dos Asnos, implicaba o canto do himno composto ad hoc polo poeta Sinesio Delgado con música de Chapí, que comezaba: “Cantemos al árbol / que voy a plantar. / Si Dios lo protege / del rayo y del viento / salud y riqueza dará”.

A presenza de bandas militares ou paramilitares na nosa Vila tivo motivacións diversas. Ás veces respondeu ao feito de Viveiro carecer en determinados períodos de banda de música municipal de seu. Nese contexto explícase a visita de bandas militares vidas de Ferrol, Coruña ou Compostela e o propio nacemento da Banda de Exploradores de Latorre Capón en 1916. Mais outras tivo algo que ver, non debe negarse, co clima militarista que dominaba o ambiente da inmediata posguerra franquista. Esa atmosfera ideolóxica e social explica a aparición da banda dos Flechas Navales, en 1944, sobre a que ten escrito interesantes artigos J. L. Moar. Impulsada polo comandante de Marina Luís Cebreiro, participou en todo tipo de desfiles e procesións, sendo axiña bautizada co nome do Almirante Chicarro.

Rexistramos, no mesmo sentido, a presenza de bandas militares de Lugo (rexemento de San Fernando) ou Ferrol (Infantería de Marina) para amenizaren as xornadas festivas ou solemnizaren determinados eventos oficiais e relixiosos no período de preguerra. Na posguerra trouxéronse tamén a banda do rexemento de infantería Isabel a Católica da Coruña (1950) e a do rexemento de Zaragoza nº 30, de Compostela (1955).