eu

eu
eu

luns, 11 de novembro de 2019

PINTORES DO MAR: ANTONIO FERNÁNDEZ


Autorretrato. Museo Prov. Lugo

As paisaxes do tramo final do Río Miño e as da costa entre a Punta dos Picos e o Cabo Silleiro que acolleron en xullo de 2019 o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais organizado por Culturmar tiveron un intérprete artístico privilexiado ao longo do século XX na persoa de Antonio Fernández Gómez (1882-1970), o pintor de Goián, un dos destacados representantes do que se deu en chamar “escola rexionalista” dentro da pintura galega, a carón de nomes como Francisco Lloréns, Carlos Sobrino ou Felipe Bello Piñeiro. Nas liñas que seguen daremos humilde noticia da súa figura e traxectoria e reproduciremos algunhas das obras que xustifican que o acollamos con todo o merecemento nesta xa veterana sección da nosa revista Nova Ardentía (núm. 11).


O pintor Antonio Fernández Gómez veu ao mundo en Goián (Tomiño) o 16 de febreiro de 1882. Fillo único, con tan só tres anos de idade ficou orfo de nai. No ronsel de tantos outros galegos desa época, emigrou sendo aínda mozo, en 1894, ao Brasil e traballou para sobrevivir en varias fazendas dedicadas ao cultivo e recollida do café na zona de Araraquara e São Carlos do Pinhal.


Na cidade de São Paulo recibiu leccións gratuítas de debuxo e pintura do artista e fotógrafo de orixes alemás Karl Ernest Papf (1833-1910), consolidando unha vocación que xa non abandonaría no resto dos seus días.


Praia brasileira. 1906
Cando regresou por vez primeira ao Vello Continente, en 1901, decidiu viaxar a Italia e alí, tras visitar Nápoles e Roma e asistir a diversas academias e estudios de pintura, acabou instalándose durante unha temporada na vila de Antícoli Corrado, nas montañas dos Abruzzi, perto de Roma, onde coincidirá con outros artistas como Fernando Á. de Sotomayor, o aragonés Mariano Barbasán Lagueruela, etc. As súas casas e rúas, os seus regatos, as súas paisaxes abruptas e nevadas, os seus solpores e os seus rabaños de cabras e ovellas serán obxecto preferente das obras deste período. Ese gusto pola natureza e polas paisaxes (“bucolismo”, “xeorxismo”), como ten salientado o crítico Carlos L. Bernárdez, caracterizará o resto da traxectoria pictórica do goianés, que se enmarca na estética do realismo decimonónico e que amosa sempre unha extraordinaria pericia técnica e compositiva.


Tras conseguir coa axuda dunha tía o peculio que necesitaba para resolver a súa situación de precariedade económica en Antícoli, regresa á Península en outubro de 1903, estuda intensamente moitas obras da pinacoteca do Prado en Madrid (especialmente as do seu admirado Velázquez) e envía o cadro “Rincón de aldea” á Exposición Nacional de Bellas Artes. A xuízo do crítico de El Imparcial Francisco Alcántara (29.5.1904), é unha das obras que nesa mostra “revelan más intensidad de observación”.


Barcos de vela. Centro Espanhol de Santos
Entre 1905 e 1913 reside novamente no Brasil, concretamente na localidade portuaria de Santos. Proba fortuna expoñendo en localidades como a propia Santos, São Paulo e Rio de Janeiro, onde as cousas non corren como era o seu desexo e colleita sucesivos fracasos, que o colocan nunha situación de desánimo e de estreiteza económica moi preocupantes, pero máis tarde, en 1907, consegue un relativo respaldo para as súas aspiracións artísticas e profesionais noutras exposicións en Belém do Pará e Manaus, auténticos emporios da industria do caucho nesa época, con algúns cadros de ambiente mariñeiro como “Docas do Mercado de Santos”, “Praia de São Vicente” e “Barco de carga” e con outros en que recrea paisaxes e lugares de Antícoli Corrado.


A partir de entón, algunhas entidades de Santos, como a Cámara Municipal, a Casa de Misericórdia, o Centro Español e o Real Centro Portugués e algúns clientes potentados, como o portugués António Pereira de Carvalho, encárganlle diversas obras e murais, que acrecentan notoriamente a súa sona artística e lle garanten o sustento. En outubro de 1910 protagoniza, por ese motivo, unha das reportaxes da revista de Jaime Solá, Vida Gallega, de grande difusión entre os núcleos emigrantes galegos de América e Portugal. En Santos recibe, por outra banda, a protección mecenática dun industrial goianés emigrado, Juan Estévez Martínez, que o convida a residir e pintar na súa finca de Itabatatinga.


De regreso á localidade italiana de Antícoli desde maio de 1913 ata o verán de 1919, con algún retorno estacional puntual ao Brasil, traballa sen parar, pintando, segundo as súas propias palabras, “como un desesperado, todo el día”.


Mariña azul
Coa obra producida, retorna en 1919 a terras brasileiras e colleita novos éxitos de crítica e vendas en exposicións que celebra nese mesmo ano en São Paulo e Santos, e, algo máis tarde, en Rio de Janeiro (febreiro de 1920), amosando cadros como “Narrando o combate”, “Amamantando”, “Fontanile de la Ficciola”, “Estrada Velha”, “Luz intensa”, “Ante o abismo”, “Bebedouro”, “Semana Santa”, “Rebanho inquieto”, “Eterna labor”, “Tranquilidade aldeá” e “Volta ao aprisco”. O crítico de arte do Diario Español da localidade paulina, José Eiras-García (fillo), escribe o 3 de outubro de 1919:


Sus lienzos son interesantes, agradables, artísticos y armoniosos; tiene aciertos de composición y de colorido tan esplendentes, poseen en los contornos tantos encantos, compendian en sus triunfales bellezas y embriagadoras maravillas tanta vida, que podemos decir que ante la prodigiosa verdad de los mismos sentimos palpitar en ellos la vida que se encierra en el seno de la naturaleza.

¡Qué técnica sobria y vigorosa y qué predisposición maravillosa para el paisaje! […]

Examinando sus pinturas, se llega á la conclusión inmediata de que el artista procura dar al espectador una honda sensación de arte sincero y una visión perfecta de naturalidad.


Antícoli chama novamente por el e, tras pasar o verán de 1920 en terras goianesas, permanecerá na localidade italiana por última vez entre 1922 e 1926, ano este último en que regresa de xeito provisorio á Península ibérica. Desta época data o seu romance amoroso coa modelo italiana Lucía Ciucci, protagonista de cadros como “Pintor y modelo”, “Baño da cascada” e “Ragazza romana”.


Pena A Torre. Museo Prov. de Lugo
Obras da autoría de Antonio concorren por esta época, entre 1922 e 1927, a varias Exposicións Nacionais de Belas Artes e Salóns de Outono en Madrid e chaman a atención do científico e futuro premio Nobel de Medicina Santiago Ramón y Cajal, quen lle dedicaría varios parágrafos admirativos á súa pintura paisaxística no seu libro El mundo visto a los ochenta años (1959). No Salón de Outono de 1922, segundo testemuña o crítico de arte do Heraldo de Madrid, Blanco Coris, Antonio Fernández expuxo “un cuadro grande de composición muy sentido y honradamente pintado, en el que el artista desarrolla una escena de Semana Santa en el interior de un templo de Pontevedra”. Non foi a única obra de temática relixiosa que pintou nestes anos.


Mariña
Tamén concorreu con obras como “As fiandeiras” e “Rabaño” á Exposición Rexional de Compostela en 1926. No acto de inauguración, Cotarelo Valledor afirmaría que na mostra destacaron como auténticas revelacións o pintor goianés que nos ocupa e o escultor xordomudo Acuña.


Na revista Vida Gallega (núm. 309, 30.6.1926), Valentín Paz Andrade dedicoulle o traballo “Un gran pintor gallego desconocido en su tierra”. Ademais de reproducir tres dos cadros do artista goianés, “Aldea italiana”, “Bosque de oliveiras” e “As fiandeiras”, o entón director do diario vigués Galicia ponderou o seu galeguismo e contou como o artista rexeitara a chantaxe que lle fixera un membro do xurado dunha desas Exposicións Nacionais, que pretendía facerse cun cadro do pintor a cambio de “concederlle” unha medalla no concurso... Da pintura do seu compatriota, o autor de Cen chaves de sombra aseveraba nese traballo que citamos:


En sus telas hay una belleza clara y sencilla, buscada por los métodos más clásicos […] A la paleta de este artista no llegaron ni el impresionismo, ni el expresionismo, ni ninguna de las modernas tendencias de la pintura que han improvisado tantas reputaciones.


Menos compracente foi, con todo, o crítico F. A. [Felipe Fernández Armesto?] en El Pueblo Gallego (27.8.1926), pois comentando a participación de Antonio Fernández na Exposición de Arte Galega celebrada en Compostela, indicaba:


La obra de este artista era desconocida hasta ahora en Galicia. Emigró, todavía muy joven y pasó la mayor parte de su vida en el extranjero, estudiando pintura en Italia. Presenta cinco cuadros, ninguno de los cuales tiene asunto gallego. Pertenece a la escuela “realista” anterior al advenimiento del impresionismo y - claro está - de las tendencias posteriores. Conoce perfectamente la técnica de su arte anacrónico. Muestra en su obra una sensibilidad apocada. Se esclaviza al natural de tal modo que en ocasiones, tal como en su óleo “Borregos”, llega a un “verismo” irritante.

Su obra más bella es, para nosotros, la titulada “Casas”, sólida, bien entonada y construida; la que más se liberta del servilismo al modelo. Tiene toda la sinceridad que le permiten los prejuicios de su escuela. Desdeña la obra ligera o inacabada. Dibuja, define y remata. Nuestros artistas, jóvenes y viejos deben imitar tales virtudes en este maestro; y nada más.


No mes de marzo de 1927, concretamente no día 20, a coñecida revista madrileña Blanco y negro, vinculada ao grupo editor do xornal ABC, levaría á súa portada a obra de Antonio Fernández “Primavera. Flores tempranas”.


San Xián. Mariña
Tras unha nova estadía de arredor de tres anos no Brasil (1927-1929), con novas exposicións en São Paulo, Rio de Janeiro e Santos de cadros como “As fiandeiras”, “Volta ao aprisco”, “Na fonte”, “Vida da aldea”, “Rochelos” e, moi especialmente, “Sexta-feira Santa”, tamén coñecido como “Viernes Santo”, que suscitan parágrafos laudatorios na prensa como os que lle dedica a Gazeta paulina do 19 de marzo de 1928 (“estamos realmente diante de um mestre que sabe pintar, desenhar e compôr”) ou lle tributa o correspondente de El Pueblo Gallego en Rio de Janeiro, A. de España Paramés (“Sorprenden por su plasticidad y perfección los cincuenta lienzos que inspirados en Galicia e Italia presenta el artista en su exposición al público de esta ciudad, y son fieles intérpretes de su genio de pintor, dando idea exacta de su gran dominio de los pinceles”), Antonio Fernández regresa á aldea natal na primavera de 1929 e, con 47 anos feitos, afíncase definitivamente e con moita discreción en Goián, sen deixar nunca de traballar nos seus cadros.


É, con efecto, un artista decidido a centrarse no seu calado labor e a fuxir tanto da farándula como do compadreo. Así e todo, recibe a homenaxe de que se bautice co seu nome a praza da igrexa goianesa e non deixa de enviar algunha mostra do seu quefacer aos Salóns de Outono madrileños de 1932 (cos cadros “Maternidad” e “Na beira do Miño”), 1934 (nesta ocasión con “Paisaje con pécoras”, tipicamente xeórxico, e “Alegoría de la guerra”, tristemente premonitorio) e 1936 (co cadro “Rebaño de ovejas”). Na Semana Cultural Galega celebrada en Porto na primavera de 1935, expuxo “Colo materno”, “Touriña” e “Rincón de aldea”.


É neste tempo, con anterioridade ao estoupido da guerra (in)civil, cando achega algunha que outra colaboración a xornais e revistas de índole progresista, agraria e galeguista como El Heraldo Guardés, El Agro de Tomiño e El Pueblo Gallego, case sempre asinadas con pseudónimo, mais permanece alleo aos novos ventos renovadores e aos debates estéticos que traen consigo os artistas da xeración vangardista (Maside, Seoane, Souto, Colmeiro, Laxeiro…).


Cómodo no tratamento de motivos costumistas e entregado de cheo ao retrato fiel dos elementos da paisaxe e da natureza, “o noso artista foi un creador que sempre se sentiu a gusto coa tradición”, indica o xa citado Carlos L. Bernárdez, “creando un mundo acolledor e íntimo de pastores, rabaños, vieiros entre montes e arquitectura popular, que evidencia un amor fondo polo mundo tradicional”. Nesa perspectiva deben colocarse igualmente, coidamos, as “mariñas” que pintou nos seus últimos anos de vida con algúns emblemáticos lugares da costa guardesa (Portecelo, San Xián, Santa Mª de Oia…) como motivo de inspiración, unhas “mariñas de aire salobre, olor a algas y bramido de rompientes”, en atinada caracterización de Eliseo Alonso.


Nun artigo de prensa editado en 1970, o propio Eliseo acertaba a resumir as esencias temáticas da pintura do seu amigo do seguinte xeito: “La figura, el paisaje, una ola viva en mar abierto apresada en el último centímetro de su altura blanca, las rocas y los árboles queridos. Todo es una fiesta de verdes, azules, ocres. Antonio Fernández en el gran contemplativo de la naturaleza”.


En Goián, na dura época de posguerra, Antonio Fernández cultiva a amizade de escritores como o sacerdote Faustino Rey Romero e o xa citado Eliseo Alonso (de quen nos ocupamos na sección “Letras na almadraba” deste mesmo número da revista). Este último converteuse no divulgador máis constante e entusiasta da súa obra. Ademais, Antonio exerceu claro maxisterio sobre algúns artistas máis novos residentes na zona, como o pintor Xavier Pousa (1931-2000), o escultor Maxín Picallo (1940; autor de coñecidos monumentos na Guarda ao poeta Feliciano Rolán, ao Caudillo Celta e ao Mariñeiro Desaparecido) e, a partir de 1972, o tamén escultor natural de O Hío (Cangas) Xoán Piñeiro (1920-1980), autor dos monumentos dedicados en Tui ao arcebispo Lago González e ao político Calvo Sotelo. Por volta de 1955, en carta a Eliseo Alonso, o sacerdote e poeta Faustino Rey, daquela residente en Amorín, contaba:


Don Antonio Fernández sigue desafiando a la misma naturaleza. El verano pasado visité su estudio. Estaba pintando unas flores. Supongo que sería una alucinación mía: me pareció que se movían y hasta se me antojó percibir su campestre aroma. Desde hace una temporada, dejó la dulzura del Bajo Miño y va a inspirarse en los broncos acantilados de Santa María la Real de Oya.


Costa brava entre A Guarda e Oia, 1954
En 1944, Antonio Fernández realiza a súa primeira exposición individual en Galiza, concretamente no Casino de Vigo. Aínda que a mostra é un éxito tocante a vendas, algunha crítica, como a que asina Cristóbal Cea en La Estafeta Literaria de Madrid (núm. 7, 15.6.1944, p. 27), non deixa de sinalar a falta de innovación estilística da pintura do goianés, que ofrece un “academicismo cerrado, sin concesiones”, “un realismo a ultranza” e que se amosa, asemade, “desplazada de la sensibilidad actual”, se ben manifesta do punto de vista técnico, en compensación, unha fasquía “realmente irreprochable”, unha “cromática brillante” e “una minuciosidad lindera del preciosismo”.


Laxeiro, en declaracións á revista viguesa Cartel (núm. 10, 15.5.1946), englobará así e todo o de Goián na categoría de “mestres” da pintura galega, xunto a Sotomayor, destacando ademais que era “un buen detallista de la realidad”.


Nos primeiros anos da década dos 50 a revista galaico-arxentina Mundo Gallego, que impulsan en Buenos Aires Eliseo Alonso, Teodoro Campos e Xosé Conde, reproduce nas súas páxinas varios cadros seus, como “Na beira do Miño” e “Touriña mamando” (núm. 1), “Paisaje del Miño” e “As fiandeiras” (núm. 2), “Paisaje del Bajo Miño” (núm. 3) e “Na fonte” e “Bodegón” (núm. 4), así como un breve traballo de Xavier Pousa sobre a súa figura (núm. 4). Tamén asoma nesa mesma década a arte do pintor goianés ás páxinas da revista galaico-bonaerense Airiños, que reproduce, por exemplo, o seu “Vuelta al aprisco” no seu número 13 (xaneiro de 1954). Ademais, nas planas de El Pueblo Gallego (21.5.1952), o propio Eliseo Alonso dedícalle o gabancioso artigo “O Miño a través do seu intérprete máis fidel”, ao que pertencen estas liñas:


Antón Fernández Gómez é un grande pintor galego que reflexa nos seus lenzos, pol-o infruxo do seu estro creador, un dos infindos poemas da nosa belida Galiza: as verdecentes ribeiras do Miño. Eisí pódese decir que neste xeito do seu arte, máis que un pintor é un poeta afervoado que canta a Natureza celta co seu pincel.


Costa guardesa, 1958
Pouco despois, concretamente en 1954, Antonio Fernández ilustra unha publicación sobre temas arqueolóxicos de Fermín Bouza Brey e Xosé Mª Álvarez Blázquez, que leva por título Industrias paleolíticas do Baixo Miño. O xornalista Caba, na súa sección “Ángulo de la Peregrina” de El Pueblo Gallego (22.2.1957), escribirá sobre o artista de Goián:


Tenemos prisa por señalar otro fenómeno; cómo un paisaje bello en sí, puede ser poetizado, idealizado por un pincel. Y este es el caso del pintor Antonio Fernández, de Goyán. Una paleta parada, como si se tratara de un reloj del renacimiento, en 1905, fecha de su primera exposición. Y no lo decimos en demérito. Un pintor de hoy, un ultra del grupo no figurativo, no puede concebir que el paisaje, a fuerza de colorido, de transparencia, de pureza atmosférica, deje de ser una reproducción realista para convertirse en una recreación, en algo así como una pintura abstracta, por lo cerebralizada, de lo figurativo. Hemos visto cómo se tratan verdes, azules y ocres hasta conseguir masas forestales lujuriosas, límpidos azules, aguas químicamente puras y piedras talladas y con nuevo oriente como si fueran diamantes y no canchales recelo de marineros que saben que allí pueden estrellarse. Una oveja o un ternero de Antonio Fernández es una variedad sublimada; ni ovino ni bóvido, sino algo tan perfecto, tan rematado, que provoca el desasosiego de no tener, míresele por donde se le mire, nada nuevo que matizar.

Hasta su política pictórica es extraña por el perfecto ajuste que la caracteriza: no sale de Goyán, no expone, no habla la prensa de él... Está fuera de onda del mundo actual. Y allí, a su estudio aldeano, ni cómodo, ni amplio, ni atrayente, acuden sigilosamente sus entusiastas a comprar su obra... A comprarla, cuando quiere venderla. Es un avaro de sus creaciones; avaricia que solo tiene un hándicap en la necesidad de vivir. ¿Se ha resuelto el inmediato problema gástrico...? Pues se acabó la venta. Un extraño superviviente…


En 1959 o Museo Provincial de Lugo dedicaralle unha das súas salas. Así adiantaba a nova J.O.G. [José Otero Gómez], correspondente do diario olívico El Pueblo Gallego en Goián, na súa crónica de 30 de outubro de 1958:


Pastando en Goián. 1956
Cuadros de Fernández para el Museo de Lugo

La ciudad de Lugo, en su afán de reunir en el Museo provincial lo más selecto y representativo de nuestro arte regional, va a contar ahora con una colección de diecisiete cuadros del pintor de Goyán, Antonio Fernández, a los cuales se destinará una sala.

Con este motivo, y con el fin de entrevistarse con el laureado pintor, se han desplazado especialmente a esta villa, dos personalidades lucenses, los señores Fernández y Vázquez Seijas, director este último de dicho museo.

La colección de cuadros cedida por Antonio Fernández, para enriquecer la pinacoteca del Museo de Lugo, está integrada por diversos paisajes llenos de luz y colorido, que evocan las bellezas de nuestra comarca del Bajo Miño. Completan la colección unas mariñas del litoral atlántico de La Guardia, y varios estudios de animales y de árboles, así como algunas telas de su época en Italia.

En resumen, que los trabajos que Antonio Fernández destina a la nueva sala del Musco de Lugo son las más expresiva manifestación del depurado arte de este maestro de la pintura gallega.


Co gallo deste recoñecemento ao artista goianés, a Asociación de Prensa viguesa tributoulle o 4 de novembro de 1959 unha homenaxe “íntima” en forma de “café de redacción” na súa sede social, de cuxas paredes penduraban dous óleos do artista, precisamente.


Portecelo, 1964
Logo de que Eliseo Alonso dese ao prelo o volume La pintura de Antonio Fernández (1959), o crítico Guillot Carratalá ocuparase da súa traxectoria artística nas páxinas do diario madrileño ABC, reivindicando a súa valía, lamentando o descoñecemento que existía sobre a súa obra e destacando cadros como “Viernes Santo”, “Narración del soldado” e “Callejuela de Antícoli”. O artista fará entón doazón de tres dos seus óleos á Real Academia Galega (“Sol matutino”, “Estudio” e “Contraluz”) e doutras tantas obras ao Museo Quiñones de León, de Vigo. Este último aceno de xenerosidade espertará, porén, algunha que outra suspicacia nun dos colaboradores do xornal El Pueblo Gallego, José Mª Signo, pois coincidía a doazón coas vésperas do fallo dun certame pictórico convocado pola Corporación viguesa, co nome de I Concurso Regional de Arte. Tanto o escultor Xoán Piñeiro como o entón conservador do Museo Municipal olívico, Ángel Ilarri, saíron entón á palestra pública para negar calquera afán espurio nas doazóns feitas, mais o citado Signo insistiu en cualificar de “inoportuna” a iniciativa de publicitar a entrega antes de que fose coñecido o fallo do citado concurso (vide El Pueblo Gallego, 19, 22 e 27 de xullo de 1960). Ao final, a pintora Julia Minguillón foi quen gañou o certame e Antonio Fernández contribuíu con algúns cadros, fóra de concurso, para a Exposición que cos traballos presentados se fixo pouco tempo despois en Vigo (El Pueblo Gallego, 1.8.1960).


Argaceiras en San Xián, 1955
Cómpre dicir que en abril de 1960, pouco antes de que este pequeno escándalo o envolvese, Antonio Fernández resultaría nomeado, por unanimidade, membro correspondente da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, que presidía entón Ángel del Castillo López. Tamén hai que sinalar que nese mesmo ano o concello de Tomiño, presidido na altura por Troncoso Martínez, iniciou o expediente para nomear fillo predilecto ao pintor goianés, mais o certo é que tal recoñecemento só lle chegaría de xeito póstumo en 2013.


En 1970, pouco antes do seu óbito, que se produciría o 2 de novembro dese ano, Antonio Fernández expuxo unha antolóxica da súa obra no Círculo Mercantil de Vigo, con cincuenta e tres óleos e numerosos debuxos. A mostra foi, no dicir da crónica do Faro de Vigo, “un acontecimiento en la vida viguesa. La dignidad con que se ha montado, la aportación generosa de obras por el artista y por coleccionistas particulares y el sentido antológico de la muestra, redoblan el interés, si no lo tuviera ya por si mismo cada cuadro colgado”.


San Xián, 1966
En 1986 outra ampla exposición organizada por Caixavigo, dentro da serie “Grandes Artistas Galegos”, deu a oportunidade de recuperar idea sobre a relevancia da súa figura, obxecto tamén de homenaxe en varias exposicións celebradas a comezos do século XXI en A Guarda e Goián. Nomeado a título póstumo, como dixemos, “Fillo Predilecto” de Tomiño en 2013, o colexio público de Goián leva hoxendía o seu nome e desde xullo de 2014 está aberta na localidade unha “Aula-Museo Antonio Fernández”, deseñada polo fillo do seu discípulo Xavier Pousa e na que se recollen obras e obxectos persoais do pintor. Ademais, a chamada “Comisión Antonio Fernández” e o Concello de Tomiño habilitaron un espazo na Rede para a divulgación da figura e da obra do pintor (www.antoniofernandezpintor.com). Cada ano convócase un certame de pintura ao aire libre en memoria do artista goianés. Rematemos dicindo que na actualidade, descontadas as moitas dispersas en non poucas coleccións particulares, hai obras de Antonio Fernández en museos como o Provincial de Lugo e o Quiñones de León (Vigo) e en coleccións como as de Abanca-AFundación (Vigo), Fundación María José Jove e Pinacoteca Fernández del Riego (Vigo). Sempre resultará unha regalía para os ollos e para o espírito achegarse ata eses museos para contemplalas.





Para saber máis:


ALONSO, Eliseo (1959): La pintura de Antonio Fernández, Tui

ALONSO, Eliseo (1984): Antonio Fernández, Consellería da Presidencia da Xunta de Galicia. Servizo Central de Publicacións.

BERNÁRDEZ, Carlos L. (2013): Catálogo da exposición “Antonio Fernández. Pintor de tres mundos”, Tomiño: Concello de Tomiño.

BUGALLAL Y MARCHESI, J. L. (1970): “Nota necrológica. Don Antonio Fernández Gómez”, en Abren­te. Revista de la Real Academia de Bellas Artes, n.° 2. A Coruña.

PAZ ANDRADE, Valentín (1926): “Un gran pintor gallego desconocido en su tierra”, Vida Gallega, Vigo, núm. 309, 30 de xuño, pp. 7-9.

POUSA, Xavier (1997): Antonio Fernández”, en Artistas galegos, pintores. O Rexionalismo I. Vigo: Nova Galicia Edicións, pp. 140-175.

VV. AA. (1986): Antonio Fernández. Exposición antológica. Vigo, Caixavigo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario