eu

eu
eu

martes, 4 de abril de 2017

A PROPÓSITO DUN ENSAIO DE X. R. BARREIRO E LÓPEZ MORÁN SOBRE MARUJA MALLO


Ampliando o coñecemento dese inmenso continente artístico, a medio explorar aínda, chamado Maruja Mallo.

A veterana editorial galega Galaxia, de Vigo, puxo en marcha en datas recentes un novo selo denominado “Mar Maior”, coa loable intención de dar a coñecer entre o público de fala hispana algunhas das manifestacións, producións, figuras e obras literarias máis senlleiras da cultura galega de todos os tempos.

Unha das primeiras publicacións editadas baixo ese novo selo corresponde ao ensaio Maruja Mallo. Una memoria en construcción. Series y obras desconocidas de la etapa americana, debido ao coñecido historiador, catedrático emérito e ex presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, e mais á súa esposa, doutora e especialista en historia social Beatriz López Morán.

O volume, de 117 páxinas, presenta unha edición moi coidada e pulcra e nace cun obxectivo fundamental, que acada brillantemente: dar a coñecer series e obras da etapa americana de Maruja Mallo ata o presente non catalogadas, na procura dunha necesaria listaxe razoada e totalizadora da súa produción. 
 
A descuberta de todo este novo material artístico, detrás de cuxa pista andou no seu día o chorado amigo Fausto Galdo, permítelle aos autores do ensaio matizar algunhas avaliacións críticas deitadas anteriormente sobre a traxectoria da pintora e completar o elenco dos seus motivos temáticos. Atinada de vez é a súa reivindicación do carácter de incansábel traballadora da nosa artista, fronte a certas visións que alentan sobre ela unha deformadora imaxe de frivolidade.

A pesar da súa brevidade, é ben substancioso o epígrafe en que os autores do ensaio repasan o proceso de recuperación experimentado pola obra da artista de Viveiro desde a súa instalación definitiva en Madrid en 1965, ao regreso do exilio, ata a propia actualidade.

Non menos interesantes resultan as súas reflexións arredor das condicións en que Maruja Mallo tivo que desenvolver a súa existencia no exilio bonaerense, non sempre cómodas nin favorábeis. Entre elas cabe salientar, como xa explicou en parte Mª Antonia Pérez na revista Madrygal ao se ocupar da correspondencia entre Maruja e o escritor mexicano Alfonso Reyes, a súa relación comercial privilexiada coas elites sociais da Arxentina durante o peronismo, o seu traballo como decoradora para a Casa Comte, as súas rupturas con determinados núcleos intelectuais, como o dos galegos na Arxentina (Seoane, Arturo Cuadrado, Rafael Dieste, Lorenzo Varela…) ou o de Victoria Ocampo e a revista Sur, e, por último, o poderoso apoio recibido, cando menos ata 1946, de empresarios culturais como Natalio Botana e Constancio Vigil.

Barreiro Fernández e López Morán advirten sobre a posibilidade de que en Chile, en Perú e na zona andina da República Arxentina se encontre dispersa e sen catalogar aínda, en coleccións particulares sobre todo, moita outra obra de Maruja, a maiores da que eles propios rescatan no volume en cuestión, que organizan en dous grandes apartados: “Series desconocidas” e “Obras desconocidas de las series ya establecidas”. Con razón afirman que “del período americano solo tenemos un conocimiento muy epidérmico y vago”.

Saen aquí á luz por vez primeira, efectivamente, nada menos que dúas series inéditas: “Gatos”, con sete obras feitas en Bos Aires entre 1943 e 1944, como témperas sobre cartolina negra de 63’5x48 cm., e “Gallos”, 5 témperas elaboradas entre 1943 e 1944, co mesmo tamaño e técnica que a serie antes citada.

Achéganse logo, ademais, novas pezas pictóricas doutras series coñecidas: varios óleos de temas mariñeiros (redes, estrelamares, peixes, rostros de muller…) concomitantes coa coñecida serie “La religión del trabajo”, 8 cadros de “Naturalezas vivas” (que se suman así aos 16 xa coñecidos), algunha nova “Cabeza de muller negra”, tres novas entregas máis da serie “Máscaras” e un par de novas composicións encadrábeis na serie “Atletas y bailarinas”.

Tamén recollen Barreiro Fernández e López Morán dous figurinos deseñados por Maruja Mallo en tinta e lapis de cor para algunha obra teatral, varios deseños decorativos con elementos vexetais e animais feitos á témpera sobre cartolina e mesmo algunha peza cerámica, como a titulada “Mujer con rulos”.

En definitiva, fica aínda moito por explorar dese continente artístico inmenso chamado Maruja Mallo e resulta imposíbel discrepar de Barreiro Fernández e López Morán cando afirman, ao poñeren ramo ao seu magnífico e impagábel traballo: “nuestra gran pintora aún nos reserva hallazgos imprevistos”.