eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé María Álvarez Blázquez. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé María Álvarez Blázquez. Amosar todas as publicacións

domingo, 19 de novembro de 2017

Os vínculos con Baión de Xosé Mª Álvarez Blázquez




 Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915- Vigo, 1985) comezou a despuntar como intelectual e escritor xa na etapa previa ao infausto 36, impulsando en Pontevedra con outros mozos a revista Cristal e, logo da guerra, a despeito dos moitos padecementos que esta trouxo para si e para boa parte dos seus, resultou un puntal destacadísimo no panorama cultural galego da segunda metade do século XX. Erudito, arqueólogo, etnógrafo, bibliófilo, editor, libreiro, novelista, poeta, autor teatral e ensaísta, foi un humanista incansábel, comprometido ata a cerna cos ideais galeguistas. Para a bisbarra do Salnés, e moi concretamente para Baión (Vilanova de Arousa), a súa figura ten unha relevancia especial, da que tentaremos dar conta nas liñas que seguen.

Con efecto, os vínculos de Álvarez Blázquez co Salnés son múltiples e salferen varias das vertentes da súa polifacética figura. Primeiramente, porque o noso autor pasou moitas felices horas de infancia e mocidade no lugar de Fonsín na compaña da súa familia directa e dalgúns irmáns e sobriños de seu pai, o médico Darío Álvarez Limeses, como o tío Xosé, o inspector de ensino Xerardo e a súa muller Lola (pais de Amalia, futura esposa do dirixente galeguista Alexandre Bóveda) e a tía Carme, casada co historiador e erudito pontevedrés Celso García de la Riega, un dos máximos divulgadores das teses sobre a presunta galeguidade de Colón e propietario, no propio Baión, do pazo do Valado. A parroquia pagou simbolicamente a súa débeda co seu ilustre veciño estacional dando o seu nome, hai algúns anos xa, a unha praciña de Fonsín.

Un fillo do propio Xosé Mª Álvarez Blázquez, Afonso, biografando a seu pai para a colección "Galegos na Historia" das Edicións Ir Indo, anotou neste sentido:

Alí, entre aquelas fragas, por aqueles rueiros, trouleando cos irmáns e coa rapazada da aldea por entre os milleirais, de aventura e pesca no río, de caza, gozando da fermosísima paisaxe, gabeando polas árbores á procura de niños, pasaría os momentos máis ledos da súa vida; días, semanas e meses que xamais esquecería e que marcarían para sempre o seu amor pola natureza, e, na súa memoria sentimental, un código poético no que Baión estivo presente en grande medida, porque Baión era a maxia da infancia que goza ata a extenuación.

Esa intensa vivencia da paisaxe, das terras e das xentes de Baión converteuse tempo andado motivo e fonte de inspiración para algúns textos literarios saídos da súa pluma. Valla como exemplo o relato “A pega rabilonga”, protagonizado pola fidalga viúva e vinda a menos Misia Catalina, que pasa os derradeiros días de vida na compaña dunha pega moi hábil e simpática no seu pazo do Valado, onde xogara de neno “aquil señorito Celso, andando a cabalo, cazando na Bouza, correndo en bicicleta por eses camiños [...] hastra levaba o carro de Pepa de Cascallar e termaba das vacas coma un labrego”. Noutro relato, intitulado “A gavilla2, o protagonista resulta pertencer á estirpe “dos Lareo de Baión, que tiñan algún capital pro o perderan en preitos co señor do Valado e máis por se ter dado ao viño”.

Os pais do escritor, nunha foto tomada en Fonsín
Ao mesmo pulo amantiño cara ás terras do Salnés responden algúns poemas do noso autor inseridos no volume Canle segredo (Premio Pondal do Centro Galego bonaerense en 1953, editado non obstante en 1976), como o que leva por título, precisamente, “Baión”, que vai no final destas liñas, ou outros moitos en que evoca os campos abertos, os camiños brancos e silandeiros, os ameneiros, os milleirais, as penedas e as fragas dese espazo, “terra da ialma”, que resultou absolutamente máxico para “aquil neno que eu fun”. Un neno, engadimos, que mesmo se dedicou a bautizar tantos misteriosos lugares que atopaba Baión adiante con nomes como “A Pena do Coello” e “O Castelo dos Corvos”; que admirou o porte da labrega Pepa de Cascallar, “a fala cariñenta do misterio / que enchía os nosos corazóns inxeles”; que se asustou nos socalcos de Lobomorto, na corredoira de Sovilas ou perdido nunha carballeira baixo o luar; un neno que gozou guiando o carro ou montando no cabalo chamado “Cuco”; que colleu a furto acios nas parras fidalgas do lugar e que fixo partillas da paisaxe cos seus compañeiros infantís de xogo, de xeito que

Inda agora eu son dono vinculeiro
do meu carballo torto,
aló na carballeira de Sovilas
e dunha pena chaira,
que soaba a tesouros escondidos,
a soño tolo de rapaz sin sono
cando o meu corazón petaba nela...

Mais o vínculo de Xosé María co Baión de infancia e adolescencia tamén se converteu en pretexto para o deseño de curiosos pseudónimos, como o que empregou para dar conta nun dos volumes (o 47) da mítica colección “O Moucho” da súa editorial, a Castrelos de Vigo, das etimoloxías populares e fantasiosas con que as xentes do común explicaban algúns topónimos galegos.

O noso escritor asinará ese precioso ensaio de onomástica, lingüística e cultura popular, que bautizou co título de Os nomes da terra (1976), co pseudónimo de “Celso de Baión” e recollerá as paveras teorías que manexaba o señor Manuel Fresco sobre a orixe de certos nomes do Salnés. O citado paisano, avó de dous dos compañeiros de xogos infantís de Xosé Mª en Baión (Manolo o 'Patacocida’ e Ramón o 'Chafarís'), interpretaba que o lugar de “Sobilas” recibía ese nome “polas moitas costas que ten, e do mesmo modo poderían chamarse 'Baixalas”...; presumía de lembrar a seu propio pai matando o animal que dera orixe ao topónimo de “Lobomorto” e coidaba, igualmente, que “Baión” non era máis que o marido de “Baiona”, que rifara con ela e por iso estaban tan separados na xeografía...

Aínda outros elementos, persoas e circunstancias vitais tecen un nobelo invisíbel de relacións e afinidades entre o noso escritor e a bisbarra arousá. Indiquemos, por exemplo, a súa estreita amizade, baseada en numerosas afinidades literarias (neotrobadorismo, intimismo...), ideolóxicas (galeguismo non marxista) e mesmo eruditas (arqueoloxía, etnografía, historia local...), cos irmáns Bouza Brei, Fermín e Lucho (a quen dedicou o relato intitulado “A esmeralda”), relación que máis adiante perpetuarán varios dos seus respectivos fillos e sobriños.

Non por causalidade acudiu Álvarez Blázquez tamén nalgunha ocasión ao cemiterio vello de Fefiñáns para honrar coa súa presenza e palabra a memoria do poeta Ramón Cabanillas, antes de que os restos mortais do autor de No desterro fosen trasladados ao Panteón de Bonaval, en Compostela.

E importante dato na relación cultural entre o noso escritor e a bisbarra do Salnés é, finalmente, a presenza na primeira edición do seu poemario Canle segredo, correspondente á colección “Pico Sacro” das Edicións Castrelos, de varias gravuras da autoría de Rivas Briones, artista e xilógrafo de orixes madrileñas pero nacionalizado en corpo e alma galego e arousán xa para sempre, como testemuñan a sala de exposicións que en Vilagarcía leva o seu nome.

Fecharemos esta achega reproducindo o poema “Baión”, que di así:


Torno a ti, meu Baión, terra loubada,
terra do corazón, amante miña,
onde os meus pais me diron ista anguria
de estar morrendo arreo pola terra.
Cando xa non coidéi que máis te vise,
torno pra adormentarme no teu colo,
pra me quencer na morna terra túa
por onde van as veas do meu soño.
Aquil andar decote pola vida
sin ter os pés no mundo, coma os ventos
que nascían nas fragas de Sovilas
e iñan bater no lombo de Lantaño.
Aquil tremulecer de follateiras,
por onde asubiaban os paxaros
as cantigas que tiñan deprendido
de nós, os seis irmáns de ollos acesos.
¡E logo aquil miragre, sempre novo,
de atopar nos camiños donicelas
e lagartos arnáus, postos na terra
pra ledicia dos nenos, acotío!....
Todo torna de sócato arestora,
cando xa non coidéi que máis volvese
o pálpito segredo dunha anguria
que é estar morrendo arreo pola terra.
Terra dunha nenés que tiña cores
e adovíos de festa polo vranhe,
cando á mañán andaban antre os millos
as pegas rabilongas e os coellos,
e os mouros estorniños no tellado,
coa súa frauta de panidos meles,
escorrentaban a perguiza nosa:
- ¡Espertade, rapaces, espertade!
Agora ben me lebro distas cousas,
terra do meu Baión, terra amantiña,
onde durme a nenés dun home canso 
que non pode chorar porque xa é tarde...

xoves, 16 de abril de 2015

XOSÉ Mª ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, PASTOR DÍAZ E VIVEIRO

Queremos honrar hoxe, co gallo de se cumprir o primeiro centenario do seu nacemento e de se inaugurar na Fundación Penzol de Vigo unha exposición sobre a súa figura, a memoria humana, literaria e intelectual de Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915-Vigo, 1985), escritor que comezou a despuntar xa na etapa previa ao infausto 36 e que logo da guerra, a despeito dos moitos padecementos que esta trouxo para si e para boa parte dos seus, resultou un puntal destacadísimo no panorama cultural galego da segunda metade do século XX. 

Erudito, arqueólogo, etnógrafo, bibliófilo, editor, libreiro, novelista, poeta, autor teatral e ensaísta, a quen conmemoramos no Día das Letras do 2008, foi un humanista incansábel e polifacético, comprometido ata a cerna cos ideais galeguistas. Para a historia cultural da Terra de Viveiro, a súa figura ten unha concreta e especial relevancia, relacionada con Pastor Díaz, da que tentaremos dar conta neste pequeno traballo.

Infancia tudense e mocidade pontevedresa

Xosé María Álvarez Blázquez, tudense de nacemento, foi un dos seis fillos do matrimonio formado polo médico pontevedrés Darío Álvarez Limeses e pola cubana María Blázquez Ballester. Tras pasar a infancia na vila natal, desde setembro de 1931 instalouse en Pontevedra na casa de seu tío Xerardo Álvarez Limeses (1871-1940), inspector de ensino e poeta con certas vinculacións a Viveiro, pois ademais de ser amigo de Noriega Varela e de coincidir con Xoán Pla Zubiri nas páxinas da revista pontevedresa Galicia Moderna (1897-1898), obtivo en 1904 un galardón literario na nosa vila, no certame do que foi mantedor o deputado fusionista Eleuterio Delgado, e en 1915 fíxose merecente dun novo premio poético, desta vez nos "Juegos Florales" de Lugo, grazas á súa composición en oitavas reais "A Vivero", da que demos conta hai xa algún tempo nas plans do Heraldo de Vivero.

O mozo Xosé Mª chegaba á casa do tío na Boa Vila con intención de estudar Maxisterio, mais da estadía pontevedresa derivaranse ademais moitas outras experiencias formativas. Así, na compaña doutros mozos pontevedreses, promove a revista Cristal, publica o poemario en castelán Abril (1932) e fai parte do comité de recepción a Federico García Lorca cando o poeta granadino visita Pontevedra.

Por outra banda, unha curmá súa e filla de D. Xerardo, Amalia Álvarez Gallego, casará con Alexandre Bóveda, na altura secretario xeral do Partido Galeguista e figura decisiva para a conversión espiritual do mozo Xosé María, quen ingresará da súa man no agrupamento da "Federación de Mocidades Galeguistas" da cidade do Lérez en 1933, con dezaoito anos cumpridos. Poucos meses despois, o noso mozo ve publicado no boletín A Nosa Terra o seu primeiro artigo, intitulado "Outro aldraxe", e edita un folletiño baixo o rótulo de "Berro en lembranza dos herois de Carral".
Pouco antes do estourido bélico do 36, Xosé Mª Álvarez Blázquez comeza a preparar un libro de relatos en galego, Os ruíns, que ía publicar Ánxel Casal na editorial "Nós" se a tráxica guerra non frustrase o seu desexo e, desde 1935, desempeña os seus primeiros destinos docentes en escolas de A Guarda, Tui e Coia (Vigo).


Desastres da guerra en carne propia

A guerra civil cébase coa súa familia máis directa: co seu pai Darío, fusilado en Tui polos falanxistas; co seu tío paterno Xosé, que morre días despois coa tristura; co seu irmán Celso, que loita en Asturias e contrae unha tuberculose mortal; co seu admirado Bóveda, fusilado na Caeira o 17 de agosto do 36... Mobilizado el propio, safa este período como enfermeiro e intendente no compostelán Hospital de San Caetano, actual sede administrativa do goberno autonómico.

A inmediata posguerra pásaa como docente en Coreses (Zamora), por traslado forzoso, e aproveita a súa situación e soidade para escribir a súa primeira novela, Crecen las aguas (premiada en 1955) e moitos poemas. En 1941 publica El crimen de la isla verde e ao ano seguinte pede a excedencia para poder regresar onda a familia, que abandona o Tui represor e se instala en Vigo.

Promove entón Xosé María en Nigrán unha fábrica de tixolos e tellas, que se ve abocada ao pechamento en 1945. Consegue emprego, a seguir, como secretario da confraría de pescadores "San Francisco" de Vigo (Berbés) e envía ao prestixioso Premio Nadal a novela policíaca En el pueblo hay caras nuevas, que perde por un voto de diferenza contra a novela Nada, de Carmen Laforet.

En 1946 contrae matrimonio con María Luísa Cáccamo, traballadora do "Banco Pastor" en Vigo. O casal instálase no barrio das Travesas e fai tertulia no "Derby" con figuras como os pintores Laxeiro e Maside, Valentín Paz Andrade, Viñas Cortegoso, etc. Ao ano da súa voda, Xosé Mª estrea en Vigo, no Teatro "García Barbón", a peza El zapato de cristal, "cuento escenificado" e, pouco despois, no "Jovellanos" de Xixón, Los pazos altivos, "comedia en tres actos, en verso". Ambas foron feitas en colaboración con seu irmán Emilio, como tamén o foi o volume poético Poema de ti e de min, editado na colección pontevedresa "Benito Soto" en 1949.

O libro como bandeira

A partir de 1948, Álvarez Blázquez comeza a súa aventura como editor, bibliófilo e libreiro, que tantos e tan bons froitos rendeu para a cultura galega e da que a figura de Pastor Díaz, como logo explicaremos, foi directa beneficiaria.

No citado ano inaugura a "Libraría Monterrey", en Vigo, que perdurará ata 1979, e en 1950 funda a "Editorial Monterrey", con Luís Viñas Cortegoso. Xosé María foi tamén membro fundacional da Editorial Galaxia (1950) e en 1964 fundará as "Edicións Castrelos", desde as que promoverá coleccións tan exitosas no seu momento como "Cuadernos de Arte Gallego", "Pombal", "Pico Sagro" e, sobre todo, "O Moucho", reeditada en boa hora durante 2008 pola edición galega do diario El País (unha edición que, infelizmente, parece esgotar neste instante os seus días de existencia).

Complementando esta faceta bibliófila topamos ao noso autor, en plena madurez intelectual, despregando un intenso e polifacético labor como correspondente e logo numerario (ingresa en 1964 co discurso Cantares e Romances vellos prosificados) da Academia Galega, como Comisario de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo (achado de estelas funerarias romanas na rúa Pontevedra, escavacións no Castro, na illa Toralla e no poboado paleolítico das Gándaras de Budiño, organización dun congreso de arqueoloxía na cidade olívica...), como columnista de prensa no compostelán La Noche e mais no Faro de Vigo que dirixe entón o noso Leal Ínsua e como guionista para o "Galician Programme" da BBC e para numerosas emisións radiofónicas viguesas (con seccións como "Ventana al mar"; "Buenas tardes, Galicia"; "Cada día tiene un suceso"; "Refraneiro galego"; "Reloj de sol", etc.).

Tamén non descoida a faceta literaria, ben como novelista (en 1952 edita Una cabaña en el cielo e en 1955 Las estatuas no hablan), ben como poeta (en 1954 obtén o "Premio Pondal" do Centro Galego de Bos Aires, por Canle segredo, volume que non obstante ficaría inédito ata 1976). En paralelo, ademais, Xosé María escribe diversos traballos como erudito da historia local (así La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo, en 1960) e sobre temas etnográficos e numismáticos, ao mesmo tempo que se erixe nun auténtico especialista na nosa lírica medieval, mercé á Escolma medieval galego-portuguesa (1952), á súa biografía do xogral Martín Códax (1958), a artigos como "Sobre la voz 'señor' en los trovadores (Concepto del 'amor servil')" publicado nos Cuadernos de Estudios Gallegos do Instituto "Padre Sarmiento" en 1950 e mesmo a divertimentos literarios como o Cancioneiro de Monfero, creación absolutamente súa que imprime e difunde o día dos Santos Inocentes de 1953 como se se tratase dun novo códice medieval galaico-portugués... A imitación recreativa das cantigas era tan perfecta, que máis de un erudito coidou estar diante dunha auténtica xoia do noso Medioevo recuperada...

A desgraza traidora e o traballo como refuxio

En 1966, Xosé María trasládase a Uvieu como delegado de vendas da empresa Pescanova, mais a doenza irreversíbel da súa filla 'Colorín' lévao de volta a Vigo ao ano seguinte e forza, por imperativos pecuniarios, o seu regreso á docencia en 1968, como profesor de Formación Humanística no Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo.

'Colorín' morre en 1970 e o noso escritor súmese nunha tan fonda como calada tristura, nunha irreversíbel crise de fe e nun redobrado esforzo cultural, literario e editorial, do que son froito os mellores anos da editora "Castrelos" (ata 1979, en que vende os seus fondos á editora Galaxia), os relatos de A pega rabilonga e outra presada de textos inéditos, numerosos artigos no Faro, a concesión en 1976 do título de "Cronista Oficial" de Vigo, a dirección, xunto con Cunqueiro, do volume colectivo Vigo en su Historia (1980) e, finalmente, a biografía de Alexandre Bóveda que o "Banco del Noroeste" (do grupo Rumasa, de Ruíz Mateos) encargou en 1982 para a colección "Hombres que hicieron Galicia" e que acto seguido secuestrou... Desa obra fixo unha edición posterior, traducida para a nosa lingua, a tamén xa infelizmente desaparecida editorial do semanario A Nosa Terra.

Homes así nunca morrerán de todo

Xubilado desde 1983, concorre simbolicamente nunha candidatura galeguista ás eleccións municipais viguesas e falece, dun infarto, o 2 de marzo de 1985. Atrás quedaba unha meritoria obra literaria, tanto en galego como en castelán; un feixe de eruditas achegas sobre diversos campos de investigación, especialmente relevante no tocante á historia local viguesa, ás letras galaico-portuguesas medievais e anteriores ao Rexurdimento, á etnografía e á arqueoloxía; unha inxente obra de divulgación histórica e cultural, derramada en xornais impresos, revistas e emisoras de radio; un labor editorial comparábel, por intención e enfoque popular, co despregado antes da guerra pola "Nós" de Ánxel Casal; unha prole entregada á curiosidade humanística, ás artes e ás letras (seus fillos Xosé Mª, Alfonso e Celso, escritores de valía; súa filla Berta, magnífica artista plástica...) e, sobre todo, como referencia insoslaiábel do pasado comunal galego recente, un valioso e irrenunciábel exemplo ético.

O agasallo dun inédito de Pastor Díaz
 
Aludimos liñas arriba ao intenso labor despregado por Xosé Mª Álvarez Blázquez a partir dos anos 50 e ata ben entrados os 70 como libreiro, bibliófilo, editor e investigador da cultura galega, sexa a través da "Libraría Monterrey", da editora homónima, das algo posteriores "Edicións Castrelos" e dos múltiples traballos de divulgación e erudición que deu a coñecer na prensa periódica (Faro de Vigo, La Noche...) ou en revistas especializadas (Cuadernos de Estudios Gallegos, Grial...). É precisamente nesta perspectiva como o seu nome se vincula de maneira directa coa historia cultural viveiresa, desde o punto e hora en que foi el o descubridor e editor, en 1951, dunha composición en idioma galego de Nicomedes Pastor Díaz, a "Égloga de Belmiro e Benigno".

En realidade, da pluma do tudense saíron numerosos traballos que versaron sobre numerosas figuras, temas e motivos da nosa historia literaria. Así, por exemplo, sobre a biografía de poetas como Martin Códax, Antonio Arias Teixeiro, Francisco Añón ou Aurelio Aguirre. Tamén eruditas achegas sobre a literatura popular ou "de cordel" que circulou na Galiza dos "Séculos Escuros" tendo ao mariscal Pardo de Cela como tráxico protagonista. Súas foron diversas escolmas de poesía galega medieval e moderna e seus, asemade, moitos dos volumes misceláneos ou recompilatorios que a colección "O Moucho" foi publicando con títulos como Cantigas do viño, Sal e pementa. Escolma de epigramas, Os nomes da terra (asinado co pseudónimo 'Celso de Baión', que fai referencia á parroquia de Vilanova de Arousa onde pasou os veráns da súa mocidade), O libro da caza, Xan labrego, Cantares de cego, O libro do marisco, etc.

Foi na editorial "Monterrey", que fundara en 1950 con Viñas Cortegoso e por medio da que poñería na rúa volumes emblemáticos como Cantiga nova que se chama riveira de Cunqueiro, Nasce un árbore de Mourullo, o seu propio poemario Roseira do teu mencer (adicado á súa filla 'Colorín') ou a reedición de El buho gallego (obra que se atribúe ao VII Conde de Lemos), onde publicou efectivamente Álvarez Blázquez en 1951, con ilustracións de Xosé Sesto, o citado poema ata entón descoñecido do escritor romántico viveirés.

Hoxe esta edición prínceps, que constou de 313 exemplares e que saíu concretamente o 23 de xuño de 1951 dos talleres de Celestino Peón (aínda hoxe activos na pontevedresa Praza do Teucro), é ben difícil de atopar, mais dispoñemos afortunadamente do facsímil que Edicións Xerais de Galicia preparou, co patrocinio do Concello de Viveiro e con limiar do profesor Ramón Nicolás, cando a citada editora viguesa celebrou a entrega dos seus emblemáticos premios literarios "Xerais" e "Merlín" na nosa vila, en 2001.

O achado da "Égloga" serviu, entre outras cousas, para comezar a elevar a categoría (unha vocación inicial de escrita en galego, auspiciada polo clima intelectual do seminario mindoniense ou da Minerva compostelá) o que ata entón só viña sendo anécdota (un único texto na nosa lingua, "A alborada", dado a coñecer por vez primeira en 1828) na biografía de Pastor Díaz, colocando automaticamente algúns enigmas apaixonantes: ¿cantos outros textos puido compoñer no seu galego natal o autor de "La Sirena del Norte"? ¿quen o animou ou influíu para cultivar esa vocación de escrita en galego, tan precoz nel como inhabitual e chamativa nunha época en que o noso idioma, como é ben sabido, estaba proscrito de moitos ámbitos sociais e marxinado da propia literatura?

Mentres que para o primeiro dos interrogantes non existe resposta satisfactoria, de xeito que debemos polo de hoxe limitarnos a citar unicamente tres textos en galego de Pastor Díaz, para o segundo hai unha plausíbel hipótese formulada no seu día polo profesor Carballo Calero, que sinalou a Don Antonio María de Castro e Neira (1771-1826), párroco de Argomoso, profesor no seminario mindoniense e autor de varios vilancicos na nosa lingua, como verdadeiro mestre en arte poética do viveirense.

Composta por varias estancias de versos hendecasílabos e heptasílabos, a "Égloga" reproduce a conversa que manteñen Benigno e Belmiro: o primeiro, experimentado en amores infelices por unha Ana que marchou da Terra, intenta consolar ao segundo, que chora diante do mar a perda da súa namorada Xulia, afogada, e pensa na propia morte como remedio á súa desgraza. Finalmente, ambos deciden refuxiarse no vivir aldeán para pasaren o resto dos seus días coa súa amizade como consolo eficaz ("entraron n-ela e sempre en paz viviron").

Álvarez Blázquez declarou ter topado a "Égloga" pastordiana "revolvendo un mazo de antergos manuscritos poéticos", que procederían, tamén segundo a súa propia indicación, do legado documental da casa de dous compañeiros de aulas do noso poeta, na Compostela do primeiro terzo do século XIX, Francisco Xavier e Xosé Parcero Blanco, ambos lugueses.

Para a atribución da autoría do texto, Álvarez Blázquez, sen obviar as lóxicas cautelas intelectuais ao respecto, manexou argumentos de diversa índole, que expuxo tanto no limiar da edición de 1951 como no artigo "Notas para una edición crítica de la Égloga de Belmiro e Benigno de Pastor Díaz", publicado nos Cuadernos de Estudios Gallegos (Compostela, tomo XVIII, nº 56, 1963).

En síntese, eses argumentos facían referencia, en primeiro termo, aos trazos do idioma galego empregado na "Égloga", coincidentes por regra xeral cos falares da área mindoniense do bloque central do galego, ou sexa, co galego de Viveiro: plurais do tipo nubarrós, tragós, rolís, corazós; substantivos como mao (por man); formas verbais como ques (por queres), morriche, fuxiche, escondiche, aganchaba; pronomes como tú e nosoutros; etc. Na mesma perspectiva funciona o indicador dos castelanismos (dulzura, hermosa, lexos, semexantes, llanto...) abundantes no texto e idénticos na maioría dos casos aos presentes noutro dos tres poemas en galego de Pastor Díaz coñecidos, "A alborada".

A escritora Marica Campo analizou magnificamente no Programa de Festas Patronais viveirense de 1986 o galego usado polo romántico na súa "Égloga", ponderando o mérito dese entón adolescente que se enfrontaba á composición dun texto non pequeno nunha lingua que non contaba entón nin con gramáticas, nin con dicionarios nin con normas de ningunha caste.

En segundo lugar, a atribución a Pastor Díaz sostense polas mencións paisaxísticas que o texto contiña, nomeadamente a referencia á costa bravía e ao río Landrove ("Nas ribeiras amenas / do apacible Landrove"), tantas veces amentado polo poeta nas súas composicións posteriores, xa en castelán.

O marcado ton sentimental, romántico, da composición, en contraste cunha coidada forma de xinea máis ben neoclasicista, colocábana no intre histórico axeitado para atribuírlle o texto a Pastor Díaz, na medida en que o escritor, que había ter probabelmente non máis de dezaseis ou dezasete anos cando a compuxo, protagonizou unha época de mocidade en que o neoclasicismo e romantismo eran códigos antitéticos aínda en loita pola hexemonía definitiva.

Finalmente, a profusa adxectivación, o emprego de abundantes cultismos e outros elementos retóricos presentes na "Égloga" presentan abondosas coincidencias con "A alborada", o que reforza novamente a atribución pastordiana formulada polo autor de Canle segredo.

A todos estes elementos aínda hai que engadir un máis, de tipo grafolóxico: a comparación entre os manuscritos dun e doutro texto e, á súa vez, destes con epístolas do viveirés conservadas permitiu aseverar, con certos visos de indiscutibilidade, que todos eles saíron do mesmo puño...

Leal Ínsua e Chao Espina, dous eruditos viveireses que estudaron a fondo a figura de Pastor Díaz e que manexaron e posuíron abundante material manuscrito por el, non dubidaron en corroborar a atribución feita por Álvarez Blázquez, o mesmo que estudosos de prestixio na época, como Fermín Bouza Brei, Fernández del Riego ou Ricardo Carballo Calero. Desde entón, a "Égloga" figura por dereito propio no elenco de composicións que a comezos do século XIX anunciaron o inminente espertar literario do noso idioma; un espertar que acadaría a súa máxima expresión e intensidade en Rosalía de Castro, amiga dun Pastor Díaz que tería prologado os seus Cantares gallegos se a morte cruel non llo impedise. 

En palabras da xa amentada Marica Campo, admirada poeta e benquerida amiga nosa, "Pastor Díaz, poeta galego e en galego, é un fito do que non podemos prescindir á hora de xulga-la historia da nosa lingua".