Produto do plan despregado no seu día polas Irmandades da Fala para consolidar o cultivo do xénero narrativo entre nós, estas noveliñas están caracterizadas por uns argumentos virados cara ao enredo sentimental e amoroso (por veces tráxico) e non carecen de episodios de crítica política e sociolóxica en chave galeguista, mais tamén é moi relevante nelas a presenza constante e determinante dos espazos e dos ambientes da beiramar fisterrá galega, o que lles outorga un carácter pioneiro indiscutíbel nese plano.
O noso escritor, que foi fillo dun capitán da mariña mercante e armador que fixo fortuna no comercio con América, residiu a maior parte da súa vida na Muxía natal, paisaxe que ha de aparecer unha e outra vez retratada con arroubo nos seus versos, en poemarios moi relevantes das letras galegas de preguerra como Escumas da ribeira, Alento da raza, D'Outono ou Nemancos.
As novelas que aparecen agora recompiladas participan desta devoción do escritor polo mar e polas súas ribeiras humanizadas, escenario das tramas argumentais que desprega.
O diputado por Beiramar (1919), dedicada a Antón Villar Ponte e gañadora dun certame convocado polo xornal A Nosa Terra no ano anterior, alberga un primeiro capítulo en que López Abente se adianta case unha década ao Risco de O porco de pé para ofrecernos un retrato cargado de ironía sobre os comportamentos e compromisos espúreos dos caciques e políticos da Restauración, recibidos na vila con ares de festa maior tan postizos como os seus propios discursos diante da plebe congregada.
Os restantes capítulos despregan unha historia de enredo sentimental, con notas eróticas explícitas que deberon resultar moi atrevidas, imaxinamos, no seu momento. O relato da excursión que celebran os protagonistas por vía marítima ata a fervenza do río Xallas, no Ézaro, cando aínda non fora privatizada nin entubada, é un dos episodios da novela que paga a pena ler con delectación.
O
novo xuez (1922),
que viu lume coa editora Céltiga que impulsou en Ferrol Xaime
Quintanilla, colócanos diante do fanado intento dun maxistrado
foráneo con destino nunha vila ribeirana galega, Don Desiderio, de
abusar dunha moza palilleira, Mariquiriña, que ten noivo mariñeiro,
Ramón. Este fachendoso Don Xoán
do caldo á merenda
topará finalmente coa tan solidaria como contundente resposta dos compañeiros de travesías do noivo.
Merecen destacarse nesta xeitosa e amena novela algúns episodios en que os homes do mar e os barcos cobran especial protagonismo: a descrición da taberna mariñeira do señor Manuel no capítulo III, a partida do balandro San Fins no capítulo IV, as panxoliñas que os nenos de familias mariñeiras pobres andan a cantar á porta na Noiteboa, no capítulo V ou, por último, o episodio resolutorio da trama, que ten como escenario unha témera furna mariña.
Merecen destacarse nesta xeitosa e amena novela algúns episodios en que os homes do mar e os barcos cobran especial protagonismo: a descrición da taberna mariñeira do señor Manuel no capítulo III, a partida do balandro San Fins no capítulo IV, as panxoliñas que os nenos de familias mariñeiras pobres andan a cantar á porta na Noiteboa, no capítulo V ou, por último, o episodio resolutorio da trama, que ten como escenario unha témera furna mariña.
Fuxidos
(Lar, 1926) é,
tal vez, sen renunciar ao seu carácter de novela basicamente
sentimental que xira sobre unha relación amorosa adúltera, a máis
mariñeira de todas estas novelas de López Abente reunidas por Suso
Sambade. O mar xoga un decisivo protagonismo no tráxico final da
historia e os oito capítulos de que consta están salferidos de
coidadas descricións da paisaxe muxián nun día de temporal, de
alusións ás nordestadas, ao mar bravo, aos vaporiños e aos pobres
pescos, así como dunha interesantísima recreación de ambiente
durante a celebración do Entroido na vila.
Pecha o volume, un pouco á marxe e máis por razóns de oportuno rescate textual que de coherencia ou semellanza ambiental co resto das obras recompiladas, o relato “O escándalo”, que se editou no decenario A Nosa Terra en 1920.
Pecha o volume, un pouco á marxe e máis por razóns de oportuno rescate textual que de coherencia ou semellanza ambiental co resto das obras recompiladas, o relato “O escándalo”, que se editou no decenario A Nosa Terra en 1920.
Hai que dar os parabéns a Suso Sambade por esta edición que permite un acceso doado á obra narrativa de López Abente, un dos autores máis emblemáticos do tempo das Irmandades e unha das sinaturas que contribuíron coma poucas nese instante á consolidación da prosa galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario