eu

eu
eu

domingo, 7 de agosto de 2022

Intervención na homenaxe a Luís Rei organizada polo BNG de Ogrove o sábado 6 de agosto de 2022.

 

Acto de Homenaxe a Luís Rei.
Fotografía de Paco de Xenxa

Obriga elemental de quen intervén nun acto público coma este é comezar por agradecer aos seus organizadores o convite a facelo, máxime se, como é o caso, non existe na actualidade vínculo organizativo ningún entre quen lles dirixe a palabra e as siglas promotoras desta, en todo caso, necesaria, oportuna e xustísima homenaxe a Luís. Graciñas, pois, xentes do BNG de Ogrove, por me permitirdes ocupar hoxe esta tribuna.

Hai algúns meses, presentando na Sala das Cunchas do Concello de Ogrove o décimo terceiro número da revista galega de cultura marítima Nova Ardentía, co benquerido Moncho Meis aínda entre o público e falando a propósito do importantísimo papel que Luís xogou no movemento pola cultura marítima e fluvial e mesmo noutras facetas da vida pública galega e local, dixen con toda a humildade de que fun capaz mais tamén en voz ben alta que me parecía que a vila de Ogrove, e nomeadamente as súas institucións representativas, tiñan aínda unha débeda pendente de memoria, recoñecemento e homenaxe cara ao seu veciño Luís, falecido en agosto de 2015.

As comparacións, din, son odiosas, pero ás veces poden ser oportunas e reveladoras, sobre todo se serven de acicate para corrixir canto antes erros involuntarios e esquecementos inconscientes.

Cambados, a vila en que Luís desempeñou durante moitos anos o seu labor profesional como técnico de cultura, con maiorías absolutas da dereita política, rendeulle dúas homenaxes en vida, en 2010 e 2015, respectivamente, e, unha vez morto Luís en agosto dese mesmo último ano citado, non tardou nin semanas en adoptar por iniciativa do daquela concelleiro de cultura Vítor Caamaño (que me precedeu hoxe aquí no uso da palabra) e da entón alcaldesa socialista Fátima Abal, por unanimidade de todos os grupos da Corporación (sublíñoo, todos os grupos, incluído o popular liderado polo ex alcalde Luís Aragunde), o acordo de bautizar a biblioteca municipal co nome do noso querido amigo.

Do mesmo xeito, no Museo Cabanillas, no Paseo da Calzada da vila do Albariño, inaugurado hai agora pouco máis dun ano (o 3 de xuño de 2021), a figura e o nome de Luís ocupan, como non podía ser doutra maneira, un lugar moi preferente, pois non en balde é autor da máis brillante e completa biografía do “poeta da Raza”, publicada en 2009 pola editorial Galaxia co título de Crónica de desterros e saudades e referencia obrigada desde entón de calquera traballo, estudo, artigo que sobre Cabanillas e sobre a cultura galega do seu tempo queira escribirse.

E non só é Luís, grazas a ese libro citado, á edición facsímile que fixo con Xabier Camba dos xornais cambadeses El Umia e El Cometa (2001), á súa peza teatral Camiño longo (2004) representada pola compañía Teatro do Aquí que fundara Roberto Vidal Bolaño, a varios traballos seus publicados en prestixiosas revistas como Cuadrante, Casa da Gramática, Grial ou A Trabe de Ouro, “máxima autoridade” no coñecemento da vida e da obra do autor de No desterro, Vento mareiro e Da terra asoballada. Non, aínda hai máis.

No inverno de 2021, confabulado quen vos fala con outro grande amigo e camarada de Luís, Antón Mascato e coa súa produtora/selo editorial Lobisome, contando co xeneroso epílogo de Fernández Rei e coa axuda, de novo, do Concello cambadés mercé ao seu concelleiro Tino Cordal, tiramos do prelo unha edición da biografía do líder agrarista Basilio Álvarez que Luís estaba a elaborar cando veu a morte arrebatárnolo. Unha biografía que, incompleta e todo, agora editada co título de Basiliana, coloca novamente o nome de Luís entre as referencias bibliográficas fundamentais para toda persoa interesada en coñecer con rigor a situación económica, social, política, literaria e cultural da Galiza das primeiras décadas do século XX.

Ocórreseme pensar no significativo que resulta para coñecer a ética rexa (alguén dixo “rabuda”, e non lle faltaba algunha razón) coa que Luís se desenvolveu durante toda a súa vida, o feito de que un dos anacos discursivos do abade de Beiro que máis admiraba, ata o punto de sabelo de memoria e recitalo cando a ocasión era propicia, diga literalmente, no castelán orixinario: “El día que me veáis claudicar, fusiladme por la espalda. ¡Viva Galicia redimida!”. Valería como lema da vida do propio Luís, abofé.

Sabela Rei intervindo na homenaxe
a seu pai. Fotografía de Paco de Xenxa

Outra entidade, Culturmar, a Federación Galega pola cultura Marítima e Fluvial, rendeu tamén homenaxe a Luís editando en 2020, en plena pandemia da COVID, un volume co título de Farol perpetuo na néboa. Luís Rei e a cultura marítima, en edición preparada polo académico da Galega Francisco Fernández Rei e por quen agora vos está a falar.

Nese volume aparecen reunidos multitude de artigos, ensaios, propostas de traballo, proxectos expositivos, entrevistas, fotografías e moitos outros materiais de diverso xorne que deixan patente, para quen queira velo, que Luís é un dos nomes máis relevantes, por non dicir imprescindíbeis, á hora de entender como Galiza é desde o ano de 1993 en que botou a andar a amentada Federación un dos lugares de Europa onde o movemento pola recuperación, estudo e divulgación da cultura marítima, cos seus barcos e aparellos tradicionais, coa memoria das súas xentes e traballos, coa catalogación do seu patrimonio material e inmaterial, etc. está máis e vivo e ten máis forza que en ningures.

Efectivamente, se nas rías galegas de hoxe en día vemos acotío a fasquía viva e navegante de ghamelas, chalanas, botes, bucetas, dornas, dornas-mecas, lanchas xeiteiras, racús, ghaleóns, traiñeiras ou balandros e se en moitos dos portos do país atopamos entidades e colectivos que traballan diariamente no mantemento, estudo, exaltación e divulgación desa cultura mariñeira tan de noso, chámense Amigos da Dorna Meca en Ogrove, Piueiro na Guarda, Os Galos en Bueu, Dorna na Illa de Arousa, A Reiboa en Poio, Mar de Muros, Patexeiros  en Oleiros e un longo etcétera, en parte, en boa parte, débese sen lugar a dúbidas ao traballo organizativo e ao esforzo divulgativo e reivindicativo ben orientado que realizou Luís, canda outras moitas persoas xaora, ao longo de varios lustros.

Unhas veces como membro do Colectivo Etnográfico Mascato (canda Lino Lema, Lola Varela, Dionísio Pereira e o debuxante Pepe Gondar, entre outros), outras veces como director da revista Ardentía e colaborador do boletín O Apupo e outras aínda como directivo da propia Culturmar, o Luís non parou de argallar actividades que redundasen na posta en valor dun patrimonio material e inmaterial, “de vento e de sal”, que está na raíz máis xenuína do pobo que somos.

Deseñou paneis e dípticos divulgativos. Ideou e foi comisario de exposicións e pavillóns para que a presenza dos barcos da Galiza tivese verdadeiro impacto en citas internacionais como as que se celebraron nos portos bretóns de Douarnenez (2004) e Brest (2008). Levou o peso da organización do Encontro de Embarcacións Tradicionais en Cambados en 2005 e puxo o seu experto quiñón en moitos outros Encontros. Escribiu numerosos artigos (ben lembraredes os que deitaba con grandes doses de humor e sabedoría popular local na revista Sustansia ou os que publicaba nos suplementos comarcais arousáns do diario Faro de Vigo, por citar algúns exemplos). Colaborou no volume Tendendo cabos (2007), editado polo Museo do Mar de Vigo. Deu conferencias en incontábeis localidades e para entidades de toda índole sobre historia mariñeira, tipos de embarcacións, patrimonio ribeirán construído, actividades marisqueiras, industria conserveira, o mar como espazo para o lecer.... Coordinou os traballos para a realización polo Etnográfico Mascato desa pequena enciclopedia do mar galego que foi a Axenda do Mar 2008. E un longo etcétera

Visionade, se tedes ocasión, o documental Cadernas da historia. Arte e oficio da dorna, de Vítor Gallego e Bruno Ordóñez, e veredes nel a Luís, nas instalacións museísticas de Punta Moreiras, non por casualidade, despregando todo o seu saber, todo o seu entusiasmo e todo o seu lexítimo orgullo de estirpe familiar á hora de falar da dorna-meca, a embarcación emblemática deste mar que nos anaina co seu abalo, nos alimenta co seu peixe e nos namora co seu azul.

E, se non se toma como fachenda pola parte que nos toca no asunto, aínda deberíamos mencionar hoxe aquí que o Consello da Cultura Galega, unha das máis altas institucións culturais do país, fíxonos en datas recentes a encarga de elaborar a entrada sobre Luís para o chamado “Álbum de Galicia”, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos e que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. Tal encarga é unha mostra máis, por se fixese falta, da relevancia e da repercusión prestixiosa acadada polo traballo de Luís e cando esa entrada no “Álbum” se publique, a vila de Ogrove terá outro motivo máis para presumir.

Non pode admirar, xa que logo, que veñamos render homenaxe hoxe aquí ao fillo de Ricardo Rey Naveiro (mariñeiro nos xélidos caladoiros de Terranova e Groenlandia, mariño logo na mercante holandesa e alemá e mariñeiro finalmente da frota de baixura meca) e mais da señora Esther Núñez Barral (traballadora da conserva primeiro en Rons e logo na de Escuredo en Meloxo, tendeira-taberneira en Terra de Porto). Ao sobriño da admirada Tía Pastora e ao irmán do entrañábel e sempre inquedo e ocorrente Javier. Ao pai das queridísimas Sabela e Sara, dúas papoulas sempre florecentes no seu corazón vivo. Ao marido sucesivo de Loli e de Rosa Reboredo, que compartiron con el na travesía da vida as xornadas co vento de popa e os días de temporal. Ao avó de Daniel, ese meniño galaico-britano de rasa que sabe desde o minuto cero do seu existir que persoa fóra do común foi o seu devanceiro...

Evocamos, louvamos e queremos con orgullo indestrutíbel ese Luís meniño admirador do forzudo Taurus dos cómics de El Jabato. O Luís que comeu un mundo de bocadillos de pataghillón e gharreou todo o que lle deixaron co señoritismo cambadés cando estudante do seu instituto. Ese Luís que nunca caeu enfermo do “mal de Holanda” e que odiou con toda a forza da súa adolescencia os xeitos dunha ditadura que se resistía a morrer matando, torturando, reprimindo e batendo. O Luís mociño, O Trosko de chata, que quixo facer a “revolusión permanente” para varrer a roña de tantas inxustizas que había e hai no mundo que non se curan con resignación nin pasividade. O Luís concelleiro da oposición, que, axudado por Manolo Mascato, por Xesús Mª, por Xosé Manuel, por Lina, por Carlos, por Anselmo e por tantos outros e outras que me desculparán que non cite, confrontou con humor e dureza dialéctica a partes iguais durante varias lexislaturas os proxectos e as medidas que se poñían enriba da mesa para facer, en derradeira instancia, como moi ben dixo hai un anaco o propio Anselmo falando do sentido da política, un Ogrove mellor, unha Galiza mellor, un Mundo mellor.

Ese Luís, e tantos outros Luís que moitos dos aquí presentes coñecestes e levades no corazón e na memoria para sempre, merece sen lugar a dúbidas e sen máis demora das xentes todas de Ogrove e, sobre todo, das institucións que as representan un recoñecemento que estea á altura do valor do seu traballo, da transcendencia das súas realizacións e da xenerosidade ilimitada da súa entrega.

Mais o certo é que, a día de hoxe, ningún edificio, ningunha xornada ou congreso, ningunha rúa, ningunha placa, ningún evento, ningún certame de investigación, ningún elemento artístico no espazo público, ningún recinto museístico ou cultural, nada, nada, nada, como non sexa o seu recordo perenne nos corazóns de moitísimos mecos e mecas, lembra a quen viñer ata esta península marabillosa que aquí naceu, medrou, amou, viviu, traballou, militou e escribiu Luís Rei. Semellante circunstancia non debe prorrogarse máis, a risco de que caia sobre a vila que el tanto amou e pola que tanto traballou o terríbel ditado de ingrata e sobre as institucións que a representan o dicterio de inxustas e arbitrarias.

Inxustas e arbitrarias, dixen ben, pois, mentres boto en falta o nome de Luís Rei por algures, vexo merecidamente recollidos no rueiro grovense ou denominando algúns dos seus edificios e espazos emblemáticos os nomes de figuras da cultura e da historia nosa como Castelao, Bóveda, Pablo Iglesias e Luís Seoane, ou da intelectualidade grovense de diversas épocas, ideoloxías e perfís como Luís Antonio Mestre, Jaime Solá, o pintor Ernesto Goday, Manuel Lueiro Rey ou Xoaquín Álvarez Corbacho. Sinceramente, non vexo que méritos poden botarse en falta na persoa e na traxectoria de Luís Rei Núñez para non facerlle un sitio digno e acolledor a carón de tan importantes, ilustres e ben lembrados referentes locais.

Sabela e Sara Rei, dúas papoulas a florecer eternamente
no corazón de seu pai. Fotografía de Paco de Xenxa

Así pois, xa case no remate desta miña intervención, atrévome a formular desde a cordialidade e a sinceridade, sen interese oculto ningún, sen dobrez de ningunha caste unha petición, ou se o preferides, un rogo:

Dialogade, representantes do pobo de Ogrove, entidades cívicas, culturais e sociais, concelleiros e concelleiras de toda sigla, sobre o que e sobre e o como render a Luís Rei a homenaxe que merece, como facelo da mellor, máis inclusiva e máis perdurábel das maneiras, e non caia por favor ninguén na tentación de usar e arrebolar o nome de Luís en van para debates e disputas nos que el xa non pode intervir e para contas que non lle corresponde a el saldar, desde o momento en que, ausente fisicamente de entre os vivos e fora da melée da inmediatez, fai parte xa por dereito propio e méritos máis que sobrados do patrimonio de todos os mecos e mecas e camiña na Historia nesa santa compaña laica e inmortal dos que viviron algún día para facer que Galiza como pobo e as raíces de salitre nas que asenta Ogrove non morran nunca.

Como escribiu Antón Mascato en decembro de 2020, na segunda edición dese libriño insubstituíbel titulado Luís Rei. Crónica de traballos e amizades, en palabras que fago totalmente miñas,

Queremos tanto a Luís, deixounos tal baleiro nas vidas compartidas, que non imos permitir que o que marchou co vento permaneza alonxado das memorias, alleo ás vontades, porque non estamos dispoñibles para que vire en baldío, ermo, o territorio de quen practicou coma ninguén o cooperativismo social e cultural, o traballo político comunitario, as amizades, a entrega xenerosa aos demais.

Remato xa.

Que de hoxe nun ano, poidamos volvernos a xuntar arredor da figura de Luís Rei coa certeza de que as institucións mecas, co respaldo cordial do seu pobo, souberon encontrar a fórmula máis acaída e con apoio unánime para que o nome do noso admirado amigo sexa un referente visíbel máis desta sociedade e para que o seu recordo brille na memoria colectiva con toda a forza da que é merecente quen se converteu nun imprescindíbel “farol perpetuo na néboa”.

Mentres ese día chega, unha aperta fraterna para todos os que vos sentides apelados e convocados coma min por este acto de homenaxe a Luís e para el, que andará a navegar imaxino, plácido e feliz, por algún remoto mar do alén, un rendido e eterno saúdo de amizade: Saúde e Terra sempre, camarada!






Ningún comentario:

Publicar un comentario