 |
Ánxel Casal Gosenxe |
Cando se
cumpre o primeiro centenario da fundación das Irmandades da Fala, paga a pena
revisitarmos a iniciativa desa entidade emblemática que máis directamente
incidiu sobre o panorama educativo do seu tempo: a creación das “Escolas do
Insiño Galego” na Coruña, en 1923, da man do editor Ánxel Casal.
A
marxinación do idioma no sistema educativo
Unha das
máis sangrantes realidades ás que se tiveron que enfrontar as Irmandades no seu
afán de mellorar Galiza foi a da absoluta discriminación que padecía nesa época
a lingua galega en todo o sistema educativo, desde os niveis primarios ata a
Universidade. Ausente por completo da docencia e dos materiais de aprendizaxe,
ignorado como idioma con pasado e presente literario, reprimido no seu uso
espontáneo no ámbito escolar de unha e mil maneiras, ignorado mesmo desde a
vertente puramente filolóxica ou como ferramenta didáctica, o galego, que era
alcuñado dialecto con evidente afán minusvalorizador, resultaba así un
auténtico estigma de atraso, rusticidade, ineducación e/ou pobreza, que a
acción constante da escola, segundo prescribían as directrices ministeriais e o
pensamento sociolingüístico dominante, claramente uniformistas e asimilistas
ambos, debía axudar a extirpar en favor de la lengua nacional, pretensamente
moito máis culta, capacitada e útil.
Efectivamente,
a difusión masiva de prexuízos diglósicos constituía nesa altura, implícita ou
explicitamente, unha das grandes misións do aparello escolar. Denunciono
Castelao nunhas coñecidas liñas do cuarto apartado do “Libro Segundo” do seu
Sempre en Galiza (1944):
“Prohibíchedes o galego nas escolas para producir
no esprito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que
falar galego era falar mal e falar castelán era falar ben”.
Milleiros
de escolinos e escolinas que traían da casa o seu galego como lingua
identitaria, familiar e habitual, non só accedían a partir do seu paso polas
aulas ao coñecemento máis ou menos amplo do castelán, único idioma oficial, senón
que aprendían tamén a conceptuar negativamente o galego (e con el algúns dos
seus trazos fonéticos non coincidentes coa prosodia normativa castelá, como a
gheada e o seseo). Dese xeito, desde esa nova mentalidade adquirida, unha boa
parte deses escolinos acababan converténdose logo nos seus ámbitos de relación
en activos axentes da deserción idiomática e da ruptura da transmisión
interxeracional, sobre todo se as súas particulares traxectorias individuais
ían acompañadas de mudanzas ascendentes na escala social, laboral e económica.
A mesma
orientación curricular e idiomática desgaleguizadora, agravada ademais polo
enfoque pro-migratorio que desenvolvían nas súas actividades, presentaban boa
parte das chamadas “escolas de indianos” promovidas polas Sociedades de
Instrución, como denunciaba A Nosa Terra no exemplar de 30 de setembro
de 1918:
“Os
gallegos emigrados queren, ante todo, que as escolas que eles pagan sejan
escolas para emigrantes. Hai escolas destas na nosa terra, na que os rapaciños
adeprenden geografía de América e nengunha apenas de España e Galicia; nas que
adeprenden mecanografía, mas non cousas agrícolas ou relacionadas con as
industrias gallegas”.
A
alternativa galeguizadora da escola defendida polas Irmandades
Diante
deste panorama, o primeiro labor das Irmandades será, como é lóxico, o da
denuncia dos negativos efectos que un sistema educativo así concibido traía
consigo nunha sociedade como a galega, que en 1900 tiña nada máis e nada menos
que entre un 74'31% e un 67'88% de analfabetismo. As primeiras propostas que
desde as Irmandades se lanzan para mudar esta situación, formuladas sobre todo
polo psicopedagogo e catedrático de Ética e Dereito no instituto coruñés Xoan
Vicente Viqueira, cáseque se limitaban a pedir que non se reprimise o uso
espontáneo do galego por parte do alumnado, que o profesorado puidese botar man
del como lingua auxiliar nas aulas (aclarando conceptos, sinalando
equivalencias co castelán, etc.), que se desen nocións básicas da súa gramática
e que se fixese lectura de textos literarios algunha vez.
Pouco a
pouco a intensidade da reclamación irmandiña tomará máis alcance, de
maneira que se demandará abertamente que se implantase o seu estudo e emprego
na docencia xunto co castelán, tanto nas actividades lectivas como nos
materiais didácticos. Ademais, como sinala Risco no seu plan de 1921, “un
enseño verdadeiramente galego, debe comprender: Xeografía de Galiza, Estoria de
Galiza e vidas de galegos ilustres, Língoa e literatura galega, Arte galega,
Cencias e disciprinas práuticas (agricultura, endústreas, labores, traballos
manuás, etc.), con apricación á nosa Terra”. Para garantir este novo enfoque
habería que proceder á capacitación idiomática do futuro profesorado, creando
as cátedras correspondentes nas Escolas Normais.
A
colección de A Nosa Terra, xa nos seus primeiros tempos, alberga
numerosos artigos que plasman este interese das Irmandades por colocar o foco
sobre a intolerábel, ademais de didacticamente incomprensíbel, marxinación da
lingua e da cultura propias de Galiza nas escolas galegas e sobre as pésimas
consecuencias pedagóxicas e sociolóxicas que se derivaban de semellante praxe.
Falamos de traballos como “Pol-as Escolas Galegas”, de L. de Sergude, ou
sexa, Leandro Carré Alvarellos (25.12.1916); “A Fala no enseño”, de Vitoriano
Taibo (5.1.1917); “A nosa escola” (30.8.1917) e “O galego na escola”
(30.12.1917), de Xoan V. Viqueira; “Ó castelán pol-o gallego” (30.9.1918), de
Santos Vila; do anónimo “As escolas antigallegas” (30.9.1918); da conferencia
“Nosos problemas educativos”, do xa citado Viqueira (1918); do artigo “O noso
apostolado” (outubro de 1918), de Ortiz Novo; de “O probrema da cultura”, de
Aurelio Ribalta (2.5.1919); etc,. Tamén o boletín Nós edita en dúas entregas
(nº 6, 20.8.1921 e nº 7, 25.10.1921) o Plan pedagóxico pr'a galeguización
d'as escolas elaborado por Risco, por mandato expreso da 3ª Asemblea
Nacionalista. Nese plan, o tratamento que debía recibir o idioma sintetízase
deste xeito:
“O ideal
sería qu'o enseño se dera en lingua galega.
A
apelación á nósa fala é indispensable, pol-o menos n-as escolas ruraes, si é
qu'o escolante s'ha faguer comprender verdadeiramente dos rapaces.
O menos
que se pode pedir é qu'o galego non sexa sistemáticamentes estrañado e botado
fora das escolas”.
Risco
indica que “pol-o desprezo da lingua principia o desprezo da Terra y-o desapego
a ela” e defende, ademais, o estudo gramatical de galego e do castelán por
“comparanza”, para fixar ben os dous códigos (“de maneira qu'os rapaces
adeprendan a falar verdadeiro castelau e verdadeiro galego”). Completarían esta
entrada do galego na vida escolar a lectura e comentario de textos literarios,
en verso e en prosa, “tres veces ou máis á semán”, complementados con breves
explicacións de historia da literatura galega, unhas “nociós de gramáteca
galega” e, por último, a realización de “exercicios de redaución e composición
en língoa galega” por parte do alumnado dos últimos cursos.
 |
Elvira Bao Maceiras |
Non fará
falta dicir que por parte das autoridades estatais en materia educativa houbo
un absoluto silencio e unha total indiferencia diante de semellante listaxe de
propostas construtivas que algúns membros das Irmandades tiñan lanzado para un
novo tratamento da lingua galega no sistema educativo estatal, formado nesa
altura por unhas tres mil escolas públicas no noso país.
O
proxecto das Escolas do Insiño Galego
É neste
adverso contexto para as demandas de galeguización do ensino que xorde na
Coruña, no trascurso dunha xuntanza da Irmandade da Fala local o 8 de xullo de
1923 e a proposta do libreiro e editor Ánxel Casal Gosenxe, respaldada por
unanimidade, unha iniciativa pioneira e excepcional: as “Escolas do Insiño
Galego”.
Xa a
comezos dese ano o boletín da ING Rexurdimento (febreiro de 1923) rompera lanzas a favor da admisión do
galego no sistema educativo, traendo a colación as opinións de diversos
persoeiros relevantes, como o médico e catedrático Miguel Gil Casares, o abade
M. Piñeiro, o mestre Castiñeiras Díaz, o finado Lois Porteiro, etc. e
reproducira un artigo de Vitoriano Taibo (marzo de 1923), publicado
orixinariamente en 1917 en A Nosa Terra, en que o mestre da Ponte de
Mera denunciara a represión que moitos mestres exercían sobre o uso espontáneo
do galego por parte dos nenos e nenas e a “salvaxada pedagóxica” que comportaba
querer darlles ensino en
“escolas
- encol de todo nas das aldeias - onde os escolantes s'empeñan n'enseñaren o castelao pol-o castelao mesmo, os probes cativiños san
d'ilas fartos de labazadas e valdeiros de letras; dicindo auja e don Guanito;
co galego en bárbaro e o castelao en brutiño”.
As Bases
das Escolas do Insiño Galego publícanse en A Nosa Terra o 5 de agosto de
1923. Contemplan, por puro imperativo legal, que o ensino nelas se fará en
idioma español (base 1ª), mais empregando tamén o galego “na letura da nosa
literatura peculiar e demais libros didáiticos que se poidan outer, e para
algunhas espricaciós de leiciós práiticas”, en clara aplicación das
recomendacións plasmadas por Risco no seu Plan pedagóxico de
1921.
As
Escolas serían gobernadas por un Consello reitor formado polo Conselleiro 1º da
Irmandade da Fala coruñesa (que sería presidente nato), o presidente da Sección
de Cultura e Fala desa mesma Irmandade, o Tesoureiro-contador e dous mestres
“d-ambos sexos e reconocido galeguismo”, todos con dereito a voz e voto (base
2ª). As Escolas financiaríanse polas achegas de socios protectores, cunha cuota
mínima de 2 ptas. mensuais, e polas subvencións que se lle demandarían a entidades
galegas da Terra e do estranxeiro (base 3ª), ficando na obriga de facer
publicación mensual dos estados de contas en A Nosa Terra (base 5ª).
A
Irmandade da Fala facía cesión gratuíta do seu local na praza de María Pita
para as actividades das Escolas (base 4ª). Contemplábase, inicialmente, a posta
en marcha dunha escola de párvulos (nenos e nenas entre 4 e 7 anos), para máis
tarde afrontar a posta en marcha da correspondente escola elemental (base 6ª).
Estabelecíase unha ratio máxima de 50 alumnos [sic] para cada escolante
(base 7ª) e a total gratuidade, tanto da matrícula como dos materiais escolares
(base 8º), con dereito preferente para o alumnado fillo de membros da Irmandade
da Fala ou de socios protectores (base 9º). Por último, facíase recaer no
Consello reitor a designación dos libros de texto que debían empregarse (base
10ª).
Cabe
salientar que o ensino destas “Escolas” foi completamente laico, que contemplou
saídas a algunhas localidades e enclaves do contorno xeográfico herculino (Oza,
Pontedeume, Betanzos...) e que incluíu a interpretación frecuente de cantigas
populares e do himno galego. O alumnado participaba tamén na procesión cívica
que organizaba cada ano o Circo de Artesáns ata o cemiterio coruñés, para
honrar a memoria de Curros Enríquez. Na presentación destas bases, A Nosa
Terra apostilaba (nº 190, 15.8.1923):
“Non
ll-abonda a Galicia qu-os seus fillos seipan lêr i-escribir.
Galicia
percisa qu-os seus fillos lean i-escriban n-a sua Fala para qu-a sintan;
qu-estuden n-a sua Xeografía para qu-a coñezan, e coñecéndoa quéiran-a; que
lles digan das grorias d-os seus homes para honral-os; que beban nas fontes da
sua Tradición, da sua Cultura e da sua Arte para qu-as continúen sin influenzas
alleas e que seipan pol-a sua Historia dos aldraxes e das persecuciós de que
foi vítima”.
 |
María Miramontes |
Nun
artigo posterior intitulado “Escolas de Insiño Galego. Pol-o ben de Galicia” e publicado en A Nosa
Terra (nº 191, 1.9.1923), Ánxel Casal explicaba que a iniciativa destas
“Escolas” debería servir como elemento aglutinador e mobilizador de “todos os
galegos que desexan sinceramente o benestar da Patria”, contribuíndo a acabar
ademais “d'unha vez para sempre con todol-os receios e con todal-as
intransixencias de que moitos veñen facendo alarde en xustificazón da sua
inactividade ou da postura que contra o seu pensar adoutaron”. O que pretendía
con esta idea, alén das dimensións estritamente pedagóxicas e proselitistas
sinaladas, era combater o vírus da discordia e a división “que parece haber
sido inoculado no noso movimento pol-os enemigos da redenzón de Galicia, que
son os únicos que se benefician e beneficiarán se seguimos tan trabucado
camiño, namentras perxudicamos o Sagro Ideal que n-un comenzo axuntounos”.
A posta
en marcha das “Escolas” foi apoiada efectivamente por algúns membros da ING.
Nas listaxes de socios protectores que vai publicando A Nosa Terra
durante o segundo semestre de 1923 e o primeiro de 1924 aparecen nomes como os
do propio Ánxel Casal, Federico Zamora, Manuel Roel, Lugrís Freire, Vítor
Casas, Xosé Baldomir, Leandro Carré Alvarellos, Francisco Abelaira, Carlos
Monasteiro, Benito Ferreiro, Xerardo Faraldo, Manuel Lemus, os irmáns Tomás e
Enrique R. Sabio, Federico Rodríguez Chas, Xulio Pita, Florentino L. Cuevillas,
Xosé García Acuña, López Abente, Amado Carballo, Xosé Lesta Meis, Xoán Vidal
Martínez, Xoán Antonio Vela, Portela Valladares, Francisco M. Balboa, Alfredo
Somoza, Carlos Sobrino ou Vicente Risco.
Traxectoria
das Escolas do Insiño Galego
Implantada
a ditadura de Primo de Rivera, debeu de haber presións para que o proxecto
destas “Escolas” fose prohibido manu militari, de aí que desde o boletín
A Nosa Terra (nº 197, 1.2.1924), aínda acribillado e todo pola censura,
apurasen a lembrar o disposto na Gaceta do 29 de decembro de 1923, cuxo texto
sinalaba literalmente que non había ningunha disposición “que prohiba en el
orden privado la enseñanza de dialectos o lenguas regionales”. Por iso mesmo,
concluía o voceiro mensual da Irmandade coruñesa, “temos perfeitísimo dereito á
cultivar o noso idioma” e “mellor é saber dous idiomas que un só”. Nese mesmo
número do boletín recollíase o texto dunha conferencia de Federico Zamora, que
consideraba que as Escolas terían que ser “pedra angular na que descansará no
futuro o movimento galego”.
Finalmente, as Escolas do Insiño abriron as súas aulas en
maio de 1924, cun total de 20 rapaces matriculados. En 1926, eran xa 60.
Funcionaron ata o curso 1929-1930, primeiramente no local da Irmandade en María
Pita, 17, baixo e, máis adiante, desde o segundo semestre de 1924, no local da
rúa Real 36-1º, onde o propio Casal tiña a súa imprenta-libraría-editora e onde
moraba coa súa esposa, a costureira María Miramontes, tamén activa afiliada irmandiña.
Jenaro Marinhas del Valle contou que os pupitres da
escola “non custarom mais que o valor da madeira que os carpinteiros nada
quiseran cobrar por um trabalho que beneficiava à comunidade em que eles
próprios estavam interessados”.
 |
Felipe Fernández Armesto |
Pola súa vez, Felipe Fernández Armesto evocaría
o 20 de marzo de 1926 na súa sección “Decrúa” en El Pueblo Gallego a súa
visita como tuno a estas Escolas e a emoción que o embargou nesa ocasión:
“A revoltosa capa carnavaleira apretouse contra o peito e
adequiriu prestixo de serea toga ó traspor os cimbreiros d'un cuarto branco, e
ledicioso, sinxelamente aparellado, onde alguns centos de rapaces estudaban e
traballaban, en todol-os orde intelectuais, en galego e pra Galiza: eramos
hóspedes emocionados - tal vez como nunca o estiveramos - da “Escola das
Irmandades da Fala”. Xa non soubemos discernir, soio sentimos o quentor do
entusiasmo, i-a apretura do abrazo do escolante. Logo quixemos falar, - e
comenzamos - irmanciños! As olladas de todol-os nenos, fortes de inquedanzas e
d'arelas, cairon sober nós con animazón cariñenta. Non sabemos o que dixemos.
Sentimos coma o desvanecimento d'unha sede irresistibel, e escomenzamos a
repartir apertas.
¡Que pouco poidemos deixar!: unhas cantas lamberetadas e
unhos probes pesos de que a Tuna facía graza ás “Escolas da Irmandade”. En
troques iles déronnos o froito, alí madoiro [sic], da súa fé, i-os gallos
frescos da sua ilusión, e obrigáronnos ó corazón a brincar d'outimismo”.
Indica Sabela Rivas que pasaron por estas Escolas
“aproximadamente uns cen alumnos, oscilando entre 15 e 20 por ano” e que
“asistían nenos entre cinco e dez anos, fillos, na súa meirande parte, de
socios da Irmandade, aínda que, debido ao seu carácter gratuíto, tiñan acceso a
ela nenos dun nivel económico baixo como era o caso dos fillos dos empregados de
comercio, que eran os máis numerosos”.
Ao final só funcionou a sección masculina destas
“Escolas”, co propio Ánxel Casal como escolante (e o poeta de Trives Manuel
Luís Acuña como auxiliar e substituto), pois para a sección feminina, da que se
ía encargar a mestra e irmá da fala Elvira Bao Maceiras, non chegou a haber
suficiente demanda de matrícula.
Dentro da nómina de frecuentadores das “Escolas” que
tiveron con posterioridade certa relevancia política e intelectual cabería
amentar os casos do dramaturgo Jenaro Marihas del Valle, o dos irmáns Galán
Calvete (Fernando, Xaime e Pedro, futuro dirixente este último das Mocidades
Galeguistas e mártir no tráxico 36, con tan só dezanove anos de idade), o dos
tamén militantes galeguistas Xulio Pita e Fernando Suárez, etc. Como resumiu
graficamente Fernández del Riego, nestas Escolas de Ánxel Casal “mamaron as
leccións iniciais na nosa lingua máis de un cento de nenos coruñeses, sin lles
costar un pataco”.
A experiencia destas “Escolas” da Irmandade coruñesa
fechouse cando Ánxel Casal se viu en trance de ruína económica por mor do
rotundo fracaso do diario vespertino El Momento, do que só saíron
catorce números en febreiro de 1930. Procurando novas oportunidades para o seu
negocio editorial e impresor e desexando distanciarse dos círculos da sociedade
coruñesa que provocaran en definitiva o citado fracaso xornalístico e
empresarial, Casal trasladouse a Compostela, a un local na rúa das Hortas que
lle cedeu xenerosamente Camilo Díaz Baliño. Emprenderá así unha nova xeira que
resulta decisiva para o desenvolvemento da cultura e da literatura galega no
período republicano.
PARA SABER MÁIS...
COSTA RICO, Antón (1996): A reforma da
educación (1906-1936). X. V. Viqueira e a historia da psicopedagoxía en Galicia,
Sada: Eds. do Castro, col. Documentos, nº 123.
COSTA RICO, Antón (2004): Historia da
educación e da cultura en Galicia (séculos IV-XX), Vigo: Eds. Xerais.
DOBARRO PAZ, Xosé Mª & VÁZQUEZ SOUZA, E.
(2003): Ánxel Casal (1895-1936). Textos e documentos, Sada: Eds. do
Castro, Serie Documentos, nº 168.
FERNÁNDEZ DEL RIEGO, Francisco (1983): Ánxel
Casal e o libro galego, Sada: Eds. do Castro, Serie Documentos, nº 7.
GABRIEL, Narciso de (1990): Leer, escribir
y contar. Escolarización popular y sociedad en Galicia (1875-1900), Sada:
Eds. do Castro.
ÍNSUA, Emilio Xosé (2016): A nosa Terra é
nosa! A xeira das Irmandades (1916-1931), A Coruña: Baía Edicións.
MAGARIÑOS, Alfonso (2000): A obra
educativa e cultural dos emigrados. Prensa da emigración e Sociedades de
Instrucción en Galicia: 1900-1936, Sada: Eds. do Castro.
MALHEIRO GUTIÉRREZ, Xosé Manuel (2006): As
escolas dos emigrantes e o pensamento pedagóxico: Ignacio Ares de Parga e Antón
Alonso Ríos, Sada: Eds. do Castro.
MARINHAS DEL VALLE, Jenaro (1995), “Casal
pedagogo”, A Nosa Terra, Vigo, nº 700, 16 de novembro.
RIVAS BARRÓS, Sabela (2001): A derradeira
lección dos mestres. Galeguismo e pensamento pedagóxico (1900-1936), Vigo:
Eds. Xerais, Col. Universitaria.
RIVAS BARRÓS, Sabela (2002): O ideario
educativo do galeguismo. Escolma de textos e fontes bibliográficas, Sada:
Eds. do Castro, Col. Documentos, nº 164.
VÁZQUEZ SOUZA, E. (2003): A fouce, o
hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno, Sada: Eds. do
Castro, Serie Documentos, n º169.
[Artigo publicado
orixinariamente no sexto número da revista do STEG, Aulas Libres, en abril de 2016]