eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Rosalía de Castro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rosalía de Castro. Amosar todas as publicacións

xoves, 29 de xaneiro de 2015

PASTOR DÍAZ E OS "CANTARES GALLEGOS" DE ROSALÍA DE CASTRO

No volume Los Precursores, editado pola “Biblioteca Gallega” de Martínez Salazar en 1886, glosou Manuel Murguía (Arteixo, 1833- A Coruña, 1923), canda outras figuras intelectuais, a personalidade e a traxectoria literaria da súa esposa Rosalía de Castro (Compostela, 1837-Padrón, 1885).

Como é ben sabido, ao referirse nese volume aos Cantares Gallegos (Imprenta Compañel, Vigo, 1863), Murguía revelou que ía ser precisamente o escritor e político Nicomedes Pastor Díaz Corbelle (Viveiro, 1811- Madrid, 1863) o prologuista de tan emblemática e decisiva obra da nosa literatura, de non llo ter impedido a morte, e acrecentou testemuño do moi positivo xuízo estético, da empatía idiomática e da emotiva impresión que lle merecían os versos rosalianos ao autor do pioneiro poema “A alborada”. En palabras do noso historiador:

Pastor Díaz, a quien la muerte no permitió escribir las páginas que debían precederles, aseguraba no haber leído nada más corriente, más puro, que aquellos versos. Añadía que se complacía en decirlo así. Que le agradaba aquella nueva aurora y aquel fresco aire de la patria, que venía a hablarle de los floridos campos de Galicia. Que así como al frente de las poesías de Zorrilla había hecho la defensa del romanticismo - por él inaugurado antes, en su celda de colegial - haría el elogio del movimiento provincial, que tantas cosas nuevas traía a la superficie, que tantos y tan nobles revelaciones hacía y del cual había tenido así como una visión y un presentimiento. Porque aquel gran hombre de Estado, a quien no agradaba la unidad de Italia, casualmente porque rompía tradiciones y deshacía pueblos, aseguraba que las provincias españolas estaban destinadas - por la gran diversidad de su sangre - a reconstituirse y recobrar su fisonomía en un período no muy lejano. Contra lo que algunos espíritus superficiales aseguran, sostenía que la tendencia a crear la pequeña patria es lo que ha de salvar de un completo aniquilamiento a cuanto hay de vital y original que posee la sociedad moderna, atacada como ninguna otra del mal nivelador de la unidad y de la centralización.
Pero lo que más le agradaba era ver escrito el libro en aquel dulcísimo dialecto que había hablado en su niñez. Ponderaba sobremanera hallarle despojado de las voces bárbaras y giros prosaicos con que tantos mancharon la lengua y la poesía gallega.

Poucas veces se sinala e se pondera como é debido este feeling espiritual e esta vinculación amistosa do cantor do Landro (quen penetra xa por aquel entón, vítima de cruel doenza, no devalar da súa existencia) co tándem formado polo xoven casal Murguía-Rosalía, que desprega nesa época en Madrid unha intensa e optimista actividade intelectual e política de xorne francamente liberal, progresista e protogaleguista.

Non pode ignorarse, neste sentido, que textos de Murguía (os poemiñas “En el álbum de Elisa Avendaño”, “Gloria” e “Madrigal”), de Rosalía (“¡Mi madre!”, “Adiós que eu voume”, “Castilla”, “O caravel negro”, “A romaría da Barca” e “¡Terra, a miña!”) e de Nicomedes ("Una voz", "Mi inspiración", "La Mariposa Negra" e "La Sirena del Norte", concretamente) comparten significativamente en 1862 (un ano antes do óbito do viveirés e da propia saída do prelo dos Cantares Gallegos, pois) as páxinas do chamado Álbum de la Caridad, o volume que recolle, por man de Vicetto e Antonio de la Iglesia, as composicións presentadas aos Xogos Florais da Coruña do ano anterior e mais unha nutrida escolma de textos (“Mosaico Poético”), tanto en galego como en castelán, de escritores galicianos da primeira metade do século XIX.

Na mesma liña cómpre anotar que foi precisamente a voz de Murguía a que propuxo no Almanaque do impresor lucense Soto Freire, en 1865, ao pouco tempo da morte do poeta, que Viveiro honrase a memoria do seu fillo ilustre erixíndolle un monumento, proposta finalmente culminada en 1891, abondos anos despois, coa inauguración da estatua na Praza Maior.
 
A aperta de dúas xeracións

En realidade, ese relacionamento entre Nicomedes e o casal Murguía-Castro ao que aludimos ten, ao noso humilde entender, unha importancia simbólica extraordinaria, na medida en que permite constatar o anoamento cordial que, un pouco in extremis e grazas aos protagonistas sinalados, se verifica a comezos dos anos 60 da centuria decimonónica entre dúas xeracións sucesivas de intelectuais galegos, a “provincialista” e a “rexionalista”, que a piques estiveron de non se fecundaren mutuamente. 

Na primeira figuraron algúns antigos alumnos do Colexio Insigne viveirés e escolares da Universidade compostelá, como Vicente Manuel Cociña (publicista e político de ideas liberais avanzadas, nado en Celeiro e morto en Córdoba, onde se agochara para fuxir da persecución gobernamental); os betanceiros Antolín e Tiburcio Faraldo; o compostelán Neira de Mosquera (un dos primeiros biógrafos de Pastor Díaz en vida deste); Francisco Añón; Rúa Figueroa; etc.

O propio Pastor Díaz pertenceu a esta xeración, da que, non obstante, se sentiu a partir de certo momento totalmente desvinculado no ideolóxico e no político, pois mentres aquela se embarcaba na chamada “revolución galega de 1846”, de significado profundamente liberal e anticentralista, punto de arranque do que hoxe denominamos xenericamente “Galeguismo”, o de Viveiro destacouse como actor fundamental, desde os altos postos de Estado que desempeñou (ministro, embaixador, reitor universitario...) no proceso de configuración dun Estado español de corte unitario e centralista, desde parámetros dun liberalismo moderado, confesional e monárquico. 

Daquela, os xuízos e consideracións do Pastor Díaz final sobre a obra rosaliana, sempre segundo a transmisión que deles fixo Murguía en Los Precursores, situaríannos historicamente no instante en que o menos “provincialista” dos nosos “provincialistas” abenzoa, dalgunha maneira, as novas orientacións ideolóxicas e reivindicativas que, andando algún tempo e non sen esforzo e sacrificio, provocarán esa eclosión de galeguidade cultural e ese renacer do idioma propio que chamamos “Rexurdimento”...

Pastor Díaz e a muller escritora

E aínda cómpre poñermos en destaque un aspecto máis á hora de repasarmos o vínculo que une Pastor Díaz coa Rosalía dos Cantares. Referímonos á posición de aberta simpatía ou apoio explícito que o poeta de Viveiro demostrou cara a aquelas mulleres que, como a cantora do Sar, non se conformaron na súa época con abordar temas consabidos (paisaxismo, relixiosidade, amor...) e non se cinxiron ao prototipo de poesía meliflua (“daquelas que cantan as pombas i a flores...”) que se consideraba inherente ou único “adecuado” para as almas femininas...

Non resultaba pouco atrevemento ou valentía, segundo se mire, estar disposto, como o estivo Don Nicomedes e o tería feito de non interpoñerse a Parca, a prologar o libro dunha escritora nova e aínda pouco coñecida (só publicara nesa altura os opúsculos poéticos La Flor e A mi madre e a novela La hija del mar), que non se escondía baixo pseudónimo, que empregaba dignificado o sermo vulgar das masas labregas e mariñeiras do país e que abordaba unha vibrante e apaixonada defensa de todo aquilo que era obxecto de burla e desprezo (como ela propia denunciaba nas liñas introdutorias do seu poemario) en certos ambientes da Corte madrileña só polo feito de ser galego...

De certo, xa en 1842, nas páxinas de El Conservador, Pastor Díaz aplaudía con fervor a publicación dun tomo de poesías por parte de Gertrudis Gómez de Avellaneda (1814-1873), defendía o dereito da muller escritora a tratar todo tipo de temas (“a nosotros no nos parece que cuando una mujer toma la lira, necesaria y fatalmente ha de suspirar amores, ni exhalar blandas melodías”) e louvaba a valentía desta no medio da “fútil y prosaica sociedad, en medio del siglo positivo y financiero, en medio de la literatura convertida en industria”, pero tamén non deixaba de advertir, en todo caso, que unicamente hostilidades, incomprensións e indiferenzas agardaban á atrevida poeta:

“¡Sed poeta!... cantad las maravillas de la naturaleza, las borrascas del corazón, las tristezas del alma, las esperanzas del cielo, o la desesperación del mundo; y en respuesta a vuestros cantos, y en eco a la expresión de vuestros afectos, os negarán la posibilidad de sentirlo. Sed poeta, describir las pasiones; que no creerán en las vuestras. Sed poeta, y hablad de virtud; que os llamarán hipócrita. Sed poeta, cantad el nombre de Dios; que os llamarán ateo. Sed poeta, dad al viento los ardientes suspiros de amor; y ninguna hermosura creerá que podéis consagrarle vuestro corazón (...) Sed poeta, y dad a luz vuestros cantos; los sabios de los grandes volúmenes os llamarán compasivamente superficial, y deplorarán un talento perdido. Sed poeta, y publicad un libro, si los aterrados libreros se han decidido al arrojo de imprimirle; y os habréis incapacitado ante el mundo para todo lo que exige y supone ciencia, gravedad, perseverancia, estudio, conciencia, acaso virtud.
Pero, sobre todo, sed poeta mujer; y a todas las desgracias y miserias de vuestro sexo, y a todas las agitaciones y tristezas de vuestro corazón, añadid una más grande todavía. Cuando la preocupación de los hombres no os dispute la originalidad de vuestro genio, la de vuestro propio sexo os condenará a la pena, que en el pueblo de Atenas alcanzaba a todos los que por alguna calidad eminente se elevaban sobre los demás (... ): el ostracismo”.

Saberá ben Rosalía, en propia carne, o atinadas e no seu caso proféticas que eran, infelizmente, as palabras do escritor viveirés e, de feito, na súa primeira novela, La hija del mar (Vigo, 1859), denunciará que "todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben”, protestando, asemade, contra "la vulgar idea de que la mujer sólo sirve para las labores domésticas, y que aquella que, obedeciendo tal vez a una fuerza irresistible, se aparta de esa vida pacífica y se lanza a las revueltas olas de los torbellinos del mundo, es una mujer digna de la execración general".

No ronsel da denuncia que estampara no seu día Pastor Díaz ocupándose da obra da Avellaneda, Rosalía plasma no texto “Las literatas. Carta a Eduarda", traballo publicado no Almanaque de Galicia de Soto Freire en 1865, o verdadeiro calvario que agardaba a toda muller que, coma ela, quixese calcar os camiños da arte, do pensamento, da literatura e da vida con enteira liberdade:

“No, mil veces, no, Eduarda; aleja de ti tan fatal tentación, no publiques nada y guarda para ti sola tus versos y tu prosa, tus novelas y tus dramas (...) tú no sabes lo que es ser “escritora”. Serlo como Jorge Sand vale algo; pero de otro modo, ¡qué continuo tormento!; por la calle te señalan constantemente, y no para bien, y en todas partes murmuran de ti. Si vas a la tertulia y hablas de algo de lo que sabes, si te expresas siquiera en un lenguaje algo correcto, te llaman bachillera, dicen que te escuchas a ti misma, que lo quieres saber todo. Si guardas una prudente reserva, ¡qué fatua!, ¡qué orgullosa!; te desdeñas de hablar como no sea con literatos. Si te haces modesta y por no entrar en vanas disputas dejas pasar desapercibidas las cuestiones con que te provocan, ¿en dónde está tu talento?; ni siquiera sabes entretener a la gente con una amena conversación. Si te agrada la sociedad, pretendes lucirte, quieres que se hable de ti (...) Si vives apartada del trato de gentes es que te haces la interesante, estás loca, tu carácter es atrabiliario e insoportable (...) Las mujeres ponen en relieve hasta el más escondido de tus defectos y los hombres no cesan de decirte siempre que pueden que una mujer con talento es una verdadera calamidad, que vale más casarse con la burra de Balaán, y que sólo una tonta puede hacer la felicidad de un mortal varón.
Sobre todo los que escriben y se tienen por graciosos, no dejan pasar nunca la ocasión de decirte que las mujeres deben dejar la pluma y repasar los calcetines de sus maridos, si los tienen, y si no, aunque sea los del criado. Cosa fácil era para algunas abrir el armario y plantarles delante de las narices los zurcidos pacientemente trabajados, para probarles que el escribir páginas no les hace a todas olvidarse de sus quehaceres domésticos, pudiendo añadir que los que tal murmuran saben olvidarse, en cambio, de que non han nacido más que para tragar el pan de cada día y vivir como los parásitos.
Pero es el caso, Eduarda, que los hombres miran a las literatas peor que mirarían al diablo y éste es un nuevo escollo que deberás temer tú, que no tienes dote. Únicamente alguno de verdadero talento, pudiera, estimándote en lo que vales, despreciar necias y aun erradas preocupaciones; pero... ¡ay de ti, entonces!, ya nada de cuanto escribes es tuyo, se acabó tu numen, tu marido es el que escribe y tú la que firmas(...)
Yo, a quien sin duda un mal genio ha querido llevar por el perverso camino de las musas, sé harto bien la senda que en tal peregrinación recorremos. Por lo que a mí respecta, se dice muy corrientemente que mi marido trabaja sin cesar para hacerme inmortal. Versos, prosa, bueno o malo, todo es suyo (...) ¡De tal modo le cargan pecados que no ha cometido! Enfadosa preocupación, penosa tarea, por cierto, la de mi marido, que costándole aun trabajo escribir para sí (porque la mayor parte de los poetas son perezosos), tiene que hacer además los libros de su mujer, sin duda con el objeto de que digan que tiene una esposa “poetisa” (esta palabra ya llegó a hacerme daño) o novelista, es decir, lo peor que puede ser hoy una mujer”.

Chamativos relampos estes da comuñón ideolóxica e da simpatía espiritual profunda que existiu entre o Pastor Díaz que ao raiar a década dos 60 do século dezanove rendía os seus últimos días e a Rosalía que, muller audaz e xenial, colocaba ben alta e poderosa a bandeira dos seus Cantares Gallegos nos anais da nosa literatura e da nosa historia colectiva.

martes, 30 de decembro de 2014

AS CAMPÁS BADALAN TAMÉN NA POESÍA GALEGA

Poucos instrumentos poden presumir, como a campá, de ter acompañado co seu badalar o discorrer da historia comunal das aldeas e lugares do noso país durante séculos. 

O seu uso como marcador dos ritos eclesiásticos católicos (misas, enterros, horas de oración....) e o seu emprego para certos usos civís (avisos de lume ou treboada, alertas, convocatoria de xuntanzas, sinal de festas, marcas horarias...) fixeron dela un elemento imprescindíbel do vivir colectivo e esta importancia ten o seu reflexo, como tentaremos mostrar neste artigo, na nosa poesía.

Non está clara a orixe da palabra campá, ao contrario do que acontece co seu sinónimo galego sino, que vén do latín SIGNUM (‘sinal, aviso’). Para uns, campá deriva do latín CAMPANA, verba que designa unha especie de balanza romana; para outros, procede do nome da rexión italiana de Campania, que ten a cidade de Nápoles como capital. Argumentan estes últimos que foi un bispo desa rexión, chamado Paulino, quen a introduciu no culto cristián, aló polo século VI. 

Instrumento de confección artesanal que ten en Arcos da Condesa algunha das sagas de máis antigüidade e pericia construtora de toda Europa (véxase o libro A tribo sabe, de Vázquez Pintor, Eds. Xerais, 1999), a campá defínese como un instrumento sonoro constituído por unha peza oca, xeralmente de bronce, de forma aproximadamente tronco-cónica, dentro da que se move libremente unha peza metálica suspensa por unha argola, o badalo, tamén chamado badal, batel ou badallo, sobre o que existen ditos como estes: “O badal é un dente que chama á xente” e “O badal da campana por todos chama”. O badalo golpea a campá ao mudar esta a súa posición ou ben cando se tira del para os lados. 

A parte intermedia da campá denomínase barriga, mentres que a fita metálica que percorre a parte baixa, seguindo a boca, recibe o nome de aresta.

Quen toca ou fabrica campás recibe o nome de campaneiro ou sineiro (forma esta última convertida nalgunhas zonas da Galiza en apelido), porque o nome badaleiro, que significa o mesmo, úsase exclusivamente para alcumar despectivamente á persoa indiscreta, que anda por aí a contar o que non debe...

A acción de tocar as campás desígnase cos verbos badalar, badalexar, badalear ou batelar, aínda que se os toques son curtos e seguidos fálase de repenicar ou repicar. 

Cada toque da campá é unha campaiñada ou unha badalada (coas variantes batelada e batalada). Un xogo de campás que crean unha melodía denomínase carrillón. 

Por outra banda, campanario, campanil, espadana ou sineira son algúns dos nomes que recibe a parte da torre en que se suspenden as campás. Para as de pequeno tamaño, empregadas co gando e feitas case sempre de ferro, existen diversas designacións: choca, chocallo, chocalla, cinzarra...

Coa campá como referencia básica existen no noso idioma numerosos refráns e paremias: “Facer algo a campá ferida” (facelo ao son da campá); “Botar as campás a voar” (precipitarse, facer algo antes de tempo); “Ser un campá de lá” (ser demasiado brando ou bo); “Ser como unha campá grande” (ter un vozarrón, falar con voz moi forte); “Non se pode ir na procesión e repicar as campás”(hai cousas que son incompatíbeis de seu); “Tocar a campá por alguén” (estar alguén a piques de morrer); “Cal é a campá, tal é a campanada” ou “Cada campá dá a súa badalada” (as accións das persoas responden ao seu carácter), etc.

A polivalencia no uso social é un dos trazos definidores do instrumento que nos ocupa. Hai un dito moi fermoso e ocorrente sobre esta característica, que di: “Dilín, dilón, que pasa a procesión; dilín, dilón, que as doce logo son; dilín dilán, que todos nela van; dilán, dilín, que ao cabo eu non a vin”.

Bo reflexo desa mesma polivalencia ofrécenolo o seguinte poema de Eladio Rodríguez González, recollido do seu libro Oraciós Campesiñas (1927) e intitulado "Badaladas":

Campanas da miña aldea,
repiniqueiras campanas,
despertadoras dos ecos
que durmiñan na comarca;
miñas campanas queridas,
que na torre penduradas
presidides e gardades satisfeitas
a doce paz aldeana...
Inda que vos teño lonxe
lévovos dentro da i-alma,
i-a todas horas
oio as vosas badaladas,
que borcan nos campos montós de sonidos
e prenden nos eidos niñadas de cántigas.

Como léngoas toleironas
que algueireiras se desatan,
anunciádel-as romaxes
o mesmo que tarambainas,
reloucando de contentas,
alegres coma unhas páscoas,
desfeitas en repinicos
i-â retesía coas gaitas
que andan coas músicas
pol-a comarca
tocando á mais tocar de pobo en pobo
ribeiranas i-alboradas
naméntral-os vosos ecos,
cheos de doces lembranzas,
valeiran nos campos montós de sonidos
e prenden nos eidos niñadas de cántigas.

Cando tocades á morto,
choromiqueiras e lánguidas,
os vosos ecos dooridos
métense mesmo nas almas,
e moitos ollos
se enchen de bágoas,
i-en moitos beizos hai rezos
e hai pregarias...
e tanto de misterioso
teñen entón as vosas badaladas,
que eu non sei se son ofrendas
dos que se quedan pr’os que marchan
ou se son voces dos mortos
que así pol-os vivos chaman...
¡Soilo sei que dades á cantos vos sinten
a fonda tristura das doces baladas!

Tan axiña como o día
nace, sona o toque de alba,
que desperta
ôs que traballan
i-é coma un canto de vida
e de espranzas.
E cando co lusco e fusco
vai quedándose en calma a comarca,
o toque da oración síntese
como salmodia pantástica
como laído
d’unha noitébrega fada,
que se perde por entr’os curutos
levando consigo niñadas de cántigas.

¡ Campanas da miña aldea,
que unhas veces choran i-outras veces cantan!
Miñas campanas queridas,
sempre gardadoras da paz aldeana...
Eu non sei qué de misterios
hai nas vosas badaladas.
Hoxe esparexedes saloucos;
mañá cantaredes Hosannas.
Sodes romedo
da vida humana...
Pregoeiras das alegrías
e das disgracias,
un día chorimiqueiras
i-outro día tirulecas e tarambainas,
sempre graves e solemnes,
tendes nas vosas tocatas
o louco trouleo dos días de festa
i-a fonda tristura das doces baladas.

O sentimento de orgullo que xeraba no seo dunha comunidade da Galiza rural a comezos do século XX o feito de dispor de campá nova foi obxecto da inspiración poética do sacerdote Xosé Crecente Vega nunha composición intitulada, precisamente, "A campana nova", que se ambienta na propia parroquia natal do autor, Santa María de Outeiro, no concello de Castro de Rei, na Terra Cha luguesa, e que di así:

"O domingo acudeu correndo ó adro
cuase toda a parroquia.
Era un día moi grande pra os de Outeiro:
chegara un carro coa campana nova.

É unha campana grande.
Oise máis de dúas leguas á redonda.
Ten de boca unha vara
e pesa vinte arrobas.

"¡A ver quen a ergue en peso!"
- dixeron - i achegáronse os valentes,
e cuspiñando as maos,
pisando firme e aprentando os dentes,

houbo catro que a ergueron cuase un furco:
Antón do Castañal, Pepe da Veiga,
Ramón de Villarede,
e Sidro da Grandela.

Logo despois atáronlle o badal.
E n'houbo máis que un par de puños de home
que da terra a poidesen destetar.
E foron os dous puños
de Antón do Castañal.


As campás e os seus toques

Hai, basicamente, tres xeitos de tocar as campás: o toque (o badalo golpea de forma pausada), o repique ou repenique (o badalo golpea vivamente) e o volteo (a campá voa, isto é, móvese dunha banda a outra con forza e o badalo golpea acompasado con ese movemento). As combinacións resultantes permiten falar de diversos tipos de toques, con significacións distintas que calquera veciño recoñecía de maneira inmediata ata non hai moito tempo.

Existe, en primeiro lugar, o chamado “toque de festa”, anunciador e algareiro, amiúde acompañado polos estralos dos foguetes e pola música de gaitas e zanfonas, como retrata no poema “O día de festa” Valentín Lamas Carvajal:



Chegou a festa da nosa aldea,
hoxe os veciños van a folgar,
chegou a festa, ¡bendita sea!
¡Afellas tarda ben en chegar!
Vai a alborada tocando a gaita
que inframa tódolos corazós,
vailles dicindo que é día de festa
e que se ergan que sai o sol.
Diante das crocas brincan os nenos,
fan os foguetes, ¡xiíí, xiíí... tras, tras!
Violís, zanfonas, tocan os cegos,
e repinican moito as campás [...]

Outro toque distinto é o de chamada ao oficio relixioso, ou “toque de misa”, plasmado por exemplo en versos do poema “Misa da mañán”, de Amado Carballo:

Cinguen anelos ridentes
nos dediños da mañán,
toda de branco vestida,
pois vaise casar co mar,
as campanas da parroquia,
vella madriña aldeán [...]

Polos campos perguiceiros,
a baldada campaíña
bautiza a alma da paisaxe
con choiva de auga bendita [...]

Existe, así mesmo, o “toque procesional”, que acompaña habitualmente o paso da comitiva arredor da igrexa nas festividades relixiosas e que se reflicte neste fragmento de “A romaxe de Tardade”, de Mato Vizoso, publicado no Heraldo de Villalba en 1918: 

[...] Descubrídevos, romeiros,
que xa sai a procesión
vámonos tras dos gaiteiros
con amor e devoción.
E catade pr’a Santiña
que garrida e leda vai
o arredor d’a súa casiña
c’unha surrisa que atrai.
Esa campá que repica
di, pra quen-a entende ben,
“sin a grácea que suprica
d’aquí non se vai ninguén” [...]

O “toque de defuntos” é, probabelmente, o máis impactante e significativo de todos cantos as campás poden dar, ao se asociar á temida morte. Caracterizado polas badaladas longas, de cadencia lenta e solemne, serve de anuncio da defunción e, amiúde tamén, como acompañamento da comitiva que traslada ao cemiterio desde a casa, a igrexa ou o tanatorio o cadáver, para o seu enterramento. Este toque enche de tristeza, como recoñece López Saavedra nun poema publicado no semanario lugués A Monteira, en 1889 (“Campaniña, non toques / xa tan tristeira, / que canto mais t’escoito / dasme mais pena; / pois vexo escuras / sombras fuxir... y-á presa / baixando âs tumbas”) e constitúe unha especie de derradeira despedida da parroquia ao defunto, como advirte Mariño Lago en versos do seu libro Fonte senlleira (1971):

As campás sementan
coitelos de bágoas
por riba da aldeia
en mornos latexos apreixada. [...]

Campás sin trégolas.
Unha pregunta baixa
coma pomba ferida.
Voa o mesmo que fume de pregaria [...]

Campás da miña aldeia,
que tendes tristura na serán crara,
vós sodes a lingua i o alento dende onde
nos dan o derradeiro adeus as ialmas.

Tamén se relaciona o “toque de defuntos” coa data do primeiro de Novembro, de tan viva tradición no noso país. Mentres nalgunhas zonas os nenos saían á rúa con colares de ‘zonchos’ (castañas cocidas sen pelar, ensartadas logo nun fío), para llas regalar a quen encontrasen, e mentres en toda Galiza as familias enchían (e aínda enchen) de flores as tumbas dos seus seres queridos, as campás de moitas igrexas batelaban este toque longo e pausado, poñendo unha nota de seriedade e reverencia en todos os corazóns. Por iso o poeta muxián Xervasio Paz Lestón, emigrado na Arxentina desde 1911 e activista da “Irmandade Galega”, pedía:

Camposantiño aldeán
que acougas cabo da igresia
cuberto de herbas vizosas [...]
Camposantiño aldeán,
esto pedirte quixera:
Cando o ban-ben das campanas
se espalle pol-as aldeas
neste día de difuntos
para falarlle as concencias
que, entre os fumes da ilusión,
somos aves pasaxeiras;
cando os bronces resonantes
sua oración de bronce rezan,
dilles que o fagan tamén
pol-os que, nados na aldea,
foran deixal-os seus osos
en chan de patria estranxeira:
pol-os que nunca serán
abono pras tuas herbas
¡e que viviron soñando
volver, algún día, a Terra!

Unha variante do “toque de defuntos” é a que se interpreta pola morte dun “anxiño” (criatura de pouca idade). O seu característico son é “traducido” nalgúns lugares polo común da xente como o toque de “non-vén-máis”. Lamas Carvajal evócao no poema “Anxeliños ó ceo”, de Saudades Gallegas (1880):

Repinican as campanas;
camiño d’o Cimeterio,
levado ô lombo de catro
que foron seus compañeiros,
vai n-unha caixa postiño
o calávre d’un pequeno,
que mais que morto semella
dormido ánxel d’o ceo [...]

Na Galiza tradicional os distintos momentos da xornada marcábanse, cando os reloxios aínda non estaban ao alcance do común da xente, mediante toques de campá. No mencer sonaba o “toque de alba”, ao que alude no libro Cousas d’a aldea (1891) Aureliano Xosé Pereira nestes termos: “D’a campá d’a irexa / soa a badalada / e d’os paxariños / óese a piada [...]”.

Ao mediodía as campás batelaban o chamado “toque de Ángelus”, convocando ao rezo.  No poema “A Calzada de Cambados”, de Ramón Cabanillas, incluído en Da Terra asoballada (2ª edición, 1926), lemos: 

“[...] Son as doce. 
Xoga o vento
co fino e dondo tanguido
da campana do Convento,
e rodan as badaladas
sin rumbo, a ir e vir, voando
como pombas asombradas [...]”. 

 Xosé Vázquez Pintor, no poema “Nesta metade é cando rompe a luz”, do libro Rotación violeta (1996), evoca tamén o momento deste toque, que significaba a interrupción por uns instantes dos labores agrícolas: 

[...] Cando neno, aquí neste segundo exactamente
o sancristán turraba do badal
para o anuncio dos rezos
e parábanse os labregos como autómatas con Deus
de cara a cara, tuteando as barbas
brancas que os iconos definían nas igrexas.
Eu ollei rezar sobre da terra unha muller
tan meritísima que se chamaba Mercedes,
coas mans agradecidas e os labios serenísimos
a dar vivas ao seu cristo de nácar [...]

Por último, ao morrer o día, no preciso instante que Cabanillas describía no seu libro Samos como “hora santa en que ó tanxer dos sinos / o ceo abrindo as portas deixa escoitar os hinos / dos anxélicos coros”, sonaba por toda a parte o chamado “toque de oración”, que Lamas Carvajal retrata así:

O sol morreu; os probes labradores,
seus eidos e seus montes van deixando
cansos de traballar;
seus capulos pechando van as frores,
fanse máis perceutibres os rumores
e mor a soedá.

A noite chega co seu pardo manto
salpicado de nubes e de estrelas,
a lúa saíndo vai;
verten os tristes seu oculto pranto,
congoxosas suspiran as fontelas
que bulen polo val.

¡Horas subrimes de misterios e calma,
de soedades de amor e poesía!
¿Quen non goza con vós?
Quen non sabe sentir, quen non ten alma,
en alas de tan prácida harmunía,
non chega xunto a Dios.

En medio do concerto sin segundo
que fan as noites dolces e caladas,
resoa o triste son
das campás, que cal voces doutro mundo
dobran con misteriosas bateladas
o toque de oración.

¡Cantas veces de neno unha pregaria,
cal o espritu dun arcánxel pura,
chorando, a Dios erguín,
cando dunha eremita solitaria,
oculta do camiño na fondura,
ese toque sentín!

Hora solemne cando morre o día
e resoan nos montes e nos hortos
cen cántigas de amor
i o místico rumor do ¡Ave María!,
cando os vivos que rogan polos mortos
murmuran a oración.

Detense o viaxeiro reverente,
e pensando nos ceos, o afrixido,
sinte as coitas pasar;
o infame, trema; cala o maldicente,
e con respeto, escoitan o doído
lamento das campás.

Nese metal bendito Dios nos fala
a cada vez que morre a luz do día
e vén a soedá;
o sol morreu, a natureza cala
e din coros de amor ¡Ave María!
no ceo, terra e mar.

Non sei que voz nin que secretos lazos
pra decir e xuntar cousas sin nomes,
ten ese triste son;
pois resoa nas chouzas e nos pazos,
estremecendo o corazós dos homes
o toque de oración.

A este “toque de oración”, que fechaba a xornada, chamábaselle tamén “toque de ánimas”. Cabanillas, en No desterro (1913), retrataba o clima de paz e acougo que atravesaba ese instante do día, co son das campás de fondo: “ As ánimas tocan / A xente labrega, / que á paz dos casares / retorna da veiga, / deténse, i a frente ó chan incrinada, / presínase e reza! / A aldea repousa [...]”.

Claro que na poesía galega aparecen tamén campás con toques peculiares e específicos, que non corresponden nin a ceremonias relixiosas nin a instantes dunha xornada calquera do calendario, mais que tamén axudan a facer deste instrumento unha referencia querida e recoñecida pola xente.

É o caso da campá que soa premonitoriamente no poema “Prá Habana”, de Rosalía de Castro, do libro Follas Novas (1880), anunciando o infeliz destino de moitos dos que emprenden a travesía transoceánica como emigrantes: “¡No sembrante a alegría, / no corazón o esforzo, / i a campana harmoniosa da esperanza, / lonxe, tocando a morto!”.

Ou, tamén, o da campaíña da inclusa que evoca Amador Montenegro nun poema publicado no xornal lugués A Monteira, nos finais do século XIX: “Xir’o torno, reso’a campailla, / Escoitas’un baguido: / Unha mai sen entranas abandona / N-aquel istant’un fillo. / Fora, marcha entr’as sombras á esconderse / Aquela fera humana; / Drento; corre unha virxen candorosa / Y ó tenro enfant’abraza”.

Referímonos, igualmente, ao “sino de proa”, esa campá que levaban antigamente os barcos para dar sinais da súa presenza durante a navegación no medio da néboa e que Manuel Antonio menciona no poema “Guarda de 12 a 4”, do seu libro De catro a catro: 

“O sino de proa
emoveita voz astral
zarpou bogando despedidas [...]
A alba intrusa
bateu as catro horas
Era o sino de proa
que tornaba do Mar”.

Tamén está presente a campá nos grandes reloxios das torres municipais ou catedralicias, marcando como a “Berenguela” compostelá o discorrer das horas. 

No poema “O engado das tres”, de Foulas, Manuel Antonio alude a esa presenza: 

“As tres da noite
descen da súa torre
nos seus
tres
longos
pasos
ás prazas silandeiras
empedradas de sombra
pra solagarse no cuncal da fonte
cheo de eternidades rezareiras”.

Por último, a vida das comunidades monacais tamén encontraba no son da campá a referencia necesaria para a transición entre os diversos labores e angueiras do ora et labora, tocando os “laudes”, os “maitines”, a “hora sexta” e a “hora nona”. Así o pon de manifesto Cabanillas no seu libro Samos (1958):

Día tras noite, da leial amiga
as bateladas graves e sonoras,
con ledicia e dozura de cantiga,
marcan e miden o correr das horas.
Servidora da Régoa, voz do Abade,
sempre atenta ó mandado, sempre alerta,
en tributo á craustral Comunidade,
labouras, crases e oracións concerta [...]
  
E así o evoca, igualmente, nunha sexteta, con saudades de antigo seminarista en Mondoñedo, o poeta e sacerdote Xosé Crecente Vega:

"Campaniña do Convento
oínte en soños tocar,
cuase brinquei de contento.
Tocabas á mañanciña;
despertei i estaba lonxe...
¡Campaniña! ¡Campaniña!"