eu

eu
eu

mércores, 30 de outubro de 2024

 


NOVO VOLUME DA BIBLIOTECA “EMILIO ANTONIO ÍNSUA GARCÍA” DE ESTUDOS VIVEIRENSES

A Biblioteca “Emilio Antonio Ínsua García” de Estudos Viveirenses acaba de publicar o seu terceiro volume, despois dos anteriores dedicados aos literatos Xoán Pla Zubiri e Luís Sipos Magniac.

Nesta ocasión a figura abordada é Vicente Sergio López, un dos compoñentes no seu día da célebre comparsa dos “Armantes”. Rescátanse no libro máis dunha vintena de textos da súa autoría e reconstrúese a súa particular peripecia vital, truncada en flor cando apenas contaba trinta e tres anos de idade.

Esta edición de Vicente Sergio López (1848-1881). Unha promesa truncada das letras viveirenses, preparada por Emilio Xosé Ínsua, ten carácter non venal. As persoas interesadas en dispoñer dun exemplar poden recollelo de maneira totalmente gratuíta no local das Gráficas Neira Brochs, na rúa da Zapatería, núm. 27, de Viveiro, no horario habitual de atención ao público do establecemento.

En vindeiras datas está previsto que se realice unha presentación pública do libro en Viveiro, que será anunciada oportunamente.