eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Pastor Díaz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pastor Díaz. Amosar todas as publicacións

venres, 9 de marzo de 2018

No segundo centenario de Vicente Manuel Cociña, heroe do liberalismo decimonónico





A súa repentina e temperá morte en terras cordobesas, con tan só 35 anos feitos, a consecuencia do deterioro na saúde que lle provocou a feroz persecución e acoso a que o someteu o goberno do ultramoderado Conde de San Luís, elevou este fillo de Celeiro (1818-1854) ao rango de referencia mítica e heroica do panteón de loitadores ilustres pola liberdade na Galiza e na España do século XIX.

Especialmente tras a revolución de xullo de 1854 (a chamada Vicalvarada), Cociña foi recordado en banquetes e actos públicos como liberal consecuente “que pagó con la vida su amor a la causa” (cf. El Tribuno, 15.8.1854). O seu nome ficou para sempre asociado, desde entón, á reivindicación da liberdade de prensa e de opinión, de aí que no momento de coñecerse a nova da súa morte, fosen publicadas notas do teor desta que a seguir citamos, aparecida no xornal madrileño El Clamor Público (5.5.1854):

Nosotros no hemos tenido el gusto de tratar al señor Cociña, pero nos basta que haya ejercido con energía e independencia el magisterio de escritor público en estos tiempos calamitosos para sentir su muerte y dedicar a su memoria un recuerdo.

En moitos sentidos, Cociña encarna o protótipo do selfmade man valente, decidido, emprendedor e tocado polo xenio tan grato á épica da burguesía cando esta clase aínda era romántica e revolucionaria. Orfo de pai desde moi novo, foi un espírito rebelde e inconformista, pero ao mesmo tempo lúcido e incisivo, que destacou xa na Compostela do seu tempo mozo por unha manchea de iniciativas e actitudes que fixeron tremelicar as columnas docentes, literarias e levíticas da cidade do Apóstolo.

A primeira desas iniciativas foi a edición en 1840 do folleto Un sueño en Stambul en el año 1550. Di Murguía no seu Diccionario de Escritores Gallegos (1862) que nese folleto, “bajo el velo de la alegoría, se percibe el ataque que el escritor dirigía á Galicia á quien denomina esta ingrata patria, y sobre todo á la Universidad Compostelana, - a quien llama Asilo de la ignorancia y Pentápolis apestada -, y sus profesores, que por entonces eran á menudo atacados por sus alumnos”.

Edificio da Inquisición, en Compostela
Por outra banda, no artigo necrolóxico que sobre Cociña escribiu o seu grande amigo Luís Trelles Noguerol en La Nación (glosado logo en La Ilustración. Periódico Universal, Madrid, 8.1.1855), sinálase que nese opúsculo, “inspirado por el despecho”, o de Celeiro comparaba a Biblioteca da Universidade Compostelá co inferno de Plutón e atacaba “a los bibliotecarios que le habían negado la lectura de los libros prohibidos entonces”.

Pero hai tamén outra perspectiva do contido dese polémico escrito, pois Parga Sanjurjo [autor dun traballo sobre Cociña que o Heraldo de Vivero publicou en catro entregas durante marzo e abril de 1922] aclarou que

era dicho folleto una á manera de profecías sobre política europea en relación especialmente con la colonial seguida en África y Asia. Y al abordar este último punto afirmaba nuestro biografiado con una convicción rayana en la evidencia, que la explotación codiciosa mantenida por las Metrópolis europeas con las colonias, negándoles las más elementales y progresivas reformas y tratándolas con inhumanidad incomprensible, llevaba aparejada, por modo ineludible, sangrientas catástrofes e infaustos éxitos.

Cando aínda os sectores máis tradicionalistas e inmobilistas do Claustro universitario compostelán, escandalizados ata o paroxismo, non apagaran os seus protestos e diatribas contra a temeridade irreverente daquel mozo universitario (émulo en certo sentido do Pedro Pablo Bazán de Mendoza e do bibliotecario Pedrosa que durante a “francesada”, tres décadas antes, lograran abolir por vez primeira o Tribunal da Inquisición en Compostela), o noso protagonista volveu atacar con lúcidos argumentos e munición impresa outro dos males que devoraban a Universidade galega de entón, particularmente a súa Facultade de Dereito: o exceso de “romanismo” e o enfoque escolástico.

Efectivamente, o Opúsculo filosófico sobre la historia del Derecho romano, dividido en tres lecciones, y precedido de una sucinta idea del patrio que Cociña edita na Imprenta da Viúva e Fillos de Compañel, en 1841, escrito cando cursa segundo de carreira e ten apenas 21 anos feitos, naceu, como explica Parga Sanjurjo, de

la decepción amarga que experimentó al contemplar la mucha extensión que se daba en nuestras Universidades al estudio del derecho romano y el subalterno lugar á que estaban relegadas las enseñanzas sobre el derecho patrio, nervio y substancia, éste, de los conocimientos en que ha de basarse la ciencia de los llamados á abogar en el foro español. Embiste con tal motivo Cociña contra el recalcitrante romanismo que informaba entonces la enseñanza oficial en el folleto susodicho, donde desfilan, en cronológica serie, y uno á uno, los emperadores romanos con todas sus arbitrariedades y en toda su desnudez, no acertando nuestro biografiado á cohonestar cómo pudiera formarse una legislación justa é irreprochable al calor de inspiradores de tan bajo nivel moral […]. Estupor y asombro produjo el referido opúsculo en el profesorado de la Universidad compostelana. Aquellos graves doctores de roja muceta y blanco guante, saturados de impenitente romanismo, no volvían de su sorpresa ante las audacias del joven escolar […].

Compañeiro de aulas dunha promoción realmente talentosa e extraordinaria (Neira de Mosquera, Romero Ortiz, os irmáns Antolín e Tiburcio Faraldo, Xosé Rúa Figueroa, Xosé Mª Posada, etc.), Vicente Manuel Cociña presidiu a Academia Literaria, institución que acabou de aclimatar no noso panorama literario os novos ares románticos que xa anunciara coa súa “Alborada” o mozo poeta viveirense Nicomedes Pastor Díaz e que tinxirán tamén as composicións de Aurelio Aguirre.

Para esa Academia leu Cociña dous traballos, en 1842: “El misticismo religioso de Pelayo e Isabel es y será la expresión de la nacionalidad española” e “Origen de la escuela histórica y su influencia en las sociedades modernas”. Este último, co título de Discurso pronunciado por el presidente de la Academia Literaria en la sesión general de la reposición de cargos del año 1842 foi editado nese mesmo ano en Santiago.

Estas actividades e estas publicacións do mozo Cociña, abertamente heterodoxas en moitos sentidos, e aínda outros proxectos que non logrou realizar finalmente, como a edición dun periódico que había titularse, segundo indica Murguía, El Órgano del Siglo Veinte, fixeron que a súa traxectoria académica se resentise. Como explica, máis unha vez, Parga Sanjurjo:

Cayó, pues, Cociña de la gracia de sus profesores, y receloso de provocar las iras de su justicia, decidióse a abandonar, tras cinco años de estudios, la carrera de abogado, por la que no sentía, después de todo, entusiasmos ni aún verdadera vocación.

Bacharel en Leis en 1842, non chegou, efectivamente, a licenciarse. O que fixo foi marchar ao bastión do liberalismo galego que era daquela a cidade da Coruña e alí emprender, coa axuda de Tiburcio Faraldo (Betanzos, 1816?-Shangai-China, 1875), a edición dun xornal político de corte moderado baixo a mancheta de El Centinela de Galicia (1843-44), que non deixou de polemizar a moitas bandas: cos seus colegas máis progresistas El Telégrafo, El Coruñés e El Vigilante, promovidos por Rubines; coa prensa carlista; co provincialista Neira de Mosquera, primeiro biógrafo de Pastor Díaz e impulsor con Antolín Faraldo de El Recreo Compostelano; etc.

Nas planas de El Centinela aparecen sinaturas como as de Francisco Añón, Benito Vicetto, Carolina Coronado, Xosé Mª Posada (a quen Cociña prologará tempo despois, en 1853, o tomo da súas Poesías), etc. e no exemplar do día 27 de novembro de 1843 insírese unha pequena crónica das festas celebradas en Viveiro con motivo da declaración da maioría de idade da meniña Isabel II, a iniciativa de Pastor Díaz, precisamente.

As campañas de prensa en El Centinela de Galicia consolidan a sona de Vicente Manuel Cociña como talento nos asuntos da res publica e catapúltano ao escenario propiamente político, naquela época certamente convulso.

Candidato fracasado por non electo nos comicios de 1844, emprende ao ano seguinte o mesmo camiño vital e público que xa transitara anos antes o autor da Égloga de Belmiro e Benigno. Como explica resumidamente Murguía,

más tarde marchó á la corte en dónde figuró entre los hombres más notables del partido moderado, siendo diputado á Cortes y tomando parte, hacia los años de 1853, en el movimiento político que produjo la caída del poder del partido moderado. Fué entonces, cuando publicó el celébre periódico político titulado El Oriente, cuyos artículos debidos en su mayor parte á la pluma de nuestro Cociña, llamaron entonces la atención de todos, por la belleza de su forma, y el rudo del ataque. Suspendido de real orden El Oriente - en cuya redacción tomaban parte activa los Sres. don Luís Trelles, distinguido jurisconsulto, y el Sr. don Tiburcio Faraldo, hermano del malogrado director de La Europa, hoy individuo del cuerpo consular, y ambos naturales de Galicia, - tuvo que abandonar Madrid para escapar á la persecución de que era objeto, de cuyas resultas falleció en Córdoba el 26 de abril de 1854, perdiendo así la prensa política uno de sus mas ilustres hijos y Galicia un  distinguido escritor y orador político.

Polo medio fican sen citar polo marido de Rosalía de Castro o fracaso de Cociña como candidato polo distrito cordobés de Pozoblanco en 1846 e a relativa prosperidade económica que se labrou con actividades bancarias naquela capital andaluza, aínda que despois boa parte dese capital se perdese na aventura traumática de El Oriente, de xeito que Trelles e Tiburcio Faraldo, unha vez morto Cociña, tiveron que elevar ás Cortes o 26 de novembro de 1854 unha petición de pensión para a súa viúva e as súas fillas, entre elas a futura poeta Camelia Cociña (cf. El Clamor Público, 10.12.1854). No xornal La Unión deuse noticia o 17 de marzo de 1855 de que se estudaba aínda no Parlamento a concesión desa pensión.

Temos que citar, asemade, as repetidas concorrencias de Cociña como candidato a Cortes no distrito da súa terra natal. En 1850, preséntase fronte ao tamén viveirense Antonio María Coira Ares, saíndo vitorioso; en maio de 1851, repite como candidato da oposición moderada fronte ao ministerial Coira, que vence axustadamente entre denuncias de graves irregularidades. Esas denuncias, encabezadas polo pai de Alfredo García Dóriga, Cipriano García, serían debatidas en Cortes, con brillantes intervencións de Pastor Díaz, Calderón Collantes e Bermúdez de Castro, mais a patrocinio do ministro Bravo Murillo resultou decisivo para que Coira fose finalmente proclamado deputado electo o 28 de xuño de 1851, por 66 votos contra 30.

En xullo de 1852, Cociña renuncia á súa candidatura por Viveiro e en marzo de 1853 volve enfrontarse a Coira, gañando de novo o seu rival. Perde moi poucos meses despois contra o candidato Luís Trelles, mais a renuncia deste fai que Cociña asuma por fin o escano de Viveiro nas Cortes en novembro de 1853, do que será ocupante ata o seu falecemento e posterior substitución por Juan López.

Para rematarmos estas breves notas, digamos algunha cousa sobre ese xornal El Oriente, impulsado por Tiburcio Faraldo, Trelles e Cociña, que comezou a publicarse en Madrid en decembro de 1853 e que colle o seu nome, probabelmente, da situación de extrema tensión que se vivía nesa área xeográfica e que desembocará na chamada “guerra de Crimea”.

Aínda que os tres redactores eran entón ideoloxicamente moderados, a súa oposición aos métodos de gobernación de Narváez e do Conde de San Luís e o seu decidido apoio á política de “unión liberal” fixo que o seu cabezallo de prensa fose vítima de todo tipo de reiteradas manobras persecutorias (secuestro de exemplares, multas, censuras …) e que eles propios tivesen que afrontar sucesivas denuncias e encadeamentos. Así as cousas, a curta vida do xornal resultou, en palabras do seu redactor Trelles, “un continuo martirio”. A súa suspensión por orde gobernativa (auspiciada polo Conde de San Luís) provocaría a fuxida de Cociña a Córdoba, o quebranto da súa fortuna e o tráxico deterioro da súa saúde, que desembocou no fatal desenlace. Cociña faleceu o 29 de abril de 1854 e o último número do xornal El Oriente sae á rúa o 4 de maio.

Cociña promoverá por medio do seu xornal, con data de 17 de xaneiro de 1854, unha reunión de deputados galegos para ver de adoptaren medidas contra o andazo de cólera que azoutaba entón Galiza. Non se esqueza que ese andazo, que comezara en Vigo en decembro de 1853, foi vivido en primeira liña en terras olívicas polo médico tamén de orixes viveirenses Nicolás Taboada Leal.

No editorial do exemplar do día 22 dese mesmo mes e ano citados, Vicente Manuel Cociña abxurará da súa condición de conservador para declararse exclusivamente liberal e, por tanto, contrario ao Goberno. Impulsará a partir de entón na súa casa da praciña de San Miguel reunións clandestinas e logo desde as propias planas do xornal, no exemplar de 29 de decembro, un célebre manifesto da prensa contra a censura por parte do chamado “ministerio polaco”, que suscitará unha tremenda controversia e desatará unha desapiadada persecución dos asinantes. Nicomedes Pastor Díaz, xunto con outros escritores, emitiu entón un comunicado de solidariedade cos perseguidos (cf. El Tribuno, 15.1.1854), por máis que non concordase por enteiro, é evidente, coa súa liña ideolóxica.

domingo, 4 de febreiro de 2018

Adeus para o Isidro Novo



Isidro Novo. Fotografía de X. Marras
Colleume totalmente por sorpresa a nova, Isidro.

Xa había algún tempo que non nos cadraba vernos e non sabía que roldase o mal sobre ti. 66 anos é demasiado cedo para te nos ires, sobre todo porque aínda están quentes os prelos que botaron dous libros da túa autoría (que nin tempo tiven de ler) e porque de seguro que no teu caletre durmiñaban moitos outros proxectos literarios por facer. A morte, cando quere ser malvada, sabe ben en quen bater, xaora.

Todos os encontros que ao longo dos últimos anos tivemos, esporádicos e descontinuos como foron, estiveron presididos por dúas cualidades que te definiron esencialmente, polo menos na parte que me tocou coñecer: a franqueza no dicir e a cordialidade no actuar. Eras, literalmente, un tipo estupendo, aberto, cordial, afectuoso e absolutamente xeneroso. A "viveiroína" (túa nai de Vieiro, teu pai de Landrove, eu da Vila...) actuou sempre entre nós como un fío invisíbel de fraternidade co que se abrían todas as demais portas da camaradaxe: a literaria, a cívica, a humana...

Aínda non nacera a nosa filla Aloia cando che cadrou vires por Cambados a un acto literario, traído polo amigo común Luís Rei (aproveito para pedirche que lle deas unha aperta cósmica se vos cadra vervos nalgún porto deses mares do Alén que agora tamén ti navegas). Fáloche, ben sabes, de 1998. Acabado o evento e despois de andarmos a libar algúns albariños, chegou o intre de despedíreste e acompañámoste Isabel e eu ata a porta da pensión onde tiñas pensado pasar a noite. Estaba fechada a cal e canto e aceptaches entón o convite de vires á nosa casa. Foi unha post-velada inesquecíbel de conversa e risos, que marcou para o sucesivo o ton de todas as nosas coincidencias. Ás poucas semanas, mandabas un libro teu de agasallo en "pago" á improvisada hospedaxe.

Cando en Viveiro decidiron en mala hora estropear a fasquía urbanística da Praza Maior movendo a estatua de Pastor Díaz para un recanto, acudiches solícito ao chamado que che fixen en nome do Seminario de Estudos Terra de Viveiro para un recital ao ar público, no que nos acompañou, entre outros, o inmenso poeta Manuel María.

Isidro Novo, Antóm Fortes, Emilio Xosé Ínsua e Xoán Neira


En 2004, con Antom Fortes e Xoán Neira, compartimos tarefa de xurado nun Premio Prados Ledesma do Concello de Viveiro. Démoslle o premio ao pontecesureño Fernando Rodríguez, por Miradas Ausencias. Foi, en definitiva, outra ocasión magnífica para constatar que por baixo de certas apariencias que te connotaban a ollos de determinados eruditos á violeta da nosa culturiña como un "vaicheboa" da literatura, atesourabas un saber, unha bagaxe de lecturas e unha sensibilidade lectora verdadeiramente abraiantes.

Estiveches en realidade sempre aí, con todas as causas xustas: contra a guerra de Irak, no Nunca Máis, por Palestina, nos Círculos Líticos, a prol da cultura de noso, na AELG, recollendo palabras, recitando, radiofonando e facendo exaltación do popular enxebre co teu simpático guía do bebercio lugués.

O sistema das grandes editoras galegas e a trama institucional (esa que, paleta, sectaria e desleigada, disque vai renunciar a que o libro galego estea presente en catro das cinco grandes feiras do libro internacionais), tiveron sempre certa alerxia de ti, dos teus escritos sarcásticos, incisivos e irreverentes, da túa inatacábel coherencia entre vida e letras. Talvez por iso tiveches que andar decote nas súas marxes, furando e asomando cabeza en selos editoriais pequenos, algúns mesmo efémeros, todos en último caso abondo independentes e en moitos sentidos "alternativos": Positivas, Biblos, Francka Editora, Toxosoutos, Do Castro, Espiral Maior, Trifolium, Sotelo Blanco...

Mais fixéchelo sempre cunha singularidade que neste intre de emprenderes o definitivo mutis polo foro resalta con poderosa forza, pois non cansaches de abrir camiños por explorar no xénero narrativo en galego, tan necesitado de máis quiosco e menos cátedra: o nabo-western (Por unha presa de machacantes), a ciencia-ficción (Un escuro rumor tralo silencio), a distopía chea de sarcasmo crítico (Carne de can, Antollos de Eimarmena), a novela social (Súa de si), a novela de terror (Sinistra deixa), a narración erótica (Rosa lenta), Cabalos do demo e outros invertebrados... Ademais, como poeta (Dende unha nada núa; Esteiro de noites falecidas; CO2), foches á mantenta "antiveneciano" e unha miga rebelde, "bukowskiano", porque sabías conxugar en todos os tempos e modos os versos selados coa autenticidade.

Benquerido e admirado Isidro, que grande sorte terte tratado en vida e que tesouro máis grande de amor ao idioma e á literatura deixas en herencia! Prométoche revisitar moitas veces a túa obra, saboreala de novo, rir cos teus sarcasmos, emocionarme coas túas tenruras, facerte escritor vivo de noso para todo o sempre e brindar por ti, emocionado, cun albariño que, tristemente, xa non nos será posíbel tomarmos xuntos.

xoves, 24 de marzo de 2016

VISIÓNS SOBRE PASTOR DÍAZ

                                
Na revista galaico-arxentina Céltiga, concretamente no seu número 65, de 10 de setembro de 1927, e con expresiva dedicatoria ao viveirense Ramón Villar Ponte, seu amigo e correlixionario, publicou o escritor galeguista Ramón Otero Pedraio (1888-1975) o artigo que a seguir reproducimos. Nel, tomando como motivo o estado de relativo abandono do xardín dos claustros de San Francisco e a presenza dunha carta autógrafa de Pastor Díaz nunha parede do despacho do máis novo dos Villar Ponte, o autor de Arredor de si fía un precioso retrato ambiental do Viveiro de entón, cheo de forza evocadora.



UN XARDÍN I-UNHA CARTA

Viveiro, na serán tépeda e bretemosa do vráu, olla morrer saudosamente o Landrove i-acenderse car'a mar a costelación viaxeira das luzes da prata pescantina. Xa non loce no outo, igoal que un seixo, a ermida do S. Roque e soilo s'adiviñan, dend'o malecón urbano, as masas dos piñeirales amigos do monte i-o loiro vagantío da praia. Sentados frente á noite e o río, soñando na fermosura da cidade e nos mil motivos da sua hestoria e do seu esprito, ¿por qué xurde, sin teimalo, sinxelamente, un paralelo entre o xardín i-a carta?
O xardín frorece, pechado no acougo d'un craustro do deixado convento dos Menores. A casa grande, resoante, simpre, acolledora, está destiñada a difrentes servizos adeministrativos, mais pol'as escaleiras, pasillos e salas inda corre aquil aer de homilde legría, de craridade d'esprito e de vida propio dos fillos de S. Francisco ben difrente da solenidade teolóxica e ascética dos mosteiros de S. Bento ou do Císter. As fiestras dos ousos lanzales da eirexe gardan o dibuxo vexetal das fentas que medran nos puzos deixados e nas probes roinas das casas labregas. Ó igoal que seus hirmáns d'Ourense, de Pontevedra, de Lugo, da Cruña, istes ousos franciscanos de Viveiro parescen cantar no seu isolamento unha sinxela cantiga abrileira, com'as que espallaba o Probiño d'Asís pol'os camiños primaverales da Ombría.
Entrando na casa chama por nos o xardín prisioneiro e calado. Non tén fonte nin paxáros, as herbas bravas cobriron o dibuxo dos cadros e das carreiras e criaron c'as follas murchas, os musgos e os auricelos, unha terra grasa, mol, sempre orballada, de cemiterio. Pechado nos muros da pedra monacal o xardín paresce vivir lonxe das primaveiras e dos outonos do mundo. Non sabe ren da gracia do sol no pazo verdeante das algas, nin do agromar das carballeiras, nin do gostoso morrer do río no seio infindo da mar. No xardín a chuvia sempre ten soar de gárgola, o sol pasa aixiña sin enxugarlle o chan, soilo as rayolas do luar procuran garimosamente a sua soedade de largo isolado pol'a pedra, o tempo i-a lembranza. Os xasmís abrazan a pedra aurelada misturados c'as silveiras, as roseiras campan cada sazón mais pequenas e sinxelas sin se ver coidadas por mans de muller, us grosos froitos roxos teiman amostrar na escuridade de follas i-espiñas a sensoal ledicia da carne vexetal, mais apenas s'astreven pois alí está o vello alcipreste com'o derradeiro frade, griseiro i-afiado, comesto pol'o tempo i-as formigas, predicando a ouservancia d'unha regra d'esquecemento e de calado desespero..
A carta está firmada por Pastor Díaz. Ten'a nun cadro, no seu coarto de traballo un dos millores galegos de Galiza. Os libros non collen nos estantes e acugúlan-se, misturados con boletís, cartas, revistas, pol'as mesas e sillas. Sonoros e vellos, conselleiros e loitadores; chegan de todol-os aires do mundo traguendo inquedanzas, abrindo camiños, consoando soedades. As fiestras franquéanme car'a ponte, o río e a campía. Reina no despacho un esprito novo, curioso e criador. E aquila carta de Pastor Díaz pechada pol'o marco, a data e o tempo decorrido, esperta a lembranza do craustro de San Francisco. O día no que un Rusiñol galego pinte os nosos xardís figurará cicais como o mais románteco o do convento de Viveiro. Tamén Pastor Díaz foi o primeiro románteco do dezanove español. Hay contendo [sic, contodo] a difrencia de que namentras o xardín morre guiado pol'o consello do alcipreste monásteco, o esprito do grande poeta chanta [sic, chouta] por riba da ledicia do esquecimento e terá sempre na yalma galega un aberto ronsel.

xoves, 16 de abril de 2015

XOSÉ Mª ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, PASTOR DÍAZ E VIVEIRO

Queremos honrar hoxe, co gallo de se cumprir o primeiro centenario do seu nacemento e de se inaugurar na Fundación Penzol de Vigo unha exposición sobre a súa figura, a memoria humana, literaria e intelectual de Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915-Vigo, 1985), escritor que comezou a despuntar xa na etapa previa ao infausto 36 e que logo da guerra, a despeito dos moitos padecementos que esta trouxo para si e para boa parte dos seus, resultou un puntal destacadísimo no panorama cultural galego da segunda metade do século XX. 

Erudito, arqueólogo, etnógrafo, bibliófilo, editor, libreiro, novelista, poeta, autor teatral e ensaísta, a quen conmemoramos no Día das Letras do 2008, foi un humanista incansábel e polifacético, comprometido ata a cerna cos ideais galeguistas. Para a historia cultural da Terra de Viveiro, a súa figura ten unha concreta e especial relevancia, relacionada con Pastor Díaz, da que tentaremos dar conta neste pequeno traballo.

Infancia tudense e mocidade pontevedresa

Xosé María Álvarez Blázquez, tudense de nacemento, foi un dos seis fillos do matrimonio formado polo médico pontevedrés Darío Álvarez Limeses e pola cubana María Blázquez Ballester. Tras pasar a infancia na vila natal, desde setembro de 1931 instalouse en Pontevedra na casa de seu tío Xerardo Álvarez Limeses (1871-1940), inspector de ensino e poeta con certas vinculacións a Viveiro, pois ademais de ser amigo de Noriega Varela e de coincidir con Xoán Pla Zubiri nas páxinas da revista pontevedresa Galicia Moderna (1897-1898), obtivo en 1904 un galardón literario na nosa vila, no certame do que foi mantedor o deputado fusionista Eleuterio Delgado, e en 1915 fíxose merecente dun novo premio poético, desta vez nos "Juegos Florales" de Lugo, grazas á súa composición en oitavas reais "A Vivero", da que demos conta hai xa algún tempo nas plans do Heraldo de Vivero.

O mozo Xosé Mª chegaba á casa do tío na Boa Vila con intención de estudar Maxisterio, mais da estadía pontevedresa derivaranse ademais moitas outras experiencias formativas. Así, na compaña doutros mozos pontevedreses, promove a revista Cristal, publica o poemario en castelán Abril (1932) e fai parte do comité de recepción a Federico García Lorca cando o poeta granadino visita Pontevedra.

Por outra banda, unha curmá súa e filla de D. Xerardo, Amalia Álvarez Gallego, casará con Alexandre Bóveda, na altura secretario xeral do Partido Galeguista e figura decisiva para a conversión espiritual do mozo Xosé María, quen ingresará da súa man no agrupamento da "Federación de Mocidades Galeguistas" da cidade do Lérez en 1933, con dezaoito anos cumpridos. Poucos meses despois, o noso mozo ve publicado no boletín A Nosa Terra o seu primeiro artigo, intitulado "Outro aldraxe", e edita un folletiño baixo o rótulo de "Berro en lembranza dos herois de Carral".
Pouco antes do estourido bélico do 36, Xosé Mª Álvarez Blázquez comeza a preparar un libro de relatos en galego, Os ruíns, que ía publicar Ánxel Casal na editorial "Nós" se a tráxica guerra non frustrase o seu desexo e, desde 1935, desempeña os seus primeiros destinos docentes en escolas de A Guarda, Tui e Coia (Vigo).


Desastres da guerra en carne propia

A guerra civil cébase coa súa familia máis directa: co seu pai Darío, fusilado en Tui polos falanxistas; co seu tío paterno Xosé, que morre días despois coa tristura; co seu irmán Celso, que loita en Asturias e contrae unha tuberculose mortal; co seu admirado Bóveda, fusilado na Caeira o 17 de agosto do 36... Mobilizado el propio, safa este período como enfermeiro e intendente no compostelán Hospital de San Caetano, actual sede administrativa do goberno autonómico.

A inmediata posguerra pásaa como docente en Coreses (Zamora), por traslado forzoso, e aproveita a súa situación e soidade para escribir a súa primeira novela, Crecen las aguas (premiada en 1955) e moitos poemas. En 1941 publica El crimen de la isla verde e ao ano seguinte pede a excedencia para poder regresar onda a familia, que abandona o Tui represor e se instala en Vigo.

Promove entón Xosé María en Nigrán unha fábrica de tixolos e tellas, que se ve abocada ao pechamento en 1945. Consegue emprego, a seguir, como secretario da confraría de pescadores "San Francisco" de Vigo (Berbés) e envía ao prestixioso Premio Nadal a novela policíaca En el pueblo hay caras nuevas, que perde por un voto de diferenza contra a novela Nada, de Carmen Laforet.

En 1946 contrae matrimonio con María Luísa Cáccamo, traballadora do "Banco Pastor" en Vigo. O casal instálase no barrio das Travesas e fai tertulia no "Derby" con figuras como os pintores Laxeiro e Maside, Valentín Paz Andrade, Viñas Cortegoso, etc. Ao ano da súa voda, Xosé Mª estrea en Vigo, no Teatro "García Barbón", a peza El zapato de cristal, "cuento escenificado" e, pouco despois, no "Jovellanos" de Xixón, Los pazos altivos, "comedia en tres actos, en verso". Ambas foron feitas en colaboración con seu irmán Emilio, como tamén o foi o volume poético Poema de ti e de min, editado na colección pontevedresa "Benito Soto" en 1949.

O libro como bandeira

A partir de 1948, Álvarez Blázquez comeza a súa aventura como editor, bibliófilo e libreiro, que tantos e tan bons froitos rendeu para a cultura galega e da que a figura de Pastor Díaz, como logo explicaremos, foi directa beneficiaria.

No citado ano inaugura a "Libraría Monterrey", en Vigo, que perdurará ata 1979, e en 1950 funda a "Editorial Monterrey", con Luís Viñas Cortegoso. Xosé María foi tamén membro fundacional da Editorial Galaxia (1950) e en 1964 fundará as "Edicións Castrelos", desde as que promoverá coleccións tan exitosas no seu momento como "Cuadernos de Arte Gallego", "Pombal", "Pico Sagro" e, sobre todo, "O Moucho", reeditada en boa hora durante 2008 pola edición galega do diario El País (unha edición que, infelizmente, parece esgotar neste instante os seus días de existencia).

Complementando esta faceta bibliófila topamos ao noso autor, en plena madurez intelectual, despregando un intenso e polifacético labor como correspondente e logo numerario (ingresa en 1964 co discurso Cantares e Romances vellos prosificados) da Academia Galega, como Comisario de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo (achado de estelas funerarias romanas na rúa Pontevedra, escavacións no Castro, na illa Toralla e no poboado paleolítico das Gándaras de Budiño, organización dun congreso de arqueoloxía na cidade olívica...), como columnista de prensa no compostelán La Noche e mais no Faro de Vigo que dirixe entón o noso Leal Ínsua e como guionista para o "Galician Programme" da BBC e para numerosas emisións radiofónicas viguesas (con seccións como "Ventana al mar"; "Buenas tardes, Galicia"; "Cada día tiene un suceso"; "Refraneiro galego"; "Reloj de sol", etc.).

Tamén non descoida a faceta literaria, ben como novelista (en 1952 edita Una cabaña en el cielo e en 1955 Las estatuas no hablan), ben como poeta (en 1954 obtén o "Premio Pondal" do Centro Galego de Bos Aires, por Canle segredo, volume que non obstante ficaría inédito ata 1976). En paralelo, ademais, Xosé María escribe diversos traballos como erudito da historia local (así La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo, en 1960) e sobre temas etnográficos e numismáticos, ao mesmo tempo que se erixe nun auténtico especialista na nosa lírica medieval, mercé á Escolma medieval galego-portuguesa (1952), á súa biografía do xogral Martín Códax (1958), a artigos como "Sobre la voz 'señor' en los trovadores (Concepto del 'amor servil')" publicado nos Cuadernos de Estudios Gallegos do Instituto "Padre Sarmiento" en 1950 e mesmo a divertimentos literarios como o Cancioneiro de Monfero, creación absolutamente súa que imprime e difunde o día dos Santos Inocentes de 1953 como se se tratase dun novo códice medieval galaico-portugués... A imitación recreativa das cantigas era tan perfecta, que máis de un erudito coidou estar diante dunha auténtica xoia do noso Medioevo recuperada...

A desgraza traidora e o traballo como refuxio

En 1966, Xosé María trasládase a Uvieu como delegado de vendas da empresa Pescanova, mais a doenza irreversíbel da súa filla 'Colorín' lévao de volta a Vigo ao ano seguinte e forza, por imperativos pecuniarios, o seu regreso á docencia en 1968, como profesor de Formación Humanística no Politécnico Marítimo-Pesqueiro de Vigo.

'Colorín' morre en 1970 e o noso escritor súmese nunha tan fonda como calada tristura, nunha irreversíbel crise de fe e nun redobrado esforzo cultural, literario e editorial, do que son froito os mellores anos da editora "Castrelos" (ata 1979, en que vende os seus fondos á editora Galaxia), os relatos de A pega rabilonga e outra presada de textos inéditos, numerosos artigos no Faro, a concesión en 1976 do título de "Cronista Oficial" de Vigo, a dirección, xunto con Cunqueiro, do volume colectivo Vigo en su Historia (1980) e, finalmente, a biografía de Alexandre Bóveda que o "Banco del Noroeste" (do grupo Rumasa, de Ruíz Mateos) encargou en 1982 para a colección "Hombres que hicieron Galicia" e que acto seguido secuestrou... Desa obra fixo unha edición posterior, traducida para a nosa lingua, a tamén xa infelizmente desaparecida editorial do semanario A Nosa Terra.

Homes así nunca morrerán de todo

Xubilado desde 1983, concorre simbolicamente nunha candidatura galeguista ás eleccións municipais viguesas e falece, dun infarto, o 2 de marzo de 1985. Atrás quedaba unha meritoria obra literaria, tanto en galego como en castelán; un feixe de eruditas achegas sobre diversos campos de investigación, especialmente relevante no tocante á historia local viguesa, ás letras galaico-portuguesas medievais e anteriores ao Rexurdimento, á etnografía e á arqueoloxía; unha inxente obra de divulgación histórica e cultural, derramada en xornais impresos, revistas e emisoras de radio; un labor editorial comparábel, por intención e enfoque popular, co despregado antes da guerra pola "Nós" de Ánxel Casal; unha prole entregada á curiosidade humanística, ás artes e ás letras (seus fillos Xosé Mª, Alfonso e Celso, escritores de valía; súa filla Berta, magnífica artista plástica...) e, sobre todo, como referencia insoslaiábel do pasado comunal galego recente, un valioso e irrenunciábel exemplo ético.

O agasallo dun inédito de Pastor Díaz
 
Aludimos liñas arriba ao intenso labor despregado por Xosé Mª Álvarez Blázquez a partir dos anos 50 e ata ben entrados os 70 como libreiro, bibliófilo, editor e investigador da cultura galega, sexa a través da "Libraría Monterrey", da editora homónima, das algo posteriores "Edicións Castrelos" e dos múltiples traballos de divulgación e erudición que deu a coñecer na prensa periódica (Faro de Vigo, La Noche...) ou en revistas especializadas (Cuadernos de Estudios Gallegos, Grial...). É precisamente nesta perspectiva como o seu nome se vincula de maneira directa coa historia cultural viveiresa, desde o punto e hora en que foi el o descubridor e editor, en 1951, dunha composición en idioma galego de Nicomedes Pastor Díaz, a "Égloga de Belmiro e Benigno".

En realidade, da pluma do tudense saíron numerosos traballos que versaron sobre numerosas figuras, temas e motivos da nosa historia literaria. Así, por exemplo, sobre a biografía de poetas como Martin Códax, Antonio Arias Teixeiro, Francisco Añón ou Aurelio Aguirre. Tamén eruditas achegas sobre a literatura popular ou "de cordel" que circulou na Galiza dos "Séculos Escuros" tendo ao mariscal Pardo de Cela como tráxico protagonista. Súas foron diversas escolmas de poesía galega medieval e moderna e seus, asemade, moitos dos volumes misceláneos ou recompilatorios que a colección "O Moucho" foi publicando con títulos como Cantigas do viño, Sal e pementa. Escolma de epigramas, Os nomes da terra (asinado co pseudónimo 'Celso de Baión', que fai referencia á parroquia de Vilanova de Arousa onde pasou os veráns da súa mocidade), O libro da caza, Xan labrego, Cantares de cego, O libro do marisco, etc.

Foi na editorial "Monterrey", que fundara en 1950 con Viñas Cortegoso e por medio da que poñería na rúa volumes emblemáticos como Cantiga nova que se chama riveira de Cunqueiro, Nasce un árbore de Mourullo, o seu propio poemario Roseira do teu mencer (adicado á súa filla 'Colorín') ou a reedición de El buho gallego (obra que se atribúe ao VII Conde de Lemos), onde publicou efectivamente Álvarez Blázquez en 1951, con ilustracións de Xosé Sesto, o citado poema ata entón descoñecido do escritor romántico viveirés.

Hoxe esta edición prínceps, que constou de 313 exemplares e que saíu concretamente o 23 de xuño de 1951 dos talleres de Celestino Peón (aínda hoxe activos na pontevedresa Praza do Teucro), é ben difícil de atopar, mais dispoñemos afortunadamente do facsímil que Edicións Xerais de Galicia preparou, co patrocinio do Concello de Viveiro e con limiar do profesor Ramón Nicolás, cando a citada editora viguesa celebrou a entrega dos seus emblemáticos premios literarios "Xerais" e "Merlín" na nosa vila, en 2001.

O achado da "Égloga" serviu, entre outras cousas, para comezar a elevar a categoría (unha vocación inicial de escrita en galego, auspiciada polo clima intelectual do seminario mindoniense ou da Minerva compostelá) o que ata entón só viña sendo anécdota (un único texto na nosa lingua, "A alborada", dado a coñecer por vez primeira en 1828) na biografía de Pastor Díaz, colocando automaticamente algúns enigmas apaixonantes: ¿cantos outros textos puido compoñer no seu galego natal o autor de "La Sirena del Norte"? ¿quen o animou ou influíu para cultivar esa vocación de escrita en galego, tan precoz nel como inhabitual e chamativa nunha época en que o noso idioma, como é ben sabido, estaba proscrito de moitos ámbitos sociais e marxinado da propia literatura?

Mentres que para o primeiro dos interrogantes non existe resposta satisfactoria, de xeito que debemos polo de hoxe limitarnos a citar unicamente tres textos en galego de Pastor Díaz, para o segundo hai unha plausíbel hipótese formulada no seu día polo profesor Carballo Calero, que sinalou a Don Antonio María de Castro e Neira (1771-1826), párroco de Argomoso, profesor no seminario mindoniense e autor de varios vilancicos na nosa lingua, como verdadeiro mestre en arte poética do viveirense.

Composta por varias estancias de versos hendecasílabos e heptasílabos, a "Égloga" reproduce a conversa que manteñen Benigno e Belmiro: o primeiro, experimentado en amores infelices por unha Ana que marchou da Terra, intenta consolar ao segundo, que chora diante do mar a perda da súa namorada Xulia, afogada, e pensa na propia morte como remedio á súa desgraza. Finalmente, ambos deciden refuxiarse no vivir aldeán para pasaren o resto dos seus días coa súa amizade como consolo eficaz ("entraron n-ela e sempre en paz viviron").

Álvarez Blázquez declarou ter topado a "Égloga" pastordiana "revolvendo un mazo de antergos manuscritos poéticos", que procederían, tamén segundo a súa propia indicación, do legado documental da casa de dous compañeiros de aulas do noso poeta, na Compostela do primeiro terzo do século XIX, Francisco Xavier e Xosé Parcero Blanco, ambos lugueses.

Para a atribución da autoría do texto, Álvarez Blázquez, sen obviar as lóxicas cautelas intelectuais ao respecto, manexou argumentos de diversa índole, que expuxo tanto no limiar da edición de 1951 como no artigo "Notas para una edición crítica de la Égloga de Belmiro e Benigno de Pastor Díaz", publicado nos Cuadernos de Estudios Gallegos (Compostela, tomo XVIII, nº 56, 1963).

En síntese, eses argumentos facían referencia, en primeiro termo, aos trazos do idioma galego empregado na "Égloga", coincidentes por regra xeral cos falares da área mindoniense do bloque central do galego, ou sexa, co galego de Viveiro: plurais do tipo nubarrós, tragós, rolís, corazós; substantivos como mao (por man); formas verbais como ques (por queres), morriche, fuxiche, escondiche, aganchaba; pronomes como e nosoutros; etc. Na mesma perspectiva funciona o indicador dos castelanismos (dulzura, hermosa, lexos, semexantes, llanto...) abundantes no texto e idénticos na maioría dos casos aos presentes noutro dos tres poemas en galego de Pastor Díaz coñecidos, "A alborada".

A escritora Marica Campo analizou magnificamente no Programa de Festas Patronais viveirense de 1986 o galego usado polo romántico na súa "Égloga", ponderando o mérito dese entón adolescente que se enfrontaba á composición dun texto non pequeno nunha lingua que non contaba entón nin con gramáticas, nin con dicionarios nin con normas de ningunha caste.

En segundo lugar, a atribución a Pastor Díaz sostense polas mencións paisaxísticas que o texto contiña, nomeadamente a referencia á costa bravía e ao río Landrove ("Nas ribeiras amenas / do apacible Landrove"), tantas veces amentado polo poeta nas súas composicións posteriores, xa en castelán.

O marcado ton sentimental, romántico, da composición, en contraste cunha coidada forma de xinea máis ben neoclasicista, colocábana no intre histórico axeitado para atribuírlle o texto a Pastor Díaz, na medida en que o escritor, que había ter probabelmente non máis de dezaseis ou dezasete anos cando a compuxo, protagonizou unha época de mocidade en que o neoclasicismo e romantismo eran códigos antitéticos aínda en loita pola hexemonía definitiva.

Finalmente, a profusa adxectivación, o emprego de abundantes cultismos e outros elementos retóricos presentes na "Égloga" presentan abondosas coincidencias con "A alborada", o que reforza novamente a atribución pastordiana formulada polo autor de Canle segredo.

A todos estes elementos aínda hai que engadir un máis, de tipo grafolóxico: a comparación entre os manuscritos dun e doutro texto e, á súa vez, destes con epístolas do viveirés conservadas permitiu aseverar, con certos visos de indiscutibilidade, que todos eles saíron do mesmo puño...

Leal Ínsua e Chao Espina, dous eruditos viveireses que estudaron a fondo a figura de Pastor Díaz e que manexaron e posuíron abundante material manuscrito por el, non dubidaron en corroborar a atribución feita por Álvarez Blázquez, o mesmo que estudosos de prestixio na época, como Fermín Bouza Brei, Fernández del Riego ou Ricardo Carballo Calero. Desde entón, a "Égloga" figura por dereito propio no elenco de composicións que a comezos do século XIX anunciaron o inminente espertar literario do noso idioma; un espertar que acadaría a súa máxima expresión e intensidade en Rosalía de Castro, amiga dun Pastor Díaz que tería prologado os seus Cantares gallegos se a morte cruel non llo impedise. 

En palabras da xa amentada Marica Campo, admirada poeta e benquerida amiga nosa, "Pastor Díaz, poeta galego e en galego, é un fito do que non podemos prescindir á hora de xulga-la historia da nosa lingua".