eu

eu
eu

xoves, 17 de setembro de 2015

LIBROS NO TAMBUCHE (II)

Saga dos groenlandeses. Saga de Erik o Roxo
Ed. Rinoceronte, Cangas, Col. Vétera nº 3, 2010
Tradución, introdución e notas de Elías Portela

Causa ben ledicia constatar como algunhas editoras de noso perseveran, contra toda crise, no empeño de traeren para as nosas letras o tesouro inesgotábel das letras universais. Desta volta tócalle vez, da man da colección Vétera da editora canguesa Rinoceronte, a unha das pezas emblemáticas da literatura medieval europea, as chamadas “sagas nórdicas”.

Compostas desde a oralidade aló polos séculos IX e X polos sagnamenn islandeses, estes relatos de corte épico, que desenvolven as peripecias, fazañas, conquistas e desgrazas de diferentes persoeiros dunha mesma estirpe, comezaron a se transcribir pola mesma época en que florecían entre nós as cantigas de amigo, de amor e de escarnho e maldizer. As dúas que ofrece en tradución directa do islandés ao galego Elías Portela, a Saga dos groenlandeses e a Saga de Erik o Roxo, teñen moitos ingredientes en común e fan referencia á descuberta e intento de colonización de certas zonas costeiras da América do Norte (sueste do Labrador) por parte de navegantes escandinavos por volta do ano 1.000, case cinco séculos antes da viaxe columbina, que pasa por ser aínda hoxe en moitas esferas o “descubrimento” dese continente…

Como explica o tradutor na súa introdución,
“os escandinavos do ano 1.000 eran os mellores navegantes da súa época. Destacaron tanto na construción de barcos mercantes [o karfi, o knör…] coma na mestría e na coraxe á hora de suca-los mares. Revolucionaron as técnicas da construción naval ó introduciren adiantos decisivos, como a mellora da quilla e sobre todo do casco, feito de táboas solapadas (…) Navegaban sen compás nin carta, mantendo un rumbo invariable durante longas singraduras baseándose na latitude, o sol e as estrelas. Coñecían a fondo as costas, escrutaban o vento, a cor da auga, as correntes, o voo das aves, a fauna de cada lugar, os madeiros á deriva (...) En condicións favorables para a navegación podían cubrir 120 millas e mais nun só día”.
No libro acompañamos, pois, as sucesivas expedicións que desde Groenlandia emprenden navegantes islandeses da saga de Erik o Roxo: a do seu fillo, o pioneiro Leifr, con trinta e cinco tripulantes, que bautiza as novas terras achadas como Vínland (Terra do Viño) faltando certamente á verdade, por mor de así estimular o desexo de novas expedicións; a de Thorvaldr, que acaba morrendo por frecha de indio; a de Thorsteinn, que procura recuperar sen éxito o cadáver de seu irmán empregando na travesía o seu mesmo barco; a de Karlsefni e Gudrídr, a máis numerosa de todas e a primeira mixta (60 homes e 5 mulleres, con acompañamento de gando), que consegue trabar trato coas tribos indias trala hostilidade inicial e pon en marcha os primeiros tímidos intercambios comerciais (leite a cambio de peles e madeira); a de Freydís, filla de Erik, e os irmáns Helgi e Finnbogi, que desemboca nunha guerra entre bandos e nunha tráxica matanza…

A relativa inflacción de teleseries e filmes sobre os pobos nórdicos que leva un tempo dándose entre nós non debería ser causa de desánimo para achegarse a esta xoia da literatura europea medieval agora posta, tan fermosa como competentemente, na nosa lingua.

domingo, 6 de setembro de 2015

A NARRATIVA MARIÑA DE GONZALO LÓPEZ ABENTE

Da man da Biblioteca das Letras Galegas (nº 67) de Edicións Xerais, o amigo e profesor Suso Sambade Soneira ofreceunos en datas recentes unha moi oportuna edición conxunta de varias novelas curtas do escritor Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963). 

Produto do plan despregado no seu día polas Irmandades da Fala para consolidar o cultivo do xénero narrativo entre nós, estas noveliñas están caracterizadas por uns argumentos virados cara ao enredo sentimental e amoroso (por veces tráxico) e non carecen de episodios de crítica política e sociolóxica en chave galeguista, mais tamén é moi relevante nelas a presenza constante e determinante dos espazos e dos ambientes da beiramar fisterrá galega, o que lles outorga un carácter pioneiro indiscutíbel nese plano.

O noso escritor, que foi fillo dun capitán da mariña mercante e armador que fixo fortuna no comercio con América, residiu a maior parte da súa vida na Muxía natal, paisaxe que ha de aparecer unha e outra vez retratada con arroubo nos seus versos, en poemarios moi relevantes das letras galegas de preguerra como Escumas da ribeira, Alento da raza, D'Outono ou Nemancos. 

As novelas que aparecen agora recompiladas participan desta devoción do escritor polo mar e polas súas ribeiras humanizadas, escenario das tramas argumentais que desprega.

O diputado por Beiramar (1919), dedicada a Antón Villar Ponte e gañadora dun certame convocado polo xornal A Nosa Terra no ano anterior, alberga un primeiro capítulo en que López Abente se adianta case unha década ao Risco de O porco de pé para ofrecernos un retrato cargado de ironía sobre os comportamentos e compromisos espúreos dos caciques e políticos da Restauración, recibidos na vila con ares de festa maior tan postizos como os seus propios discursos diante da plebe congregada. 

Os restantes capítulos despregan unha historia de enredo sentimental, con notas eróticas explícitas que deberon resultar moi atrevidas, imaxinamos, no seu momento. O relato da excursión que celebran os protagonistas por vía marítima ata a fervenza do río Xallas, no Ézaro, cando aínda non fora privatizada nin entubada, é un dos episodios da novela que paga a pena ler con delectación. 

O novo xuez (1922), que viu lume coa editora Céltiga que impulsou en Ferrol Xaime Quintanilla, colócanos diante do fanado intento dun maxistrado foráneo con destino nunha vila ribeirana galega, Don Desiderio, de abusar dunha moza palilleira, Mariquiriña, que ten noivo mariñeiro, Ramón. Este fachendoso Don Xoán do caldo á merenda topará finalmente coa tan solidaria como contundente resposta dos compañeiros de travesías do noivo. 

Merecen destacarse nesta xeitosa e amena novela algúns episodios en que os homes do mar e os barcos cobran especial protagonismo: a descrición da taberna mariñeira do señor Manuel no capítulo III, a partida do balandro San Fins no capítulo IV, as panxoliñas que os nenos de familias mariñeiras pobres andan a cantar á porta na Noiteboa, no capítulo V ou, por último, o episodio resolutorio da trama, que ten como escenario unha témera furna mariña. 

Buserana (1925) fixo parte da colección de narrativa da editora coruñesa Lar, de Ánxel Casal e Leandro Carré Alvarellos. Dividida nun prólogo e dez capítulos, céntrase nunha sorprendente historia de amor, coas lendas populares como pano de fondo, e encerra referencias a lugares moi emblemáticos da Costa da Morte: o cabo Vilán co novo faro xa inaugurado, a fervenza das Quebrantes, o santuario da Barca, a propia furna da Buserana... Tamén se fai evocación costumista da festa do San Xián (7 de xaneiro).  

Fuxidos (Lar, 1926) é, tal vez, sen renunciar ao seu carácter de novela basicamente sentimental que xira sobre unha relación amorosa adúltera, a máis mariñeira de todas estas novelas de López Abente reunidas por Suso Sambade. O mar xoga un decisivo protagonismo no tráxico final da historia e os oito capítulos de que consta están salferidos de coidadas descricións da paisaxe muxián nun día de temporal, de alusións ás nordestadas, ao mar bravo, aos vaporiños e aos pobres pescos, así como dunha interesantísima recreación de ambiente durante a celebración do Entroido na vila. 

Pecha o volume, un pouco á marxe e máis por razóns de oportuno rescate textual que de coherencia ou semellanza ambiental co resto das obras recompiladas, o relato “O escándalo”, que se editou no decenario A Nosa Terra en 1920.

Hai que dar os parabéns a Suso Sambade por esta edición que permite un acceso doado á obra narrativa de López Abente, un dos autores máis emblemáticos do tempo das Irmandades e unha das sinaturas que contribuíron coma poucas nese instante á consolidación da prosa galega.

mércores, 2 de setembro de 2015

LIBROS NO TAMBUCHE, 1

Motín na Bounty, de John Boyne
Faktoría K, Col. Narrativa, nº 12, Pontevedra, 2010. Tradución de Carlos Acevedo.

Despois do grande suceso da súa novela O neno do pixama a raias (2006), o escritor irlandés John Boyne decidiu afrontar a revisión dun episodio emblemático na historia das navegacións promovidas polo Almirantado británico: o motín contra o capitán William Bligh na fragata Bounty durante a expedición que o barco emprendeu en 1787 a Otaheite (=Tahití), en augas do Pacífico, na procura de exemplares da chamada “árbore do pan” para os transplantar ás colonias do Caribe.

Esta historia foi levada ao cine cando menos en tres ocasións, con Clark Gable (1935), Marlon Brando (1962) e Mel Gibson (1987) no papel de oficial rebelde, respectivamente, mais presentando decote o conflito vivido a bordo como unha xustificada revolta dunha parte da oficialidade e da tripulación do barco contra as arbitrarias decisións e os excesos autoritaristas do capitán Bligh.

Na súa novela, Boyle aposta por modificar radicalmente a perspectiva e válese para iso dun narrador protagonista, o mozo John Jacob Turnstile, que é enrolado in extremis como paxe do capitán para así evitar ingresar en prisión por un roubo. Este narrador, verdadeiro personaxe dickensiano, picaresco e desgraciado a partes iguais, presentaranos o capitán (Anthony Hopkins na versión cinematográfica de 1987) como unha figura esencialmente positiva, de ademáns paternais e fondo bondadoso aínda que esixente no traballo, encarnación do deber e da responsabilidade, preocupado en todo momento polo éxito da misión, pero non menos atento ao benestar da tripulación. Esta actitude do capitán contrasta coa fachenda ambiciosa dalgúns oficiais e co desleixo, a indisciplina e a molicie que invade a práctica totalidade da tripulación durante a estadía en terra tahitiana. Unha vez o motín ten lugar, o narrador optará por acompañar o capitán e algúns tripulantes máis, abandonados polos revoltosos nun bote á súa sorte, de maneira que nada máis saberemos da peripecia dos que continuaron na Bounty

A novela de Boyle está dividida en cinco partes: “O ofrecemento”, que serve para coñecermos o narrador protagonista e vermos por que acaba enrolado na Bounty; “A viaxe”, que narra a travesía da fragata desde que zarpa en Spithead ata que arriba pola rota do Índico a Tahití, logo dun intento frustrado de dobrar o Cabo de Hornos; “A illa”, dedicada a describir o deterioro das relacións entre os protagonistas co pano de fondo da sensualidade desinhibida das nativas, o clima paradisíaco e a tentación da deserción; “O bote”, que encerra o episodio central do motín e o abandono dos non insurrectos nunha pequena embarcación no medio do océano, coa que navegarán heroicamente ata Timor, no límite das súas forzas; e, finalmente, “O retorno”, parte coa que Boyle intenta pechar, con certa precipitación e varios saltos narrativo-temporais un tanto forzados, ao noso humilde xuízo, todos os cabos do relato. 

A obra de Boyle destila un humor áxil e picaresco que se agradece en moitas páxinas, perfectamente adaptado para galego por Carlos Acevedo, con acertado manexo da fraseoloxía. Ten, asemade, un moito de novela de aventuras e non está exenta de aportes propios doutros xéneros novelísticos: psicolóxico, sentimental, histórico... Na correcta dosificación destes aportes e no mantemento dun ritmo narrativo solto estriba a amenidade xeral da obra. Para os amantes do mar e das navegacións, en fin, hai páxinas e páxinas ben celmosas neste Motín da Bounty, especialmente nas súas segunda e cuarta partes. Paga a pena, desde logo, a súa lectura.

luns, 24 de agosto de 2015

PRESENZAS GALEGAS NO VOLUME "HISTORIA DE MI VIDA (MEMORIAS)", DO XORNALISTA MADRILEÑO ALFREDO CABANILLAS

Publicada en 2011 na colección Espuela de Plata pola Editorial Renacimiento, de Sevilla, cunha introdución de Isabelo Herreros, a Historia de mi vida de Alfredo Cabanillas foi escrita polo seu autor cando contaba xa 84 anos, sen practicamente ningún apoio documental ou hemerográfico e cun ánimo persoal moi conturbado trala morte en xaneiro de 1976 de quen fora a súa esposa, Graciela Vergara. Aínda así e con todos os seus lapsos, omisións, defectos e discutíbeis comentarios, a obra encerra valiosos datos e interesantes referencias sobre a época histórica en que se desenvolveu a traxectoria deste xornalista madrileño e non está exenta, como veremos, de referencias a algunhas figuras galegas.


Comecemos por presentar o autor desas Memorias. Alfredo Cabanillas Blanco (Madrid, 1895-1979) naceu no seo dunha humilde familia (seu pai era un modesto empregado de correos e súa nai, ama de casa) e fixo estudos primeiro nun colexio-residencia relixioso en Aragón e logo no Seminario Conciliar de Madrid, ata comezos de 1913. Tras abandonar o Seminario, por falta de vocación, comezou a traballar no Credyt Lyonnais, como repasador de contas, mais axiña sentiu a chamada do xornalismo e estreouse como articulista cun traballo na revista Nuevo Mundo, que dirixía José Campúa e editaba Prensa Gráfica. Percibiu por esa primeira colaboración a cantidade de 25 pesetas da época...

Desde 1915 fixo traballos como redactor de sucesos en La Correspondencia de España, que dirixía Leopoldo Romeo, e entrou a seguir na redacción de España Nueva, o xornal republicano de Rodrigo Soriano, do que era redactor-xefe Ignacio de Sanchidrián e no que colaboraban, entre outros, Luís de Tapia e Francisco Serrano Anguita. Durante un ano aproximadamente, Alfredo Cabanillas exerceu ademais como secretario particular de Soriano, daquela deputado nas Cortes por Valencia, contestando a súa correspondencia, escribíndolle artigos e discursos, etc.

A partir dese intre e en paralelo a este espertar profesional ao xornalismo, comeza a súa traxectoria pública como poeta, na que cómpre consignar a edición de volumes como Ocaso de sangre. Poema sentimental sobre la guerra europea (Madrid, 1915); Relicario sentimental (Madrid, 1919) ou Eternidad. Poema en tres jornadas (1923).

O poeta Xavier Bóveda
Precisamente por esta faceta da súa personalidade comparte recitais poéticos co escritor ourensán Xavier Bóveda no Ateneo madrileño, do que era secretario na altura o futuro gobernante republicano Manuel Azaña. Bóveda, que nacera na aldea de Gomesende en 1898 e se criara nun entorno de pobreza e autodidactismo, convertérase a partir de 1916 nun dos escritores novos de maior proxección no Madrid da bohemia. Fervente admirador de Emilio Carrere, protexido do cacique Bugallal e amigo de Pedro Luís de Gálvez, Vidal y Planas e outros impenitentes bohemios, escribiu e publicou en revistas como La Esfera, Los Lunes del Imparcial, Vida Gallega ou La Centuria poemas neorrománticos, decadentistas e aristocratizantes, de claro pendor modernista e intensa pegada rubeniana, que recolleu en volumes como El madrigal de las hermosas (1917), Epistolario sentimental, rosario lírico y otros poemas (1917), Los poemas de los pinos (1920) e La luna, el alma y la amada (1922).

Nun deses recitais conxuntos, aconteceu a seguinte anécdota que Alfredo Cabanillas relata [páx. 64] con claro descoñecemento da fonética da nosa lingua e con implícita simpatía por un Manuel Azaña que, ao noso entender, non fai aquí máis que revelar unha actitude de xacobina intransixencia idiomática cando se resiste de tal xeito a pronunciar o nome galego do poeta ourensán:

“Javier Bóveda, que era un excelente versificador, firmaba sus composiciones no con J sino con X. Tenía la manía de usar, de emplear la X al modo arcaico, de la Edad Media y de la Edad anterior. Así, cuando el Secretario del Ateneo [Manuel Azaña] dijo claramente Javier, éste se acercó con cierta timidez al orador y rectificó, “Xavier”, cosa que no hizo mella en el señor Azaña, pues a poco, siguiendo su panegírico, reiteró el recuerdo de los tres poetas:
- Frente a vosotros están los tres poetas que van a proporcionaros deleitosos momentos con sus recitales: Juan José Llovet, Javier Bóveda y Alfredo Cabanillas...
Como esta vez, el orador acentuara con mayor énfasis la J de Javier, éste, pendiente de su X, se aproximó con cierto ímpetu a Azaña y clamó con más acusado acento: “Xavier”, lo que produjo en el panegirista una tan viva reacción que, volviéndose al impertinente, le dijo sotto-voce: “¡Se quiere usted callar, coxones”!
Puede imaginarse el lector como se comentaría el pintoresco incidente en todos los ámbitos del Ateneo, principalmente en la “Cacharrería”, el salón que frecuentaban los escritores de nota (...)”.

Sabemos polo propio poeta de Gomesende que foi Valle Inclán quen o animou a galeguizar ortográfica e foneticamente o seu nome. En concreto, na revista Mundo Argentino de 20 de xaneiro de 1941, Bóveda relataba unha visita ao autor de Divinas palabras e indicaba:

“Me trató afablemente. Me dedicó sus libros. Al poner mi nombre en la dedicatoria escribió Xavier con X. Yo, que hasta entonces había firmado Javier con J, acepté aquella X valleinclanesca y me convertí en Xavier con gran satisfacción suya. El poeta como el toro -me decía después en su tertulia del café- siempre debe ostentar una divisa”.

Precisamente sobre Valle Inclán conta Alfredo Cabanillas no volume de referencia [páxs. 165-166] unha anécdota que tivo lugar no Ateneo madrileño. D. Ramón propuxo improvisar unha quintilla sobre calquera motivo e someter a xuízo cal era a máis perfecta e fermosa; o premio consistiría en tomar café gratis toda a semana.... Participaron no improvisado certame Xavier Bóveda, Augusto Martínez Olmedilla, Juan José Llovet Soriano... A de Alfredo Cabanillas dicía así: “Por razón de negra honrilla / me propongo demostrar / que el hacer una quintilla / es la cosa más sencilla / que se pueda imaginar”. O que aconteceu a seguir foi isto:

“Leyó todas don Ramón del Valle Inclán y cuando llegó la mía, me reprochó al modo galaico: 
- Tú te la traías aprendida, en la memoria. Ers un pícaro.
- No señor, contesté-, si no comocía las bases del concurso, ¿cómo pude haberla hecho antes?... 
Todos los presentes, incluso don Ramón, convinieron en que la razón por mí expuesta tenía validez, y proclamaron ganadora a mi quintilla, lo que me permitió estar una semana tomando abundante café con leche gratis”.

Carnés de xornalista de Alfredo Cabanillas
Da man de José Rocamora e cun soldo mensual de 200 pesetas de entón, Alfredo Cabanillas entrou en 1921 a facer parte da redacción do diario liberal vespertino El Heraldo de Madrid, que estaba situada inicialmente no nº 7 da madrileña rúa Colegiata, domicilio da Sociedad Editora Universal, mais que mudou axiña ao nº 7 da rúa do Marqués de Cubas, onde estaba xa instalada a redacción de El Liberal. Sobre a historia deste cabezallo de prensa publicou en datas recentes o xornalista ilerdense Gil Toll unha monografía titulada Heraldo de Madrid. Tinta catalana para la II República Española (Ed. Renacimiento, Sevilla, 2013) e unha colección dixitalizada do mesmo pode consultarse no web da Biblioteca Nacional de España (www.bne.es).

Fundado en 1890 por Felipe Duzcazal, El Heraldo de Madrid fora adquirido en 1893 por José Canalejas, que o converteu en voceiro oficioso da súa facción dentro do partido liberal. O rotativo sería dirixido sucesivamente por Augusto Suárez Figueroa, José Guitérrez Abascal (Kasabal) e, desde 1902, José Francos Rodríguez, quen contou na redacción con plumas como Luís Bonafoux, Salvador Canals, Luis Morote, Julio Burell, Dionisio Pérez, Pérez Zúñiga ou o ourensán Eugenio López-Aydillo, quen abandonaría a redacción en 1909 para parar a dirixir o diario ourensán El Miño.

En 1906, o cabezallo que nos ocupa foi vendido á Sociedad Editorial de España, de Miguel Moya, propietaria asemade de El Imparcial, diario vencellado á familia Gasset, e mais de El Liberal. Esa sociedade con El Imparcial só chegou, porén, ata 1916, o mesmo que a estabelecida con El Noroeste de Xixón. O Heraldo de Madrid continuou facendo trust en todo caso, baixo a batuta do citado Moya, co matutino El Liberal de Madrid, cos diarios homónimos de Sevilla e Murcia, coa revista La Moda Práctica e con El Defensor de Granada, xornal este último que dirixía Constantino Ruiz Carnero, futuro alcalde desa capital que resultaría asasinado durante a guerra polos fascistas.

Alfredo Cabanillas, a quen acompañaron xornalistas como José García Plaza (entón redactor-xefe), Práxedes Zancada, Juan Guixé Herrera, José Forns i Quadras, Antonio Vidal Moya, etc., irá pasando por todas as seccións e responsabilidades no Heraldo de Madrid durante os anos 20 e 30. Comezará a destacar mercé ao seu papel como cronista da guerra de África, onde coincide co xa citado Xavier Bóveda (correspondente do diario barcelonés La Vanguardia) e con Antonio de Lezama e “El Tebib Arrumi” (o xornalista Víctor Ruíz Albéniz, avó de Alberto Ruíz Gallardón), enviados especiais de El Liberal, como o era do ABC Gregorio Corrochano. Froito do seu labor xornalístico en terras norteafricanas será o volume La epopeya del soldado: desde el desastre de Annual hasta la reconquista de Monte Arruit (1922).

Con todo, os afogos financeiros da empresa farán que en novembro de 1922 Manuel Busquets George (1872-1957), potentado da industria petroleira e dos seus derivados (lubricantes, insecticidas, fertilizantes, produtos farmacéuticos...), compre, co asesoramento do futuro deputado de ERC Amadeu Hurtado, a totalidade das accións da Sociedad Editora de Miguel Moya, facéndose así co control dos xornais El Liberal e El Heraldo de Madrid, que pasaron a depender da nova Sociedad Editora Universal. Neste último xornal citado introducen automaticamente algunhas mudanzas: colocan ao catedrático de Comercio Antonio Sacristán Zavala á fronte da administración, reducen o tamaño do xornal a tabloide, aumentan o número de páxinas até dezaseis e, ao pouco, cesan o seu veterano director, José Rocamora, e o seu redactor-xefe, Rafael Marquina...

Na redacción deste novo Heraldo, agora dirixido por Manuel Fontdevila Cruixent (Granollers, 1888- Buenos Aires, 1957), concorren plumas como as do sevillano Manuel Chaves Nogales (novo redactor-xefe), César González Ruano, Carlos Esplá, José García Plaza, Francisco Lucientes, Enrique Ruiz de la Serna, Vicente Sánchez Ocaña, o sacerdote progresista almeriense Hugo Moreno López (que asinaba co pseudónimo Juan García Morales), Santiago de la Cruz Touchard, José Díaz Morales, Carmen de Burgos (Colombine) e un longo etcétera... Artigos de Pío Baroja, Antonio Machado, Jacinto Benavente, García Lorca ou Valle Inclán dábanlle certo postín literario ao xornal.

Capa dunha das pezas teatrais de Gerardo Ribas
Salientaremos que canda Alfredo Cabanillas fixo parte da redacción do Heraldo Gerardo Ribas Aguirre. Nado en 1907 en Madrid, era, segundo revelou o noso chorado Luís Rei, fillo ilexítimo, pero querido e atendido, do sacerdote agrarista Basilio Álvarez e dunha moza procedente dunha das aldeas que bordean a ría de Muros-Noia. Despois de exercer como redactor de La Nación, en 1927, Ribas integrouse na do Heraldo en 1928. Nela ocupouse inicialmente das crónicas deportivas, mais pasou axiña a cubrir novas da esfera política. Cultivou asemade o teatro, con pezas como o sainete lírico Los verbeneros, que se estrea no Teatro Pavón de Madrid en 1933. Exiliado en Arxentina trala guerra, seguiría escribindo para os escenarios. Entre as pezas que publicou nas Ediciones del Carro de Tespis bonaerenses figuran Un matrimonio inmoral (1960), El gran canalla (1962), El ángel de barro (1963) e Burlas de verano y mar (1966). Faleceu na Arxentina en 1981.

O Heraldo de Madrid amosou unha clara orientación antididatorial e prorrepublicana nos anos da ditadura primorriverista, concedéndolle espazo preeminente ás informacións sobre as actividades e mobilizacións da F.U.E., por exemplo, e alentando as candidaturas republicanas para as municipais do 12 de abril de 1931. Por esa liña decidida e combativa a prol das liberdades democráticas que lle imprimen o director Manuel Fontdevila e o redactor-xefe, o xienense Alfredo Muñiz García (1897-1982), que catapultan o rotativo ata o posto de cabezallo de prensa máis vendido na xeografía española con perto de medio millón de exemplares diarios vendidos (en dura competencia co monárquico e dereitista ABC), o xornal padecerá a represión do xeneral Berenguer, que o suspendeu en novembro de 1930 durante varios días.

Proclamada a 2ª República, eríxese en voceiro entusiasta do republicanismo burgués e reformista, na liña de Azaña, aínda que o propio Alfredo Cabanillas acabará militando na Unión Republicana. De feito, exercerá como xefe do gabinete de prensa da Presidencia da República en 1931, durante o gabinete interino de Martínez Barrio, após a destitución de Alcalá-Zamora. Nesa época, na sección “Notas de la redacción”, ao pouco de proclamada a 2ª República, Cabanillas editorializaba no artigo titulado “Galicia y Madrid. El presidente y los héroes”:

“Mientras en Madrid, centro nervioso de la República, se proyecta un gran arco de triunfo bajo el cual reposen los restos de Galán y García Hernández, en Galicia, cuna del viejo caciquismo de la España de ayer, se levantan arcos de triunfo también para acoger solemnemente al Jefe del Estado. (...) El corazón de España late gozoso en esta hora al paso del presidente por las provincias gallegas; el corazón de España sufre, sangra en esta hora también al recuerdo de aquella visión impresionante del fusilamiento (...) Obsérvese como las gentes de Galicia, entre clamores de una alegría nueva llena de fecundas ilusiones, y Madrid, entre sublimes demandas por que se honre la memoria de los que sufrieron los primeros dolores de la República, dejan de ser la masa alocada y arrolladora y se convierten en fuerza viva, señalando con su conducta un hecho indiscutible: la consolidación del régimen.
Galicia se siente libre del yugo secular y vitorea con entusiasmos delirantes al presidente porque en él ve el símbolo de su redención próxima (...)”.

O aviador Ramón Franco, irmán do futuro ditador, e a soprano Ofelia Nieto son, entre outras, algunhas figuras galegas que frecuentan o trato amical de Alfredo Cabanillas por esta época. Da artista amentada, escribe o xornalista (páx. 138): “la excelsa soprano española que en aquella época se manifestaba como una auténtica diva en todas sus actuaciones”, e tamén alude a “su hermana, Ángeles Otein, soprano también, aunque de inferior categoría, que para evitar confusiones había alterado el apellido (léase de izquierda a derecha) (...)”.

Casa natal de Ramón Cabanillas, en Fefiñáns
En xullo de 1934 (cf. páx. 180) Alfredo Cabanillas recibe o nomeamento como membro do Consejo Nacional de Cultura, organismo integrado por 38 personalidades do mundo das Artes, das Letras e das Ciencias. Indica o propio xornalista que “fui destinado a la sección 4ª en la que ya figuraban el gran poeta gallego Ramón Cabanillas, el insigne compositor Óscar Esplá y el imponderable Antonio Machado”. Efectivamente, como explicou o benquerido Luís Rei no seu libro Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades (páx. 378),

“(...) o día 4 de febreiro de 1934 o xornal El Pueblo Gallego deu a noticia de que [Ramón] Cabanillas recibira o nomeamento de vogal no Consejo Nacional de Cultura, un órgano consultivo e asesor do Ministerio de Instrucción Pública que, en principio, non tiña unha excesiva carga política nin implicaba unha boa remuneración, xa que os vogais cobraban vinte e cinco pesetas pola asistencia a cada unha das sesións. Con todo, non deixa de ser significativo que sexa un goberno de dereita o que veña aliviar a situación do noso poeta. Descoñecemos os apoios e valedores que [Ramón] Cabanillas puidese ter no seo dos partidos da coaligación gobernante, pero hai motivos para pensar que o vello amigo do poeta e deputado agrario-radical Basilio Álvarez había estar entre eles”.

Durante o “bienio negro”, o rotativo que nos ocupa foi suspendido en varias ocasións polas autoridades radical-cedistas e padeceu os rigores da censura previa. Logo apoiou a campaña pro-amnistía e en febreiro do 36 impulsou abertamente as candidaturas da Frente Popular, converténdose no auténtico estandarte de prensa dos sectores da poboación madrileña que, nos primeiros compases da guerra do 36 e diante da inminente ameaza de ocupación fascista, erixirían a consigna do “No pasarán”.

Mais a traxectoria de Alfredo Cabanillas durante os anos da guerra resulta finalmente controvertida e desacougante. A cada menos conforme coa deriva esquerdista e revolucionaria dos sectores resistentes en Madrid e paulatinamente divorciado da maioría dos redactores e traballadores do rotativo, o director fáctico de Heraldo de Madrid dedicouse a facer numerosas xestións para tentar salvar a vida a significados elementos dereitistas que residían naquel Madrid asediado. Marchou finalmente da capital en xullo de 1937 cara a Valencia, logo de ser repudiado expresamente por un comité obreiro de redactores do propio xornal, onde estaban representados PSOE, Unión Republicana e PCE... De Valencia viaxou ata Marsella no vapor francés Imerithie II, e de alí ao exilio bonaerense, onde entrou en contacto cun antigo ministro da didatura primorriverista, o conde de Guadalhorce (Rafael Benjumea) e proclamou publicamente o seu compromiso coa causa dos sublevados nun volume titulado Hacia la España eterna (1938). O xornal que dirixira, El Heraldo de Madrid, sería finalmente incautado polos falanxistas o 28 de marzo de 1939 e daría paso días despois ao diario Madrid, baixo a dirección de Juan Puyol.

Un tanto paradoxal foi desde entón a situación deste exiliado “por partida dobre”, demasiado comprometido no pasado co republicanismo como para ser acollido cos brazos abertos pola España de Franco e demasiado servil co franquismo como para ser aceptado pola inmensa maioría da colonia galega e española de corazón republicano exiliada na Arxentina, Castelao incluído. En todo caso, neses anos de posguerra, Alfredo Cabanillas non deixou de manifestar de múltiplas formas o seu visceral anticomunismo e o seu pechado apoio á ditadura de Franco. Fixo parte dos chamados “Legionarios Civiles de Franco”, fundou en 1945 o semanario Cartel, permaneceu ata 1964 como redactor do diario La Nación (o mesmo diario que acabaría expulsando ao seu brillante columnista Eduardo Blanco Amor por manterse fiel ás súas conviccións republicanas e esquerdistas) e exerceu, en fin, como director do profranquista El Diario Español.

Agapito García Atadell
Outra presenza galega ven ao rego desa peripecia de Alfredo Cabanillas durante a guerra civil. Como xa dixemos, durante os primeiros meses da contenda realizou no Madrid sitiado polas catro columnas franquistas numerosas xestións para tentar salvar detidos nas chekas, a comezar polo fillo do antigo director do Heraldo, José Rocamora, de nome Pedro. No seu libro de memorias, despois de sinalar a CNT, a FAI e os comunistas como verdadeiro cancro da República, escribe (páx. 179):

“mucho daño hicieron a la República durante la guerra civil, y, aún más, aquellos grupos incontrolados de facinerosos, como la columna de García Atadell, que no iban a ningún frente de combate, y, en la retaguardia, se dedicaban a registrar las casas más distinguidas de Madrid, especialmente las del Barrio de Salamanca, y el producto de esos registros: muebles de alta calidad, joyas, dinero, cuadros de firmas cotizables, etc, los vendían a cualquier precio y en cualquier parte. Pero previamente a esos registros y a esos despojos, que no eran incautaciones, como decían los asaltantes, se apoderaban de toda obra de interés y valor pecuniario, detenían a los propietarios de la casa, se los llevaban al exterior y los asesinaban en el lugar más a propósito (...)”.
 
 Noutro momento (páx. 186) volve referise con indesimulada acritude a

“los de la columna García Atadell, los de la columna del Rosal, que siguieron empleando sus métodos de saqueo y crimen en los edificios mejor amueblados y mejor abastecidos de Madrid y a los palacios y chalets del centro y de la periferia, con el único afán de robar todas las existencias y matar porque sí a los habitantes de cada casa”.

A actividade da brigada do militante socialista e tipógrafo de orixes viveiresas Agapito García Atadell (1902-1937) é reflectida no Heraldo de Madrid nos primeiros meses da guerra, con sonadas detencións de personalidades conservadoras, como a irmá do xeneral Queipo de Llano, Rosario... Non obstante, en plena ofensiva sobre Madrid, Gacía Atadell fuxiu a Francia a finais de 1936, cargado cun enorme botín, pero foi detido cando o barco que o conducía a América fixo escala nas Canarias. O historiador Paul Preston achácalle a este antigo líder das loitas obreiras do noso Viveiro natal non menos dun cento de asasinatos paralegais...

Retomemos, para rematar, o fío da traxectoria de Alfredo Cabanillas. En 1961, aproveitando a súa participación como xornalista arxentino acreditado aos actos de inauguración en Madrid dun monumento a San Martín, visitou ao entón ministro Manuel Fraga Iribarne para tantear as posibilidades de regresar e de poder exercer a profesión xornalística na España de Franco. Fraga deulle boas palabras, mais cando no ano 1964 Alfredo Cabanillas solicitou a inscrición e o carné de xornalista na Dirección General de Prensa, rexida por Manuel Jiménez Quílez, antigo redactor do católico El Debate, a resposta que lle chegou foi que “como no había pasado por la Escuela Oficial de Periodismo, no era posible mi inscripción en el Registro Nacional de Periodistas, y, por lo tanto, sintiéndolo mucho, no podía otorgarme el Carnet de Periodista (..) El sabio Jiménez Quílez borraba, tachaba, rechazaba de un plumazo todo mi quehacer periodístico de sesenta y tantos años (...)” [páxs. 126-128].

Asi e todo, en 1964, grazas ás xestións no seu favor do xefe do Servizo de Intelixencia Militar (SIM), José Ungría, Alfredo Cabanillas puido regresar a España, estabelecéndose en Córdoba e colaborando como columnista no ABC desde 1966 ata a súa morte, ocorrida en 1979.

martes, 11 de agosto de 2015

NA MORTE DE LUÍS REI

A morte de Luís Rei golpéanos o corazón e énchenos de bágoas os ollos, mais cómpre non deixar de dicir nesta hora, non por agardada menos amarga, canto de inmenso foi o cariño que o rodeou nas últimas reviravoltas do seu camiño e que excelente e impagábel resulta o legado humano, intelectual e persoal que nos deixa.
Luís foi, desde adolescente e ata hoxe, un político honesto, comprometido e entregado á causa dos menos poderosos e á reivindicación da nación negada pero sempre viva.
A cultura galega en xeral e a do Salnés en particular tivo na súa persoa un paladín xeneroso, entusiasta e incansábel. Dedicou anos e anos de esforzo a estudar a figura de Ramón Cabanillas, escribindo unha biografía brillante e definitiva sobre o autor de Vento mareiro e divulgando constantemente as marabillas da súa obra. 
Loitou igualmente pola recuperación e dignificación da cultura marítima, organizando encontros, montando exposicións e pilotando a revista Ardentía, que garda para sempre nas súas páxinas as súas lúcidas reflexións sobre o mundo do mar, que tanto amou porque nese mundo ten raíces ben fondas a súa propia estirpe. 
Divulgou en artigos e traballos espallados en toda caste de revistas numerosos aspectos, anécdotas, feitos históricos e personaxes do seu Salnés, moi particularmente das dúas vilas que constituíron os esteos da súa identidade, Cambados e Ogrove. 
E, por se todo isto non abondase, despregou durante varias décadas, en constante diálogo cunha lexión de persoas da cultura e do ensino que acabamos absolutamente prendados del, do seu talento e da súa capacidade, todo o seu bo facer como técnico cultural na vila do albariño, enchéndoa de bo teatro, boa música e boas exposicións de arte.
Desde hoxe, un baleiro inmenso ábrese en todas e cada unha das moitas almas que tivemos a sorte e o privilexio de compartir de perto con Luís o seu paso pola vida, mais tamén resultará desde hoxe o seu nome evocado, para todos nós, unha bandeira limpa e fresca para seguirmos loitando por todas as causas nobres que el propio defendeu. 
Descansa en paz, camarada, inmenso amigo, irmán!

venres, 7 de agosto de 2015

DOUS VOLUMES INTERESANTES SOBRE A NOSA CULTURA MARÍTIMA


Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX), de Felipe Valdés Hansen
Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 2010, Col. Galicia Histórica.

Doutor en Historia pola Universidade compostelá, o madrileño Felipe Valdés Hansen ofrécenos no volume que nos ocupa unha versión revisada e modificada da súa tese de doutoramento, defendida en abril de 2006. A obra, de case 600 páxinas, parte dos estudos previamente realizados sobre o tema por investigadores como Meijide Pardo, Elisa Priegue e Canoura Quintana, achegando numerosos datos inéditos e varias conclusións anovadoras.

O volume que nos ocupa divídese, pondo de parte as diferentes táboas, catálogos e abondosos apéndices (tanto gráficos como documentais) que enriquecen o conxunto, en dous grandes apartados, feitos con base cronolóxica. No primeiro deles (capítulos 1 a 8), debrúzase o autor sobre as noticias que logrou recompilar en arquivos e fontes diversas sobre a actividade baleeira galega entre os séculos XIII e XVIII, cabe dicir, a etapa “artesanal” ou “tradicional”. No segundo apartado (capítulos 9 a 12), céntrase na actividade, xa plenamente” moderna” ou “industrial”, verificada arredor da pescaría da balea nas nosas costas ao longo do século XX, coas experiencias senlleiras da Compañía Ballenera Española, da factoría flotante da Sociedad Española Corona, da IBSA e de Massó.

Entre ambas etapas hai toda unha serie de marcadas diferenzas técnicas e económicas, que Valdés Hansen explica con pormenor, e que mesmo afectaron ao tipo de especies obxecto de captura: a balea franca (Eubalaena glacialis), o xibarte (Megaptera novaengliae) e os cachalotes ou trompas (Phiseter macrocephalus), na etapa artesanal; os grandes rorcuais (Balaenoptera physalus, Balaenoptera borealis, Balaenoptera musculus, Balaenoptera acutorostrata, etc.), na industrial.

Entre as conclusións que o autor sinala para a primeira das etapas amentadas destacaremos aquela que deixa asente que a actividade baleeira na costa galega (documentada desde o século XIII para San Cibrao, Bares e Prioiro-Ferrol como enclaves cantábricos pioneiros e desde o século XVI para os portos atlánticos de Camelle, Malpica e Caión) debeu de comezar da man de compañías vascas, mais pasou logo a mans de compañías mixtas ou, no século XVI, xa enteiramente galegas. Tamén moi anovadora e ilustrativa resulta a análise que Valdés Hansen realiza do impacto e contía dos diferentes impostos que gravaron o produto desta actividade, fose polos bispados de Mondoñedo e Compostela, fose pola Facenda Real.

Rotunda en moitos aspectos e exhaustiva, en fin, resulta a segunda parte do libro, dedicada a reconstruír con rigor toda a actividade baleeira na Galiza do século XX a través da análise das antes citadas experiencias industriais, que darían pé ao traballo de factorías como Caneliñas, Balea-Cangas e Morás-Xove e ás travesías e angueiras de buques como o Caneliñas, o Temerario, o Lobeiro, o Carrumeiro, o Cabo Morás e os tres barcos da IBSA. Nestes navíos traballaron harponeiros galegos de Ares, Corme, Coruxo, Cangas e Porto do Son, xunto con outros de orixe vasca. A actividade baleeira, que tivo o seu canto de ciño entres os anos 1978/1982 coa apertura dos mercados xaponeses como importadores de carne de cetáceo, cesou entre nós definitivamente a mediados da década de 90 do século pasado.

Pódese dicir con seguranza que este libro de Valdés Hansen marcará un referente fiábel e imprescindíbel para toda futura revisión deste importante flanco da nosa historia como pobo de cote virado ao mar.

 *******************************************************************************

Tráfico marítimo e fluvial nos portos do sur da provincia de Pontevedra (séculos XIII-XVII), de Ernesto Iglesias Almeida
Editorial Toxosoutos, Noia, 2006, Col. Anais, nº 2
Tradución para galego de Ramón Blanco Fernández

A documentación que se garda no Arquivo da Catedral de Tui é a base sólida deste breve pero valioso traballo de divulgación (132 páxinas) asinado polo arquiveiro xubilado e Cronista Oficial da vila tudense Ernesto Iglesias Almeida, que xa tiña dado ao prelo, directamente en castelán, opúsculos sobre a cultura marítima na diocese como Los antiguos ‘portos’ de Tui y las barcas de pasaje a Portugal (18984) e mais Notas históricas del Bajo Miño: puertos barcos y pesqueros (1988).

O volume, prologado por Clodio González, inclúe oito capítulos e un apéndice documental final. Aqueles repasan , de xeito un tanto fragmentario, aspectos diversos do tráfico e da actividade marítima na área da vella diocese tudense (portos de A Guarda, Tui, Baiona, Bouzas, Vigo e Redondela), como os testemuños das navegacións en tempos da Antigüidade, os tipos de embarcacións que se empregaron para os distintos mesteres (barcos de sacada, bolantes, carochos, carabelas, palmeiros, pinazas, pataches, rasqueiros, etc.), o desenvolvemento dos gremios e confrarías de mareantes e as peculiaridades da actividades piscatorias no río Miño. 

Tamén se debruzan sobre outros aspectos, como a presenza de corsarios na área, a peripecia histórica das barcas de pasaxe entre Galiza e Portugal (Tui-Valença, Salvaterra-Monção, Porto-Lapela, Goián-Vilanova da Cerveira e Camposancos-Caminha) ata o intre en que se inaugura en 1886 a Ponte Internacional, ou, finalmente, o desenvolvemento da pesca e da cabotaxe nos distintos portos da contorna, nomeadamente os de Baiona e Tui.

O apéndice, pola súa vez, recolle numerosos textos de índole notarial e xurídica (foros, cartas executorias, contabilidades, protocolos comerciais, contratos navieiros, contratos de arrendamento de pesqueiras ou embarcacións, concordias, sentenzas…), todos eles datados nos séculos amentados no título da obra e que constitúen, en conxunto, a privilexiada fonte de onde extrae o autor as interesantes informacións que achega, tal vez unha miga dispersas por momentos, neste volume.