Motín
na Bounty,
de John Boyne
Faktoría
K, Col. Narrativa, nº 12, Pontevedra, 2010. Tradución
de Carlos Acevedo.
Despois
do grande suceso da súa novela O
neno do pixama a raias
(2006), o escritor irlandés John Boyne decidiu afrontar a revisión
dun episodio emblemático na historia das navegacións promovidas
polo Almirantado británico: o motín contra o capitán William Bligh
na fragata Bounty
durante a expedición que o barco emprendeu en 1787 a Otaheite
(=Tahití), en augas do Pacífico, na procura de exemplares da
chamada “árbore do pan” para os transplantar ás colonias do
Caribe.
Esta
historia foi levada ao cine cando menos en tres ocasións, con Clark
Gable (1935), Marlon Brando (1962) e Mel Gibson (1987) no papel de
oficial rebelde, respectivamente, mais presentando decote o conflito
vivido a bordo como unha xustificada revolta dunha parte da
oficialidade e da tripulación do barco contra as arbitrarias
decisións e os excesos autoritaristas do capitán Bligh.
Na
súa novela, Boyle aposta por modificar radicalmente a perspectiva e
válese para iso dun narrador protagonista, o mozo John Jacob
Turnstile, que é enrolado in
extremis
como paxe do capitán para así evitar ingresar en prisión por un
roubo. Este narrador, verdadeiro personaxe dickensiano, picaresco e
desgraciado a partes iguais, presentaranos o capitán (Anthony
Hopkins na versión cinematográfica de 1987) como unha figura
esencialmente positiva, de ademáns paternais e fondo bondadoso aínda
que esixente no traballo, encarnación do deber e da
responsabilidade, preocupado en todo momento polo éxito da misión,
pero non menos atento ao benestar da tripulación. Esta actitude do
capitán contrasta coa fachenda ambiciosa dalgúns oficiais e co
desleixo, a indisciplina e a molicie que invade a práctica
totalidade da tripulación durante a estadía en terra tahitiana.
Unha vez o motín ten lugar, o narrador optará por acompañar o
capitán e algúns tripulantes máis, abandonados polos revoltosos
nun bote á súa sorte, de maneira que nada máis saberemos da
peripecia dos que continuaron na Bounty…
A
novela de Boyle está dividida en cinco partes: “O ofrecemento”,
que serve para coñecermos o narrador protagonista e vermos por que
acaba enrolado na Bounty;
“A viaxe”, que narra a travesía da fragata desde que zarpa en
Spithead ata que arriba pola rota do Índico a Tahití, logo dun
intento frustrado de dobrar o Cabo de Hornos; “A illa”, dedicada
a describir o deterioro das relacións entre os protagonistas co pano
de fondo da sensualidade desinhibida das nativas, o clima paradisíaco
e a tentación da deserción; “O bote”, que encerra o episodio
central do motín e o abandono dos non insurrectos nunha pequena
embarcación no medio do océano, coa que navegarán heroicamente ata
Timor, no límite das súas forzas; e, finalmente, “O retorno”,
parte coa que Boyle intenta pechar, con certa precipitación e varios
saltos narrativo-temporais un tanto forzados, ao noso humilde xuízo, todos
os cabos do relato.
A
obra de Boyle destila un humor áxil e picaresco que se agradece en
moitas páxinas, perfectamente adaptado para galego por Carlos
Acevedo, con acertado manexo da fraseoloxía. Ten, asemade, un moito
de novela de aventuras e non está exenta de aportes propios doutros
xéneros novelísticos: psicolóxico, sentimental, histórico... Na
correcta dosificación destes aportes e no mantemento dun ritmo
narrativo solto estriba a amenidade xeral da obra. Para os amantes do
mar e das navegacións, en fin, hai páxinas e páxinas ben celmosas
neste Motín
da Bounty,
especialmente nas súas segunda e cuarta partes. Paga a pena, desde
logo, a súa lectura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario