eu

eu
eu

sábado, 12 de marzo de 2022

Presentación dunha monografía sobre o poeta viveirense decimonónico Luís Sipos Magniac

 


O vindeiro sábado 19 de marzo, a partir das 20 horas, terá lugar na libraría “Nobel” de Viveiro (antiga “Porta da Vila”) o acto de presentación do libro Del pobre cantor oscuro. O poeta viveirense Luís Sipos Magniac (1845-1879), do que é autor o catedrático de ensino medio, escritor e ensaísta Emilio Xosé Ínsua.

Nese acto intervirán, ademais do propio autor da obra, o fotógrafo, mestre xubilado e poeta Jaime Oroza, autor de libros como Dende mañá (2013) e Soños como xógaras (2017), e o impresor Juan Carlos Neira.

Trátase do segundo volume da “Biblioteca Emilio Antonio Ínsua García de Estudos Viveirenses”, unha iniciativa posta en marcha no pasado 2018 cunha obra sobre o tamén poeta local Xoán Pla Zubiri.

Nesta ocasión o traballo ocúpase da traxectoria dun poeta que practicamente só tiña asomado con anterioridade ás páxinas de historia literaria pola polémica que suscitou no seu día a cuestión da súa verdadeira orixe, ferrolá para uns, viveirense para os que, finalmente, demostraron ter a razón do seu lado.

A monografía reconstrúe con detalle, ata onde foi posible, a breve biografía do poeta Luís Sipos, estudante nas Escolas de Comercio de A Coruña e Madrid, celador-escribán no porto de Viveiro e funcionario do Ministerio de Facenda na capital hispana. Antes de morrer na flor da vida, cando aínda non cumprira os 35 anos, logrou non obstante despuntar co seu talento nos círculos literarios da citada capital, cun tipo de poesía no que resultan palpables os influxos do alemán Heine, do asturiano Campoamor e, sobre todo, do sevillano Gustavo Adolfo Bécquer.

Para facer máis intelixible ese devir biográfico do poeta, a monografía achega abundante información sobre o contexto histórico, económico e cultural do Viveiro en que naceu e no que transcorreu a súa primeira mocidade.

Tamén se deita atención na obra ao contexto literario galego e hispano da época, para encadrar o poeta Sipos na corrente das letras hispanas habitualmente denominada Post-Romantismo e remarcar a súa total ausencia dos círculos e xornais afectos ao Rexurdimento.

A monografía escrita por Ínsua ofrece, por último, un total de corenta das súas composicións, todas elas en castelán e publicadas no seu momento en revistas como o Almanaque de Soto Freire, La Ilustración Española y Americana, La Moda Elegante, El Bazar e El Telégrama, e xa postumamente, na primeira época do semanario Heraldo de Vivero.

Dado que a edición do volume ten carácter non venal, o público asistente á presentación será agasallado cun exemplar da obra. Con posterioridade tamén se poderán retirar na propia Libraría Nobel e mais en Gráficas Neira Brochs.