
Da man
do investigador Armando Requeixo e no seo da colección Láncara de
poesía, que apadriña o Centro de Investigacións Ramón Piñeiro,
acaba de aparecer unha reedición dun poemario realmente singular da
historia poética galega:
Fala das musas, de Daniel Pernas
Nieto (1884-1946).
Como é
sabido, foi este un dos escasísimos volumes editados en lingua
galega durante a guerra civil en pleno territorio franquista, como xa
teñen salientado estudosos como Carvalho Calero, Alonso Montero ou
Claudio Rodríguez Fer.
Apareceu, efectivamente, o 23 de decembro de
1936 e imprentouse na Fojo de Ortigueira, cun prólogo do daquela
falanxista de novo cuño Álvaro Cunqueiro e cunha cuberta do
artista, tamén mindoniense, Bernardino Vidarte. Foi o bispo Benjamín
de Arriba quen concedeu o correspondente nihil obstat
a este libro que, como se sinalaba na instancia presentada para obter
esa autorización, “nada contiene contra la Fe y las buenas
costumbres”.
O seu
autor, o sacerdote Daniel Pernas Nieto, natural da parroquia de
Santiago de Quende (Abadín), contaba daquela 52 anos de idade e, en
paralelo á súa traxectoria ad curam animarum en parroquias
como San Pedro de Xuances (Xove), San Xoán de Ínsua (Ortigueira),
Santa María de Vilavella (As Pontes) ou Santiago de Baroncelle
(Abadín), xa se prodigara como colaborador literario nos anos
previos en numerosas publicacións periódicas, tanto da área da
vella provincia mindoniense (De todo un poco, Pensamiento
Católico, El Eco de Villalba, Heraldo de Villalba,
La Voz de Mondoñedo, Vallibria, Hoy...), como doutras cidades
galegas (Vida Gallega de
Vigo, El Compostelano...),
como, en fin, das impulsadas pola comunidade galega emigrada en Cuba
(Galicia, Follas Novas e Eco de
Galicia).
 |
| Cuberta do libro, por B. Vidarte |
De
feito, a súa estrea en letras de molde veu da man do xornal satírico
¡Guau...Guau!, impulsado en
Foz en 1906 polo daquela boticario e xornalista Antón Villar Ponte,
polo funcionario Camilo Cela e polo poeta e mestre de escola Antón
Noriega Varela. Este último exerceu un evidente maxisterio poético
sobre a musa do presbítero de Quende, como se encarga de salientar
Requeixo na súa excelente introdución ao volume agora reeditado.
O libro de Pernas Nieto, que reúne 26 poemas escritos entre 1906 e
1934 e que se enriquece na edición de Requeixo cun monllo de dúas
ducias máis de poemas dispersos, ten un carácter claramente
colectáneo. Desde 1913, cando menos, este sacerdote, formado nas
aulas do seminario mindoniense, albergou a intención de editar un
volume poético, dando ao pé dalgúns poemas soltos que publicaba na
prensa a mesma referencia titular coa que finalmente aparecería en
decembro de 1936.
Tres
liñas básicas, indica o editor literario, inspiran as composicións
que se recollen no libro, que se abre cunha citación dos Tristia
do poeta clásico Ovidio: a relixiosa e devocional, que preside boa
parte das pezas do conxunto e que fai especial fincapé na advocación
mariana; a paisaxística e descritiva, con claros influxos
virxilianos, horacianos e do noso Noriega Varela máis
franciscanista; e, por último, a social, onde son perceptíbeis as
alusións críticas á emigración e ao caciquismo como males da
sociedade rural galega dese tempo, mais tamén resulta ben palpábel
o feroz antirrepublicanismo e a visión de corte integrista ou
nacional-católica profesada polo noso autor, que rematou os seus
días, como residente do Asilo de Mondoñedo, vítima dunha afección
diabética.
 |
| Daniel Pernas Nieto |
Non
está de máis ponderar o feito de que un número non pequeno de
poemas que compoñen o libro pasaron de inmediato ás planas de dous
semanarios de Viveiro, o
Heraldo de Vivero e mais
La Voz de
Vivero, de onde os rescatamos
nós propios para llos facilitar, séxanos permitida a inmodestia de
dicilo, ao autor da edición que comentamos. Esta presenza non foi só
cuestión de proximidade xeográfica entre a vila ortegana e a do
Landrove, nin do feito que o autor dos poemas tivese durante unha
época da súa vida estreita relación coa Terra de Viveiro ao
exercer (xa o sinalamos) como coadxutor de Xuances (Xove) entre 1910
e 1912. A imprenta Fojo, fío de estreitos vínculos entre Ortigueira
e Viveiro, pasaba as galeradas do libro aos semanarios citados, que
se tiraban do prelo no estabelecemento que a casa impresora ortegana
tiña aberto entón en Viveiro na Feira (actual Avenida de García
Dóriga).
Non
sabemos se o lembrado Luís Neira Río, tipógrafo dese
estabelecemento e pear fundamental da historia do Heraldo
de Vivero, chegou a poñer a súa
experta man na confección tipográfica do volume que nos ocupa:
habería que cadrar as datas da súa mobilización bélica co proceso
de confección do orixinal da edición para cerciorarse deste
extremo. En todo caso foi outro viveirense, o poeta e falanxista
Antonio Aparicio Ferreiro, un dos primeiros en saudar na prensa a
aparición do volume, comentándoo nas planas do Heraldo de
Vivero (2 de febreiro de 1937).
Tristeza
causa ler, na introdución ao volume, un parágrafo de Armando
Requeixo que sinala que lle foi negada en reiteradas ocasións pola
actual propietaria desa cabeceira histórica da prensa ortegana a
autorización para consultar exemplares de La Voz de Ortigueira,
onde moi probabelmente se poderían localizar outros poemas do
sacerdote-poeta. Nada bo se deriva de semellante actitude e, polo
aprezo que a esa propietaria lle profesamos, por razóns de longa
relación profesional coa nosa familia e como colaboradores que fomos
da entrañábel “Verza”, atreveríamonos a pedirlle humildemente
que revise esa actitude obstaculizadora para que os investigadores
poidan acceder no futuro a esa colección de La Voz de
Ortigueira que tanto ten aínda
por revelar para enriquecemento da nosa cultura e da nosa historia.
Finalmente, hai que lle dar os máis sinceros e cordiais parabéns
por esta edición ao investigador Armando Requeixo, que pon así ramo
a un ano de actividade ciclópea e extraordinaria pola súa parte,
como responsábel que é de boa parte dos estudos, resgates e
edicións que se fixeron arredor doutro autor saído das aulas do
Seminario mindoniense a quen dedicamos en maio de 2014 a Festa Maior
da nosa Lingua, Xosé Mª Díaz Castro, o poeta dos Vilares de Parga.