eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Xoán Pla Zubiri. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xoán Pla Zubiri. Amosar todas as publicacións

luns, 28 de novembro de 2016

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (VI)

Banda de música La Lira de Viveiro, formada nos anos 30 por membros da familia Amor, coñecida popularmente polo alcume de "Os Tolinos"
Algúns grandes músicos e algúns escritores viveirenses musicados

Ao falarmos nunha entrega anterior das Bandas de Música, aludimos ás rivalidades musicais existentes entre viveirenses e foráneos, vilanchos e fúfaros, mais en honra á verdade debemos dicir que igual de intensas ou máis foron algunhas que se deron entre as colectividades musicais da propia Vila.

A que leva a palma neste sentido, sen dúbida, é o “pique” que existiu nos anos finais da Ditadura de Primo de Rivera e primeiros compases da 2ª República entre a recomposta Banda de Exploradores, dirixida por Juan Latorre Capón e da que facían parte, entre outros, os irmáns Lole e Xuxo de Manaí [Manuel e Jesús Cora Quiroga], O Curto [Francisco López Díaz], Nito do Chucho, Emilio Timiraos, Quiberio e Paco do Chirivico, e a banda de “La Lira”, fundada e sostida pola familia Amor, os Tolinos, de aí que moitos a chamasen ironicamente “A Sagrada Familia”...

Esa rivalidade tivo a súa máxima expresión na celada que a banda dos Tolinos lle tendeu aos pupilos de Latorre durante un pasarrúas nas festas do Carme de 1930. 

Agochados nun calexón dos que desembocan na rúa de Abaixo, agardaron a que pasase a Banda dos Exploradores tocando, situáronse detrás dela en silenciosa formación e, cando foi dado o sinal, comezaron a tocar os seus instrumentos ad libitum en barafunda tremenda, que causou o susto primeiro e a indignación despois dos de Latorre, que responderon arremetendo contra os provocadores e brandindo os instrumentos como quen leva unha moca... A batalla campal que alí se armou non figura en ningún libro épico porque non houbo poeta en Viveiro capaz de retratar en toda a súa intensidade semellante “bélica” ocasión...

Pacífica, aínda que a “cara de can”, resultou posteriormente a coincidencia de ambas bandas nas festas de Naseiro de 1932 e, como explica Nistal no seu Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi (2001: 112):

“había que ver como se dividían las opiniones y como sonaban los aplausos de los partidarios de unos y otros, y con que calor se discutía sobre la superioridad de este sobre aquel”.

A esa saga de músicos extraordinarios que foron os Tolinos pertenceu Ramón Amor García, animador de numerosos grupos musicais en Viveiro (bandas, rondallas, orquestras...) e autor de algunhas melodías sobre versos do poeta Francisco Leal Ínsua, que habería que facer por resgatar; Raúl Amor García, que chegou a dirixir a rondalla da “Hermandad Gallega” de Caracas; Herminio Amor García, que exerceu como músico trompetista na Banda de Infantería de Marina de Ferrol; Antón Amor García, que foi bombardinista; Manuel Amor García, que tocaba o baixo; e, por último, Chudo Amor García, frautista. Varios dos vástagos Tolinos fixeron parte do grupo “Salsa Mandinga”, que acompañou a artista Rocío Dúrcal na época en que se puxeron moi de moda as “rancheras” mexicanas.

Por outra banda, canda aludimos a algúns conflitos que se deron no seo da banda dirixida por don Alfonso Mariño, amentamos puntualmente a figura de quen cabe considerar, pensamos, un dos grandes músicos da historia de Viveiro, aínda que non fose precisamente “profeta na súa terra” nalgúns aspectos, por razóns que non é o caso comentar aquí.

Hernán Naval
Falamos de Hernán Naval (1962-2001), que se formou en diversos conservatorios, foi músico trompetista da Banda dirixida por Alfonso Mariño, profesor do Conservatorio de Música de Viveiro nos seus primeiros pasos, director da coral polifónica do C.I.T. de San Cibrao entre 1987-1989 e director da banda e da escola de música municipal de Ribadeo entre 1992 e o ano da súa morte. Foi, ademais, autor de pezas musicais como “Saraxevo” e “Port-Bou”, presidente da A. C. Sementeira e da A. C. Francisco Lanza, autor teatral e colaborador asiduo de cabeceiras como os semanarios A Nosa Terra, Badal, O Trasno de Burela ou Beiramar de Ribadeo, onde coincidiron os seus escritos cos nosos moitas veces. 

Á súa teimosa e lúcida defensa da idea en 1988 debemos hoxe todos os viveirenses que o Teatro Pastor Díaz non fose pasto da piqueta e fose debidamente restaurado e acondicionado para cumprir o papel que lle corresponde como espazo cultural. Tamén cabe atribuírlle a Hernán boa parte do esforzo propagandístico, a comezos dos anos 80, para crear un estado de opinión favorábel á feliz creación en Viveiro dun Conservatorio de Música, institución que hoxe resulta consubstancial xa coa localidade.

Outra rica perspectiva sobre a tradición musical de Viveiro dánola considerar a existencia de numerosos escritores viveirenses que forneceron ao longo da historia versos do seu enxeño para acompañar as melodías que interpretaban as comparsas e agrupacións musicais da localidade, fose en Antroido, fose durante as festas de verao, fose en determinadas solemnidades, como os Xogos Florais ou o primeiro centenario de Pastor Díaz, en 1911. 

Entre eses “letristas” ocasionais pero de luxo cabe citar nomes como Vicente Sergio López Carril, Xoán Pla Zubiri, Alfredo García Dóriga, Antón Villar Ponte, Antón Noriega Varela, etc.

Algúns deses escritores viveirenses beneficiáronse da amizade e o talento de determinados compositores e viron versioneados musicalmente traballos literarios seus. Tal é o caso de Xoán Pla Zubiri, cuxa composición “Morriña” é convertida en “melodía gallega” en Trives, en 1906, por Ricardo Courtier, director do famoso cuarteto “Os Trintas”.

Do mesmo xeito, Antón Villar Ponte colabora con varios coros populares na creación dun repertorio de estampas galegas musicadas, con pezas como A probiña está xorda, inspirada nun texto de Rosalía de Castro e musicada por Mauricio Farto para o coro coruñés “Saudade”, que a estrea en maio de 1926, e A festa da malla, con música de Fernández Amor, feita por encargo do coro ferrolán “Toxos e Froles”...

Lugar de honra merece, dentro da historia da música operística galega, a versión que Eduardo Rodríguez Losada Rebellón fixo da peza teatral O Mariscal, escrita por Antón Villar Ponte en colaboración con Ramón Cabanillas. Esa versión musicada estrenouse no Teatro Tamberlick de Vigo en maio de 1929. Un dos compañeiros dos irmáns Villar Ponte nas Irmandades da Fala, o violinista pontevedrés Manuel Quiroga, actuou no Teatro Nemesio de Viveiro en xuño de 1924, cando a súa proxección internacional xa era enorme.

Cabe falar tamén da relativa boa “sorte” do poeta da Montaña, Noriega Varela, cuxos textos foron obxecto de versións musicadas, tanto a nivel popular, caso do grupo viveirense “Xistra” (Andrés, Atadell, Dani Fernández Caxete), como a nivel culto, con pezas como “O demo”, con música de Xoán L. Fuertes Saavedra, “Saudade” con música de J. F. Vide, “Laverquiña”, con música de Miguel Lustres ou “As froliñas dos toxos”, con partitura de Eduardo Toldrá.

Xa falamos do “himno eucarístico” escrito por Luz Pozo Garza e musicado por Antonio Amigo en 1961, para o 2º Congreso Eucarístico, mais cómpre engadir que no Programa de Festas de Viveiro de 1945 inseriuse unha composición poética de Plácido Holguín Moas, titulada “¡Viveiro!”, que coñecerá posteriormente moita fortuna como peza de repertorio coral entre nós: “Nacín entre un paraíso / das froles máis feiticeiras, / nacín n'aquel Viveiriño / do rexio mar âs súas beiras (...)”.

Por último, a banda infantil do colexio Lois Tobío, dirixida polo profesor Manuel Rodríguez, atesoura entre outros moitos méritos o de terlle posto música ao primeiro poemario infantil do noso amigo Xoán Neira, Recreos, publicado en 1997 pola editora coruñesa Baía.

mércores, 3 de decembro de 2014

CHOUMÍN, UN GAITEIRO EMBLEMÁTICO DA TERRA DE VIVEIRO

O tipo costumista do gaiteiro converteuse xa na etapa precursora do Rexurdimento galego do século XIX, sobre todo a partir do artigo “El gaitero gallego” do provincialista Neira de Mosquera para a entón moi prestixiosa colección Los españoles pintados por sí mismos, nunha referencia iconográfica, literaria e simbólica de máxima relevancia á hora de reivindicar a especificidade e beleza da cultura galega, esencialmente popular.

A gaita gallega, titulou o xuíz e escritor pontevedrés Xoán Manuel Pintos a súa emblemática obra, editada en 1853, na que un gaiteiro galego tentaba ensinar a un rapaz tamborileiro os segredos gramaticais, as fontes etimolóxicas e a dura peripecia histórica e sociolóxica a que se fora vendo sometido o idioma galego despois do seu esplendor medieval. O “repoludo gaiteiro / de pano sedán vestido, / como un príncipe cumprido, / cariñoso e falangueiro” da Rosalía dos Cantares Gallegos (1863), que entraba polas vilas “con aquel de señorío”, soñaba con enganar as mozas que por el reloucaban… En 1877, “O gueiteiro de Penalta” de Curros Enríquez e “O gaiteiro de Paizás” de Valentín Lamas Carvajal contenderon en boa lide polo máximo galardón do Certame Literario de Ourense, que levou finalmente o celanovés… E polo gaiteiro chamaría, así mesmo, o vello labrego noutrora vítima dos abusos señoriais no célebre poema dun combativo Ramón Cabanillas intitulado “Lume no pazo”…

Choumín de Céltigos
En parte polo peso e lóxico influxo desta tradición literaria e xornalística galega tan extraordinaria e potente, en parte pola sincera e espontánea admiración que a súa figura espertaba entre todos eles, como vivencia directa e insubstituíbel, serán moitos os escritores viveireses da fin do século XIX e dos inicios do século XX que dedicarán a súa atención a un gaiteiro emblemático da Terra de Viveiro dese período: Choumín de Céltigos.

Cómpre dicir, antes de continuar, que non está moi clara a orixe e sentido deste alcume do personaxe, que tal vez teña a ver co substantivo choumán, que servía para designar certo tipo de embutido ou chourizo pequeno e gordo (tamén chamado chanfaino), polo xeral feito de carne ruín (en alusión á baixa estatura e mirrada complexión física do individuo?); tal vez se relacione co adxectivo despectivo chouma, sinónimo de choucho, parvo, ou, metaforicamente, chupado e sen carne; quizais remita para o substantivo chumi, sinónimo de trancho, un tipo de peixe parecido á sardiña; tal vez co substantivo choupín, que designa certo tipo de cogomelo (téñase presente que o noso gaiteiro adoitaba tocar a súa cabeza con sombreiro “de hongo”)… ou, se cadra, co antropónimo vasco Txomin, forma equivalente ao galego Domingos, cos seus hipocorísticos Mingos e Minguín.

Bautizado no século como Juan Gómez de Andrade e natural de Negradas (O Vicedo), Chumín ou Choumín de Céltigos (1823-1911) foi un elemento practicamente indispensábel no acontecer social festeiro do Norte lugués da segunda metade do século XIX e primeiros anos do XX, de maneira que, en atinadas palabras de Ramón Canosa, o seu nome ou alcume “llenó con su simpatía durante medio siglo todo el ámbito comarcal” e pode considerarse, nese senso, con permiso da posterior saga dos Peperranda, o gaiteiro “más popular y enxebre que jamás existió en la comarca vivariense”.

Tal era o entusiasmo admirativo que espertaba o noso gaiteiro, que o erudito e potentado indiano José Mª Riguera Montero obsequiouno cunha magnífica gaita, “por juzgarlo”, di a nota que ao respecto publicou o diario lugués El Regional (29.5.1895), nada máis e nada menos que “el príncipe de los gaiteros gallegos”. O propio Canosa achegou o retrato cabal do noso protagonista nestes termos:

“Por su traza física y ciertos contornos psicológicos, tío Choumín semejaba un personaje barojiano escapado de las páginas de Vidas sombrías. Era un gaitero apretado y tosco, que parecía hecho de barro, como aquellos gaiteros policromados que los niños colocábamos en los Nacimientos gallegos detrás de los Reyes Magos para que su música les hiciera menos penosa la ruta de Oriente. Bajito, rechoncho, recio, con patillas montañeras y sotabarba mariñana, por algo era de una aldea próxima al Val de Vicedo que se peina todas las albas con el cristal del Sor. Tenía el labio inferior acanalado de tanto dar asiento a la boquilla para llenar de alegría festera el fuelle del instrumento, y la mayoría de los dientes le habían desaparecido para no estorbar. Muy trabajado por las troulas aldeanas, dominaba la treta de cobrar de las rapazas limosnas de amor (…)”.

Os seus pasarrúas durante as Festas do San Roque e do Carme en Viveiro, as súas marchas procesionais nos Remedios mindonienses e as súas brillantes actuacións en ocasións sinaladas diante de todo tipo de autoridades (tanto eclesiásticas como civís, desde bispos e cóengos do Cabido de Mondoñedo ata o mesmísimo monarca Alfonso XIII, en fugaz visita á vila do Landrove en 1904), sen esquecermos a súa presenza na inauguración das minas da Silvarosa ou a súa participación en romaxes, mallas, bautizos, vodas, enterros de anxeliños, etc., encheron a memoria musical de varias xeracións de persoas de toda caste e condición, que, en xusto pago simbólico a tanta fartura de ledicia ou consolo espiritual e de música de radical enxebrismo, contribuíron a fixar e divulgar, asemade, un rico anecdotario arredor do músico que logo os cronistas locais Canosa e Chao Espina, sobre todo, lograron plasmar con hábil pluma literaria (Cf. "Tío 'Choumín', el mejor gaitero", Historia menuda de un pueblo gallego, Barcelona, 1953 e De Galicia en el pasado siglo XIX, Ortigueira, 1972, respectivamente).

Dese anecdotario destacan algúns episodios, realmente simpáticos. Así, o seu costume de entrar en Viveiro pola Ponte e saudar a imaxe do San Roque que hai na Porta de Carlos V co toque da “Marcha Real”, en patriótica vinganza contra o santo francés, por non terlle sido avogoso na curación das varices que o gaiteiro padecía… Cabe lembrar aquí a humorística teoría de Travieso Quelle (Jotraque), segundo a cal o santo non tería atendido ese rogo porque “pudiera ser que el gaitero vivariense, tan dado a las asechanzas hacia las féminas, estuviera en pecado mortal”…

Tamén deu pé a saborosas anécdotas a súa rabiosa rivalidade co afamado gaiteiro de Ventosela (Xoán Míguez González, 1847-1912), a quen descualificaría en mordaces versos de copla (“Ventosela… Ventosela… / moita chavería na canaveira…”) por empregar chaves de clarinete na gaita para conseguir interpretar así os bemoles e sostenidos….

E foi célebre a vez en que indo de noite polo monte de regreso dunha actuación, Choumín foi acosado polos lobos e non se lle ocorreu outra solución, para os manter a raia, que irlles ceibando as rosquillas bañadas en azucre con que o agasallaran na voda da que viña de tocar… Cando se acabaron as rosquillas, o noso home, preso do medo, tropezou e caeu enriba da gaita, con tan boa sorte que esta, ao estar medio inflada, botou un son de tan tébrego xorne que axotou de vez, disque, a manda de lobos perseguidores…

De Choumín escribiu Alfredo García Dóriga, nunha anotación á marxe do seu coñecido poema “As minas de Viveiro”: “O home, cheo de viño, andaba pol'as festas de monteira e gabán, e, cando tocaba, os pícaros enchíanño cañuteiro d'a gaita de papés, ou facíanñ'outras xudiadas. Non deixou a gaita hasta que non puido c-os calzós. E sempre tocou ben".

Tamén Xoán Plá Zubiri o citou, como refinado intérprete de pezas de baile na romaría do San Roque viveirés, no capítulo sétimo da súa noveliña Desengano (1926), editada por Lar. 

O escritor viveirense Xoán Pla Zubiri
Pola súa banda, no seu “Pórtico de una guía sentimental de la ciudad del Landrove”, incluído no Álbum de Vivero de Fermín González Prieto “Lander” (1934), Antón Villar Ponte evocou aquel Viveiro “del menudo y socarrón Chumín, gaiteiro rústico, pergeño de figura de tapiz flamenco en las romerías de San Roque, que alegró a varias generaciones con sus decires picarescos sembradores de rubor en las mejillas de las rapazas que atraídas por las notas de la gaita colorada, hermana de sus rostros, le hacían siempre coro”.

A devoción do fundador das Irmandades da Fala pola figura de Choumín foi, en realidade, intensa e duradeira. Sendo aínda un rapaz acabado de licenciar en Farmacia, publicou na coruñesa Revista Gallega (nº 352, 15 de decembro de 1901) un soneto en hendecasílabos de rima consonante abrazada co título de "Tipos de mi tierra: Chumín", que di así:

Vá al peso de los años encorvado
y á la fuerza de humor siempre risueño,
encerrando en su cuerpo asaz pequeño
alma grande de artista consumado.

Tiene el cutis del rostro sonrosado,
en su nariz de corte algo aguileño,
y los ojillos pícaros de empeño
que se entregan al guiño continuado.

Es la gaita del país, la insuperable
compañera de rústicas orgías,
su amiga predilecta y entrañable.

De ella arranca variadas melodías,
cuyo son, melancólico, admirable,
despierta la nostalgia de otros días.

Antón Villar Ponte
Tamén deixou manuscrito e inédito Villar Ponte o poema en galego “Choumín”, peza literaria que Teresiña Villar Chao custodiou con amor en vida e que fai parte hoxe do legado Villar Ponte da Biblioteca do Parlamento galego:

O vello tembreque
sopraba na gaita,
na gaita galega de fol colorado,
inflando os carrillos, mentras meneaba
no longo punteiro
as mans xa cansadas.
O rostro do vello
supremos esforzos no xesto eispresaba,
i-a gaita seguía sin que ni unha nota
en ela soara.
- Meu pai, seique é forte
pra vosté isa gaita,
un fillo lle dixo.
Y-o vello anguriado, doido na yalma:
"Meu neno, responde, o alento qu'eu boto
na gaita, non logra, non logra xa impala,
qu'é alento de vello tocado da morte,
alento de vello que logo se marcha".
- Non diga isas cousas,
mi padre, moi triste o rapaz escrama.
E o vello qu'é terque
sin soltal-a gaita
abrazado n-ela, pois quérea o mesmo
que nai garimosa a un fillo da y-alma,
resopra e resopra no fol colorado
i-a gaita ô fin ruxe cal si se queixara
con ars doces, tristes, das forzas perdidas
do vello gaiteiro que tanto a amara
- ¡Por fin meu filliño,
lograrei tocal-a,
qu'esta é a despedida! o vello marmula.

E inflando de novo seus roxos carrillos
do peito xa endeble él votall'â gaita
o alento que pode, i-a gaita escomenza
a soar moi quediño, rîndo e chorando,
con notas moi doces, moi tenras e brandas,
tan brandas, tan tenras, tan doces, soaves...
qu'o peito cansado do vello ô escoitalas,
salaios emite,
e os ollos do neno bagullas derraman.

Choumin, que aquel vello
así se chamaba,
no val de Viveiro,
na linda comarca
que rega o Landrove
co as suas tranquilas e abundosas augas,
de vellos e mozos era conocido,
que âs festas de sona el nunca faltaba,
pra darlles ledicia cô seu instrumento
a os romeiros todos que a elas chegaran.

Inda eu non olvido
a sua cabeza pequena e moi branca;
seu xesto de pillo
impreso na cara,
onde unhos olliños saltós e pequenos
guiñábanse sempre que ôs mozos falaba,
contándolles verdes hestorias de amores
dos labres das vellas na aldea escoitadas.
¡Quén pode olvidalo,
si él era nas festas da miña comarca,
nas festas enxebres do val de Viveiro,
a nota obrigada!
Si o seu nome ôs nosos recordos alegres
ôs nosos recordos mais doces da infancia,
con fios de pena, con tristes nostalxias
irá sempre unido,
que él desperta lembranzas
dos tempos pasados
nas nosas memorias e nas nosas almas!...

E aínda no semanario El Vivariense (2ª época, nº 18, 14 de agosto de 1906), o autor de A patria do labrego dedicoulle este breve pero sentido artigo, co que fecharemos esta nosa evocación:

¿Qué hijo de Vivero habrá que, al llegar la romería de San Roque deje de acordarse de Choumín? Ó viceversa: ¿qué hijo de Vivero al acordarse de Chumín dejará de pensar en la romería de San Roque?
El viejo gaitero es para nosotros algo así como una institución tradicional, un verdadero heraldo de infinitos recuerdos.
¿Quién será capaz de pronunciar su extraño nombre, sin sentir en lo más hondo del alma una sensación nostálgica quintaesenciada?
Nadie. Porque al que más y al que menos, hace recordarle, por lógica asociación de ideas, aquellas romerías pasadas ¡ay! para no volver, en que había disfrutando de su animación y sus encantos algunos seres queridos que hoy ó duermen ya bajo la tierra ese “sueño sin ensueños que se llama eternidad”, ó bregan por el pan amargo y cotidiano á fuerza de trabajos allá lejos, muy lejos, del terruño nativo, donde tanto impresionan la saudade y la morriña.
Nosotros amamos a Choumín con un amor parecido á aquel que el maestro Montaigne sentía por las cosas que fueron presenciales testigos de señalados hechos de nuestra vida.
Porque, en efecto, Choumín nos recuerda la infancia dichosa, la adolescencia feliz, y aún parece que evocamos al pensar en las dulces notas de su querida gaita, nuestros juegos inocentes y nuestros inocentes primeros amores…
Por eso cantamos varias veces en versos humildes, pero sentidos, al viejo gaitero, por el cual sentimos una admiración especial, inexplicable: cual si en su tipo picaresco y marullero [sic] estuviese encarnado el espíritu íntimo de nuestras romerías y de nuestras fiestas.
Por eso hace muy bien mi buen amigo Jesús Barreiro en pretender llevar al monte San Roque el día 16 al simpático Chumín, pues, con su presencia, ganará en colorido el escenario de la fiesta de tal fecha que también describió Pastor Díaz en su espiritual novelita “Una Cita”.
Chumín hace tomar vida á nuestro pasado. Bien merece, pues, que le dediquemos estos pobres renglones”.