eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Historia de Galiza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Historia de Galiza. Amosar todas as publicacións

xoves, 30 de xuño de 2016

LIBROS NO TAMBUCHE (III)



O MIÑO. UN CAUDAL DE HISTORIA, de Anselmo López Carreira

Edicións Xerais ofrece na súa colección Libro X este ameno ensaio do historiador e recoñecido medievalista Anselmo López Carreira, vigués de nacemento (1951) e ourensán de infancia. Seguindo o percurso en diagonal do río Miño pola nosa xeografía e facendo “paradas” en moitos dos lugares emblemáticos das súas ribeiras, desde o nacemento no Pedregal de Irimia ata a desembocadura na Guarda, pasando por Lugo, Portomarín, Ourense, O Ribeiro, Tui, etc., o autor reconstrúe con rigor e brevidade moitos momentos, figuras, fenómenos e circunstancias da nosa historia comunal, sen deixar de deitar de cando en cando agudas reflexións historiográficas ou evocar aspectos do seu relacionamento persoal co río. O arqueolóxico mestúrase sabiamente co etnográfico, o económico co cultural, o propiamente histórico coa Galiza problemática de hoxe e así o libro vai debullando un sinfín de coñecementos enriquecedores que se presentan por xunto nunha prosa limpa e fluída. Unha magnífica achega para un verdadeiro “coñecemento do medio” galego.


A MORTE DE VALLE INCLÁN. O ÚLTIMO ESPERPENTO, de Carlos G. Reigosa, Javier del Valle Inclán e José Monleón

Tres ensaios de diversa fasquía compoñen este interesante volume sobre a figura do xenial Valle Inclán editado por Xerais. O primeiro deles, de José Monleón, fai, para comezar, un esclarecedor contraste entre a escasa compracencia coa que foi recibido no seu tempo o teatro de Valle Inclán e a posterior eclosión de entusiasmo que espertou nos círculos culturais e dramatúrxicos do antifranquismo. Na continuación, ofrece as notas dunha viaxe do propio Monleón a Galiza nos anos 60, á procura dos espazos valleinclanianos máis emblemáticos.
O segundo ensaio, o de Javier del Valle Inclán, neto do escritor, reconstrúe con minuciosidade, case día por día, os derradeiros meses de vida de Valle Inclán na Compostela de 1935 ata o seu pasamento o 5 de xaneiro de 1936, dando conta das relacións humanas, das excursións, das últimas xestións editoriais e dos penosos avatares médicos que afrontou o autor das Comedias bárbaras. Tamén dá conta das xestións para renderlle diversas homenaxes póstumas ao escritor e do impacto que a noticia da súa morte tivo en diversas publicacións e medios intelectuais e políticos da España e da Galiza desa época.
Por último, Carlos G. Reigosa reconstrúe o clima de tenso enfrontamento que rodeou o pasamento e enterro de Valle Inclán en Compostela, coa cidade polarizada entre os sectores clericais que non aceptaban que o escritor morrese sen confesión e intentaban impedir o carácter laico da cerimonia fúnebre e os sectores esquerdistas, que quixeron facer do soterramento do autor de Luces de bohemia un acto reivindicativo. Nesta última perspectiva, destacou a nutrida presenza galeguista nas exequias, con Castelao, Antón Villar Ponte e Ánxel Casal á fronte.

CANDO LEVANTEN AS BRÉTEMAS, de Josip Mlakič

En coidada tradución desde o croata debida a Jairo Dorado Cadilla, a editora Hugin e Munin publica esta novela intensa e desacougante de Josip Mlakič (1964), en que o protagonista principal, Jakov Serdar, escribe por prescrición terapéutica psiquiátrica un caderno no que irá deitando as imaxes e intres máis relevantes do seu pasado, sexa inmediato, como integrante dunha pequena unidade combatente croata na guerra de Bosnia, sexa remoto, nunha infancia e adolescencia na Xugoslavia de Tito, cando non se albiscaban aínda as fontes polas que manarían os escuros odios do recente conflito nos Balcáns, que a novela retrata con ferinte precisión en moitas das súas páxinas.


SEIQUE, de Susana Sánchez Arins

A nosa compañeira sindical e activista Susana Sánchez Arins, que xa ten asomado varias veces ás páxinas de Aulas Libres, deu ao prelo da reintegracionista Através Editora o seu libro Seique. Brillante produto literario, que se presenta cunha fermosa capa da nosa deseñadora Rosa Herraiz e que lembra por momentos a delicadeza expresiva da Seda de Alessandro Baricco, é un libro capaz de superar con nota a dificultade de abordar máis unha vez o tema da guerra civil e da represión mercé a un coidadísimo e orixinal tratamento do material narrado, que procede en derradeira instancia de procuras inéditas arredor dun familiar que protagonizou infelizmente numerosos episodios do furacán de violencia asasina desatado no 36.
Ese tratamento foxe á mantenta dos cauces narrativos tópicos e habituais, organizándose por contra en secuencias mínimas, a xeito de microrrelatos ou flashes; enchéndose ora de lirismo poético, ora de reminiscencias teatrais, ora de apretada prosa testemuñalista, ora de xogos entre o pasado e o presente, peneirados polas lembranzas dos seres queridos. Susana fai un uso intelixente da repetición e de certos “ritornellos” expresivos e apela, en fin, a subtítulos cargados de forza, que actúan como balizas nun percorrido a cada máis dantesco e revelador. Pesquisa histórica, mergullo na memoria, nos silencios e nos danos familiares, dolorosa constatación e, tamén dalgún xeito, catarse de medos e violencias padecidas noutros corpos e noutras vidas, cuxo sacrificio e sufrimento non se apagarán xa máis grazas ao esforzo da nosa autora.

FIN DE FESTA, de Diana Varela Puñal

Autora dos poemarios Fíos (2006) e Animal Abismo (2010), ambos editados por Espiral Maior, e de varias pezas de literatura infantil, a avogada e escritora Diana Varela Puñal publicou recentemente en Laiovento unha novela breve, co título de Fin de festa. 

Está ambientada nas décadas finais do pasado século nunha vila mariñeira galega que ben podería corresponder ao Corme natal da autora e ofrece, ante todo, unha orixinal galería de evocacións na que destacan algúns seres peculiares, raros, especiais, solitarios e maiormente fracasados. Preside o conxunto, expresado con tenrura e grande viveza estilística por unha voz narradora-testemuña e no que alternan faíscas de riso e fíos de pranto, a protagonista Susi Arnela, unha noutrora moza admirada por todos que vive horas baixas con plena consciencia do seu paulatino descenso aos infernos.

CHEIRO DE CHOIVA, de Rodolfo Alonso

Méndez Ferrín é quen prologa este poemario do escritor e tradutor galego-arxentino Rodolfo Alonso, publicado pola editora Barbantesa de Cangas do Morrazo.
Rodolfo Alonso publicou o seu primeiro libro en 1954 (Salud o nada) e participou nas actividades culturais e políticas, en chave republicana, galeguista e de esquerdas, da Federación de Sociedades Galegas bonaerense, á que pertenceran, precedéndoo, figuras como Blanco Amor, Alonso Ríos ou Suárez Picallo. En 2006 deu un adianto na revista A trabe de ouro (nº 68) da súa produción na lingua de noso, que oíu falar desde o berce a seus pais emigrantes. Agora reúne un corpus de case medio cento de poemas galegos escritos nun amplo período de tempo, entre 1952 e 2014, con estéticas, xeitos de dicir e temas moi diversos, mais todos eles de grande rigor conceptual, depurada dicción e que resultan en moitas ocasións estremecedores pola profundidade e a emoción que encerran. Así, sen dúbida, aqueles nos que evoca as figuras de súa nai e de seu pai ou o que dá título ao propio volume.

venres, 7 de agosto de 2015

DOUS VOLUMES INTERESANTES SOBRE A NOSA CULTURA MARÍTIMA


Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX), de Felipe Valdés Hansen
Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 2010, Col. Galicia Histórica.

Doutor en Historia pola Universidade compostelá, o madrileño Felipe Valdés Hansen ofrécenos no volume que nos ocupa unha versión revisada e modificada da súa tese de doutoramento, defendida en abril de 2006. A obra, de case 600 páxinas, parte dos estudos previamente realizados sobre o tema por investigadores como Meijide Pardo, Elisa Priegue e Canoura Quintana, achegando numerosos datos inéditos e varias conclusións anovadoras.

O volume que nos ocupa divídese, pondo de parte as diferentes táboas, catálogos e abondosos apéndices (tanto gráficos como documentais) que enriquecen o conxunto, en dous grandes apartados, feitos con base cronolóxica. No primeiro deles (capítulos 1 a 8), debrúzase o autor sobre as noticias que logrou recompilar en arquivos e fontes diversas sobre a actividade baleeira galega entre os séculos XIII e XVIII, cabe dicir, a etapa “artesanal” ou “tradicional”. No segundo apartado (capítulos 9 a 12), céntrase na actividade, xa plenamente” moderna” ou “industrial”, verificada arredor da pescaría da balea nas nosas costas ao longo do século XX, coas experiencias senlleiras da Compañía Ballenera Española, da factoría flotante da Sociedad Española Corona, da IBSA e de Massó.

Entre ambas etapas hai toda unha serie de marcadas diferenzas técnicas e económicas, que Valdés Hansen explica con pormenor, e que mesmo afectaron ao tipo de especies obxecto de captura: a balea franca (Eubalaena glacialis), o xibarte (Megaptera novaengliae) e os cachalotes ou trompas (Phiseter macrocephalus), na etapa artesanal; os grandes rorcuais (Balaenoptera physalus, Balaenoptera borealis, Balaenoptera musculus, Balaenoptera acutorostrata, etc.), na industrial.

Entre as conclusións que o autor sinala para a primeira das etapas amentadas destacaremos aquela que deixa asente que a actividade baleeira na costa galega (documentada desde o século XIII para San Cibrao, Bares e Prioiro-Ferrol como enclaves cantábricos pioneiros e desde o século XVI para os portos atlánticos de Camelle, Malpica e Caión) debeu de comezar da man de compañías vascas, mais pasou logo a mans de compañías mixtas ou, no século XVI, xa enteiramente galegas. Tamén moi anovadora e ilustrativa resulta a análise que Valdés Hansen realiza do impacto e contía dos diferentes impostos que gravaron o produto desta actividade, fose polos bispados de Mondoñedo e Compostela, fose pola Facenda Real.

Rotunda en moitos aspectos e exhaustiva, en fin, resulta a segunda parte do libro, dedicada a reconstruír con rigor toda a actividade baleeira na Galiza do século XX a través da análise das antes citadas experiencias industriais, que darían pé ao traballo de factorías como Caneliñas, Balea-Cangas e Morás-Xove e ás travesías e angueiras de buques como o Caneliñas, o Temerario, o Lobeiro, o Carrumeiro, o Cabo Morás e os tres barcos da IBSA. Nestes navíos traballaron harponeiros galegos de Ares, Corme, Coruxo, Cangas e Porto do Son, xunto con outros de orixe vasca. A actividade baleeira, que tivo o seu canto de ciño entres os anos 1978/1982 coa apertura dos mercados xaponeses como importadores de carne de cetáceo, cesou entre nós definitivamente a mediados da década de 90 do século pasado.

Pódese dicir con seguranza que este libro de Valdés Hansen marcará un referente fiábel e imprescindíbel para toda futura revisión deste importante flanco da nosa historia como pobo de cote virado ao mar.

 *******************************************************************************

Tráfico marítimo e fluvial nos portos do sur da provincia de Pontevedra (séculos XIII-XVII), de Ernesto Iglesias Almeida
Editorial Toxosoutos, Noia, 2006, Col. Anais, nº 2
Tradución para galego de Ramón Blanco Fernández

A documentación que se garda no Arquivo da Catedral de Tui é a base sólida deste breve pero valioso traballo de divulgación (132 páxinas) asinado polo arquiveiro xubilado e Cronista Oficial da vila tudense Ernesto Iglesias Almeida, que xa tiña dado ao prelo, directamente en castelán, opúsculos sobre a cultura marítima na diocese como Los antiguos ‘portos’ de Tui y las barcas de pasaje a Portugal (18984) e mais Notas históricas del Bajo Miño: puertos barcos y pesqueros (1988).

O volume, prologado por Clodio González, inclúe oito capítulos e un apéndice documental final. Aqueles repasan , de xeito un tanto fragmentario, aspectos diversos do tráfico e da actividade marítima na área da vella diocese tudense (portos de A Guarda, Tui, Baiona, Bouzas, Vigo e Redondela), como os testemuños das navegacións en tempos da Antigüidade, os tipos de embarcacións que se empregaron para os distintos mesteres (barcos de sacada, bolantes, carochos, carabelas, palmeiros, pinazas, pataches, rasqueiros, etc.), o desenvolvemento dos gremios e confrarías de mareantes e as peculiaridades da actividades piscatorias no río Miño. 

Tamén se debruzan sobre outros aspectos, como a presenza de corsarios na área, a peripecia histórica das barcas de pasaxe entre Galiza e Portugal (Tui-Valença, Salvaterra-Monção, Porto-Lapela, Goián-Vilanova da Cerveira e Camposancos-Caminha) ata o intre en que se inaugura en 1886 a Ponte Internacional, ou, finalmente, o desenvolvemento da pesca e da cabotaxe nos distintos portos da contorna, nomeadamente os de Baiona e Tui.

O apéndice, pola súa vez, recolle numerosos textos de índole notarial e xurídica (foros, cartas executorias, contabilidades, protocolos comerciais, contratos navieiros, contratos de arrendamento de pesqueiras ou embarcacións, concordias, sentenzas…), todos eles datados nos séculos amentados no título da obra e que constitúen, en conxunto, a privilexiada fonte de onde extrae o autor as interesantes informacións que achega, tal vez unha miga dispersas por momentos, neste volume.