eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Rexurdimento. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rexurdimento. Amosar todas as publicacións

xoves, 29 de xaneiro de 2015

PASTOR DÍAZ E OS "CANTARES GALLEGOS" DE ROSALÍA DE CASTRO

No volume Los Precursores, editado pola “Biblioteca Gallega” de Martínez Salazar en 1886, glosou Manuel Murguía (Arteixo, 1833- A Coruña, 1923), canda outras figuras intelectuais, a personalidade e a traxectoria literaria da súa esposa Rosalía de Castro (Compostela, 1837-Padrón, 1885).

Como é ben sabido, ao referirse nese volume aos Cantares Gallegos (Imprenta Compañel, Vigo, 1863), Murguía revelou que ía ser precisamente o escritor e político Nicomedes Pastor Díaz Corbelle (Viveiro, 1811- Madrid, 1863) o prologuista de tan emblemática e decisiva obra da nosa literatura, de non llo ter impedido a morte, e acrecentou testemuño do moi positivo xuízo estético, da empatía idiomática e da emotiva impresión que lle merecían os versos rosalianos ao autor do pioneiro poema “A alborada”. En palabras do noso historiador:

Pastor Díaz, a quien la muerte no permitió escribir las páginas que debían precederles, aseguraba no haber leído nada más corriente, más puro, que aquellos versos. Añadía que se complacía en decirlo así. Que le agradaba aquella nueva aurora y aquel fresco aire de la patria, que venía a hablarle de los floridos campos de Galicia. Que así como al frente de las poesías de Zorrilla había hecho la defensa del romanticismo - por él inaugurado antes, en su celda de colegial - haría el elogio del movimiento provincial, que tantas cosas nuevas traía a la superficie, que tantos y tan nobles revelaciones hacía y del cual había tenido así como una visión y un presentimiento. Porque aquel gran hombre de Estado, a quien no agradaba la unidad de Italia, casualmente porque rompía tradiciones y deshacía pueblos, aseguraba que las provincias españolas estaban destinadas - por la gran diversidad de su sangre - a reconstituirse y recobrar su fisonomía en un período no muy lejano. Contra lo que algunos espíritus superficiales aseguran, sostenía que la tendencia a crear la pequeña patria es lo que ha de salvar de un completo aniquilamiento a cuanto hay de vital y original que posee la sociedad moderna, atacada como ninguna otra del mal nivelador de la unidad y de la centralización.
Pero lo que más le agradaba era ver escrito el libro en aquel dulcísimo dialecto que había hablado en su niñez. Ponderaba sobremanera hallarle despojado de las voces bárbaras y giros prosaicos con que tantos mancharon la lengua y la poesía gallega.

Poucas veces se sinala e se pondera como é debido este feeling espiritual e esta vinculación amistosa do cantor do Landro (quen penetra xa por aquel entón, vítima de cruel doenza, no devalar da súa existencia) co tándem formado polo xoven casal Murguía-Rosalía, que desprega nesa época en Madrid unha intensa e optimista actividade intelectual e política de xorne francamente liberal, progresista e protogaleguista.

Non pode ignorarse, neste sentido, que textos de Murguía (os poemiñas “En el álbum de Elisa Avendaño”, “Gloria” e “Madrigal”), de Rosalía (“¡Mi madre!”, “Adiós que eu voume”, “Castilla”, “O caravel negro”, “A romaría da Barca” e “¡Terra, a miña!”) e de Nicomedes ("Una voz", "Mi inspiración", "La Mariposa Negra" e "La Sirena del Norte", concretamente) comparten significativamente en 1862 (un ano antes do óbito do viveirés e da propia saída do prelo dos Cantares Gallegos, pois) as páxinas do chamado Álbum de la Caridad, o volume que recolle, por man de Vicetto e Antonio de la Iglesia, as composicións presentadas aos Xogos Florais da Coruña do ano anterior e mais unha nutrida escolma de textos (“Mosaico Poético”), tanto en galego como en castelán, de escritores galicianos da primeira metade do século XIX.

Na mesma liña cómpre anotar que foi precisamente a voz de Murguía a que propuxo no Almanaque do impresor lucense Soto Freire, en 1865, ao pouco tempo da morte do poeta, que Viveiro honrase a memoria do seu fillo ilustre erixíndolle un monumento, proposta finalmente culminada en 1891, abondos anos despois, coa inauguración da estatua na Praza Maior.
 
A aperta de dúas xeracións

En realidade, ese relacionamento entre Nicomedes e o casal Murguía-Castro ao que aludimos ten, ao noso humilde entender, unha importancia simbólica extraordinaria, na medida en que permite constatar o anoamento cordial que, un pouco in extremis e grazas aos protagonistas sinalados, se verifica a comezos dos anos 60 da centuria decimonónica entre dúas xeracións sucesivas de intelectuais galegos, a “provincialista” e a “rexionalista”, que a piques estiveron de non se fecundaren mutuamente. 

Na primeira figuraron algúns antigos alumnos do Colexio Insigne viveirés e escolares da Universidade compostelá, como Vicente Manuel Cociña (publicista e político de ideas liberais avanzadas, nado en Celeiro e morto en Córdoba, onde se agochara para fuxir da persecución gobernamental); os betanceiros Antolín e Tiburcio Faraldo; o compostelán Neira de Mosquera (un dos primeiros biógrafos de Pastor Díaz en vida deste); Francisco Añón; Rúa Figueroa; etc.

O propio Pastor Díaz pertenceu a esta xeración, da que, non obstante, se sentiu a partir de certo momento totalmente desvinculado no ideolóxico e no político, pois mentres aquela se embarcaba na chamada “revolución galega de 1846”, de significado profundamente liberal e anticentralista, punto de arranque do que hoxe denominamos xenericamente “Galeguismo”, o de Viveiro destacouse como actor fundamental, desde os altos postos de Estado que desempeñou (ministro, embaixador, reitor universitario...) no proceso de configuración dun Estado español de corte unitario e centralista, desde parámetros dun liberalismo moderado, confesional e monárquico. 

Daquela, os xuízos e consideracións do Pastor Díaz final sobre a obra rosaliana, sempre segundo a transmisión que deles fixo Murguía en Los Precursores, situaríannos historicamente no instante en que o menos “provincialista” dos nosos “provincialistas” abenzoa, dalgunha maneira, as novas orientacións ideolóxicas e reivindicativas que, andando algún tempo e non sen esforzo e sacrificio, provocarán esa eclosión de galeguidade cultural e ese renacer do idioma propio que chamamos “Rexurdimento”...

Pastor Díaz e a muller escritora

E aínda cómpre poñermos en destaque un aspecto máis á hora de repasarmos o vínculo que une Pastor Díaz coa Rosalía dos Cantares. Referímonos á posición de aberta simpatía ou apoio explícito que o poeta de Viveiro demostrou cara a aquelas mulleres que, como a cantora do Sar, non se conformaron na súa época con abordar temas consabidos (paisaxismo, relixiosidade, amor...) e non se cinxiron ao prototipo de poesía meliflua (“daquelas que cantan as pombas i a flores...”) que se consideraba inherente ou único “adecuado” para as almas femininas...

Non resultaba pouco atrevemento ou valentía, segundo se mire, estar disposto, como o estivo Don Nicomedes e o tería feito de non interpoñerse a Parca, a prologar o libro dunha escritora nova e aínda pouco coñecida (só publicara nesa altura os opúsculos poéticos La Flor e A mi madre e a novela La hija del mar), que non se escondía baixo pseudónimo, que empregaba dignificado o sermo vulgar das masas labregas e mariñeiras do país e que abordaba unha vibrante e apaixonada defensa de todo aquilo que era obxecto de burla e desprezo (como ela propia denunciaba nas liñas introdutorias do seu poemario) en certos ambientes da Corte madrileña só polo feito de ser galego...

De certo, xa en 1842, nas páxinas de El Conservador, Pastor Díaz aplaudía con fervor a publicación dun tomo de poesías por parte de Gertrudis Gómez de Avellaneda (1814-1873), defendía o dereito da muller escritora a tratar todo tipo de temas (“a nosotros no nos parece que cuando una mujer toma la lira, necesaria y fatalmente ha de suspirar amores, ni exhalar blandas melodías”) e louvaba a valentía desta no medio da “fútil y prosaica sociedad, en medio del siglo positivo y financiero, en medio de la literatura convertida en industria”, pero tamén non deixaba de advertir, en todo caso, que unicamente hostilidades, incomprensións e indiferenzas agardaban á atrevida poeta:

¡Sed poeta!... cantad las maravillas de la naturaleza, las borrascas del corazón, las tristezas del alma, las esperanzas del cielo, o la desesperación del mundo; y en respuesta a vuestros cantos, y en eco a la expresión de vuestros afectos, os negarán la posibilidad de sentirlo. Sed poeta, describir las pasiones; que no creerán en las vuestras. Sed poeta, y hablad de virtud; que os llamarán hipócrita. Sed poeta, cantad el nombre de Dios; que os llamarán ateo. Sed poeta, dad al viento los ardientes suspiros de amor; y ninguna hermosura creerá que podéis consagrarle vuestro corazón (...) Sed poeta, y dad a luz vuestros cantos; los sabios de los grandes volúmenes os llamarán compasivamente superficial, y deplorarán un talento perdido. Sed poeta, y publicad un libro, si los aterrados libreros se han decidido al arrojo de imprimirle; y os habréis incapacitado ante el mundo para todo lo que exige y supone ciencia, gravedad, perseverancia, estudio, conciencia, acaso virtud.
Pero, sobre todo, sed poeta mujer; y a todas las desgracias y miserias de vuestro sexo, y a todas las agitaciones y tristezas de vuestro corazón, añadid una más grande todavía. Cuando la preocupación de los hombres no os dispute la originalidad de vuestro genio, la de vuestro propio sexo os condenará a la pena, que en el pueblo de Atenas alcanzaba a todos los que por alguna calidad eminente se elevaban sobre los demás (... ): el ostracismo”.

Saberá ben Rosalía, en propia carne, o atinadas e no seu caso proféticas que eran, infelizmente, as palabras do escritor viveirés e, de feito, na súa primeira novela, La hija del mar (Vigo, 1859), denunciará que "todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben”, protestando, asemade, contra "la vulgar idea de que la mujer sólo sirve para las labores domésticas, y que aquella que, obedeciendo tal vez a una fuerza irresistible, se aparta de esa vida pacífica y se lanza a las revueltas olas de los torbellinos del mundo, es una mujer digna de la execración general".

No ronsel da denuncia que estampara no seu día Pastor Díaz ocupándose da obra da Avellaneda, Rosalía plasma no texto “Las literatas. Carta a Eduarda", traballo publicado no Almanaque de Galicia de Soto Freire en 1865, o verdadeiro calvario que agardaba a toda muller que, coma ela, quixese calcar os camiños da arte, do pensamento, da literatura e da vida con enteira liberdade:

No, mil veces, no, Eduarda; aleja de ti tan fatal tentación, no publiques nada y guarda para ti sola tus versos y tu prosa, tus novelas y tus dramas (...) tú no sabes lo que es ser “escritora”. Serlo como Jorge Sand vale algo; pero de otro modo, ¡qué continuo tormento!; por la calle te señalan constantemente, y no para bien, y en todas partes murmuran de ti. Si vas a la tertulia y hablas de algo de lo que sabes, si te expresas siquiera en un lenguaje algo correcto, te llaman bachillera, dicen que te escuchas a ti misma, que lo quieres saber todo. Si guardas una prudente reserva, ¡qué fatua!, ¡qué orgullosa!; te desdeñas de hablar como no sea con literatos. Si te haces modesta y por no entrar en vanas disputas dejas pasar desapercibidas las cuestiones con que te provocan, ¿en dónde está tu talento?; ni siquiera sabes entretener a la gente con una amena conversación. Si te agrada la sociedad, pretendes lucirte, quieres que se hable de ti (...) Si vives apartada del trato de gentes es que te haces la interesante, estás loca, tu carácter es atrabiliario e insoportable (...) Las mujeres ponen en relieve hasta el más escondido de tus defectos y los hombres no cesan de decirte siempre que pueden que una mujer con talento es una verdadera calamidad, que vale más casarse con la burra de Balaán, y que sólo una tonta puede hacer la felicidad de un mortal varón.
Sobre todo los que escriben y se tienen por graciosos, no dejan pasar nunca la ocasión de decirte que las mujeres deben dejar la pluma y repasar los calcetines de sus maridos, si los tienen, y si no, aunque sea los del criado. Cosa fácil era para algunas abrir el armario y plantarles delante de las narices los zurcidos pacientemente trabajados, para probarles que el escribir páginas no les hace a todas olvidarse de sus quehaceres domésticos, pudiendo añadir que los que tal murmuran saben olvidarse, en cambio, de que non han nacido más que para tragar el pan de cada día y vivir como los parásitos.
Pero es el caso, Eduarda, que los hombres miran a las literatas peor que mirarían al diablo y éste es un nuevo escollo que deberás temer tú, que no tienes dote. Únicamente alguno de verdadero talento, pudiera, estimándote en lo que vales, despreciar necias y aun erradas preocupaciones; pero... ¡ay de ti, entonces!, ya nada de cuanto escribes es tuyo, se acabó tu numen, tu marido es el que escribe y tú la que firmas(...)
Yo, a quien sin duda un mal genio ha querido llevar por el perverso camino de las musas, sé harto bien la senda que en tal peregrinación recorremos. Por lo que a mí respecta, se dice muy corrientemente que mi marido trabaja sin cesar para hacerme inmortal. Versos, prosa, bueno o malo, todo es suyo (...) ¡De tal modo le cargan pecados que no ha cometido! Enfadosa preocupación, penosa tarea, por cierto, la de mi marido, que costándole aun trabajo escribir para sí (porque la mayor parte de los poetas son perezosos), tiene que hacer además los libros de su mujer, sin duda con el objeto de que digan que tiene una esposa “poetisa” (esta palabra ya llegó a hacerme daño) o novelista, es decir, lo peor que puede ser hoy una mujer”.

Chamativos relampos estes da comuñón ideolóxica e da simpatía espiritual profunda que existiu entre o Pastor Díaz que ao raiar a década dos 60 do século dezanove rendía os seus últimos días e a Rosalía que, muller audaz e xenial, colocaba ben alta e poderosa a bandeira dos seus Cantares Gallegos nos anais da nosa literatura e da nosa historia colectiva.

domingo, 22 de xuño de 2014

O MAR NA LITERATURA GALEGA

Noticia dun océano fecundo por explorar


Resulta xa un tópico sinalar a relativa escaseza de mar nas nosas letras, ou o que é o mesmo, o peso esmagador do rural na construción literaria da "imago" do país. Mais todo é relativo. Querendo e dedicando horas a navegar ou mergullarse polos océanos da bibliografía e da hemerografía, un atopa moitísimo máis mar presente no corpus literario galego do que o tópico proclama. As liñas que seguen pretenden ser, humildemente e coas inevitábeis omisións involuntarias, mapa das postas descubertas ou cartografía dunha travesía posíbel para quen quixer faenar no futuro en tan rico, produtivo, plural e apaixonante caladoiro.

Mar e cantigas no Medievo

Esa xoia da cultura universal que son as cantigas medievais galego-portuguesas non deixan de empregar o mar ou algún dos seus elementos como escenario, símbolo ou metáfora de sentimentos. Hai, de feito, entre as cantigas de amigo, dous subxéneros, o de "romaría" e a "barcarola", que dificilmente poden comprenderse sen ter en conta esa presenza mareira: velaí están as confidentes ondas do mar de Vigo interrogadas sobre o paradoiro do amigo nas cantigas de Martin Códax (B 1278, 1280, 1282, 1284...); as barcas novas que mandou labrar e deitar no mar o rei portugués nas cantigas de Joám Zorro (B1151, 1153, 1157...); as barcas que a moza namorada da cantiga de Nuno Fernandez Torneol foi ver "eno ler" agardando en van que nelas viñese seu amigo (B 645); o amigo que el-rei "filhou de mar a mar" para desgraza da namorada na cantiga do xogral Lopo (B 1249) ou, mesmamente, as embarcacións da cantiga de Juião Bolseiro (B 1168) que levaron lonxe ao amado ("Nas barcas novas foi-s'o meu amigo d'aqui"). As romaxes cabo da ribeira do mar funcionan ben como pretexto e escenario ideal para o encontro dos amantes ("A la igreja de Vig', u é o mar salido / e verrá i mia madre o meu amigo", indícase na cantiga de Martin Códax - B 1280-; "Irei a lo mar vee-lo meu amigo", dise na de Nuno Porco - B 1127-, "Serei vosqu'en San Mamede do Mar", prométese na de Joán de Cangas - B 1269-), ben como marco, na coñecida composición de Mendinho, para a máis radical das soidades ("cercaron-m'as ondas, que grandes son (...) / morrerei eu, fremosa, no mar maior", B 852).

O mar é tamén destinatario da maldición que lle endereza nunha cantiga Roi Fernández de Santiago (B 903), pois a súa contemplación non fai senón facilitarlle ao poeta a medida exacta da súa cuita e soidade ("maldito sej'el mare, / que mi faz tanto male"). E de medidas vai tamén a cantiga de Paio Gomes Charinho (A 251) en que se declara que maior é a coita de amor que padece o poeta que as coitas que produce o mar todo... O propio trobador rianxeiro, almirante en tempos de Afonso X, pon tamén en boca dunha moza namorada despedidas para o amado embarcado ("as ffroles do meu amigo / briosas van no navyo", B 817), compara o poder e grandeza do amentado rei coa do propio mar ("o mar semella muit'aqueste rei", A 256) e literaturiza o alivio que sente a muller do navegante cando este non ten xa que afrontar máis travesías: "Muy ben é a min, ca (ia) non andarey / triste por vento que veia fazer, / nen por tormenta non ei de perder / o sono (...)" (B 838).

Por outra banda, no cancioneiro satírico é o mar pretexto que Gonzal'Eanes utiliza para burlarse de Pero D'Ambroa (V 1004), a quen xulga fillo dun cazón ou dun bogavante, xa que presumía de afoutado ("non dades ren por tormenta do mar") cando en realidade, ao que parece, non foi quen de ir alén de Mompiller na súa peregrinaxe a Terra Santa por medo aos azares e balanceos da navegación.

O rei Afonso X, que soña nun dos seus poemas ("Nom me posso pagar tanto...") con abandonar as penalidades e agobios do seu posto para navegar en "galeón" ou en "dormon" e ir pola mariña "vendend'azeite e farinha", xa que se paga máis do mar "que de seer cavaleiro / ca eu foí já marinheiro", manda facer cantigas para louvar a Virxe e os seus milagres e nelas non podían faltar historias de perigos corridos no mar, fose o da Bretaña Maior, fose o de Flandres, fose o de Sevilla, fose o Mediterráneo das peregrinaxes a Terra Santa: intentos de asasinato por afogamento (cantigas 5, 193, 287), súpetas subidas da marea (86), caídas accidentais no intre de embarcar (383), trebóns e fogos de San Telmo (36, 112, 172, 267, 313), naufraxios de naves (33, 236, 371), ataques corsarios (95, 264, 271, 379), vías de auga que son taponadas por peixes (339)... Curiosamente, son sempre historias protagonizadas por nobres, damas, romeus e mercaderes, nunca por mariñeiros ou mariscadoras, o que nos permite abesullar con claridade qué clase de clientela interesaba captar con esa extraordinaria obra para as peregrinaxes marianas.

Canto á prosa medieval, de menor orixinalidade e relevo no noso ámbito cá lírica, como é ben sabido, convén non esquecer que mariñeiras son algunhas das grandes fazañas do Ulises de Troia que se recollen nas obras do chamado "ciclo troiano". Moito a ver co mar teñen tamén certos episodios do ciclo "artúrico", como a viaxe de Artur na barca da fada Morgaín, en A demanda do Santo Graal, e mesmo nos Livros de Linhagens se poden encontrar relatos sobre as fantasiosas estirpes mareiras de certas familias aristocráticas, como a alusiva aos Mariño, descendentes dunha serea.

Silencio culto e eclosión popular

Durante os chamados "Séculos Escuros" faltou unha literatura culta escrita na nosa lingua que podía ter dado conta en maior ou menor medida, cos correspondentes formatos renacentista, barroco ou neoclásico, de moitos dinámicas relacionadas co noso mar: a épica dos navegantes transoceánicos galegos, as levas e a brutal deforestación levadas a cabo para arranchar a "Armada Invencible", a peripecia de moitos Ramón Cernadas na Patagonia e noutras áreas do Novo Mundo, a axitación nas Rías contra a "matrícula do mar" e contra o estanco do sal, a participación de galegos nas loitas contra bucaneiros e almirantes da "pérfida Albión" nas rotas marítimas planetarias, a exploración/explotación de novos caladoiros nos xélidos mares do Norte, o devalo de Pontevedra como porto e a eclosión coruñesa na fin do monopolio sevillano ultramarino...

Non dispor de literatura propia neses séculos privounos de referentes simbólicos e condenou ao silencio moita da vida e da enerxía que zumegaban os poros do país. As "Coplas do saqueo de Cangas polos turcos", excepción a isto que dicimos, veñen de ser cuestionadas recentemente na súa autenticidade. Inda ben que Feixóo de Araúxo deu fé das desputas entre pescadores do Miño no seu Entremés famoso... e que, durante o XVIII, os ilustrados comezaron a mirar con arroubo e con afán de superación todo o relativo ás nosas cousas, incluídas as que afectaban ao mar como despensa: velaí Lucas Labrada co seu reconto da capacidade piscatoria e marisqueira do país na Descripción económica... e Xosé Cornide cos seus estudos sobre o faro de Hércules, as súas descricións circunstanciadas das nosas costas, os seus descubrimentos sobre a sardiña e a súa denuncia das novas formas capitalistas, cabe dicir esquilmadoras, que traían consigo os fomentadores cataláns...

Mais o que non deu a desidia ou deserción practicamente masiva das minorías cultas do país a respecto da propia lingua e da identidade comunal, recollémolo na voz da xente anónima, nese tesouro de lírica popular en que abundan os motivos mariñeiros e as expresións de devoción asociadas ás comunidades piscatorias. Cantigas e lendas e contos e ditos polos que desfilan tipos de embarcacións e de ventos, labores e faenas na praia e mar adentro, especies mariñas, climas e predicións, cabos, cons, consellos para o consumo dos froitos do mar, rivalidades entre portos, velas rotas, e os inevitábeis santos e virxes (a da Barca, a da Lanzada, o San Telmo, o San Bertomeu, o Santo André de Teixido... só moi recentemente a do Carme) a quen recorrer na anguria da infertilidade, no instante supremo do naufraxio ou no lance difícil de pasar a Touriñana ou a Marola.

Mar e Rexurdimento

Durante o Rexurdimento, o mar adquire unha presenza moi relevante como motivo poético. Ás veces, coa intención costumista ou social de glosar/denunciar algún aspecto da vida e traballos das xentes da ribeira: así Xoán M. Pintos no poema "Os birbirichos e os birbiricheiros", do seu A gaita gallega, sobre as xentes do Salnés que mariscaban para matar a fame no Serrido cambadés; así o viveirés García Dóriga denunciando a triste vida do mariñeiro ("Sogueirón, vaite pró traiñón"); así Amador Montenegro, o promotor do xornal lugués A Monteira, no seu poema "Os pescadores"; así Rodríguez Seoane relatando en verso un naufraxio nas augas da Lanzada; así, en fin, a Rosalía que retrata nos Cantares a devoción popular e mariñeira á Virxe da Barca:

"Canta xente... canta xente (...)
¡Que lanchas tan ben portadas
con aparellos de festa!
¡Que botes tan feituquiños
con tan feituquiñas velas!".


Outras veces o mar é elemento da vindicación patriótica da húmida Galiza fronte á deserta Castela ("Que o mar deixoute olvidada...", recrimínalle a nosa poeta nacional, a mesma que musitou no derradeiro alento, se non mente a tradición, "quero ver o mar"...) ou presenza vivificante e esencial da beleza do país: ao autor de Os Eoas (non en balde epopea transoceánica), os baixos de Camelle, ao igual que os piñeiros leixados polo vento do mar de Niñóns, a Barra ou os areais vougos da costa bergantiñá, resúltanlle, en definitiva, "mui garridos ó mirar", igual que para Leiras Pulpeiro, cantor da beleza da lancha noutrora engalanada que hoxe apodrece na ribeira, a costa mariñá luguesa fai estremecer o espírito coas súas "nordesías" e co "arder do bico das ondas".

En ocasións, o mar é visto polos rexurdimentistas desde perspectivas máis existenciais: en Follas Novas convida "co seu xordo e constante marmurío" ao suicidio como descanso ("Neste meu leito misterioso e frío / -dime- ven brandamente a descansar"); as píllaras, petrelos, mazaricos e demais aves mariñas de Pondal viven en baixos e furnas, sirtes e fachos e simbolizan a liberdade soñada. A propia alma do bardo é retratada como "arboladura de nave poderosa" en que o vento arranca "enérxicas notas".

Mais o mar é, sobre todo nesta época da nosa historia, camiño da emigración ("Dígoche este adiós chorando / desde a beiriña do mar"), rota do "aleve negreiro vapor" citado por Curros Enríquez que leva a tantos compatriotas a un destino incerto e moitas veces fatal na ourra beira atlántica ("dentro dun mes, no simiterio inmenso / da Habana, ou nos seus bosques, / ¡ide a ver que foi deles!", denuncia Rosalía, conmovida diante das dimensións do éxodo e do pasar de velas que navegan levando "os fillos das nosas costas / con rumbo á América infanda / que a morte co pan lles dona").

Na narrativa e no teatro de finais do XIX-comezos do XX, o mar é escenario para algúns relatos e pezas de Manuel Lugrís Freire ("Axúdate" e "A illa milagreira", por unha banda; o drama Mareiras, por outra), para que Manuel López Prado achegue ás planas de A Monteira o conto "A volta do mariñeiro" e para que Álvarez de Nóvoa retrate nun dos relatos de Pé das Burgas, intitulado "A nai", o tráxico dilema dun mozo mariñeiro ao que lle naufraga a buceta coa nai e a moza a bordo.

O mar das Irmandades

Coa aparición no escenario político e cultural galego das Irmandades da Fala, moitas cousas mudan. O seu pendor antisucursalista e "atlantista" fai que as antenas dos escritores máis preocupados pola renovación e agrandamento das nosas letras viren en dirección ás culturas célticas e ás cosmopolitas Bos Aires, A Habana, New York ou Lisboa, para que o meridiano da creatividade deixe de pasar necesariamente por Madrid. Nesa perspectiva, o mar cobra valor diferencializador e convértese en escenario e vía transmisora da modernidade.

Ramón Cabanillas, coa súa fórmula combinatoria de tradición e anovamento, coa súa sabia mestura do legado do Rexurdimento galego cos novos ares do Modernismo americano, é o primeiro en inundar de salitre as letras galegas de preguerra, con poemas como "A trainera", "Na taberna", "Mariñeira" ou "Veiramar". Seguen o seu ronsel discípulos como Vitoriano Taibo (magnífico o seu poema "Brúa o mar") e o muxián Gonzalo López Abente, que non só canta a paisaxe mariña da costa fisterraica, cos seus cons, furnas, laxes e praias, senón que introduce o medio ribeirán (O deputado por Veiramar, O novo xuez...) na novelística en galego, definitivamente emerxente da man da entidade ideada e fundada polos irmáns Villar Ponte. O duro traballo das estivadoras do sal é retratado por Lois Tobío na súa novela A nova vida. Lesta Meis dedica páxinas do seu Estebo á descrición da travesía transoceánica dos emigrantes a Cuba. Xaime Quintanilla elixe como protagonista de Saudade a figura dun mariñeiro que se ve forzado a deixar o mar. Ata o chamado 'cantor da Montaña', Noriega Varela, recrea motivos mareiros en poemas como "Galernazo" e "Prá ufanía das olas".

Varios mestres do grupo "Nós" non permanecen alleos ao esforzo de colocar o mar na centralidade das historias a contar para que se evidencie que hai país: Castelao desprega nas súas Cousas e nos seus Retrincos todo un mundo de referencias a vellos patróns ("Peito de Lobo", "O Rifante", os "doce Apóstoles"....) e taberneiros que afogan en distantes latitudes a morriña con choros ao escoitaren cantar "Lanchiña que vas en vela....". Losada Diéguez achega ao boletín Nós un relato protagonizado por dous mozos mariñeiros de Marín no tempo en que aínda "non ían as motoras a buscar sardiña a Leixões, nin xiquera as artes da traíña eran donas das rías". Otero Pedraio recrea maxistralmente a mocidade leda e rexoubeira no Berbés e no Val Miñor do fidalgo Don Xosé María Puga en Os camiños da vida.

Na produción teatral, Cotarelo entrega as pezas Beiramar e Mourenza. A primeira, ambientada na ría de Arousa (o autor pasaba temporadas en Vilaxoán, de onde natural a súa esposa), ten como principais protagonistas a dous irmáns mariñeiros de caracteres antitéticos que aman a mesma muller. A segunda, traxedia granguiñolesca, xira arredor dunha familia de “corvos do mar” (‘Lumia’, ‘Espadarte’, ‘Rapeta’ e ‘Breixo’), que fan naufragar barcos adrede para recoller o botín e que provocan desa maneira a morte dun dos seus, ‘Xelo’, cando regresaba de América no pailebote “Boemia”. O mundo do mar é tamén abordado por Urbano R. Moledo no monólogo O orfo do mar, por Leandro Carré na peza Os homildes e polo ferrolán Nicolás García Pereira no drama en verso Brétemas.

A propia prosa científica en galego, daquela nacente, ten no ensaio sobre a dorna de Porto do Son e no cuestionario sobre cultura marítima escritos e publicados no boletín Nós polo etnógrafo ourensán e destacado activista do "Seminario de Estudos Galegos" Xoaquín Lourenzo, "Xocas", un bo referente pioneiro, ao que dedicamos no seu día un artigo na revista Ardentía.

Mares de vangarda

Da man dos "novos" que eclosionan nas letras galegas nos anos 20, o mar conquista, como espazo e como metáfora, unha centralidade case absoluta. No xénero poético acode por igual ás creacións dos neotrobadoristas que ás dos hilozoístas que ás dos máis influenciados polos "ismos" europeos iconoclastas. Non é só o mar, irrepetíbel e puro, do De catro a catro manuelantoniano, libro inmenso, do que seguen o ronsel Foulas e Viladomar, senón tamén o de Fermín Bouza Brei e a súa Nao senlleira (con poemas como "Trova infinita", "Parranda mariñeira", "Tríadas no mar e na noite", "No anal de Manoel Antonio", "Trova das sete naos"...); o de Blanco Amor co seu sinfónico Poema en catro tempos; o de Amado Carballo en Proel (con poemas emblemáticos como "Canzón do temporal", "Taberna", "Noite mareira", "Faro", "Porto", "Outa mar", "Mariñeiro" e "Pandeirada do bo e do mal tempo") e mesmo na prosa de Os probes de Deus que ten como protagonista ao vello xeiteiro de Cidrás; o de Cunqueiro, ora abstractamente cubista (Mar ao Norde), ora liricamente trobadoresco (Cantiga nova que se chama riveira) e aínda o que salfere os poemarios de 'Johán Carballeira', Xosé Mª Castroviejo, Xulio Sigüenza, Álvaro de las Casas...

Co trazo mestre do rianxeiro Dieste, o mar inunda de escumallo renovador a prosa e o teatro galegos desa época, mercé a algúns relatos contidos no libro Dos arquivos do trasno e, sobre todo, á pletórica proposta dramática, ética e estética plasmada na peza A fiestra valdeira.

Exilio por mar

A diáspora política derivada da derrota republicana na guerra do 36 levou moitas boas e ben cortadas plumas galegas ás ribeiras americanas, que se sumaron ás que por motivos basicamente económicos asentaran xa nelas con anterioridade. Desta forzosa pero feliz conxunción naceu un pulo creador que garantiu a supervivencia dunha literatura ferida de morte no propio país polo triunfo fascista.

No exilio arxentino, o poeta de Laxe Antón Zapata García escribe poemas de arrecendo mareiro como "Carrexando redes", "Redes no mar", "Alando a traíña", "Trincado", "A renda do mar", "Porto peixeiro", "Chuco da dorna. Mariñeiro galego", etc., recollidos postumamente en A roseira da saudade e outro tanto fai o muxián Xervasio Paz Lestón, con textos como "O Vilán", "Barcos..." ou "Algazo". Cándido A. González publica e estrea en Bos Aires o seu folkdrama de ambiente mariñeiro ¡Mal ollo! e Núñez Búa recolle anécdotas de mariscadoras, pescantinas e mariñeiros arousáns no seu Revoeira, mentres Luís Seoane non deixa de salferir os seus poemarios con textos que evocan o pasado en que pobos remotos chegaban a Galiza ("Guerreiros contra a mar"), con outros que retratan o país con metáforas de xinea mareira ("Galicia, un xigantesco barco") ou con visións da costa galega desde o combés de 3ª do 'Highland Princess' que deixan abesullar toda a intensidade do drama do exilio. Castelao, en fin, recolle no Sempre en Galiza editado no exilio bonarenese aquel afiche concibido para a propaganda pro-estatutista antes do 36, intitulado "O peixe", en que reivindica as "maneiras coleitivistas da nosa tradición mariñeira" e prognostica: "O día que Galiza sexa nosa, os mariñeiros vivirán na fartura".

Ardoras na longa noite

A narrativa galega de posguerra demorou en reencontrarse co mar e fíxoo da man fantasiosa de Cunqueiro no seu Se o vello Sinbad volvese ás illas. A xeración máis nova afrontou con maior decisión a tarefa: Ferrín deixou páxinas poderosas sobre a guerra da traíña en Antón e os inocentes, Freixanes recreou a Pontevedra dos vellos navegantes en O triángulo inscrito na circunferencia e Bernardino Graña deunos varios relatos imprescindíbeis no seu Fins do mundo. Logo Avilés evocaría a súa infancia noiesa ("mentres, os veleiros entran pola ría") en Nova crónica de Indias e Neira Vilas reconstruiría a epopea dos pescadores emigrados de Redes, Ares e Mugardos en Galegos no Golfo de México.

En poesía, logo do descritivismo meramente costumista de tantos poetas e da prolongación neotrobadoresca dun Ánxel Sevillano coas súas dornas da preguiza, dun Manuel María cos seus versos ao mar de Foz e dun Cunqueiro coa súa illa alá no fondal do mar (en certo sentido, todos eles replicados por Lueiro Rey na súa denunciadora "Cantiga do mar da Arousa"), verifícase na posguerra un renovado achegamento ao mar como motivo de inspiración. González Garcés ("Poema ao meu mar"), Pura Vázquez, Álvarez Blázquez e Luz Pozo Garza ("Agora contemplamos a mar de Vigo") cantan a plenitude persoal asociada á contemplación ou disfrute do mar. Mais tamén aparecen perspectivas menos conformistas. Celso Emilio Ferreiro ofrece o poema "A nena afogada" e o propio Manuel María o seu "Cántico sereo contra o mar". Entre os membros de "Brais Pinto", o mar é pretexto para ofrecer unha visión problematizada da existencia (velaí o poema "Trebón perpetuo", de Cuña Novás) e para reivindicar a memoria e a liberdade negadas polo franquismo. Mentres Heriberto Bens-Ferrín ofrece o conmovente "Ós líderes mariñeiros que fuxiron na dorna....", Bernardino Graña, convertido nun mascato ergueito e denunciador da rapina e a deshumanización, escribe a súa Profecía do mar e o seu Sima-cima do voar do tolo, con poemas emblemáticos como a "Oda ós mariñeiros de Cangas", "Canción para ir ao mar de pesca", "Pregunto aos homes e ás mulleres do noso mar", "Lázaro mariñeiro" e "O gato da tasca mariñeira". Pola súa vez, poetas como María Mariño (Palabra no tempo), Xohana Torres (Estacións ao mar, Tempo de ría) e Avilés de Taramancos ("Elexías do mar", "Fragata carregada de viño", "O pé do mariñeiro é de natural ancho", "Na outra banda do mar constrúen o navío...", "Meu capitán, é hora, é hora", "Barcos no pór do sol") cartografan preciosos mapas da memoria familiar e persoal vencellada ás ribeiras de Ferrol e Noia, respectivamente.

Mares de tinta hoxe

O neoatlantismo dos poetas dos 80, agrupados arredor das cidades portuarias de Vigo e A Coruña, dá os seus froitos en forma de mares e salseiros presentes nos versos da beira norte cantábrica e natatorios de Baixeras, nas dársenas gozosas e abertas ao mar de Xavier Seoane, no latexo cósmico e sensual de Fernán Vello, na memoria de agosto de Xulio L. Valcárcel, nas mareas e palabras de mar de Ana Romaní, nas baleas de Luísa Castro e na mohicana voz que resoa nas praias do Oeste de Manuel Rivas.

Estes autores son secundados nesa lira mareira polo Darío Xoán Cabana de Patria do mar, polo corsario con permiso Xosé Miranda, pola carnotá hinterlandiana Pilar Beiro, polo Antón Reixa de "Contrabando de amigo", polo Xoán Neira de As varandas do abrente, polo Santos Suárez de Balada do vento na ría, polo Maximino Cacheiro de A iluminación do mar, polo Chisco F. Naval de Mar de Lira, polo Xavier Paz de No canto do mar, a Chus Pato de Fascinio ou o Luís Rei Núñez de Alma mareira e Imán Fisterra, así como polo Xesús Franco de Contra mar e Atlántico, Atlántico, pola Branca Vilela de A faciana das augas, o Xavier Queipo de Glosarios, a Adela Figueroa de Vento de amor e mar, o Antón Patiño de Océano e silencio, o Rivadulla Corcón de Taberna á deriva, o Gómez Alfaro de Mar aberto, o Manuel Xosé Neira de O mar perdido ou o Paco Rivas de Cantaruxos do meu mar.

Os chamados poetas dos 90 amplían e intensifican o diálogo poético co mar, mesmo organizándose en batallón literario coa Costa da Morte como patria indómita. Velaí os volumes colectivos A rota dos baleeiros e De mar e vento. Cinco poetas de Fisterra e os poemarios individuais de Marta Dacosta (Crear o mar en Compostela), Rafa Villar (O devalo do mar, A sotavento dunha singradura), Miro Villar (Gameleiros), Rafael Lema (Cemiterio de gaivotas, Atlántida, Sete vagas), Maite Dono (O mar vertical), Xurxo Alonso (Onde viven os saqueadores de naufraxios), Fran Alonso (Tortillas para os obreiros), Alexandre Nerium (Vogar de couse), Xosé Pablo Bayo (Tempo de chover) e F. R. Lavandeira (Mar que evita o meu regreso).
Magro é porén, chamativamente, o panorama da presenza mareira no noso teatro actual: apenas cabe citar o Auto do mariñeiro, de Manuel María; a traxedia de potente lirismo A casa dos afogados, de Fernán-Vello; a Maremia en que Euloxio Ruibal teatralizou o naufraxio e posterior esperpento político-administrativo do "Casón", e, por último, o Salitre de Rivadulla Corcón, posto en escena pola compañía "Voltaedalle".

Na narrativa galega recente hai obras que miran ao pasado do mar, evocando episodios sexa da historia remota (Outono na illa, de Martínez Oca, recreación sobre a figura do Ulises homérico; Ouveade naves de Tarsihs, de Bernárdez Vilar; As galeras de Normandía, de Ramón Loureiro, sobre os navegantes nos tempos da Galiza de Maeloc;...), sexa da historia moderna (Mar para todo o sempre, de Henrique da Costa, sobre a expedición polo Pacífico de Álvaro de Mendanha en 1595; María das Batallas, de Alfredo Conde, sobre a heroína que axudo a repeler o ataque á Coruña do corsario Drake; A estraña estrela, de Xabier López, sobre os corsarios turcos; O paso do noroeste, de Xavier Queipo, ambientada na época da Franza prerrevolucionaria; O corsario, de Alberto Fortes, que xira arredor da peripecia do navegante galego Gago de Mendoza) sexa, en fin, da historia contemporánea (A batalla de Cavite, de López Veiga; Aguillóns de Ortegal, de Hixinio Puentes, ambientada en tempos da Grande Guerra, con referencias na súa trama ao afundimento de barcos polos submarinos teutóns nas nosas costas; o relato de Darío Xohán Cabana "A mariñeira de Quilmas", sobre o terror no 36...; a Pensa nao de Anxo Angueira, cos seus retratos de 'patifas' e 'baleiros' da Arousa e do Ulla e a desfeita societaria que o golpe militar trouxo; O corvo do chapapote, de Luís Rei Núñez, coa catástrofe do "Prestige" como eixo). Ollando ao posíbel futuro, a novela Canícula de Mariña Pérez Rei coloca á humanidade sobrevivinte aos desastres climáticos navegando en grandes plataformas flotantes polo océano...

Concibidas como testemuño do pasado recente das xentes do mar, algunhas novelas actuais céntranse na dura vida dos mariñeiros: o pioneiro Riosil, de Valentín Carrera; as novelas de Manuel Riveiro Loureiro O patrón e O peixoto; o Matalote de Xesús Franco; os mares caribeños en Relatos mariñeiros, de Neira Vilas; o Gran Sol na novela de Vicente Míguez De azul olvido e na de Jacobo Barros Os ausentes de Casteltón; a épica mariñeira, carnocha e arroutada de Xurxo Souto (O retorno dos homes mariños, Contos da Coruña, Fumareu); as novelas Terranova. Memorias dun mariñeiro e A derradeira campaña do capitán Samuel, ambas de Mario Franco Rodríguez; Salseiros, de Calo Lourido, etc.

Hai tamén novelas-denuncia do impacto de determinadas industrializacións mal concibidas sobre os núcleos costeiros (Beiramar, de Martínez Oca), recreacións do mundo e condicións do traballo feminino nas conserveiras (Amor de tango, de Mª Xosé Queizán; Mar de bronce, de Vázquez Pintor), relatos en que predomina a emoción da aventura exploratoria e libertaria (Ártico e outros mares, de Xavier Queipo; Caldo de mares para homes libres, de J.A. Xesteira; A estrela dos polisóns, de Luís Rei Núñez; A ponliña irlandesa, de Nacho Taibo), novelas en que o mar é pretexto para unha trama detectivesca (O misterio do barco perdido, de Carlos Reigosa; Mar de fondo, de Núñez Singala) e numerosos exemplos dunha narrativa sobre naufraxios e náufragos: Marusía de X.A. Silva, A canción de Sálvora de Antón Riveiro Coello, algúns dos Contos de viaxe de Amadeo Cobas, A man dos paíños, de Manuel Rivas... Tamén achamos unha narrativa en que o mar resulta pretexto ou escenario coadxuvante para a disección/superación de determinados estados de ánimo (Corazóns amolecidos en salitre e Veu visitarme o mar, de Rosa Aneiros; Dentro da illa, de Dolores Ruíz; ,...Do mar e a noite, de Rivadulla Corcón; Vida e morte das baleas, de Antón Castro).

Non hai letra pequena

Rexistramos desde a derradeira década do pasado século ata hoxe unha certa eclosión do tema do mar nas letras infanto-xuvenís, con obras como As flores radiactivas, A praia da esperanza, A escola dos piratas e Lonxe do mar, todas elas de Agustín Fernández Paz; a serie de aventuras protagonizadas por Sheila e Said, personaxes creadas por Moncho Caride en novelas como A negrura do mar; varias entregas de sabor pirata e stevensoniano do novelista Jaureguizar (¡Balea morta ou lancha a pique!, A rutina corsaria, Salitre...); A expedición do Pacífico, de Marilar Aleixandre; a novela Rumbo ao Maluco, en que Xosé Agrelo Hermo recrea a navegación de Magalhães por medio da figura do grumete galego Antón de Noia; O clube do corvo mariño e Capitán Araña, de Rafael Lema; Sari, soñador de mares, de Marcos S. Calveiro; O capitán da baía, de Daniel Ameixeiro; Norocai, de Begoña Paz...

Os lectores e lectoras miúdos poden disfrutar, así mesmo, de historias como A vella quenlla perde os dentes, de Xabier López; Alén das estrelamares, de Lago Pereira; Mar adiante, de Mª Victoria Moreno; Area maior, de Manuel B. Barreiro; O cabo da serpe, de Moncho Caride e Eduardo Baamonde; María está a pintar o mar, de Neira Cruz; Buguina namorada, de An Alfaya; O pirata da illa de prata, de Ana Mª Fernández; O amigo que veu do mar, de Mariano Vara; Polo mar van as sardiñas de Xohana Torres; A aventura de Roque no mar, de Jesús Peteiro e Beatriz García Trillo; A casa da duna de Fran Alonso; Carlota e a gaivota patiamarela, de Miro Villar...

Ensaio

No ensaio dos últimos tempos, o mar ocupa un lugar cada vez máis destacado. Ás veces, en traballos que son recolleita e expresión da memoria comunal depositada nas xentes do mar (Os señores do mar, de Ventoso Mariño; Homes de ferro en barcos de madeira e mais A pesca e os mariñeiros. Cedeira, Cariño, Ortigueira e Mañón, de Esperanza Piñeiro e Andrés Gómez Blanco; Xentes do mar de O Grove de Olegario Sotelo Blanco...). Outras, en libros a medio camiño entre o diario de a bordo, a crónica de viaxe e o estudo antropolóxico, como o magnífico Follas de bacallau do biólogo Xavier Paz. Tamén se están a producir vívidas reconstrucións da historia de determinadas embarcacións (Bernardo Máiz e o seu volume As embarcacións de pasaxe das rías galegas; o Grupo Etnográfico Mascato e o seu traballo divulgativo Os Galeóns de Arousa; a monografía de Eliseo Alonso Gamelas e mariñeiros; o chorado Agrelo Hermo e a súa crónica sobre Derrotas e singraduras do 'Joaquín Vieta' e mais Íñigo Echenique e o seu Madeira de mar. Apuntes sobre a gamela...) ou de determinadas actividades da beiramar (así os estudos sobre As salgadeiras e sobre A carpintería de ribeira en Porto do Son, de Manuel Mariño del Río).

Outras vertentes da produción ensaística actual sobre o mar atenden a reflexións antropolóxicas (Crenzas e tradicións dos pescadores..., de Alonso Romero; Xentes do mar, de Calo Lourido; Actas do 1º Simposio de Antropoloxía Mariñeira editadas polo Consello da Cultura Galega...), a descricións xeográficas (así os traballos de Estanislao F. de la Cigoña sobre as illas de Ons e Sálvora ou o de Cleto Regueira sobre o Rianxo mareiro) e mais a recontos de todo o tipo, sexan estes etnográficos (Mariñeiros, barcos e aparellos, de Adriana E. Eiroa), arquitectónicos (Ons, a arquitectura dunha comunidade desaparecida, de Pedro de Llano; Os faros da Costa da Morte, de Xosé Mª Lema e Manuel Vilar; Faros de Galicia, de Lino Pazos; Muíños de maré..., de Begoña Bas...), literarios (Polo mar abaixo vai..., compilación de cantigas populares feita por Carme Hermida Gulías; As cantigas mariñas no país de Breogán, de Ricardo Polín; Cancioneiro do Fisterra galego, de Manuel Quintáns...), fraseolóxicos (Refraneiro do mar, de Clodio González; Dicionario fraseolóxico do mar, de Paco Rivas) ou mesmo toponímicos (Os nomes beiramariños, de Gerardo Sacau), todos eles de grande valor para entendermos a profunda pegada, o inmediato pasado e o conflituoso presente das nosas comunidades mariñeiras.

Tamén se ven abordando o mar de onte e o de hoxe desde a perspectiva da Economía e da Historia, en obras como A pesca galega de mar a mar, de Fernández del Riego; A Galicia mariñeira, de Uxío Labarta; Galicia e o mar. Estudios de economía pesqueira; Historia da pesca en Galicia, coordinado por Fernández Casanova; Foulas e Ronseis (Retrincos para un tratado do mar dos galegos), de Dionisio Pereira; Galicia, mare nostrum, editado pola "Asociación Galega de Historiadores"; Guerra e mar no Ferrol da Ilustración, de Alfredo Martín García; Os viquingos en Galicia, de Morales Romero; Eu roubei o Santa María, de J. Soutomaior; os traballos colectivos Rande, mito e realidade e mais Rande 1702. Arde o mar e en cada vez máis numerosos volumes sobre accidentes no mar: Naufraxios do mar de Vigo, de Díez Guerrero; Os naufraxios da Galicia Norte e mais A galerna de 1961, ambos de Hixinio Puentes; Historia da costa galega e os seus naufraxios, de Fernando Patricio Cortizo... E, como non, entran no rol os moitos volumes que xeraron accidentes como o do "Aegean Sea" e o "Prestige", entre os que citaremos, a título de exemplo sobranceiro, Nunca máis. Galiza á intemperie, de Suso de Toro.

Mesmo un artigo como o noso, cuxos defectos e insuficiencias non teñen outro responsábel ca nós, non se podería afrontar nin ofrecer sen o previo e meritorio labor de autores como Maximino Cacheiro (O mar na poesía galega), Chisco Fernández Naval (O mundo da pesca na literatura galega) e Francisco Fernández Rei (Manuel Antonio e Cabanillas e o mar de Arousa; O mar e a poesía galega. Singraduras na construción da patria da lingua; Moita costa, 'pouco mar': o léxico mariñeiro e a construción do estándar galego), acompañado de monográficos como Un mar de literatura (revista Grial). Tentando servir de plataforma divulgativa para todo este fervillar de enfoques e traballos sobre o mar e de punto de encontro para os amantes das embarcacións tradicionais, desde 2004 edítase Ardentía, "Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial".

Cabo

Vacinado pola catástrofe do "Prestige", paradoxal xeradora de tantas e tan boas iniciativas creativas (lémbrense os libros poéticos colectivos Alma de beiramar, Botella ao mar e Negra sombra. Intervención poética contra a maré negra, sen irmos máis lonxe), é de agardar que no inmediato futuro o noso sistema literario non vire costas ao mar. De o facer, estamos certos de que perdería materiais e realidades sobre as que construír boas historias, magníficos argumentos e convincentes personaxes, así como un bo caladoiro para capturar novos lectores e para consolidar os xa gostosamente atrapados no enmalle.

Están por escribir novelas, relatos, poemas ou pezas sobre as tripulacións caboverdianas e peruanas que substitúen ou conviven cos mariñeiros galegos; sobre as mulleres da beiramar que transforman de raíz (permex e asocietarismo mediantes) a realidade do marisqueo ou achegan proletaria suor nas fábricas de conserva que logran sobrevivir á deslocalización globalizadora; sobre as guerras da volanta e do fletán, a pesca en Namibia e a esquilma dos caladoiros tradicionais; sobre o arrasamento urbanístico das noutrora vilas mariñeiras con encanto; sobre a tendencia a "turistificar" unha cada vez máis residualizada actividade pesqueira artesanal; sobre a épica resistencia das carpinterías de ribeira e a non menos épica batalla pola recuperación e viabilidade das embarcacións tradicionais do mar galego...

Hai, pois, un mar de letras que agarda por nós, profundo, complexo e indómito como o das ondas que bican a praia e baten nos cons, para que nos mergullemos nel e lle berremos, tomando emprestado o verso de Xohana Torres: Eu tamén navegar!

luns, 21 de abril de 2014

PRESENZA VIVEIRESA NO XORNAL LUGUÉS A MONTEIRA (1889-1890)


O 5 de outubro de 1889 saía por primeira vez á rúa en Lugo un “Somanario de Intreses Rexionales e Literatura” intitulado A Monteira. O nome, curioso a ollos actuais, facía referencia á prenda de roupa que os nosos devanceiros labregos usaban para cubrir a cabeza, antes de que se popularizase o uso da boina.


Promovían A Monteira dous persoeiros: Manuel Pardo Becerra, destacado apoloxeta da lingua galega, e Amador Montenegro Saavedra (1864-1932).


Este último, de orixes compostelás, foi estudante de Dereito en Santiago e Valladolid. Publicou diversas obras como Muxenas (1888, con prólogo de Pérez Ballesteros), Fábulas e epigramas (1892) e Fábulas galaico-castellanas (1917). Ademais, resultou o primeiro membro da Academia Galega que empregou o noso idioma para pronunciar o seu discurso de ingreso, sob o título de “Alma d’a poesía galega” (1909), sendo respostado polo médico e poeta santiagués Xoán Barcia Caballero.


De A Monteira, que se editaba na imprenta de Gerardo Castro na propia cidade das murallas, chegaron a saír un total de sesenta e cinco números, o derradeiro con data de 27 de decembro de 1890. Saía con oito páxinas e maquetábase a dúas columnas.


A presenza viveiresa neste semanario de orientación rexionalista, católica e conservadora, escrito integralmente en galego, concretizouse en catro vertentes: a) pola existencia de varios subscritores da publicación na vila do Landrove; b) polo intercambio que A Monteira estableceu con xornais viveireses, nomeadamente con El Eco de Vivero; c) polas referencias a feitos, figuras ou acontecementos de diversa índole, relacionados con Viveiro; d) pola aparición nas súas páxinas de dous poemas de Alfredo García Dóriga.

SUBSCRITORES VIVEIRESES


Son varios, efectivamente, os subscritores do semanario rexionalista en Viveiro, a xulgar polas notas de Administración que foron aparecendo nos diferentes números. Ben é verdade que son citados só polas iniciais, o que dificulta o seu recoñecemento.


M. C. P.; F. T. M.; B. L. (¿Benigno López, o viveirés fundador do xornal La Opinión de Ortigueira?); B. L. M.; e G. T. M. son viveireses que aparecen subscritos ao xornal A Monteira.


M. C. P. (¿un dos irmáns Castro Pita?) debeu de actuar como “axente” do semanario na nosa vila, procurando e facendo novos asinantes. Cando menos iso deducimos da seguinte nota, que apareceu no número 14 (4 de xaneiro de 1890): “Recibida a súa libranza. Quedall’abonad’a suscrición ôs qu’indica e moitas grácias” [Subliñado noso]. Este M. C. P. renovaría a súa subscrición nun dos derradeiros números do semanario (51, 19 de setembro de 1890).


Pola súa banda, G. T. M. [¿Tojo Mosquera?] mantivo a súa fidelidade ao cabezallo lugués renovando subscrición no número 40 (5 de xullo de 1890). E dicimos que mantivo a súa fidelidade porque, polo que se deduce, non sempre recibía puntualmente os exemplares. Con efecto, no número 47 (23 de agosto de 1890), a Administración do semanario indicáballe, revelando a causa desa non recepción: “Remitíronsell’os númaros que pidiu... As malas mañas d’os tempos de Mansi inda pasan pol-os arcos d’o novo Direutor de correos”.

RELACIONAMENTO CON XORNAIS DE VIVEIRO


Como era costume na época entre os xornais con afinidades ideolóxicas e/ou xeográficas, A Monteira estableceu desde o seu terceiro número (19 de outubro de 1889) intercambio con El Eco de Vivero, periódico fundado o 29 de xullo de 1888 por Teodoro Botino.


Ese intercambio deu paso, en ocasións, á mención, á glosa e mesmo á reprodución parcial de traballos ou novas aparecidas no semanario viveirés. Así, no seu número 17 (25 de xaneiro de 1890), o semanario lugués incluía na súa sección “De todo un poco” o seguinte solto:

Según nos conta El Eco de Vivero, os concexales d’aquel Auntamento soilo asisten todos, ôs autos oficiales para que son chamados, o día d’a Candelaria.
Y-a razón é valente qu’arde.
Nin mais nin menos que por coller unha vela.
Ó fin con pouco se contentan.
E teñen razón, afellas,
Non meterse mais que donde
Lles dan vela”.


No número 24 (15 de marzo de 1890), A Monteira agradece os eloxios que lle tributa El Eco de Vivero con motivo da publicación por parte do semanario lugués dun número extraordinario (nº 22, 1 de marzo de 1890) dedicado á figura de Alfredo Brañas, líder da corrente rexionalista católico-conservadora coa que ambos cabezallos de imprensa simpatizan.


Algunhas semanas máis tarde (nº 33, 17 de maio de 1890), o semanario fundado por Amador Montenegro e Manuel Pardo apostila do seguinte xeito, novamente na sección “De todo un poco”, uns protestos de El Eco de Vivero:

El Eco de Vivero quéixase porque n-aquel macelo as reses que se matan pró consumo d’o pobo, non son reconocidas nin siquera por un curandeiro.
Pois escusa de queixarse
O colega de Viveiro.
En Lugo ô veterinario
Non lle dan maldito creto,
E si despois qu’o ensamina
Di que está mal un tenreiro,
O Alcalde diz: “está bon”
Mátas’e todos comemos
¿E si todos reventamos?
¡Home, quen se fixa n-eso!”.

Cando apareza no escenario xornalístico viveirés o cabezallo El Vivariense, o día 8 de xuño de 1890, o semanario lugués que nos ocupa acusará recepción unha semana despois (nº 37, 14 de xuño).

NOVAS E COMENTARIOS RELACIONADOS CON VIVEIRO

Tamén relacionados con Viveiro, como dixemos, aparecen en A Monteira certos comentarios ou glosas.


Así, o saúdo que A Monteira envía no seu décimo número (7 de decembro de 1889) aos responsábeis do semanario El Eco de Galicia, de La Habana, órgano do Centro Galego desa capital, asinalando o entusiasmo e patriotismo dos emigrados “n-a suscrición aberta pra levantar unha estatua en Viveiro ô inmortal Pastor Díaz”.


Tamén relativo a ese cabezallo da emigración galega en Cuba é a glosa do seu contido incluída no número 45 (9 de agosto de 1890), en que se fai mención á presenza dun traballo “Desde Cervo (Vivero)”, asinado polo correspondente (¿quen?) de El Eco de Galicia na localidade.


No número 22 (22 de febreiro de 1890), os redactores de A Monteira búrlanse, en fin, dun artigo do diario herculino La Voz de Galicia polo feito de dar como dato sobre a populación de Viveiro nesa altura a un tanto desorbitada cifra de 13.000 habitantes...

DOUS POEMAS DE GARCÍA DÓRIGA


Por último, o escritor Alfredo García Dóriga (1849-1911) está presente na colección de A Monteira con dous poemas en galego, intitulados “As dúas pernas”, que apareceu no número 5 (2 de novembro de 1889), e “A Virxen d’os Doores”, que o fixo no número 26 (29 de marzo de 1890), respectivamente. Ningún figura no volume póstumo ¡Fuego del alma...! (1911).

O primeiro deles, asinado en outubro de 1889, di así:

AS DÚAS PERNAS

I

Despois de vinte anos longos
Volvin eu pra miña terra;
y-alcontreime c’un langrán
n-a porta d-unha taberna
- Con que volves á Galicia?...
díxome
- Si, volvo,
- ¡Leria!
Porque vés?
-Morreu meu pai
e veño por unha herencia.
Comeuch’a cúrea
- Que dices?
-¡Vaiche bóa!... Taberneira
vote un neto
- Votem’outro
pra que andemos en dúas pernas.

II
..........................

Sonche cousas que che fan
Os homes cando lles peta,
- Que leven así meus cartos!...
- Queridiño!... ¡Quen poidera
comer bés d’outros, pois sábenche
á mel, natiña e manteiga! 
- Que tal anda acó a xusticia?
- Como sempre... Taberneira
Vote un neto...
- Votem’outro
pra qu’andemos en dúas pernas.

III.

- Ti un Río dos Foles bebes
Como estades n’esta terra
De moral?...
- ¡Vaya, home, vaya!
Ti falas de cousas vellas!... 

- E de relixión?
- Os homes
Recórdanche só na eirexa. 

- Y-o meu pobo?
- Está xa cheo
de lampantís e de meigas.
Nin cabe unha agulla mais! 

Y-a libertá?
- Deixa, deixa,
que estás tolo... Taberneira
Vote un neto...
- Votem’outro
pra que andemos en dúas pernas.

IV.

-Bebe viño
- Bebe mais...
¡Que ollos tes!
- ¡E ti que orellas!
-Non cayas home...
- Non cayo…
-¡Canto falas!
- ¡Canto berras!... 
-Vote un neto... votem’outro...

- Non vote mais, taberneira, 
que querendo andar en dúas,
andamos xa en catro pernas!!...


Polo que di ao poema “A Virxen d’os Doores”, asinado polo seu autor en Viveiro, en1890, di así:


A VIRXEN D’OS DOORES

                          I.

N-a cárcel d’a vila, d’a noite sin lúa,
soliña no mundo, mirando pr’o ceo,
con frebe de morte... ¡Ay, Virxen amante!
¡Que triste te vexo!...
cal fillas postreiras
d’outono marelo,
cal frores que nascen
n-a neve do inverno,
as túas espranzas
levounas o vento!...
¿Quen chanta nos doores
os cravos de ferro?....
¿Quen fixo as feridas
que tes no teu peito?...

                       II.

Con ollos chorosos,
sin forza d’alento,
con cinza na y-alma
e con fel n-os beizos,
con bágoas de sangue,
con cravos d’aceiro,
que fenden’o coiro,
tamén eu me vexo!
Xemidos de morte
salindo d’o seo,
esprito engurrado
cramores no vento
é fogo de frebe
tamén eu che teño!...
¡Teu fillo cadavre!...
¡Morreu n-un madeiro!...
¡Ay nai!... ¡Nai querida!...
¡Choremos!... ¡Choremos!

     III.

N-a terra houbo un pobo
d’espiñas cuberto,
ferido n-a testa,
escravo é sanguento,
con cord’o pescozo,
de farrapos cheo,
que quixo ser libre,

mais libre qu’o vento.
- ¡Xusticia!... ¡Xusticia!
cramaba en deserto...
Morreu teu filliño
por darlle sosego.
Mais hoxe aquel pobo,
n-a veira do inferno,
¡ay!... xa non rercorda
nin choros nin berros!...
¡E tu tan soliña
mirando pr’o ceo!...
¡Ay nai!... ¡Nai d’a y-alma!...
¡Que triste te vexo!
¡Ay, Virxen d‘os Doores!
¡Choremos!…¡Choremos!”