eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Irmandades da Fala. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Irmandades da Fala. Amosar todas as publicacións

xoves, 19 de xaneiro de 2017

100 ANOS DE IRMANDADES DA FALA



O 18 de maio de 1916 nacía a primeira das Irmandades da Fala, a coruñesa, no transcurso dunha xuntanza que se celebrou nos locais da Academia Galega, mais coa notoria ausencia do seu presidente, Manuel Murguía.

Para o éxito da feliz idea tres contributos resultaran decisivos: a boa disposición do histórico núcleo do rexionalismo na Coruña (Francisco Tettamancy, Manuel Lugrís Freire, Euxenio Carré Aldao, Florencio Vaamonde...); o labor divulgativo e de polémica coa supremacista Real Academia Española levado a cabo pola revista de Estudios Gallegos promovida en Madrid polo avogado e escrito ferrolán Aurelio Ribalta; e, finalmente, as propagandas constantes e incisivas a prol do idioma galego do xornalista viveirense Antón Villar Ponte na súa sección “Con letra del siete” no diario La Voz de Galicia e noutros medios como La Voz de la Liga, El Ciudadano, El Pirulí, etc.

A antecitada xuntanza foi o pistoletazo de saída para a articulación doutros agrupamentos semellantes, aínda que de traxectoria e relevancia moi dispar, en moitas outras cidades e vilas do país: Compostela (da man do catedrático Lois Porteiro Garea), Ferrol (da man do médico obreirista Xaime Quintanilla), Betanzos (Lois Cortiñas, Salvador Mosteiro...), A Estrada (Losada Diéguez), Vilalba (da man do avogado Lois Peña Novo), Pontevedra (Gastañaduy, Castelao...), Ourense (Lameiro, Hixinio V. Ameixeiras..., logo Arturo Noguerol, Risco, Cuevillas, Otero Pedraio)...

As Irmandades laboraron arreo no campo cultural, científico, artístico e literario e deixaron a súa pegada máis ou menos directa en infinidade de iniciativas. Xornais e revistas como A Nosa Terra, o ourensán O Tío Marcos da Portela (3ª época), o betanceiro Rexurdimento, o Galicia. Diario de Vigo, a infantil As Roladas e o emblemático boletín Nós. Editoras como “Céltiga” de Ferrol, “Alborada” de Pontevedra e “Lar” e “Nós”, da Coruña. Masas corais como “Toxos e Froles”, “Cántigas e Agarimos”, “Cántigas da Terra”, “Saudade” ou “De Ruada”. Institucións de cultura e investigación científica como o Seminario de Estudos Galegos. Plataformas teatrais como o Conservatorio Nazonal do Arte Gallego e a Escola Dramática Galega da Irmandade coruñesa. Exposicións de pintura, escultura e caricaturas de artistas como Castelao, Francisco Asorei, Camilo Díaz Baliño, Imeldo Corral, Álvaro Cebreiro, Bello Piñeiro, etc. Concertos do violinista Manuel Quiroga ou da Polifónica de Pontevedra. Primeiros plans pedagóxicos para a galeguización da escola, pioneiras aulas e conferencias en galego na Universidade (Porteiro Garea, Lois Tobío) e posta en marcha das Escolas do Insiño Galego na Coruña, da man de Ánxel Casal.

Cáseque todas as manifestacións da cultura galega coñecen por obra das Irmandades un pulo notorio. A literatura amplía notoriamente xéneros, públicos e temáticas. Xorden ou consolídanse minimamente o xornalismo e o ensaio científico na nosa lingua (especialmente no campo das Humanidades e das Ciencias Sociais, menos no Médico-Científico-Técnico). O teatro desenvólvese como nunca ata entón, mesmo sen acadar apenas profesionalización. Nacen escolas escultóricas e pictóricas con Galiza como referente temático e, sobre todo, ideolóxico. A música popular cobra importancia por medio de recolleitas e interpretacións dignificantes e a música culta retoma o esforzo primixenio do Rexionalismo (Pascual Veiga, Xoán Montes, Xosé Baldomir...) e sae ao encontro da galeguidade en forma de rapsodias, arias, óperas, zarzuelas e baladas de temática galega ou vehiculizadas na lingua de Rosalía: velaí, por exemplo, O Mariscal, de Cabanillas e Villar Ponte, en partitura de Eduardo Rodríguez Losada Rebellón, ou A probiña está xorda, con libreto do propio Villar Ponte e música de Mauricio Farto.

Non foi menor o esforzo no plano ideolóxico e político. Das Irmandades foi o decisivo combate que se verificou nas primeiras décadas do século XX contra os principais prexuízos lingüísticos en que se amparaban as abundantes e variadas marxinacións do idioma galego nesa altura (desde carecer de estatuto de oficialidade ata estar totalmente ausente dos xulgados, das oficinas públicas, das igrexas e das escolas). Seu tamén o inxente e moitas veces incomprendido esforzo por avanzar nunha praxe sistemática no uso do idioma en todos os ámbitos sociais. Seus asemade, como non, os primeiros intentos normativizadores, non exentos de polémica: as directrices de reintegración expostas por Xoán Vicente Viqueira en A Nosa Terra en 1919, por unha banda, e o Compendio de Leandro Carré Alvarellos e a Gramática do idioma galego de Lugrís Freire, orientados ambos, por contra, cara ao isolacionismo.


Ás Irmandades debemos, así mesmo, as primeiras teorizacións definitivas sobre o carácter nacional de Galiza e sobre o seu conseguinte dereito á libre vida no concerto dos pobos da Península ibérica, de Europa e do mundo (Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, de Antón Villar Ponte; Doctrina nazonalista de Ramón Villar Ponte; Teoría do nacionalismo galego, de Vicente Risco).

A demanda de creación dunha Mancomunidade a partir das catro deputacións provinciais existentes, primeiro, e a reclamación dun Estatuto de Autonomía con Parlamento e Executivo propios, máis tarde, foron as dúas esixencias políticas consecutivas que as Irmandades defenderon, sempre partindo da base do dereito á propia soberanía e sempre abertas ao pacto federal ou confederal para a reformulación descentralizada do Estado español.

A constante preocupación polo campesiñado como clase depositaria das esencias máis auténticas do país, a proclamación da igualdade absoluta de dereitos para homes e mulleres e o pendor anti-imperialista foron algunhas notas que caracterizaron o movemento irmandiño, adrede accidentalista canto ás formas de goberno e exquisitamente neutral canto ás crenzas relixiosas, por máis que existise no seu sector confesional (Risco, Otero, Losada Diéguez, Filgueira Valverde...) unha permanente tentación de converter a fe católica en elemento consubstancial do “volkgeist” galego e en requisito ideolóxico para o galeguismo. Semellante pretensión sería contestada por Antón Villar Ponte no seu discurso de ingreso na Academia Galega (1934), significativamente intitulado por iso mesmo O sentimento liberal na Galiza.

Nesta perspectiva, cómpre recoñecer que foron constantes as tensións ideolóxicas e os debates tácticos no seo do movemento irmandiño, proba evidente do seu dinamismo e da súa heteroxeneidade constituínte. Discutiron sobre alianzas, sobre modelos organizativos máis ou menos horizontais, sobre normas estatutarias, sobre a participación ou non na política institucional e nas eleccións, sobre o carácter que debía ter o propio movemento (de “minorías escolleitas” ou “de masas”), sobre...

As Irmandades romperon co Rexionalismo galaico na Asemblea de Lugo (1918) chamándose para sempre “nacionalistas”, pactaron co Catalanismo conservador de Cambó para as lexislativas de febreiro de 1918, aplaudiron o norteamericano Wilson e o ruso Lénine polas súas doutrinas autodeterministas cando se asinou o Tratado de Versalles, procuraron alianzas con determinados sectores do Republicanismo, quixeron liderar o potente pero moi heteroxéneo Agrarismo galego, tiveron pulsións “Sinnfeininanas” mentres Irlanda sangraba na Pascua e plebiscitaba a Home Rule, ollaron para o Portugal da Renascença e do Saudosismo para propugnar un “Pangaleguismo” que non ficase en retórica...

Voltas e reviravoltas, acordos e trasacordos, clarificacións e confusións na procura dos camiños certos para que a Galiza do seu tempo deixase de ser mansa e trincase a escota desa liberación definitiva que aínda está pendente.

[Publicado orixinariamente na revista do STEG Aulas Libres, nº 7]

xoves, 2 de xuño de 2016

Entrevista


Deixo aquí este enlace coa entrevista que me fixo onte o diario dixital Galicia Confidencial, co meu libro sobre as Irmandades da Fala como motivo central.

Curiosamente, os comentarios á entrevista están case monopolizados por xente da onda de "Galicia bilingüe", que non fan máis que soltar burradas, argumentos de pata de banco, ignoracias sociolingüísticas varias e descualificacións ad personam que falan e explican máis por si mesmas que calquera comentario a xeito de resposta que puidese facer eu.


venres, 6 de maio de 2016

As “Escolas do Insiño Galego”: unha experiencia pedagóxica das Irmandades da Fala


Ánxel Casal Gosenxe
Cando se cumpre o primeiro centenario da fundación das Irmandades da Fala, paga a pena revisitarmos a iniciativa desa entidade emblemática que máis directamente incidiu sobre o panorama educativo do seu tempo: a creación das “Escolas do Insiño Galego” na Coruña, en 1923, da man do editor Ánxel Casal.

A marxinación do idioma no sistema educativo

Unha das máis sangrantes realidades ás que se tiveron que enfrontar as Irmandades no seu afán de mellorar Galiza foi a da absoluta discriminación que padecía nesa época a lingua galega en todo o sistema educativo, desde os niveis primarios ata a Universidade. Ausente por completo da docencia e dos materiais de aprendizaxe, ignorado como idioma con pasado e presente literario, reprimido no seu uso espontáneo no ámbito escolar de unha e mil maneiras, ignorado mesmo desde a vertente puramente filolóxica ou como ferramenta didáctica, o galego, que era alcuñado dialecto con evidente afán minusvalorizador, resultaba así un auténtico estigma de atraso, rusticidade, ineducación e/ou pobreza, que a acción constante da escola, segundo prescribían as directrices ministeriais e o pensamento sociolingüístico dominante, claramente uniformistas e asimilistas ambos, debía axudar a extirpar en favor de la lengua nacional, pretensamente moito máis culta, capacitada e útil.

Efectivamente, a difusión masiva de prexuízos diglósicos constituía nesa altura, implícita ou explicitamente, unha das grandes misións do aparello escolar. Denunciono Castelao nunhas coñecidas liñas do cuarto apartado do “Libro Segundo” do seu Sempre en Galiza (1944):
“Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no esprito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era falar mal e falar castelán era falar ben”.
 Milleiros de escolinos e escolinas que traían da casa o seu galego como lingua identitaria, familiar e habitual, non só accedían a partir do seu paso polas aulas ao coñecemento máis ou menos amplo do castelán, único idioma oficial, senón que aprendían tamén a conceptuar negativamente o galego (e con el algúns dos seus trazos fonéticos non coincidentes coa prosodia normativa castelá, como a gheada e o seseo). Dese xeito, desde esa nova mentalidade adquirida, unha boa parte deses escolinos acababan converténdose logo nos seus ámbitos de relación en activos axentes da deserción idiomática e da ruptura da transmisión interxeracional, sobre todo se as súas particulares traxectorias individuais ían acompañadas de mudanzas ascendentes na escala social, laboral e económica.

A mesma orientación curricular e idiomática desgaleguizadora, agravada ademais polo enfoque pro-migratorio que desenvolvían nas súas actividades, presentaban boa parte das chamadas “escolas de indianos” promovidas polas Sociedades de Instrución, como denunciaba A Nosa Terra no exemplar de 30 de setembro de 1918:
“Os gallegos emigrados queren, ante todo, que as escolas que eles pagan sejan escolas para emigrantes. Hai escolas destas na nosa terra, na que os rapaciños adeprenden geografía de América e nengunha apenas de España e Galicia; nas que adeprenden mecanografía, mas non cousas agrícolas ou relacionadas con as industrias gallegas”.

A alternativa galeguizadora da escola defendida polas Irmandades

Diante deste panorama, o primeiro labor das Irmandades será, como é lóxico, o da denuncia dos negativos efectos que un sistema educativo así concibido traía consigo nunha sociedade como a galega, que en 1900 tiña nada máis e nada menos que entre un 74'31% e un 67'88% de analfabetismo. As primeiras propostas que desde as Irmandades se lanzan para mudar esta situación, formuladas sobre todo polo psicopedagogo e catedrático de Ética e Dereito no instituto coruñés Xoan Vicente Viqueira, cáseque se limitaban a pedir que non se reprimise o uso espontáneo do galego por parte do alumnado, que o profesorado puidese botar man del como lingua auxiliar nas aulas (aclarando conceptos, sinalando equivalencias co castelán, etc.), que se desen nocións básicas da súa gramática e que se fixese lectura de textos literarios algunha vez.

Pouco a pouco a intensidade da reclamación irmandiña tomará máis alcance, de maneira que se demandará abertamente que se implantase o seu estudo e emprego na docencia xunto co castelán, tanto nas actividades lectivas como nos materiais didácticos. Ademais, como sinala Risco no seu plan de 1921, “un enseño verdadeiramente galego, debe comprender: Xeografía de Galiza, Estoria de Galiza e vidas de galegos ilustres, Língoa e literatura galega, Arte galega, Cencias e disciprinas práuticas (agricultura, endústreas, labores, traballos manuás, etc.), con apricación á nosa Terra”. Para garantir este novo enfoque habería que proceder á capacitación idiomática do futuro profesorado, creando as cátedras correspondentes nas Escolas Normais.

A colección de A Nosa Terra, xa nos seus primeiros tempos, alberga numerosos artigos que plasman este interese das Irmandades por colocar o foco sobre a intolerábel, ademais de didacticamente incomprensíbel, marxinación da lingua e da cultura propias de Galiza nas escolas galegas e sobre as pésimas consecuencias pedagóxicas e sociolóxicas que se derivaban de semellante praxe. Falamos de traballos como “Pol-as Escolas Galegas”, de L. de Sergude, ou sexa, Leandro Carré Alvarellos (25.12.1916); “A Fala no enseño”, de Vitoriano Taibo (5.1.1917); “A nosa escola” (30.8.1917) e “O galego na escola” (30.12.1917), de Xoan V. Viqueira; “Ó castelán pol-o gallego” (30.9.1918), de Santos Vila; do anónimo “As escolas antigallegas” (30.9.1918); da conferencia “Nosos problemas educativos”, do xa citado Viqueira (1918); do artigo “O noso apostolado” (outubro de 1918), de Ortiz Novo; de “O probrema da cultura”, de Aurelio Ribalta (2.5.1919); etc,. Tamén o boletín Nós edita en dúas entregas (nº 6, 20.8.1921 e nº 7, 25.10.1921) o Plan pedagóxico pr'a galeguización d'as escolas elaborado por Risco, por mandato expreso da 3ª Asemblea Nacionalista. Nese plan, o tratamento que debía recibir o idioma sintetízase deste xeito:
“O ideal sería qu'o enseño se dera en lingua galega.
A apelación á nósa fala é indispensable, pol-o menos n-as escolas ruraes, si é qu'o escolante s'ha faguer comprender verdadeiramente dos rapaces.
O menos que se pode pedir é qu'o galego non sexa sistemáticamentes estrañado e botado fora das escolas”.
 Risco indica que “pol-o desprezo da lingua principia o desprezo da Terra y-o desapego a ela” e defende, ademais, o estudo gramatical de galego e do castelán por “comparanza”, para fixar ben os dous códigos (“de maneira qu'os rapaces adeprendan a falar verdadeiro castelau e verdadeiro galego”). Completarían esta entrada do galego na vida escolar a lectura e comentario de textos literarios, en verso e en prosa, “tres veces ou máis á semán”, complementados con breves explicacións de historia da literatura galega, unhas “nociós de gramáteca galega” e, por último, a realización de “exercicios de redaución e composición en língoa galega” por parte do alumnado dos últimos cursos.

Elvira Bao Maceiras
Non fará falta dicir que por parte das autoridades estatais en materia educativa houbo un absoluto silencio e unha total indiferencia diante de semellante listaxe de propostas construtivas que algúns membros das Irmandades tiñan lanzado para un novo tratamento da lingua galega no sistema educativo estatal, formado nesa altura por unhas tres mil escolas públicas no noso país.

O proxecto das Escolas do Insiño Galego

É neste adverso contexto para as demandas de galeguización do ensino que xorde na Coruña, no trascurso dunha xuntanza da Irmandade da Fala local o 8 de xullo de 1923 e a proposta do libreiro e editor Ánxel Casal Gosenxe, respaldada por unanimidade, unha iniciativa pioneira e excepcional: as “Escolas do Insiño Galego”.

Xa a comezos dese ano o boletín da ING Rexurdimento (febreiro de 1923) rompera lanzas a favor da admisión do galego no sistema educativo, traendo a colación as opinións de diversos persoeiros relevantes, como o médico e catedrático Miguel Gil Casares, o abade M. Piñeiro, o mestre Castiñeiras Díaz, o finado Lois Porteiro, etc. e reproducira un artigo de Vitoriano Taibo (marzo de 1923), publicado orixinariamente en 1917 en A Nosa Terra, en que o mestre da Ponte de Mera denunciara a represión que moitos mestres exercían sobre o uso espontáneo do galego por parte dos nenos e nenas e a “salvaxada pedagóxica” que comportaba querer darlles ensino en
“escolas - encol de todo nas das aldeias - onde os escolantes s'empeñan n'enseñaren o castelao pol-o castelao mesmo, os probes cativiños san d'ilas fartos de labazadas e valdeiros de letras; dicindo auja e don Guanito; co galego en bárbaro e o castelao en brutiño”.
 As Bases das Escolas do Insiño Galego publícanse en A Nosa Terra o 5 de agosto de 1923. Contemplan, por puro imperativo legal, que o ensino nelas se fará en idioma español (base 1ª), mais empregando tamén o galego “na letura da nosa literatura peculiar e demais libros didáiticos que se poidan outer, e para algunhas espricaciós de leiciós práiticas”, en clara aplicación das recomendacións plasmadas por Risco no seu Plan pedagóxico de 1921.

As Escolas serían gobernadas por un Consello reitor formado polo Conselleiro 1º da Irmandade da Fala coruñesa (que sería presidente nato), o presidente da Sección de Cultura e Fala desa mesma Irmandade, o Tesoureiro-contador e dous mestres “d-ambos sexos e reconocido galeguismo”, todos con dereito a voz e voto (base 2ª). As Escolas financiaríanse polas achegas de socios protectores, cunha cuota mínima de 2 ptas. mensuais, e polas subvencións que se lle demandarían a entidades galegas da Terra e do estranxeiro (base 3ª), ficando na obriga de facer publicación mensual dos estados de contas en A Nosa Terra (base 5ª).

A Irmandade da Fala facía cesión gratuíta do seu local na praza de María Pita para as actividades das Escolas (base 4ª). Contemplábase, inicialmente, a posta en marcha dunha escola de párvulos (nenos e nenas entre 4 e 7 anos), para máis tarde afrontar a posta en marcha da correspondente escola elemental (base 6ª). Estabelecíase unha ratio máxima de 50 alumnos [sic] para cada escolante (base 7ª) e a total gratuidade, tanto da matrícula como dos materiais escolares (base 8º), con dereito preferente para o alumnado fillo de membros da Irmandade da Fala ou de socios protectores (base 9º). Por último, facíase recaer no Consello reitor a designación dos libros de texto que debían empregarse (base 10ª).

Cabe salientar que o ensino destas “Escolas” foi completamente laico, que contemplou saídas a algunhas localidades e enclaves do contorno xeográfico herculino (Oza, Pontedeume, Betanzos...) e que incluíu a interpretación frecuente de cantigas populares e do himno galego. O alumnado participaba tamén na procesión cívica que organizaba cada ano o Circo de Artesáns ata o cemiterio coruñés, para honrar a memoria de Curros Enríquez. Na presentación destas bases, A Nosa Terra apostilaba (nº 190, 15.8.1923):
“Non ll-abonda a Galicia qu-os seus fillos seipan lêr i-escribir.
Galicia percisa qu-os seus fillos lean i-escriban n-a sua Fala para qu-a sintan; qu-estuden n-a sua Xeografía para qu-a coñezan, e coñecéndoa quéiran-a; que lles digan das grorias d-os seus homes para honral-os; que beban nas fontes da sua Tradición, da sua Cultura e da sua Arte para qu-as continúen sin influenzas alleas e que seipan pol-a sua Historia dos aldraxes e das persecuciós de que foi vítima”.
María Miramontes
Nun artigo posterior intitulado “Escolas de Insiño Galego. Pol-o ben de Galicia” e publicado en A Nosa Terra (nº 191, 1.9.1923), Ánxel Casal explicaba que a iniciativa destas “Escolas” debería servir como elemento aglutinador e mobilizador de “todos os galegos que desexan sinceramente o benestar da Patria”, contribuíndo a acabar ademais “d'unha vez para sempre con todol-os receios e con todal-as intransixencias de que moitos veñen facendo alarde en xustificazón da sua inactividade ou da postura que contra o seu pensar adoutaron”. O que pretendía con esta idea, alén das dimensións estritamente pedagóxicas e proselitistas sinaladas, era combater o vírus da discordia e a división “que parece haber sido inoculado no noso movimento pol-os enemigos da redenzón de Galicia, que son os únicos que se benefician e beneficiarán se seguimos tan trabucado camiño, namentras perxudicamos o Sagro Ideal que n-un comenzo axuntounos”.

A posta en marcha das “Escolas” foi apoiada efectivamente por algúns membros da ING. Nas listaxes de socios protectores que vai publicando A Nosa Terra durante o segundo semestre de 1923 e o primeiro de 1924 aparecen nomes como os do propio Ánxel Casal, Federico Zamora, Manuel Roel, Lugrís Freire, Vítor Casas, Xosé Baldomir, Leandro Carré Alvarellos, Francisco Abelaira, Carlos Monasteiro, Benito Ferreiro, Xerardo Faraldo, Manuel Lemus, os irmáns Tomás e Enrique R. Sabio, Federico Rodríguez Chas, Xulio Pita, Florentino L. Cuevillas, Xosé García Acuña, López Abente, Amado Carballo, Xosé Lesta Meis, Xoán Vidal Martínez, Xoán Antonio Vela, Portela Valladares, Francisco M. Balboa, Alfredo Somoza, Carlos Sobrino ou Vicente Risco.

Traxectoria das Escolas do Insiño Galego

Implantada a ditadura de Primo de Rivera, debeu de haber presións para que o proxecto destas “Escolas” fose prohibido manu militari, de aí que desde o boletín A Nosa Terra (nº 197, 1.2.1924), aínda acribillado e todo pola censura, apurasen a lembrar o disposto na Gaceta do 29 de decembro de 1923, cuxo texto sinalaba literalmente que non había ningunha disposición “que prohiba en el orden privado la enseñanza de dialectos o lenguas regionales”. Por iso mesmo, concluía o voceiro mensual da Irmandade coruñesa, “temos perfeitísimo dereito á cultivar o noso idioma” e “mellor é saber dous idiomas que un só”. Nese mesmo número do boletín recollíase o texto dunha conferencia de Federico Zamora, que consideraba que as Escolas terían que ser “pedra angular na que descansará no futuro o movimento galego”.

Finalmente, as Escolas do Insiño abriron as súas aulas en maio de 1924, cun total de 20 rapaces matriculados. En 1926, eran xa 60. Funcionaron ata o curso 1929-1930, primeiramente no local da Irmandade en María Pita, 17, baixo e, máis adiante, desde o segundo semestre de 1924, no local da rúa Real 36-1º, onde o propio Casal tiña a súa imprenta-libraría-editora e onde moraba coa súa esposa, a costureira María Miramontes, tamén activa afiliada irmandiña.

Jenaro Marinhas del Valle contou que os pupitres da escola “non custarom mais que o valor da madeira que os carpinteiros nada quiseran cobrar por um trabalho que beneficiava à comunidade em que eles próprios estavam interessados”. 

Felipe Fernández Armesto
Pola súa vez, Felipe Fernández Armesto evocaría o 20 de marzo de 1926 na súa sección “Decrúa” en El Pueblo Gallego a súa visita como tuno a estas Escolas e a emoción que o embargou nesa ocasión:
“A revoltosa capa carnavaleira apretouse contra o peito e adequiriu prestixo de serea toga ó traspor os cimbreiros d'un cuarto branco, e ledicioso, sinxelamente aparellado, onde alguns centos de rapaces estudaban e traballaban, en todol-os orde intelectuais, en galego e pra Galiza: eramos hóspedes emocionados - tal vez como nunca o estiveramos - da “Escola das Irmandades da Fala”. Xa non soubemos discernir, soio sentimos o quentor do entusiasmo, i-a apretura do abrazo do escolante. Logo quixemos falar, - e comenzamos - irmanciños! As olladas de todol-os nenos, fortes de inquedanzas e d'arelas, cairon sober nós con animazón cariñenta. Non sabemos o que dixemos. Sentimos coma o desvanecimento d'unha sede irresistibel, e escomenzamos a repartir apertas.
¡Que pouco poidemos deixar!: unhas cantas lamberetadas e unhos probes pesos de que a Tuna facía graza ás “Escolas da Irmandade”. En troques iles déronnos o froito, alí madoiro [sic], da súa fé, i-os gallos frescos da sua ilusión, e obrigáronnos ó corazón a brincar d'outimismo”.
 Indica Sabela Rivas que pasaron por estas Escolas “aproximadamente uns cen alumnos, oscilando entre 15 e 20 por ano” e que “asistían nenos entre cinco e dez anos, fillos, na súa meirande parte, de socios da Irmandade, aínda que, debido ao seu carácter gratuíto, tiñan acceso a ela nenos dun nivel económico baixo como era o caso dos fillos dos empregados de comercio, que eran os máis numerosos”.

Ao final só funcionou a sección masculina destas “Escolas”, co propio Ánxel Casal como escolante (e o poeta de Trives Manuel Luís Acuña como auxiliar e substituto), pois para a sección feminina, da que se ía encargar a mestra e irmá da fala Elvira Bao Maceiras, non chegou a haber suficiente demanda de matrícula.

Dentro da nómina de frecuentadores das “Escolas” que tiveron con posterioridade certa relevancia política e intelectual cabería amentar os casos do dramaturgo Jenaro Marihas del Valle, o dos irmáns Galán Calvete (Fernando, Xaime e Pedro, futuro dirixente este último das Mocidades Galeguistas e mártir no tráxico 36, con tan só dezanove anos de idade), o dos tamén militantes galeguistas Xulio Pita e Fernando Suárez, etc. Como resumiu graficamente Fernández del Riego, nestas Escolas de Ánxel Casal “mamaron as leccións iniciais na nosa lingua máis de un cento de nenos coruñeses, sin lles costar un pataco”.

A experiencia destas “Escolas” da Irmandade coruñesa fechouse cando Ánxel Casal se viu en trance de ruína económica por mor do rotundo fracaso do diario vespertino El Momento, do que só saíron catorce números en febreiro de 1930. Procurando novas oportunidades para o seu negocio editorial e impresor e desexando distanciarse dos círculos da sociedade coruñesa que provocaran en definitiva o citado fracaso xornalístico e empresarial, Casal trasladouse a Compostela, a un local na rúa das Hortas que lle cedeu xenerosamente Camilo Díaz Baliño. Emprenderá así unha nova xeira que resulta decisiva para o desenvolvemento da cultura e da literatura galega no período republicano.


PARA SABER MÁIS...

COSTA RICO, Antón (1996): A reforma da educación (1906-1936). X. V. Viqueira e a historia da psicopedagoxía en Galicia, Sada: Eds. do Castro, col. Documentos, nº 123.

COSTA RICO, Antón (2004): Historia da educación e da cultura en Galicia (séculos IV-XX), Vigo: Eds. Xerais.

DOBARRO PAZ, Xosé Mª & VÁZQUEZ SOUZA, E. (2003): Ánxel Casal (1895-1936). Textos e documentos, Sada: Eds. do Castro, Serie Documentos, nº 168.

FERNÁNDEZ DEL RIEGO, Francisco (1983): Ánxel Casal e o libro galego, Sada: Eds. do Castro, Serie Documentos, nº 7.

GABRIEL, Narciso de (1990): Leer, escribir y contar. Escolarización popular y sociedad en Galicia (1875-1900), Sada: Eds. do Castro.

ÍNSUA, Emilio Xosé (2016): A nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades (1916-1931), A Coruña: Baía Edicións.

MAGARIÑOS, Alfonso (2000): A obra educativa e cultural dos emigrados. Prensa da emigración e Sociedades de Instrucción en Galicia: 1900-1936, Sada: Eds. do Castro.

MALHEIRO GUTIÉRREZ, Xosé Manuel (2006): As escolas dos emigrantes e o pensamento pedagóxico: Ignacio Ares de Parga e Antón Alonso Ríos, Sada: Eds. do Castro.

MARINHAS DEL VALLE, Jenaro (1995), “Casal pedagogo”, A Nosa Terra, Vigo, nº 700, 16 de novembro.

RIVAS BARRÓS, Sabela (2001): A derradeira lección dos mestres. Galeguismo e pensamento pedagóxico (1900-1936), Vigo: Eds. Xerais, Col. Universitaria.

RIVAS BARRÓS, Sabela (2002): O ideario educativo do galeguismo. Escolma de textos e fontes bibliográficas, Sada: Eds. do Castro, Col. Documentos, nº 164.

VÁZQUEZ SOUZA, E. (2003): A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno, Sada: Eds. do Castro, Serie Documentos, n º169.

[Artigo publicado orixinariamente no sexto número da revista do STEG, Aulas Libres, en abril de 2016]

martes, 5 de abril de 2016

MICAELA CHAO MACIÑEIRA, IRMÁ DA FALA


 No primeiro centenario das Irmandades da Fala, moitas figuras vinculadas a esa entidade merecen atención e recoñecemento, mais talvez ningunha máis necesitada de ambas cousas como a esposa de Antón Villar Ponte, Micaela Chao Maciñeira, única muller que participou no acto fundacional da nova organización, única que fixo parte da delegación irmandiña que viaxou a Cataluña en 1917, colaboradora do Conservatorio Nazonal do Arte Gallego e principal animadora da constitución dunha Sección Feminina no seo da Irmandade coruñesa.


 Coñécense en Cuba

Micaela coñeceu o seu futuro esposo no segundo semestre de 1908 en Cuba, onde vivía cos seus pais, Juan Chao Fernández (propietario da fábrica de tabacos "La Capitana") e Carmen Maciñeira Bouzamayor e cos seus irmáns Juan, Antón, Tereixa (futura esposa de Ramón Villar Ponte) e Carme. A concorrencia a múltiplas festas, bailes e banquetes da colonia galega na Illa, a asistencia a representacións teatrais no Payret e no Nacional e a participación de ambos na "Sociedad Gallega de Declamación Rosalía Castro" foron algúns dos ámbitos de relacionamento onde xurdiu o seu namoramento.

A “Rosalía Castro” fora fundada en xaneiro de 1908 por Julio Monasterio, Abdón Vide e Antonio Froján, entre outros, e tiña a súa sede no Parque da India, concretamente no número 15 da Rúa Monte de La Habana. Alén do cadro de declamación, que presidía honorificamente a xornalista Mercedes Vieito Bouza, contaba cunha sección de "Recreo y Adorno", presidida por Julio Monasterio, e cunha sección de "Solfeo, Filarmonía, Canto e Instrucción", que dirixía o músico Felipe Pereira. Na etapa en que Antón e Micaela fan parte do cadro, este representou algunhas pezas de Lugrís Freire, como Minia. Ademais, Mercedes Vieito escribiu un apropósito en xaneiro de 1909 que interpretaron as irmás Micaela e Tereixa Chao Maciñeira, Marina Cabrera, América Campos, Severiano Jesús, Abdón Vide, Eduardo G. Burets e Leonardo Monzo.

A marcha de Antón a Camagüey en outubro de 1909, para dirixir o xornal El Comercio, puxo un punto de forzosa distancia na relación, mais non a apagou, como demostra o feito de que o de Viveiro decidise regresar a Galiza no verán de 1910, xusto no instante en que o facía a familia enteira de Micaela...

Cando volveu de Cuba, o clan Chao Maciñeira asentou na aldea de Susavila, en Ortigueira, de onde eran naturais os seus devanceiros e onde residía o máis importante dos seus parentes vivos, o erudito e arqueólogo Federico Maciñeira, que terá unha influencia decisiva na admisión en 1911 de Antón Villar Ponte como redactor no plantel de La Voz de Galicia, xornal propiedade do deputado polo distrito ortegano Fernández Latorre.

Contraen matrimonio

Micaela e Antón contraerán matrimonio na Coruña o 26 de abril de 1913, como testemuña o Folio 92 do Tomo 39 da Sección de Matrimonios Canónicos do Rexistro Civil do Distrito da Audiencia da Coruña, ano 1913, inscrición número 83. El ten 32 anos e ela 21. A cerimonia canónica, oficiada polo presbítero Leandro del Río, tivo lugar na Igrexa parroquial de Santa Lucía e actuaron como testemuñas o militar Xesús Galdo Parapar, Federico Maciñeira Parga e Alejandro Barreiro Noya, futuro director de La Voz de Galicia.

Deste matrimonio nacerán dous fillos, Antonio e Carme. O primeiro, que faleceu en EE.UU. no ano 2000 despois de vivir moitos anos en Venezuela, chegou a ser célebre como futbolista do Deportivo, co sobrenome de Tonecho. Carme Villar Chao, pola súa banda, é a Meliña a quen Ramón Cabanillas dedicou un poema na revista As roladas (xullo de 1922). Morrería con vinte e poucos anos, vítima da tise.

Tras casaren, Antón e Micaela emprenderon unha existencia en común marcada polas relativas estreiteces económicas (provocadas polos limitados ingresos do xornalista, as moitas causas cívicas e culturais en que ambos participan e as lóxicas cargas familiares xeradas pola atención dos seus dous fillos) e, sobre todo, pola militancia común nas Irmandades da Fala.

Micaela, ao igual que as súas irmás Tereixa e Carme e que seus irmáns Antón e Juan, abrazou con plena consciencia o ideario galeguista exposto polo seu marido en moitos artigos da súa sección "Con letras del siete" en La Voz de Galicia ao longo de 1914, 1915 e 1916 e mais no folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional, converténdose nunha das primeiras mulleres, se non a primeira, en profesalo e en axudar a espallalo.

Constitúese a primeira das Irmandades

Como é sabido, o acto fundacional da primeira das Irmandades da Fala, a da Coruña, celebrouse o 18 de maio de 1916, no local que a Academia Galega tiña entón na cidade. Nesa xuntanza, logo dunhas palabras de saúdo de Antón Villar Ponte e dun discurso de Lugrís Freire, discutíronse e aprobáronse "con gran entusiasmo", a dicir do cronista de La Voz de Galicia, os primeiros Estatutos da nova entidade, que recibía inicialmente a denominación de "Os Amigos da Fala Gallega" [sic] e que declaraba como obxectivo fundamental espertar, mediante o seu uso oral e escrito, a "afición e amor dos fillos de Galicia" cara a ela. Presidiría a nova entidade un Consello Directivo, do que faría parte Antón Villar Ponte en calidade de Conselleiro Primeiro.


A esta xuntanza fundacional das Irmandades asistiu a plana maior do rexionalismo coruñés que, desde finais de século, tiña dado pulos á Cova Céltica, á Revista Gallega, á "Liga Gallega", á "Escola Rexional de Declamación" e ao movemento da "Solidaridad Gallega". Alí estiveron, con efecto, o dramaturgo e poeta Manuel Lugrís Freire, os irmáns Florencio e César Vaamonde Lores, o historiador Francisco Tettamancy, Eugenio Carré Aldao e o seu fillo Leandro e o músico Baldomir. Non acudiu, porén, Manuel Murguía, molesto con certos reproches que Antón Villar Ponte tiña expresado na prensa por mor da falta de apoio explícito do “Patriarca”, en tanto que presidente da Academia Galega, á mobilización catalanista en favor da lingua celebrada en Barcelona en xaneiro de 1916.

Outro sector da concorrencia á reunión fundacional das Irmandades relaciónase co xornal en que Villar Ponte enunciara as súas principais propagandas galeguistas, La Voz de Galicia. Están presentes, efectivamente, redactores do rotativo herculino como Robustiano Faginas, o debuxante Fernando Cortés Bugía, Fernández Mouriño, Fernando Martínez Morás (fillo de Andrés Martínez Salazar) e os irmáns Augusto e Alejandro Barreiro (este último, director do xornal).

Un terceiro grupo de asistentes estivo composto por persoas vinculadas a outros cabezallos de prensa herculina, como Ricardo Carballal Lafourcade (futuro administrador e redactor de A Nosa Terra) ou Juan Fernández Merino (redactor noutrora en Cuba do xornal La Tierra Gallega, fundado por Curros).

E completan o elenco de asistentes varios membros da propia familia Villar Ponte: Ramón, Antón, a súa esposa Micaela Chao Maciñeira e o irmán máis novo desta, Antonio Chao. Micaela foi, xa que logo, a única muller presente na xuntanza que deu orixe ás Irmandades da Fala e a primeira que fixo efectiva a súa afiliación á nacente entidade. Seu irmán Antón Chao, nado en 1899, redactor de El Ideal Gallego e colaborador de A Nosa Terra sería, porén, a primeira baixa que chorasen os irmandiños, pois morreu en agraz con tan só 18 anos de idade en maio de 1917.

Na “Semana Galega” en Cataluña


Ao pouco de iniciada a súa xeira, as Irmandades da Fala mostraron un claro interese por contactar e abrir canles de colaboración co daquela puxante nacionalismo catalán conservador organizado na "Lliga Regionalista", presidida por Francesc Cambó. Concertaron para iso un intercambio de delegacións entre a Lliga e as Irmandades. Son as denominadas "Semana Galega en Cataluña" e "Semana Catalana en Galiza", respectivamente, que tiveron lugar nos meses de novembro e decembro de 1917.

A delegación galega que viaxou a Cataluña ficou composta por Antón Villar Ponte, seu irmán Ramón, Rodrigo Sanz, Banet Fontenla, Antón Valcárcel, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez e o advogado e concelleiro santiagués, director do xornal Gaceta de Galicia, Francisco Vázquez Enríquez. A estes nomes hai que sumar o de Aurelio Ribalta, que se desloca á capital catalana directamente desde Madrid, o do estudante de orixe ortegana Leandro Pita Romero e mais o da única muller integrante da expedición, Micaela Chao Maciñeira.

A delegación galeguista chega a Barcelona o 26 de novembro de 1917, sendo recibida na propia estación ferroviaria por unha representación da "Lliga" encabezada polo senador Abadal i Calderó. Tras instalarse no hotel, os delegados das Irmandades visitarán o local da "Lliga" e alí pronunciará Antón Villar Ponte, precisamente, a primeira das charlas de divulgación do nacionalismo galego na cidade condal, sobre "A evolución do noso rexionalismo".

As diferentes conferencias dos membros da delegación sucederanse nos días seguintes en diversos locais da cidade condal, así como as visitas a monumentos, locais sociais, etc. No emblemático "Palau de la Música Catalana", o "Orfeó Catalá" ofreceu á delegación galega na noite do día 1 de decembro, baixo a batuta de Lluís Millet, un concerto de gala. A crónica de La Veu de Catalunya (2.12.1917) asinala que finalizada a interpretación da primeira parte do programa

"(...) arribà el president de les Irmandades da Fala, senyor Villar Ponte, acompanyat d'altres senyors, i la seva presència fou rebuda amb sorollosos aplaudiments i visques a Galícia, als quals ell correspongué amb visques a Catalunya".

O citado xornal barcelonés valorizaba no día da partida dos representantes das Irmandades da Fala: "Els nostres companys en Nacionalisme s'en van de Barcelona plens de satisfacció per les moltes i afectuoses atencións de que han estat objecte arreu on han anat". Referíndose aos actos de despedida da delegación galega, indicaba ademais que "a la senyora de Villar Ponte li han estat entregats un artístic feixet d'eura lligat amb una cinta de bandera catalana i um pom de violes boscanes".

A Sección Feminina da Irmandade da Fala coruñesa

Do 20 de abril de 1917 ata mediados de 1918, rexistrouse en A Nosa Terra unha colecta entre mulleres, co fin de reunir os diñeiros que permitisen financiar a dotación dunha bandeira galega bordada para a Irmandade herculina.

María Miramontes
No listado de contributos, significativamente encabezado por Micaela Chao Maciñeira, figuran entre outras súas irmás Tereixa e Carme, Clementina Ponte (tía materna de Antón e Ramón Villar Ponte), Eudosia Álvarez e María Luísa Cabanillas (esposa e filla, respectivamente, do poeta cambadés Ramón Cabanillas), María Rodríguez Yordi (filla do poeta e académico Eladio Rodríguez González), Amalia e Ramona Tettamancy (fillas do historiador Francisco Tettamancy), Pura González (esposa do dramaturgo Manuel Lugrís Freire), Pilar e Pura Lugrís (fillas de ambos), Carme Díaz Varela (esposa do notario monfortino Manuel Banet Fontenla), Pilar e María Banet (fillas de ambos), María Miramontes (futura esposa do editor Ánxel Casal Gosenxe), Sofía Domínguez (esposa de Antón Valcárcel), Luísa Souto (esposa do catedrático de Veterinaria Xesús Culebras), etc.

As cigarreiras da Fábrica de Tabacos coruñesa que compuñan o montepío “La Laboriosa” achegaron por man da súa presidenta, María Villares, unha nada desdeñábel cantidade de diñeiro para a bandeira da Irmandade, o mesmo que un grupo de mozas de Sada encabezado por Laura Prado.

Esta iniciativa da bandeira foi preludio da constitución, en agosto de 1918, dunha “Sección Feminina” da Irmandade da Fala coruñesa. Con máis de 200 asociadas, segundo indica o xornal A Nosa Terra, a súa Conselleira Primeira foi inicialmente Micaela Chao Maciñeira. Na directiva que se elixiu no Nadal de 1918, Xosefa Vázquez substituíu a Micaela, que pasou a ser Vocal, mentres Tereixa Chao ocupou o posto de Vicesecretaria. A futura esposa de Peña Novo, Ermitas López Verdes, tamén facía parte deste cadro dirixente como tesoureira, canda Elvira Bao (secretaria), María Balboa (contadora) e as vocais Rosa Martínez, Avelina Fernández, Teresa Fernández, María Miramontes, Xenoveva Casal e Avelina Sardina.

Editar folletos de propaganda propios, recoller información sobre a situación laboral da muller galega (para logo de estudala e analisala propor alternativas), participar en determinados actos públicos e interesar aos Centros Galegos de América pola protección á muller emigrada, foron algúns dos obxectivos concretos desta “Sección”. No boletín A Nosa Terra colaboraron por esta época, igualmente, escritoras como Francisca Herrera Garrido, Mercedes Vieito Bouzas e Coroa González. Durante o período da Ditadura reforzaron a presenza feminina na Irmandade coruñesa mulleres como Pilar Castro (esposa de Federico Zamora), Hermitas Pavón (que casaría con Fernando Blanco), Elisa Sueiras (casada con Xulio Pita), Josefa Gómez e Eulalia Labora.

Hai que recoñecer que o rol público e organizativo das mulleres asociadas á “Sección feminina” da Irmandade coruñesa foi, en todo caso, moi limitado se o compararmos co desempeñado polos varóns da asociación, que acapararon a articulística, a propagandística, a proxección pública, a participación nas Asembleas e os postos de dirixencia da entidade. A praxe ficou, pois moi atrás do discurso, aínda que este se situou desde logo en posicións progresistas desde un principio.

Con efecto, desde a Asemblea de Lugo (1918) as Irmandades recollen explicitamente no seu programa a loita pola igualdade de dereitos para a muller, reivindicación que reiteran ademais (“igualdade absoluta, política e civil, da muller co home”) na 2ª Asemblea Nacionalista (1919), cando a concesión do dereito ao voto demorou, como é sabido, ata a Constitución republicana de 1931.

Elvira Bao
Ben revelador é que pola mesma época en que surxen as “Seccións femininas” das Irmandades, nas planas de A Nosa Terra (nº 85-86) José Sarmiento Tabares felicítase porque a muller “estase preparando, capacitándose pra tomar parte activa en todol-os problemas sociaes e políticos”, entanto o betanceiro José Vía Golpe (nº 111) cualifica esa loita das mulleres polos seus dereitos, nomeadamente o do sufraxio, como “unha esperanza”. E o mesmísimo Antón Villar Ponte, nunha das últimas entregas da súa sección “Con letra del siete” en La Voz de Galicia (10.1.1918) aplaudía a intención do goberno británico de conceder o dereito ao voto ás mulleres e argumentaba:

“¿Cuándo nuestras mujeres estarán en condiciones de poder disfrutar del sagrado derecho al voto? (...). Por lo que respecta a Galicia es indudable que la mujer - sobre todo la del campo - está tan capacitada como el hombre para acudir a las urnas electorales. Efecto de la emigración y de la especial manera de ser de nuestra economía, son la mayor parte de las mujeres gallegas quienes llevan el peso de la casa - aún nos atreveríamos a decir el del trabajo también - apareciendo, si no de derecho, de hecho, como los verdaderos cabezas de familia. Por eso no va descaminado el regionalismo gallego actual, cuando en sus prédicas por ciudades, villas y aldeas le ofrece a la mujer llena de deberes trabajar para que consiga el disfrute de los derechos políticos que le corresponden en justicia”.

Algunhas das militantes da Sección Feminina da Irmandade coruñesa, entre elas Micaela e Carme Chao Maciñeira, participaron ademais nos traballos do “Conservatorio Nazonal do Arte Gallego”.

Actividade no “Conservatorio” da Irmandade coruñesa

O amentado “Conservatorio” foi creado pola "Sección de Cultura e Fala" da Irmandade herculina en 1918. Lois Peña Novo, no seu discurso da velada inaugural presentou a nova entidade con estas palabras:

"O 'Conservatorio Nazonal de Arte Galego' quere ser base, preparación para o advenimento de bos autores e competentes actores que lle abran ó noso teatro amplio campo para un éisito trunfal; comenzo d'unha escola de múseca da que os alumnos saquen conocimento e proteición; d'unha escola de paisaxistas que poidera ter prestixioso asento na Cruña; pretende ser solar do arte galego, que recolla tamén da irmá Lusitania aquelas manifestacións artísticas que se axeiten ás nosas".

O “Conservatorio” fixo o seu début no “Pabillón Lino” coruñés o 22 de abril de 1919, representando A man de Santiña de Ramón Cabanillas e Umha anécdota, do portugués Marcelino de Mezquita.

Estivo dirixido inicialmente por Fernado Osorio Docampo, mais impulsouno, sobre todo, Antón Villar Ponte, quen ademais de fornecer textos orixinais (A patria do labrego, Entre dous abismos) e traducións (Shakespeare, August Strindberg, Moliére, Aristófanes...), chegou a interpretar algúns papeis en varias representacións.

Este “Conservatorio” contou coa participación de actores afeccionados como Vítor Casas (futuro responsábel de A Nosa Terra), Manuel Lemus, Baltasar Edreira, Elvira Bao, Luís Lafuente, Carme Meléndrez, Luísa Castelo, etc. As irmás Micaela e Carme Chao Maciñeira tamén subiron ao escenario. Carme, por exemplo, foi actriz de reparto na estrea de A man de santiña e na representación da peza do seu cuñado Entre dous abismos. Non o debía facer nada mal, pois segundo nos ten contado algunha vez Teresiña Villar Chao, q.e.p.d., chegou a ser bautizada como a “Sara Berhnart” da escena galega... Jenaro Marinhas del Valle relatou tamén nalgunha ocasión que cando os entreactos das representacións eran longos, Micaela Chao Maciñeira tentaba amenizalos tocando o piano, acompañada ás veces pola voz de Bernardino Varela, o marido da tamén irmandiña Elvira Bao Maceiras.

Os prometedores comezos do "Conservatorio" torcéronse moi axiña. O enfrentamento interno dos 'renovadores' Fernando Osorio e Antón Villar Ponte con Leandro Carré Alvarellos (e probabelmente coa maioría do alumnado do CNAG) por mor dos criterios de selección de obras para a configuración do repertorio deu ao traste, en primeiro lugar, co intento de representación da peza Donosiña, de Xaime Quintanilla e, na continuación, acabou por significar a desaparición da propia entidad
e, en 1920.

Falecemento de Micaela

O 27 de novembro de 1928, Antón Villar Ponte padece unha dolorosa e obrigada paréntese na súa traxectoria cívica por mor do óbito da súa compañeira Micaela Chao Maciñeira, a consecuencia dunha nefrite contra a que nada puideron os coidados dos médicos Urbano Losada e Búa. O boletín A Nosa Terra expresaba o seu pésame por medio destas palabras ("Liñas de loito", nº 255, 1.12.1928, p. 11):

"Antón Villar Ponte, o querido compañeiro e irmán, pasa arestora pol-a grande desgracia de ver morrer â sua distinta dona Micaela Chao Maciñeira. Unha señora que compartía por enteiro os sentimentos galeguistas de Villar Ponte e da sua familia, caso exemprar de sinceiro e acendrado patriotismo. Foi conselleira primeira da Irmandade femenina cruñesa e estaba compretamente identificada cos nosos ideás galegos manifestándoo a cotío con forte intensidade e constancia".

Pola súa banda, a revista Céltiga de Buenos Aires, codirixida por Blanco Amor e Suárez Picallo, lamentaba así a infausta nova ("Necrológicas. Doña Micaela Chao de Villar Ponte", Céltiga, Buenos Aires, nº 95, 10.12.1928):

"Días pasados, el telégrafo nos dió la triste noticia del fallecimiento, en la capital de Galicia, de la esposa de nuestro dilecto colaborador, maestro y amigo, Antón Villar Ponte.
Hállase, pues, enlutado y entristecido el hogar galleguísimo del gran publicista gallego, cuyo dolor por la pérdida irreparable de la buena y comprensiva compañera, compartimos fervorosa y cordialmente.
La señora de Villar Ponte, joven, bella y culta, era en aquella casa del Riego de Agua [sic], el espíritu animador de nuestro primer gran periodista. En las horas tristes del gran luchador; cuando por defender sus nobles ideales se iba a la cárcel, la buena señora lo despedía con un naturalísimo hasta luego, infundiéndole, con su heroísmo silencioso, insospechables bríos. Su mano de hada buena, acariciaba la cabeza inquieta del maestro para ahuyentar los malos pensamientos e infundirle más fe en la causa que defendía.
Como todos los gallegos que vuelven a la tierra, quien escribe estas líneas, llamó en nombre de CÉLTIGA a las puertas de aquella casa petrucial. Y fué la dama, noble y gentil, la que le abrió sus puertas, obsequiándolo con un cubierto en aquella mesa. Por eso los traza con el corazón en las ... de la pluma, extendiendo, en nombre de la hermandad de los céltigos, las manos fraternas al maestro y derramando sobre la tumba de su compañera muerta las flores del recuerdo cariñoso saturadas con esta palabras: Paz en la tumba de la muerta y resignación al compañero para afrontar el rudo golpe".

Antón Villar Ponte, en 1929, xa viúvo
Micaela resulta unha personaxe absolutamente decisiva na traxectoria do seu marido. Desde que se coñeceron en Cuba, compartindo os labores do cadro de declamación "Rosalía Castro", ambos partillaron un proxecto de vida en común que houbo de afrontar numerosas renuncias, penalidades e contratempos.

Procedendo dunha familia das terras do Ortegal con certo acomodo económico, Micaela non só renunciou a certo tipo de vantaxes e comodidades que a profesión de xornalista e o compromiso civilista do seu marido non lle podían garantir baixo ningún concepto, senón que mesmo acompañou o evoluír ideolóxico do seu esposo e chegou a asumir activamente a ideoloxía nacionalista que aquel formulou a partir de 1916.

Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey), nun traballo intitulado "O fogar de Vilar Ponte", que foi publicado no boletín A Nosa Terra (nº 405, 13.3.1936), chamaría a atención sobre a exemplaridade do casal Villar-Chao no tocante á conduta idiomática, pois educaron os fillos, Tonecho e Meliña, falándolles en galego: "Si todol-os fogares dos galeguistas foren atal e como foi de por vida o de Antón Vilar Ponte, haberíase dado un gran paso na galeguización da nosa terra".

O propio Villar Ponte, ao redixir un artigo necrolóxico sobre o poeta Manuel Antonio e evocar as visitas que o poeta rianxeiro cursaba de cando en cando ao seu fogar na Coruña, non poderá menos que recoñecer o papel de anfitriona perfecta que a súa esposa xogou nesas ocasións ("Exemplos. O noso poeta do mar", El Pueblo Gallego, Vigo, nº 1.827, 5.2.1930):

"¡O meu fogar, hoxe de loito, de loito para sempre, pol-a perda da boa muller, dina compañeira d'un home de combate, que o alegraba, onde c'os brazos abertos tiveron acollida garimosa cantos pelingrinos do Ideal, alcesos no amor â terra a él chegaron!".

Finalmente, nunha carta a Álvaro Cebreiro datada en Viveiro, a 26 de Decembro de 1928 e que está recollida por Mariano Tudela no volume Álvaro Cebreiro. Vida y afanes de un creador (Eds. do Castro, Col. "O Movemento renovador da arte galega", nº 2, Sada, 1983, pp. 129-131), Antón Villar Ponte reflexionaba deste xeito conmovido e conmovedor sobre o papel desempeñado na súa vida pola esposa morta e sobre a difícil situación en que ficaba como viúvo ao cargo de dúas criaturas:

"Truncóuseme a vida. Fiquéi na máis fonda das melanconías. Desposeime co'a door para sempre (...) Era feliz d'abondo. Tiña un tesouro dos que poucos homes logran seren donos. Unha muller forte, doce, de craro senso, de rexo carácter que adoraba en min, que o daría todo por min, dina compañeira d'un loitador ou d'un sementador d'ideás. Non me cega a paixón, pero coido que si cada galego e cada español con temperamento de home de loita tivese unha muller com'a miña, o país sería outra cousa. Porque son cáseque sempre as mulleres na intimidade do fogar quenes tallan as aas dos loitadores. A maoría das claudicacións veñen dos consellos teimados e doces das mulleres no seo da familia. Pro a miña, tí ben o sabes, nunca foi plomo de cordura burguesa, sempre foi áa para min. Veume ameazado de morte e lonxe de me apoucar (inda sintindo andarlle a procesión por dentro) dábame azos. Véume no carce, e esperimentaba fondo orgulo por elo. Véume á morte e non saiu da beira do meu leito até que non puido mais (...) E no cimeterio está. I-eu na vida, sô, con dous pequeniños. Eu que non sei nada do trafego do fogar; eu inútil para todo o material! Eu que descansaba n'ela! Decátate da miña situación! Somentes dous consolos: un, que nin a Raíña podería morrer millor asistida do que ela. Outro, que da Coruña e de toda Galicia recibín probas d'amistade... (...) Agora serei com'o seu noivo eterno (...) Moito perdín, moito. Pro teño o deber de vivir pra os cativiños”.