eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Alonso Montero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alonso Montero. Amosar todas as publicacións

venres, 6 de marzo de 2026

O meu adeus ao profesor Alonso Montero

 

Faltaría ao máis elemental dos deberes, o da gratitude, se non escribise unhas liñas en lembranza e homenaxe ao profesor Xesús Alonso Montero, desaparecido en datas recentes despois de noventa e sete anos de frutífera vida.

Sabía del moito antes de o coñecer en persoa, sendo eu aínda estudante no instituto de Viveiro, porque me chegaban estímulos un tanto contrapostos sobre a súa figura e o seu labor. Por unha banda, varios mestres e escritores locais, como meu benquerido Ricardo Timiraos, poñíanme sempre Alonso Montero nos cornos da lúa como docente e como intelectual comprometido coa lingua e cos valores progresistas. Algún profesor mesmo estampou un día no encerado un pensamento de Pedro Petouto, o mestre subversivo alter ego de D. Xesús, para que escribísemos as nosas particulares reflexións sobre ela: “A cultura, abre os ollos; e se non os abre, non é cultura”. Décadas despois, sigo dándolle voltas acotío... Mais, por outra, non faltaban outras persoas por nós tamén respectadas que o acusaban de incitar ao derrotismo na batalla pola dignificación da lingua co seu polémico Informe dramático ou se molestaban con el por transgredir a presuntamente matemática ecuación entre amar a cultura propia e profesar ideario nacionalista.

Aínda que un tanto confuso entre simpatías e antipatías, eu procuraba con degaro títulos da autoría de D. Xesús no almacén da Libraría Celta de Lugo, a onde acudía cada e cando desde Viveiro acompañando a meus pais na procura de material para encadernación. Rebuscando naqueles andeis e a prezos sensibelmente baixos puiden encontrar e adquirir libros que comezaban a facer medrar a miña humilde biblioteca e que son hoxe xoias dela, como a antoloxía Os cen mellores poemas da lingua galega, Galicia vista por los no gallegos, Política e cultura en Galicia 1977, a edición tetralingüe dos poemas galegos de García Lorca ou os tres tomos da Obras Completas de Ramón Cabanillas preparadas por D. Xesús e editadas por AKAL. Lembro con emoción, ademais, o Nadal en que os Reis Magos me trouxeron unha edición de O Divino Sainete currosiano preparada por Alonso Montero, ilustrada por Seoane e editada polas Ediciós do Castro de Díaz Pardo, que tanto se botan de menos e que tamén lle editaron un libro singularísimo, de título que é un poema de seu: Escritores: desterrados, namorados, desacougantes, desacougados...

Cando estando eu xa en quinto de carreira (ano 1990) se produce a circunstancia de ter durante uns meses como docente de Literatura Galega a D. Xesús en persoa, teño a oportunidade de constatar moitas das virtudes sobre as que tanto me tiñan falado (o seu saber enciclopédico, a súa oratoria envolvente, a súa capacidade didáctica), mais, tamén si, algúns feitos antipáticos e discutíbeis, ou así mo pareceron entón: unha clase en que, enfadado por non sei que razón, D. Xesús se dedica a humillar publicamente unha compañeira por ignorar a resposta a certa pregunta sobre o Seminario de Estudos Galegos; unha lectura de Rosalía nesgada e condicionada por unha interpretación marxista excesivamente catequética; un proceso de oposición á propia cátedra de Literatura da USC onde ten como rival ao líder da UPG Francisco Rodríguez e parte do tribunal falta nos seus comentarios e preguntas á máis elemental obriga de ecuanimidade e ponderación entre ambos meritorios aspirantes... Así as cousas, gozo e sufro por igual naquel curso final aquelas clases súas: admiro como se dan e o moito que aprendo nelas, mais prodúceme tamén certa prevención e distancia o personaxe (ou talvez só a súa carauta).

O día en que D. Xesús comezou a render de vez a fortaleza dos meus reparos prodúcese cando nos convoca a un pequeno grupo de estudantes con nota de sobresaliente na súa materia a unha especie de “exame sorpresa” a celebrar no local do Instituto de Estudos Portugueses, na Facultade de Filoloxía en Mazarelos (onde eu estaba a traballar como bolseiro de colaboración ese ano). Faino para determinar por medio desa proba os/as merecedores/as das limitadas matrículas de honra que pode conceder. Creo recordar que entre os aspirantes, canda min, se encontraba Ramón Nicolás, magnífico investigador e divulgador da literatura que encarna, nos meus recordos, o prototipo de “discípulo ideal” de D. Xesús, ao igual que o foron e son bos amigos meus como Miro Villar ou Patricia Arias. O exame é tan “sorpresa” que non hai nin temario previamente fixado nin tempo para preparalo. A tumba aberta. Sabes ou non sabes. E a pregunta que nos toca contestar a todos é que fagamos, sen copia do texto diante, unha glosa explicativa e persoal da letra do poema “Os pinos” de Eduardo Pondal, interpretando os seus símbolos e referencias, aclarando o seu léxico, conectando o seu contido co contexto histórico, político e ideolóxico da súa época, etc. O sorriso e as palabras de satisfacción con que D. Xesús me comunicou que eu estaba entre os afortunados que levaríamos matrícula de honra na súa materia representan aínda hoxe, pasadas décadas, unha das demostracións máis vivas das que podo dar fe para explicar que é o que chega a sentir un profesor/mestre vocacional cando ve frutificar sementes de saber e coñecemento no seu alumnado.

En todo o tempo que veu a seguir, os encontros con D. Xesús fixéronse esporádicos e casuais, mais sempre presididos por un afecto e unha cordialidade reconfortantes. Topeime con el unhas veces nas salas da Fundación Penzol en Vigo, un dos seus sancta santórum para investigar; outras en congresos e xornadas de estudo; outras en recitais de homenaxe ao poeta medieval Xoán de Requeixo, en terras chantadinas; outras aínda en sesións e simposios organizados pola Academia Galega, que el chegou a presidir. Nun deles, celebrado en Cambados en homenaxe a Cabanillas, Alonso Montero felicitou cariñosamente a miña filla Aloia, daquela pequerrechiña aínda, por recitar o poema “Meus irmáns”... Veciño do barrio vigués de Teis, departía ás veces cos meus sogros, Pilar e Emilio, preguntando sempre pola familia e comentando contos e anécdotas do Ribeiro ourensán, terra natal que compartía co meu propio sogro. Cando o centro de ensino en que traballo, o IES A Basella de Vilanova de Arousa, cumpriu o seu primeiro cuarto de século, tiven a honra de presentalo para introducir a súa charla sobre Cervantes.

Loxicamente, lin e aprendín moito desde saír licenciado ata hoxe dos innúmeros traballos que Alonso Montero iría debullando, incansábel, en todos estes anos: as súas achegas os nosos clásicos (especialmente Rosalía, Leiras Pulpeiro e Curros, sobre o que preparou co chorado Xosé Vizoso como ilustrador un precioso volume titulado Curros Enríquez para nenos); sobre escritores do exilio (Luís Seoane, Lorenzo Varela, Celso Emilio Ferreiro...); sobre a musa franquista e a colaboración coa ditadura dunha parte dos nosos literatos (Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro e Filgueira Valverde entre eles), sobre loitadores pola República e a democracia (Castelao, Aníbal Otero, Lueiro Rei, Blanco Torres), sobre o galeguismo de posguerra (Piñeiro, Otero Pedraio, Ben-Cho-Shey), sobre a historia da Academia Galega ou sobre a loita por denunciar diante da UNESCO a represión que o franquismo levaba a cabo contra o idioma propio de Galiza.

E se ben non me cadrou escoitalo en Viveiro falar sobre Pasionaria, tiven a honra de ser xulgado e premiado con el propio facendo parte do xurado en dúas edicións do premio “Ánxel Fole”, convocado por El Progreso e a desaparecida Fundación Caixa Galicia.

Unha das derradeiras veces que coincidín en persoa con D. Xesús foi en Viveiro, nunhas xornadas de celebración do centenario das Irmandades da Fala no Teatro Pastor Díaz, en 2016, compartindo mesa co benquerido e admirado Antón Costa. Meu pai estaba xa ben maliño e non puido asistir a ese acto, mais eu sei que tería sido enormemente feliz se escoitase o que Alonso Montero tivo a ben dicir de min aquel día, con xenerosidade excesiva.

A estas alturas non necesitarei dicir a decepción tan grande que sentín cando desde determinados sectores, quixeron poñerlle proa en épocas ben recentes á concesión a Alonso Montero do título de “fillo adoptivo” de Lugo, un recoñecemento honorífico absolutamente merecido por este sabio ancián que deixou innúmeros afectos e discípulos na cidade das murallas e fóra dela. A contrariedade que puideron causar no seu día discutíbeis opinións puntualmente proferidas polo vello profesor non debía ter valido nin pesado tanto como o seu inmenso esforzo intelectual, a súa paixón investigadora, o seu constante exercicio de rescate da memoria histórica e a súa prolífica e impagábel produción bibliográfica, máxime cando todos éramos conscientes do avanzado da súa idade e da débeda colectiva de gratitude que estaba pendente de satisfacer cara á súa persoa. Agora xa foi, o tempo poñerá a cada quen no seu sitio, mais con estas liñas honramos e despedimos unha figura enorme, valiosa e referencial para o porvir. Coa desaparición de D. Xesús, a cultura galega perdeu, sen lugar a dúbidas, un dos seus sabios, mais aí fica o seu legado de palabras, para alimentar o futuro desta Terra.

Boa andanza polos camiños do Alén, vello profesor!


[Publicado orixinariamente no semanario Heraldo de Vivero o 27 de febreiro de 2026]

luns, 30 de setembro de 2019

ARREDOR DO CONTRIBUTO POÉTICO GALEGO DE LUEIRO REY.




No rodicio da vida e da poesía, moitas voltas leva dado xa o mundo desde que o escritor e militante comunista Manuel Lueiro Rey (Fornelos de Montes, 1916- Ogrove, 1990) deixou de estar corporeamente entre nós. E o certo é que sobre a súa figura veñen actuando, desde entón, dúas forzas tan teimosas como contrapostas, nun singular combate silente e titánico.

Unha delas, a da desmemoria, tenta arrombar cada día que pasa o seu nome a un eco que se apaga máis e máis, a unha simple nota de rodapé dos manuais de historia literaria galega, opacado por outros nomes de aparente máis brillo ou relevancia (poñamos por caso os de Celso Emilio Ferreiro, Díaz Castro, Carvalho Calero ou Xosé Mª Álvarez Cáccamo, dentro da súa mesma “quinta”, a da chamada “xeración do 36”) ou sepultado, entre ignorancias e descoñecementos máis ou menos involuntarios, debaixo dunha etiqueta cómoda e tópica, a da “poesía social”, que se ben puido dar algún lustre e sona en tempos do que el propio denominou “Transición intransigente”, ten agora, en tempos de apoteose ideolóxica neoliberal, connotacións mesmo pouco positivas.

Outra, a da reivindicación, enarborada na acción e na palabra por grandes admiradores do escritor como, entre outros, Francisco Lores (que nos deixou en datas recentes), Xesús Alonso Montero, Antonio Chaves Cuíñas, Gustavo Luca de Tena, Modesto Hermida, Mª Xesús Vidal e Ramón Nicolás Rodríguez (“A persoa que máis ten feito, como editor e estudoso, pola obra literaria de Lueiro”, en xusta e acertada caracterización do xa citado Alonso Montero) teima felizmente en manter acesa a chama daquel lume, recompilando novos textos, publicando inéditos, ilustrando, traducindo, estudando e rememorando desde ángulos diversos as facetas plurais daquel loitador da cultura e da clase obreira que foi o Lueiro Rey, sempre amigo de chamarlle ao pan, pan e ao viño, viño en todas as vertentes da súa traxectoria.

Nós queremos contribuír humildemente a engrosar esta segunda corrente, a que reivindica o valor, interese e mérito do seu legado literario, ideolóxico e humano, proxectándoo como unha luz de faro no rudo presente adverso. E queremos facelo revisitando e reflexionando con ollada limpa sobre os versos galegos que escribiu, que foron recollidos, como é ben sabido, en tres monllos sucesivos, de aparición máis ben serodia e, no caso do derradeiro, mesmo póstuma: Escolma ferida (Eds. do Castro, Sada, 1977), Nova escolma ferida (Eds. do Castro, Sada, 1988) e Derradeira escolma ferida (Eds. Xerais, Vigo, 2003).

A primeira consideración a facer é, precisamente, a que nos leva a reivindicar que, por debaixo desa etiqueta de “poeta social” con que Lueiro Rey foi taxidermizado habitualmente xa en vida, e que parecería connotar de maneira apriorística a súa produción con determinados esquematismos temáticos e ata con presuntos desleixos formais, corre en realidade un río de poesía diversa, rica en matices e esteticamente nada descoidada, aínda que, iso si, adrede diáfana. Unha poesía que afinca en vivencias moi intensas e que, nese senso, expresa valores e verdades esenciais do ser humano, sentimentos e pulsións de carácter universal que están ben lonxe tanto da poesía concibida como “consigna” e “slogan” como, tamén, da instalada nunha baleira artificiosidade verbalista.

Lueiro Rey foi un poeta do humano, da memoria e do sufrimento, da loita e do fracaso, da carraxe indignada e do íntimo desánimo, pero non foi nunca un panfletario. Quer falase desde o “eu”, quer desde o “nós”, houbo sempre unha chama de sinceridade expresiva e de autenticidade cordial ardendo en cada verso seu. El mesmo reivindicou ese trazo libérrimo do seu estro no poema “Xa sabedes”, cando sinalou: “hei seguir cantando o que me peta, / botando fóra o que me morde o peito”.

Non por acaso o substantivo que elixiu para caracterizar o conxunto da súa produción poética na nosa lingua foi o de “ferida”: o poema, “latexar do corazón ferido”, exposto como unha radiografía que nos amosase cicatrices internas, o verso como un esconxuro íntimo lanzado ao vento contra as dores e as escoriacións da propia alma, o lirismo como un tenaz exercicio contra a desmemoria, a palabra como unha ferramenta de soerguemento e afirmación, como poñen ben de manifesto poemas seus titulados “Pumariños tenros”, “Herdanza”, “Campá do meu soño” e “Deixar amósegas no tempo”. Por iso o definiu Herminio Barreiro nalgunha ocasión, ben atinadamente, como “poeta esencial”, engadimos nós na antítese da banalidade, da superficialidade e da autocompracencia.

Unha segunda consideración lévanos a salientar a profunda influenza que sobre a súa ética e a súa estética exerceron, efectivamente, poetas e artistas profundamente admirados, comprendidos e mesmo tratados persoalmente por el: Antonio Machado, Miguel Hernández, Rafael Alberti, Pablo Neruda, Luís Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Arturo Cuadrado... Poetas todos eles de vida e lira marcada polos avatares do devir histórico en propia carne, que pagaron con exilio, prisión e mesmo morte a fidelidade a uns ideais dignificadores da condición humana, a coherencia entre palabra e acto, a altísima autoesixencia ética, nunha verba, o “compromiso”.

Nesta perspectiva, coidamos que na consideración da poesía de Lueiro Rey á luz do contexto histórico e estético do seu tempo terá que ocupar sempre un lugar preferente, por revelador, o poema “Cantiga do mar da Arousa”, que o seu propio fillo Geno Lueiro, Francisco López Chesqui e outros mozos de Ogrove cantaban sen medo co grupo “Ritmo Joven” a mediados da década dos 70 e que o catedrático cambadés Francisco Fernández Rei estudou ben a fondo.

Non é só que Lueiro levantase nese concreto poema acta da miseria, da fame, do medo, da intolerancia represiva e da grisallenta atmosfera social e cultural do franquismo máis mouro, senón que, asemade, rebentou empregando as súas mesmas armas expresivas e formais a estética do “neotrobadorismo”, unha proposta que nacera en tempos de preguerra do abraio diante do tesouro da nosa lírica medieval mais que, a partir do 36, ficara convertida en recurso socorrido de poetas “escapistas”, “diletantes”, “descomprometidos” ou directamente “instalados” nas poltronas culturais do réxime franquista.

Hai, en terceiro lugar, un motivo poético concreto na obra galega de Lueiro Rey que nos resulta conmovedor en extremo, o da vida truncada e estragada pola guerra e pola ditadura subseguinte, ese “saco de flores ao lombo podrecendo”, en expresión de Celso Emilio Ferreiro, co que tiveron que cargar os mozos poetas a quen o 36 colleu en pleno espertar vital e creativo, abrindo diante das súas propias traxectorias literarias e humanas un abismo longo e escuro, imposíbel de encher. O noso poeta proclamará a súa amargura: “Dende entón eu sei que me roubaron / corenta anos de tempo do meu tempo”, e, noutro poema, constatará con resignada lucidez: “Tocoume un tempo podre que vivire, / e fun mordendo a anguria do silenzo”.

Reler sen prexuízos estéticos nin ideolóxicos eses poemas “confesionais” e introspectivos de Lueiro Rey, sen lugar a dúbidas, obriga a asolagarse nun baño de dor humana auténtica que non pode deixar indiferente e que dá a medida xusta da honestidade e profundidade do noso poeta. Vibra a corda con tanto padecemento dentro que o afeite e o adorno non poderían ser interpretados aquí máis que como impostura. De aí esa dicción directa, sobria e intimista ao mesmo tempo, que se proxecta sobre a persoa lectora como unha confidencia dolorosa en voz baixa, soletreada no silencio da alta noite, máis que como un berro de rebeldía lanzado en plena rúa ou á luz do día. Neses poemas (poñamos por caso os titulados “Ausencias”, “Meio século” e “Agardando”), Lueiro Rey parece chorar desconsolado nun ombreiro imaxinario por tantas esperanzas vitais que resultaron tronzadas de súpeto, e non podemos imaxinalo entón máis lonxe de calquera espírito pueril de “propaganda” nin máis afastado de calquera tentación de maniqueísmo ou “pose”. Como anotou Basilio Losada, o autor de Manso escribiu decote “sen caer na simpleza ou na trivialidade”.

Por outra banda, a solidariedade humana (“saberse sempre ó pé dos demais homes”) é un sentimento permanente na obra de Lueiro. Unha solidariedade que se envolve en franqueza expresiva e que non está exenta, ás veces, de coloracións tristes, coma laios diante da dor, do sufrimento e da inxustiza flagrante. O Chile de Allende, de Neruda e de Jara, martirizado física e espiritualmente polos sanguinarios comandados polo xeneral Pinochet, ocupa un lugar moi relevante neste universo temático do militante internacionalista Lueiro Rey (en poemas como “Loitando, sempre loitando”, “Canto pra unha cidade triste”, “A derradeira cantiga de Víctor Jara”, “Canción pra un pobo irmán”, etc.), canda o Portugal de Abril (“Poema de urxencia pra un pobo en marcha”) e a Nicaragua sandinista (“O son da vida nova”), como tamén o ocupa, contrastivamente, a constante e irada denuncia contra todos os Caíns, os tres “irmáns siameses” (Hitler, Mussolini, Franco), os morcegos, os ratos, os alacráns e os avutres, en definitiva, esa fracción do xénero humano entregada á pérfida causa de medrar “ó lombo / dos osos da fame e da inxusticia” e perpetuar así o mal, o medo, o abuso e toda caste de infamias e ignominias.

Tamén espertará algúns versos solidarios no Lueiro Rey a epopea anónima da emigración galega (véxase o poema “Carta escrita que non ten resposta”, enderezado a Castelao), unha emigración que el propio coñecerá de primeira man durante sucesivas viaxes á Arxentina e ao Uruguai, convidado pola “Sociedad Unión Hijos del Grove”: 1968, 1972, 1978, 1985... O contacto cunha parte moi relevante do exilio republicano galego (Seoane, Varela, Cuadrado...) durante eses periplos suramericanos supuxo para el unha especie de “segundo nacemento”, que acabou traducíndose nun abrazo decidido á lingua de noso como ferramenta literaria e nunha reafirmación máis férrea, se couber, no ideario de esquerdas e na loita a prol dos “pobres do mundo”.

“Cantar a verdá do noso tempo”. Este verso seu, que escribiu no seu día como homenaxe a Antonio Machado, resume de vez a intención última coa que Lueiro Rey afrontou todo o seu quefacer como escritor. Foi a súa poesía, por iso mesmo, voz para a esperanza nun mellor porvir para as clases populares, berro de alento nas loitas xusticeiras, consolo nos inevitábeis retrocesos dunha historia concibida dialecticamente, campá de denuncia diante de innúmeras lacras antihumanistas en todas as latitudes do mundo, recriminación de incoherencias e acomodacións persoais e colectivas terxiversadoras, que tinxiron de indignada amargura e decepción os derradeiros anos vitais deste incansábel loitador.

No remate destas liñas, atrevémonos a lanzar un interrogante que quere ser aberto e xeneroso convite a visitar de novo a súa figura e obra, tendo moi presentes palabras que o propio autor de Ogrove estampou nun artigo en 1986, desexando que a data en cuestión fuxise para sempre “desa falsa xeitura de xogos florais, que máis que arrequecer a nosa cultura, o que fai é dar lugar a un exercicio ocioso onde medran os mitos, que sempre foron quen tiveron á nosa terra fundida nun neboeiro elitista”: Para cando un merecido Día das Letras Galegas ao poeta, narrador e xornalista Manuel Lueiro Rey?



[Publicado orixinariamente no número 24 da revista Aunios (maio de 2019), editada pola A. C. Pineiróns, de Ogrove]