Roberto
Blanco Torres foi un dos xornalistas máis sobranceiros da Galiza do
primeiro cuarto de século. A calidade e interese dos seus artigos, a
honestidade con que emitiu as súas opinións, a dignidade con que
afrontou a persecución da censura e dalgún propietario de xornal
(caso de Portela Valladares e El Pueblo Gallego) e o prolífico
da súa pluma, presente nos principais cabezallos da prensa galega
desa época (A Nosa Terra, El Noroeste, El Correo
Gallego, La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego, El
País, etc.) converten a súa figura nunha referencia inexcusábel
á hora de falarmos desa xeración de grandes xornalistas que deu a
nosa Terra antes do estoupido bélico do 36, xeración á que
pertence tamén por dereito propio e en destacado lugar o noso
compatriano Antón Villar Ponte.
Blanco
Torres foi, asi mesmo, un poeta de extremada orixinalidade aínda que
nada prolífico (un só libro editou, co título de Orballo da
media noite, en 1929, magnificamente analizado por Miro Villar na edición que fixo Xerais co gallo das Letras Galegas de 1999) e
asemade un militante honesto da idea republicana, progresista e
galeguista, feito este que serviu de excusa para que uns desalmados
asasinos co uniforme da Falange o inmolasen nunha cuneta da estrada
de Bande a Portugal, no concello ourensán de Entrimo, nunha
madrugada do mes de outubro de 1936.
Nacera
en Cuntis (Pontevedra), en 1891. Era o menor de nove irmáns. Un
deles, Germán, crego en Lores (Meaño-Pontevedra), mantivo decote
unha estreitísima relación con el e tentou inutilmente interceder
pola súa vida nos tráxicos días da sublevación fascista.
Morto
seu pai en 1905, Roberto Blanco Torres decidiu reunirse con dous dos
seus irmáns, Segismundo e Nuño, na illa de Cuba. Aló chega a
finais de 1906, con quince anos recén cumpridos, e, ben axiña,
comeza a despuntar con múltiples colaboracións, en prosa e verso,
en galego e castelán, nos numerosos xornais e revistas que editaba
en La Habana a colectividade emigrante galega.
En
Cuba, Roberto traba amizade co noso Antón Villar Ponte, co debuxante
catalán Bagaría, co músico Xosé Castro "Chané", con
Xosé Fontenla Leal (promotor do noso himno e da Academia Galega), co
poeta Ramón Cabanillas, co xornalista Abdón Rodríguez Santos, co
abade agrarista Basilio Álvarez e con outras figuras destacadas da
intelectualidade galega na Illa caribeña, que adoitaban reunirse
para faceren tertulia no café “Puerta del Sol”.
O
bautizo literario de Roberto prodúcese na revista habaneira Follas
Novas, que fora fundada en 1897 e
que desaparecería en setembro de 1908, logo de ser dirixida nun
breve período por A. Villar Ponte, precisamente. Noutra revista
habaneira, Suevia,
deu a coñecer o de Cuntis a súa primeira produción en galego, o
poema titulado Anacos (17
de novembro de 1910).
Funda
e dirixe nesta etapa cubana as revistas La
Alborada (decembro de 1911), na que
populariza o seu pseudónimo "Fray Roblanto", e La
Tierra Gallega (abril de 1915), de
ton crítico cos dirixentes do Centro Galego de La Habana e da que só
saen cinco números.
Blanco
Torres, con todo, non consegue en Cuba garantirse unha mantenza en
condicións e fártase, ao que semella,
de "comer mal y vestir peor". O seu amigo Abdón Rodríguez
Santos transmítenos unha explicación sobre este relativo fracaso:
“no tuvo suerte en Cuba (...) Dije que Roberto no tuvo suerte;
mejor dijera que no tuvo padrinos, y si los tuvo le cogieron hincha
por la hurañía de su carácter, o por ser poco apersonado y
zalamero”.
O
seu regreso a Galiza prodúcese, probabelmente, a finais de 1916.
Nada máis chegar proclama a súa adhesión ás Irmandades da Fala,
que veñen de fundar os irmáns Villar Ponte na Coruña, faise
colaborador asiduo do xornal-voceiro das mesmas, A Nosa Terra,
concretamente desde o seu número 15 (10.4.1917), e participa
activamente na Asemblea de Lugo (1918), na que as Irmandades declaran
fundado o nacionalismo galego.
Moitos
outros xornais galegos, cataláns e madrileños receben as súas
colaboracións dende entón: Galicia Nueva de Vilagarcía de
Arousa, a revista Vida gallega de Vigo, El Sol de
Madrid, El Liberal de Madrid, El Ideal Gallego da
Coruña, Faro de Vigo, etc. En 1918 acompaña a Villar Ponte
na redacción do xornal coruñés El Noroeste, adquirido
daquela polos rexionalistas cataláns liderados por Cambó. Desde o
22 de outubro de 1920 até o 9 de agosto de 1921 dirixe Blanco Torres
o xornal, daquela ferrolán e hoxe santiagués, El Correo Gallego.
Pouco despois pasa a dirixir El Progreso, de Pontevedra.
Blanco
Torres amósase como un xornalista de opinión, moi combativo,
militante das causas progresistas, firme partidario das
reivindicacións galeguistas e moi atento, especialmente, ás loitas
do agrarismo. A súa pluma, abondo prolífica no mester xornalístico,
vaise nutrindo sobre todo da actualidade política e social deses
anos, mais sen por iso renunciar ao tratamento de temas culturais e
literarios e, mesmo, á reflexión e divulgación filosóficas.
Froito
desa combatividade nobre que imprime a moitos dos seus traballos
serán as polémicas con diversos persoeiros e colegas de profesión.
Destacan, nesta liña, as súas críticas ao director da pouco
galeguista Vida Gallega,
Jaime Solá, pola súa "flojedad
polémica cuando se trata de los problemas ideológicos o
espirituales de Galicia, poco familiares a los que, sin estudio, no
sienten la personalidad ni los destinos de un pueblo"
e mais os ataques a Alejandro Pérez Lugín, que chegou a se querelar
contra el a raíz dunha polémica sobre a paternidade literaria da
novela La
casa de la Troya. Blanco
Torres alude entón ao "trágico
pauperismo intelectual" de Lugín, a quen considera "engreído
por un éxito populachero de librería".
Tamén
asomou a pluma do cuntiense ás páxinas dunha das revistas máis
importantes do período cultural anterior á guerra. Referímonos á
revista Nós, que dirixía en Ourense Vicente Risco. Unhas
notas de viaxe sobre Vigo (1921), unha recensión dun libro do
galaico-arxentino Francisco L. Bernárdez (1925) e dous poemas
orixinais (1929) son o contributo de Blanco Torres ao labor
extraordinario deste boletín de cultura galega con enfoque
universalista.
Na
década dos 20, Blanco Torres acadará o cénit da súa carreira como
xornalista, pois a súa figura relaciónase neses anos, en calidade
de director, redactor-xefe ou correspondente, coas mellores
cabeceiras de prensa galega e española e aínda con outras da
colonia galega na emigración como a Céltiga
bonaerense, o cubano Eco de Galicia, etc. Así, en 1922
é nomeado redactor-xefe de La Zarpa, xornal agrarista
ourensán fundado un ano antes por Basilio Álvarez, con Antonio
Buján como director. En agosto de 1923, Roberto accede á dirección
do xornal, no que permanece até comezos de 1924, ano en que se
traslada a Vigo para facerse cargo da xefatura de redacción do
xornal Galicia, en substitución de Manuel Lustres Rivas, que
emigra á Arxentina.
A
estadía do noso autor na cidade olívica abrangue de 1924 a 1927. En
abril de 1926 ten lugar a súa voda con Julia Sánchez. Blanco Torres
signifícase nestes anos, desde a súa sección "Entre
paréntesis" do Galicia dirixido por Paz-Andrade, como un
xornalista indómito e de agudo enxeño fronte á censura e as trabas
impostas pola ditadura primorriverista. Desta época data tamén o
seu enfrontamento con Ramón Fernández Mato, á sazón director de
El Pueblo Gallego, pola actitude insolidaria deste xornalista
fronte á detención e encadeamento do director do Galicia, o
citado Paz-Andrade.
Blanco
Torres expresa reiteradamente nesta época a súa admiración por
Unamuno, figura entón emblemática da oposición intelectual
española á ditadura de Primo de Rivera. Para burlar a censura chega
a escreber todo un artigo da súa sección "Entre paréntesis"
en latín... A súa derradeira colaboración no Galicia é do
27 de xuño de 1925 (aínda que o xornal continuou saíndo até
mediados de setembro de 1926).
En
1927 ficha Blanco Torres por El
Pueblo Gallego, xornal do que pasara
a ser propietario o potentado e político liberal Manuel Portela
Valladares. Ao pouco tempo, concretamente o 18 de novembro, o noso
xornalista presenta a súa indignada demisión ante un Portela que
lle tiña suxerido, ao que parece, poñer o xornal ao servizo do
gobernador
primorriverista "para secundar la obra del gobierno".
Blanco Torres, ferido no seu
orgullo profesional e na súas profundas conviccións democráticas e
anti-ditatoriais, protesta:
"No sé que concepto tendrá V. de mí para proponerme semejante
indignidad (...) con mi dimisión vá mi más encendida repulsa a esa
ofensa que V. ha pretendido inferirme".
A
raíz da demisión, Blanco Torres publica senllos artigos críticos
no Faro de Vigo (o 24 de novembro e o 1 de decembro,
respectivamente), que provocan a presentación dunha querela por
parte de Portela Valladares, por supostas inxurias contra el. O 6 de
marzo de 1929, a Audiencia provincial pontevedresa ditou sentenza
absolutoria, mais, recorrida por Portela, o Tribunal Supremo mudouna
en condenatoria o 23 de outubro de 1929. A pena imposta a Blanco
Torres foi de desterro a 150 Km. de Vigo e multa de 1.500 ptas, desa
época...
Retirado
durante 1928 e parte de 1929 á viliña ourensá de A Peroxa, Blanco
Torres aproveita para poñer en orde ideas e proxectos e para
escribir e preparar a edición do seu único libro de poemas, Orballo
da media noite, que
aparece en outubro de 1929 facendo o volume XXIX da Editorial "Nós",
que rexentaba, como é sabido, Ánxel Casal, outro insigne galeguista
inmolado nos aciagos días do verao de 1936.
Paseniñamente,
a voz de Blanco Torres regresa ás páxinas dos xornais durante as
xornadas da “Ditablanda" do xeneral Berenguer. Cando se coñeza
a sentenza condenatoria do Supremo antes amentada, La
Zarpa, xornal no que volve colaborar
asiduamente, organiza en Ourense unha homenaxe multitudinaria a
Blanco Torres, á que adhere a práctica totalidade dos intelectuais,
xornalistas e escritores galegos de entón.
Blanco
Torres publica en 1930, tamén na editorial "Nós", unha
escolma dos seus traballos xornalísticos titulada De
esto y de lo otro,
inaugurando unha colección titulada "Biblioteca Murguía".
Ese mesmo ano resulta elixido membro da directiva da Asociación de
Escritores Galegos, presidida por Otero Pedrayo e vicepresidida por
Noriega Varela, Castelao e Antón Villar Ponte. Esta entidade foi o
xérmolo da futura Asociación de Escritores de Galicia, fundada en
marzo de 1936 con Gonzalo López Abente como presidente e con Blanco
Torres, de novo, entre os seus directivos.
O
noso autor participa activamente na recomposición do republicanismo
galego nas horas previas á definitiva descomposición da ditadura e
á caída pacífica da monarquía. Axuda a fundar a Federación
Republicana Galega, dirixe o xornal ourensán La República
(que desaparece non obstante moi axiña, en 1931) e preséntase como
candidato ás eleccións a Cortes Constituintes da 2ª República por
Ourense, aínda que obtén uns magros resultados.
En
decembro de 1931, Blanco Torres é nomeado gobernador civil de
Palencia. Asiste á asemblea luguesa da O.R.G.A., que se transforma
en Partido Republicano Gallego para iniciar unha deriva, da que
Villar Ponte se desmarcará claramente, cara á definitiva
integración na Izquierda Republicana de Azaña, nun proceso guiado
por Casares Quiroga e no que Blanco Torres tamén participará.
En
1933 dirixe por un breve período o xornal coruñés El Noroeste,
convertido agora en órgao de prensa do Partido Republicano
Radical-Socialista na cidade herculina. Pasa a dirixir tamén El
País, en Pontevedra, imprimíndolle unha clara liña ideolóxica
galeguista e republicana de esquerdas. Por un artigo aparecido en El
Liberal de Madrid, durante o "bienio negro", Blanco
Torres ten que ir á cadea. Colaborará en 1935, igualmente, co
semanario galego de esquerdas Ser, dirixido por Ramón Suárez
Picallo.
Xefe
do gabinete de prensa do Ministerio da Gobernación, en mans de
Casares Quiroga nos derradeiros compases republicanos, Blanco Torres
participa activamente na campaña pro-Estatuto de Autonomía para
Galiza. Nos días de xullo do 36, permanece coa súa muller en A
Peroxa. Detido e trasladado a Ourense en setembro, as xestións que
seu irmán sacerdote Xermán realiza resultan inúteis: na madrugada
do día 1 de outubro é conducido ao mosteiro de Celanova (convertido
en cadea) e desde alí, en camioneta, a unha reviravolta da estrada
de Bande a Portugal, no km. 67, á altura de Entrimo, onde é
asasinado a tiros e deixado en panos menores, probabelmente para
dificultar a pronta identificación do cadavre. O certificado de
defunción, mostra palpábel do cinismo e a vesanía desa lúgubre
época, sinala que Blanco Torres morrera "a
consecuencia de traumática hemorragia interna"...
A
camaradaxe de dous xornalistas excepcionais
Como
anotamos, Blanco Torres foi grande amigo, colega de profesión e
correlixionario en diversos intres doutro xornalista de excepción na
Galiza do seu tempo, o viveirense Antón Villar Ponte.
Coñecéronse
en La Habana, en 1907. Antón, dez anos máis vello ca Roberto, que
tiña só quince ao arribar a Cuba desde o seu Cuntis natal,
simpatizou axiña con aquel aprendiz de xornalista. Ademais do gosto
común por emborranchar papeis con ideas e latexos de actualidade,
con inquietudes galeguizantes e con versos de maior ou menor
inspiración, Roberto e Antón profesaban entón ardentemente o credo
republicano. Ao cuntiense víñalle de familia, pois seu pai,
ex-seminarista en Lugo, fora amigo do ínclito orador e líder
republicano Castelar. Ao de Viveiro, en cambio, o republicanismo
chegoulle, en contraste co clima familiar (Don Ponciano, seu pai, era
un dos prebostes do partido conservador na vila do Landrove) polo
influxo de Ramón Díaz Freixo, primeiro, e polo de Leiras Pulpeiro,
o médico e poeta mindoniense, despois.
Claro
que mentres Roberto era case bisoño no tocante ás tarefas de
axitación e propaganda de tal credo, Antón, ao chegar a Cuba, traía
xa no seu haber importantes iniciativas realizadas nese senso: a
edición en Viveiro dos xornais Nueva
Brisa e Germinal,
as colaboracións co voceiro do republicanismo coruñés Tierra
Gallega, a participación en varios
mitins na Mariña, a confección de pezas teatrais como A
patria do labrego e El
peso de una ley, o
secretariado do comité republicano de Mondoñedo (mentres exercía
de boticario en Foz e editaba o xornal satírico ¡Guau...Guau!),
etc. Isto non era óbice, en todo caso, para que o Roberto expresase
coa debida vehemencia as súas conviccións, en parágrafos como este
que reproducimos, tomándoo da
revista galaico-habaneira "Galicia" (8 de abril de 1911:
"Pienso
en las injusticias del destino, y en la desfachatez y la depravación
de los que empuñan indignamente las riendas de un gobierno
autocrático y despótico... Y maldigo la inquisitorial monarquía,
foco de atropellos sin cuento, de bochornosas concupiscencias y de
vergonzosos é irritantes privilegios!"
Na
capital cubana ambos persoeiros tertuliaban no café "Puerta del
Sol", xunto a Medardo Lafuente (un dos nomes destacados do
xornalismo cubano deses anos), o debuxante catalán Bagaría
(colaborador, posteriormente, de importantes xornais españois como
El Sol), o músico Xosé Castro "Chané", o actor
galego Bernardo Jambrina, o escritor ortegano Armada Teixeiro, etc.
Artigos de Antón e Roberto compartían as páxinas de publicacións
impulsadas pola colectividade galega na Illa como o xornal Galicia
ou a revista Follas Novas, da que Antón chegou a ser
director nos seus derradeiros números. Destaquemos, a título de
curiosidade para a nosa historia local, que a pluma de Blanco Torres
honrou ademais algún dos números da revista Vivero en Cuba,
promovida e editada pola sociedade "Vivero y su Comarca", á
fronte da que figurou o filántropo "indiano" Justo
Taladrid Catá.
O
regreso de Villar Ponte a Galiza, en 1910 (non en 1912, como se
afirma habitualmente) provoca a interrupción momentánea do trato
con Blanco Torres, que fica na Illa para editar a revista La
Alborada e secundar entusiasta, como o poeta cambadés Ramón
Cabanillas, as campañas agraristas que realiza por aqueles pagos o
abade de Beiro e líder de Acción Gallega, Basilio Álvarez. A este
fervor pertencen versos de Roberto como estes, tomados do poema "El
sino", que se publicou no xornal galaico-habaneiro Galicia
o 19 de marzo de 1911:
"¡Dios
de la Justicia
Arregla,
si puedes, ese pueblo perdido,
Y
al tirano que abusa del labriego,
Aplica
severo castigo.
¡Mira
que es muy triste,
De
esos hombres el sino funesto,
Que
afrontan tremendos suplicios
Huyendo
al cacique perverso!".
Aínda
en Cuba, no 1915 Blanco Torres combate a política da directiva do
Centro Galego habaneiro a través das páxinas do xornal La Tierra
Gallega, homónimo do que no seu día impulsara o poeta Curros
Enríquez, con idéntico espírito crítico.
A
traxectoria de Villar Ponte e Blanco Torres entrecrúzase novamente a
comezos de 1917. O xornalista de Cuntis, apenas poñer pé na Galiza,
non dubida en adherirse ás Irmandades da Fala. Entra, seguidamente,
a formar parte, por desexo do propio Villar Ponte, no grupo de
colaboradores asiduos do xornal-voceiro das Irmandades, o monolingüe
A Nosa Terra
e participa na Asemblea de Lugo (1918). Tamén o levou Villar Ponte á
redacción de El Noroeste
no breve tempo (febreiro a agosto de 1918) en que este xornal estuvo
baixo o influxo “irmandiño”.
Do
sentimento de amizade que os une dá boa mostra a adicatoria do
exemplar de Nacionalismo
gallego. Nuestra afirmación regional
que conserva a familia do escritor cuntiense, asinado en Coruña o 13
de abril de 1917 polo autor do folleto e que coñecemos por Juan L.
Blanco Valdés (Cf. Hipertensión
cívica. Aproximación á vida e á obra de Roberto Blanco Torres,
Ediciós do Castro, Sada,
1998, Colección Documentos, nº 140, p. 27): "A
Roberto Blanco Torres, bohemio cultísimo, cronista brilante,
xornalista que ten conquerido moitos éisitos e que, na imprensa de
Cuba, na de Madri, na de Barcelona e na galega, estudiou con grande
acerto probremas intresantes; home dino de sere mestre de moitos e
discípulo de poucos”.
Cando
Antón publica na colección "Céltiga" de Ferrol, en 1922,
unha das súas obras teatrais máis destacadas, Almas
mortas, vibrante alegato
contra as negativas consecuencias do fenómeno migratorio para o
país, a crítica máis agradecida que recebe é, xustamente, a de
Roberto Blanco Torres, nas planas do Galicia
Nueva arousán (11.6.1922): "Acabo
de leer un libro sobre cuyas páginas debiera caer la mirada inquieta
de todos los gallegos (...) Es, ante todo, ese libro, el libro de la
verdad, inflamado por una noble pasión apostólica (...) creo quem
nunca se ha publicado en Galicia un libro de la importancia de éste,
por su tono, por su sinceridad, por la audacia triunfante con que su
autor ha enfocado el tema".
En amábel correspondencia, a aparición do poemario Orballo
da media noite (1929) de
Blanco Torres é tamén cariñosamente recensionada por Villar Ponte
nas páxinas da revista bonaerense Céltiga
(curiosa coincidencia nominal de colección e revista neste
intercambio de recensións entre os nosos protagonistas).
Novas
coincidencias balizan o transcurso vital dos nosos dous autores.
Ambos colaboran no ourensán La Zarpa nos primeiros compases
da ditadura primorriverista. Ambos, tamén, teñen destacado papel
como redactores na edición dun dos fitos do xornalismo galego de
pré-guerra, o diario vigués Galicia. Foi precisamente
Roberto quen chamou a atención nun traballo nese xornal sobre o
cumprimento das vodas de prata de Villar Ponte no xornalismo,
recordatorio ao que respostou o viveirense cunha "Interviu
conmigo mismo".
Figuran
ambos, igualmente, na nómina de colaboradores galegos de importantes
periódicos madrileños do momento, como El Sol, no caso de
Antón, ou El Liberal, no caso de Roberto. Ambos pasarán a
engrosar as fileiras da redacción do rotativo vigués El Pueblo
Gallego, concretamente a comezos de 1927, logo da desaparición
do Galicia, mais as fortes desavinzas de Blanco Torres co
propietario do xornal, Portela Valladares, como xa
explicamos,supuxeron o seu rápido afastamento desta cabeceira, a
diferenza do que aconteceu con Antón, colaborador asiduo até os
derradeiros dias da súa vida deste magnífico diario.
Participaron
ao unísono os dous xornalistas no intento de constitución dunha
Asociación de Escritores Galegos, en 1930, que só coallará
definitivamente en 1936, e por ben pouco tempo, infelizmente, por mor
da guerra. Vítimas unha e outra vez do lápis vermello da censura,
tanto Antón como Roberto dan cos seus ósos na cadea en breves
tempadas por mor do contido dalgúns artigos que escreben poñendo en
solfa os supostos logros do réxime ditatorial primorriverista:
críticas ao daquela ministro de Facenda Calvo Sotelo, no caso de
Antón, e críticas ao sucesor de Primo de Rivera, o xeneral
Berenguer, no caso de Roberto. Os dous xornalistas pagaban así unha
independencia de criterio e unha valentía que, se ben lles reportaba
sensabores como os citados, ao mesmo tempo servían para acrecentar a
súa estimación, influenza, maxisterio e prestixio a ollos da
crecente opinión republicana galega e española. Non é de estrañar
que ambos formen parte da O.R.G.A. e que ambos se candidaten nas
eleccións a Cortes Constituintes da 2ª República. Antón, que se
presenta pola circunscrición electoral coruñesa, sae eleito, mais
Roberto, candidato por Ourense, obtén un pobre escrutinio.
A
partir deste punto as súas traxectorias afástanse un tanto. Blanco
Torres desempeña cargos de confianza do goberno Azaña, segue o rumo
político tracexado por Santiago Casares Quiroga e ingresa finalmente
no partido de Izquierda Republicana. Antón, por contra, non chega a
desempeñar ningún posto gobernativo da nacente República, afástase
da liña de Casares Quiroga e acaba por ingresar, finalmente, no
Partido Galeguista. A pesar destas diverxencias, non foron estas tan
graves nen fondas como para impedir que o cuntiense e o viveirense
mantivesen o seu mutuo afecto amical e fosen constantes e unívocos
paladíns desde as súas tribunas xornalísticas da causa da
autonomía galega.
A
respecto da causa autonómica galega, escribía Blanco Torres en El
Noroeste (19.2.1933):
"Las autonomías - la de Galicia y la de todas partes - no
implican una antítesis de la universalidad, como por pereza mental o
por sectarismo cerril creen algunos (...) Sería un absurdo que
hubiese incompatibilidad entre la libertad de un pueblo y la
hermandad de todos los pueblos en la libertad. La justicia ha de
entrar primero en la propia casa. Por el contrario, la autonomía
tiene un sentido universalista, porque impulsa las energías
autóctonas, favorece el alumbramiento y desarrollo de los valores
espirituales vernáculos y esta es la contribución más efectiva y
transcendental que un pueblo puede hacer al tesoro mundial de la
cultura".
O
destino deparoulles diversa sorte na hora postreira. Antón morreu
dunha enfermidade gástrica en marzo do 36, días despois de resultar
reelexido como deputado, cando xa se ventaba a tormenta política e
bélica que descargou a súa forza vesánica sobre a inocencia e
talvez o candor excesivo de Roberto nunha cuneta da estrada de Bande
a Portugal, en outubro do 36.