eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Cambados. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cambados. Amosar todas as publicacións

domingo, 7 de agosto de 2022

Intervención na homenaxe a Luís Rei organizada polo BNG de Ogrove o sábado 6 de agosto de 2022.

 

Acto de Homenaxe a Luís Rei.
Fotografía de Paco de Xenxa

Obriga elemental de quen intervén nun acto público coma este é comezar por agradecer aos seus organizadores o convite a facelo, máxime se, como é o caso, non existe na actualidade vínculo organizativo ningún entre quen lles dirixe a palabra e as siglas promotoras desta, en todo caso, necesaria, oportuna e xustísima homenaxe a Luís. Graciñas, pois, xentes do BNG de Ogrove, por me permitirdes ocupar hoxe esta tribuna.

Hai algúns meses, presentando na Sala das Cunchas do Concello de Ogrove o décimo terceiro número da revista galega de cultura marítima Nova Ardentía, co benquerido Moncho Meis aínda entre o público e falando a propósito do importantísimo papel que Luís xogou no movemento pola cultura marítima e fluvial e mesmo noutras facetas da vida pública galega e local, dixen con toda a humildade de que fun capaz mais tamén en voz ben alta que me parecía que a vila de Ogrove, e nomeadamente as súas institucións representativas, tiñan aínda unha débeda pendente de memoria, recoñecemento e homenaxe cara ao seu veciño Luís, falecido en agosto de 2015.

As comparacións, din, son odiosas, pero ás veces poden ser oportunas e reveladoras, sobre todo se serven de acicate para corrixir canto antes erros involuntarios e esquecementos inconscientes.

Cambados, a vila en que Luís desempeñou durante moitos anos o seu labor profesional como técnico de cultura, con maiorías absolutas da dereita política, rendeulle dúas homenaxes en vida, en 2010 e 2015, respectivamente, e, unha vez morto Luís en agosto dese mesmo último ano citado, non tardou nin semanas en adoptar por iniciativa do daquela concelleiro de cultura Vítor Caamaño (que me precedeu hoxe aquí no uso da palabra) e da entón alcaldesa socialista Fátima Abal, por unanimidade de todos os grupos da Corporación (sublíñoo, todos os grupos, incluído o popular liderado polo ex alcalde Luís Aragunde), o acordo de bautizar a biblioteca municipal co nome do noso querido amigo.

Do mesmo xeito, no Museo Cabanillas, no Paseo da Calzada da vila do Albariño, inaugurado hai agora pouco máis dun ano (o 3 de xuño de 2021), a figura e o nome de Luís ocupan, como non podía ser doutra maneira, un lugar moi preferente, pois non en balde é autor da máis brillante e completa biografía do “poeta da Raza”, publicada en 2009 pola editorial Galaxia co título de Crónica de desterros e saudades e referencia obrigada desde entón de calquera traballo, estudo, artigo que sobre Cabanillas e sobre a cultura galega do seu tempo queira escribirse.

E non só é Luís, grazas a ese libro citado, á edición facsímile que fixo con Xabier Camba dos xornais cambadeses El Umia e El Cometa (2001), á súa peza teatral Camiño longo (2004) representada pola compañía Teatro do Aquí que fundara Roberto Vidal Bolaño, a varios traballos seus publicados en prestixiosas revistas como Cuadrante, Casa da Gramática, Grial ou A Trabe de Ouro, “máxima autoridade” no coñecemento da vida e da obra do autor de No desterro, Vento mareiro e Da terra asoballada. Non, aínda hai máis.

No inverno de 2021, confabulado quen vos fala con outro grande amigo e camarada de Luís, Antón Mascato e coa súa produtora/selo editorial Lobisome, contando co xeneroso epílogo de Fernández Rei e coa axuda, de novo, do Concello cambadés mercé ao seu concelleiro Tino Cordal, tiramos do prelo unha edición da biografía do líder agrarista Basilio Álvarez que Luís estaba a elaborar cando veu a morte arrebatárnolo. Unha biografía que, incompleta e todo, agora editada co título de Basiliana, coloca novamente o nome de Luís entre as referencias bibliográficas fundamentais para toda persoa interesada en coñecer con rigor a situación económica, social, política, literaria e cultural da Galiza das primeiras décadas do século XX.

Ocórreseme pensar no significativo que resulta para coñecer a ética rexa (alguén dixo “rabuda”, e non lle faltaba algunha razón) coa que Luís se desenvolveu durante toda a súa vida, o feito de que un dos anacos discursivos do abade de Beiro que máis admiraba, ata o punto de sabelo de memoria e recitalo cando a ocasión era propicia, diga literalmente, no castelán orixinario: “El día que me veáis claudicar, fusiladme por la espalda. ¡Viva Galicia redimida!”. Valería como lema da vida do propio Luís, abofé.

Sabela Rei intervindo na homenaxe
a seu pai. Fotografía de Paco de Xenxa

Outra entidade, Culturmar, a Federación Galega pola cultura Marítima e Fluvial, rendeu tamén homenaxe a Luís editando en 2020, en plena pandemia da COVID, un volume co título de Farol perpetuo na néboa. Luís Rei e a cultura marítima, en edición preparada polo académico da Galega Francisco Fernández Rei e por quen agora vos está a falar.

Nese volume aparecen reunidos multitude de artigos, ensaios, propostas de traballo, proxectos expositivos, entrevistas, fotografías e moitos outros materiais de diverso xorne que deixan patente, para quen queira velo, que Luís é un dos nomes máis relevantes, por non dicir imprescindíbeis, á hora de entender como Galiza é desde o ano de 1993 en que botou a andar a amentada Federación un dos lugares de Europa onde o movemento pola recuperación, estudo e divulgación da cultura marítima, cos seus barcos e aparellos tradicionais, coa memoria das súas xentes e traballos, coa catalogación do seu patrimonio material e inmaterial, etc. está máis e vivo e ten máis forza que en ningures.

Efectivamente, se nas rías galegas de hoxe en día vemos acotío a fasquía viva e navegante de ghamelas, chalanas, botes, bucetas, dornas, dornas-mecas, lanchas xeiteiras, racús, ghaleóns, traiñeiras ou balandros e se en moitos dos portos do país atopamos entidades e colectivos que traballan diariamente no mantemento, estudo, exaltación e divulgación desa cultura mariñeira tan de noso, chámense Amigos da Dorna Meca en Ogrove, Piueiro na Guarda, Os Galos en Bueu, Dorna na Illa de Arousa, A Reiboa en Poio, Mar de Muros, Patexeiros  en Oleiros e un longo etcétera, en parte, en boa parte, débese sen lugar a dúbidas ao traballo organizativo e ao esforzo divulgativo e reivindicativo ben orientado que realizou Luís, canda outras moitas persoas xaora, ao longo de varios lustros.

Unhas veces como membro do Colectivo Etnográfico Mascato (canda Lino Lema, Lola Varela, Dionísio Pereira e o debuxante Pepe Gondar, entre outros), outras veces como director da revista Ardentía e colaborador do boletín O Apupo e outras aínda como directivo da propia Culturmar, o Luís non parou de argallar actividades que redundasen na posta en valor dun patrimonio material e inmaterial, “de vento e de sal”, que está na raíz máis xenuína do pobo que somos.

Deseñou paneis e dípticos divulgativos. Ideou e foi comisario de exposicións e pavillóns para que a presenza dos barcos da Galiza tivese verdadeiro impacto en citas internacionais como as que se celebraron nos portos bretóns de Douarnenez (2004) e Brest (2008). Levou o peso da organización do Encontro de Embarcacións Tradicionais en Cambados en 2005 e puxo o seu experto quiñón en moitos outros Encontros. Escribiu numerosos artigos (ben lembraredes os que deitaba con grandes doses de humor e sabedoría popular local na revista Sustansia ou os que publicaba nos suplementos comarcais arousáns do diario Faro de Vigo, por citar algúns exemplos). Colaborou no volume Tendendo cabos (2007), editado polo Museo do Mar de Vigo. Deu conferencias en incontábeis localidades e para entidades de toda índole sobre historia mariñeira, tipos de embarcacións, patrimonio ribeirán construído, actividades marisqueiras, industria conserveira, o mar como espazo para o lecer.... Coordinou os traballos para a realización polo Etnográfico Mascato desa pequena enciclopedia do mar galego que foi a Axenda do Mar 2008. E un longo etcétera

Visionade, se tedes ocasión, o documental Cadernas da historia. Arte e oficio da dorna, de Vítor Gallego e Bruno Ordóñez, e veredes nel a Luís, nas instalacións museísticas de Punta Moreiras, non por casualidade, despregando todo o seu saber, todo o seu entusiasmo e todo o seu lexítimo orgullo de estirpe familiar á hora de falar da dorna-meca, a embarcación emblemática deste mar que nos anaina co seu abalo, nos alimenta co seu peixe e nos namora co seu azul.

E, se non se toma como fachenda pola parte que nos toca no asunto, aínda deberíamos mencionar hoxe aquí que o Consello da Cultura Galega, unha das máis altas institucións culturais do país, fíxonos en datas recentes a encarga de elaborar a entrada sobre Luís para o chamado “Álbum de Galicia”, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos e que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. Tal encarga é unha mostra máis, por se fixese falta, da relevancia e da repercusión prestixiosa acadada polo traballo de Luís e cando esa entrada no “Álbum” se publique, a vila de Ogrove terá outro motivo máis para presumir.

Non pode admirar, xa que logo, que veñamos render homenaxe hoxe aquí ao fillo de Ricardo Rey Naveiro (mariñeiro nos xélidos caladoiros de Terranova e Groenlandia, mariño logo na mercante holandesa e alemá e mariñeiro finalmente da frota de baixura meca) e mais da señora Esther Núñez Barral (traballadora da conserva primeiro en Rons e logo na de Escuredo en Meloxo, tendeira-taberneira en Terra de Porto). Ao sobriño da admirada Tía Pastora e ao irmán do entrañábel e sempre inquedo e ocorrente Javier. Ao pai das queridísimas Sabela e Sara, dúas papoulas sempre florecentes no seu corazón vivo. Ao marido sucesivo de Loli e de Rosa Reboredo, que compartiron con el na travesía da vida as xornadas co vento de popa e os días de temporal. Ao avó de Daniel, ese meniño galaico-britano de rasa que sabe desde o minuto cero do seu existir que persoa fóra do común foi o seu devanceiro...

Evocamos, louvamos e queremos con orgullo indestrutíbel ese Luís meniño admirador do forzudo Taurus dos cómics de El Jabato. O Luís que comeu un mundo de bocadillos de pataghillón e gharreou todo o que lle deixaron co señoritismo cambadés cando estudante do seu instituto. Ese Luís que nunca caeu enfermo do “mal de Holanda” e que odiou con toda a forza da súa adolescencia os xeitos dunha ditadura que se resistía a morrer matando, torturando, reprimindo e batendo. O Luís mociño, O Trosko de chata, que quixo facer a “revolusión permanente” para varrer a roña de tantas inxustizas que había e hai no mundo que non se curan con resignación nin pasividade. O Luís concelleiro da oposición, que, axudado por Manolo Mascato, por Xesús Mª, por Xosé Manuel, por Lina, por Carlos, por Anselmo e por tantos outros e outras que me desculparán que non cite, confrontou con humor e dureza dialéctica a partes iguais durante varias lexislaturas os proxectos e as medidas que se poñían enriba da mesa para facer, en derradeira instancia, como moi ben dixo hai un anaco o propio Anselmo falando do sentido da política, un Ogrove mellor, unha Galiza mellor, un Mundo mellor.

Ese Luís, e tantos outros Luís que moitos dos aquí presentes coñecestes e levades no corazón e na memoria para sempre, merece sen lugar a dúbidas e sen máis demora das xentes todas de Ogrove e, sobre todo, das institucións que as representan un recoñecemento que estea á altura do valor do seu traballo, da transcendencia das súas realizacións e da xenerosidade ilimitada da súa entrega.

Mais o certo é que, a día de hoxe, ningún edificio, ningunha xornada ou congreso, ningunha rúa, ningunha placa, ningún evento, ningún certame de investigación, ningún elemento artístico no espazo público, ningún recinto museístico ou cultural, nada, nada, nada, como non sexa o seu recordo perenne nos corazóns de moitísimos mecos e mecas, lembra a quen viñer ata esta península marabillosa que aquí naceu, medrou, amou, viviu, traballou, militou e escribiu Luís Rei. Semellante circunstancia non debe prorrogarse máis, a risco de que caia sobre a vila que el tanto amou e pola que tanto traballou o terríbel ditado de ingrata e sobre as institucións que a representan o dicterio de inxustas e arbitrarias.

Inxustas e arbitrarias, dixen ben, pois, mentres boto en falta o nome de Luís Rei por algures, vexo merecidamente recollidos no rueiro grovense ou denominando algúns dos seus edificios e espazos emblemáticos os nomes de figuras da cultura e da historia nosa como Castelao, Bóveda, Pablo Iglesias e Luís Seoane, ou da intelectualidade grovense de diversas épocas, ideoloxías e perfís como Luís Antonio Mestre, Jaime Solá, o pintor Ernesto Goday, Manuel Lueiro Rey ou Xoaquín Álvarez Corbacho. Sinceramente, non vexo que méritos poden botarse en falta na persoa e na traxectoria de Luís Rei Núñez para non facerlle un sitio digno e acolledor a carón de tan importantes, ilustres e ben lembrados referentes locais.

Sabela e Sara Rei, dúas papoulas a florecer eternamente
no corazón de seu pai. Fotografía de Paco de Xenxa

Así pois, xa case no remate desta miña intervención, atrévome a formular desde a cordialidade e a sinceridade, sen interese oculto ningún, sen dobrez de ningunha caste unha petición, ou se o preferides, un rogo:

Dialogade, representantes do pobo de Ogrove, entidades cívicas, culturais e sociais, concelleiros e concelleiras de toda sigla, sobre o que e sobre e o como render a Luís Rei a homenaxe que merece, como facelo da mellor, máis inclusiva e máis perdurábel das maneiras, e non caia por favor ninguén na tentación de usar e arrebolar o nome de Luís en van para debates e disputas nos que el xa non pode intervir e para contas que non lle corresponde a el saldar, desde o momento en que, ausente fisicamente de entre os vivos e fora da melée da inmediatez, fai parte xa por dereito propio e méritos máis que sobrados do patrimonio de todos os mecos e mecas e camiña na Historia nesa santa compaña laica e inmortal dos que viviron algún día para facer que Galiza como pobo e as raíces de salitre nas que asenta Ogrove non morran nunca.

Como escribiu Antón Mascato en decembro de 2020, na segunda edición dese libriño insubstituíbel titulado Luís Rei. Crónica de traballos e amizades, en palabras que fago totalmente miñas,

Queremos tanto a Luís, deixounos tal baleiro nas vidas compartidas, que non imos permitir que o que marchou co vento permaneza alonxado das memorias, alleo ás vontades, porque non estamos dispoñibles para que vire en baldío, ermo, o territorio de quen practicou coma ninguén o cooperativismo social e cultural, o traballo político comunitario, as amizades, a entrega xenerosa aos demais.

Remato xa.

Que de hoxe nun ano, poidamos volvernos a xuntar arredor da figura de Luís Rei coa certeza de que as institucións mecas, co respaldo cordial do seu pobo, souberon encontrar a fórmula máis acaída e con apoio unánime para que o nome do noso admirado amigo sexa un referente visíbel máis desta sociedade e para que o seu recordo brille na memoria colectiva con toda a forza da que é merecente quen se converteu nun imprescindíbel “farol perpetuo na néboa”.

Mentres ese día chega, unha aperta fraterna para todos os que vos sentides apelados e convocados coma min por este acto de homenaxe a Luís e para el, que andará a navegar imaxino, plácido e feliz, por algún remoto mar do alén, un rendido e eterno saúdo de amizade: Saúde e Terra sempre, camarada!






luns, 31 de agosto de 2020

ECOS DE RIMBAUD EN DOUS POEMAS DE RAMÓN CABANILLAS

 





Introdución

É habitual referirse á poesía finisecular decimonónica francesa como un dos varios ingredientes que fixeron parte da peculiar, orixinal e moi atinada síntese de elementos estéticos que caracteriza a poesía de Ramón Cabanillas, nomeadamente a dos seus primeiros compases, ao raiar o século XX.

Esa achega de tipo decadentista e simbolista sumaríase ao seu gusto polo Romanticismo serodio alemán (Heine), á asimilación indiscutíbel dos xeitos do Modernismo (Rubén Darío), ao pouso clásico greco-latino (Horacio, Virxilio…) - que o de Fefiñáns adquiriu nas aulas do seminario de San Martiño Pinario en Compostela -, á pegada evidente que nel deixou a constante lectura da tríade sublime do Rexurdimento galego (Rosalía, Pondal, Curros) e, sobre todo a partir da segunda década da vixésima centuria, ao influxo do Saudosismo portugués (Teixeira de Pascoaes, Leonardo Coimbra), sen esquecermos a fonte limpa da poesía folclórica popular galega da que o Poeta da Raza bebeu desde a máis tenra infancia, en contacto co seu medio social cambadés.

Nas liñas que seguen, coa brevidade que impón o espazo limitado da publicación que as acolle amabelmente, tentaremos concretar dous dos ecos que a poesía dun dos máis caracterizados autores da lírica francesa da fin do século XIX, Arthur Rimbaud, tivo nos poemas do autor irmandiño.

Un poeta “maldito”

Jean Nicolás Arthur Rimbaud (1854-1891), escritor moi precoz, foi un estudante superdotado e desde moi novo amosou unha fervente rebeldía: penduraba cartaces nas igrexas da súa vila natal de Charleville (na rexión das Ardenas) co texto “Morra Deus!”, escandalizaba os veciños deixándose o pelo longuísimo, frecuentaba con xactancia e descaro tabernas e prostíbulos… Abandonado por seu pai, Fréderic Rimbaud (militar de profesión) cando contaba tan só sete anos, Arthur padeceu a sobreprotección e, ao mesmo, a rixidez de criterios morais da súa nai, Vitalie, polo que tentou fuxir de casa en repetidas ocasións durante a adolescencia. Un profesor substituto do liceo no que estudaba, Georges Izambard (1848-1931), descóbrelle o engado da poesía e as técnicas da retórica e convértese nun verdadeiro referente para el, sacándoo de máis dun apuro.

En maio de 1870, Rimbaud envía os seus primeiros poemas, cando contaba apenas 16 anos, a un dos principais colaboradores da revista Le Parnasse Contemporain, o escritor Théodore de Banville (1823-1891), quen, así e todo, non llos publica.


En 1871, após varios intentos previos frustrados pola súa nai, Rimbaud instálase por fin en París. Théodore de Banville acólleo na súa casa durante algunhas semanas, mais axiña xorden entre eles serias diferenzas estéticas e persoais, que levan á ruptura da súa relación e ao afastamento do poeta novo das propostas parnasianistas. Foi tamén moi comentado nos círculos da bohemia parisiense o seu violento enfrontamento co fotógrafo Étienne Carjat durante unha borracheira.

A seguir, un Rimbaud que conta tan só 17 anos inicia unha tempestuosa e bohemia relación amorosa co tamén poeta Paul Verlaine (1844-1896), dez anos máis vello ca el e home casado. Esa relación estará salferida de viaxes (Londres, Bruxelas…), de inacabábeis discusións e de “coloques” de alcohol, haxix e láudano. Realmente escandalosa no seu tempo, acabou en traumática separación dous anos despois, após un intento frustrado de asasinato a tiros de Rimbaud por parte dun bébedo e enlouquecido Verlaine, que chegou a ser xulgado e encadeado por tal motivo.

Rimbaud compuxo dúas coleccións de poemas en prosa. Na primeira, Une saisson en l'enfer (Unha tempada no inferno) (1873), en que recrea a súa axitada vida con Verlaine, explica tamén que a dedicación á poesía é unha tarefa que se consegue mediante o “desarranxo de todos os sentidos” (coa axuda do alcol e outras drogas, no seu caso). Tal desarranxo, profundamente antiburgués, causa sufrimento no poeta, mais págalle a pena porque lle permite chegar á perfección, a un estado de “videncia” que conduce ao sublime e ao inefábel. A segunda colección poética intitúlase Les Illuminations (As Iluminacións) (1886) e nela leva o automatismo verbal ao extremo de facer textos que se prestan ás interpretacións máis contraditorias, aínda que cheos de maxia e suxestión.

Aos 21 anos de idade, Rimbaud chegou á conclusión de que o poema perfecto era aquel que non se escribía, polo que abandonou totalmente a escrita e, tras convivir por un breve período en Londres co escritor Germain Nouveau durante 1874, residir algún tempo na cidade alemá de Stuttgart, viaxar por Suíza e Italia, vagabundeou logo por diversos países asiáticos, africanos e do Oriente Próximo, dedicándose ao comercio de armas, marfil, café e ouro (algunhas fontes indican que tamén ao tráfico de escravos, mais disto último non hai total certeza). Residiu así sucesivamente na cidade exipcia de Alexandría (1878), en Chipre, no porto de Adén (Iemen) e, a partir de 1880, en Harar (Abisinia).

En 1891, non obstante, Rimbaud foi repatriado a Francia, xa enfermo dun tumor que lle fixo perder primeiro a perna dereita e padecer logo unha gangrena que acabou provocándolle a morte en Marsella o 10 de novembro dese mesmo ano, cando contaba tan só 37 anos. Atendido nos derradeiros intres pola súa irmá Isabelle, finou sen ter publicado nin un só dos versos que deixara escritos. Sería Paul Verlaine, a pesar de todos os pesares e vencendo a férrea oposición da irmá Isabelle a que se publicasen, quen xuntou, ordenou e editou en 1895 as súas Poésies complètes. Grazas a iso, o autor das Iluminacións recibiu a rendida admiración dos novos poetas, nomeadamente dos da vangarda surrealista (André Breton, Paul Éluard…), converténdose nunha referencia imprescindíbel no catálogo dos grandes poetas universais.

Traxectorias en contraste

Pouco, ben pouco ten de semellante a traxectoria humana e literaria de Rimbaud coa de Ramón Cabanillas, que tan ben nos soubo relatar o queridísimo amigo Luís Rei na súa Crónica de desterros e saudades (2009). Se o escritor francés tivo unha vida curta, aventureira e intensa, o galego viviu un “camiño longo”, con penalidades máis comúns e prosaicas. Mentres Rimbaud ficou case que inédito en vida, o cambadés publicou numerosos volumes, tanto na preguerra como na posguerra franquista, algúns con segundas edicións: No desterro, Vento mareiro, Da Terra asoballada, Na noite estrelecida, A rosa de cen follas, Camiños no tempo, Da miña zanfona, Samos... Fronte ao francés, que causou escándalo e rexeitamento moi xeneralizado en vida por mor do seu comportamento anticonvencional e provocador, propio dun enfant terrible, o de Cambados recibiu aplauso practicamente unánime nunha parte non pequena da súa traxectoria, o que non o librou, porén, de diversos apuros e estreiteces económicas en varios instantes, de complicadas situacións en relación co seu núcleo familiar e da malquerenza dos que non pensaban coma el. Pouco ten a ver a iconoclasta personalidade do francés en materia moral e relixiosa co perfil de Cabanillas, abrazado con vigor á fe relixiosa. E se o autor das Iluminacións tendeu case sempre ao rebelde individualismo, tanto na vida como na poesía (deixemos de banda a súa puntual simpatía coa revolta da Comuna parisiense), o galego mantivo explícitos compromisos cívicos e políticos e puxo a súa lira ao servizo de diversas causas (agrarismo, galeguismo…), converténdose nun poeta “representativo”.


Indiscutíbel é, en todo caso, que Cabanillas foi, ademais de escritor, un lector constante e apaixonado de poesía. Como é ben sabido, publicou en 1955, da man da editora compostelá “Bibliófilos Gallegos”, un volume titulado
Versos de alleas terras e de tempos idos. Paráfrases galegas, no que presentou versións moi persoais para a lingua de noso de textos de arredor de corenta poetas de diversas épocas e latitudes que facían parte, digámolo así, da súa “listaxe de favoritos”. O libro aparece estruturado en tres grandes apartados: “Paráfrases do grego”, con textos de Safo, Anacreonte, Mosco, Baquílides e Meleagro; “Paráfrases do latín”, con textos de Marcial, Ovidio, Estacio, Tibulo, Propercio e Fedro e, por último, “Varia”, con textos de poetas en alemán (Heine, Goethe, Schiller, Niembsch e Werfel), en inglés (Byron, Tennyson, Longfellow, Goldsmith, Montgomery, Payne, Leig Hunt, William Jones, Sara H. Adams, John Wesley, Óscar Wilde e Cristina Rosseti), en italiano (Guarini, Carducci, Bértola di Giorgi e Gaspara Stampa) e en francés (Charles Baudelaire, Jean Richepin, Théophile Gautier, Jean Morèas, Joséphin Soulary, Albert Semain e Émile Verhaeren).

Faltan na listaxe chamativamente, como pode comprobarse, os poetas franceses Paul Verlaine e Arthur Rimbaud, a pesar de que, como imos tentar demostrar a seguir para o caso do segundo deles, resultou lectura decisiva para o de Fefiñáns nos seus anos de formación autodidacta e deixou algún eco ou pegada indiscutíbel en, cando menos, dous dos poemas do seu primeiro libro édito, No desterro. Visións gallegas (Habana, 1913). Imaxinamos que a ausencia deses dous “escandalosos” poetas decadentistas franceses nesa persoal escolma do cambadés se debeu á inconveniencia de traelos a colación nun clima de censura e estreiteza moral como era o do nacionalcatolicismo franquista entón dominante. Secomasí, ten máis sentido aínda o traballo de analizar e restituír o verdadeiro influxo estético que eses poetas “malditos” exerceron no seu día sobre o de Fefináns.

De tabernas e raios de sol

O primeiro dos poemas que cómpre traer aquí a colación titúlase “Na taberna”. Fixo parte este soneto, como dixemos, do primeiro poemario de Cabanillas, No desterro. Visións gallegas, se ben cómpre advertir que coñeceu publicidade previamente na revista galaico-cubana Suevia (núm. 6, 17 de marzo de 1912):


Os mozos mariñeiros da fiada

lémbranse rindo alleos de coidados;

cheira a aceite e pemento requeimados

rustido de xurés en caldeirada.


Conta o patrón nun corro a trebonada

do ano setenta, -hestoria de afogados;-

e empuxándose, inando, entran mollados

os homes dunha lancha de enviada.


Pasa de man en man a xerra roiba

de albariño, e namentras cai a choiva

e o vento fai tembrar a casa enteira,


detrás do mostrador crarexa o ceo

nas trenzas de ouro, no mirar sereo,

na surrisa de luz da taberneira.


Repárese agora no poema “Au cabaret-vert. Cinq heures du soir”, de Rimbaud, escrito en 1870 e recollido no volume Poesías completas (Orbis-Fabri, Madrid, 1997), por onde o citamos:


Depuis huit jours, j’avais déchiré mes bottines

Aux cailloux des chemins. J’entrais á Charleroi.

- Au Cabaret Vert-: je demandai des tartines

De beurre et du jambon qui fût à moitié froid.


Bienheureux, j’allongeai les jambes sous la table

Verte: je contemplai les sujets très naïfs

De la tapisserie.- Et ce fut adorable,

Quand la fille aus tétons énormes, aux yeux vifs,


- Celle-là, ce n’est pas un baiser qui l’épeure!-

Rieuse, m’apporta des tartines de beurre,

Du jambon tiède, dans un plat colorié,


- Du jambon rose et blanc parfumé d’une gousse

D’ail – et m’emplit la chope immense, avec sa mousse

Que dorait un rayon de soleil arriéré1.


Son numerosos os elementos comúns a ambos textos. En primeiro lugar, a fórmula sonetística e os versos hendecasílabos empregados en ambos casos, se ben Cabanillas emprega rimas abrazadas onde Rimbaud usa rimas cruzadas. Tamén comparten os dous poemas en cuestión a abundancia de referencias sinestésicas, algunhas odoríficas (no poema de Cabanillas cheira a rustrido, no de Rimbaud a allo…) e outras de carácter ambiental xenérico (humidade e vento fóra fronte ao ambiente cálido do interior da taberna, no texto caballiniano; cansanzo da camiñada de oito horas fronte ao pracer de estricar as pernas por riba da mesa e ter compañía, no de Rimbaud). En sentido semellante funcionan os toques colorísticos: a xerra roiba e as trenzas de ouro, no poema do cambadés, o prato con xamón rosado e branco, no poema do francés. O retrato contrastivo entre o confort no interior tabernario e a hostilidade do mundo exterior (por mal tempo, por traballo ou polo cansazo da camiñada) é común aos dous textos, como tamén o é a pincelada erótica a propósito da beleza e atractivo da moza taberneira, se cadra algo máis tosca en Rimbaud (referencia ao tamaño dos peitos da taberneira e ao seu carácter decidido no trato cos homes - “non é das que se asustan por un bico”-), moito máis recatada (alusión ao “mirar sereo”) en Cabanillas.

Por último, cabe salientar dous “desprazamentos” que o de Cambados introduce no seu texto a respecto do de Rimbaud, que sen dúbida lle serviu de pauta. O primeiro ten a ver co protagonismo exclusivamente individual no poema do francés (o suxeito da enunciación é un camiñante-vagabundo que fai parada na taberna para xantar e repoñer forzas), que se torna colectivo no do cambadés: son os mariñeiros de Fefiñáns (os mozos mariñeiros da fiada, os da lancha de enviada, o vello patrón que conta historias de naufraxio e os que lle fan corro para escoitalo) os protagonistas da poesía2, aínda que no seu final o foco fique posto nos sentimentos particulares do emisor, ata entón confundido como un máis entre os seareiros do local. E o segundo “desprazamento”, aínda máis destacado, está relacionado co raio de sol que ilumina a escena: mentres no poema rimbaudiano o que alumea é a xerra escumante de cervexa, no caballiniano deita a súa luz sobre o sorriso da taberneira.

Natura, amor e pensamento

O segundo e derradeiro poema de Cabanillas que queremos proxectar sobre o fondo da obra do escritor decadentista francés tamén apareceu en No desterro, sen título, e di así:


Bicado polo sol é craro espello

o remanso cinguido de salgueiros.

Cai unha folla, e o cristal crebado

desfaise en brandas ondas que, crecendo,

borran o coadro máxico e enloitan

o brilador espello.


Está como ágoa do remanso, en calma,

o pensamento meu. Fíreo o recordo,

- folla que cai do arbre duns amores, -

da túa imaxe lonxana, e pouco a pouco

vai crecendo, crecendo, como en ondas,

até que o enloita todo!


Repárese agora no poema de Arthur Rimbaud titulado “Sensation”:


Par les soirs bleus d’été, j’irai dans les sentiers,

Picoté par les blés, fouler l’herbe menue:

Rêveur, j’en sentirai la fraîcheur à mes pieds.

Je laisserai le vent baigner ma tête nue.


Je ne parlerai pas, je ne penserai rien:

Mais l’amour infini me montera dans l’âme,

Et j’irai loin, bien loin, comme un bohémien,

Par la Nature, - heureux comme avec une femme3.


Os cuartetos de arte maior de Rimbaud convértense en Cabanillas en sextetos, e as rimas totais do francés derivan en versos pares asonantados no de Cambados, mais hai entre as dúas composicións un innegábel fondo argumental común: o contacto con Natura (a herba miúda, os restroballos, a folla da árbore, o salgueiro, o remanso …) provoca reaccións no espírito do poeta, un estado de concentración case hipnótico (“Je ne parlerai pas, je ne penserai rien”, indícase no texto de Rimbaud; “Está como ágoa do remanso, en calma, o pensamento meu”, dise no de Cabanillas), que, non obstante, resolverase finalmente en sentimentos de índole antitética: en amor, ledicia de vivir e despreocupación nun caso (Rimbaud) e en tristura, loito e desconsolo noutro (Cabanillas).

A xeito de conclusión

Cando falamos de “ecos” de Rimbaud na poesía do cambadés descartamos que a intención de Cabanillas fose facer tradución, versión ou paráfrase dos orixinais do escritor francés. Hai un “diálogo” con eses textos que dá pé á creación dun novo, orixinal e persoal. Ou dito doutro xeito: Cabanillas “fai pé” nos dous poemas de Rimbaud en cuestión, “dálles unha volta”, mais non os copia, nin moito menos os plaxia. Os motivos temáticos e algúns dos recursos estilísticos presentes neles, como a sinestesia, sérvenlle ao de Cambados de estímulo para a creación, mais operando mudanzas e reorganizacións tan relevantes no enfoque, no tratamento, nos personaxes e na substancia do asunto que os poemas resultantes deveñen enteiramente seus, “distintos” aos de Rimbaud.

En todo caso, parece innegábel que tanto “Na taberna” como o poema que comeza “Bicado polo sol é craro espello…” de Cabanillas naceron da impresión e do gozo que a lectura dos textos de Rimbaud espertaron na alma, tan sensíbel, do poeta de Fefiñáns, de maneira que fica corroborada máis unha vez a destacada influenza que a poesía decadentista e simbolista francesa de finais do século XIX exerceu no seu proceso de formación estética4. Fica pendente a tarefa de comprobar e analizar a pegada, adiantemos que para nós máis que evidente tamén, da obra poética de Paul Verlaine no escritor cambadés, mais esa haberá de ser fariña para outra muiñada.


1 Ofrecemos a seguinte paráfrase do poema de Rimbaud na nosa lingua: “Logo de oito días, rompera as miñas botas nas pedras dos camiños. Entrei en Charleroi, na Taberna Verde: pedín rebandas de xamón con manteiga morniñas. Contento, estriquei ben as pernas por debaixo da mesa e contemplei os motivos sinxelos da tapizaría. Foi delicioso cando a moza de enormes tetas e ollos vivos - ela non é das que se asustan por un bico! –, a sorrir, me trouxo as rebandas de xamón con manteiga morna nun prato de cores, - o xamón rosa e branco perfumado cun dente de allo - e me encheu a enorme xerra coa súa escuma, que douraba un serodio raio de sol”.

2 Luís Rei deixou precisa e preciosa información en Ramón Cabanillas: crónica de desterros e saudades (2009: 59-62) sobre os estabelecementos tabernarios que había no Cambados de entre dous séculos: a taberna de Ramón Botana no peirao vello, a de Aniceto, a de Vitorio na Modia (onde o poeta confeccionaba textos para o xornal satírico El Cometa), o local de Serafín de la Peña, o salón-taberna de Laureana, os cafés da fonda de Calixto Pereira e do Casino, a taberna da Segorella e, como non, a taberna do “Potro”, isto é, Antonio Álvarez Vidal, pai de Eudosia Álvarez, a esposa de Ramón Cabanillas.

3 Ofrecemos a seguinte paráfrase galega deste poema de Rimbaud : “Nas tardes azuladas do verán, irei polos camiños pisando restroballos e herbiñas. Soñador, sentirei o seu frescor nos pés e deixarei que o vento bañe a miña cabeza núa. Non falarei, nada pensarei, mais un amor infinito subirá á miña alma, e marcharei lonxe, ben lonxe, como un bohemio, pola Natureza – feliz como con unha muller”.

4 O profesor Ricardo Carvalho Calero, na súa monumental Historia da literatura galega contemporánea (1981, 3ª ed.: 578) entendeu, non obstante, que o vocabulario e a fraseoloxía de “Na taberna” ten máis que ver co Modernismo rubendarista.



PUBLICADO PREVIAMENTE NO SEGUNDO NÚMERO DA REVISTA CENFOLLAS, DE CAMBADOS

domingo, 17 de maio de 2020

Honrando a Don Ricardo no paseo da Calsada cambadés



CArvalho Calero. Fotografía de Moncho Rama
Hoxe, 17 de maio de 2020, Día das Letras Galegas, o Concello de Cambados organizou un pequeno pero moi lindo acto no Paseo da Calsada, fronte ao monumento a Ramón Cabanillas, para honrar a figura e a memoria de Carvalho Calero.

Intervín brevemente nel para glosar a figura e traxectoria de Don Ricardo e logo, con intermedios musicais dos gaiteiros, bos amigos/as cambadeses como Domingo Tabuyo, Vila Ribadomar, Manolo Núñez, Moncho Caride, Maribel Iglesias e a miña compañeira Isabel recitaron textos do sabio ferrolán.

Na preciosa mañá de maio que gozamos, as súas voces lanzaron os versos do poeta ao vento e aos corazóns. O himno de Pondal e Veiga fechou o evento.

No seguinte enlace pódese ver un vídeo do acto.


domingo, 6 de marzo de 2016

UNHA TESE SOBRE O ESCULTOR CAMBADÉS FRANCISCO ASOREI

O vindeiro venres día 11 de marzo de 2016, a partir das 11 horas, vai ter lugar na Sala de Profesorado da Facultade de Xeografía e Historia en Santiago de Compostela a defensa pública dunha tese de doutoramento sobre a figura e a obra de Francisco Asorei (1889-1961), escrita pola nosa amiga Maribel Iglesias Baldonedo, profesora de Historia nun instituto de ensino medio de Cambados que leva o nome do escultor, precisamente.

Esa tese, que dirixiu o profesor do Departamento de Historia da Arte da antecitada Facultade, José M. López Vázquez, está dedicada ao marido da autora (o noso compañeiro no instituto de A Basella vilanovesa e profesor de debuxo Manuel Busto) e aos seus fillos (Manuel e Mariña), así como á memoria do noso chorado amigo común Luís Rei. 

Leva por título Francisco Asorey, escultor galego e consta de setes grandes apartados.

O primeiro está dedicado a explicar os primeiros anos do escultor, co ambiente que o rodeou no seu Cambados natal; a súa estadía formativa, desde os 14 anos, nos salesianos de Sarriá (Barcelona), onde se enchoupou do ambiente artístico modernista e simbolista que dominaba entón esa cidade e o seu período como docente de debuxo nos salesianos de Barakaldo, onde ten oportunidade de entrar en contacto co rexionalismo pictórico vasco, representado polos irmáns Valentín e Ramón Zubiaurre. Precisamente este último pintaría en 1917 o célebre cadro “Gaiteiro de Cambados”.

Neste primeiro capítulo tamén se ocupa Maribel da posterior etapa madrileña de Asorei, tinxida de bohemia canda o crítico de arte José Francés, o artista compostelán Juan Luís (que se refería a Asorei como “El Rodin gallego”), o viveirense Manuel Bujados e o pintor cordobés Julio Romero de Torres, con que compartiu pensión. A vida madrileña de Asorei prolóngase dende 1909 até o 8 xaneiro de 1919, data esta última en que o artista, que consegue traballo como escultor anatómico na Facultade de Medicina, contrae matrimonio con Jesusa Ferreiro Casal e instálase xa para sempre en Compostela.

Un segundo apartado céntrase nos anos 20, cando Asorei abre estudo na compostelá rúa da Caramoniña e se vincula decididamente ás Irmandades da Fala, cumprindo no mundo das artes plásticas, mercé ás súas tallas en madeira policromadas (“Picariña”, “Naiciña”, “O tesouro”, “Ofrenda ao San Ramón”, “A Santa”, “San Francisco”...) e aos diversos recoñecementos que obtén en varias Exposicións de Belas Artes, un papel simbólico e referencial idéntico ao do seu paisano Ramón Cabanillas no eido das letras: Escultor da Raza e Poeta da Raza, respectivamente. É esta a etapa das homenaxes en Cambados organizadas por Cabanillas, da intensa relación amistosa con Castelao, da pertenza ao Seminario de Estudos Galegos, mais tamén a dos agravios á hora de non recibir premios que seguramente merecía e a das críticas feroces, como as que lle endereza Ramón Mª del Valle Inclán.

Asorei pintado polo artista compostelán Juan Luís
A terceira parte da tese de Maribel ocúpase dos anos 30, cando Asorei abre un estudo máis amplo na rúa de Santa Clara, en Compostela, e emprende a confección dos seus grandes monumentos en pedra, como o do aviador Loriga, en Lalín (1933), o do San Francisco de Compostela, que se inaugura en 1930, ou o de Curros Enríquez na Coruña, en 1934. De sumo interese é a epígrafe que a autora dedica a comentar o relacionamento, nada cordial nin produtivo á prostre, dos autores da nova xeración galega (Luís Seoane, Eiroa, Maside, etc.) con Asorei, no enésimo exemplo de mala avinza entre sucesivas xeracións artísticas.

Unha cuarta parte da tese de Maribel Iglesias céntrase no Asorei de posguerra. Superados, grazas ás súas boas relacións co estamento eclesiástico compostelán, os medos a crueis represalias como as que lle custaron a vida ao seu grande amigo Camilo Díaz Baliño, o escultor cambadés renuncia neste etapa a calquera veleidade artística orixinal e reduce practicamente o seu traballo a abundantes pezas de carácter relixioso, bustos oficiais que se lle encargan en 1938 (o de Calvo Sotelo para Vilagarcía; o do ditador Franco para Ourense...), monumentos militares na Escola Naval de Marín ou aos Caídos, como o de Ourense (1951), lápidas conmemorativas e pouco máis. Algúns dos seus últimos traballos de mérito son a estatua do Padre Feixó para o mosteiro de Samos, o altar para o Panteón do Centro Galego de Buenos Aires e o monumento ao astrónomo lalinés Ramón Mª Aller.

O traballo de Maribel compleméntase cun quinto apartado de Conclusións, un sexto que está conformado por un rigoroso Catálogo da obra de Asorei e un sétimo e derradeiro que ofrece a Bibliografía empregada para a confección desta alfaia investigadora.


Moi relevante e pulcro resulta o diálogo crítico que esta tese estabelece coa única monografía sobre Asorei preexistente, o traballo El escultor Francisco Asorey, editado en 1959 por Ramón Otero Túñez. Son varios os aspectos que se discuten desa obra pioneira, con argumentos moi atinados ao noso humilde entender. Maribel corrixe, por exemplo, a total ausencia de referencias ao compromiso de Asorei co nacionalismo galego irmandiño, delimita con rigor a escasa relación do escultor cambadés coas vangardas artísticas, resume á perfección as bases estéticas da súa proposta (modernismo e simbolismo) e contribúe a reconstruír con poderación e serenidade a posición de Asorei no escuro período da posguerra franquista.

Desde aquí, parabenizamos e desexámoslle moito éxito á doutoranda e agardamos ver editada sen demora esta valiosísima contribución á historia da nosa cultura e da nosa arte.

venres, 13 de novembro de 2015

Ramón Cabanillas, Cambados e O Mar da Arousa, de Francisco Fernández Rei


Intervención na presentación do libro RAMÓN CABANILLAS, CAMBADOS E O MAR DA AROUSA, DE FRANCISCO FERNÁNDEZ REI, que se celebrou no Auditorio da Xuventude de Cambados, o xoves 5 de novembro de 2015. 

1. Tería que remontarme ao inicio dos meus tempos universitarios en Compostela, alá polo 1986, para topar co primeiro recordo ou imaxe de Paco Fernández Rei (Cambados, 1952), a quen comecei a tratar moito antes mesmo de ser alumno seu, pois deuse a circunstancia de coincidirmos moi axiña na Xunta de Facultade de Filoloxía, cando a propia Facultade aínda estaba na Praza de Mazarelos, el en representación do profesorado e eu do alumnado, no meu caso facendo parte das candidaturas dos CAF (Comités Abertos de Facultade). Era decano daquela o hoxe presidente da Real Academia de la Lengua, vilalbés de nacemento para máis señas, e non custa moito adiviñar que na maior parte dos asuntos que naquel organismo se debatían era ben doado que coincidisen unha e outra vez os votos de Paco e os meus contra os do citado decano e futuro reitor, pois ambos formabamos parte dun ambiente loitador e esperanzado de traballo en chave nacionalista que se definía, resumidamente, por dous lemas: “Universidade galega e popular”, un, e “Pasou o tempo da rosa, chegou o da mimosa”, outro.

2. Ao chegar a 4º de carreira, na subsección de Galego-portugués dentro de Filoloxía Hispánica (aínda o galego non tiña titulación plena de seu nesa altura, como se pode ver), tocoume Paco como profesor de Lingüística Románica. Aínda conservo pola casa aqueles apuntamentos seus que había que recoller fotocopiados en Tórculo nos comezos do curso e que servían de completo manual para a preparación da materia, ficando dese xeito as clases liberadas da tarefa de explicar o básico e podendo así aventurarse na análise de textos e en reflexións e temáticas que ían alén con frecuencia, por expresa vontade de Paco, do estrito programa académico. Despois, Paco impartiume un dos meus cursos de doutoramento previos á elaboración da tese sobre Antón Villar Ponte e fixen para que o xulgase un traballo sobre a problemática da lingua corsa, que moito lle agradou: daquela, traballaba eu como substituto de Lingua Galega coa súa irmá Elisa no IES Xunqueira I de Pontevedra e era a persoa a quen substituía a cambadesa Engracia Vidal Estévez, unha das meniñas que, como conta Paco no libro que hoxe presentamos, participou o 9 de xaneiro de 1944 neste mesmo local da Xuventude na representación da Ofrenda das fadas no portal de Belén. Xa me diredes se a vida ás veces tece ben ou non os seus fíos verdadeiramente máxicos... 

3. Nese sentido, penso que collín a Paco como profesor nun momento especialmente interesante e frutífero da súa xa longa andaina docente, en que comezaba a arrombar os vellos esquemas adquiridos na abordaxe da filoloxía románica, virada tradicionalmente ao comparatismo interno “neutro” das linguas descendentes do latín (daquela tiñamos que estudar o provenzal medieval e o toscano, por exemplo), e se lanzaba a explorar, facendo pé nos traballos do corso Marcellesi, do croata Zarco Muljacic, etc. anovadoras perspectivas sociolingüísticas, menos preocupadas por comparar idiomas e máis por axudar a coñecer situacións de minorización e discriminación dos falantes das linguas non estatais e garantir a súa supervivencia e continuidade nun mundo globalizado que, non se esqueza, define con modos imperialistas e prepotentes case sempre as relacións entre pobos, tamén as lingüísticas. 

4. Tres son os froitos maduros desa viraxe metodolóxica e científica que acometeu Paco coincidindo cos anos finais dos meus estudos universitarios. 

O primeiro, o compromiso activo coas falas do “galego exterior” (o galego de entre o Eo e o Navia, o do Bierzo, o das Portelas zamoranas, o dos Tres Lugaris do cacereño Val do Xálima) e coas persoas e asociacións que, fronte a todas as hostilidades e incompresións imaxinábeis, levaron e seguen levando a cabo unha tarefa de conservación, promoción, reivindicación e protección desas falas nosas, coa mesma afouteza e valentía que os Villar Ponte en 1916 cando fundaron as Irmandades da Fala, xaora.

O segundo, a edición con Antón Santamarina do volume Estudios de Sociolingüística Románica. Linguas e variedades minorizadas, que foi publicado pola Universidade compostelá en 1999 e marcou un antes e un despois na disciplina, cando menos entre nós. E, en terceiro e último lugar, a participación de Paco, cun papel calado pero esencial, nas sucesivas edicións de cursos de galego do ILG para universitarios estranxeiros. Cada ano, axudado polos seus colaboradores/as, Paco fai que se mergullen na nosa lingua, cultura e literatura un grupiño de mozas e mozos das máis diversas latitudes, e o certo é que, sen apenas excepcións, convérteos para o sucesivo en entusiastas investigadores/as e tradutores/as do galego e en dignos e impagábeis embaixadores/as seus polo mundo, como se puxo de manifesto na presentación internacional do libro 55 mentiras sobre a lingua galega ou como sabemos ben os veciños e veciñas de Cambados que viñemos escoitar neste mesmo auditorio os poemas de Cabanillas traducidos ao xaponés por Takekazu Asaka, Takiño, ou ao ruso por Elena Zernova. 

4. Non pode admirar, neste sentido, que Paco teña sido, non xa o meirande especialista entre nós na dialectoloxía galega e na elaboración de atlas lingüísticos (véxanse, sen irmos máis lonxe, as súas “Notas lingüísticas sobre Fefiñáns-Cambados” que se recollen no volume que hoxe presentamos), senón tamén un firme defensor do idioma en todos cantos ámbitos lle tocou en sorte participar, nos que coincidín decote con el, por certo. Foino como socio da Mesa pola Normalización e das Redes Escarlata, éo en Prolingua e exerce constantemente, con toda a dignidade e coherencia esixíbeis, como numerario da Academia Galega, institución na que ingresou mediante un acto público celebrado en Cambados, precisamente, o 25 de setembro de 1999 co discurso titulado Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e o mar da Arousa. Dúas singraduras na construcción dun idioma para unha patria. Na Academia acompañou a Ferrín na directiva, en cualidade de secretario, ata a súbita demisión do autor de Retorno a Tagen Ata. Como o seu sucesor foi o profesor Alonso Montero e como os libreiros de Cambados lle outorgaron ao autor do Informe dramático naquel mesmo momento o premio honorífico Ramón Cabanillas, encomendándolle a Paco a “laudatio” correspondente, houbo certa curiosidade (ou morbo, se o preferides) nalgúns sectores por ver se ese enfrontamento no seo da Academia repercutía ou traslucía nese acto, mais Paco, que dá constantemente leccións de humanidade e finezza pola calada, deunas tamén en público ese día, facendo a loanza máis completa, sincera e emotiva que probabelmente ninguén teña feito nunca do actual presidente da citada Corporación... 

5. Non ficaría completo este breve repaso polas facetas e vertentes do constante e serio traballo que Paco vén despregando desde hai anos a prol da cultura e da lingua de noso se non fixese mención tamén a dúas publicacións periódicas, emblemáticas as dúas nos seus respectivos ámbitos, como son a A Trabe de Ouro, editada por Sotelo Blanco baixo a dirección do xa citado Méndez Ferrín, da que Paco foi secretario durante longos anos e na que deitou moitas páxinas sobre os máis diversos eventos relativos ao noso devir colectivo, e a revista Ardentía, editada pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e dirixida polo noso tan chorado Luís Rei. 

6. A entrada de Paco á directiva desa Federación deu rigor e alento para organizar en Cambados, en 2005, un extraordinario Encontro de Embarcacións Tradicionais, para afrontar a presenza galega no Encontro bretón de Douarnenez e para outras moitas actividades de difusión do noso rico patrimonio de salitres e marusías... Gardo para Paco, como para Luís, o máis infinito dos agradecementos por terme deixado vivir con eles esa experiencia de traballo comunal en Ardentía, onde non por acaso apareceron senllas entrevistas coas nais de ambos, Esther Núñez e Xenxa Rei, admirábeis exemplos de mulleres do mar e raíz fecunda de identidade, de orgullo e dignidade sempre para eles. 

7. E chegamos así ao elemento esencial deste libro de Paco que hoxe presentamos, que non é outro que a figura de Cabanillas, con Cambados e o mar arousán sempre ao fondo, eixos ou leit-motivs sobre o que pivotan, dun xeito ou doutro, todas e cada unha das colaboracións, tanto éditas anteriormente (21) como traídas agora á luz (9) nesta colectánea, que é o froito de quince anos de esforzo e investigación (1999-2014, descontando dous artigos que se remontan a 1977 e que cabe considerar “pioneiros”). O Cabanillas poeta, o Cabanillas forxador da lingua literaria galega moderna, o Cabanillas irmán da fala, o Cabanillas elemento proxectado necesariamente sobre o presente e o futuro de Cambados como unha riqueza cultural, un atractivo histórico, un referente universal que sitúa a vila do Albariño, como quedou patente nes marabilloso Ano Cabanillas 2009 que argallaron ao unísono Luís Rei e Paco (nun plan que podedes consultar agora íntegro no libro), no corazón de todas as persoas que aman a literatura como sublime creación da mente humana e recoñecen no autor de Vento mareiro un poeta con maiúsculas.

8. Unha das características que notaredes lendo este libro é que está escrito simultaneando dúas perspectivas tan distintas como, por iso mesmo, complementarias e enriquecedoras. En moitas páxinas a quen escoitamos, no fondo, é a un rapaz da ribeira de Fefiñáns de familia mariñeira humilde, que non ten libros na súa casa, que non coñece case nada sobre a historia da súa vila e sobre o seu escritor máis ilustre mais que, din os seus mestres de escola, “vale para estudar”, seica.... 

Nesas páxinas, Paco guía ao lector/a emocionadamente nas súas propias descubertas, no seu espertar á conciencia idiomática e galeguista, no seu progresivo contacto con persoas (Luís Rei, Pitusa Cabanillas, Xoán Antonio Pillado, Adela Leiro, Manolo Núñez...) que lle van amosando os tesouros do océano cabanilliano e lle van revelando tamén anacos da historia nunca antes contada do Cambados mariñeiro e mariscador dos séculos XIX e XX, do Cambados agrarista, do Cambados loitador na 2ª República, do Cambados da “tráxica falta de luz” da ditadura franquista... Noutras moitas páxinas do libro, en troques, resplandecen as páxinas escritas polo científico brillante, o lingüista competente, o lector de literatura atento, o sabio das formas idiomáticas que usa a tribo metida nas dornas dándolle ao raño, sachando nas leiras ou podando nas viñas, entre o menosprezo ridículo dalgúns “señoritos”.

9. Tamén veredes que o volume está salferido aquí e alá de propostas para visibilizar mellor o rico patrimonio caballiniano: colocación de placas nos lugares emblemáticos da existencia do poeta, sinalización da súa casa-museo e dos roteiros sobre a súa figura, creación dunha Fundación Cabanillas e dunha Casa Virtual Cabanillas na internet... Algunhas desas propostas van camiño de realizarse; outras agardan por alguén que se decida a levalas adiante. Ha contar, seguro, coa axuda desinteresada de Paco e a de moitas outras persoas, entre as que me conto. E aproveito aquí para agradecerlle publicamente a Paco as liñas que nos dedica nalgúns momentos do libro á miña compañeira Isabel, á nosa filla Aloia e a min propio. Son a expresión dunha amizade e dun afecto dos que nos sentimos moi felices e honrados, como el ben sabe.

10. Farei caso da coñecida máxima de Baltasar Gracián polo que toca á brevidade e rematarei estas liñas de presentación dun libro imprescindíbel na biblioteca de toda persoa cambadesa e aínda na de moitas outras por Galiza, España, Europa e o Mundo adiante. Un libro que o triste azar converteu no último que tivo nas súas mans o noso benquerido amigo Luís Rei, mais que tamén pode ser considerado, e eu comprázome en facelo hoxe aquí e agora, a proba de que o inmenso e extraordinario traballo de Luís sobre Cabanillas xa ten un dignísimo e marabilloso continuador.


Parabéns, Paco, e moitas grazas a todas e todos vós pola vosa atención.