eu

eu
eu

mércores, 28 de outubro de 2026

A meu pai, no seu décimo cabodano


 

Envólvome na manta cálida do teu recordo.

Evoco a túa voz, o teu riso e o teu paso.

Abro unha xanela de memoria luminosa

pola que penetran os teus xestos

de pai abnegado, humilde e xeneroso.

 Axeonllo o meu corazón ante a lembranza do teu exemplo,

a dimensión da túa entrega: tanto e tanto amor

destilado en innúmeras horas caladas de dedicación.

 Calco os pés nos camiños firmes que trazaches contra o escuro.

Bebo nos ventos que alimentaron día tras día

os lumes do teu peito, incendiado de honradez,

repleto de apertas acolledoras, caridade e compromiso.

 Respiro fondo nos bosques cheos de afecto

que un día sementaches sen poñer taxa, a eito,

sen esixir absolutamente nada a cambio.

 Elévote á altura na que quero medirme acotío.

 Abrázome ao fulgor da túa existencia:

tesouro dondo, cristalino e intacto

que me acompañará mentres eu propio perdure.

 

 

EMILIO XOSÉ ÍNSUA

28 de Outubro de 2026