eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Academia Galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Academia Galega. Amosar todas as publicacións

martes, 14 de abril de 2020

DON RICARDO CARVALHO CALERO

D. Ricardo Carvalho Calero conversando comigo na Praza de Mazarelos, en 1986 (Foto de Isabel G. Avión)
Referencias para se achegar ao talento creativo, ao maxisterio intelectual, á figura cívica e ao perfil humano de Don Ricardo Carvalho Calero

Arredor do vindeiro 17 de maio de 2020 teremos oportunidade de festexar e render xustísima homenaxe á figura do sabio ferrolán Ricardo Carvalho Calero (30.X.1910-25.III.1990). 
Abonda unha simple enumeración das facetas que desenvolveu ao longo da súa traxectoria para decatarse da relevancia que lle corresponde e da valía e magnitude do seus variados esforzos e contribucións: poeta, dramaturgo, narrador, colaborador de prensa, brillante alumno da Universidade compostelá, activo socio do Seminario de Estudos Galegos, militante galeguista, miliciano e tenente no exército republicano, preso político no cárcere de Jaén ao acabar a guerra, profesor case clandestino de academias e pasantías no seu Ferrol natal durante a inmediata posguerra e logo no Colexio Fingoi de Lugo, docente no instituto “Rosalía de Castro”, primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega na Universidade compostelá a partir de 1972, gramático, numerario da RAG, teórico e activista do reintegracionismo, membro de honra da AELG e da AGAL, socio da Academia de Ciéncias de Lisboa, medalla “Castelao” en 1984, Fillo Predilecto de Ferrol (1990)...

Foi a súa, en palabras da súa filla Mª Victoria, “umha vida densa e austera, dedicada a trabalhar por Galiza e pola sua cultura”. Fernán-Vello e Pillado Mayor esencializaron o seu perfil asegurando que foi “un home de lúcida palabra, afirmada galeguidade e livre espírito” que soubo manter decote, ademais, “a sua voz insobornável e crítica, radical e elegante, esperanzada e persistente”.

No desexo de contribuírmos ao coñecemento da súa variada obra e co ánimo de axudarmos a se orientar na xa nutrida produción bibliográfica que o seu quefacer xerou ata o momento, ofrecemos a seguir este monllo de referencias brevemente comentadas, a xeito de convite a mergullarse durante os días que veñen nelas. Poderemos así levar ás aulas (e ás rúas) toda a riqueza que atesouran convertida en actividades didácticas, culturais e/ou lúdicas, á procura sobre todo desas xeracións máis novas que necesitan beber nas fontes limpas da nosa tradición máis honesta e universal, a que Carvalho Calero tan ben encarnou en vida e que simbolizará xa para todo o sempre.

Produción poética

Don Ricardo, que deixou dito que “o máis íntimo da miña personalidade está reflexado na poesía”, comezou a súa traxectoria lírica na pre-guerra, con dous poemarios en castelán - o modernista Trinitarias (Imprenta de ‘El Correo Gallego’, 1928) e o juanrramoniano e lorquiano La soledad confusa (Ed. Nós, 1932) -, e outros dous en galego: Vieiros (1931) e O silenzo axionllado (1934). Estes últimos, saídos do prelo de Ánxel Casal, teñen diverso xorne: mentres o primeiro permanece ancorado aínda no simbolismo e no influxo de Rubén Darío, o segundo, acollendo ecos neopopularistas, neotrobadorescos e imaxinistas, representa unha contribución importante para a consolidación das novas correntes estéticas que bebían máis ou menos directamente da sensibilidade das vangardas (sobre todo do creacionismo e algo tamén do surrealismo), aínda que sen chegar a asumir todas as súas audacias.

Tense sinalado que, desde moi cedo, a poesía de Carvalho articulouse nun triplo eixo temático: o transcendente (poemas de corte filosófico e relixioso), o erótico-amoroso e o cultural e/ou clasicista (poemas de referencias míticas, bíblicas, históricas e artísticas). Tamén se ten subliñado o ton cerebral, meditativo, racional de moitos dos seus poemas, en oposición á poesía “apaixonada”. El propio afirmou que “a poesia para min non é outra cousa que catarse, non é un fin en si mesmo: é unha maneira de expresar esa trascendéncia, unha maneira de purificar-se, de purgar as angústias, as preocupazóns do home”. Formalmente, foi un versificador versátil, que apostou unhas veces polo rigor métrico e outras, en troca, polo versolibrismo.

En 1993, Claudio Rodríguez Fer ofreceu no volume Poesía perdida (Eds. do Castro, Serie Documentos, núm. 101) o conxunto da poesía en español escrita por D. Ricardo e agrupada e organizada polo propio profesor en cinco libros, titulados respectivamente Versos para olvidar (con versos escritos entre 1925 e 1930, bastantes dos cales apareceran no libro Trinitarias), Versos para romper (composicións elaboradas entre 1929 e 1944, algunhas das cales fixeron parte do xa citado La soledad confusa), Romancero de apócrifos y canónicos (conxunto de 31 romances escritos entre 1930 e 1941 e protagonizados por figuras bíblicas), Teoría de Eva (conxunto de cen sonetos de fasquía modernista dedicados a diversos protótipos femininos, que foi composto entre 1939 e 1941 no cárcere xienense) e, por último, Avena loca (54 textos poéticos escritos entre 1945 e 1947).

Na posguerra, Carvalho Calero fixo a súa contribución para a resurrección poética do galego en plena ditadura franquista, nutrindo cos seus versos varias das tendencias que daquela se manifestaron (culturalista, intimista, existencial…), mais non a “comprometida”, que el propio refugaba en liñas xerais pola moitas veces manifesta desidia desa corrente á hora de atender os aspectos formais e retóricos e polo frecuente esquematismo maniqueo con que presentaba a complexidade dos feitos e condutas sociais. Coas súas palabras: “Un poema pode ser bo ou mao independentemente de que o seu contido ético sexa xusto ou inxusto… O absurdo é crer que abonda con escoller eses temas para facer un bo poema e que o volume do berro ideolóxico suple a altura do ton poético”. Non admira, por iso mesmo, que gabase moito máis nos seus comentarios críticos a produción coeva dun Cunqueiro ou dun Díaz Castro que a poesía combativa dos poetas socialrealistas.

Libros de Don Ricardo contribuíron para as pioneiras coleccións “Benito Soto” de Pontevedra (Anxo de terra, 1950) e “Xistral” de Lugo (Poemas pendurados dun cabelo, 1952), así como para a colección poética “Salnés” da editorial Galaxia (Salterio de Fingoy, 1961, núm. 2). A vertente metafísica, filosófica e existencial é a dominante neles, con continuas referencias a motivos como a finitude humana, a loita entre materia e espírito, a procura de Deus, etc. O seu autor sitúase así preto da chamada “Escola da Tebra”, aínda que con notas moi singulares.

Case todo este ciclo poético en galego de preguerra e posguerra reuniuno o propio autor no volume Pretérito imperfecto (1927-1961), publicado polas Eds. do Castro en 1980, con revisión lingüística e ortográfica da súa propia man. Dous anos despois, Carvalho abría un novo ciclo co volume Futuro condicional (1961-1980), tamén publicado por Eds. do Castro (1982), no que recompilou, ao lado de abundante poesía inédita, algúns dispersos en publicacións periódicas.
No terceiro e derradeiro ciclo da súa traxectoria poética, Carvalho Calero acentuou a madurez expresiva e a intensidade emotiva, que se tinxiu claramente de notas melancólicas e estoicas. Se Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985) (AGAL, 1986) pode lerse como un libro organizado en tres grandes tipos de composicións (as que tratan das relacións humanas e amorosas, enunciadas por voces femininas; as que amosan un certo transfundo histórico, non exento de toques escépticos, e, finalmente, as que se debruzan sobre as eternas cuestións existenciais – o amor, a morte, o correr do tempo, a felicidade imposíbel…-), Reticências… (1986-1989) (Ed. Sotelo Blanco, col. Vento que zoa, 1990), de publicación xa póstuma, traduce con sinceridade conmovedora, axustándose frecuentemente á ríxida estrutura do soneto, os derradeiros latexos do corazón de D. Ricardo no solpor da súa vida.

En 1992, Pilar Pallarés preparou e publicou na Colección Esquío a escolma Fillo de Eva (88 poemas de Ricardo Carvalho Calero), cun limiar no que se ofrecen incisivas e moi lúcidas análises e perspectivas sobre a poesía do ferrolán.

Produción narrativa

Dúas son as novelas relevantes que escribiu Carvalho Calero. Por unha banda, A gente da Barreira, que coñeceu diversas edicións desde que se fixo merecedora do premio convocado en 1949 pola editora “Bibliófilos Gallegos”1, inaugurando a narrativa galega de posguerra. Continuadora das mellores esencias estilísticas da prosa do “Grupo Nós”, nomeadamente Castelao e Otero Pedraio, a novela amosa con enfoque realista unha concatenación de capítulos con entidade propia, ambientados na Galiza rural de finais do s. XIX e primeiras décadas do s. XX, poboada por tres xeracións sucesivas de fidalgos e campesiños, señores (morgados ou segundóns) e criados. Como resume Araceli Figueroa, trátase dunha “novela-fresco, mais en miniatura”, que recolle “o momento histórico, social e político dunha sociedade, reflectido a través dos retratos dunha familia”.

Por outra, a tecnicamente prodixiosa Scórpio, merecedora no seu día do Premio da Crítica (1987)2. Este romance caleidoscópico encerra numerosos elementos autobiográficos, pois o personaxe protagonista, “Rafael Martínez Pinheiro”, vive unha peripecia na Galiza e na España das primeiras décadas do século XX que presenta numerosas coincidencias coa que o propio Carvalho Calero desenvolveu, se ben é certo que o final tráxico do personaxe ficcional durante un bombardeo en Barcelona en 1938 non casa coa biografía do escritor.

A maiores, Carvalho tamén escribiu varios relatos breves, algúns deles dados a coñecer inicialmente na revista Grial. En 1984 as Ediciós do Castro reuniron baixo o título de Narrativa completa a súa novela A gente da Barreira e os relatos “Os señores da Pena”, “O lar de Clara”, “As pitas baixo a chuvia”, “Os tumbos”, “A cegoña” e “Aos amores seródios”.
“Os señores da Pena” e “O lar de Clara” son dúas novelas breves cun motivo temático común á propia A gente da Barreira: o da decadencia de dúas familias galegas, rural e fidalga unha, urbana e negociante, outra. Tense sinalado o que de autobiografismo pode haber na segunda delas, ambientada nunha cidade con mar (Ferrol?) e protagonizada por un home que semella responder en varios aspectos á figura do propio pai de D. Ricardo.

Tamén se predica este trazo para o relato “As pitas baixo a choiva”, do que hai unha edición relativamente recente, 2008, da man da casa editora ferrolá Embora, con ilustracións de Alberto Toval. A acción (unha anécdota de infancia arredor dunhas galiñas) ambiéntase en Serantes, onde a familia de Don Ricardo pasaba os veráns cando el era neno. O mesmo pode dicirse de “Os tumbos”, que tamén nos transporta á época dos veráns infantís do autor en Serantes e que ten como protagonista unha criada que aguza o seu enxeño para, cunha estrataxema en que intervén o medo e o misterio, tentar precipitar o regreso da familia veraneante á cidade, pois nela atopábase o noivo a quen aquela botaba moito de menos. Pola súa vez, “Aos amores serodios” aborda o mesmo motivo temático que a peza teatral Os vellos non deben de namorarse, mais expón unha tese antitética á do título ideado por Castelao. Por último, o relato “A cegoña” literaturiza unha anécdota que Carvalho lle escoitou contar na mocidade a unha muller que lle daba clases de alemán.
Produción dramática

Tamén se manifestou o talento creativo de Carvalho Calero no campo dramático e teatral, ao que dedicou esforzos na faceta propiamente autorial, como crítico, na animación de diversas experiencias no Colexio Fingoi de Lugo e como colaborador entusiasta dos Cadernos editados pola Escola Dramática Galega.

En 1971 a editorial Galaxia publicou o volume Catro pezas: A sombra de Orfeo. Farsa das zocas. A arbre. Auto do prisioneiro. Once anos despois, o autor xuntaba novamente esas catro obras e aínda outras tantas inéditas (O fillo, Isabel, O redondel, Os xefes) para ofrecer, da man das Eds. do Castro, o seu Teatro completo.

O fillo, escrita por D. Ricardo cando apenas contaba 23 anos coa intención (frustrada) de a publicar no boletín Nós e premiada máis tarde, xa na posguerra (1947), nun certame teatral promovido pola colonia galega bonaerense, está protagonizada por unha muller que tenta conciliar os dous arquetipos contraditorios de virxe e mai, nunha loita de instintos que a súa criada soubo non obstante fundir harmoniosamente.

Isabel está protagonizada por un home viúvo, Mario, que recupera en forma de pura ensoñación a súa muller morta.

A sombra de Orfeo xira arredor da figura dun músico talentoso e de grande atractivo, Rafael, que, non obstante, refuga as pretensións amorosas que lle formulan seis mulleres de diversa personalidade para se consagrar por enteiro á súa vocación artística.

A Farsa das zocas está inspirada nun relato popular recollido en terras de San Sadurniño por unha alumna de Carvalho no Colexio Fingoi, Esperanza Carnero Dopico, e amosa un tratamento guiñolesco e caricaturesco dun sucedido que involucra a unha muller defunta de quen intentaron aproveitarse malevolamente o seu marido e a súa cuñada.

Na peza A arbre, Carvalho Calero revisita de xeito abstracto e simbólico o relato bíblico da expulsión do Paraíso para presentar o amor como causa esencial da infelicidade humana. A peza O redondel adapta nun acto o drama O círculo de xiz, do escritor chinés Li Hsing-Tao, inspirado na coñecida historia do rei Salomón e dúas nais que se disputaban un fillo. Foi composta por Carvalho Calero para representar polo alumnado do Colexio Fingoi, baixo a súa propia dirección.

O Auto do prisioneiro é a máis expresionista e existencial das súas pezas, que algúns consideran mesmo algo kafkiana, e nela Don Ricardo tentou, en palabras súas, “refletir numha forma moderna, poética e incisiva, a angústia do home engaiolado na sua finitude, mas com umha fáustica sede de além”. O protagonista, un prisioneiro que non carece de nada na súa cela, interrógase sobre a existencia ou non do director da cadea, que disque é seu propio pai, a quen nunca viu.

Por último, Os xefes ambiéntase nunha guerra para subliñar esquematicamente, con estratexias en que o paralelismo escénico e actancial é moi destacado, o que de semellanza de fondo hai en idearios aparentemente contrapostos e incompatíbeis. Esas semellanzas resúmeas o propio Carvalho alundindo á “escravitude dos chefes com relaçom ás massas e o da manipulaçom das massas polos chefes”. Desa maneira, engade, “escuitamos as mesmas soflamas, contemplamos as mesmas atitudes, observamos as mesmas convençons, estimamos os mesmos valores” nos dous bandos, aínda que traben unha guerra tan feroz como inútil, pois ao final os líderes dos dous exércitos amañan un pacto.

Produción ensaística e investigadora

O campo en que a figura intelectual de Carvalho Calero brilla con forza especial é, sen dúbida, o da produción ensaística e investigadora.

Como filólogo e como gramático, convén sinalar a importancia divulgativa da súa Gramática elemental del gallego común3 (que, en palabras de Montero Santalha, “foi na cultura galega um acontecemento de enorme transcendência”, con nada menos que sete edicións consecutivas) e mais o relevante papel que desempeñou no seo da Real Academia Galega, tanto en 1971 como en 1979, na conformación dunhas Normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega, antes de que a exacerbación de posicións conducise a un conflito feroz entre “reintegracionistas” (lusistas) e “isolacionistas” (antilusistas), con “caza de bruxas” incluída, que aínda hoxe non demos superado coa suficiente madurez.

Como sociolingüista, o seu contributo lúcido e honesto para a análise histórica do proceso de substitución idiomática que vén padecendo a nosa sociedade e para o deseño de políticas normalizadoras, que se concretou en forma de numerosos artigos, relatorios, conferencias, etc., reúnese esencialmente en catro volumes: Problemas da língua galega (Sá da Costa Editora, Lisboa, 1981), Da fala e da escrita (Galiza Editora, 1983), a primeira parte de Letras Galegas (AGAL, 1984) e Do galego e da Galiza (Ed. Sotelo Blanco, 1990). Tamén ofrece unha escolma dos seus textos sobre a questione della lengua o libro Ensaio sociolingüístico. Antoloxía (1997), preparado por Gonzalo Constenla para a Historia da Literatura editada en fascículos pola AS-PG e A Nosa Terra.

O Carvalho Calero historiador e crítico literario ofreceu dúas monografías imprescindíbeis: Aportaciones a la literatura gallega contemporánea (Ed. Gredos, Col. Biblioteca Románica Hispánica. II, Estudios y ensayos, núm. 25, 1955), en que plasmou o esencial da súa tese de doutoramento, e a impar e monumental, en todos os sentidos, Historia da literatura galega contemporánea (1808-1936) (Ed. Galaxia, 1ª ed., 1963, 3ª ed. 1981), que, entre outros moitos méritos, deixou definitivamente asente o criterio idiomático para delimitar o corpus da nosa literatura, fronte a calquera tentación asimilista ou subsidiarizante.

De idéntica índole, a xeito de amplificación ou complemento desa Historia…, son os volumes Libros e autores galegos: dos trovadores a Valle Inclán (Fundación Barrié de la Maza / Real Academia Galega, colección Galicia Viva, núm. 1, 1979) e Libros e autores galegos. Século XX (Fundación Barrié de la Maza, colección Galicia Viva, núm. 2, 1982), que D. Ricardo preparou coa axuda de Lydia Fontoira. Mais a achega de Carvalho no campo dos estudos literarios non ficou niso, pois con posterioridade xuntou moitos dos artigos, comentarios e recensións que puntualmente confeccionou sobre obras e figuras da nosa literatura de todas as épocas (medieval, Séculos Escuros, Rexurdimento, contemporaneidade…) en volumes como Letras Galegas (AGAL, 1984) e mais Estudos e ensaios sobre literatura galega (Eds. do Castro, 1989).

No ano 2000, co gallo do décimo aniversario do pasamento de Don Ricardo, Laura Tato editou o volume Escritos sobre teatro (Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor- Universidade da Coruña, núm. 11), unha colectánea de 32 textos, ordenados cronoloxicamente, en que o ferrolán se ocupa de historiar, comentar e analizar obras e autores moi emblemáticos do teatro de noso.

Don Ricardo dedicouse, ademais, a un estudo particularizado dalgúns autores, con volumes como Sete poetas: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Manuel Curros Enríquez, Antonio Noriega Varela, Ramón Cabanillas, Luís Amado Carballo, Manuel Antonio (Ed. Galaxia, 1955).

Ben coñecida a súa rendida admiración polo poeta cambadés Ramón Cabanillas (prologaría, de feito, as súas Obras Completas) e polo escritor ourensán Otero Pedraio, de quen tomou, por exemplo, o nome dun dos personaxes oterianos máis destacados, “Martiño Dumbría”, para asinar traballos na revista Grial. O autor de Arredor de si foi, non por acaso, quen pronunciou o discurso de acollida o día do seu ingreso na Real Academia Galega, o 17 de maio de 1958.

Tamén destaca, nesta mesma perspectiva, a atención emprestada polo profesor a Castelao (con numerosos traballos finalmente recollidos no volume Escritos sobre Castelao, Ed. Sotelo Blanco, 1989 e a preparación dunha Antología bilingüe do rianxeiro), a Eduardo Pondal (coa edición anotada de Versos iñorados ou esquecidos de Eduardo Pondal, Ed. Galaxia, 1961) e a Rosalía de Castro. Á cantora do Sar dedicou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega (Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, Eds. Celta, Lugo, 1959), o volume Estudos rosalianos: aspectos da vida e da obra de Rosalía de Castro (Ed. Galaxia, 1979) e edicións críticas dos Cantares Gallegos, de Follas Novas e de En las orillas del Sar para editoras hispanas como Anaya e Cátedra.

O afán divulgativo e a necesaria posta en circulación de materiais de primeira man para o estudo do noso feito literario levárono a preparar breviarios, antoloxías e escolmas moi diversas, entre as que podemos citar Breviario antológico de la literatura gallega contemporánea (Real Academia Galega, 1966); Prosa galega I: Desde os primeiros oitocentistas ao grupo Nós (Ed. Galaxia, 1976), Prosa galega II: Dos novecentistas aos nosos días (Ed. Galaxia, 1978) e Prosa galega III: Da época trobadoresca ao neoclasicismo (Ed. Galaxia, 1980); Teatro Nós (Follas Novas, 1979); Cantigas de amor, de escarnio e de louvor do rei Afonso X o Sabio (1983), en colaboración con Carme García Rodríguez; etc.

Conferencias, prólogos (a libros como Gárgolas, de Tomás Barros e Do sulco, de Xohana Torres); discursos, presidencias en diversos congresos e xornadas, orientación de numerosas teses de licenciatura e/ou doutoramento (as de Teresa Otero Sande, Camino Noia, Aurora Marco, Lydia Fontoira, Domingo Blanco, Carlos Casares, Carmen García, Araceli Herrero, Antón Figueroa, Xoán Verdini, Rita Peinado, Sergio Feijoo, Pilar Lorenzo, Mª José Sierra, Carmen San León, Anxo G. Guerra, Manuel Ferreiro, Xosé R. Pena, Méndez Ferrín, Xosé Mª Dobarro…) e un longo etcétera de actividades de índole semellante balizaron o seu labor científico.

En 2010, Pilar García Negro deu ao prelo o libro Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación (Eds. Laiovento, col. Ensaio, núm. 268). Trátase dunha recompilación, a xeito de antoloxía disposta cronoloxicamente, de case medio cento de traballos de investigación, ensaios e artigos do sabio ferrolán que a autora considerou, co rigor e bo facer intelectual que a caracteriza, como máis relevante e mesmo “actual” (no sentido interpelativo da palabra) entre a súa produción.

Produción xornalística e publicística

Desde mozo, ademais de ofrecer no Centro Obrero de Cultura ferrolán a conferencia “En torno a las ideas comunistas de Platón” (1929), de pronunciar o discurso inaugural do curso 1930-31 na Universidade compostelá e de axudar a redactar, con Lois Tobío e Alexandre Bóveda, un “Anteproxecto” estatuario galego (1931), Carvalho Calero compuxo traballos literarios, recensións de libros e artigos xornalísticos que viron lume en revistas como Vida Gallega, A Nosa Terra, o boletín Nós, etc. Unha parte deles reuniunos no volume La fuerza pública en la Universidad de Santiago y otros escritos escolares (1930-1933) (Eds. Do Castro, Serie Documentos, núm. 33, 1987).

Foi o propio Carvalho Calero, pouco antes de morrer, quen seleccionou, ordenou cronoloxicamente, revisou e elixiu o título común para os 101 textos que conforman o volume Umha voz na Galiza. Artigos de jornal (1933-1989) (Ed. Sotelo Blanco, col. Estudos e Investigacións, 1992). Trátase, en palabras da prologuista Carmen Blanco, dunha “obra miscelánea na que se recollen artigos de prensa que xiran en torno aos temas políticos, lingüísticos, literarios e culturais en xeral” e que deixan claramente testemuñada “esa actividade intelectual ininterrompida a favor dun ideal nacionalista que, con distintas modulacións, mantivo sempre”. Foron cabeceiras como El Pueblo Gallego, Galicia (Diario de Vigo), La Voz de Galicia, El Correo Gallego, La Región e A Nosa Terra, basicamente, as que acolleron no seu día esa produción xornalística do polígrafo ferrolán. Co pseudónimo de “Fernando Cadaval” asinou tamén numerosos artigos no diario compostelán La Noche e no Faro de Vigo, neste último sobre todo na época en que o dirixiu Álvaro Cunqueiro.

Epistolarios  
Ata o momento son dúas as coleccións de cartas a ou de Carvalho Calero publicadas, con todo o que iso supón de valiosa ferramenta para o coñecemento da súa traxectoria e do seu perfil. Epistolario a Fernández del Riego (Ed. Galaxia, Col. Memoria, núm. 10, 2006), en edición de Dolores Vilavedra e Montserrat Pena, e Epistolario Ricardo Carballo Calero-Ramón Piñeiro (Historia dun libro) (Centro Ramón Piñeiro, Cadernos, núm. XXXIII, 2015), en edición de Luís Cochón, Luís Alonso Girgado, Xurxo Martínez González e Nuria Rouco Aneiros.

Libros de conversas

Cando estaba xa xubilado como profesor universitario, Don Ricardo aceptou colaborar a mediados dos anos 80 do pasado século en dous proxectos de índole semellante que deron como resultado outros tantos libros de conversas. Eses libros, dalgunha maneira, encerran no seu contido esas “memorias” que o sabio ferrolán non chegou a confeccionar como tal. Referímonos ás Conversas en Compostela con Carballo Calero, de Miguel Anxo Fernán-Vello e Francisco Pillado Mayor (Ed. Sotelo Blanco, col. Realidades, 1986) e ás Conversas con Carballo Calero, de Carmen Blanco (Ed. Galaxia, col. Conversas, núm. 2, 1989).

Posteriormente, xa desaparecido o vello profesor, a propia Carmen Blanco entregou novas páxinas resultantes das súas conversas con el, co título de Carballo Calero: política e cultura (Eds. do Castro, Serie Documentos, núm. 81, 1991), que reúne semblanzas de numerosas personalidades, e Francisco Salinas Portugal fixo outro tanto no volume, Voz e siléncio. Entrevista con R. Carvalho Calero (Eds. do Cúmio, 1991), froito dun encontro verificado en 1989, pouco tempo antes do seu falecemento. O propio Salinas Portugal guionizaría, con base nesa entrevista, un vídeo sobre Carvalho Calero editado pola AS-PG e dirixido ao ensino non universitario.

As catro publicacións anotadas son valiosísimas, tanto polo volume de información biográfica e contextual que ofrecen como polo rigor con que se formulan nelas as cuestións que dan pé ao repaso autobiográfico que dese xeito realiza Carvalho Calero, como, en fin, polo que representan de implícita homenaxe e recoñecemento en vida a unha figura que xa nesa altura padecía notorias marxinacións e abertas hostilidades, basicamente (aínda que non só) por mor da súa posición reintegracionistas no debate sobre a normativización da lingua.

Actas, revistas, estudos e monografías sobre el

Ao pouco tempo de se xubilar como catedrático universitario (outubro de 1980) e cando xa comezaban a ser notorias para el, en certos planos, as consecuencias negativas da súa aposta sobre as orientacións normativas que debía adoptar o idioma, Carvalho Calero recebeu unha homenaxe pública en Ferrol organizada pola sociedade cultural “Medulio”. O ciclo de conferencias e actividades que entón se desenvolveron deron orixe ao opúsculo Cadernos do Medulio. Homenaxe a Carballo Calero (Ferrol, 1982).

Algún tempo despois tamén O Ensino: revista galaicoportuguesa de sociopedagogia e sociolingüística tributou nas súas páxinas unha Homenagem ao Professor Carvalho Calero (núms. 18-22, 1987) e o propio fixeron, xa morto o profesor, a revista Agália (In memoriam Prof. Carvalho Calero, núm. 21, primavera de 1990), a revista da lusofonía Nós (Actas do I Congresso Internacional de Literaturas Lusófonas. En homenagem a Rodrigues Lapa, Celso Cunha e Carvalho Calero, núms. 19-28, 1990/1991) e a Associaçom Galega da Língua-AGAL (Actas do III Congresso Internacional da Língua Galego-portuguesa na Galiza. Em homenagem ao Professor Carvalho Calero, 1992).

Grande repercusión tivo a revista monográfica Ricardo Carvalho Calero. A razón da esperanza, das Edicións A Nosa Terra (col. A Nosa Cultura, núm. 13, 1991), con colaboracións de numerosos especialistas que ofreceron un poliédrico achegamento á súa figura: Fernán-Vello, Carme Blanco, Claudio R. Fer, Fernández del Riego, Francisco Rodríguez, Ramom L. Suevos, Montero Santalha, Henríquez Salido, Pilar García Negro, Domingos Prieto, Francisco Salinas, Elvira Souto, Martínez Pereiro, Araceli Herrera e Aurora Marco.

A propia Aurora Marco non tardaría en ofrecer ao público o seu ensaio Foula e ronsel. Os anos xuvenís de Carvalho Calero (1910-1941) (1992), repleto de información con apoiatura documental e recompensado co 6º premio Ánxel Fole da Fundación Caixa Galicia e o xornal lugués El Progreso. Pola súa vez, Elvira Souto ocupouse de analizar a fondo a novela Scórpio en Viagens na literatura (1991) e de redixir diversos artigos e relatorios sobre os “exilios” padecidos polo profesor ferrolán e sobre a representación do feminino na súa poesía.

José-Martinho Montero Santalha é autor da monografía Carvalho Calero e a sua obra (Eds. Laiovento, col. Ensaio, núm. 21, 1993), probabelmente a achega individual máis completa que se teña feito á personalidade de quen o propio autor define como “umha das grandes figuras da história da cultura galega”. Está dividida en catro grandes apartados: “A Vida”, “A Obra”, “Esboço de Caracterizaçom” e “Bibliografia anotada”. Anúnciase para 2020 a oportuna reedición deste traballo, capaz de satisfacer por si só a afán de achegamento a todas as vertentes carvalhianas.

Outra discípula directa do profesor Carvalho, Araceli Herrero Figueroa, dedicou varios ensaios á súa obra, que aparecerán recollidos en 1994 no volume Sobre Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro e Carballo Calero (Eds. do Castro). Entre todos eles, sen menosprezo do valor dos demais, debemos destacar por vivencial o titulado “O Teatro Fingoi, unha experiencia pedagóxica na história da dramatúrxia galega”.

Na Historia da Literatura editada en fascículos pola AS-PG e A Nosa Terra entre 1996-1997, Carvalho Calero é obxecto da atención de Sindo Villamayor nas páxinas 1032-1056, correspondentes ao fascículo 33. Alén diso, algúns textos do ferrolán, como as novelas A gente da Barreira e Scórpio, fixeron parte dos volumes literarios que acompañaron oportunamente as entregas desa Historia.

De Pilar Pallarés e Laura Tato é o caderno didáctico Ricardo Carvalho Calero: a dignidade persoal (Concello de Ferrol, 1994), material de intencionalidade divulgativa sobre a figura do sabio ferrolán á que tamén responderon posteriormente publicacións como Conhecermos Carvalho Calero. Umha vida polo galego e a Galiza (Fundaçom Artábria, Ferrol, 2000) e Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo. 1910-2010. Imaxe de cen anos (Concello de Ferrol, 2010).

No ámbito institucional merecen citarse os grosos dous tomos de Estudos dedicados a Ricardo Carvalho Calero preparados polo seu discípulo e catedrático de Lingua Portuguesa da USC José Luís Rodríguez e publicados no ano 2000 pola propia Universidade citada e polo Parlamento de Galiza. Como é ben sabido, esta última institución custodia na súa Biblioteca boa parte do legado documental e bibliográfico do escritor ferrolán. Na parte especificamente dedicada á abordaxe da obra carvalhiana neses dous tomos destacan as achegas de Alonso Montero, Ernesta Basanta, Carmen Blanco (que dá a coñecer aquí o breve poemario O trebo das catro follas, datado en 1944 e que o propio Carvalho deixou inédito), Concepción Delgado, Pedro Fernández Velho, Luís García Soto, Carlos Garrido, Mª do Carmo Henríquez, Araceli Herrero Figueroa, Basilio Losada, Mª Carmen Porrúa, Domingos Prieto, Henrique Rabunhal, Claudio Rodríguez Fer, José-Ramom Rodrigues e Darío Villanueva.

Tamén fornecen rigorosa e útil información sobre o profesor os relatorios recollidos nas Actas do Simposio Ricardo Carvalho Calero: memoria do século (2002), encontro organizado no ano 2000 polo Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña.

Para rematarmos esta aproximación, digamos que Manuel Castelao ofreceu en Elucidacións na Sombra (Eds. Laiovento, col. Ensaio, núm. 267, 2010) unha densa e pormenorizada aproximación analítica e interpretativa de dúas das pezas carvalhianas, A sombra de Orfeu e o Auto do prisioneiro, entanto Ramón Reimunde reconstruíu con pormenor os quefaceres e penalidades de D. Ricardo durante a súa estadía en Lugo na posguerra no volume Cautivério de Fingoi. Os anos lugueses (1950-1965) de D. Ricardo Carvalho Calero (Deputación Provincial de Lugo, 2010).

A decisión da Academia de dedicar, por fin!, o 17 de Maio a Don Ricardo ha de ser estímulo poderoso para que durante os meses vindeiros se publiquen felizmente novos traballos4 que nos axudarán, sen dúbida, a coñecermos e valorizarmos aínda máis a figura deste galego, dito sexa ao xeito brechtiano, dos imprescindíbeis.


[Texto escrito antes da pandemia do coronavirus e publicado no número 76 da Revista Galega de Educación, que edita Nova Escola Galega]

 

1Entre esas edicións sinalaremos a da propia Bibliófilos Gallegos, Santiago, 1951; a da libraría compostelá “Follas Novas”, en 1982; a de Eds. do Castro en 1984 no volume Narrativa completa; a de Eds. A Nosa Terra /AS-PG, col. A nosa Literatura, núm. 50, en 1997, ao cargo de Mª Pilar García Negro e, finalmente, a da “Biblioteca 120” do diario “La Voz de Galicia”, en 2002, que modifica non obstante o título converténdoo indebidamente en A xente na Barreira.

2Entre elas non deixaremos de citar a prínceps debida a Eds. Sotelo Blanco, colección Medusa, 1987 e as posteriores de 1989 (2ª) e 1993 (4ª), así como a preparada por Eds. A Nosa Terra/AS-PG en 1997.

3Ed. Galaxia, col. Manuales, núm. 3, 1ª ed., 1966, 2ª ed. 1968, 3ª ed. 1970, 4ª ed. 1974 e 5ª ed. 1976.
4Nota bene.- No instante de confeccionarmos estas liñas, temos noticia de que Xulio Pardo de Neyra vén de publicar da man das Edicións Embora ferrolás o libro Á sombra de María Silgar. Carvalho Calero contra a ‘historia única’ (xénese e análise d’ A xente da Barreira e Os señores da Pena) e de que esa mesma editora prepara, ademais, o volume Hei de entrar no meu povo. Reivindicarmos Carvalho Calero.

venres, 13 de novembro de 2015

Ramón Cabanillas, Cambados e O Mar da Arousa, de Francisco Fernández Rei


Intervención na presentación do libro RAMÓN CABANILLAS, CAMBADOS E O MAR DA AROUSA, DE FRANCISCO FERNÁNDEZ REI, que se celebrou no Auditorio da Xuventude de Cambados, o xoves 5 de novembro de 2015. 

1. Tería que remontarme ao inicio dos meus tempos universitarios en Compostela, alá polo 1986, para topar co primeiro recordo ou imaxe de Paco Fernández Rei (Cambados, 1952), a quen comecei a tratar moito antes mesmo de ser alumno seu, pois deuse a circunstancia de coincidirmos moi axiña na Xunta de Facultade de Filoloxía, cando a propia Facultade aínda estaba na Praza de Mazarelos, el en representación do profesorado e eu do alumnado, no meu caso facendo parte das candidaturas dos CAF (Comités Abertos de Facultade). Era decano daquela o hoxe presidente da Real Academia de la Lengua, vilalbés de nacemento para máis señas, e non custa moito adiviñar que na maior parte dos asuntos que naquel organismo se debatían era ben doado que coincidisen unha e outra vez os votos de Paco e os meus contra os do citado decano e futuro reitor, pois ambos formabamos parte dun ambiente loitador e esperanzado de traballo en chave nacionalista que se definía, resumidamente, por dous lemas: “Universidade galega e popular”, un, e “Pasou o tempo da rosa, chegou o da mimosa”, outro.

2. Ao chegar a 4º de carreira, na subsección de Galego-portugués dentro de Filoloxía Hispánica (aínda o galego non tiña titulación plena de seu nesa altura, como se pode ver), tocoume Paco como profesor de Lingüística Románica. Aínda conservo pola casa aqueles apuntamentos seus que había que recoller fotocopiados en Tórculo nos comezos do curso e que servían de completo manual para a preparación da materia, ficando dese xeito as clases liberadas da tarefa de explicar o básico e podendo así aventurarse na análise de textos e en reflexións e temáticas que ían alén con frecuencia, por expresa vontade de Paco, do estrito programa académico. Despois, Paco impartiume un dos meus cursos de doutoramento previos á elaboración da tese sobre Antón Villar Ponte e fixen para que o xulgase un traballo sobre a problemática da lingua corsa, que moito lle agradou: daquela, traballaba eu como substituto de Lingua Galega coa súa irmá Elisa no IES Xunqueira I de Pontevedra e era a persoa a quen substituía a cambadesa Engracia Vidal Estévez, unha das meniñas que, como conta Paco no libro que hoxe presentamos, participou o 9 de xaneiro de 1944 neste mesmo local da Xuventude na representación da Ofrenda das fadas no portal de Belén. Xa me diredes se a vida ás veces tece ben ou non os seus fíos verdadeiramente máxicos... 

3. Nese sentido, penso que collín a Paco como profesor nun momento especialmente interesante e frutífero da súa xa longa andaina docente, en que comezaba a arrombar os vellos esquemas adquiridos na abordaxe da filoloxía románica, virada tradicionalmente ao comparatismo interno “neutro” das linguas descendentes do latín (daquela tiñamos que estudar o provenzal medieval e o toscano, por exemplo), e se lanzaba a explorar, facendo pé nos traballos do corso Marcellesi, do croata Zarco Muljacic, etc. anovadoras perspectivas sociolingüísticas, menos preocupadas por comparar idiomas e máis por axudar a coñecer situacións de minorización e discriminación dos falantes das linguas non estatais e garantir a súa supervivencia e continuidade nun mundo globalizado que, non se esqueza, define con modos imperialistas e prepotentes case sempre as relacións entre pobos, tamén as lingüísticas. 

4. Tres son os froitos maduros desa viraxe metodolóxica e científica que acometeu Paco coincidindo cos anos finais dos meus estudos universitarios. 

O primeiro, o compromiso activo coas falas do “galego exterior” (o galego de entre o Eo e o Navia, o do Bierzo, o das Portelas zamoranas, o dos Tres Lugaris do cacereño Val do Xálima) e coas persoas e asociacións que, fronte a todas as hostilidades e incompresións imaxinábeis, levaron e seguen levando a cabo unha tarefa de conservación, promoción, reivindicación e protección desas falas nosas, coa mesma afouteza e valentía que os Villar Ponte en 1916 cando fundaron as Irmandades da Fala, xaora.

O segundo, a edición con Antón Santamarina do volume Estudios de Sociolingüística Románica. Linguas e variedades minorizadas, que foi publicado pola Universidade compostelá en 1999 e marcou un antes e un despois na disciplina, cando menos entre nós. E, en terceiro e último lugar, a participación de Paco, cun papel calado pero esencial, nas sucesivas edicións de cursos de galego do ILG para universitarios estranxeiros. Cada ano, axudado polos seus colaboradores/as, Paco fai que se mergullen na nosa lingua, cultura e literatura un grupiño de mozas e mozos das máis diversas latitudes, e o certo é que, sen apenas excepcións, convérteos para o sucesivo en entusiastas investigadores/as e tradutores/as do galego e en dignos e impagábeis embaixadores/as seus polo mundo, como se puxo de manifesto na presentación internacional do libro 55 mentiras sobre a lingua galega ou como sabemos ben os veciños e veciñas de Cambados que viñemos escoitar neste mesmo auditorio os poemas de Cabanillas traducidos ao xaponés por Takekazu Asaka, Takiño, ou ao ruso por Elena Zernova. 

4. Non pode admirar, neste sentido, que Paco teña sido, non xa o meirande especialista entre nós na dialectoloxía galega e na elaboración de atlas lingüísticos (véxanse, sen irmos máis lonxe, as súas “Notas lingüísticas sobre Fefiñáns-Cambados” que se recollen no volume que hoxe presentamos), senón tamén un firme defensor do idioma en todos cantos ámbitos lle tocou en sorte participar, nos que coincidín decote con el, por certo. Foino como socio da Mesa pola Normalización e das Redes Escarlata, éo en Prolingua e exerce constantemente, con toda a dignidade e coherencia esixíbeis, como numerario da Academia Galega, institución na que ingresou mediante un acto público celebrado en Cambados, precisamente, o 25 de setembro de 1999 co discurso titulado Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e o mar da Arousa. Dúas singraduras na construcción dun idioma para unha patria. Na Academia acompañou a Ferrín na directiva, en cualidade de secretario, ata a súbita demisión do autor de Retorno a Tagen Ata. Como o seu sucesor foi o profesor Alonso Montero e como os libreiros de Cambados lle outorgaron ao autor do Informe dramático naquel mesmo momento o premio honorífico Ramón Cabanillas, encomendándolle a Paco a “laudatio” correspondente, houbo certa curiosidade (ou morbo, se o preferides) nalgúns sectores por ver se ese enfrontamento no seo da Academia repercutía ou traslucía nese acto, mais Paco, que dá constantemente leccións de humanidade e finezza pola calada, deunas tamén en público ese día, facendo a loanza máis completa, sincera e emotiva que probabelmente ninguén teña feito nunca do actual presidente da citada Corporación... 

5. Non ficaría completo este breve repaso polas facetas e vertentes do constante e serio traballo que Paco vén despregando desde hai anos a prol da cultura e da lingua de noso se non fixese mención tamén a dúas publicacións periódicas, emblemáticas as dúas nos seus respectivos ámbitos, como son a A Trabe de Ouro, editada por Sotelo Blanco baixo a dirección do xa citado Méndez Ferrín, da que Paco foi secretario durante longos anos e na que deitou moitas páxinas sobre os máis diversos eventos relativos ao noso devir colectivo, e a revista Ardentía, editada pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e dirixida polo noso tan chorado Luís Rei. 

6. A entrada de Paco á directiva desa Federación deu rigor e alento para organizar en Cambados, en 2005, un extraordinario Encontro de Embarcacións Tradicionais, para afrontar a presenza galega no Encontro bretón de Douarnenez e para outras moitas actividades de difusión do noso rico patrimonio de salitres e marusías... Gardo para Paco, como para Luís, o máis infinito dos agradecementos por terme deixado vivir con eles esa experiencia de traballo comunal en Ardentía, onde non por acaso apareceron senllas entrevistas coas nais de ambos, Esther Núñez e Xenxa Rei, admirábeis exemplos de mulleres do mar e raíz fecunda de identidade, de orgullo e dignidade sempre para eles. 

7. E chegamos así ao elemento esencial deste libro de Paco que hoxe presentamos, que non é outro que a figura de Cabanillas, con Cambados e o mar arousán sempre ao fondo, eixos ou leit-motivs sobre o que pivotan, dun xeito ou doutro, todas e cada unha das colaboracións, tanto éditas anteriormente (21) como traídas agora á luz (9) nesta colectánea, que é o froito de quince anos de esforzo e investigación (1999-2014, descontando dous artigos que se remontan a 1977 e que cabe considerar “pioneiros”). O Cabanillas poeta, o Cabanillas forxador da lingua literaria galega moderna, o Cabanillas irmán da fala, o Cabanillas elemento proxectado necesariamente sobre o presente e o futuro de Cambados como unha riqueza cultural, un atractivo histórico, un referente universal que sitúa a vila do Albariño, como quedou patente nes marabilloso Ano Cabanillas 2009 que argallaron ao unísono Luís Rei e Paco (nun plan que podedes consultar agora íntegro no libro), no corazón de todas as persoas que aman a literatura como sublime creación da mente humana e recoñecen no autor de Vento mareiro un poeta con maiúsculas.

8. Unha das características que notaredes lendo este libro é que está escrito simultaneando dúas perspectivas tan distintas como, por iso mesmo, complementarias e enriquecedoras. En moitas páxinas a quen escoitamos, no fondo, é a un rapaz da ribeira de Fefiñáns de familia mariñeira humilde, que non ten libros na súa casa, que non coñece case nada sobre a historia da súa vila e sobre o seu escritor máis ilustre mais que, din os seus mestres de escola, “vale para estudar”, seica.... 

Nesas páxinas, Paco guía ao lector/a emocionadamente nas súas propias descubertas, no seu espertar á conciencia idiomática e galeguista, no seu progresivo contacto con persoas (Luís Rei, Pitusa Cabanillas, Xoán Antonio Pillado, Adela Leiro, Manolo Núñez...) que lle van amosando os tesouros do océano cabanilliano e lle van revelando tamén anacos da historia nunca antes contada do Cambados mariñeiro e mariscador dos séculos XIX e XX, do Cambados agrarista, do Cambados loitador na 2ª República, do Cambados da “tráxica falta de luz” da ditadura franquista... Noutras moitas páxinas do libro, en troques, resplandecen as páxinas escritas polo científico brillante, o lingüista competente, o lector de literatura atento, o sabio das formas idiomáticas que usa a tribo metida nas dornas dándolle ao raño, sachando nas leiras ou podando nas viñas, entre o menosprezo ridículo dalgúns “señoritos”.

9. Tamén veredes que o volume está salferido aquí e alá de propostas para visibilizar mellor o rico patrimonio caballiniano: colocación de placas nos lugares emblemáticos da existencia do poeta, sinalización da súa casa-museo e dos roteiros sobre a súa figura, creación dunha Fundación Cabanillas e dunha Casa Virtual Cabanillas na internet... Algunhas desas propostas van camiño de realizarse; outras agardan por alguén que se decida a levalas adiante. Ha contar, seguro, coa axuda desinteresada de Paco e a de moitas outras persoas, entre as que me conto. E aproveito aquí para agradecerlle publicamente a Paco as liñas que nos dedica nalgúns momentos do libro á miña compañeira Isabel, á nosa filla Aloia e a min propio. Son a expresión dunha amizade e dun afecto dos que nos sentimos moi felices e honrados, como el ben sabe.

10. Farei caso da coñecida máxima de Baltasar Gracián polo que toca á brevidade e rematarei estas liñas de presentación dun libro imprescindíbel na biblioteca de toda persoa cambadesa e aínda na de moitas outras por Galiza, España, Europa e o Mundo adiante. Un libro que o triste azar converteu no último que tivo nas súas mans o noso benquerido amigo Luís Rei, mais que tamén pode ser considerado, e eu comprázome en facelo hoxe aquí e agora, a proba de que o inmenso e extraordinario traballo de Luís sobre Cabanillas xa ten un dignísimo e marabilloso continuador.


Parabéns, Paco, e moitas grazas a todas e todos vós pola vosa atención.

sábado, 18 de xullo de 2015

A ACADEMIA GALEGA NAS DÉCADAS DE PREGUERRA

Académicos na sesión de ingreso de Amador Montenegro. Compostela, 1910
A definitiva fundación da Academia Galega o 30 de setembro de 1906 significaba a culminación dun grande esforzo de institucionalización e dotación de referentes simbólicos (bandeira, himno...) levado a cabo polo Rexionalismo, con Manuel Murguía á cabeza, que se fixo co impagábel apoio, económico, publicístico e moral dalgúns núcleos conscientizados da comunidade galega emigrada en Cuba (Fontenla Leal, Chané, Curros Enríquez...).

Concibida como unha entidade de “varóns notábeis”, con amplos obxectivos na promoción e na investigación histórica e cultural, que non como Academia da Lingua (aínda que entre os seus fins figurasen o de elaborar unha gramática e un dicionario), a Corporación comezou a súa andaina marcada, para ben e para mal, pola personalidade de Murguía, veterano líder dun esforzado agrupamento, alcumado despectivamente como “Cova Céltica”, en que figuraron Lugrís Freire, Carré Aldao, Tettamancy, Florencio Vaamonde, Eladio Rodríguez...

Á hora de pór en marcha a entidade, Murguía repartiu designacións de numerarios e correspondentes seguindo pulsións ben transparentes: acoller todo aquel que tivese feito, no foro, na prensa ou no libro, profesión de fe rexionalista, latu sensu; atraer figuras do ámbito internacional para prestixiar a nova entidade (Teófilo Braga, Leite de Vasconcelos, Joseph Cornu...) e, finalmente, marxinar propositadamente algúns persoeiros e eruditos galegos (García de la Riega, Leopoldo Pedreira, Leandro Saralegui...) que lle foran e eran hostís, ben desde a vertente política, como furibundos antirrexionalistas, ben desde a historiográfica, como acérrimos detractores do celtismo.

E semellante aposta tivo, como era de agardar, o seu custe inmediatamente. Arredor da figura do “pretendente” José Mª Riguera Montero, erudito nado en Muras, formado no Seminario mindoniense e na emigración uruguaia e preboste na sociedade coruñesa na altura (membro do consello de administración de La Voz de Galicia, presidente de distintas entidades benéficas e sociais...), diversos sectores despregaron unha intensa campaña de cuestionamento da pertinencia (“¿Para qué más Academia que la Matritense?”, diría Santiago Abella), dos fins (“¿A qué querer fomentar un dialecto oscuro, teniendo un idioma nacional resplandeciente y extendido por el mundo”?, insistiría o citado autor) e da composición da Academia, tomando como alvo preferente dos ataques a propia figura de Murguía, quen mesmo chegou a ser acusado de malversar os fondos pecuniarios que lle chegaban desde a colonia galega en Cuba.

A esta campaña contra unha Academia que García de la Riega denominaría “última contorsión de un regionalismo vergonzante” sumáronse numerosos individuos e cabezallos de prensa de todo o país, con significacións variadas como o republicanista Tierra Gallega da Coruña, o satírico focego Guau...Guau, o católico-conservador El Norte de Galicia de Lugo, o Diario Ferrolano que dirixía Wenceslao Fernández Flórez e un longo etcétera de publicacións locais.

Dependencias da Academia Galega, en 1934
Tanta hostilidade amosada desde tan diversos, conspicuos e poderosísimos sectores conduciu a Murguía e o seu núcleo de fieis a adoptar dúas decisións tácticas intencionalmente “defensivas” de grande transcendencia para o devir da entidade. Por unha banda, colocar a Corporación baixo o patrocinio simbólico (e por engadido, económico, através das subvencións do Ministerio correspondente) do monarca español, solicitando o título de “Real”. Semellante aposta mal podía sentar en amplos segmentos da cidadanía herculina, pois a cidade era un auténtico bastión do republicanismo nesa altura, e talvez axude a explicar renuncias á cadeira numeraria como a de Manuel Leiras Pulpeiro. Por outra banda, procurar apoios, a xeito de “escudos protectores”, entre determinados segmentos elitistas da sociedade coruñesa, outorgando o título de numerario a individuos (sempre varóns, nótese) que, se ben gozaban de certo prestixio como eruditos ou prebostes do tinglado político restauracionista, estaban ben lonxe de compartir o espírito e os fins primixenios, inequivocamente galeguizadores, da entidade.

Da man do núcleo rexionalista e mercé a un regulamento que consagraba a cooptación como medio de elección de novos membros, van sendo propostos e entrando na Academia persoeiros como Ozores de Prado, Ponte Blanco, Rey Soto, Estrada Catoira... O seu prestixio nas elites sociais da época e a súa influencia mediática apagan o fervor da campaña contra Murguía, é certo, mais o seu españolismo e conservadorismo declarados e o seu desleixo cara aos fins primixenios da Academia hipotecan gravemente o labor desta e desvirtúan a súa función. Velaí un dos porqués do fracaso na tarefa de confección do dicionario e da gramática e tamén unha das razóns da “coruñesización”, se val a expresión, que experimenta a nómina de académicos, en detrimento da representación doutros núcleos intelectuais do país. Boa parte deses novos membros de número non cumpriron, desde logo, ningunha das hipotéticas funcións benefactoras polas que foron designados e actuaron máis ben como un auténtico “cabalo de Troia” na Academia, reforzando nela o pendor conservador, aristocratizante e pasatista e contribuíndo poderosamente, ademais, para ancorala nunha práctica e nun discurso aínda máis diglósicos, se cadra, cós que xa imperaban, en realidade, desde a súa propia fundación.

Con efecto, gravísima é desde o inicio a deriva que toma dentro da Academia a cuestión do uso e defensa do galego. Reducido xa desde a cerimonia de constitución a sermo de uso poético, o noso idioma está ausente na vida interna, nas actas, no boletín, na práctica totalidade dos discursos de ingreso, nas respostas a eses discursos, na correspondencia, nos diplomas, na vida pública e privada de case todos os numerarios... Só a biblioteca-arquivo constitúe unha perenne satisfacción na vida da entidade, pois reúne desde moi axiña abundantes materiais de primeiro interese sobre temática galega.

Villar Ponte retratado por Ramón Peris
Así chegamos a 1916, ano en que da man dos irmáns Villar Ponte de Viveiro se fundan as Irmandades da Fala, que poden ser consideradas unha “superación” da Academia, en tanto que conseguen co seu discurso e coa súa praxe dar novo pulo á causa da dignificación e ampliación de usos do noso idioma. Algúns artigos iniciais en A Nosa Terra, como "A bandeira ergueita" de Antón Villar Ponte, ponderan, precisamente, o que de “salto cualitativo” tiña a nova entidade a respecto da plataforma alentada polo Rexionalismo. Non é difícil imaxinar, nese sentido, a escasa compracencia con que non poucos dos membros da Academia acollerían algúns parágrafos dos irmandiños máis novos en que se facía de maneira explícita cuestionamento das súas actitudes e estratexias no inmediato pasado, porque, como resume o profesor Mariño Paz, “cando menos no dominio público, o nacionalismo resolveu en xeral as contradiccións entre o discurso ideolóxico e a práctica lingüística que caracterizaran a fase rexionalista”.

A pesar de certas desavinzas previas entre os seus dos seus respectivos cabezaleiros, Murguía e Villar Ponte, por mor do apoio que o de Viveiro demandou sen éxito do presidente da Academia para unha Diada catalanista en defensa da lingua en xaneiro de 1916, existiu á partida unha boa sintonía entre ambas as dúas entidades, que se pon de manifesto na presenza de varios académicos no acto fundacional da Irmandade coruñesa, na súa frecuente colaboración co boletín A Nosa Terra e na cesión do local da Corporación (entón sito en Rego de Auga, 38-1º) para o desenvolvemento dalgunhas actividades. Mais a medida que os cada vez máis numerosos e espallados núcleos irmandiños profundizaron no seu discurso nacionalista e na súa praxe monolingüe, foise producindo un paulatino distanciamento entre eles e o groso da Academia.

Un dos feitos que mellor exemplifican esa deriva diverxente é o apoio decidido que significativos vultos da Academia emprestan en 1918 ao entón alcalde liberal coruñés, Manuel Casás Fernández (futuro presidente da, propia Academia, na posguerra), cando este pon en marcha un “Intituto de Estudios Gallegos” co que pretendía contrarrestar a crecente influencia ideolóxica e cultural do nacionalismo galego, que celebra nese mesmo ano, en Lugo, a súa Primeira Asemblea. Ben significativo é que, agás Banet Fontenla e Vega Blanco, ningún numerario da Galega envíe a súa adhesión ao “Manifesto” saído desa transcendental xuntanza... Desde as páxinas do boletín Nós, Antón Villar Ponte describía en xaneiro de 1921, con enérxico e incisivo trazo, o ambiente espiritual reinante no areópago académico:

“Os galegos que máis galegos parescen (académicos, eruditos, arqueólogos) adícanse ó estudo das cousas vellas da nósa Terra, com'as d'un país finado, morto, cuia persoalidade sulagouse no castelanismo estéril. Si fan un dicionario danlle xeito de panteón da nósa língoa. Si fan un boletín convírtenno en eco morto de cousas pretéritas. Somente miran pra atrás, c'unha friaxe tan tolledora, que calquera diciría que se trocaron, com'a muller de Loth, en estátuas de sal. Fáltalles o atopárense a sí mesmos. Fáltalles o sentimento qu'é consustancialización da i-alma propia c'o meio natural. Infruenciados por cinco séculos de colonización castelán, xa non teñen máis que o viviren na Galizia [sic]. Perderon o sangue do espírito qu'é a língoa natural, perderon a autonomía dos sentimentos que só a língoa propia mantén acesa, e fican trocados en turistas na sua terra, que van percorrendo guiados por unha cultura fría que lembra ós antipáticos cicerones, tod'o que foi”.

Con todo, a crise interna das Irmandades, que se resolverá coa súa escisión na Asemblea de Monforte (febreiro de 1922), complicou a dialéctica entre a organización nacionalista e a Corporación académica, na medida en que levou ao enfrontamento fratricida a elementos que compartillaban, en derradeira instancia, a visión galeguizante desa institución.

As propostas ortográficas etimoloxistas e lusistas que colocou Xoán V. Viqueira nas páxinas de A Nosa Terra en 1917 e o intento posterior de A. Villar Ponte de as aplicar no boletín desagradou a un número importante de asinantes do decenario, capitaneados polo numerario e futuro autor da Gramática do idioma galego, Lugrís Freire. Tamén os debates no seo do “Conservatorio Nazonal do Arte Gallego” promovido pola Irmandade herculina afastaron a “renovadores” (partidarios do abandono do teatro feito polos Lugrís, Galo Salinas, etc.) e “conservadores”. Finalmente, un sector de irmadiños coruñeses vencellados á Academia (Lugrís, Carré, Eladio Rodríguez, Florencio Vaamonde...) logra purgar a Antón Villar Ponte da dirección de A Nosa Terra e este, como resposta, alenta a Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro para que critiquen con acritude os “Vellos” no manifesto Máis alá...

Divididas así as súas entón limitadas forzas, o nacionalismo galego non poderá impedir que na Academia exerzan hexemonía de aquí en diante os sectores menos comprometidos co idioma e a cultura do país, que son os que após terse producido en febreiro de 1923 o falecemento de Murguía, levan sucesivamente a Andrés Martínez Salazar, primeiro (se ben por breve tempo ao falecer axiña o noutora promotor da “Biblioteca Gallega”) e ao enxeñeiro e político turnista Francisco Ponte Blanco, despois, á Presidencia da entidade.

Se a presenza do Patriarca á fronte da Corporación tiña servido de freo a unha crítica máis incisiva da Academia Galega por parte do nacionalismo, a súa desaparición física, sumada á deriva que vimos comentando, faina agromar con toda a forza durante a ditadura primorriverista. Tanto a Irmandade coruñesa como a ING risquiana verterán continuos reproches sobre a entidade, quer a respecto da súa dinámica interna (acceso á presidencia de Ponte Blanco, política de novos nomeamentos, redacción do boletín e das actas integralmente en español, enfoque arqueoloxizante dos artigos, praxe e filosofía idiomática antitéticas ao sentido primixenio da entidade por parte de non poucos dos seus membros, etc.), quer a respecto da súa incapacidade ou indolencia para dar cabo a algúns dos principais fins para os que tiña sido concibida e creada no seu momento (gramática e dicionario).

Barcia Caballero
O propio xornal A Nosa Terra chegaría a demandar en 1924 “a clausura difinitiva da Academia por noxenta, ridícula e antigalega ademais de ser unha coveira de caciques”. Pouco tempo despois engadiría que “ou modifícase d'unha vez para sempre, ou é mester considerala xa definitivamente coma cousa inútil, morada única de ostentación fachendosa de testas valeiras da que deben de se retirare os poucos galegos de valer que ainda hai n-ela”. En contraste, algúns membros fundadores, como Barcia Caballero, non perdían ocasión nesta época para opoñerse ás demandas do nacionalismo galego, cualificando de “peligrosas” e “abominables” as súas propagandas e denunciado que atacaban “al principio fundamental y más hondo de nuestra nacionalidad, a la intangible unidad de la patria española” (El Pueblo Gallego, 30.8.1925).

Paralelamente, non atinará tampouco a Academia nestes anos á hora de poñer ramo a empresas que, levadas doutro xeito, poderían ter axudado ao seu prestixiamento. A polémica do numerario Lugrís Freire co directivo Estrada Catoira, a finais de 1925, por mor da xestión duns diñeiros destinados a honrar a memoria de Pondal, provoca que o de Sada abandone o proxecto de ordenar e editar Os Eoas. Así mesmo, a negativa da Academia a outorgar directamente o proxecto de monumento a Curros Enríquez na Coruña ao escultor cambadés Francisco Asorei levanta unha formidábel polémica pública en que o nacionalismo recrimina á entidade a súa actitude. Paralizado o traballo de confección do seu dicionario desde 1911, a Academia contempla impertérrita como aparecen achegas gramaticais e lexicográficas en que ela, como tal, ningún papel xoga: o Vocabulario popular galego-castelán publicado en 1926 como folletín de El Pueblo Gallego; o Diccionario Galego-Castelán (1928) da editora “Lar”... No colmo do “ninguneo”, o recén elixido académico da Española, Armando Cotarelo Valledor, propugna en 1928 que sexa esta e non a Galega quen elabore as normas do noso idioma...

Como corrente de fondo en todo este período da Academia que estamos comentando hai que mencionar, ademais, a tendencia ao “vaciamento”, isto é, a que a entidade non cubrise as vacantes que se ían producindo no seu seo, o que agravaba as súas insuficiencias e aumentaba a súa parálise. Semellante tendencia fica clara á vista dalgúns datos como os seguintes: de 40 escanos ocupados no momento de se fundar en 1906, hai 25 cando as Irmandades celebran a Asemblea de Lugo, que son os mesmos que cando morre Murguía. A finais de 1926, 21 asentos están ocupados, mentres que en 1933, son só 20. Cando efectivizan, en 1934, o seu ingreso A. Villar Ponte e Castelao, só 18 asentos tiñan titular e, pouco despois, no intre do infeliz estoupido da guerra, 21...

Así as cousas, non é estraño que o nacionalismo galego emprestase cada vez maior atención e arroubo a unha entidade nada en 1923 por iniciativa dun grupo de escolares composteláns (Tobío, Filgueira Valverde, Bouza Brei...), o “Seminario de Estudos Galegos”, na medida en que practicaba e exemplificaba as virtudes e firmes compromisos galeguizadores de que carecía, ao seu ver, a Academia: “¡Canto ten que adeprender d'esta entusiasta e galeguísima institución esa Real Academia Galega que conta con tantos e tan brilantes académicos que nada fan!”, sentenza A Nosa Terra en outubro de 1925. Abonda ver a listaxe de directores de sección do “Seminario” (Tobío, Cuevillas, Otero Pedraio, Risco, Castelao...) para se decatar do grao de entrega e compromiso da “intelligentzia” nacionalista coa nova entidade...

Eladio Rodríguez (con chapeu)
O acceso de Eladio Rodríguez González á presidencia da Academia, en novembro de 1926, supuxo unha solución de compromiso entre os dous sectores que a configuraban nese intre: o que podemos denominar “non galeguista” (hexemónico) e o “galeguista” (minoritario). Durante o mandato do autor de Oraciós campesiñas, as designacións de novos numerarios semellan respostar á pauta de non romper o equilibrio reinante: catro persoeiros, Jaime Solá, Manuel Casás, Fernando Martínez Morás e Alejandro Barreiro, pasan a engrosar as fileiras de numerarios electos que nin no seo da Academia mesma, nin na palestra pública ou privada usan e defenden nunca o galego, mentres que outros dous, Otero Pedraio e Vicente Risco, contrapesan coa súa militancia na causa da lingua esas incorporacións...

Mais a presidencia de D. Eladio, por máis que revitalizase o boletín académico, por máis que fomentase a celebración de diversos actos conmemorativos de figuras do pasado (Vicetto, Añón, Murguía..) e por máis que fallase en 1930 con coherencia galeguista o preito sobre a verdadeira bandeira galega colocado polo erudito Couceiro Freijomil, que cuestionaba a franxiceleste, non serviu, en realidade, para corrixir a máis seria contradición que a Academia arrastraba desde as súas orixes. Con efecto, o xornalista Roberto Blanco Torres, nun artigo intitulado "Por el prestigio de la Academia", publicado en marzo de 1929 en El Liberal de Madrid, denunciaba que nas reunións da docta Corporación "se habla un idioma distinto al que le da su razón de ser", que a maioría dos académicos "no usan del idioma gallego en la vida de relación, no lo emplean ni emplearán en su obra literaria, si alguna tienen", e, finalmente, que as "comunicaciones y publicaciones oficiales son escritas en una lengua diferente de la gallega".

Ingreso de Otero Pedraio na Academia (1929)
O conservadorismo ideolóxico de D. Eladio e da maior parte da Academia casou mal coa mudanza de réxime que se verifica o 14 de abril de 1931 e a Corporación, a diferenza doutras entidades como o “Seminario de Estudos Galegos”, que si se lanzou decididamente á arena pública en demanda de autogoberno co seu “Anteproxecto” estatutario, permaneceu aletargada e silenciosa mesmo en asuntos de tanta relevancia para o porvir da lingua como os debates sobre a súa posíbel oficialización. A demisión de Eladio Rodríguez como presidente da Corporación foi presentada en xaneiro de 1934 alegando pretextos de saúde, mais debeuse en realidade, como ten revelado Victoria Álvarez de Ojeda, á incomodidade do autor de Oraciós campesiñas coa situación interna da entidade e, engadimos nós, coa crecente presión que para virar en redondo o rumo da entidade viña exercendo, desde dentro e desde fóra, o galeguismo.

Non é estraño que fose este movemento, por boca do entón editorialista de El Pueblo Gallego, Xerardo Álvarez Gallego, quen explicitase con maior claridade as súas esperanzas a respecto da Corporación tralo acceso á presidencia de Lugrís Freire, en xuño de 1934. Tratábase, en síntese, de acabar co “espectáculo de una Academia letárgica y como inexistente”; de modificar o regulamento para facer máis áxil o seu funcionamento; de pór fin a un “localismo suicida”; de retomar os traballos para a elaboración da gramática e do dicionario; de dar orientacións sobre a ortografía e sobre a toponimia; de reanudar a edición do boletín; de cubrir axiña as vacantes e de celebrar novamente actos públicos. Todas estas reivindicacións serían asumidas publicamente polo propio Lugrís Freire, unha vez tomou pose do seu cargo, engadindo aínda outras como colaborar na inauguración do monumento a Curros na Coruña ou reeditar as obras de Pondal.

Manuel Lugrís Freire
Na xestión de Lugrís Freire á fronte da Academia hai, sen lugar a dúbidas, xunto a actividades de certa relevancia como os preparativos do primeiro centenario de Pondal (1935), un intre verdadeiramente emblemático: o de celebración de senllas sesións consecutivas para os respectivos ingresos dos históricos dirixentes galeguistas Antón Villar Ponte e Castelao, o 24 e o 25 de xullo de 1934, respectivamente. O de Viveiro, após ler o discurso O sentimento liberal na Galiza, pasaba a ocupar a vacante deixada polo arcebispo Lago González; o de Rianxo, pola súa vez, substituía Ozores de Prado lendo o discurso As cruces de pedra na Galiza. Dous discursos en galego, con senllas respostas na mesma lingua, en datas ben simbólicas do galeguismo e arroupados ademais pola edición, da man de Ánxel Casal, de tres obras mestras saídas do caletre dos protagonistas do evento: Os evanxeos da risa absoluta, Os dous de sempre e A romeiría de Xelmírez.

No entanto, dentro da Corporación as ansias renovadoras chocaron coa dura realidade. Os afáns do sector galeguista axiña se estrelaron coas inercias inmobilistas, coa precariedade de recursos, coa xorda e fechada oposición, por motivos ideolóxicos, dun sector considerábel dos socios (Martínez Morás, Estrada Catoira, César Vaamonde, Narciso Correal, Fernández Diéguez...) e co precario estado de saúde do veterano Lugrís, quen presentaría por tal motivo a renuncia en agosto de 1935.

Desde esa renuncia do autor de Noitebras, ocupou a presidencia interina da Academia un significado detractor do nacionalismo, o matemático Fernández Diéguez (quen había de se distinguir, segundo ten rememorado Jenaro Marinhas del Valle, nas purgas e queimas de libros levadas a cabo na Coruña polos franquistas a partir do “Alzamiento”) e a actividade corporativa reduciuse até tal punto que mesmo se interrompeu novamente a publicación do seu boletín. As únicas incorporacións de numerarios antes do fatídico 18 de xullo de 1936, a do director de La Voz de Galicia, Alejandro Barreiro, o día 12 de marzo dese ano, e mais a do ex-alcalde herculino, Manuel Casás, que se verifica un día despois, non viñeron senón reforzar precisamente as fileiras dos regionalistas sanos y bien entendidos, agora ademais antirrepublicanos, na Corporación.

Jaime Solá
Precisamente Barreiro e Casás xogarían un papel destacado na difícil continuidade da Academia durante os primeiros compases do franquismo, pois, a diferenza do que aconteceu co “Seminario de Estudos Galegos”, brutalmente expoliado e logo disolto no sucedáneo do “Padre Sarmiento”, a Corporación fundada en 1906 conservou intacto o seu arquivo-biblioteca e puido recompoñerse sen excesivas modificacións baixo a ollada (sempre unha miga desconfiada, todo hai que dicilo) das novas autoridades. Rematada a contenda que encheu de sangue galeguista e esquerdista as cunetas do país, a Academia, baixo a presidencia interina de Casás Fernández, acordou designar presidente de honra ao “Generalísimo” e procedeu a unha rápida renovación de integrantes, dando entrada sen máis trámites, isto é, obviando a presentación de discurso de ingreso e desprezando o feito de que moitas “vacantes” pertencían a exiliados aínda vivos, a toda unha serie de académicos electos (Narciso Correal, Lisardo R. Barreiro, Jaime Solá, Noriega Varela...) e acelerando a provisión dun total de dezanove vacantes máis, destinadas fundamentalmente a elementos de pasado galeguista (Bouza Brei, Cuevillas, López Abente, V. Taibo...), eruditos confesamente dereitistas (Vázquez Seijas, Couceiro Freijomil...) e sacerdotes máis ou menos cultivados (Portela Pazos, Xesús Carro, Pedret Casado, Samuel Eiján...).

Desta arte a Academia, fundada en 1906 con inequívoco selo galeguizador, ficaba así pronta para contribuír a lexitimar desde a súa perspectiva a ominosa Ditadura franquista e, de pasaxe, desimular, co seu boato inofensivo e coa súa actividade irrelevante, que todo un trebón destrutivo e virulento tiña pasado por riba da cultura galega, obrigándoa a resistir no exilio e a volver a comezar practicamente desde cero, no interior, como un Prometeo redivivo.