eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Ana Pedreira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ana Pedreira. Amosar todas as publicacións

luns, 26 de novembro de 2018

GAIOLA ABERTA. ESCOLMA DE POESÍA INFANTIL (1997-2017), de Xoán Neira



Da man de Baía Edicións, con fermosa portada de Ana Pedreira e preparada con pulcritude por Armando Requeixo, como era lóxico agardar dun dos máis importantes críticos literarios galegos dos nosos días, acaba de aparecer a escolma de poesía infantil de Xoán Neira Gaiola aberta, que reúne medio cento dos textos presentes nos seis poemarios que o autor de Meilán editou desde 1997 ata a actualidade: Recreos (1997), en colaboración co músico Manuel Rodríguez; Xiz de cor (2004); Farrapos de nube (2007); No cubil da lúa (2009); Un niño no xardín (2012); e, finalmente, Chafarís (2017).
Mestre xa xubilado do colexio “Lois Tobío”, veciño de Viveiro desde 1982, columnista ocasional da edición mariñá do diario El Progreso e do Heraldo de Vivero e socio fundador do Seminario de Estudos da vila do Landrove, Xoán Neira López (Meilán, Lugo, 1953) é un escritor en lingua galega de obra relativamente prolífica, na que destacan títulos como Memoria e soño (1996), Nas varandas do abrente (2000), Ás catro augas (2004, editado pola Fundación Manuel María) e Linguaxes (2005), libro artístico feito en colaboración co debuxante e ceramista Otero Regal. Cabe anotar, igualmente, a súa presenza en volumes colectivos como Alma de beiramar (2003) e Negra sombra. Intervención contra a marea negra (2003), editados co gallo da catástrofe do “Prestige”; a Homenaxe poética ao trobador Xohán de Requeixo (2003) e A Coruña á luz das letras (2008), da editorial Trifolium. Tamén ven sendo constante a súa presenza na revista poética luguesa Xistral.

Na súa poesía infantil, agora oportunamente escolmada por Requeixo, Xoán Neira visita o ciclo estacional do ano e canta os elementos da natureza, explora os astros, enreda cos xogos e comprácese en mirar con ollos anovados as cousas, os animais e os espazos que habitualmente nos rodean, en procurar a súa beleza e o seu misterio agochados, en tornalos fonte inesperada para a fantasía e a ilusión. O poeta é quen de combinar sempre unha perspectiva plástica, visual e descritiva con outra reflexiva e profunda, de maneira que o que ofrece veñen sendo algo así como “retratos meditados” sobre elementos do medio que nos rodea. A brevidade, o atinado manexo das rimas asonantes e dos versos heterométricos, os xogos de aliteración na procura da musicalidade e unha coidada selección léxica son algúns dos trazos que caracterizan esta poesía, perfecta para empregar nas aulas como material para variadísimas actividades e, xaora, como lectura iniciática.
[Publicado orixinariamente na revista Aulas Libres, nº 11, editada polo STEG]