eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Seminario de Estudos Galegos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Seminario de Estudos Galegos. Amosar todas as publicacións

mércores, 30 de maio de 2018

Trala pista apaixonante de Margot Sponer

O profesor e catedrático de francés na USC Antón Figueroa, autor de ensaios de teoría literaria e sobre relacións interculturais tan relevantes como Diglosia e texto; Lecturas alleas; Nación, Literatura, Identidade e Ideoloxía e Autonomía no campo literario, ofrécenos da man de Edicións Laiovento, baixo o título de Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, un libro moi singular e meritorio que resgata do esquecemento a figura desta profesora berlinesa moi vinculada nun momento dado da súa traxectoria vital e intelectual á nosa Terra.

Activa investigadora e docente no período 1927-1933 do “Romanisches Seminar” de Berlín e autora dunha tese pioneira sobre a lingua galega elaborada a partir de 1926 e presentada na Friedich-Wilhellms-Universitat en 1935 baixo o título de Altgalizische Urkunden (Documentos antigos de Galicia na versión parcial que dela publicou en 1934 o Anuari de L'Oficina Romànica de Lingüística i Literatura de Barcelona), Margot Sponer, que naceu en 1898, significouse na resistencia contra o nazismo na Universidade alemá a partir de 1933.

Comezada a guerra civil en España, Margot non desimulou a súa antipatía cara aos docentes e lectores hispanos enviados por Falange ás aulas berlinesas (Teodosio Noeli, Celia Giménez...), ocupados, entre outros prácidos mesteres, en traducir para alemán os discursos de José Antonio Primo de Rivera e en recadar información policial sobre os republicanos españois exiliados. Vixiada pola Gestapo desde moi cedo, Margot axudaría outras persoas perseguidas polos nazis, algunhas delas xudías, e enviaría cartos e alimentos a varios presos en campos de concentración, como o francés Bernard Morey. En outubro de 1942, acabou sendo expulsada definitivamente da docencia e morreu a mans de tres integrantes das SS o 27 de abril de 1945, poucos días antes da definitiva rendición de Alemaña na 2ª Guerra Mundial.

Sobre ela existían traballos biográficos previos debidos á súa propia irmá, Hertha Sponer, e á especialista en historia da ciencia Annete Vogt, mais o ensaio de Antón Figueroa acrescenta moita información sobre o relacionamento de Margot con varios núcleos intelectuais de relevancia na Península ibérica nos anos 20 e 30: o Centro de Estudios Históricos de Madrid, dirixido por Ramón Menéndez Pidal; o grupo da revista salmantina El Estudiante (1925); e, sobre todo, os intelectuais que animaban o Seminario de Estudos Galegos, encabezados por Vicente Risco. Froito deste último relacionamento é a colaboración de Margot co boletín Nós no seu número 37 (1927), co traballo “Algunhas notas dos meus estudos de filoloxía galega”.

En realidade, Margot estivo en Galiza unha soa vez, durante o verán de 1926. Traballou nos arquivos de varias cidades (A Coruña, Ourense, Santiago, Pontevedra e Lugo), contactou con eruditos como Pérez Constanti ou Casto Sampedro e fixo recollida de materiais dialectolóxicos en terras do Cebreiro (materiais que, infelizmente, acabarían perdéndose despois da súa tráxica morte).

Con posterioridade á súa estadía en terras galegas, as súas relacións en Berlín co xornalista Felipe Fernández Armesto (daquela situado ideoloxicamente na órbita progresista), co galeguista Lois Tobío e co Vicente Risco que escribía na capital alemá as páxinas do seu controvertido Mitteleuropa permitiríanlle a Margot non perder contacto co devir galego nese intenso período.

O libro de Antón Figueroa adquire, sen lugar a dúbidas, a traza dunha merecedísima e oportuna homenaxe póstuma á filóloga alemá que tanto amou o noso idioma e que viviu libre e insubmisa fronte ao horror nazi ata o final.

[Publicado no número 10 da revista "Aulas Libres", que edita o STEG]

sábado, 18 de xullo de 2015

A ACADEMIA GALEGA NAS DÉCADAS DE PREGUERRA

Académicos na sesión de ingreso de Amador Montenegro. Compostela, 1910
A definitiva fundación da Academia Galega o 30 de setembro de 1906 significaba a culminación dun grande esforzo de institucionalización e dotación de referentes simbólicos (bandeira, himno...) levado a cabo polo Rexionalismo, con Manuel Murguía á cabeza, que se fixo co impagábel apoio, económico, publicístico e moral dalgúns núcleos conscientizados da comunidade galega emigrada en Cuba (Fontenla Leal, Chané, Curros Enríquez...).

Concibida como unha entidade de “varóns notábeis”, con amplos obxectivos na promoción e na investigación histórica e cultural, que non como Academia da Lingua (aínda que entre os seus fins figurasen o de elaborar unha gramática e un dicionario), a Corporación comezou a súa andaina marcada, para ben e para mal, pola personalidade de Murguía, veterano líder dun esforzado agrupamento, alcumado despectivamente como “Cova Céltica”, en que figuraron Lugrís Freire, Carré Aldao, Tettamancy, Florencio Vaamonde, Eladio Rodríguez...

Á hora de pór en marcha a entidade, Murguía repartiu designacións de numerarios e correspondentes seguindo pulsións ben transparentes: acoller todo aquel que tivese feito, no foro, na prensa ou no libro, profesión de fe rexionalista, latu sensu; atraer figuras do ámbito internacional para prestixiar a nova entidade (Teófilo Braga, Leite de Vasconcelos, Joseph Cornu...) e, finalmente, marxinar propositadamente algúns persoeiros e eruditos galegos (García de la Riega, Leopoldo Pedreira, Leandro Saralegui...) que lle foran e eran hostís, ben desde a vertente política, como furibundos antirrexionalistas, ben desde a historiográfica, como acérrimos detractores do celtismo.

E semellante aposta tivo, como era de agardar, o seu custe inmediatamente. Arredor da figura do “pretendente” José Mª Riguera Montero, erudito nado en Muras, formado no Seminario mindoniense e na emigración uruguaia e preboste na sociedade coruñesa na altura (membro do consello de administración de La Voz de Galicia, presidente de distintas entidades benéficas e sociais...), diversos sectores despregaron unha intensa campaña de cuestionamento da pertinencia (“¿Para qué más Academia que la Matritense?”, diría Santiago Abella), dos fins (“¿A qué querer fomentar un dialecto oscuro, teniendo un idioma nacional resplandeciente y extendido por el mundo”?, insistiría o citado autor) e da composición da Academia, tomando como alvo preferente dos ataques a propia figura de Murguía, quen mesmo chegou a ser acusado de malversar os fondos pecuniarios que lle chegaban desde a colonia galega en Cuba.

A esta campaña contra unha Academia que García de la Riega denominaría “última contorsión de un regionalismo vergonzante” sumáronse numerosos individuos e cabezallos de prensa de todo o país, con significacións variadas como o republicanista Tierra Gallega da Coruña, o satírico focego Guau...Guau, o católico-conservador El Norte de Galicia de Lugo, o Diario Ferrolano que dirixía Wenceslao Fernández Flórez e un longo etcétera de publicacións locais.

Dependencias da Academia Galega, en 1934
Tanta hostilidade amosada desde tan diversos, conspicuos e poderosísimos sectores conduciu a Murguía e o seu núcleo de fieis a adoptar dúas decisións tácticas intencionalmente “defensivas” de grande transcendencia para o devir da entidade. Por unha banda, colocar a Corporación baixo o patrocinio simbólico (e por engadido, económico, através das subvencións do Ministerio correspondente) do monarca español, solicitando o título de “Real”. Semellante aposta mal podía sentar en amplos segmentos da cidadanía herculina, pois a cidade era un auténtico bastión do republicanismo nesa altura, e talvez axude a explicar renuncias á cadeira numeraria como a de Manuel Leiras Pulpeiro. Por outra banda, procurar apoios, a xeito de “escudos protectores”, entre determinados segmentos elitistas da sociedade coruñesa, outorgando o título de numerario a individuos (sempre varóns, nótese) que, se ben gozaban de certo prestixio como eruditos ou prebostes do tinglado político restauracionista, estaban ben lonxe de compartir o espírito e os fins primixenios, inequivocamente galeguizadores, da entidade.

Da man do núcleo rexionalista e mercé a un regulamento que consagraba a cooptación como medio de elección de novos membros, van sendo propostos e entrando na Academia persoeiros como Ozores de Prado, Ponte Blanco, Rey Soto, Estrada Catoira... O seu prestixio nas elites sociais da época e a súa influencia mediática apagan o fervor da campaña contra Murguía, é certo, mais o seu españolismo e conservadorismo declarados e o seu desleixo cara aos fins primixenios da Academia hipotecan gravemente o labor desta e desvirtúan a súa función. Velaí un dos porqués do fracaso na tarefa de confección do dicionario e da gramática e tamén unha das razóns da “coruñesización”, se val a expresión, que experimenta a nómina de académicos, en detrimento da representación doutros núcleos intelectuais do país. Boa parte deses novos membros de número non cumpriron, desde logo, ningunha das hipotéticas funcións benefactoras polas que foron designados e actuaron máis ben como un auténtico “cabalo de Troia” na Academia, reforzando nela o pendor conservador, aristocratizante e pasatista e contribuíndo poderosamente, ademais, para ancorala nunha práctica e nun discurso aínda máis diglósicos, se cadra, cós que xa imperaban, en realidade, desde a súa propia fundación.

Con efecto, gravísima é desde o inicio a deriva que toma dentro da Academia a cuestión do uso e defensa do galego. Reducido xa desde a cerimonia de constitución a sermo de uso poético, o noso idioma está ausente na vida interna, nas actas, no boletín, na práctica totalidade dos discursos de ingreso, nas respostas a eses discursos, na correspondencia, nos diplomas, na vida pública e privada de case todos os numerarios... Só a biblioteca-arquivo constitúe unha perenne satisfacción na vida da entidade, pois reúne desde moi axiña abundantes materiais de primeiro interese sobre temática galega.

Villar Ponte retratado por Ramón Peris
Así chegamos a 1916, ano en que da man dos irmáns Villar Ponte de Viveiro se fundan as Irmandades da Fala, que poden ser consideradas unha “superación” da Academia, en tanto que conseguen co seu discurso e coa súa praxe dar novo pulo á causa da dignificación e ampliación de usos do noso idioma. Algúns artigos iniciais en A Nosa Terra, como "A bandeira ergueita" de Antón Villar Ponte, ponderan, precisamente, o que de “salto cualitativo” tiña a nova entidade a respecto da plataforma alentada polo Rexionalismo. Non é difícil imaxinar, nese sentido, a escasa compracencia con que non poucos dos membros da Academia acollerían algúns parágrafos dos irmandiños máis novos en que se facía de maneira explícita cuestionamento das súas actitudes e estratexias no inmediato pasado, porque, como resume o profesor Mariño Paz, “cando menos no dominio público, o nacionalismo resolveu en xeral as contradiccións entre o discurso ideolóxico e a práctica lingüística que caracterizaran a fase rexionalista”.

A pesar de certas desavinzas previas entre os seus dos seus respectivos cabezaleiros, Murguía e Villar Ponte, por mor do apoio que o de Viveiro demandou sen éxito do presidente da Academia para unha Diada catalanista en defensa da lingua en xaneiro de 1916, existiu á partida unha boa sintonía entre ambas as dúas entidades, que se pon de manifesto na presenza de varios académicos no acto fundacional da Irmandade coruñesa, na súa frecuente colaboración co boletín A Nosa Terra e na cesión do local da Corporación (entón sito en Rego de Auga, 38-1º) para o desenvolvemento dalgunhas actividades. Mais a medida que os cada vez máis numerosos e espallados núcleos irmandiños profundizaron no seu discurso nacionalista e na súa praxe monolingüe, foise producindo un paulatino distanciamento entre eles e o groso da Academia.

Un dos feitos que mellor exemplifican esa deriva diverxente é o apoio decidido que significativos vultos da Academia emprestan en 1918 ao entón alcalde liberal coruñés, Manuel Casás Fernández (futuro presidente da, propia Academia, na posguerra), cando este pon en marcha un “Intituto de Estudios Gallegos” co que pretendía contrarrestar a crecente influencia ideolóxica e cultural do nacionalismo galego, que celebra nese mesmo ano, en Lugo, a súa Primeira Asemblea. Ben significativo é que, agás Banet Fontenla e Vega Blanco, ningún numerario da Galega envíe a súa adhesión ao “Manifesto” saído desa transcendental xuntanza... Desde as páxinas do boletín Nós, Antón Villar Ponte describía en xaneiro de 1921, con enérxico e incisivo trazo, o ambiente espiritual reinante no areópago académico:

“Os galegos que máis galegos parescen (académicos, eruditos, arqueólogos) adícanse ó estudo das cousas vellas da nósa Terra, com'as d'un país finado, morto, cuia persoalidade sulagouse no castelanismo estéril. Si fan un dicionario danlle xeito de panteón da nósa língoa. Si fan un boletín convírtenno en eco morto de cousas pretéritas. Somente miran pra atrás, c'unha friaxe tan tolledora, que calquera diciría que se trocaron, com'a muller de Loth, en estátuas de sal. Fáltalles o atopárense a sí mesmos. Fáltalles o sentimento qu'é consustancialización da i-alma propia c'o meio natural. Infruenciados por cinco séculos de colonización castelán, xa non teñen máis que o viviren na Galizia [sic]. Perderon o sangue do espírito qu'é a língoa natural, perderon a autonomía dos sentimentos que só a língoa propia mantén acesa, e fican trocados en turistas na sua terra, que van percorrendo guiados por unha cultura fría que lembra ós antipáticos cicerones, tod'o que foi”.

Con todo, a crise interna das Irmandades, que se resolverá coa súa escisión na Asemblea de Monforte (febreiro de 1922), complicou a dialéctica entre a organización nacionalista e a Corporación académica, na medida en que levou ao enfrontamento fratricida a elementos que compartillaban, en derradeira instancia, a visión galeguizante desa institución.

As propostas ortográficas etimoloxistas e lusistas que colocou Xoán V. Viqueira nas páxinas de A Nosa Terra en 1917 e o intento posterior de A. Villar Ponte de as aplicar no boletín desagradou a un número importante de asinantes do decenario, capitaneados polo numerario e futuro autor da Gramática do idioma galego, Lugrís Freire. Tamén os debates no seo do “Conservatorio Nazonal do Arte Gallego” promovido pola Irmandade herculina afastaron a “renovadores” (partidarios do abandono do teatro feito polos Lugrís, Galo Salinas, etc.) e “conservadores”. Finalmente, un sector de irmadiños coruñeses vencellados á Academia (Lugrís, Carré, Eladio Rodríguez, Florencio Vaamonde...) logra purgar a Antón Villar Ponte da dirección de A Nosa Terra e este, como resposta, alenta a Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro para que critiquen con acritude os “Vellos” no manifesto Máis alá...

Divididas así as súas entón limitadas forzas, o nacionalismo galego non poderá impedir que na Academia exerzan hexemonía de aquí en diante os sectores menos comprometidos co idioma e a cultura do país, que son os que após terse producido en febreiro de 1923 o falecemento de Murguía, levan sucesivamente a Andrés Martínez Salazar, primeiro (se ben por breve tempo ao falecer axiña o noutora promotor da “Biblioteca Gallega”) e ao enxeñeiro e político turnista Francisco Ponte Blanco, despois, á Presidencia da entidade.

Se a presenza do Patriarca á fronte da Corporación tiña servido de freo a unha crítica máis incisiva da Academia Galega por parte do nacionalismo, a súa desaparición física, sumada á deriva que vimos comentando, faina agromar con toda a forza durante a ditadura primorriverista. Tanto a Irmandade coruñesa como a ING risquiana verterán continuos reproches sobre a entidade, quer a respecto da súa dinámica interna (acceso á presidencia de Ponte Blanco, política de novos nomeamentos, redacción do boletín e das actas integralmente en español, enfoque arqueoloxizante dos artigos, praxe e filosofía idiomática antitéticas ao sentido primixenio da entidade por parte de non poucos dos seus membros, etc.), quer a respecto da súa incapacidade ou indolencia para dar cabo a algúns dos principais fins para os que tiña sido concibida e creada no seu momento (gramática e dicionario).

Barcia Caballero
O propio xornal A Nosa Terra chegaría a demandar en 1924 “a clausura difinitiva da Academia por noxenta, ridícula e antigalega ademais de ser unha coveira de caciques”. Pouco tempo despois engadiría que “ou modifícase d'unha vez para sempre, ou é mester considerala xa definitivamente coma cousa inútil, morada única de ostentación fachendosa de testas valeiras da que deben de se retirare os poucos galegos de valer que ainda hai n-ela”. En contraste, algúns membros fundadores, como Barcia Caballero, non perdían ocasión nesta época para opoñerse ás demandas do nacionalismo galego, cualificando de “peligrosas” e “abominables” as súas propagandas e denunciado que atacaban “al principio fundamental y más hondo de nuestra nacionalidad, a la intangible unidad de la patria española” (El Pueblo Gallego, 30.8.1925).

Paralelamente, non atinará tampouco a Academia nestes anos á hora de poñer ramo a empresas que, levadas doutro xeito, poderían ter axudado ao seu prestixiamento. A polémica do numerario Lugrís Freire co directivo Estrada Catoira, a finais de 1925, por mor da xestión duns diñeiros destinados a honrar a memoria de Pondal, provoca que o de Sada abandone o proxecto de ordenar e editar Os Eoas. Así mesmo, a negativa da Academia a outorgar directamente o proxecto de monumento a Curros Enríquez na Coruña ao escultor cambadés Francisco Asorei levanta unha formidábel polémica pública en que o nacionalismo recrimina á entidade a súa actitude. Paralizado o traballo de confección do seu dicionario desde 1911, a Academia contempla impertérrita como aparecen achegas gramaticais e lexicográficas en que ela, como tal, ningún papel xoga: o Vocabulario popular galego-castelán publicado en 1926 como folletín de El Pueblo Gallego; o Diccionario Galego-Castelán (1928) da editora “Lar”... No colmo do “ninguneo”, o recén elixido académico da Española, Armando Cotarelo Valledor, propugna en 1928 que sexa esta e non a Galega quen elabore as normas do noso idioma...

Como corrente de fondo en todo este período da Academia que estamos comentando hai que mencionar, ademais, a tendencia ao “vaciamento”, isto é, a que a entidade non cubrise as vacantes que se ían producindo no seu seo, o que agravaba as súas insuficiencias e aumentaba a súa parálise. Semellante tendencia fica clara á vista dalgúns datos como os seguintes: de 40 escanos ocupados no momento de se fundar en 1906, hai 25 cando as Irmandades celebran a Asemblea de Lugo, que son os mesmos que cando morre Murguía. A finais de 1926, 21 asentos están ocupados, mentres que en 1933, son só 20. Cando efectivizan, en 1934, o seu ingreso A. Villar Ponte e Castelao, só 18 asentos tiñan titular e, pouco despois, no intre do infeliz estoupido da guerra, 21...

Así as cousas, non é estraño que o nacionalismo galego emprestase cada vez maior atención e arroubo a unha entidade nada en 1923 por iniciativa dun grupo de escolares composteláns (Tobío, Filgueira Valverde, Bouza Brei...), o “Seminario de Estudos Galegos”, na medida en que practicaba e exemplificaba as virtudes e firmes compromisos galeguizadores de que carecía, ao seu ver, a Academia: “¡Canto ten que adeprender d'esta entusiasta e galeguísima institución esa Real Academia Galega que conta con tantos e tan brilantes académicos que nada fan!”, sentenza A Nosa Terra en outubro de 1925. Abonda ver a listaxe de directores de sección do “Seminario” (Tobío, Cuevillas, Otero Pedraio, Risco, Castelao...) para se decatar do grao de entrega e compromiso da “intelligentzia” nacionalista coa nova entidade...

Eladio Rodríguez (con chapeu)
O acceso de Eladio Rodríguez González á presidencia da Academia, en novembro de 1926, supuxo unha solución de compromiso entre os dous sectores que a configuraban nese intre: o que podemos denominar “non galeguista” (hexemónico) e o “galeguista” (minoritario). Durante o mandato do autor de Oraciós campesiñas, as designacións de novos numerarios semellan respostar á pauta de non romper o equilibrio reinante: catro persoeiros, Jaime Solá, Manuel Casás, Fernando Martínez Morás e Alejandro Barreiro, pasan a engrosar as fileiras de numerarios electos que nin no seo da Academia mesma, nin na palestra pública ou privada usan e defenden nunca o galego, mentres que outros dous, Otero Pedraio e Vicente Risco, contrapesan coa súa militancia na causa da lingua esas incorporacións...

Mais a presidencia de D. Eladio, por máis que revitalizase o boletín académico, por máis que fomentase a celebración de diversos actos conmemorativos de figuras do pasado (Vicetto, Añón, Murguía..) e por máis que fallase en 1930 con coherencia galeguista o preito sobre a verdadeira bandeira galega colocado polo erudito Couceiro Freijomil, que cuestionaba a franxiceleste, non serviu, en realidade, para corrixir a máis seria contradición que a Academia arrastraba desde as súas orixes. Con efecto, o xornalista Roberto Blanco Torres, nun artigo intitulado "Por el prestigio de la Academia", publicado en marzo de 1929 en El Liberal de Madrid, denunciaba que nas reunións da docta Corporación "se habla un idioma distinto al que le da su razón de ser", que a maioría dos académicos "no usan del idioma gallego en la vida de relación, no lo emplean ni emplearán en su obra literaria, si alguna tienen", e, finalmente, que as "comunicaciones y publicaciones oficiales son escritas en una lengua diferente de la gallega".

Ingreso de Otero Pedraio na Academia (1929)
O conservadorismo ideolóxico de D. Eladio e da maior parte da Academia casou mal coa mudanza de réxime que se verifica o 14 de abril de 1931 e a Corporación, a diferenza doutras entidades como o “Seminario de Estudos Galegos”, que si se lanzou decididamente á arena pública en demanda de autogoberno co seu “Anteproxecto” estatutario, permaneceu aletargada e silenciosa mesmo en asuntos de tanta relevancia para o porvir da lingua como os debates sobre a súa posíbel oficialización. A demisión de Eladio Rodríguez como presidente da Corporación foi presentada en xaneiro de 1934 alegando pretextos de saúde, mais debeuse en realidade, como ten revelado Victoria Álvarez de Ojeda, á incomodidade do autor de Oraciós campesiñas coa situación interna da entidade e, engadimos nós, coa crecente presión que para virar en redondo o rumo da entidade viña exercendo, desde dentro e desde fóra, o galeguismo.

Non é estraño que fose este movemento, por boca do entón editorialista de El Pueblo Gallego, Xerardo Álvarez Gallego, quen explicitase con maior claridade as súas esperanzas a respecto da Corporación tralo acceso á presidencia de Lugrís Freire, en xuño de 1934. Tratábase, en síntese, de acabar co “espectáculo de una Academia letárgica y como inexistente”; de modificar o regulamento para facer máis áxil o seu funcionamento; de pór fin a un “localismo suicida”; de retomar os traballos para a elaboración da gramática e do dicionario; de dar orientacións sobre a ortografía e sobre a toponimia; de reanudar a edición do boletín; de cubrir axiña as vacantes e de celebrar novamente actos públicos. Todas estas reivindicacións serían asumidas publicamente polo propio Lugrís Freire, unha vez tomou pose do seu cargo, engadindo aínda outras como colaborar na inauguración do monumento a Curros na Coruña ou reeditar as obras de Pondal.

Manuel Lugrís Freire
Na xestión de Lugrís Freire á fronte da Academia hai, sen lugar a dúbidas, xunto a actividades de certa relevancia como os preparativos do primeiro centenario de Pondal (1935), un intre verdadeiramente emblemático: o de celebración de senllas sesións consecutivas para os respectivos ingresos dos históricos dirixentes galeguistas Antón Villar Ponte e Castelao, o 24 e o 25 de xullo de 1934, respectivamente. O de Viveiro, após ler o discurso O sentimento liberal na Galiza, pasaba a ocupar a vacante deixada polo arcebispo Lago González; o de Rianxo, pola súa vez, substituía Ozores de Prado lendo o discurso As cruces de pedra na Galiza. Dous discursos en galego, con senllas respostas na mesma lingua, en datas ben simbólicas do galeguismo e arroupados ademais pola edición, da man de Ánxel Casal, de tres obras mestras saídas do caletre dos protagonistas do evento: Os evanxeos da risa absoluta, Os dous de sempre e A romeiría de Xelmírez.

No entanto, dentro da Corporación as ansias renovadoras chocaron coa dura realidade. Os afáns do sector galeguista axiña se estrelaron coas inercias inmobilistas, coa precariedade de recursos, coa xorda e fechada oposición, por motivos ideolóxicos, dun sector considerábel dos socios (Martínez Morás, Estrada Catoira, César Vaamonde, Narciso Correal, Fernández Diéguez...) e co precario estado de saúde do veterano Lugrís, quen presentaría por tal motivo a renuncia en agosto de 1935.

Desde esa renuncia do autor de Noitebras, ocupou a presidencia interina da Academia un significado detractor do nacionalismo, o matemático Fernández Diéguez (quen había de se distinguir, segundo ten rememorado Jenaro Marinhas del Valle, nas purgas e queimas de libros levadas a cabo na Coruña polos franquistas a partir do “Alzamiento”) e a actividade corporativa reduciuse até tal punto que mesmo se interrompeu novamente a publicación do seu boletín. As únicas incorporacións de numerarios antes do fatídico 18 de xullo de 1936, a do director de La Voz de Galicia, Alejandro Barreiro, o día 12 de marzo dese ano, e mais a do ex-alcalde herculino, Manuel Casás, que se verifica un día despois, non viñeron senón reforzar precisamente as fileiras dos regionalistas sanos y bien entendidos, agora ademais antirrepublicanos, na Corporación.

Jaime Solá
Precisamente Barreiro e Casás xogarían un papel destacado na difícil continuidade da Academia durante os primeiros compases do franquismo, pois, a diferenza do que aconteceu co “Seminario de Estudos Galegos”, brutalmente expoliado e logo disolto no sucedáneo do “Padre Sarmiento”, a Corporación fundada en 1906 conservou intacto o seu arquivo-biblioteca e puido recompoñerse sen excesivas modificacións baixo a ollada (sempre unha miga desconfiada, todo hai que dicilo) das novas autoridades. Rematada a contenda que encheu de sangue galeguista e esquerdista as cunetas do país, a Academia, baixo a presidencia interina de Casás Fernández, acordou designar presidente de honra ao “Generalísimo” e procedeu a unha rápida renovación de integrantes, dando entrada sen máis trámites, isto é, obviando a presentación de discurso de ingreso e desprezando o feito de que moitas “vacantes” pertencían a exiliados aínda vivos, a toda unha serie de académicos electos (Narciso Correal, Lisardo R. Barreiro, Jaime Solá, Noriega Varela...) e acelerando a provisión dun total de dezanove vacantes máis, destinadas fundamentalmente a elementos de pasado galeguista (Bouza Brei, Cuevillas, López Abente, V. Taibo...), eruditos confesamente dereitistas (Vázquez Seijas, Couceiro Freijomil...) e sacerdotes máis ou menos cultivados (Portela Pazos, Xesús Carro, Pedret Casado, Samuel Eiján...).

Desta arte a Academia, fundada en 1906 con inequívoco selo galeguizador, ficaba así pronta para contribuír a lexitimar desde a súa perspectiva a ominosa Ditadura franquista e, de pasaxe, desimular, co seu boato inofensivo e coa súa actividade irrelevante, que todo un trebón destrutivo e virulento tiña pasado por riba da cultura galega, obrigándoa a resistir no exilio e a volver a comezar practicamente desde cero, no interior, como un Prometeo redivivo.

venres, 10 de abril de 2015

SOBRE FILGUEIRA VALVERDE

1. Perfil controvertido dunha figura interesante.

A escolla por parte da Academia Galega (tras a correspondente proposta formulada polos numerarios Francisco Díaz-Fierros, Pegerto Saavedra, Ramón Villares e Xosé Ramón Barreiro Fernández) da figura de Xosé Fernando Filgueira Valverde (Pontevedra, 28.10.1906-13.9.1996) para conmemorar o vindeiro 17 de Maio de 2015, Días das Letras Galegas, suscitou unha fervenza de reaccións encontradas entre os que proclamaron a xustiza do recoñecemento a este intelectual galego que constitúe unha referencia indispensábel do noso século XX e os que, por contra, subliñaron a falta de pertinencia ou a non idoneidade dun polígrafo que en diversas ocasións durante a súa traxectoria tomou decisións, abrazou reximes e representou actitudes que semellan estar nas antípodas do alento que dá sentido á citada festa exaltadora do idioma e da personalidade individualizada de Galiza como pobo.

Ten toda a razón X. M. Sarille cando, nun recente artigo publicado no dixital "Galicia Confidencial", reclamou "falar de todo isto en serio e con cabeza, prescindido de vísceras", lembrando oportunamente que foi nada menos que Isaac Díaz Pardo, fillo do pintor cruelmente asasinado no 36 Camilo Díaz Baliño, quen editou nos anos 80 e comezos dos 90 do pasado século ata nove volumes sucesivos da serie Adral de Filgueira Valverde. E foi outra vítima do 36, Xosé Mª Álvarez Blázquez, engadimos nós, quen abriu cando aínda a ditadura de Franco non rematara a colección Pombal das Edicións Castrelos de Vigo para o Cancioneiriño novo de Compostela, do erudito pontevedrés... Non aprenderiamos nada de semellantes actitudes xenerosas e inclusivas? Xulgámonos hoxe con máis dereito ca un Díaz Pardo ou un Álvarez Blázquez para "pasar facturas pendentes" e practicar "ninguneos"? Nen sequera no campo ancho e aberto da cultura de noso, tan necesitada de alento, non poderá haber un espazo que propicie os (re)encontros, as revisións serenas, o suprapartidismo?

Resulta difícil, claro que si, ser ponderado e ecuánime neste tipo de debates para non deixarse arrastrar polo “partidismo”, ás veces mesmo sectario, dos uns ou dos outros, mais a designación de Filgueira Valverde, se non quere tomarse como motivo de “celebración” (e é moi lexítima esta actitude, que compartimos), debera servir, cando menos, como pretexto idóneo para unha revisión a fondo e un mellor coñecemento xa non só da súa obra e traxectoria persoal, de interese indiscutíbel, senón de todo o contexto que a rodeou e que pode explicala, aínda que non necesariamente a xustifique. Repasar con tal motivo a figura de Filgueira non é lanzarse a unha sorte de pseudoxuízo diante da Historia no que detractores e haxiografistas se crucen descualificacións mutuas á súa conta, senón que debe ser un exercicio de profundización rigorosa e plural na historia colectiva e unha oportunidade de autorrecoñecemento en que os galegos e galegas de hoxe, desde calquera posición de partida que adoptemos, teñamos elementos de interpretación e estímulo para proxectarmos a cultura galega do futuro superando desencontros que tiveron lugar no pasado.

Con este espírito ofrecemos a seguir un repaso pola traxectoria biográfica, intelectual, ideolóxica e pública de Filgueira Valverde, destacando a súa amizade co viveirense Lois Tobío, salientando (aínda que se sitúe nas nosas antípodas ideolóxicas) a súa peculiar achega para un galeguismo conservador harmonizado coa fe católica e repasando, finalmente, a súa monumental contribución (sequera sexa polo número de páxinas escritas e pola diversidade de campos abordados) ao estudo e coñecemento da nosa cultura. 

2. Os tempos da Universidade compostelá e do Seminario de Estudos Galegos.  

Como era lóxico nun vástago dunha familia de acomodada posición social e económica como era a que encabezaba seu pai, José María Filgueira Martínez, reputado médico pontevedrés, o mozo Filgueira Valverde fixo estudos de Bacharelato na súa cidade natal e logo pasou, en 1922, á Universidade compostelá, onde se licenciou en Dereito en 1928, con premio extraordinario. Máis adiante doutoraríase en Filosofía e Letras na Universidade de Zaragoza (1936) e aínda acadaría a diplomatura na carreira de Psicoloxía en Compostela, en 1959. 

Filgueira Valverde foi un dos mozos que acudiron á rosaliana casa do Castro de Ortoño, en terras de Amaía, o 12 de outubro de 1923, para fundaren, co asesoramento do seu profesor Armando Cotarelo Valledor, o Seminario de Estudos Galegos (SEG). Canda o mozo pontevedrés, que contaba entón 17 anos, concorreron entre outros o pontareano Fermín Bouza Brey, o nicrariense Xulián Magariños e o viveirense Lois Tobío Fernández, primeiro secretario desa nova entidade científico-cultural. Un personaxe da peza de Rafael Dieste A fiestra valdeira, o estudante Nogueira, e dous (Martiño Dumbría e Pauliños Fontenla) da novela Devalar, de Otero Pedraio, representan o vivo retrato literario desta promoción extraordinaria, que tanto e bo fixo polo coñecemento e a divulgación dos valores culturais propios nun tempo en que as instancias académicas oficiais, presas de concepcións políticas hipercentralistas e uniformizadoras, ignoraban e marxinaban ese valores case por completo. O SEG, explica nesta perspectiva o propio Filgueira Valverde,
(...) era sempre un xeito de vivir o esprito da Terra, conocendo de perto as súas realidades, esculcando o seu pasado, fixando a tempo, cando estaba en risco de se perder pra sempre, tradicións e cantigas, obras e moimentos, restos arqueolóxicos e costumes, e, máis que nada, convivir co pobo aldeán e mariñeiro. A carón do traballo cotián sobre o documento, o códice e o libro, das sesións académicas, das xuntanzas, das mostras, das edicións... o Seminario comarcóu polos vellos camiños, en inesquecibres viaxatas, encetadas nas veciñanzas de Compostela, nos seus castros, nas freguesías dos arciprestádegos campesiños, nas terras de Padrón.... Logo viñeran as xeiras das bisbarras, como obra conxunta de tódalas seccións (...). A pé, polos duros camiños da montana, nas tabernas da veiramar, nos mesóns dos feirantes, fumos descobrindo o noso pobo, cursando galeguidade. E, tamén, foron caíndo as muradelas da fachenda, do protagonismo, do afán polo descubrimento persoal e pola posesión escrusiva do dato, negras chatas da erudición miúda. As xeiras fixeron do Seminario unha hirmandade”.

Filgueira formalizou o seu ingreso no SEG durante o propio curso de 1923/24, concretamente en novembro, coa lectura dun traballo titulado “Festas compostelás na canonización de San Pío V”, que se recolleu no tomo III dos Arquivos do SEG, en 1929. Traballou en colaboración con Tobío, Xulián Magariños e Cordal Carús nun Vocabulario popular galego-castelán, que se iría publicando por entregas no xornal vigués El Pueblo Gallego entre 1926 e 1928. Tamén achegou varias comunicacións sobre o fenómeno das peregrinacións xacobeas e o patronato do Apóstolo Santiago, sobre asuntos etnográficos como a “festa dos maios” e a tradición da fonte da Ferrería pontevedresa, sobre temas de arte (estudo da igrexa prerrománica de Francelos) e sobre literatura medieval (as cantigas do rei Afonso X, a lenda de San Ero de Armenteira, a presenza da paisaxe no Cancioneiro da Vaticana...), que se foron publicando no Boletín da Real Academia Galega, na revista Nós ou nos varios tomos de Arquivos que editou o mesmo SEG.
 
Con Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey) elaborou un inventario artístico titulado “O baldaquino en Galicia denantes do arte barroco”, que se publicou no tomo IV dos Arquivos do SEG (1932) e que reeditou, debidamente revisado e ampliado, en 1987, da man da Fundación Barrié de la Maza. E comezou Filgueira en 1935, ademais, un proxecto, finalmente desbaratado pola guerra, para elaborar unha escolma en nove tomos da poesía galega de todas as épocas, como xeito de conmemorar o primeiro centenario do nacemento de Rosalía de Castro. Con tal fin confeccionou un inquérito que enviou a moitos autores coetáneos e que, recuperado polo profesor Alonso Montero en 2008, resulta hoxe unha fonte valiosa para o exacto coñecemento da literatura galega nesa altura, en vésperas da grande traxedia bélica que levou por diante o propio Seminario de Estudos Galegos e truncou a vida de non poucos dos seus socios e colaboradores. 

Ademais, o de Pontevedra desempeñou diversas tarefas directivas e organizativas no labor da entidade. Foi, a partir de 1930, conselleiro permanente e membro da comisión organizadora do Museo Etnográfico do SEG. En outubro de 1932, integrou unha comisión para acometer a unificación ortográfica da lingua, xunto con Carballo Calero, Sebastián González García-Paz e Fermín Bouza Brei e representou ao SEG na comisión organizadora do Patronato Escolar de Formación Campesiña. Desde o curso 1932-33 dirixiu a subsección de Historia da Literatura, que pasou a ser sección ao curso seguinte. No verán de 1933, impartiu un curso organizado polos “Ultreya” no Colexio Labor de Vigo e pasou a se encargar do servizo de prensa do propio SEG.

Significativamente, sería Filgueira Valverde o encargado de prologar en 1987 a reedición facsimilar que as Ediciós do Castro de Díaz Pardo fixeron do volume Terra de Melide, que se editara por vez primeira en 1933 no prelo de Ánxel Casal. Como é ben sabido, esta obra constitúe un dos froitos máis acabados e extraordinarios do labor do SEG e recompila os diversos traballos escritos por destacados socios despois de realizaren unha “xeira” no curso 1928-29 por esa bisbarra do país, tentando abranxela en todos e cada un dos seus aspectos: xeografía, prehistoria e historia, arte, etnografía, folclore, música, lendas... 

Cómpre deterse aquí unha miga, como anunciamos, para ponderar a relación que uniu Filgueira Valverde co viveirense Lois Tobío Fernández nestes anos universitarios e “seminaristas”. No propio pregón pronunciado na Semana Santa de 1976 no Teatro Pastor Díaz, o de Pontevedra tivo que comezar confesando que o seu namoramento pola nosa vila se producira na casa compostelá do mestre Tobío Campos, na rúa Patio de Madres, escoitándolles a el e aos seus fillos, especialmente a Lois, falar con entusiasmo e cariño desbordantes de tantos temas e xentes da Terra de Viveiro. En palabras súas:
O meu aprendizaxe de Viveiro, é decir o inicio do meu namoro, escomenzou en Compostela, no fogar de un dos poetas que aquí naceron ou se formaron: Luís Tobío [Campos]. Alí soupen, por primeira vez, do voso mar e dos frondentes eidos, do castelo da Ponte, das igrexas de Santiago e Santa María, estudiados polo seu fillo Luís no “Seminario de Estudos”, dos lugares de Santo Elvites e de Naín, das veigas do Vieiro, do ríos e da ría xurdia, Magazos, Valdeflores... dos moimentos de Celeiro, das areas de Cobas [sic], da figura da Doncela, do doce Landro que cantou Pastor Díaz... Escoitei falar das trinta e tres badaladas do campanín das Concepcionistas, na media noite mediada”.

No boletín Logos, de Pontevedra (nº 27, marzo de 1933), Filgueira recensionou con estas verbas favorábeis un dos traballos emblemáticos do Tobío mozo investigador, o que leva por título A eirexa de Santa María de Viveiro:
Lois Tobío, hoxe arredado de Galicia por imperativos de ourentación profesional [diplomático en Bulgaria], é unha das máis compretas persoalidades formadas no Seminario de Estudos Galegos. Especializado en Cencias Xurídicas e mais concretamentes na Política e na Administración, ten traballado asisadamente en moitas ordes das actividades que o Seminario desenrola: na Arqueoloxía, na Filoloxía, na Hestoria. Hoxe pubrícase esta monografía sua encol da “Eirexa de Santa María de Viveiro” que é como a realización de unha papeleta tipo de Catalogación Gráfica sobre un interesantísimo tempro románico, pouco coñecido, con adicións do XV (capela de San Gregorio), do XVI (Sancristía), e posteriores (capela do Rosario). Traballo sinxelo ilustrado discretamente, verdadeiro modelo en todos sensos”.
  
Tobío, loxicamente, non puido deixar de testemuñar nas súas memorias (As Décadas de T.L.) esta intensa e especial relación fraterna que o uniu nun tempo ao mozo Filgueira Valverde, con quen, por exemplo, alentou a revistiña ciclostilada Adral, na que criticaban con humor figuras da Universidade desa época como o reitor Blanco Rivero (de apelidos propicios para a burla etílica, xaora) e realizou durante a carreira un traballo en colaboración titulado “Nacionalismo e nacionalismo galego”, que ambos presentaron ao ditame do catedrático de Dereito Político, Carlos Ruíz del Castillo. Conta Tobío, a propósito desta amizade, que
Un verán Filgueira convidoume a pasar un días coel na sua casa de Pontevedra, Muelle, 10. Coñecín entón aos seus pais que foron conmigo moi acolledores e gasalleiros. A nai, andaluza de Almería, era unha doniña delicada e doce, dun grande engado e gracia, e o pai, médico, corpacento e aberto, de voz podente, tiña unha conversa entretida polas moitas historias que sabía. A casa lembraba, coa sua xanela gótica, os gloriosos tempos mariñeiros da vila cando o gremio de mareantes ergueu a marabilla de Santa María (...).
Filgueira levoume un día a visitar, con don Casto Sampedro, ás sobriñas de Méndez Núñez (...). Tamén visitamos nesa ocasión a Portela Valladares que andaba empeñado en facer de “El Pueblo Gallego” o primeiro xornal de Galicia (...) Aínda dimos naqueles días ledos que pasei en Pontevedra un paseo en barca polos “salóns” do Lérez (...)”.
E noutro momento, a propósito das súas frecuentes conversas con Filgueira sobre posíbeis novos temas de estudo para o SEG, escribía tamén o noso admirado mestre viveirense:
Pasados anos, cando andábamos en Santiago a fundar o Seminario de Estudos Galegos, falando con Filgueira desto dos Maios – que tanta importancia teñen na sua Pontevedra e en Ourense e noutros sitios – conteille como era o de Viveiro e canteillo e quedou impresionado do comezo, tan solemne. Atopaba certa semellanza entre a sua melodía central e o tema do comezo do último movemento da novena de Beethoven que seica ven asemade dun cantar de maio alemán. Tomou nota delo e deullo a coñecer ao organista da catedral que era amigo seu. E un domingo, cando a procisión do cabildo na misa maior daba a volta pola Soledade, escoitei, non sen emoción, no órgano, ennoblecido pola arte, solemne e grandioso, aquel “Maio, maio, entra de crego...” do meu Viveiro”.

3. Un católico galeguista fronte á 2ª República.

Formado no seo dunha familia de arraigadas conviccións relixiosas (súa nai, de orixes andaluzas, pertencera ás Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl), desde moi novo Filgueira Valverde participou en entidades e actividades de signo católico. Na Compostela universitaria, por exemplo, formou parte do Círculo de la Juventud Antoniana e colaborou co semanario confesional La Renovación, que se editou entre 1921 e 1924 e do que chegou a ser redactor-xefe.

O de Pontevedra foi un dos universitarios (canda Tobío, Bouza Brei e outros) que lle fixeron entrega como agasallo ao novo arcebispo compostelán Manuel Lago González (1866-1925), no día do seu ingreso como socio no SEG, dun volume recompilatorio das poesías en idioma galego que aquel tiña escrito e publicado con anterioridade a ese solemne instante. A querencia admirativa de Filgueira Valverde polo prelado de orixes tudenses mantívose no tempo, pois foi o responsábel da confección de opúsculos como Lembranza de Lago González. Arcebispo Galego (revista Logos, Pontevedra, 1934) ou Manuel Lago González. Escolma de poesías (Real Academia Galega, 1973). Sobre el escribiu parágrafos ben reveladores como estes:
En Lago, máis aínda que en outros escritores e artistas, a obra e o vivir han sere ollados á par. Inda diríamos que nél o home está por riba das suas obras, tendo tanta valía. As mudanzas dos tempos poden ir esmacelando esta ou aquela folla dos seus escritos; o esprito ha perdurar antre nos, mentras Galicia sexa. Á veira de tanto desleigado como medra polos camiños do mundo, él foi espello de afincamento. Dende os días en que “pequeno xunto ao lar corría” polas encostas verdecentes do Cruceiro do Monte deica o intre mesmo de dar a i-alma ao Señor, pois as suas derradeiras verbas foron pra pedir que os galegos se axuntasen, en ben do seu pobo.
Sempre vivíu a carón da natureza, se achegou sempre aos abaixados, falóu a lingua das nais, esculcou no noso pasado, traballóu polo porvir. Dende mozo, nas aulas, no xornal, na cátedra, no púlpito, nos sindicatos agrarios, na cadeira de Tuy, no Arcebispado de Santiago. Nada da Terra era alleo para él (...) Sentíase a rentes do chan nativo. Tiven a ledicia de acompañalo cando confirmara aos rapaciños de Mourente, cando adoutriñaba aos mariñeiros da Moureira, cando falaba os escolares, cando abría exposicións de arte (...). Os anos non fan esquecer as nosas débedas nin aminguan as ofrendas que compre adicarlle, mantendo vivo o seu exempro e a nosa gratitude”.

Filgueira, que partillaba trato na súa Pontevedra natal desde moi novo con ilustres dirixentes do galeguismo como Losada Diéguez e Castelao (mestres seus no instituto), participou moi activamente no proceso de organización do Partido Galeguista, que se constituíu como tal en decembro de 1931 na cidade do Lérez, mais é certo que moi axiña a súa militancia nesa organización veuse sometida a fortes tensións e contradicións, que acabaron desembocando no seu abandono para fundar, en maio de 1935, unha nova forza de traxectoria efémera e cáseque irrelevante, a Dereita Galeguista, na que militarían, entre outros, Vicente Risco, Xerardo Álvarez Limeses, Manuel Banet Fontenla e Manuel Beiras García (pai de Xosé Manuel Beiras Torrado).
  
Son varias as razóns que explican esa deriva diverxente do intelectual Filgueira a respecto da forza liderada por Castelao e Bóveda, mais entre elas ten unha boa parte de responsabilidade a moi crítica valoración que o erudito pontevedrés facía entón sobre a deriva laicista da República, que fería os seus arraigados sentimentos relixiosos, e a súa renuencia absoluta a todo pacto do galeguismo coas forzas esquerdistas de obediencia estatal, as cales, desde presupostos filosóficos materialistas, propugnaban un radical cuestionamento da orde social capitalista e unha aberta transgresión dos valores considerados tradicionais, que Filgueira defendía como intocábeis.

En realidade, a propia xerarquía católica galega, á que Filgueira se amosou en todo intre fiel e obediente, viña dando mostras, cando non consignas, de crecente animadversión ao rexime republicano. O arcebispo compostelán Zacarías Martínez (burgalés, da orde agostiña) imprimiulle á súa diocese unha clara orientación integrista e nacional-católica, avant la lettre: celebrou con toda pompa un funeral o 26 de marzo de 1930 polo exditador Primo de Rivera, morto no seu exilio parisino; participou meses máis tarde nun mitin da Unión Monárquica Nacional na compaña de José Antonio Primo de Rivera, Goicoechea e outras figuras de ideoloxía reaccionaria e, na ofrenda ao Apóstolo do 25 de xullo de 1931, coa queima de igrexas por parte de elementos incontrolados en varias cidades españolas como pano de fondo, advertiu que “estos días en que la impiedad, como una ola gigantesca, inunda la tierra y quiere arrancar esa fe del corazón de los creyentes es preciso, es necesario, es urgente que los que se llaman católicos lo sean de verdad, y la defiendan con su sangre y con su vida, en el santuario del hogar, en el templo y fuera del templo, en las calles y plazas públicas” (Boletín Oficial del Arzobipado, 31.7.1931). En termos semellantes fixeron discurso público os seus homólogos o bispo de Tui (Antonio García), o bispo de Ourense (Florencio Cerviño) ou o bispo de Lugo e administrador apostólico de Mondoñedo (Rafael Balanzá Navarro). 

Mais cómpre puntualizar ben que esa crecente antipatía de Filgueira Valverde cara á República e esa militancia cada vez máis firme nun catolicismo de pendor conservador ou dereitizante non minguaron un ápice o seu compromiso e a súa perspectiva galeguista, cando menos antes de xullo de 1936. O de Pontevedra concibía que “Galicia, na sua unidade, na sua lingua e no seu arte é unha criación do Cristianismo”, de maneira que “abóndanos con defender os valores éticos, estéticos e centíficos que o catolicismo cría e representa pra profesar esta imprescindibre laboría de reconstrucción na galeguidade”.

Así, mentres combatía publicamente a tendencia laicista e mesmo anticlerical que se consagraba en varios dos artigos da nova Constitución republicana e nos decretos subseguintes derivados dela, asinando o 25 de outubro de 1931 na revista Logos con Risco, Otero Pedrayo, Cabanillas, Iglesias Vilarelle, etc. unha “Afirmación católica d'un Grupo de Nacionalistas”, Filgueira traballaba intensamente asemade na galeguización de textos para a liturxia (a Santa Misa, o Oficio de Defuntos, o Evanxeo segundo San Mateu, a Vida de San Bieito, os Diálogos de San Gregorio, un Vía Crucis ilustrado por Castelao e as oracións máis comúns do Pater Noster, o Ave María, a Salve e o Credo...), no horizonte da futura aplicación efectiva dunha cooficialidade lingüística que se contemplaba no Estatuto autonómico plebiscitado o 28 de xuño de 1936, mais que non chegaría infelizmente a entrar en vigor por mor da guerra e do resultado da mesma.  

Ao mesmo tempo, o de Pontevedra compartillaba cóbado con cóbado con numerosos intelectuais eclesiásticos (Xesús Carro, Paulino Pedret Casado, o seminarista Cabada Vázquez, Avelino Gómez Ledo...) as “xeiras” investigadoras do SEG e pronunciaba conferencias de tema sacro en idioma galego durante a Semana Santa de Pontevedra de 1935, dentro do programa de actividades da asociación “Labor Galega”, que el propio impulsaba coa axuda do inspector de ensino Xerardo Álvarez Limeses e do sacerdote Pedret Casado. Tamén concorría en Compostela no 25 de xullo de 1933 á primeira “Misa de Rosalía”, e, así mesmo, facía esforzos canda Iglesias Vilarelle, Illa Couto, Sexto López, Fontenla Méndez e outros por poñer en marcha en febreiro de 1935 a asociación de laicos cristiáns Deus Fratesque Gallaeciae (“Deus e os irmáns de Galiza”), que o 15 de marzo de 1936 rezaban na igrexa de Santo Domingos de Bonaval, en Compostela, presididos polo sacerdote Pedret Casado, para “que a Relixión anime sempre o noso pensamento e a nosa vontade. Que o amor a Galiza endexamais se arrede en nós do amor a Deus e ao Catolicismo”.

Do mesmo xeito, interviña Filgueira decisivamente na edición en Pontevedra, entre xaneiro de 1931 e febreiro de 1936, do boletín católico mensual Logos, integramente redactado en galego e no que, a carón dos textos do futuro cardeal Quiroga Palacios (que asinaba aquí “F. Pazos”), de Iglesias Vilarelle, Ferro Couselo, Risco, Otero Pedraio, Álvaro de las Casas, Fr. Aureliano Pardo Villar, Fr. Atanasio López, Fr. Gumersindo Placer, do presbítero Ramón Mª Aller e de moitos outros colaboradores, con notoria presenza de membros das comunidades regulares de Poio e Samos, deitou Filgueira Valverde artigos sobre varios mosteiros galegos (Sobrado dos Monxes, San Xoán de Poio, A Franqueira, Santa María do Sar, San Martiño Pinario), sobre o culto e as peregrinacións xacobeas, sobre a figura do escritor católico francés Henri Bremond, etc., e recensionou obras teolóxicas, historiográficas e literarias publicadas por eses anos, asinando co pseudónimo de “J. Acuña” ou “J. A.”. Nun deses traballos, escribe a propósito do culto ao Santiago Zebedeo:
Tivemos os galegos dez mil mestres en Christo, pero soio o Señor Sant-Iago foi o noso Pai na Fé. Sin él, nin a testa loira de Santa Mariña tivera aberto no chán as tres fontelas de augas santas, nin Paulos Orosio marcharía cara África en percura da lus agostiñán, nin o Papa Dámaso cobriría de quentes letras os sartegos dos mártires, nin Teodosio apreixaría a Christiandade n'un só nó de sabencia e de ley, nin Etheria percorrería as terras de Palestina nun pulo de fervor. As viaxatas fundacionais de San Froitoso, as cartas de San Valerio, o testamento de San Rosendo, e canto leva no mundo a impronta da Fé galega – Priscilián, o Mestre Mateo, Xelmírez, os irmandiños, os mestres barrocos, e Sarmento, e Rosalía, e os mozos que agora refán as nosas verbas e cantan e traballan -, converxe no día en que a barca xacobea atracou nos nosos peiraos. Xacobe Zebedeu é alicerce e crave da nosa cultura. Cantos nomes chegan hoxe ós nosos beizos veñen amasados co lévede christián das suas verbas. Mirar ó lonxe a nosa hestoria é ollar como estes nomes degáxanse da figura apostólica en poeira aluarada, en vieiro de leite e de estrelas que nos asinala o berce da catolicidade, e que enroitou un día ó vello esprito católico de Carlomaño - que era o esprito de Europa - cara a nosa terra”.

O certo é, en último caso, que o conservadorismo ideolóxico, o catolicismo militante e unha crecente hostilidade á República afastárono do núcleo central do galeguismo organizado, que se integrou na Frente Popular en febreiro de 1936, e empurrárono, na hora crítica que se desatou en xullo dese mesmo ano, a abrazar a causa do xeneral golpista Francisco Franco. Semellante grave decisión, que tomaron asemade outros como Risco, Cunqueiro, Aquilino Iglesia, Álvaro de las Casas e un máis longo etcétera do que adoita recoñecerse, constitúe, a ollos de moitos, a falta imperdoábel que descualifica Filgueira para recibir ningunha homenaxe no Día das Letras Galegas de 2015, pois o regueiro de morte e represión que se seguiu a ese intre histórico decisivo feriu de cheo e con moita saña o corazón e a vida de moitos galeguistas.

4. En Lugo durante a Guerra do 36. 

Desde 1928 Filgueira viñera exercendo como profesor axudante interino de Lingua e Literatura Española no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra, onde el propio fora estudante, pasando en 1933 á categoría de profesor encargado desa materia. En 1934 foi pensionado polo Ministerio de Instrución Pública para visitar varios países europeos (Bélxica, Holanda, Franza, Alemaña), mais non chegou a realizar esa viaxe, pois estaba moi enfrascado na preparación das oposicións a cátedras, que gañará finalmente, co número dous, en 1935. Será destinado inicialmente ao Instituto Jaime Balmes, de Barcelona, que permutará con Guillermo Díaz Plaja polo de Melilla e, moi axiña, polo de Lugo, aonde chegará en novembro de 1935 e no que terá como alumno destacado ao mozo vilalbés Manuel Fraga Iribarne.

Coa Guerra civil xa comezada e previa destitución do republicano azañista Glicerio Albarrán como director do instituto de Lugo, Filgueira Valverde é designado o 17 de setembro de 1936 para ocupar ese cargo. Coincide no departamento co antigo galeguista e agora tamén falanxista, coma el, Evaristo Correa-Calderón, con quen preparará e publicará na imprenta do diario El Progreso varios libros de texto da súa materia. Ambos colaboran, co viveirense Leal Ínsua, o monfortino Moure Mariño e a vilalbesa Carmiña Prieto Rouco, entre outros autores, no semanario Azul, que comezou a editarse en xaneiro de 1937 como voceiro da Falange luguesa. O erudito pontevedrés, ademais, fíxose cargo da edición do célebre calendario O Gaiteiro de Lugo, no que publicou durante a guerra en galego algunha panxoliña e substituíu Noriega Varela na confección dos tan reaccionarios como entón celebrados “xuicios do Ano”. 

Na cidade das murallas, Filgueira coñecerá á súa futura esposa, María Teresa Iglesias de Oscáriz (1908-1995), filla dun médico coma el, coa que casará o 15 de agosto de 1938 e con quen terá posteriormente cinco fillos: Araceli, José Fernando, María Teresa, Pilar e Ángeles. 

Pola correspondencia cruzada entón con Otero Pedraio, grande amigo seu, sabemos que Filgueira chegou a estar mobilizado por breve tempo na fronte de Asturies, facendo parte do VIII Corpo de Exército franquista. De novo aquí cómpre aludir a algunhas das “acusacións” que, con fundamento ou sen el, manchan o seu “expediente”: a de non ter impedido a incautación e o expolio infame da casa de Castelao na rúa da Oliva pontevedresa e a de non terlle acudido ao seu amigo, colega de coral polifónica e antigo correlixionario, tanto no galeguismo como na fé católica, Alexandre Bóveda, nesa altura secretario xeral do Partido Galeguista, que morrería finalmente fusilado no piñeiral da Caeira o 17 de agosto de 1936. 

5. Intelectual orgánico do franquismo. 

En outubro de 1939, coa guerra xa finalizada, Filgueira Valverde regresou á súa cidade natal, incorporándose ao plantel do instituto de ensino medio. En 1946 sería designado director do centro e nese posto permanecería ata o momento de se xubilar, trinta anos máis tarde. Con todas as limitacións inherentes a un sistema educativo que funcionaba dentro dun rexime ditatorial, Filgueira Valverde alentou un certo espírito anovador e, desde logo, eficaz na formación do alumnado (García Alén, Pío Cabanillas, Xosé Fortes Bouzán, Víctor F. Freixanes...), o que lle valeu en 1958 ao centro que dirixía a nominación de “instituto modelo”. Con estes méritos por diante, Filgueira xestionou nos despachos ministeriais a rehabilitación dalgúns docentes represaliados, como o lalinés Xesús Golmar ou o propio Ramón Otero Pedraio.

Non foi esta faceta directiva e docente, con todo, o perfil máis decisivo do Filgueira de posguerra, senón a súa condición de verdadeiro “intelectual orgánico” do novo rexime. Tres foron as entidades en que se plasmou, esencialmente, ese rol, que loxicamente constitúe, por entregado “colaboracionismo” coa Ditadura, outro dos sólidos reproches que se verten hogano desde algúns sectores cidadáns contra a súa figura: o Museo de Pontevedra, o Instituto Padre Sarmiento e a editorial Bibliófilos Gallegos. 
Filgueira foi, non cabe dúbida, o grande impulsor do Museo de Pontevedra, institución que naceu a finais de 1927, por iniciativa do entón presidente da Deputación provincial pontevedresa Daniel de la Sota, coa participación de Casto Sampedro, Castelao, Sánchez Cantón e Losada Diéguez, entre outros, e da que o noso erudito foi consecutivamente patrón fundador, secretario (1929-1942) e director (1942-1996). Varios edificios no casco histórico de Pontevedra albergan hoxe as diversas coleccións deste emblemático Museo, sen dúbida un dos legados máis valiosos que Filgueira deixou para a posteridade e un dos méritos evidentísimos, sen discusión posíbel, da súa traxectoria.

Tamén xogou Filgueira un papel fundamental na posta en marcha e posterior evolución do Instituto Padre Sarmiento, que chegou a dirixir entre 1972 e 1981. Fundado sobre os despoxos do saqueado Seminario de Estudos Galegos, este Instituto, creado formalmente en 1944 e dependente do C.S.I.C., será para figuras de relevancia como Otero Pedraio reo imperdoábel por modificar algúns dos sinais de identidade máis definitorios da institución nacida en Ortoño en 1923: o compromiso galeguista, o traballo interdisciplinar, a autonomía organizativa e financeira...

Outra vertente fundamental do labor cultural de Filgueira durante o período da ditadura franquista foi, como dixemos, o de promotor da editorial dos Bibliófilos Gallegos, unha das primeiras que, dentro dun esquema xeral bastante restrinxido e elitista, propiciou unha tímida “resurrección” da literatura galega a partir da década dos 50, tras case tres lustros de longo silencio forzoso. Este selo, posto en marcha en 1949 co poemario Camiños no tempo, de Ramón Cabanillas, propiciou o renacer da novela galega mediante un certame que gañou Carvalho Calero con A xente da Barreira; recuperou obras e autores relevantes do pasado (a Descripción del Reyno de Galicia do Licenciado Molina, a Relación de las Exequias... de la Reina Margarita de Austria, as Armas e triunfos de Galicia de F. de la Gándara, as novelas históricas do cóengo compostelán López Ferreiro, os artigos de Neira de Mosquera, etc.); facilitou a edición de traducións, como a do Cancioneiro da poesía céltiga de J. Pokorny, realizada por Ramón Piñeiro e Celestino F. de la Vega ou as paráfrases de Ramón Cabanillas Versos de alleas terras e de tempos idos; publicou o Diccionario biobibliográfico de escritores, de Couceiro Freijomil e o Inventario Monumental y Artístico de Galicia, de Ánxel del Castillo e, finalmente, abriu unha colección específica de arte, denominada “Obradoiro”, na que autores como Sánchez Cantón, Chamoso Lamas, Otero Pedraio, Antón Fraguas, Vázquez Saco ou o propio Filgueira, entre outros, estudaron os principais elementos patrimonais histórico-artísticos do noso país. O erudito de Pontevedra, por exemplo, inseriu aquí traballos sobre o tesouro da catedral compostelá e a fábrica de Sargadelos. Tamén acolleu a editora bibliófila o volume Gondomar y Raleigh (1974), do noso Lois Tobío.

Por outra banda, aínda que non se reincorporará en 1953 á reorganizada asociación “Deus Fratesque Gallaeciae”, agora baixo a presidencia de Florentino L. Cuevillas, Filgueira Valverde entregará na Semana Santa de 1968 unha versión galega para o Vía crucis que se celebraba na igrexa de Santa Clara de Pontevedra. Sumábase así, de facto, aos cada vez máis numerosos sectores da Igrexa galega que reivindicaban o uso do vernáculo galego na institución, ao fío das disposicións do Concilio Vaticano II. En xaneiro de 1969 o Consilium autorizará oficialmente ese uso e en abril de 1974, Bibliófilos Gallegos editará unha versión do Novo Testamento feita polo sacerdote e poeta Avelino Gómez Ledo. 

Polo demais, Filgueira foi tamén membro da Real Academia Galega, correspondente desde 1925 e numerario desde 1941, en que ingresou para suplir a vacante do seu admirado mestre pontevedrés Casto Sampedro Folgar. No transcurso da sesión de recepción, celebrada en Compostela, leu o discurso Da épica na Galicia medieval, que foi respondido por Otero Pedraio. Para a Academia, ademais dunha recompilación da obra poética do arcebispo Lago González (1973), preparou os volumes Afonso X e Galicia e unha escolma de cántigas (1980), Armando Cotarelo Valledor (1984) e Álvaro Cunqueiro (1991).

Na listaxe de institucións culturais e académicas ás que pertenceu cabe aínda citar o Patronato reitor da Casa Museo de Rosalía, o Consejo Provincial de Bellas Artes de Pontevedra (1969), a Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (1971), a Real Academia de la Historia (na que ingresou en 1980 cun discurso sobre a figura do Padre Sarmiento) e a Real Academia Galega de Belas Artes (1990). 

6. Unha obra de estudo e erudición inmensa

En recoñecemento ao seu labor intelectual, inxente, o de Pontevedra foi investido doutor “honoris causa” polas Universidades de Santiago e Vigo (1996) e recibiu así mesmo distincións honoríficas como a Cruz de Afonso X, a Cruz de Honra de San Raimundo de Peñafort (1961), a Medalla de Ouro da Cidade de Pontevedra (1969), o Pedrón de Ouro (1973), a Medalla de Ouro da Provincia de Pontevedra (1977), a Medalla Castelao (1984) e os Premios Otero Pedrayo (1986), Fernández-Latorre (1989) e Trasalba (1990), entre outros.
 
A súa produción intelectual escrita, tanto en galego como en castelán, é enorme e abranxe todo tipo de xéneros: a narrativa (Os nenos, 1925; O vigairo, 1927; Quintana Viva, 1971); o teatro (Agromar -farsa pra rapaces-, 1936, asinada co pseudónimo “J. Acuña”); a poesía (6 canciones de mar "in modo antico”, publicadas en 1941 na revista navarra Albor); a edición de textos (Afonso X, Cotarelo Valledor, Lago González, Cunqueiro...); a biografía, con entregas como Camoens, conmemoración del centenario de "Os Lusíadas" (1958), Diego Sarmiento de Acuña, primer conde de Gondomar (1966), Manuel Ventura Figueroa, Arzobispo de Laodicea (1978) e mais El almirante pontevedrés Sarmiento de Gamboa (1980); o artigo xornalístico (desde os primeiros que redixiu, que apareceron na revista santiaguesa Renovación e no diario Galicia, de Vigo, en 1923); o artigo erudito; o ensaio especializado; o traballo de divulgación cultural; o prólogo; etc. Algún recontos falan de máis de trescentos títulos saídos do seu enxeño, entre libros, opúsculos e folletos de toda índole e de arredor de mil artigos publicados en xornais e revistas (recollidos moitos nos nove volumes da serie “Adral”, que foron publicando entre 1979 e 1996 as Ediciós do Castro do lembrado Díaz Pardo), así como de máis de 1.600 conferencias, entre as que cabe contar o pregón da Semana Santa que pronunciou no Teatro Pastor Díaz de Viveiro o 12 de abril de 1976.
 
Foron múltiples e moi variados os campos do seu interese dentro da agra das Humanidades. Filgueira foi, en primeiro termo, un experto que se debruzou coma poucos sobre o tesouro da literatura galaico-portuguesa dos Cancioneiros. No volume Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1925-1987), editado por Galaxia en 1992, recóllese o máis decisivo desta súa achega no campo da medievalística e sobre esta temática xirou, como xa dixemos, o seu discurso de ingreso na Academia Galega en 1941, aínda que se houbese que destacar un ensaio en concreto onde a orixinalidade e a fondura de Filgueira como analista literario brillen con forza ese non sería outro que o titulado La Cantiga CIII. Tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval (Eds. Xerais, 1982). Este estudo, que foi a súa tese de doutoramento en 1936 (con Cotarelo Valledor, Américo Castro e González Palencia no xurado), versa sobre un dos textos emblemáticos das Cantigas de Santa María, que toma como pretexto un miragre ambientado no mosteiro de Armenteira, en Meis: o do monxe Ero, que permaneceu trescentos anos atento ao canto dun paxariño porque quería saber como sería estar no Paraíso celestial... 

Tamén foi Filgueira un competente especialista no mundo da Arte, cunha máis que brillante xestión á fronte do Museo de Pontevedra e con monografías como La escultura gallega, el centenario de Francisco Asorey (1991), sobre pintura romántica galega ou sobre o pintor Álvarez de Sotomayor. Grande e constante foi, igualmente, o seu interese pola arqueoloxía, en rexa competencia, non exenta de derivacións persoais conflitivas, con Fermín Bouza Brei. Neste campo destacan as súas “Adiciones a la Carta Arqueológica de la Provincia de Pontevedra. Inventario de localidades con hallazgos paleolíticos”, elaborada con Alfredo García Alén e publicada na revista El Museo de Pontevedra (nº XXIX, 1975). Etnógrafo e antropólogo por engadido, dedicou tamén non poucas liñas a aspectos do vivir tradicional galego, con volumes como La artesanía en Galicia (1953) e mais Los canteros gallegos (1976).

Filgueira revelouse, ao mesmo tempo, como un continuo indagador e un amante apaixonado de dúas historias locais en concreto: a pontevedresa e a compostelá. Sobre a cidade do Lérez escribiu volumes como Guía de Pontevedra (1931), as series tituladas Pontevedreses universales e Archivo de mareantes ou un magnífico estudo sobre a basílica de Santa María a Maior (1992). Mais el mesmo ten confesado algunha vez que o seu primeiro recordo situábao en Compostela nas solemnidades do Ano Santo de 1909, ás que acudira con tan só tres anos de idade na compaña da súa familia. Á cidade do Apóstolo dedicou o volume Historias de Compostela (1970), debruzándose sobre figuras e feitos como as empresas construtoras do arcebispo Xelmírez, a reconstrución da biografía do Mestre Mateo, as peregrinacións xacobeas medievais, a iconografía do Apóstolo e a escola de gravado compostelá, os rituais da Universidade barroca e as festas durante os séculos XVII e XVIII. Tamén inspirou o amor pola cidade da estrela a confección de dous preciosos traballos antolóxicos de literatura sobre ela, titulados Cancioneiriño de Compostela (revista Nós, núms. 103 e 104, 1932) e Cancioneiriño novo de Compostela (1969, Edicións Castrelos), respectivamente. En 1948 a Editora Nacional tirou do prelo El libro de Santiago, con debuxos de José Sesto; en 1950 apareceu Santiago de Compostela. Guía de sus monumentos e itinerarios e, en 1993, Compostela, camino y estela. E aínda en 1989 preparou Filgueira un guía trilingüe da cidade para as Edicións Ir Indo, Santiago de Compostela, con fotografías de Manuel G. Vicente.

Non podemos deixar sen mencionar a súa faceta como bibliófilo, que o levou a compoñer algúns traballos e prólogos de edicións facsimilares que aínda hoxe resultan fonte de inmensa valía para toda aproximación a esa materia e que están recollidos no volume Arredor do libro: artigos de bibliografía (1996), editado pola Xunta de Galicia. De grande interese é a súa aproximación á figura, inmensa, do escritor de Trasalba, publicada baixo o título Con Otero Pedrayo (1990). E tan curiosa como significativa é a súa faceta de tradutor ao galego de varios poemas de mocidade, como o titulado “A canteira”, dun escritor polaco chamado Karol Wojtila, logo Papa Xoán Paulo II.

Finalmente, aínda cabería citar Filgueira como un grande melómano e afeccionado á música, tanto culta como popular, como poñen de manifesto a súa pertenza á Coral Polifónica de Pontevedra, os seus estudos sobre os cantares dos peregrinos a Compostela no Medioevo ou a súa relevante intervención na edición dos dous volumes do Cancioneiro Musical de Galicia (1942), de Casto Sampedro, unha das fontes preciosas de consulta do noso pasado nesa materia para musicólogos e fokloristas actuais. 

7. Alcalde pontevedrés: unha de cal conservacionista; outra de area contaminante. 

Filgueira, que viña exercendo desde o final da guerra a presidencia do Tribunal Tutelar de Menores pontevedrés e que se vería recompensado polo rexime franquista ao que servía tan eficazmente no plano educativo e cultural cun posto de Procurador en Cortes polo terzo familiar, foi nomeado o 10 de novembro de 1959 Alcalde da cidade do Lérez. Desempeñou ese cargo ata 1968.

O seu paso pola alcaldía ten, evidentemente, un grande “debe”: a autorización que concedeu para a instalación en Lourizán da contaminante factoría de Ence-Elnosa, que tanto ten danado e hipotecado desde entón ata hoxe mesmo a saúde da poboación, a riqueza marisqueira e o desenvolvemento urbanístico e turístico da ría de Pontevedra no seu conxunto. Mais tamén presenta un grande “haber”: a súa decidida política de conservación do conxunto monumental e histórico-artístico da cidade, salvándoo da piqueta “desarrollista” que tantos estragos perpetrou por aquel entón, para desgraza colectiva do noso patrimonio, en tantas outras vilas e cidades do país.

8. Conselleiro de Cultura da nacente Autonomía Galega.

Despois de celebradas as primeiras eleccións ao Parlamento galego, en 1981, Filgueira Valverde fixo parte, en calidade de Conselleiro de Cultura, do primeiro goberno autonómico, presidido por Gerardo Fernández Albor, do partido Alianza Popular. 

Permaneceu nese posto entre 1982 e 1983 e foron, esencialmente, dúas as decisións máis transcendentes ou relevantes da súa xestión, ambas non exentas de derivacións polémicas: a creación do Consello da Cultura Galega, organismo que presidiría máis tarde, desde outubro de 1990 ata o seu propio pasamento, e a promulgación do chamado “decreto Filgueira” (1982), que estabelecía, en base ao pacto acadado entre a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade compostelá, as regras ortográficas e morfolóxicas, isto é, a normativa do idioma galego. O pendor “isolacionalista” destas normas (fronte ás tendencias “reintegracionistas” que encabezaba o profesor Carvalho Calero e que viñan practicando xa amplos sectores) e determinadas imposicións convencionais contempladas nelas abriron un conflito sobre a norma do galego que, con voltas e reviravoltas que non é o caso expoñer aquí, chegou aberto (e por veces ben “sangrante”) até os nosos días, afectando de maneira decisiva á fortuna social da lingua propia de Galiza.