eu

eu
eu
Amosando publicacións coa etiqueta Emigración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Emigración. Amosar todas as publicacións

xoves, 5 de setembro de 2019

Libros no tambuche (V)




La Emigración a las Américas por el Puerto de Vilagarcía de Arousa, de Víctor Viana



Son xa unha referencia inescusábel para a historia local de Vilagarcía de Arousa, en particular, e da comarca do Salnés, en xeral, os traballos do investigador Víctor Viana Martínez. Citaremos entre eles, a título indicativo, Periódicos y periodistas de Villagarcía (1988); El Cementerio Inglés de Vilagarcía (1999); Cien años del alumbrado eléctrico en Vilagarcía de Arousa (1899-1999) (2001); Diccionario biográfico de la comarca de O Salnés (2001), escrito en colaboración con Xosé Lois Vila Fariña; Conflicto en O Salnés: la segregación de las cuatro parroquias de Vilanova de Arousa y su anexión a Vilagarcía (1935-1945) (2013); Bazán de Mendoza, un afrancesado gallego (2014) e Los Consulados de Vilagarcía (2015). A esta nutrida colección de traballos vén engadirse agora o volume La Emigración a las Américas por el Puerto de Vilagarcía de Arousa (Imprenta Fidalgo, Cambados, 2017), que se divide nun total de once capítulos.



No primeiro deles, “La época de los veleros”, o citado autor documenta con referencias hemerográficas e arquivísticas variadas, aínda que un pouco deslabazadas na exposición ao noso humilde entender, os inicios do fenómeno migratorio galego cara a América desde o porto de Carril, que adquirirá dimensións masivas a finais do século XIX. Durante os primeiros anos a travesía, realizada a bordo de quechemaríns, goletas e polacras como “Restaurador”, “Adolfo”, “Nicandro”, “Recreo” e “Hortelano”, implicaba necesariamente facer unha primeira escala en Cádiz, á procura de reembarco en buques de maior porte. Desde mediados da centuria decimonónica, serán cada vez máis os veleiros que zarparán xa directamente desde a ría arousá cara América, como é o caso do bergantín “Centinela”, do que era armador José Benito de Abalo e capitán Miguel Guisande, o dos bergantíns “Juan” e “Peregrina”, propiedade ambos do consignatario carrilexo Ramón Francisco Piñeiro, ou o da corveta “Fustera”, propiedade de José Mª Santiago Cuevas del Valle, ascendente do escritor Ramón Mª del Valle Inclán.



“El inicio de las grandes compañías” é o título do segundo capítulo. A partir de 1870, os barcos a vapor xa fan competencia aos veleiros nese tráfico transoceánico desde augas arousás. En Vilagarcía e Carril irán asentando entón paulatinamente compañías como a “Sociedad General de Transportes Marítimos a Vapor”, que fai transbordos en Xibraltar, conta con buques como “La France” e ten a Salvador Buhigas Prat como consignatario; a “Pacific Steam Navigation Company”, que transborda en Cádiz, dispón de buques como o “Aconcagua”, o “Cotopaxi”, o “Potosí”, o “Liguria”, o “Oropesa” e o “Orellana” e ten como axentes sucesivos a Santiago Sierra e a Laureano Salgado; a “Empresa de Navegación a Vapor la Bética”, que transborda tamén en Cádiz e move buques como “Montañés”, “Calderón” e “Rioja”; a compañía “Vapores Correos”, da que era consignatario en Carril José García Reboredo e para a que traballaban buques como o “Covadonga” e o “Luchana”; a famosa “Mala Real Inglesa”, que dispón de barcos como o “Guadiana”, o “Ebro” e o “Nile”; desde 1886, a navieira “Lloyd Norte Alemán”, que terá como consignatario ao xa citado García Reboredo e moverá buques como o “Roland”, o “Aachen”, o “Pfalz”, o “Gotha” ou o “Villeland”; desde 1898, a “Compañía Hamburguesa Sudamericana”, con Elisardo Domínguez e a sociedade Fillos de Buhigas Prat como consignatarios e buques como “Petrópolis”, “Argentina”, “Córdoba”, “Tucumán” e “Santos”; e, por último, desde 1900, a “Compañía Trasatlántica Española”, que inicialmente facía transbordo en Cádiz e movía buques como o “Larache”, o “San Francisco”, o “Ciudad de Cádiz”, o “Cataluña” e o “Santa Isabel”, traxicamente naufragado este último fronte á illa de Sálvora en 1921.



Os capítulos terceiro e cuarto do libro de Viana están dedicados a cuantificar estatisticamente as dúas grandes xeiras migratorias desde augas arousás cara América, a primeira entre 1895-1907 e a segunda entre 1908-1936. Os rexistros oficiais falan duns 42.000 emigrantes saídos do porto vilagarcián na primeira xeira e de entre 72.000 e 78.000 na segunda, aos que habería que sumar ata un 20% máis “clandestinos”. A idade, o xénero, o lugar de procedencia e o oficio dos elementos do continxente emigrante que zarpou desde Vilagarcía cara a América (coa República Arxentina como destino moi maioritario) son aspectos abordados por Viana Martínez noutros tantos capítulos do libro.



O capítulo noveno céntrase nas “Compañías de navegación y consignatarias”, distinguindo o autor dúas grandes etapas. Na primeira, as viaxes son organizadas por negociantes de Vilagarcía, Vigo ou Compostela e fanse en veleiro, case sempre con escala e transbordo en Cádiz. Na segunda, desde finais do s. XIX, o negocio cae en mans de compañías estranxeiras que dispoñen en Vilagarcía do correspondente representante ou consignatario (os García Reboredo, Salvador Buhigas, Ricardo Urioste, Laureano Salgado, Santiago Sierra, Estanislao Durán, Pío S. Carrasco, González Garra, etc.) e que empregan barcos de vapor que fan escala en augas arousás. Dúas desas grandes compañías, a “Lloyd Norte Alemán” (os “paquetes teutóns” aos que se referiu Castelao no Sempre en Galiza) e a “Mala Real Inglesa”, acabarán por copar boa parte do negocio da emigración galega nese período.



O capítulo X, “Los barcos de la emigración”, ofrece en primeiro termo unha listaxe ordenada alfabeticamente dos buques que fixeron escala en Vilagarcía ao longo do período estudado, para na continuación achegar algunhas estatísticas e as historias particularizadas dalgúns dos barcos que se dedicaron a ese transporte.



Fecha o volume, antes da pertinente bibliografía, un apartado dedicado á problemática da emigración clandestina. Entre as páxinas 129-144 podemos visualizar, ademais, unha valiosa galería fotográfica que ilustra os principais contidos deste libro, tan abondoso en información como por veces disperso e acumulativo de máis na exposición.


   A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto



Poucos narradores galegos actuais frecuentan con tan positivo afán e entusiasmo o tema mariñeiro como o coruñés Xurxo Souto (n. 1966). Desde o volume pioneiro Fumareu (1997), pasando pola novela O retorno dos Homes Mariños (1999), os Contos da Coruña (2001), os Contos do mar de Irlanda (2014) ata chegar a este A gran travesía de Chiruca Macallás (Eds. Xerais, 2018), o vocalista no seu día do grupo musical bravú “Os Diplomáticos de Monte Alto” foi construíndo un auténtico “macrotexto” en que homes e mulleres do mar galego, coas súas vidas de traballo envoltas en salitre, ocupan un lugar central e epopeico.



Cómpre salientar o peculiar estilo deste autor, que combina no seu discurso narrativo numerosas anécdotas reais de navegación, incursións eruditas pola historia e polas lendas relativas aos océanos e referencias musicais e culturais moi diversas. O conxunto ten así balances entre a pura ficción e o ensaio antropolóxico, a divulgación histórica e a reivindicación da epopea anónima protagonizada polos tripulantes de barcos que faenan en practicamente todos os mares do mundo, o retrato en chave realista dun traballo duro onde os haxa e a reivindicación mesmo idealizada da profunda humanidade e do saber intuitivo das persoas que guían os barcos en mar aberto á procura do peixe. Non faltan na obra de Xurxo Souto, xaora, denuncias sobre a preocupante contaminación por acumulación de plástico dos océanos e protestos contra as prácticas depredadoras da riqueza dos fondos mariños que implica o emprego de determinadas artes de arrastre.



Nesta ocasión, o fío argumental básico xira arredor dunha marea no verán de 2015 do arrastreiro Macallás en augas do Rockall, entre Escocia e Islandia, no Grand Sole, coa súa sucesión de acontecementos, entre os que destacan os reiterados lances, o blackout do motor por entraren gulipantes no circuíto de refrixeración e a recalada no porto irlandés de Killybegs. O barco vai patroneado por Chiruca, unha rapaza de Peruleiro que, tras anos de traballo nunha perruquería, primeiro, e no trasatlántico Highland Chieftains II, despois, decide sacar a titulación nunha FP marítimo-pesqueira e embarcar. No transcurso da marea, Chiruca terá que afrontar os receos e caladas envexas dalgúns dos membros dunha tripulación mixta galaico-senegalesa e facer valer toda a súa pericia para sacar adiante a marea, coa inestimábel axuda da maquinista Sofía Carnota. Recibirá tamén a cordial acollida de moitos outros barcos que faenan na zona e queren ouvir as súas cancións en directo pola radiofonía, pois non en balde protagonizara unha parte da historia da música “heavy” na Galiza cos grupos “Botas de Ante Negras” e “ForzA dozZE”. Como elementos máxicos aparecen na obra un peixe-sapo falador, Lipeilipeisa, e a serea negra da Guiné, Mamí Watá. De xeito propositado, Xurxo Souto fundiu nesta novela as paisaxes e topografías de A Coruña e Vigo nunha única entidade e prescindiu da tríade que tingue frecuentemente, ata facelos caer no tópico, os relatos sobre o mundo do mar (“naufraxio, accidente, morte”).



v 
Pequena Inglaterra, de Ioanna Karistiani



Esta obra, que veu lume na nosa lingua en 2018 da man da Editorial Hugin e Munin, en tradución de Afonso Blanco, publicouse orixinariamente en grego en 1997 co título de Μικρά Αγγλία e mereceu o Premio Nacional de Literatura de Grecia en 1998. Ademais, foi levada ao cinema polo propio marido da escritora, Pantelis Voulgaris, en 2013. Nas versións ao inglés e ao italiano o título foi vertido, no entanto, como The Jasmine Isle e L’isola dei gelsomini, respectivamente.



Ioanna Karistiani, nacida no porto de Chania (Creta) en 1952, cursou en Atenas a carreira de Leis e destacou no activismo xornalístico e político de esquerdas contra a “Ditadura dos Coroneis” (1967-1974). Fixo, ademais, varios guións cinematográficos para o xa citado Voulgaris e para Costa Gavras.



A acción de Pequena Inglaterra sitúase na illa de Andros, no arquipélago das Cícladas, en pleno Mar Exeo, mais da man de moitos dos personaxes, mariños mercantes de profesión, viáxase tamén a moitos outros mares e latitudes. Partindo do devir dunha familia en concreto, a formada polo mariño Savvas Saltaferos, a súa esposa Mina e as súas fillas Orsa e Moscha, a obra retrata de xeito coral e complexo, con fortes doses de lirismo en ocasións, a vida dunha comunidade insular grega ao longo da primeira metade do século XX, coa 1ª Guerra Mundial, o crack do 29, a invasión italo-xermana do país e a propia guerra civil grega que seguiu ao final da 2ª Guerra Mundial como panos de fondo histórico.



Polas súas páxinas, magnificamente escritas e divididas en tres grandes capítulos, titulados “O Ollo de Deus”, “O cativo piso do sobrado” e “O que afoga non vive para se laiar”, respectivamente, desfilan moitos personaxes que se entrecruzan e van vivindo sucesivas desgrazas, alegrías, amores, perdas, naufraxios e travesías, nunha traxectoria comunitaria que podería perfectamente imaxinarse ou trasladarse sen moitas alteracións para moitos dos nosos portos… O motor principal da novela é o triángulo amoroso formado polo navegante Spiros Maltampes e polas dúas irmás Saltaferos: aínda que foi mozo inicialmente da máis vella, Orsa, casou coa máis nova, Moscha, para acabar morrendo finalmente a bordo do buque Μικρά Αγγλία, torpedeado como o resto do convoi mercante do que facía parte por un submarino alemán fronte ás costas irlandesas, en marzo de 1943.



Mais arredor desa historia tráxica ou melodramática principal, como adiantamos, vanse arremuiñando moitas outras, con relevante protagonismo feminino: a da mestra xubilada e viúva dun mariñeiro naufragado fronte ás costas de Uruguai Nana Bourantas Karapiperis; a da criada Annezio, que ten un fillo comunista exiliado en EE.UU.; a da vella Mouraina, que reúne as “viúvas de vivos” da illa na súa casa para contaren contos “picantes” e combateren a soidade; a de Katerina Basantis, que non quere ver o mar desde que este lle arrebatou o seu marido, tamén mariño de profesión; a da ex prostituta Angelita, que fundará familia en Buenos Aires co propio mariño Savvas Saltaferos, ao igual que fará en Chile o cociñeiro Christakis; a de Niko Vatokouzis, pequeno armador que casa con Orsa Saltaferos mais que acaba marchando con dous dos seus fillos para Nova York; a de Marios, irmán de Mina, especialista en navegar con fretes perigosos (amoníaco, nitro, nafta, vernices, piche…) e náufrago en 1923 na Canle da Mancha; a do neto de Saltaferos, que ansía desde meniño poder navegar como o avó e devora na casa patrucial cartas mariñas e tratados de navegación; etc., etc. Todo contado cunha prosa vívida, suxestiva e tinxida de emocións.


Contos mariños de Carballo, de Xabier Maceiras



Cunha emotiva dedicatoria ao poeta e percebeiro Paco Souto ábrese este volume do antigo músico dos “Diplomáticos de Monte Alto” e hoxe dinámico activista cultural Xabier Maceiras Rodríguez, que xa tiña dado ao prelo con anterioridade outros traballos divulgativos como O mar de Arteixo e os seus naufraxios (2013), De Liverpool ás Sisargas, a derradeira travesía do “Priam” (2014), en colaboración con Fernando Patricio Cortizo, e Crónica de Arteixo (2017).

Editado polo Concello de Carballo, o volume que nos ocupa reúne en 35 capítulos detalladas e ben documentadas crónicas de crebas, embarrancamentos, naufraxios, afundimentos e aterraxes forzosas acontecidas na costa carballesa, entre Malpica e Caión, nos baixos de Baldaio ou fronte ás Sisargas. Polas súas páxinas desfilan, como tráxicos protagonistas, buques como o “Solway”, o “Tunstall”, o “Priam”, o vapor “Skolt”, o “Nantes”, o “Nor”, o palangreiro “Princesa de Asturias”, a tarrafa “Abella Pereira”, o sueco “Falco”, o vapor inglés “Somersby”, o baladro noiés “España”, os pesqueiros “Albatros e “Jesusa”, o motoveleiro “Cabaleiro” ou o pesqueiro “Os Tonechos”.

Non faltan no volume, ademais, historias do corso, lendas populares, evocacións dos tempos en que se cazaban baleas, referencias ás loitas sociais contra as areeiras, relatos sobre as mareas negras que castigaron a zona, explicacións sobre proxectos frustrados de asentar un aeroporto nas marismas de Baldaio e mesmo incursións nas reviravoltas das dúas guerras mundiais do século XX, na medida en que tiveron escenario tamén fronte a ese anaco da costa galega e nas minas de wolfram espalladas polo noso país, entre elas a do monte Neme.
Maceiras reivindica no seu libro a tradición marítima e mariñeira de Carballo, un tanto opacada pola dos portos veciños, e debrúzase con amenidade sobre a riola de eventos tráxicos que se derivaron do intenso tránsito marítimo existente na zona, desde a Antigüidade ata os nosos días. As fontes arquivísticas e hemerográficas que dan sustento a moitas páxinas do libro compleméntanse con retallos da memoria popular e todo o conxunto adórnase con ilustracións de moi diversa índole: cadros de Urbano Lugrís, fotografías antigas e modernas, retallos de xornal, litografías, gravados antigos, escrituras notariais, mapas e cartas náuticas, etc.

Talvez o único aspecto discutíbel do proxecto sexa a denominación elixida para o título de “contos mariños”, pois a palabra “conto” encerra suxestións de “fantasía” e “invención” que están totalmente ausente nas historias que o volume encerra, cargadas de realismo en forma de duro traballo, solidariedade na desgraza, traxedias e morte. A epopea tantas veces anónima das xentes do mar ten neste libro, de doada e interesante lectura, un retrato fiel, aínda que por momentos tamén estarrecedor.
 


[Recensións publicadas orixinariamente na revista Nova Ardentía 11, editada por Culturmar-Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial]

venres, 27 de novembro de 2015

NA MORTE DE NEIRA VILAS


 

Morreu hoxe, 27 de novembro de 2015, o escritor máis verdadeiramente lido e popular da literatura galega de posguerra, o meirande investigador da epopea emigrante en Cuba e un dos exemplos máis sobranceiros de compromiso e lealdade coa Nación dos Humildes. Na súa honra transcribimos as liñas que lle dedicamos nun manual de literatura galega para 2º de bacharelato.

Nado en Gres-Vila de Cruces (Pontevedra) en 1928, no seo dunha familia labrega pobre, fixo estudos de contabilidade por correspondencia e comezou a traballar desde moi novo nun aserradeiro. En 1949 emigrou á Arxentina, traballou en diversos oficios e alí relacionouse cos sectores máis galeguistas da colectividade, o que explica a súa participación en iniciativas como o xornal Adiante, das “Mocedades Galeguistas”, o “Iº Congreso da Emigración Galega” (1956) ou a editora-distribuidora “Follas Novas” (1957).
En 1961, ao mesmo tempo que publica o seu primeiro libro, Memorias dun neno labrego, instálase en Cuba coa súa compañeira, a escritora Anisia Miranda (1932-2009), e desempeña diversos postos na administración revolucionaria cubana. En 1969 crea e dirixe a Sección Galega do “Instituto de Literatura e Lingüística de Cuba” e desde ese posto emprende un inxente labor de investigación e recuperación da presenza e do legado galego en Cuba, que se traduce nos volumes Galegos no Golfo de México (1980); Castelao en Cuba (1985); A prensa galega en Cuba (1985); Índice da revista El Eco de Galicia (1988), Guerilleiros (1991); Rosalía de Castro e Cuba (1992); Eduardo Blanco-Amor dende Buenos Aires (1995); A lingua galega en Cuba (1995); Memorias da emigración I, II e III (1994-1996), Galegos que loitaron pola independencia de Cuba (1998), etc. Desde o seu retorno a Galiza, vive na súa aldea natal desenvolvendo un intenso labor cultural e xornalístico.
Alén da súa decisiva obra narrativa de creación, hai que salientar o papel de Neira Vilas como pioneiro da literatura infantil en galego, con libros como O cabaliño de buxo (1971), Espantallo amigo (1971), A marela Taravela (1976), De cando o Suso foi carteiro (1988), Chegan forasteiros (1993) e Contos vellos para rapaces novos (1983), escolma de contos populares de todas as latitudes vertidos ao galego.
Como poeta é autor de Dende lonxe (1960) e Inquedo latexar (1969). Ambos volumes reuníronse, xuntamente con outros poemas soltos, en Poesía recadada (1994). A poesía de Neira Vilas caracterízase pola súa sinxeleza expresiva e polo contido comprometido, abordando temas como a infancia, a loita dos pobos, a emigración, a morte, o papel do escritor na sociedade... Tamén traduciu para o galego obras de autores como Nicolás Guillén, Vítor L. Molinari, Ho-Chi-Minh, Fidel Castro, José Martí e Alejo Carpentier.
Neira Vilas presenta varias particularidades a respecto dos autores englobados na Nova Narrativa Galega (Mourullo, Queizán, Ferrín...). Entre as extra-literarias, cabe sinalar que o autor se move nun marco vivencial – a América da emigración, a Cuba castrista - moi distinto ao dos escritores do interior, sen manter con eles un contacto xeracional. Entre as estritamente literarias, destaca o feito de que non manifesta o interese renovador que conscientemente asumen os seus coetáneos. 
A fórmula narrativa de que fai gala nos seus inicios está máis atenta ao narrado –temática, argumento, situacións- que á conformación do discurso narrativo. A característica que máis distancia a Neira Vilas dos autores da NNG é, con todo, o máis definidor do seu mundo literario: o tratamento cruamente realista dos xeitos de vida da Galiza rural. Mentres os “novos narradores” buscan como referente espacial o medio urbano e a conflitividade dos seus personaxes xira arredor de confusos desexos e frustracións, a temática dos relatos e novelas de Neira Vilas concéntrase nas miserias e traxedias da aldea galega nos tempos da guerra civil e da inmediata postguerra. Aínda que os seus personaxes mostran unha psicoloxía altamente desenvolvida, os seus conflitos non son internos: xorden do enfrontamento co medio, cos seus opresores ou semellantes, na loita cotiá pola supervivencia. 
Neira Vilas cultivou o conto e a novela, cunha tendencia cara ao primeiro que fai dalgunhas das súas narracións longas simples acumulacións de relatos curtos de estrutura pechada conectados por tenues fíos como poden ser o marco espacial, a voz narrativa ou a paulatina evolución dos personaxes cara á autoafirmación. Tendo en conta as súas características técnicas e temáticas, acostúmase clasificar a súa narrativa en cinco núcleos:
a) Obras que xiran arredor da vivencia infantil do mundo da aldea: Memorias dun neno labrego (1961); Cartas a Lelo (1971) e Aqueles anos do Moncho (1977). 
b) Narracións en que o mundo rural é observado desde o punto de vista do adulto: Xente no rodicio (1965), A muller de ferro (1969) e Querido Tomás (1980). 
c) Narracións centradas no mundo da emigración: Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), Remuíño de sombras (1973), Tempo novo (1987) e Relatos mariñeiros (2003). 
d) Narracións centradas no mundo urbano, visto desde unha pespectiva sumamente crítica: O home de pau (1999)
e) Coleccións de estampas líricas e de semblanzas: Lar (1973), Nai (1980) e Pan (1986).

O primeiro núcleo agrupa as obras de protagonista infantil, reunidas polo autor no volume O ciclo do neno (1978). Nelas ofrécesenos a percepción que ten o neno do mundo da aldea: os labores inhumanos que está obrigado a desempeñar; as condicións de necesidade e miseria; a vivencia da inxustiza social perante o poder dos fillos do señorito; a frustración da curiosidade intelectual nunha escola en que non consegue integrarse por falar galego ou por abandonala para axudar no traballo familiar; a auto-represión por uns costumes e unha moral que non consegue entender... 
A través da mirada infantil Neira Vilas reconstrúe o hábitat rural galego dos anos 30 e 40, que ofrece como única saída redentora a emigración. Paralelamente asistimos ao proceso de maduración psicolóxica dos protagonistas, sendo polo tanto crónicas iniciáticas en que a vivencia da inxustiza vai modelando a súa personalidade até optaren pola rebelión: nas Memorias... (unha das obras máis traducidas, vendidas, lidas e divulgadas da literatura galega de todos os tempos), abandonando Balbino a súa casa tras sufrir do pai un castigo humillante a causa dun enfrontamento co fillo do señor; en Aqueles anos..., mediante o compromiso de axuda aos guerrilleiros que Moncho estabelece.
Do punto de vista técnico-formal estas obras mostran unha grande sinxeleza construtiva: as dúas primeiras seguen un modelo secuencial –breves apuntamentos narrativos sobre calquera personaxe ou circunstancia da vida infantil nas Memorias... e técnica espistolar en Cartas a Lelo-, mentres que Aqueles anos do Moncho mostra un narrador heterodiexético que dota o texto dunha maior complexidade estrutural.
O segundo núcleo narrativo da obra de Neira Vilas, que se fecha dalgún xeito con Esperando o leiteiro (2012), ten claras coincidencias co anterior, mais o autor opta aquí polo punto de vista do adulto. Prosegue a exploración do mesmo universo narrativo con claves temáticas e de-senvolvementos similares: a alienación do campesiño, a violencia irracional e cega, a superstición, a insolidariedade, etc. O tratamento técnico-formal dos materiais narrativos é diverso.
Nos vinte relatos de Xente no rodicio predomina o tratamento realista para nos deseñar os habitantes dunha aldea pecha e opresiva condenados á emigración ou á auto-destrución. Os contos de A muller de ferro están cargados dun forte simbolismo, concibidos todos eles como parábolas ou fábulas moralizantes cun marcado nesgo ideolóxico. Querido Tomás presenta unha notábel complexidade estrutural, fronte á sinxeleza característica dos anteriores relatos. Nesta novela asistimos ao longo monólogo dunha mestra rural, Sara. Estando cerca da vellez rememora os primeiros anos da postguerra e as distintas fases do seu amor de mocidade con Tomás, un rapaz labrego ao que, a pesar das diferenzas de clase social existentes entre eles, estivo ligada antes de que o mozo emigrase ao Brasil. A novela desenvólvese en dous planos temporais: o presente en que Sara relembra, un mes de agosto que simboliza a progresiva estiaxe da vida da protagonista e do mundo da aldea, e un pasado de ilusións definitivamente truncado. Querido Tomás está concibido na súa esencia como un alegato contra a emigración, que a cambio dunha falsa esperanza vén destrozar a existencia de dúas persoas e, simultaneamente, a de todo un pobo.
Se nesta novela a emigración preséntase desde a vivencia do que se queda, no terceiro núcleo narrativo Neira Vilas aborda a epopea tráxica do emigrante en terras americanas. O ámbito espacial desprázase, se ben a aldea e Galiza seguen sendo un referente na distancia, evocado desde a lembranza dos protagonistas. Camiño bretemoso é a novela que inicia este ciclo. Nela preséntasenos o relato oral, sórdido e amargo, que un emigrante realiza a un interlocutor mudo das súas peripecias desde que abandona aos dezaoito anos Galiza por un imperativo ético –a vergoña que sente por non se atrever a desfacer un malentendido sobre as súas relacións coa criada da casa-, até chegar á situación final en que só, enfermo e desprezado, agarda pola morte nun suburbio bonaerense.
Na mesma cidade arxentina desenvólvense as Historias de emigrantes, un feixe de contos en que se nos narra o conflitivo proceso de adaptación ao novo medio urbano dunha galería de personaxes representativos de toda a colectividade galega na cidade do Plata: a incapacidade para comprenderen o novo marco social en que se moven, mantendo a mentalidade tradicional e individualista; a loita para saír como sexa da miseria; o conflito entre as súas raíces culturais galegas, que queren conservar, e a necesidade de integración nunha nova cultura, etc.

Hai tamén intención globalizadora ao enfocar a emigración bonaerense na novela Remuíño de sombras, considerada pola crítica como a obra de construción máis innovadora e polo tanto máis próxima ao movemento da “Nova Narrativa”. Neira Vilas recorre nela a unha técnica cinematográfica en que se van montando de forma caótica distintos planos e secuencias que recollen fragmentos de conversas, noticias sobre o mundo do espectáculo, actos sociais da comunidade galega, etc., xuntamente con secuencias narrativas de maior extensión e distintos protagonistas que son os que dan unidade á novela. Esta complexidade técnica, con recurso ao flash-back e á aceleración ou ralentización temporal, vai acompañada por un xogo continuo de voces e modos narrativos, así como por unha multiplicidade de rexistros lingüísticos (linguaxe coloquial, periodística, literaria, etc.). No volume Relatos mariñeiros (2003), Neira Vilas desenvolve con brevidade, condensación e grande riqueza idiomática vinte historias ambientadas nos anos 30, 40 e 50 do século XX e protagonizadas por mariñeiros de orixe galega en Cuba.
A temática urbana que inauguran os libros antes citados segue presente na obra titulada Un home de pau (1999), obviamente fóra xa do ciclo da emigración e configurando un cuarto núcleo. Son quince relatos centrados na vida da cidade e nos inconvenientes que nela encontran os seres humanos para a realización: cousificación, masificación, soidade, illamento, incomunicación, ruído, acoso publicitario, présa, tráfico, falta de zonas verdes, etc. O propio autor ten explicado que con estas historias tento achegarme mediante alegorías a algunhas das eivas crónicas que padecen as cidades do noso tempo.
Os alardes técnicos de Camiño bretemoso teñen o seu contrapunto nas tres obras que compoñen o quinto e derradeiro núcleo narrativo dos arriba sinalados, reunidas polo autor no volume Charamuscas (1993). Dúas delas –Lar e Nai- están máis próximas á linguaxe poética que á narrativa, dado que nas breves secuencias que as compoñen os elementos argumentais ceden perante a evocación acentuadamente subxectiva e emocionada do que o Neira Vilas emigrante deixou atrás. Na primeira recréanse os espazos, os obxectos e as xentes da infancia rural do autor. Na segunda, reconstrúese con breves trazos a figura da nai. Por último, en Pan estas evocación líricas van acompañadas dun maior desenvolvemento dos elementos narrativos, para daren lugar a trinta e nove estampas cunha técnica e estilo moi semellantes aos empregados por Castelao en Cousas. Neira Vilas ofrécenos de forma densa e sintética un resumo de todo o seu mundo narrativo anterior a través dunha nutrida galería de personaxes: o cacique, o xornaleiro, o emigrante, a regateira estraperlista, o mutilado de guerra, etc.