eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta O Salnés. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O Salnés. Amosar todas as publicacións

domingo, 19 de novembro de 2017

Os vínculos con Baión de Xosé Mª Álvarez Blázquez




 Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915- Vigo, 1985) comezou a despuntar como intelectual e escritor xa na etapa previa ao infausto 36, impulsando en Pontevedra con outros mozos a revista Cristal e, logo da guerra, a despeito dos moitos padecementos que esta trouxo para si e para boa parte dos seus, resultou un puntal destacadísimo no panorama cultural galego da segunda metade do século XX. Erudito, arqueólogo, etnógrafo, bibliófilo, editor, libreiro, novelista, poeta, autor teatral e ensaísta, foi un humanista incansábel, comprometido ata a cerna cos ideais galeguistas. Para a bisbarra do Salnés, e moi concretamente para Baión (Vilanova de Arousa), a súa figura ten unha relevancia especial, da que tentaremos dar conta nas liñas que seguen.

Con efecto, os vínculos de Álvarez Blázquez co Salnés son múltiples e salferen varias das vertentes da súa polifacética figura. Primeiramente, porque o noso autor pasou moitas felices horas de infancia e mocidade no lugar de Fonsín na compaña da súa familia directa e dalgúns irmáns e sobriños de seu pai, o médico Darío Álvarez Limeses, como o tío Xosé, o inspector de ensino Xerardo e a súa muller Lola (pais de Amalia, futura esposa do dirixente galeguista Alexandre Bóveda) e a tía Carme, casada co historiador e erudito pontevedrés Celso García de la Riega, un dos máximos divulgadores das teses sobre a presunta galeguidade de Colón e propietario, no propio Baión, do pazo do Valado. A parroquia pagou simbolicamente a súa débeda co seu ilustre veciño estacional dando o seu nome, hai algúns anos xa, a unha praciña de Fonsín.

Un fillo do propio Xosé Mª Álvarez Blázquez, Afonso, biografando a seu pai para a colección "Galegos na Historia" das Edicións Ir Indo, anotou neste sentido:

Alí, entre aquelas fragas, por aqueles rueiros, trouleando cos irmáns e coa rapazada da aldea por entre os milleirais, de aventura e pesca no río, de caza, gozando da fermosísima paisaxe, gabeando polas árbores á procura de niños, pasaría os momentos máis ledos da súa vida; días, semanas e meses que xamais esquecería e que marcarían para sempre o seu amor pola natureza, e, na súa memoria sentimental, un código poético no que Baión estivo presente en grande medida, porque Baión era a maxia da infancia que goza ata a extenuación.

Esa intensa vivencia da paisaxe, das terras e das xentes de Baión converteuse tempo andado motivo e fonte de inspiración para algúns textos literarios saídos da súa pluma. Valla como exemplo o relato “A pega rabilonga”, protagonizado pola fidalga viúva e vinda a menos Misia Catalina, que pasa os derradeiros días de vida na compaña dunha pega moi hábil e simpática no seu pazo do Valado, onde xogara de neno “aquil señorito Celso, andando a cabalo, cazando na Bouza, correndo en bicicleta por eses camiños [...] hastra levaba o carro de Pepa de Cascallar e termaba das vacas coma un labrego”. Noutro relato, intitulado “A gavilla2, o protagonista resulta pertencer á estirpe “dos Lareo de Baión, que tiñan algún capital pro o perderan en preitos co señor do Valado e máis por se ter dado ao viño”.

Os pais do escritor, nunha foto tomada en Fonsín
Ao mesmo pulo amantiño cara ás terras do Salnés responden algúns poemas do noso autor inseridos no volume Canle segredo (Premio Pondal do Centro Galego bonaerense en 1953, editado non obstante en 1976), como o que leva por título, precisamente, “Baión”, que vai no final destas liñas, ou outros moitos en que evoca os campos abertos, os camiños brancos e silandeiros, os ameneiros, os milleirais, as penedas e as fragas dese espazo, “terra da ialma”, que resultou absolutamente máxico para “aquil neno que eu fun”. Un neno, engadimos, que mesmo se dedicou a bautizar tantos misteriosos lugares que atopaba Baión adiante con nomes como “A Pena do Coello” e “O Castelo dos Corvos”; que admirou o porte da labrega Pepa de Cascallar, “a fala cariñenta do misterio / que enchía os nosos corazóns inxeles”; que se asustou nos socalcos de Lobomorto, na corredoira de Sovilas ou perdido nunha carballeira baixo o luar; un neno que gozou guiando o carro ou montando no cabalo chamado “Cuco”; que colleu a furto acios nas parras fidalgas do lugar e que fixo partillas da paisaxe cos seus compañeiros infantís de xogo, de xeito que

Inda agora eu son dono vinculeiro
do meu carballo torto,
aló na carballeira de Sovilas
e dunha pena chaira,
que soaba a tesouros escondidos,
a soño tolo de rapaz sin sono
cando o meu corazón petaba nela...

Mais o vínculo de Xosé María co Baión de infancia e adolescencia tamén se converteu en pretexto para o deseño de curiosos pseudónimos, como o que empregou para dar conta nun dos volumes (o 47) da mítica colección “O Moucho” da súa editorial, a Castrelos de Vigo, das etimoloxías populares e fantasiosas con que as xentes do común explicaban algúns topónimos galegos.

O noso escritor asinará ese precioso ensaio de onomástica, lingüística e cultura popular, que bautizou co título de Os nomes da terra (1976), co pseudónimo de “Celso de Baión” e recollerá as paveras teorías que manexaba o señor Manuel Fresco sobre a orixe de certos nomes do Salnés. O citado paisano, avó de dous dos compañeiros de xogos infantís de Xosé Mª en Baión (Manolo o 'Patacocida’ e Ramón o 'Chafarís'), interpretaba que o lugar de “Sobilas” recibía ese nome “polas moitas costas que ten, e do mesmo modo poderían chamarse 'Baixalas”...; presumía de lembrar a seu propio pai matando o animal que dera orixe ao topónimo de “Lobomorto” e coidaba, igualmente, que “Baión” non era máis que o marido de “Baiona”, que rifara con ela e por iso estaban tan separados na xeografía...

Aínda outros elementos, persoas e circunstancias vitais tecen un nobelo invisíbel de relacións e afinidades entre o noso escritor e a bisbarra arousá. Indiquemos, por exemplo, a súa estreita amizade, baseada en numerosas afinidades literarias (neotrobadorismo, intimismo...), ideolóxicas (galeguismo non marxista) e mesmo eruditas (arqueoloxía, etnografía, historia local...), cos irmáns Bouza Brei, Fermín e Lucho (a quen dedicou o relato intitulado “A esmeralda”), relación que máis adiante perpetuarán varios dos seus respectivos fillos e sobriños.

Non por causalidade acudiu Álvarez Blázquez tamén nalgunha ocasión ao cemiterio vello de Fefiñáns para honrar coa súa presenza e palabra a memoria do poeta Ramón Cabanillas, antes de que os restos mortais do autor de No desterro fosen trasladados ao Panteón de Bonaval, en Compostela.

E importante dato na relación cultural entre o noso escritor e a bisbarra do Salnés é, finalmente, a presenza na primeira edición do seu poemario Canle segredo, correspondente á colección “Pico Sacro” das Edicións Castrelos, de varias gravuras da autoría de Rivas Briones, artista e xilógrafo de orixes madrileñas pero nacionalizado en corpo e alma galego e arousán xa para sempre, como testemuñan a sala de exposicións que en Vilagarcía leva o seu nome.

Fecharemos esta achega reproducindo o poema “Baión”, que di así:


Torno a ti, meu Baión, terra loubada,
terra do corazón, amante miña,
onde os meus pais me diron ista anguria
de estar morrendo arreo pola terra.
Cando xa non coidéi que máis te vise,
torno pra adormentarme no teu colo,
pra me quencer na morna terra túa
por onde van as veas do meu soño.
Aquil andar decote pola vida
sin ter os pés no mundo, coma os ventos
que nascían nas fragas de Sovilas
e iñan bater no lombo de Lantaño.
Aquil tremulecer de follateiras,
por onde asubiaban os paxaros
as cantigas que tiñan deprendido
de nós, os seis irmáns de ollos acesos.
¡E logo aquil miragre, sempre novo,
de atopar nos camiños donicelas
e lagartos arnáus, postos na terra
pra ledicia dos nenos, acotío!....
Todo torna de sócato arestora,
cando xa non coidéi que máis volvese
o pálpito segredo dunha anguria
que é estar morrendo arreo pola terra.
Terra dunha nenés que tiña cores
e adovíos de festa polo vranhe,
cando á mañán andaban antre os millos
as pegas rabilongas e os coellos,
e os mouros estorniños no tellado,
coa súa frauta de panidos meles,
escorrentaban a perguiza nosa:
- ¡Espertade, rapaces, espertade!
Agora ben me lebro distas cousas,
terra do meu Baión, terra amantiña,
onde durme a nenés dun home canso 
que non pode chorar porque xa é tarde...

mércores, 1 de xullo de 2015

AS TERRAS DO SALNÉS NA OLLADA DE MANUEL MURGUÍA

 
Manuel Martínez Murguía (Arteixo, 1833-A Coruña, 1923), esposo de Rosalía de Castro, ocupa un lugar central cando da cultura galega do século XIX falamos. Intelectual polifacético (xornalista, literato, crítico, político, pedagogo, folclorista...), fecundo e, cómo non, amiúde polémico (dígano Sánchez Moguel, Valera, Pardo Bazán ou Vicetto), non só teorizou, fronte ao abafante centralismo daquela reinante, un galeguismo rexionalista de corte liberal (en contraste co máis conservador de Alfredo Brañas), senón que entregou moitos anos da súa vida ao paciente resgate, estudo e interpretación de valiosa documentación arquivística, que lle posibilitou deseñar os primeiros capítulos verdadeiramente científicos sobre a nosa Historia.

O difícil labor de historiar 
 
Murguía está considerado, efectivamente, o mellor dos historiadores galegos do século XIX. O seu quefacer resulta culminación de todo o labor precedente realizado pola escola historiográfica romántica galega, en que se inclúen autores como o santiagués Verea e Aguiar, o tudense Leopoldo Martínez Paadín e o ferrolán Benito Vicetto.
 
No prólogo ao 1º tomo da súa Historia de Galicia (1865), Murguía ponderaría o penoso punto de partida que estaba obrigado a afrontar quen, coma el, quixese reconstruír nesa época o pasado da nosa terra: 
 
"Sin un archivo general en donde todo cuanto tocase a Galicia fuese guardado con esmero, sin un museo arqueológico en el cual se recogiese la moneda y la lápida que apenas descubierta fuese objeto de sabias consideraciones, el historiador se vé obligado á escribir su libro después de costosísimos y continuados afanes y sin quedar nunca tranquilo, no de haberlo visto todo, sino de haber conocido lo necesario [...] Los archivos particulares cerrados con cien llaves, los de las comunidades religiosas aniquilados y perdidos para siempre, los de los municipios, escepto honrosas escepciones, en el más completo abandono, pero casi todos ellos pobrísimos en toda clase de instrumentos, los de las catedrales esquilmados por la mano ininteligente de la desamortización, hé aquí lo que halla en nuestro país el historiador que pretende penetrar en la obscuridad de los siglos medios".
 
O labor de Murguía oriéntase invariabelmente a procurar en documentos, lendas e outras fontes de información a maior cantidade posíbel de datos que lle permitisen unha reconstrución fidedigna do pasado histórico de Galiza e que, ao mesmo tempo, deixasen ben patente o seu carácter de entidade plenamente nacional. Neste senso, pódese afirmar que é un historiador rigoroso, serio e científico, pero en absoluto imparcial. El mesmo deixa moi clara a motivación patriótica do seu traballo, o seu "partidismo" pro-galaico, ben distinto ao dos "falsificadores" de glorias patrias hispánicas coetáneos: 
 
"Galicia es un país cuya historia nos muestra claramente que sus desgracias tienen profundas raíces y vienen de muy atrás. Todo aquel que la ame con el intenso amor de un hijo, no podrá asistir impasible á su largo y doloroso martirio. Gócense enhorabuena otros escritores en referir ciertas glorias ni probadas ni probables, y en levantar hasta las nubes el nombre de su país y el de sus pretendidos triunfos; nos parecen ridículas esas vanidades que jamás han logrado seducirnos. Pero no sentir sus dolores, no llorarlos, no indignarse ante la iniquidad y la injusticia, esto es lo que no podremos hacer en la vida. [...] En lo que toca á los hechos, creemos se tiene derecho á exigir del historiador una narración clara, completa, exacta; pero, cuando se trate de deducir de esos mismos hechos las naturales consecuencias, el historiador queda en completa libertad para apreciarlos y lo único que debe pedirse es que sean legítimas sus conclusiones". 
 
Partindo desa base, Murguía compuxo numerosos traballos ensaísticos sobre Historia, quer en forma de artigos, quer en forma de libros. De todos eles, imos salientar e glosar aquí concretamente dous, polas numerosas referencias ás terras e xentes do Salnés que encerran: o tomo primeiro da Historia de Galicia e mais o volume Galicia. 
 
Do Salnés máis antigo 
 
O primeiro tomo da Historia de Galicia de Murguía foi estampado na imprenta de Soto Freire en Lugo, no ano 1865, e contén, ademais dun prólogo e un discurso preliminar, os capítulos relativos á prehistoria e o pasado céltico e pre-romano da Galiza. Para levar adiante a recompilación de materiais para este volume, Murguía valeuse dunha rede de informadores locais, en que figuran Ramón Valle Bermúdez (pai de Valle Inclán), que lle forneceu datos precisamente sobre a comarca da Arousa; Ramón Segade, que fixo o propio sobre Compostela; Xosé Bieito Amado, en Pontevedra; Paz Nóvoa, en Ourense, etc.
 
As referencias ás terras do Salnés que achamos neste tomo encádranse, en primeiro lugar, nas argumentacións de Murguía para afirmar a importancia da presenza fenicia e grega na Galiza. O faro da Lanzada debíase, segundo o noso historiador, á fábrica dos fenicios, pobo comerciante que fundou Cádiz, inzou a costa peninsular de pequenas factorías e frecuentou as nosas costas á procura de estaño. Da mesma maneira, entendía Murguía que boa parte da poboación de vilas como Muros, Noia ou Arousa tiña as súas orixes étnicas nas colonias gregas da Antigüidade que asentaran no noso territorio: 
 
"A orillas de nuestros mares acamparon, pues, aquellos que habían oido en la tierra natal los hermosos versos de Homero, y quizás las hallaron comparables á las que acababan de abandonar, y los campos que las rodeaban más fértiles que los de la Arcadia, puesto que aun viven sus hijos en los lugares que amaron y escogieron por morada. Hemos visto las estatuas que el cincel ateniense había animado, y sorprendimos en su frente serena, en la magestuosa apostura, en la suave calma de todo su ser, la belleza y la gracia de una raza á quien conocíamos desde nuestra niñez. ¡Muros la risueña, Noya la gótica, ondas de la ría de Arosa que hemos celebrado en los días de nuestra juventud, vosotras veis todavía vagar por esas risueñas riberas á los descendientes de aquellos que os enseñaron el amor á las artes y la música de la palabra!". 
 
Noutro lugar, comentando as diversas tipoloxías raciais presentes na poboación galega, na que a celta era, ao seu ver, a predominante, sinalaba Murguía que "el tipo fenicio y cartaginés se vé en algunos pueblos de la ría de Arosa, el griego se halla más esparcido, y se encuentra en Noya y especialmente en Muros, notándose, sin embargo á su lado el más perfecto tipo celta". 
 
Na breve descrición dos accidentes xeográficos máis destacados do territorio galaico incluída neste tomo, sinala Murguía a existencia de illas como Cortegada, Arousa, Sálvora ou A Toxa, "entre la península del Grobe [sic] y Cambados, célebre por sus preciosos baños termales". 
 
Reproduce ademais, na páxina 421, unha gravura da torre de San Sadurniño, en Santo Tomé, asinada polo artista Bertránd. A curiosidade desta ilustración, como pode comprobar o lector, é que presenta no alto da ruína da torre, moi claramente, un pináculo de pedra hoxe inexistente. Contrastando con algunha foto vella do monumento no volume Cambados:dos tempos idos, hai unha do ano 1934 en que tampouco se ve xa o citado pináculo... Licenza do artista? Elemento arquitectural perdido? Quen sabe!...
 
Finalmente, mencionando neste primeiro tomo da súa Historia exemplos de toponimia galaica que podería vencellarse ás raíces célticas e logo de repasar nomes de ríos como Arnoia, Suarna, Sar, Tambre, etc., Murguía trae a colación o caso cambadés, con estas palabras: "Si de los ríos nos estendemos al agua en general, hallaremos entre otros Cambais, en irlandés corriente tortuosa, y en Galicia Cambados".
 
A carón deste tomo 1º da Historia de Galicia, outra das obras saídas da pluma de Murguía en que resultan constantes as referencias ás terras e xentes da nosa bisbarra é a monumental Galicia, un groso volume de perto de 1.200 páxinas, editado en 1888 pola casa Daniel Cortezo & Cía, de Barcelona, que facía parte dunha serie ampla intitulada "España: sus monumentos y artes, su naturaleza e historia". Murguía asina esta obra en Iria (Padrón) o 20 de agosto de 1885, apenas un mes despois de se producir o óbito da súa compañeira Rosalía. Por ese motivo é especialmente conmovente a dedicatoria que estampa ao comezo do volume, enderezada á propia escritora e aos seus fillos, "para unir con un mismo lazo y un mismo y piadoso recuerdo, cuanto amé, cuanto amo, cuanto amaré toda mi vida, esto es, esposa, hijos, patria".
 
A obra centra a súa atención fundamentalmente nas vilas capitais das antigas provincias do reino galego e naqueloutras, que sen selo, tiñan maior relevancia demográfica, monumental ou económica na época de redacción. Así, logo de dous capítulos introdutorios, Murguía dedica o 3º á Coruña; o 4º, a Santiago; o 5º, a Pontevedra, Padrón, Noia e a bisbarra da Arousa; o 6º a Baiona, Tui e Ribadavia; o 7º a Ourense, Ribas de Sil, Celanova e Monforte e o 8º e derradeiro a Lugo, Mondoñedo, Monfero, Betanzos e Ferrol. Compón así un magnífico, aínda que parcial, retábulo do noso país.
 
A presenza do Salnés no volume Galicia é, desde logo, relevante. Case unha decena de páxinas do capítulo 5º conságranse en exclusiva a falar da comarca, pero ademais, ao longo do resto da obra, aparecen moitas outras referencias puntuais. Nese capítulo 5º menciona Murguía algunhas edificacións importantes, tanto civís como relixiosas, de Carril, Vilagarcía e Vilaxoán. Alude a Fefiñáns, Cambados e Santo Tomé, "tres distintas poblaciones que se unen y dan la mano para formar una sola". Logo de referir algúns datos do licenciado Juan Sarmiento Valladares, enterrado na igrexa de Fefiñáns, e de aludir á casa dos Figueroa, propietarios do pazo, prosegue dicindo: "Cambados fué en su tiempo gran villa y puerto, tuvo convento de franciscanos muy bien situado, y arruinada y en lamentable abandono tiene al presente la notable iglesia de Santa Marina, completa y cariñosamente descrita por nuestro amigo Sr. [López] Ferreiro".
 
Despois de reproducir a descrición que da igrexa de Santa Mariña fixo o mentado López Ferreiro na súa obra Galicia en el último tercio del siglo XV, finalizaba Murguía a súa referencia cambadesa con estas palabras: 
 
"Pone término á tan dilatada playa, que involuntariamente trae á la memoria el recuerdo de la bahía de la Coruña, Santo Thomé con su palacio greco-romano de los marqueses de Montesacro, con la vieja torre que continuaba á lo largo de la costa la serie de vigías y faros á la vez, que desde muy remotos tiempos resguardaban estos mares, y con el dilatado playal en donde se recogen á millones los berberechos, alimento diario de la gente pobre, apetecido de la rica, que lo mismo que los hombres lacustres que por estes lugares y en la cercana Lambriaca moraron, gustan todavía del cordium eduli que de tan pródiga manera se produce en estos arenales". 
 
A tentar ubicar esa cidade antiga, sitiada e rendida polo xeneral romano Bruto, dedica Murguía algúns parágrafos. Fronte á idea do Padre Fita, que identificaba "Lámbrica" con Pontevedra, Murguía coida que esta cidade antiga tivo que estar situada na desembocadura do Umia ou en lugar pouco distante, tal vez nos arredores de Noalla e das súas saíñas, entre A Lanzada e Vilalonga. Agardaba o noso historiador que algún día fose posíbel resgatar de debaixo do limo e da area acumulados durante séculos as trazas desta cidade prehistórica. 
 
Vilagarcía lacustre 
 
Entre as referencias puntuais ao Salnés que contén o volume Galicia, cómpre salientar especialmente as relativas ao poboado lacustre prehistórico que, en opinión de Murguía, debeu de existir nunha parte do territorio en que asenta a actual Vilagarcía: 
 
"Un descubrimiento fortuito, y por desgracia perdido para la ciencia y para Galicia, viene á decirnos que hasta en los lugares en que faltan los recuerdos romanos y es nula la tradición, hay motivo, a veces, para pensar que existió allí y durante largo tiempo el hombre primitivo [...] Al salir de Villagarcía, marchando con dirección á Cambados y á escasa distancia del convento de agustinas de aquella villa, se halló no hace muchos años, en un terreno de aluvión, un gran depósito de conchas, entre las cuales se veían mezclados huesos de animales, constituyendo el todo un verdadero kjoekkenmoedding ó restos de cocina. Cubiertos con una capa de tierra y guijarros, apenas los peones empezaron á atacar la brecha y llenar las carretas, cuando apareció el depósito, en el cual dominaban las conchas de ostra, y le seguían en importancia las del berberecho y mixillón. Á cada momento aparecían huesos que por sus dimensiones pudieron desde luego creerles pertenecientes á los grandes paquidermos extintos, y también se hallaban restos de cerámica. Por último, la presencia de un cráneo humano vino á completar la importancia, verdaderamente excepcional para nosotros, del depósito á que nos referimos".
 
Unha porción desas osamentas animais, segue informando Murguía, estaban perforadas e fendidas como para lles extraer a cana e outras presentaban raias lonxitudinais e sinais evidentes de teren sido raspadas con toscos útiles de pedra. Non se acharon no depósito citado instrumentos de sílex, mais si noutros xacementos próximos. Este depósito formaba, segundo explicaba o noso historiador, "una faja no muy estensa, pero de espesor desigual por presentarse en declive. En su parte superior tenía el corte 6 metros y 1 metro en su base". 
 
O descubridor deste depósito, segundo informa Murguía, foi D. Ramón Valle Bermúdez, o pai do coñecido escritor Ramón Mª del Valle-Inclán. O noso historiador acrecenta que nas páxinas do xornal La Voz de Arosa, Ramón Valle deu a voz de alerta sobre o perigo de destrución deste depósito, finalmente consumada. Tamén explica que o depósito "descubrióse por casualidad y con motivo de la construcción del nuevo muelle de Villagarcía, pues buscando tierra para el relleno se acometió el desmonte del terreno que encerraba estos restos de nuestras primitivas antigüedades. La rapidez que en sus trabajos pone la codicia propia de la moderna industria, las ocupaciones que cercaban á nuestro amigo, y el vivir lejos de aquellos lugares, no le dieron tiempo para más que salvar, como más curioso, el cráneo á que hacemos referencia". 
 
O que aconteceu logo con ese cranio é unha historia ben pavera, digna do creador do "esperpento" e que coloca ao autor de Divinas palabras como un caso de "patrimonicida" durante a súa infancia... Conta Murguía, con efecto, que "amante del país, el Sr. Valle, que siempre nos profesó un gran cariño, trató de conservarle para nosotros: mas habiéndolo guardado en un cajón, fué víctima de los juegos infantiles de los hijos de nuestro amigo. Cosa fácil, cuando, según nos aseguró, era de débil consistencia por su mucha antigüedad y mucha humedad del terreno en que se encontró". Non lle gardou Murguía rancor ao mozo Valle pola destrución dese cranio presuntamente prehistórico achado en Vilagarcía, pois tempo despois prologaría o primeiro libro poético do xenial escritor vilanovés: Femeninas (1895).
 
No volume Galicia (1888), menciona Murguía diferentes achados arqueolóxicos de moedas e armas verificados na bisbarra arousá. Concretamente fala dun depósito de máis de 60 moedas encontradas en Cambados, do que unha parte estaba en mans de particulares, outra fundírase e unha terceira parte se conservaba naquel entón (non sabemos se aínda hoxe), na "Sociedad Económica de Amigos del País" de Santiago. A análise destas moedas daba un 16% de chumbo na aleación, dato que, ao seu ver, "indica ya una época más civilizada, tal vez un bronce romano".
 
A toponimia da comarca tamén volve estar no punto de mira do noso historiador. Se no tomo primeiro da súa Historia de Galicia aludira Murguía á semellanza do nome da vila do Albariño co irlandés Cambais, 'corrente tortuosa de auga', agora no volume Galicia refírese novamente a Cambados, especificando nunha paréntese aclaratoria que tal nome significa literalmente casa de auga ou morada na auga. Para facer esta afirmación toma como base o dito por un filólogo francés apelidado Pictet nun seu Essai sur quelques inscriptions en langage gauloise. Noutro lugar desta mesma obra, vencella a raíz do topónimo Cambados ao céltico can, que significaría "lago", "estanque". Non dubida tampouco en vencellar o topónimo Castrelo, parroquia cambadesa na marxe do Umia, aos poboados célticos.
 
Por outra banda, ao se referir á existencia de torres-faro circulares, menciona, valéndose como fonte do pseudo-Servando, unha na nosa comarca, "la de la Harouza" [sic], aclarando "que así pronuncian en el país, por más que conozcamos esta isla á la manera castellana con el nombre de Arosa". Tamén fai mención na súa obra Murguía das ruínas da Torre da Lanzada, que "merecen bien el aprecio en que se las tiene". Tomando os datos ofrecidos polo ilustrado Padre Sarmiento en 1754, informa de que moi perto desa torre "se descubrieron con una avenida nueve sepulcros juntos y paralelos, con división de un tabique con fuerte argamasa y finísimo ladrillo. Dentro había nueve esqueletos de estatura regular, pero mirando todos al poniente y tendidos los brazos paralelos al cuerpo. No se encontró, añade, letrero alguno [..] Caso de que estos restos humanos no pertenezcan a los tiempos medios - reflexiona Murguía - fácil sería, y aun justo, pensar que por el sitio en que se hallan -un extenso playal que cubre diariamente las arenas del mar- esqueletos y sepulturas son propios de un pueblo de los primeros dólmenes".
 
Valéndose da autoridade do cóengo e historiador compostelán López Ferreiro, autor de novelas como A tecedeira de Bonaval, Murguía especula coa hipótese de que o castro lupario mencionado unha e outra vez na Historia Compostelana como retiro da raíña dona Urraca sexa "el que existió en Lobeira, cerca de Villagarcía".
 
Hai tamén referencias de Murguía na obra que citamos aos ritos relixiosos ou máxicos pre-romanos, entre os que destaca o culto ás chamadas pedras de abalar, mencionando expresamente, xunto ás máis famosas de Muxía, Carnota (Pindo), Meixide (Viana do Bolo) ou Castro Maior (Terra Chá), a de Santa María de Paradela, na bisbarra arousá.
 
Aparece igualmente mencionada polo noso historiador a probábel existencia dun cromlech en Catoira, non moi lonxe das ruínas do castellum honesti, pois alí "se levantan unos cuantos cruceros, cuya edad y disposición á voces dicen que ocupan el lugar de un cromlech famoso. Los rasgos arqueológicos de las citadas cruces, no permiten llevar su construcción más allá del siglo XVI; pero sean del tiempo que quiera, lo esencial para el caso es que se hallan dispuestas en círculo, rasgo sobrado significativo para que pase desapercibido. En medio de aquellas soledades, son todavía la viva representación del antiguo monumento al cual reemplazaron. Nada falta para ello, ni siquiera el crucero central que le da como quien dice el último toque. Circunstancia tan extraordinaria, pues no conocemos cosa igual ni en el resto de Galicia, ni en parte alguna, concede gran importancia al cromlech derribado, y pone de manifiesto su indubitable destino religioso. Ni se engañara quien vea en el un nemeton, un verdadero santuario, ni menos quien crea que por los tiempos en que fueron colocadas las cruces, las piedras en círculo eran sagradas para nuestros campesinos, sagrado también el recinto que cerraban. Al reemplazar con la cruz los viejos monolitos, se cambió su representación sensible, mas no el símbolo". 
 
A lenda do Meco grobense estaría relacionada en derradeira instancia, segundo opina Murguía, co culto a unha divinidade celto-galaica, "Eiduorio", asimilada posteriormente a Hermes, deus do comercio e protector dos camiñantes da mitoloxía romana. De feito, o nome que reciben as antigas vías célticas que atravesan o Franco Condado é o de Meuchi ou Mechi, e é raro que non exista arredor desas vías algunha historia que aluda á morte tráxica a mans da colectividade dun vendedor ambulante. A lenda do Meco constituía, para o noso historiador, un testemuño literario popular dun antigo culto fálico, presente tamén na Galia romana. O feito de que as mulleres grobenses tivesen pendurado o cadavre do Meco dunha figueira era un detalle que, para Murguía, "da definitivamente á la tradición el imborrable carácter fálico de que toda ella está impregnada, pues la higuera fué venerada en la antigüedad como árbol antropogónico, generador y nutricio por excelencia". 
 
Finalmente, tamén menciona o noso historiador como de orixe céltica e como tradición aínda viva na Irlanda do seu tempo o rito fertilizador do baño das nove ondas, na praia da Lanzada.
 
Para este Murguía que traballou arreo na reconstrución do pasado histórico galego e que non deixou de achegar, como puxemos de manifesto, referencias, noticias e materiais sobre as etapas pretéritas da nosa bisbarra, escribiría o poeta cambadés Ramón Cabanillas, en sinal de homenaxe e recoñecemento, o seguinte soneto, co que fechamos o noso traballo: 
 
No teu escudo, seu blasón, seu sello,
tral-o rudo loitar, pon a Vitoria.
¡Xa te agarima baixo as áas a Groria,
mestre e patriano, nobre e santo vello!

Ó teu xigante esforzo e san consello
debe a Terra gallega súa historia,
i-ondequeira que d'Ela haxa memoria
teus estúdeos serán fonte i-espello.

Miña y-alma, pasmada do tesouro
d-unha vida cuaxada en libros d'ouro
que forxa a cencia i-o talento adoba

chega hastra tí, saúdate e, incrinada,
bica as mans que na Suevia esnaquizada
puxo os cimentos da Galicia nova!

domingo, 17 de maio de 2015

Na entrega a Luís Rei do XII Premio Ramón Cabanillas en Cambados 16.5.2015.



É de xustiza que as miñas primeiras palabras sexan para agradecer moi sinceramente aos libreiros e libreiras de Cambados (Moncho, Tita, Veva...) o auténtico privilexio de que me fan beneficiario neste día de festa cultural e profunda emoción humana ao que estamos asistindo e no que lle vai ser entregado ao noso admirado e benqueridísimo Luís Rei o premio Ramón Cabanillas, na súa décimo segunda edición. 

Moitas, moitísimas das persoas que enchedes hoxe o Auditorio da Xuventude e moitas que comparecen tamén dalgún xeito “en espírito” desde a forzosa distancia por imposibilidade de estar presentes fisicamente poderíades ocupar agora esta mesma tribuna para facer, como é norma que aconteza neste tipo de ocasións, a “laudatio” de Luís. Faríadela, estou certo, non só con tan cordial aprezo coma min, senón tamén probabelmente con maior acerto. Desculpádeme desde xa, por iso mesmo, erros e omisións que poida cometer nesta miña disertación e xulgádea, en derradeira instancia, polo propósito fraterno que a guía e polo calor amical que a dita. Procurarei ser en todo caso, como o propio Luís ten dito para casos semellantes a este, un bo chufón ofisial.

Somos lexión en Cambados, no Salnés, na Galiza toda as persoas de toda clase, idea e condición que demos con Luís a partir dalgún momento das nosas traxectorias para encontrarmos nel un amigo insubstituíbel, un asesor documentado, un colega xeneroso, un activista cívico lúcido e lúdico, un compañeiro de loita social e nacional inasequíbel ao desalento, un político coherente e honrado, un catalizador de boas iniciativas, un bibliotecario competente, un escritor tan ameno como substancioso, un colaborador magnífico para mil e un proxectos culturais ou editoriais, ou todas estas cousas por xunto, e aínda máis.

Somos lexión os que sabemos que no día de hoxe, indo parar a mans deste home nacido en Ogrove alá polo 1960, acada novos cumios de prestixio e de oportunidade (por moito que xa os tivese ben gañados en edicións anteriores) este premio Ramón Cabanillas dos Libreiros que honra a todo Cambados e que mantén sempre viva e actuante a memoria do poeta do vento mareiro e da terra asoballada.

Luís Rei Núñez, o noso Luís, por riba da familiaridade do seu trato, da cercanía da súa persoa e da proximidade cotiá que para todos nós tivo e ten o seu traballo como técnico cultural en Cambados, constitúe en realidade, e cómpre que se diga con toda clareza nun momento solemne coma este, unha figura intelectual e cultural de enorme valía e de extraordinaria relevancia, que trascende o Olimpo dos deuses locais e comarcais para situarse con lugar de seu nos nomes imprescindíbeis para achegarse e coñecer algunhas das liñas máis valiosas de desenvolvemento do activismo cultural galego das últimas décadas.

Non pensedes que a veterana e fonda amizade que me une a el me está levando ao esaxero nestas palabras. É realmente así, e voume permitir explicarvos por que, brevemente, facendo en voz alta exposición de cinco grandes razóns fundamentais.

En primeiro lugar, porque Luís é, sen ningún xénero de dúbidas, o mellor e máis completo estudoso e coñecedor da vida, da traxectoria e da obra literaria dunha figura tan maiúscula e ciclópea como a de Ramón Cabanillas.

Éo el, que non gastou nin gastará pomposos títulos académicos nesta Galiza nosa que ten tres universidades, unha real academia, un centro ramón piñeiro e tropecentas entidades e fundacións culturais máis... Nin os sabios máis sabios das nosas letras, ben devotos todos eles de Don Ramón (poñamos un Carballo Calero, un Alonso Montero...), nin moitos traballadores incansábeis e entusiastas no estudo e na divulgación da súa figura e obra (poñamos un Millán Otero, un Ramiro Fonte, un Carlos López Bernárdez, un Xosé Ramón Pena...), foron quen de levar adiante con toda plenitude a tarefa que, gratis et amore, se autoimpuxo Luís durante case dúas décadas enteiras. Unha tarefa que culminou cun éxito e cunha brillantez tal, que quedará inscrita para sempre nos anais da investigación literaria no noso país. Velaí a está, maxistralmente plasmada, no volume Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades.

Nese libro, editado por Galaxia en 2009, Luís soubo reconstruír coma ninguén, con rigor, exhaustividade, lucidez analítica, amenidade e mesmo humor, a figura inmensa do autor de No desterro. Se faltase ese volume nalgunha das vosas casas, non deixedes pasar un día máis sen correr á libraría para facervos con un exemplar, pois levaredes para o andel da vosa biblioteca un dos libros ensaísticos máis importantes e ben escritos que se teñan confeccionado nunca nas nosas letras e un dos tesouros literarios dos que Cambados poderá presumir con orgullo xa per saecula seculorum.

Para chegar a esa monumental reconstrución do devir humano, ideolóxico e literario do poeta de Fefiñáns, Luís Rei contou sempre con moitas mans amigas na tarefa, entre as que me vou permitir citar nada máis que algunhas poucas, a xeito de mascaróns de proa dun barco de adegas cargadas de axudas xenerosas e que dispuxo sempre, por sorte, de abondosa tripulación: Xosé Luís Vila Fariña, Paco Fernández Rei (Paco de Xenxa), Xoán Antonio Pillado e algúns descendentes e familiares de D. Ramón, nomeadamente Pitusa e Encarna Vidal Cabanillas.

Mais aínda con esa xenerosidade de tantas persoas dando vento portante nas velas, Luís tivo que facer el soíño, así e todo, un esforzo investigador verdadeiramente fóra de serie, cunha paciencia beneditina, cunha capacidade analítica impresionante e cunha constancia e sacrificio de formiga obreira que explican, en derradeira instancia, o amor de lume lento, a destilada materia e o rigor de orfebre que traslocen as páxinas desa extraordinaria Crónica de desterros e saudades. Nunha entrevista con Xan Carballa para o semanario A Nosa Terra, hoxe xa historia, o propio Luís resumía do seguinte xeito os esteos en que afincou ese seu traballo, verdadeiramente inxente e exemplar:

Botei máis de vinte anos xuntando papeis. A partir da aparición, da man de Xoán Antonio Pillado, de El Cometa, unha revista satírica do Cambados de 1910, empecei a querer divulgar un aspecto descoñecido de Cabanillas: o cambadés anterior á súa gloria de escritor. Outro momento decisivo foi a aparición das cartas da República, da man de Pillado tamén, porque eran dirixidas ao seu avó. Daquela aparéceme un Cabanillas disidente dos seus amigos de sempre e vitalmente afundido. No 2001, despois dunha exposición dos facsímiles destas cartas, xa me decidín. Roberto Vidal Bolaño veu vela e diante dos paneis imitaba a Cabanillas e daquela falamos da posibilidade de facer unha obra de teatro musical que levamos adiante despois da morte de Bolaño (Camiño longo. Entre as roseiras de Cabanillas). Desde 2003 xa estiven empeñado na escrita e foi cando empezaron a aparecer de continuo materiais”.

Evidentemente, para chegar ata ese cumio, a ese 8.000 dito sexa en termos alpinísticos, Luís realizou moitas escaladas previas preparatorias, que deixaron un ronsel de traballos a cada cal máis revelador no seu momento, ben polas informacións novidosas que achegaban, ben pola maneira anovadora e orixinal de ofrecer, con frescura e mesmo humor sen merma da rigorosidade, as descobertas que encerraban.

No ano 2000 debruzábase xa Luís sobre a especial relación existente entre a obra do poeta e a súa vila natal no artigo "Cabanillas en Cambados, a forxa dun poeta", recollido na revista Pontenorga (nº 2, 2000, Deputación Provincial de Pontevedra) despois dunhas xornadas celebradas en Exposalnés. Pouco despois, en colaboración con Xabier Camba, daba ao prelo Ramón Cabanillas, xornalista cambadés (2001), con edición facsimiliar dos xornais periódicos El Cometa e El Umia. Algo máis tarde, despois de acordalo co inesquecíbel e irrepetíbel teatreiro galego Roberto Vidal Bolaño, Luís confeccionou a peza Camiño longo (Entre as roseiras de Cabanillas) [2004], que puxo en escena en moitas localidades, aínda que xa sen o concurso do autor de Saxo tenor ou Rastros, a compañía “Teatro do Aquí”, dirixida por Belén Quintáns e composta por un elenco de actores e actrices verdadeiramente magnífico: Miguel Varela, Luís Iglesia, Rubén Ruibal, Xoán Carlos Mejuto e Lucía Regueiro. A “banda sonora” desta peza, inspirada en fermosos versos do de Fefiñáns, veu da man de músicos como Javier Debesa, Cándido Lorenzo e Xabier Camba.

Non se detivo con esta peza a odisea investigadora e a ansia divulgadora cabanilliana de Luís. E así, en 2006, revelábanos por vez primeira aspectos esenciais, algúns ben problemáticos por certo, da traxectoria humana e ideolóxica do poeta de Fefiñáns no ensaio "Ramón Cabanillas: a disidencia republicana", que editou en dúas entregas (nº 67 e nº 68), a revista A Trabe de Ouro, dirixida por Méndez Ferrín e da que é secretario Paco de Xenxa. Do mesmo xeito, en outubro de 2008 disertaba sobre o poeta nas “I Xornadas Cabanillas na escola”, organizadas pola Asociación de Ensinantes do Salnés “Candea” e ao ano seguinte achegaba para un catálogo sobre a relación do poeta cos artistas do seu tempo o traballo “Ramón Cabanillas na Catedral da Arte”.

Cando xa estaba ultimando para a editorial Galaxia, coa miña humilde axuda nalgúns pormenores, a súa Crónica de desterros e saudades, que se presentou finalmente ante un público multitudinario no Pazo Torrado o 28 de xullo de 2009, Luís, xunto co propio Paco de Xenxa e contando co patrocinio do Concello de Cambados, articulou ao longo dese ano, co gallo de se cumprir o cincuenta cabodano do pasamento do poeta dos Camiños no tempo, a celebración dun tan intenso como fermoso e completo Ano Cabanillas, de feliz memoria para todas as persoas que tivemos a sorte de colaborar nel e poder vivilo en toda a súa intensidade. 

No contexto dese ano foron tantas e tan variadas as actividades desenvolvidas que ben se pode dicir que poucas vilas do país honraron en época recente con semellante intensidade e calor popular un seu escritor. A man de Luís, canda a de Paco, estivo efectivamente detrás de practicamente todas as actividades despregadas, fose asesorando o roteiro caballiniano que moitos fixemos guiados pola sabia man e a incansábel verba do mestre Manuel Núñez ou as postas en escena e lecturas teatralizadas que algúns colectivos fixeron de varias producións do coautor de O Mariscal; fose promovendo un inesquecente recital poético cos integrantes das Redes Escarlatas; fose articulando e comisariando de facto unha magnífica exposición no Pazo Torrado do Museo de Pontevedra sobre “Cabanillas e os artistas galegos do seu tempo”; fose preparando a edición dunha escolma do Cabanillas máis cambadés para reparto gratuíto a todos os veciños e veciñas co título de Roteiros pola poesía de Ramón Cabanillas; fose confeccionando unha antoloxía para Factoría K, con preciosas ilustracións do artista Anxo Pastor; fose, en fin, tomando parte nos actos solemnes que a Academia Galega celebrou en novembro de 2009 en honra a Cabanillas, baixo a presidencia de Xosé R. Barreiro Fernández: unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres en Compostela, outra no paseo da Calzada na tarde do sábado 14 de novembro e unha inesquecíbel sesión plenaria extraordinaria, literario-musical, ese mesmo día na Xuventude, na que Luís fixo as veces de presentador e a miña filla Aloia as de rapsoda, unindo as súas voces ás dos académicos Salvador García-Bodaño, Margarita Ledo, Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Francisco Fernández Rei e o presidente Barreiro Fernández. O gaiteiro Xaquín Xesteira, luxo e honra da música cambadesa actual, interpretou aquela xornada o hino galego para fechar solemnemente ese emocionante acto.

No mesmo 2009 Luís Rei aínda elaborou e comisariou para a editorial Galaxia, con motivo da edición da súa propia biografía do poeta de Fefiñáns, a exposición “Ramón Cabanillas. A roseira dos recordos”, que percorreu numerosos lugares da xeografía galega durante varios meses, proxectando con forza a efeméride que tanta actividade cultural marabillosa e irrepetíbel foi quen de concitar e suscitar.

O propio Luís conferenciou sobre Cabanillas chamado por numerosas entidades de todo o país: no Concello de Moaña nun acto organizado pola Agrupación Cultural Nós (20.11.2009), na Casa Galega da Cultura de Vigo (13.1.2010), etc. Na prestixiosa revista galega de cultura Grial deu a coñecer en 2010 (nº 185) o artigo “Cinco poemas pouco coñecidos de Ramón Cabanillas” e escribiu asemade o ensaio “A Obra Completa de Ramón Cabanillas. Outro cincuentenario das angueiras de Blanco Amor” para facer parte do volume EBA 5.0. O universo de Eduardo Blanco Amor 50 anos despois de A Esmorga, publicado pola Difusora de Artes, Letras e Ideas ourensá. Con destino a unhas Xornadas celebradas en Ourense preparou en 2011 igualmente o relatorio “Faustino Santalices e Ramón Cabanillas, dúas almas xemelgas”. 

Os serios problemas de saúde que asaltaron e afectaron a Luís despois da intensa xeira que veño de recordar supuxeron unha obrigada paréntese tanto no seu quefacer profesional como no seu laborar arreo no estudo e na difusión do noso poeta.

Aínda non ben recuperado, retoma nos últimos tempos esa vertente e por iso gozamos da súa palabra e presenza en actos culturais ben fermosos celebrados en Cambados en datas recentes, como a presentación, en agosto de 2014, da tradución ao xaponés dunha escolma de poemas de Cabanillas feita por Takekazu Asaka ou, en outubro dese mesmo ano, no acto en que a profesora rusa Elena Zernova nos falou das traducións de Cabanillas e doutros moitos autores da nosa literatura ao ruso. Presentado pola miña compañeira Isabel estivo hai uns meses tamén dando unha conferencia nas ribeiras do Tea sobre a relación entre Cabanillas, o Balneario de Mondariz e o empresario galeguista Enrique Peinador. E antes de ser atacado de novo pola maldita enfermidade que semella non querer deixalo en paz, Luís acaba de culminar hai apenas unhas semanas a ordenación e catalogación dese legado documental extraordinario sobre Cabanillas do que a familia fixo depositario ao concello de Cambados e que, en breve, poderá estar ao dispor dos innumerábeis admiradores e investigadores da figura do bardo de Fefináns.

Unha segunda razón pola que a figura de Luís trascende enormemente á do simples veciño e amigo que é para todas e todos nós reside no feito de que encarna, tamén sen ningún xénero de dúbidas, unha das referencias indispensábeis que cómpre facer á hora de falar do potente movemento que desde hai anos vén funcionando no noso país para a recuperación, dignificación, investigación e difusión da cultura marítima e fluvial.

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial naceu nun encontro de embarcacións tradicionais en Ribeira no verán de 1993 e constituíuse legalmente ao ano seguinte, fixando a súa sede precisamente en Cambados, onde moraban tres das persoas fundadoras do Grupo Etnográfico Mascato, que xogou un papel fundamental na articulación da citada Federación: Dionisio Pereira, Lola Varela e, como non, Luís Rei.

A Federación irá medrando paseniñamente desde aquela data e agrupando ata medio cento de entidades, algunhas delas fluviais e varias do irmán Portugal, e celebrará cada dous anos os seus Encontros de Cultura Marítima, con carácter itinerante: Ribeira (1993), Coruxo (1995), Ogrove (1997), Rianxo (1999), Poio (2001), Illa de Arousa (2003), Cambados (2005), Ferrol (2007), Muros (2009), Vilagarcía-Carril (2011), Serra de Outes (2013)... En todos eles e de moi variados xeitos, ademais, arrimou o seu ombreiro xigante Luís, como activista, como técnico, como dinamizador ou como programador, sen renunciar ao pracer de navegar, de conversar, de botar uns risos e de acabar esas intensas xornadas de camaradaxe e salitre cos consabidos cánticos efervescentes de cervexa ou viño, que auga non bebo, mirá, mira Maruxiña, mirá... Vós xa me entendedes.

Cambados débelle particularmente a Luís, neste sentido, a celebración no verán de 2005 dun Encontro (o VII) e dunhas Xornadas de Cultura Marítima que co seu palangre de conferencias, recitais, debates, exposicións, presentacións de libros, recreacións de actividades na ribeira, navegacións e travesías, visitas ao Serrido coas mariscadoras de Guimatur e presenzas moi destacadas, entre as que me permitirei recordar a do historiador Ramón Villares e a dos escritores Manuel Rivas, Bernardino Graña, Xosé Vázquez Pintor ou Ana Romaní, entre moitos outros (sen esquecer os da “casa”: Moncho Caride, Tabuyo, Xosé Mª Vila Ribadomar, Manuel Seixas, etc.), fixeron da vila do Albariño un porto de referencia imprescindíbel para todos os amantes dos barcos tradicionais e da cultura mariñeira.

Esas Xornadas, nas que Luís se volcou cunha fortaleza que deixou pálida a do seu admirado Taurus dos cómics do Jabato que lía entusiasmado cando meniño, contaron na ponte de mando con outros ilustres cambadeses: Paco de Xenxa, na cabeceira do seu comité organizador, canda o director do Museo do Mar de Alcabre, Pablo Carrera; Xaquín López Cuíñas, á fronte da propia Federación Galega no seu conxunto; e, por último, Fernando Piñeiro, presindido o Clube Mariño Salnés, que correu con moito do traballo “de fontanería” que un evento así require necesariamente.

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, contando sempre con esa cualificada achega altruísta de Luís, fará informes, asesorará museos, montará exposicións e actividades de divulgación do patrimonio material e inmaterial vinculado ao mar, rehabilitará e recuperará embarcacións tradicionais, acudirá a encontros de cultura marítima noutras latitudes (Euskalherría, Países Cataláns, Andalucía, Bretaña...), abrirá unha páxina web, publicará sucesivas edicións do volume O patrimonio marítimo de Galicia, editará o boletín informativo O Apupo e botará desde 2004 aos mares de tinta ata sete números da revista Ardentía, na que, poderiamos dicir, Luís exerceu de experimentado capitán, Paco de Xenxa de competente contramaestre e un servidor fixo como boamente soubo un pouco de todo, sen deixar de ser nunca grumete ou chó, como lle dicían na miña terra aos rapaciños que se ocupaban de manter os traiñós en condicións e de chamar na madrugada polas tripulacións, rúa por rúa e casa por casa, ao cruel berro despertador de: “Fulano! mar!”.

A colección dos sete números de Ardentía, a carón de artigos escritos desde variadas perspectivas (antropoloxía, etnografía, socioloxía, economía, historia, memoria...) por unha nómina escolleita e moi plural de colaboradores (Calo Lourido, Mariño Ferro, Ivone Magalhães, João Baptista, Bernardo Máiz, Dionisio Pereira, Ernesto López Naveiras, Esperanza Piñeiro, Andrés Gómez Blanco, Chisco Fernández Naval, Ernesto Parada, Lola Varela, Luís Teira, Manuel García Sendón, Carme Hermida Gulías, Xosé Manuel Vázquez Rodríguez, Martina Betanzos, Xosé Lois Vilar, Toni García, Orlando Viveiro, Lois Ladra, Marcelino Abuín, Manuel Pérez Rúa, Gumersindo Mosteiro, Celestino Pardellas, Susana Rial, Xavier Brisset, Pedro García Vidal, Xaquín Lores, Fernando Salgado....) e a carón de materiais gráficos, fotográficos e pictóricos realmente exquisitos (Eduardo Baamonde, Conde Corbal, Ruth Matilde Anderson, Ernesto Goday, Ramón Dimas, Abelardo Miguel, Anita Conti, José Suárez, Maribel Longueira, Lino Prieto, Balbina López Santos, Cancelo, Sole Rei, Lema Suárez, Prudencio Canitrot, Eduardo Blanco Amor...) atesoura tamén lúcidos e incisivos editoriais de Luís baixo o rótulo de “A Atalaia”, algúns artigos da súa autoría individual, como o titulado “Sobre o leste duro e outros ventos mareiros (bolinando no mar de Cabanillas)” que se publicou no número nº 5, e outros feitos en colaboración con Paco e comigo mesmo, como “Fálame de barcos...” (nº 2). En todo caso, é de absoluta xustiza consignar aquí que sempre a revista navegou seguindo as cartas marítimas do capitán Luís e que sempre botou redes nas postas que marcou previamente a súa sabia man. De aí o resultado, claro, que inmodestamente (pola pequena parte que me toca) me atrevería a cualificar como excelente para unha revista de cultura galega do noso tempo.

Tamén deixou a súa impronta Luís na outra publicación animada pola Federación, esta máis ben como boletín interno, O Apupo, onde recordamos un “caderno de bitácora” seu (nº 7, outubro de 2004) que constituía unha completa e amena crónica da viaxe dunha expedición da Federación Galega ao encontro de embarcacións de Dournenez, na Bretaña, celebrado en xullo de 2004. Tamén no mesmo boletín adiantou (nº 8, marzo 2005) un “Manual de uso para tripulantes” de cara á celebración en Cambados do VII Encontro da Federación.

En marzo de 2006, Luís participaría como relator nas Xornadas sobre Patrimonio Marítimo celebradas en Oleiros e deleitaría aos asistentes co texto “Unha ollada desde a historia ao noso patrimonio marítimo”, en que repasaba de maneira tan necesariamente breve como amena e deliciosa o desenvolvemento histórico da actividade marisqueira e pesqueira nas costas e mares da Galiza desde a Prehistoria aos nosos días.

No volume Tendendo cabos, editado polo Museo de Mar de Vigo en 2007, Luís achega igualmente o seu artigo “Mar e lecer”, ao que pertence este fragmento que vou ler a seguir, que traio a colación para que reparedes como para el, igual que para grandes historiadores do noso mar como Dionisio Pereira, Calo Lourido, Staffan Mörling, Ivone Baptista, Fernández Rei, Alonso Romero e tantos outros, o coñecemento e a divulgación da nosa cultura marítima nunca quixo ser sinónimo de ocultamento, edulcoración ou mistificación folclorista (no peor sentido desa palabra tan fermosa, “folklore”), senón revelación completa, crónica verdadeira, testemuño fiel. Quen, coma é o caso de Luís, naceu escoitando ondas e ghavotas e tivo na casa por pais un mariñeiro afouto que tivo que faenar nas augas xélidas de Terranova e unha pescantina/mariscadora afeita aos fríos, ás guelras e aos salitres, e quen, coma el, na propia adolescencia gañou as primeiras pesetas indo ao mar, ghastando estrobos e curtindo cos ventos a cara, mal podía formar no batallón dos que quererían cantar só a beleza ocultando a dureza e maila pobreza, por moitos séculos inseparábeis do vivir das xentes dos nosos mares:

É tan apreciada a beiramar para o gozo do ocio que estamos ficando sen ela, soterrándoa baixo millóns de metros cúbicos de formigón e ladrillos. Estamos matando as praias de tanto que as amamos. Como contar, logo, que as cousas non sempre foron así, que gozamos do mar, en termos históricos, desde antonte? Pois o certo é que o mar foi ollado durante moitos séculos como un medio inseguro, húmido e descoñecido, con ondas que deitaban na mallante das praias estrume e magas de peixe dispostos a apodrecer e ser esterco, porta taberta para pestes e piratas, lugar dos naufraxios e morada das cocas e outros monstros. A maior parte dos nosos devanceiros sentiron ante o mar inseguridade e desacougo”.

Paco de Xenxa, Xaquín Lores, Lino Prieto, eu mesmo e Luís Rei elaboramos, en fin, unha preciosa Axenda do Mar 2008 para a consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, que logo gabou xenerosamente Méndez Ferrín nas páxinas do Faro de Vigo e que serviu, xunto con outros proxectos como o programa NaBeira, o periplo do Barco da Memoria e a posta a punto do Museo de Mar en Alcabre, para reforzar aínda máis se cabe a boa imaxe da nosa cultura na Feira Internacional de Cultura Marítima de Brest (Bretaña), evento no que Luís volveu ser un dos corazóns que con máis forza latexaron dentro da nutrida e entusiasta delegación galega.

Unha terceira razón da extraordinaria relevancia de Luís Rei (e agardo que a estas alturas do meu discurso, que xa vai enfiando o seu final, ninguén das persoas presentes siga pensando que esaxeraba hai uns minutos cando me expresaba en termos tan tallantes na medición da súa talla intelectual) reside na súa traxectoria profesional como técnico de cultura, que ninguén mellor que os propios cambadeses, sexan de nación ou de adopción, podemos certificar.

Na Galiza dos últimos trinta e cinco anos, a carón de nomes como o de Manolo Pérez Rúa, técnico cultural de Moaña, e o de Xabier Camba, en Vilagarcía, só por citarmos algúns referentes, Luís Rei tense significado como un dos profesionais de maior valía, constancia, compromiso e bo facer neste eido. Reparade non só no carácter pioneiro que tivo a súa participación decisiva na posta en marcha, aló polos anos 80, do colectivo “LandRover”, senón tamén, e sobre todo, no seu magnífico traballo á fronte da biblioteca municipal de Cambados nas diversas localizacións polas que ten pasado nos últimos lustros; nas innúmeras magníficas pezas de teatro, tanto infantil como adulto, que nos trouxo Luís como programador; e, así mesmo, na pléiade de actos culturais de todo tipo e c0ndición que promoveu directamente ou organizou como técnico: conferencias, recitais, xornadas, exposicións, sesións de contacontos, certames, concursos, presentacións de libros, etc., 

A comezos dos anos 90 encargouse especificamente da posta en marcha dun Centro de Documentación Local, para reunir, clasificar, catalogar e dar uso e divulgación a todos os elementos do patrimonio cultural cambadés e xuntar bibliograficamente todo o que se escribiu de, desde, para, por, sobre ou en Cambados.

Luís foi “alma mater” ou elemento imprescindíbel dalgúns dos eventos culturais máis relevantes vividos na vila do Albariño nas décadas precedentes. Refrescarei a memoria dalgúns deles: en 1997, as xornadas “Modernos e malditos”, pioneiras á hora de reivindicar a valía do poeta Lois Pereiro, máis tarde obxecto de homenaxe no Día das Letras Galegas; en 2003, a exposición “Plácido Castro. O Compromiso cunha Galiza universalista”, en colaboración con Xavier Camba; en 2005, a estrea polo Centro Dramático Galego no IES Asorey dunha versión da peza teatral O Mariscal, de Cabanillas e Villar Ponte, debida a Marcelino de Kukas; en 2011, a proxección do documental de Antón Reixa sobre Maruja Mallo e a presentación dunha biografía parcial da pintora, da que eu mesmo fun coautor; e aínda en datas moi recentes a fermosa e merecida homenaxe ao pintor cambadés Lino Silva.

Pódese dicir que moitos dos traballos que asinaron persoas como Antón Mascato, Maribel Iglesias, Adela Leiro, Manuel Núñez, Jacobo Domínguez e tantos outros intelectuais e educadores de Cambados e moitas das actividades dos centros de ensino e de colectivos como “Candea”, “Unha Grande Chea”, “A Santa Compaña”, “Caracol”, “Xironsa” e un longo etcétera teñen débeda recoñecida de asesoramento, orientación, axuda, ou das tres cousas á vez, con Luís.

O seu mérito aínda se agranda máis cando consideramos unha cuarta vertente do seu quefacer, onde brilla tamén a súa figura con forza e orixinalidade propias. Refírome, xa o supoñeríades, a ese labor que leva exercendo durante décadas como constante, documentado e ameno divulgador en revistas, xornais e todo tipo de publicacións populares das múltiplas vertentes, facetas e figuras da vida histórica, social e cultural de Cambados, do seu Ogrove natal e do Salnés, en xeral.

Durante o 2006, ben o lembraredes, publicou unha sección no suplemento mensual “Máis Cambados” do Faro de Vigo (edición Arousa), titulada “Tópicos e pretextos para unha historia de Cambados”, que alguén debería reunir e editar como libro canto antes para que puidese estar ese tesouro de memoria ao dispor das novas xeracións de cambadeses. Desde hai tempo colabora tamén coa revista Sustansia, que se edita na vila meca, con artigos na mesma liña de glosar con amenidade e humor non exentos nunca do necesario rigor documentado feitos, anécdotas, sucesos e figuras da historia e da memoria comunal máis próxima.

Luís foi quen preparou e coordinou as exposicións e posterior edición en dous volumes de fotografías antigas sobre a vila do Umia: Cambados: dos tempos idos (Gráficas Salnés, 1990) e Cambados, século XX (Gráficas Salnés, 2000). Foi axudado na montaxe deses traballos, como en tantos outros da mesma índole posteriores, por Xavier Camba e polo chorado Roberto Camba.

Limiares para revistas dos centros de ensino como Enórmic, entrevistas para esas revistas, como Bardos do IES Bouza Brey, charlas en numerosos colexios... En 2010, publicou un texto intitulado “O que non sei foi co vento” no volume Mecos. A memoria dos homes, editado polo EDNL do IES As Bizocas, baixo a coordinación de Patricia Arias Chachero e de Antón Mascato García. O texto de Luís, emotivo, ocorrente e precioso coma poucos, contén fragmentos como estes, que seguramente coñeceredes mais que non me resisto a compartir convosco de novo:

Cando o tempo da mocidade da maior parte dos mecos deste libro xa esmorecía tamén eu aprendín a axexar os xeitos de vida, para o bo e para o malo, mirando con atentos ollos de neno desde detrás dun mostrador a mulleres e homes gobernando o seu vivir. Algúns eran conscientes do seu labor educativo, como un bo home que sempre me dicía:
Si, Luisiño, si. Cando eu morra quero ir pró inferno, que no “sielo” non hai máis que vellas e miniños de teta, e no inferno vaiche estar Fidel Castro e máis Juana Mancaria bailando en pelotas.
Aínda hoxe non sei quen era Juana Mancaria de tan suxestivo danzar, pero podo xurar que foi unha muller importante na miña infancia.... Como arquetipo”.

Precisamente no texto de presentación dun deses volumes citados, Cambados: dos tempos idos, aínda que figure como anónima, a man de Luís estampou unha lúcida reflexión sobre o valor da historia local que cómpre traer a colación nos tempos que vivimos, sequera sexa porque estamos en vésperas de comicios municipais e a algunhas persoas candidatas lles pode resultar útil a reflexión pensando no inmediato porvir:

Hoxe o entorno máis cercano é o primeiro en estudiarse e a historiografía local pasou de ser materia de traballo de eruditos solitarios para ser tarefa colectiva (por suposto o traballo individual será sempre imprescindible) e ilusionante da comunidade. Xa sabemos que as pirámides non as fixo un faraón senón un povo e que os protagonistas da historia de Cambados non foron unha ducia de ilustres senón todos os veciños co traballo e co lecer, construíndo, cultivando e navegando. Sen embargo, a uniformización cultural que padecemos producto do poder dos grandes medios de comunicación fai que corramos o perigo de perder para sempre parte do legado cultural que nos deixaron os devanceiros e recuperalo é unha necesidade urxente”.

E cómpre considerar, finalmente, moitos outros traballos e participacións de Luís que non responden ou encaixan en ningún dos catro focos de interese xerais que acabo de repasar, pero que contribúen igualmente á relevancia do seu contributo global para a cultura de noso.

Refírome, por exemplo, ao seu artigo revelador sobre as orixes da celebración do 25 de xullo como festa da galeguidade -publicado co título de “Non é en honor do Patrón (sobre as orixes e antecedentes do Día Nacional de Galiza)” no número 82 da revista, xa citada, A Trabe de Ouro, en 2010 -; ou ás súas investigacións aínda inéditas sobre a figura de Basilio Álvarez, tan vencellada á de Cabanillas, e tamén sobre o, disque, fillo bravo do abade de Beiro, o dramaturgo galaico-arxentino Gerardo Ribas; ou ao relatorio sobre “O xornal Galicia Nueva e os galeguistas” que preparou para unhas xornadas sobre a figura de Xosé María Díaz Castro celebradas no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía en outubro do pasado ano.

Entraría na conta do seu haber, como non, o seu traballo comprometido como defensor da natureza, el que foi, debe salientarse, o primeiro presidente do Colectivo Ecoloxista do Salnés e que figura, ademais, como colaborador, levado pola miña humilde man, na nómina de articulistas da revista ecoloxista Cerna, onde escribiu en 1996 sobre “O conflito da praia da Lanzada” (nº 17).

E, por suposto, en vésperas da festa máis grande do noso idioma, non podo eludir a referencia ao seu probado e entregado amor pola lingua de noso, tan constante como exemplar e que se pon de manifesto, por centrarnos só no máis recente, na súa participación nalgúns actos emblemáticos. Así, en novembro de 2009, está presente na chamada “Declaración de Mondariz-Balneario”, organizada pola plataforma “Galeguizar Galicia”, en homenaxe a Cabanillas no 50 cabodano do seu pasamento. Nesa ocasión, os rexedores de Cambados, Cuntis, Dozón, Meis, Moaña, Mos, Redondela, Silleda e Mondariz-Balneario (concellos todos eles en que Cabanillas exerceu como funcionario municipal nalgún intre da súa vida) comprometéronse a incorporar e potenciar o uso do galego na administración local e a promover a cultura na nosa lingua.

Estivo Luís tamén, en febreiro de 2010, en Ogrove na presentación (que se fixo simultaneamente en 63 localidades de todo o mundo, entre as que non faltou Cambados, onde interviñemos Paco de Xenxa, Pilar Ponte e un servidor na Libraría Cabanillas) do volume 55 mentiras sobre a lingua galega, editado por Laiovento e promovido pola plataforma Prolingua, baixo a coordenación do profesor da Universidade de Vigo Quique Costas. Ese libro editouse para facer fronte á enxurrada de prexuízos e hostilidades contra o galego postos de novo en circulación desde aqueles días ata hoxe mesmo por determinados partidos políticos e por determinadas asociacións disque “bilingües” que máis ben semellan “bífidas”, tal é o veleno que deitan cada vez que falan sobre o noso dereito a vivirmos en galego na propia Terra do galego...

Todas estas facetas de Luís Rei (e aínda outras que, límite de tempo obriga, fican necesariamente no tinteiro) trouxérono ata este Auditorio hoxe para facelo completa e absolutamente merecente coma poucos de recoller un premio que encerra no nome que soporta e na data da súa entrega dúas inmellorábeis razóns de xustiza e oportunidade. 

Non lle roubarei máis tempo á vosa paciencia, que agradezo en todo caso, e vou rematar esta chufasión ofisial cumpríndolle un pequeno capricho ao benquerido Luís.

Non poucos lembraredes que cando me entregaron a min na 8ª edición, tal día coma hoxe, este premio, Luís, por estar daquela en París de Francia coa familia e non poder acudir ao acto en persoa, enviou un texto que leu por el (quen se non?) Paco de Xenxa. E nese texto, cheo de cariño e de humor, Luís non só propuña que me desen a cruz de ferro ao mérito cultural cambadés por, sendo como dixo Paco “heroico soldado de Viveiro a traballar ás ordes dun cabo furriel do Grove”, ter ordenado aló polo curso 95/96 a papelada toda do Centro de Documentación Local cando aínda estaba a Casa da Cultura no edificio da Rúa Nova, senón que me tiraba tamén un pouco das orellas por dedicar demasiado tempo á investigación literaria e ao traballo docente e deixar abandonada a musa poética... Pois ben, benquerido camarada e inmenso amigo Luís, velaquí tes, como o mellor agasallo que che podo ofrecer hoxe, un “pobre enxedro” desa musa retomada que che dedico con toda a alma. Titúlase LUCES QUE FULGURAN e di así:

LUCES QUE FULGURAN

Para Luís Rei, amigo, camarada, irmán

Agárdanos a todos o día
en que debamos converternos
en luces que fulguran na néboa,
soas,
coa única ilusión de orientar as travesías,
dende lonxe,
daqueles que han ser carne da nosa carne
pola historia fóra.

O tempo vainos convidando, andar de boi,
a nos perdermos polo ronsel de popa
- xa foron os días de aturar rexamente
bategadas, pantocadas, vendavais -
e as manobras van adoptando
un ar preludial de recalada ou desembarco.
 
Contra a dureza cruel, porén,
deste destino que asexa inexorábel,
querendo convertelo todo en cinza,
érguense maxestosos e puros
tesouros labrados no decorrer dos días:
ansias convictas de exemplaridade,
desafiantes proclamas contra a submisión,
risos e bicos frescos apañados
nas bocas cálidas que máis quixemos,
traballos, loitas, sacrificios
que despregamos, ilusos e teimudos,
sobre un lenzol de entregas
en horas sen taxa
para darmos iluminado un algo
os escuros subterráneos
en que se extravía por veces a vida
ou para desvelarmos,
intrépidos, rebeldes e únicos,
teselas ata entón opacas da nosa identidade.

E todo isto será o que quede,
concluso pero firme,
mentres camiñamos cara ao silencio repleto
sabéndonos rumor incensante
a borboriñar nos oídos do futuro,
candea ou farol perpetuo na néboa
en que han de se ver mergullados igualmente,
noite e vida adiante,
os argonautas que veñen
incesantes
atrás de nós.