eu

eu
eu

mércores, 30 de decembro de 2015

ANTÓN VILLAR PONTE NA PRESIDENCIA DA “ASOCIACIÓN DE PRENSA” CORUÑESA (1915)



Antón Villar Ponte, en caricatura de Álvaro Cebreiro
A comezos de 1915, o prestixio e a proxección pública do xornalista Antón Villar Ponte (1881-1936), daquela xa asentado na Coruña como flamante membro da redacción de La Voz de Galicia, representante do Diario de la Marina habaneiro, colaborador habitual de El Ciudadano e mesmo directivo da agrupación herculina de "Amigos de los Árboles" (presidida polo militar Manuel Insua Santos, natural de Xove), aumentarán de maneira significativa ao ser designado Presidente da "Asociación de Prensa". 

A entidade, de orientación basicamente benéfica e mutualista, ofertaba servizo médico e farmacéutico para os asociados (incluídos os seus familiares), que tiñan que ser xornalistas en activo ou persoas que o tivesen sido "de un modo notorio e indiscutible", segundo rezaba o artigo 2º dos seus Estatutos, impresos na tipografía de El Noroeste en 1908. En caso de incapacidade transitoria ou doenza grave do socio, podía a Xunta Directiva, en virtude do artigo 9º deses Estatutos, asignarlle unha pensión durante un período máximo de dous meses. A Asociación tamén financiaba a publicación de esquelas en caso de falecemento dun socio e outorgaba unha axuda de 250 pesetas para os deudos do defunto. 

Esta Asociación, que se sostiña economicamente a través das cuotas dos seus asociados (2 ptas. por mes, agás redactores, que pagaban só 1), organizaba de cando en cando, con fins recadatorios, festivais benéficos, bailes e mesmo touradas, como a que consagrou na Coruña ao matador de Láncara Celita. Indicaba a revista Vida Gallega (nº 40, 1913), a este respecto, que "sus fiestas llenan siempre sus cajas cuando la previsión directiva las sorprende, por deméritos del dolce far niente recaudador, con los fondos al descubierto". 

Con todo, segundo explica en decembro de 1914 La Voz de Galicia, "la Asociación de la prensa no se ha creado para el fin único de la asistencia facultativa, sino también para otros muy importantes, cuales son los de honrar por todos los medios á los cultivadores de la profesión". De feito, algúns dos primeiros acordos que tomará a súa directiva serán o de solicitar o indulto para o ex director de El Combate, Abelardo Vila, condenado por ter reproducido no xornal da súa dirección un artigo antimonárquico de Blasco Ibáñez e o de pedir que ficase en suspenso a xubilación forzosa de Manuel Murguía (maio de 1905), por canto non tiña garantida o insigne historiador a percepción de ningún tipo de pensión. 

Eladio Rodríguez Gnzález
Fora fundada a Asociación de Prensa coruñesa nunha xuntanza celebrada nos locais da Reunión de Artesáns o día 5 de decembro de 1904. A primeira Xunta directiva estivo presidida por Urbano González, con Eladio Rodríguez como vice-presidente e Alejandro Barreiro e Bernardo Faginas como secretarios. En 1911 ocupaban os postos clave Francisco Ponte Blanco (presidente), Francisco Tettamancy (vicepresidente), Ramón Zincke (tesoureiro) e Fernando Martínez Morás (secretario). Durante os anos 1913 e 1914, Wenceslao Fernández Flórez ocupou o posto de secretario nunha directiva que continuou a presidir Ponte Blanco. 

O xoves día 7 de xaneiro de 1915, poucos días despois de se producir a desaparición do cabezallo coruñés republicano Tierra Gallega (co que Antón Villar Ponte tiña colaborado nos seus tempos de boticario en Foz), a Asociación de Prensa celebrou unha concorrida asemblea no local da Liga de Amigos, co obxecto de renovar a súa directiva. Logo de lida a memoria anual e de aprobadas as contas, o veterano presidente saínte, Ponte Blanco, pronunciou un discurso de despedida, para dar paso a unha votación que deu como resultado a seguinte nova directiva: Presidente, Antonio Villar Ponte; Vicepresidente, José Panisse Serrano; Secretario 1º, José Blanco Meizoso; Secretario 2º, Manuel Barbeito Herrera; Tesoureiro, Alfredo Lafuente Suces; Contador, Juan Tejada Velasco; Vocais, Francisco Rodríguez Pereira, Manuel Ponte Maquez e Jesús Merelas Bello. 

Segundo informa o xornal coruñés El Eco de Galicia (nº 2.669, 8.1.1915), a candidatura "fué elegida sin oposición, aunque algunos señores no han obtenido más que dos o tres votos". Non obstante, dadas certas incompatibilidades en que, á luz do regulamento interno da Asociación, incorrían algúns dos electos, algúns socios solicitaron que se tivese este feito en conta e se procedese a unha nova elección de cargos. O antecitado xornal católico acrecentaba, ademais: "sabemos que algunos señores de los ayer elegidos no aceptarán los cargos para que fueron designados, y dícese que, en vista de ello, dimitirá por decoro el resto de la nueva directiva". O rotativo dirixido por Zenitram valorizaba que esa era a única vía posíbel, "tanto por lo que atañe a la fiel observancia de los preceptos reglamentarios, cuanto para que la armonía hasta ahora existente entre los asociados, periodistas en activo, no sufra la menor alteración".

A pesar das elucubracións proféticas de El Eco de Galicia (contrario, en realidade, á renovación que se acababa de producir na Asociación), o certo é que os novos directivos tomaron pose dos seus cargos dous días despois de realizada a votación, coa excepción do tesoureiro Lafuente Suces, que fixo renuncia ao cargo alegando que as súas moitas ocupacións impedíanlle aceptalo. Para cubrir a vacante foi designado, o xoves 14 de xaneiro de 1915, Eladio Rodríguez González. 

A revista viguesa Vida Gallega (nº 67, 15.4.1915) saudará o novo presidente da Asociación cun gabancioso retrato, redixido nos seguintes términos:
 
"El nuevo presidente de la Asociación de la Prensa de la Coruña es, por su cultura y por su vigor intelectual, una de las figuras más sobresalientes del periodismo gallego.
En la actualidad es redactor de nuestro querido colega La Voz de Galicia y redactor-corresponsal en nuestra región de El Diario de la Marina de la Habana.
No obstante su juventud, tiene una historia larga y brillante. Colaboró, en prosa y verso, en muchos periódicos de Madrid y de provincias. En Cuba, donde vivió algunos años, fué redactor-jefe y después director del Diario Español. También dirigió allí las revistas habaneras Follas novas y Alma gallega y el diario camagüeyano El Comercio.
En el solemne acto de apertura del curso académico de 1911 en el Centro Gallego de la Habana pronunció un extenso y notabilísimo discurso pedagógico que mereció el singular honor de ser imprentado en la memoria anual de aquella sociedad.
Vuelto á España, organizó en Vivero el centenario de Pastor Díaz, que se efectuó con extraordinario lucimiento.
A raíz de la revolución portuguesa dió en la sociedad Juventud de Galicia, de Lisboa, varias conferencias que fueron muy celebradas. Pronunció discursos de propaganda republicana en Coruña, Lugo y otras poblaciones.
Desde las columnas del Diario de la Marina de la Habana, dió vida al pujante movimiento autonomista gallego que hoy se concreta orgánicamente en Cuba.
En varios periódicos de Galicia rinde culto, casi diario, á una obsesión, ya antigua en él: el ferrocarril de la Costa. Esto y sus constantes estudios sobre Federico Nietzsche constituyen los principales trazos de su personalidad intelectual. Sus rasgos más característicos son el ser un entusiasta nacionalista gallego y el odiar la política partidista".

Desta comprida e exacta semblanza redixida pola revista de Jaime Solá, cómpre non deixar de chamar a atención sobre a alusión final ao ideario do noso autor. Estamos aínda nos comezos de 1915, a máis dun ano da fundación efectiva das Irmandades, e o vocábulo "nacionalista", como se ve, xa serve para identificar publicamente o pensamento político do xornalista viveirense.

Unha das primeiras aparicións públicas de Villar Ponte ostentando o seu novo cargo acontece nunha velada de homenaxe ao poeta Curros Enríquez, no sétimo cabodano da súa morte, velada á que tamén asisten Murguía, Tettamancy, Cabeza de León e Alejandro Barreiro. Villar Ponte, que ostenta ademais a representación do xornal habaneiro Diario de la Marina, pronuncia unhas breves palabras neste acto en que, "aproveitando" a presenza de dous representantes do Centro Galego de La Habana, os señores Justo Martínez e García Freire, segundo recolle La Voz de Galicia (8.3.1915) "(...) hubo de dolerse de que el monumento siete años ha proyectado a la memoria de Curros - y para lo cual se abrió una suscripción que encabezó aquella entidad [Reunión de Artesáns]- , todavía no se haya erigido". 
 
Andrés Martínez Salazar
Xuntamente co cronista oficial herculino Andrés Martínez Salazar e o presidente da Academia Galega, Manuel Murguía, Villar Ponte participará en cualidade de presidente da Asociación de Prensa na Comisión organizadora dos actos do Centenario de Miguel de Cervantes na Coruña (1916). Outras actuacións no desempeño desta presidencia tiveron a ver con dúas iniciativas relevantes nesa época: unha nova campaña a prol da construción do "Ferrocarril da Costa" e unha iniciativa de homenaxe a Uxío Carré Aldao que, entre outras cousas, serviralle ao de Viveiro para se reconciliar provisoriamente co núcleo rexionalista da “Cova Céltica” e sentar así unha báse sólida para a fundación, en maio de 1916, da primeira das Irmandades de Amigos da Fala.

3 comentarios:

  1. Manuel Insua Santos non é de Xove. É natural de Viveiro, máis concretamente de Valcarría. Fillo de Antonio e Manuela e irmán de Antonio, que viveu parte da sus vida en Cuba onde deixou familia e de Félix. Probablemente tuvo máias dunha irmá tamén.

    ResponderEliminar
  2. Antonio Insua, pai de Manuel Insua Santos foi membro da comisión municipal administrativa de Viveiro no 1868 en representación de Valcarría.

    ResponderEliminar
  3. Membro tamén desa comisión foi Manuel Insua, en representación da parroquia de Faro. É máis que probable que Manuel e Antonio fosen familia pois Antonio procedía de esta parroquia de Faro.

    ResponderEliminar