Entre
os Precursores, quere dicir, entre os escritores
decimonónicos que utilizaron o galego antes da aparición dos
Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, ocupa un lugar
senlleiro o pontevedrés Xoán Manuel Pintos (1811-1876), que deixou
para a posteridade, no seu libro trilingüe A gaita gallega
(Pontevedra, 1853, con fragmentos en latín, galego e castelán), un vívido testemuño sobre o marisqueo
como actividade de supervivencia das clases populares da nosa
bisbarra.
A gaita gallega foi escrita, segundo se aclara no seu
subtítulo, "para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a
lengua gallega e ainda máis", nunha época en que o uso do noso
idioma estaba claramente reprimido e a súa aprendizaxe dependía
exclusivamente da transmisión oral intrafamiliar, ao non ser
admitido nos centros escolares nin haber materiais escritos polos que
estudalo e practicalo. Por esa razón, na citada obra hai, ao lado de
abundantes poesías sobre os máis diversos temas, materiais máis
propios dunha gramática ou dun dicionario da lingua: listas de palabras para
distinguir o timbre aberto ou pechado das vogais, equivalencias
castelás de palabras galegas, etimoloxías latinas do noso léxico,
etc.
Para
conxuntar ben este material tan heteroxéneo, Pintos argalla a
existencia de dous personaxes: un mozo non galego, que quere aprender
a tocar a gaita, e un gaiteiro adulto do país, que se compromete a
ensinarlle. A obra enteira desenvólvese como un continuo diálogo
entre ambos, non sempre amistoso, que vai saltando de tema a tema.
Desfilan así pola obra o maltrato dado aos emigrantes, os defectos
da luxuria e da usura, o atentado do cura Merino contra a raíña de
España, a conduta lingüística vergonzante de moitos galegos, a
figura do ilustrado Padre Sarmiento, as belezas de Pontevedra, etc.
Nesta obra de Pintos aparece, ademais, un poema intitulado "Os birbirichos e os
birbiricheiros", en que tracexa un retrato literario moi
revelador sobre as condicións de vida coas que tiveron que apandar
os nosos devanceiros e, ao mesmo tempo, mostrativo de que a riqueza
marisqueira do banco do Serrido cambadés non é cousa só de hoxe.
O
poema que estamos comentando, inserido polo seu autor tamén no Álbum
de la Caridad, comeza cun reproche a aqueles poetas que se
entreteñen ollando para a lúa e as estrelas (léase, os románticos)
e non se preocupan por aquilo "que temos de nós preto".
Aínda que un poema sobre os berberechos non parece, a priori, que
poida encerrar nada interesante nin sublime, o certo é que detrás
da abordaxe dese tema, aparentemente tan intrascendente e mesmo pouco
"poético", Pintos agocha unha forte denuncia da fame e da
miseria que azoutaba amplos segmentos do pobo galego nesa centuria.
Destinado en Cambados como xuíz de primeira instancia entre 1840 e
1844, o escritor pontevedrés puido constatar esa crúa e triste
realidade de primeira man, xaora.
Nos
versos introdutorios, Pintos explica que en Castrelo (Cambados) a
marea baixa deixa ao descoberto un enorme areal:
"É de ver alá
en Cambados
enfrente á terra do Meco
cando devala a marea
tanto chan que queda en seco,
que si fora terra a millo
había
pan par'o inferno
pois naquel longo areal
que vai por junto a
Castrelo
vense as gentes formigando
cando o mar vai baixo e quedo
que parecen as formigas
que saen dun formigueiro".
Cando
comeza a amencer, indica Pintos, xúntanse no areal do Sarrido ou
Serrido "homes, mulleres e nenos", todos de condición
social baixa, pois "todos van esfarrapados / non van ricos, nin
van cregos".
O poeta Pintos, coa súa muller, Serafina Amado, e un seu fillo |
O
poeta continúa comentando a procedencia xeográfica de toda esa
humilde xente que acode ao areal de Castrelo na amañecida. Non veñen
só de Cambados, senón de practicamente toda a comarca do Salnés,
dunha punta a outra, e aínda tamén de máis lonxe:
"Alí van
do Grove, e Curro,
de Dorrón, e Sobradelo,
e de Armenteira, e de
Nantes,
Santa Cristina e Loenzo,
van de Meis, e de Bayón,
Santo Tomé, San Lourenzo,
van de Bamio, van de Cea,
de Oubiña,
e de Tremoedo,
van os do monte da Escusa
e mais ainda de mais
lexos,
van de Caldas, e de Cuntis,
Vilagarcia e San Genxo."
Os
pobres famentos chegan en bandadas, conta o noso poeta, traendo
panos, foles e cestos cos que gardar a colleita. Unha vez chegados ao
areal, póñense a fochicar con paos, ósos, ferros ou cos mesmos
dedos na area e sacan mangados de berberechos frescos:
"Van
enchendo os seus gabidos
sin liortas, e sin berros
pois todos
teñen alí
sin disputa igual dereito.
Ninguén se azaña anque
vexa
que se colle máis ou menos
nin dice nadie "esto é
meu"
mentres que nó ten no cesto.
Hai fartura para todos
anque se ajunten mil centos".
Cando
acaban este labor, feito a toda présa para aproveitaren ao máximo o
tempo de devalo do mar, os campesiños e xentes da ribeira que
mariscaron libremente marchan alegres do areal, dándolle grazas ás
areas:
"Criade os berberechiños
por millares de milleiros.
Nós viremos cubizosos
anque de longe a collelos,
que cando é
muy negra a fame
o camiño non pon medo.
Virán os nosos filliños
e tamén os nosos netos,
virán a pisar os probes
as aréas de
Castrelo".
De
volta para os seus fogares non teñen xa envexa das "comidas dos
señores / cheas de especies e cheiros". Póñense entón a
escochar os berberechos frescos e matan a fame propia e a dos
filliños:
"E comenzan a escochare
os birbirichiños frescos.
Relóucase de mirare
o bulir de aqueles dedos
que con hum en
cada man
e cruzándose pol-os tetos
tris... salta o cacho de
arriba
o de abaixo queda cheo.
De esta maneira os escochan,
mais despois é de ver comelos,
a cubiza con que sorven
o que os
cachos teñen dentro,
como chuchan as cunchiñas
e dimpóis
lamben os dedos".
A
cousa, desta arte, non pode senón acabar en improvisada festa:
"Non
falta nas compañías
quen asopre algun punteiro
algum-ha frauta,
ou ben un chifre
ou algun outro estrumento,
e mulleres que
cantando
e castañolas mecendo
se espotrican coas ferreñas,
repinican o pandeiro".
Un solpor no Serrido cambadés |
O
poema de Pintos remata cuns versos que explican a orixe dun dos
alcumes (xunto co de "piardeiros") cos que foron e mesmo
aínda son designados popularmente os cambadeses: "Agora os
homes de chola / sin forzar o entendimento / sabrán porque ós de
Cambados / chaman os birbiricheiros".
Dito sexa con permiso dos
"afoghacristos" de Carril, dos "inghleses" de
Vilagarcía, dos "carcamáns" da Illa, dos "pioeiros"
de Vilaxoán, dos "fanequeiros" de Vilanova, dos "barrosos"
de Vilalonga e dos "tiñosos" de Ogrobe...
Ningún comentario:
Publicar un comentario