Comparto nesta miña ínsua particular este texto que fai público o sindicato ao que pertenzo, o STEG, co gallo da celebración dun novo Día das Letras Galegas.
Alguén
podería pensar, a
priori,
que nunca menos cousas houbo que celebrar nun 17 de maio como este
ano.
Por
unha banda, o persoeiro elixido pola Academia Galega, Xosé Filgueira
Valverde, ao lado dunha indiscutíbel e inxente obra investigadora e
divulgativa da cultura de noso que non debe ignorarse, presenta na
súa traxectoria determinados feitos políticos e compromisos
públicos difíciles de xustificar e que non contribúen,
precisamente, a que floreza en moitos segmentos da sociedade ese
sentimento de homenaxe querendosa e revindicativa que ten acompañado
tantas outras veces a celebración da efeméride.
Por
outra, a recente difusión dos resultados da enquisa ás familias do
INE 2013 ten servido de badalada anunciadora da triste constatación
de que o galego segue indo en constante devalo e de que non semella
moi afastado o día en que poida converterse, por primeira vez na súa
xa milenaria historia, en lingua minoritaria no seu propio
territorio.
Aínda
a isto cabería engadir a teimuda persistencia do Partido Popular, do
goberno de Núñez Feijóo e da Consellería de Cultura e Educación,
mesmo que se producise relevo á súa fronte, na aplicación dunha
política lingüística verdadeiramente hostil cara ao uso
normalizado da lingua propia. Esa política, plasmada no ámbito do
ensino no mal chamado “Decreto de Plurilingüismo”, minoriza á
mantenta o galego nun dos espazos que máis repercusión positiva
podería ter para a capacitación idiomática do alumnado e para o
desterramento de prexuízos seculares nas pautas habituais de uso.
Esa mesma política recorta continuamente, ademais, medios e liñas
de axuda para o sector cultural do país no seu conxunto, onde a
lingua de noso florece a pesar de todos os pesares con forza e
talento: audiovisual, música, teatro, literatura, bibliotecas,
traducións, prensa monolingüe...
Tampouco
no campo das entidades que loitan honestamente pola normalización se
observa nin a necesaria vontade de revisión autocrítica das
fórmulas e estratexias implementadas nos últimos tempos, que cando
menos poden ser tildadas como “francamente mellorábeis”, nin se
abesulla no curto prazo unha dinámica que permita anovar discursos,
explorar outro tipo de accións e mobilizacións normalizadoras e que
acometa, en fin, a cada día máis urxente e peremptoria
“despartidización” que a causa da lingua necesita para adquirir
unha transversalidade social real e eficaz.
E
con todo, para o STEG o 17 de maio sempre estará sinalado no
calendario con letra maiúscula como día festivo, isto é, como data
para celebrar con todo o entusiasmo, por máis mouro que poida estar
aparentemente o horizonte. Desta volta poñeremos o noso gran de area
cunha festa que celebraremos o sábado 16, a partir das 18.30 horas,
no local da compañía Hipócrita Teatro en Lugo (Rúa Becerreá, nº
2), con números de poesía, teatro, contacontos, globoflexia e
música para todos os públicos e á que convidamos cordialmente a
toda persoa amiga que ata alí queira achegarse.
Día
das Letras Galegas 2015. Día de combater desánimos. Día de
sementar esperanzas. Día de promover e compartir con canta máis
xente se poida todo tipo de actividades coa lingua de noso como
pretexto divertido e como bandeira de unión. Día de reivindicar
dereitos esenciais que nos pertencen como persoas e como pobo. Día,
en fin, para tornar aínda máis visíbel e presumir con lexítimo
orgullo desta xoia colectiva tan preciosa que temos, labrada por
innúmeras xeracións.
Secretariado Nacional
do STEG
Maio de 2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario