eu

eu
eu

sábado, 17 de maio de 2014

NOTAS SOBRE O POETA DÍAZ CASTRO, CON VIVEIRO AO FONDO

Celebramos un ano máis o Día das Letras Galegas, tendo desta volta como figura obxecto de homenaxe e de estudo ao escritor Xosé Mª Díaz Castro (1914-1989).

Algunhas circunstancias vitais, como a súa orixe xeográfica (naceu na aldea de Os Vilares, en Guitiriz) e o seu paso polas aulas do Seminario de Mondoñedo, convérteno automaticamente nunha figura moi próxima a nós, os viveirenses. Recoñecemos doadamente a paisaxe chairega que marca os seus versos e achamos familiar parte da súa peripecia formativa na vella e clerical Vallibria, pois, mutatis mutandi, foi a mesma pola que pasaron figuras tan de noso como Pastor Díaz, Noriega Varela, Fernando Pérez Barreiro, Chao Espina, Benjamín González Quelle ou, en datas máis recentes, Xosé Ramón Goás Gómez, Ricardo Timiraos ou Vicente Míguez. Mais é posíbel sinalar, ademais, algúns outros fíos que enlazan o noso autor coa vila do Landrove.

O primeiro deles é a súa concorrencia na nutrida nómina de poetas que viron reproducidos os seus versos no Heraldo de Vivero no período anterior á infausta Guerra do 36. 

 Efectivamente, o Heraldo acolleu no seu exemplar de 2 de xullo de 1932 o poema intitulado “As formigas”, que acaba de ser exhumado polo noso amigo Armando Requeixo no volume Poesía galega completa (Galaxia, 2014). En realidade, esa poesía vira lume previamente, o 28 de xuño do propio 1932, no xornal El Progreso Villalbés, que fundara en 1921 o pintor de orixes gaditanas, activo propagandista católico e político de dereita José Enríquez Chanot (1873-1933). Xosé María Díaz Castro contaba apenas 18 anos de idade nesa altura. Velaquí o texto:

AS FORMIGAS

Un resario mouriño, mouro, mouro,
a soñar baix'o sol,
n-un vieiro de lume, branco, branco…
Todas levan a Cruz, ¡válla-me Dios!

¿Qué buscades, irmáns do meu camiño?
¿Qué soniño tamén levades vós?…
¡Ai, qu'o día é moi longo, longo, longo!
¡é grande o día nas máns do sol!...

Bule, bule, bule, bule…
Obreiriñas de Dios Noso Señor,
estradas por toxales e carreiro,
¿qué soniño na i-alma leváis vós?

…Unha noite, Dios mio, de traxedias,
das traxedias que dan no corazón,
non sei que meigas nebras torceron o camiño,
e perdéron-se os pasos, sin lus, ¡válla-me Dios!

Romeiras pequeniñas
de Dios Noso-Señor…
¡vós a bandeira do traballo erguestes,
n-unha fame ideal de redención,
e no lenzo azulado sobr'os ventos
escribistes o voso corazón!…

Romaxe longa, longa;
cansadiña romaxe d' El Señor…
¿qué frol azul os vosos ollos miran?
¿qué soniño leváis no corazón?

Como é ben sabido, o Heraldo de Vivero, tras iniciarse na esfera pública na órbita do partido liberal e colocarse ao servizo de Soto Reguera, viviu nos anos da Ditadura de Primo de Rivera un período de bandazos e tensións internas na liña editorial considerábeis, abalado entre dúas tendencias contraditorias e antagónicas: a filosocialista e esquerdista de Esteban Fernández Temprano e Agapito García Atadell, por unha banda, e a católica e dereitista da mocidade que impulsaba o renacer da “Juventud Católica” (Ramón Canosa, Salvador Pérez-Labarta Pillado, Eiroá, Leal Ínsua, Chao Espina...). Foi esta última a que finalmente se fixo coas rendas da publicación e a pilotou ata o estourido da Guerra. Precisamente por iso, ata onde coñecemos, as páxinas do semanario nos finais dos anos 20 e durante todo o período republicano énchense de textos poéticos escritos por autores e autoras de marcada confesionalidade relixiosa (varios deles son sacerdotes), de procedencia xeográfica moi próxima a Viveiro e que profesan, ademais, rendida admiración estética (e ética) polo escritor Noriega Varela, de quen son en última instancia verdadeiros discípulos. Referímonos a Carmiña Prieto Rouco (tía por parte de mai dos sacerdotes viveirenses coñecidos popular e cariñosamente como “Os Tonis”, D. Manuel e D. Antonio Crespo Prieto), Ramón Salgado Toimil, Xosé Trapero Pardo, Daniel Pernas Nieto, Celestino Cabarcos Suárez, Leoncio López de las Casas e un longo etcétera. Visto nesta perspectiva, o contido do poema “As formigas” non pode ser máis revelador do pensamento ético e estético de Díaz Castro: relixiosidade franciscanista, virxilianismo, clasicismo formal...

Un segundo fío de relación de Díaz Castro con Viveiro topámolo no feito de que compartiu aulas e amizade estreita en Mondoñedo cunha figura sacerdotal que deixou unha forte imprompta no vivir relixioso e social da nosa vila na segunda metade do século XX. Referímonos ao defunto cura párroco de Santa María, D. Antonio García Mato, vilalbés de nacemento e fillo adoptivo de Viveiro a título póstumo, como é sabido. No Seminario mindoniense, Díaz Castro e D. Antonio compartiron pupitre e así o testemuña a poesía do autor de Nimbos intitulada “A nòsa clás”, que formaba parte dun libro inédito denominado Follas verdes. Cantares e romances que foi escrito en Mondoñedo en 1934 e que acaba de ser resgatado do esquecemento pola man experta do profesor Requeixo, antes xa citado:

A NÒSA CLÁS

A nòsa clás é a pirmeira:
É un Consello de dèz sábios,
con fina espada na lèngua
i-etèrna risa nos labios.

Aquí têdes a Albariño
i-a Castro Prieto sentados:
están comentando todo
canto hai dos cèios pra baixo.

Cerca de Díaz Pichín
veredes a Díaz Castro;
Este ousèrva e cala a boca,
e Pichín está calado.

Fernández Xusto e máis Murias
equí están parrafeando:
disenten, dán-se bilizcos,
e fan resonar o banco.

Elí detrás aparexan
Ónega e García Mato:
Mato rî-se, rî-se e rî-se,
i-Ónega dibuxa un sapo.

Axúntan-se Joseíño
e Rodríguez Lorigados:
Joseíño empèza un conto,
e Lorigados acába-o.

A nòsa clás é a pirmeira,
i-está feita de déz sábios,
Albariño empeza a roda,
e da-lle fin Lorigados.

A nòsa clás é a pirmeira,
e ninguén lle tòca o sacho,
¡Viva a nòsa clás, rapaces!
¡Decide viva, ou vos mato!

Díaz Castro e D. Antonio xuntos adquiriron pouso de saber teologal, humanista e clasicista e xuntos cultivaron esa afabilidade bondadosa que as persoas que máis intimamente os trataron proclaman como trazo elemental dos seus respectivos caracteres. Mais, hai que dicilo tamén, xuntos viviron con extrema anguria ideolóxica a xeira republicana e ao unísono reaccionaron converténdose en expoñentes desa actitude de “cruzada” e dese pensamento “nacional-católico” que pouco tempo despois había de informar a retórica do bando proditatorial do xeneral Franco.

E un terceiro e derradeiro elo que engarza o noso escritor coa Terra e coas xentes de Viveiro estriba na súa relación de cordial amizade con, cando menos, dúas figuras relevantes.

A primeira, a do xornalista Xulio Xiz Ramil, outro viveirense adoptivo de corazón, a quen todos coñecemos como presentador durante décadas da Mostra Folklórica Internacional organizada por “Bágoas da Terra”. Coñecéronse en 1970 e desde entón, o xornalista, secundado polo sacerdote e animador da asociación “Xermolos” Alfonso Blanco Torrado, non fixo máis que traballar con acerto pola difusión e recoñecemento do poeta de Os Vilares: dedicoulle artigos en El Ideal Gallego, púxoo en contacto con estudosos da nosa literatura como Carvalho Calero e Araceli Herrero, fíxolle entrevistas para a radio, elaborou un video documental en 1991 sobre a súa figura, etc.

O outro viveirense amigo de Díaz Castro foi o poeta e xornalista Francisco Leal Ínsua (1910-1997), con quen compartiu xa antes da Guerra colaboración nas páxinas da revista semanal mindoniense Vallibria, que se fundou en xaneiro de 1930 e que dirixía outra figura entrañabelmente vinculada á historia do Heraldo, Xosé Trapero Pardo (1900-1995). Cando Leal marchou a Madrid en 1961, para dirixir a revista Mundo Hispánico, tivo ocasión de reencontrarse co seu vello coñecido, que desde 1949 traballaba na capital española como tradutor titulado do Instituto de Cultura Hispánica e do CSIC. Segundo indica, máis unha vez, Armando Requeixo, Díaz Castro traballou para a revista que dirixía Leal facendo traducións para o castelán de artigos de colaboradores estranxeiros.

Na Fundación Penzol, en Vigo, gárdanse algunhas das cartas que Díaz Castro cruzou con Fernández del Riego e Ramón Piñeiro. Ben significativo resulta un dato que se acha nelas: cando Galaxia imprentou en 1961 o único libro édito en vida de Díaz Castro, esa xoia da nosa poesía denominada Nimbos, o de Guitiriz dirixiuse aos citados responsábeis da editora para facer repaso dos exemplares de cortesía que necesitaría para cumprimentar a aquelas persoas que sentía máis próximas. E a súa listaxe era esta: “Yo pienso dedicar mi libro a Iglesia Alvariño, Díaz Jácome, Celso Emilio Ferreiro, Novoneyra, Leal Insua, Ben-Cho-Shey, Presidente de la Real Academia y otros”.

Rematamos agardando que estas liñas dedicadas a glosar a relación que existiu entre a figura de Díaz Castro e a Terra de Viveiro sexan un convite e un acicate para achegarse e ler e gozar da obra dun autor que escribiu marabillas poéticas como esta:

COMA BRASAS

Poeta ou non, eu cantarei as cousas
que na soleira de min mesmo agardan.
Alumarei con fachas de palabras,
ancho herdo meu, o mundo que me deron.

Ehí están, coma brasas contra a noite,
as vellas cousas, cheas de destinos.
Ollos que piden, de famentos nenos.
Ollos que esperan, dunha adoescente.

Galiza en min, meu Deus, pan que me deron
leite e centeo e sono e lus de aurora!
Longa rúa de mar, fogar da terra,
i esta crus que nos mide de alto a baixo.

Con este alento, eu lles darei ás cousas
o drama cheo que lles nega a vida:
dareilles rostros, pra que se conozan,
palabras lles darei pra que se entendan...


EMILIO XOSÉ ÍNSUA
S. de E. TERRA DE VIVEIRO

luns, 12 de maio de 2014

DISCURSO COMO PRESENTADOR DO MITÍN DE ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA EN EUROPA EN VILAGARCÍA (11.5.2014)


O domingo día 11 de Maio participei en calidade de presentador (como independente e a título estritamente persoal) no acto que AGE en Europa celebrou na Praza da Peixería, en Vilagarcía de Arousa. Moitos amigos e amigas alí presentes pedíronme despois que divulgase o texto das miñas intervencións. Velaquí fica para quen quixer lelo:


PRIMEIRA INTERVENCIÓN

Moi boas tardes, amigos e amigas, compañeiros e compañeiras. Saúde a todos e todas!

Moitas grazas pola deferencia de acudirdes a este acto público, sexa para arroupardes nuns casos ou sexa simplemente para coñecerdes de primeira man, noutros, as propostas programáticas e as alternativas da candidatura da Alternativa Galega de Esquerda en Europa. Uns e outros sede todos benvidos!

Quixera, antes de máis nada, deixar explicitado o meu persoal agradecemento ás tres forzas políticas organizadoras do acto, ANOVA, EU-Os Verdes e Espazo Ecosocialista, por convidarme a participar como presentador. Considéroo toda unha honra, un privilexio e unha demostración de afectuosa irmandade. Agardo de corazón saber e poder estar á altura da encomenda.

Non pertenzo a ningunha desas tres organizacións, pero, como galego, como persoa de esquerdas e como cidadán, acudo con ilusión e con responsabilidade ao seu chamado, na consciencia de que, como expresou o cantautor cubano Silvio Rodríguez nunha das súas creacións

La era esta pariendo un corazón.
No puede más,se muere de dolor,
y hay que acudir corriendo
pues se cae el porvenir
en cualquier selva del mundo,
en cualquier calle.

Debo dejar la casa y el sillón.
La madre vive hasta que muere el sol,
y hay que quemar el cielo
si es preciso, por vivir,
por cualquier hombre del mundo,
por cualquier casa.

Desde que o Madrid e o Barça xogan cada temporada cinco ou seis “partidos do século” e desde que cada eliminatoria da Champions é “histórica”, o adxectivo “histórico” padece unha certa banalización.

E, no entanto, parece innegábel que os pobos e as sociedades viven instantes no seu decorrer que cabe cualificar así. Coxunturas onde se poñen sobre a mesa proxectos de convivencia, regras de xogo sociais e alternativas políticas que condicionarán o devir comunal por lustros ou por décadas. Contextos onde a partida entre o descarnado egoísmo connatural do capitalismo e a humanizadora utopía do ben común parece que se resolverá a todo ou nada.

E na Galiza presidida por ese cínico visitador despistado de montañas onde había neve que responde ao nome de Núñez Feixó, e na España dese esforzado señorito pontevedrés rexistrador da propiedade, compulsivo lector do “Marca”, que disque anda “moi contento” por como vai todo e que responde ao nome de Mariano Rajoy e na Europa desa chanceler teutona de nome, só de nome, anxelical, a señora Merkel, que anda a mandar aos gobernos que estampen si ou si nas constitucións dos seus estados que antes estará o deber de pagar á Banca que o deber de atender as propias sociedades necesitadas de pan, traballo, teito e liberdades, estamos, non vos caiba a menor dúbida, nunha desas horas históricas e transcendentais.

Non é por acaso que o lema da coaligación AGEen Europa sinale con rotundidade: “É a hora do pobo!”. Porque estamos convocados o día 25 de maio a determinar co noso humilde pero poderoso voto quen gaña esta partida entre os que converten Europa e o mundo nun espazo de explotación, sufrimento e desigualdade e os que loitan por un modelo europeo que poña as persoas e os pobos antes que os capitais e os dereitos individuais e colectivos antes que as ganancias.

E non vale absterse moi indignados ou ficar na casa todos cheos de razón, porque os partidarios do statu quo, de que nada mude, poden gañar as eleccións o día 25 por partida dobre: se moven os seus siareiros fieis, claro!, pero tamén, aínda que eses siareiros sexan cada vez menos, de certo, se aquelas persoas que queremos cambiar de raíz as cousas non acudimos ás urnas a darlle unha viraxe en redondo ao rumo político austericida polo que nos están levando.

Este estado de cousas que vivimos nos últimos tempos e que veñen chamando habitualmente crise, e que, en realidade, non é senón o sistema capitalista en estado puro e desbocado, é un rosario de horrores sociais: aumento da pobreza e das desigualdades, desemprego masivo, deterioro das condicións laborais, rebaixa dos salarios, perda de dereitos, desafiuzamentos de vivendas, represión...

Mais tamén tivo unha virtualidade: destapar e tornar máis visíbeis ca nunca as esencias do proxecto de Europa e de mundo en que nos quere facer vivir a casta privilexiada que goberna: un mundo esencialmente inxusto, guiado pola única racionalidade do lucro, esquilmador dos recursos naturais e depredador da dignidade e dos dereitos que todo ser humano está chamado a poder disfrutar, con independencia da súa raza, cor, orixe, lingua, xénero ou condición.

As clases capitalistas e os seus terminais políticos, financeiros e mediáticos, lanzan nestes días contra as maiorías sociais do Vello Continente a maior ofensiva involucionista do modelo social que se recorda desde o final da 2ª Guerra Mundial. Todas e cada unha das conquistas sociais e cívicas que se acadaran na Europa, froito de loitas populares sen fin durante décadas, e que constituían iso que demos en chamar “estado do benestar” son colocadas hoxe sistematicamente na picota neoliberal, coa complicidade dunhas organizacións de orixes socialdemocratas que non son xa nin a sombra do que eran.

E por iso cómpre reaxir. E por iso cómpre tender mans entre os de abaixo, poñendo de lado matices secundarios e etiquetas pre-estabelecidas. E por iso cómpren alianzas. E por iso aquí tedes os homes e mulleres da Alternativa Galega de Esquerda en Europa que vos van dirixir a palabra para darvos conta das profundas e poderosas razóns polas que queren pedirvos a confianza en forma de voto para os vindeiros comicios europeos do domingo 25 de maio.

PRESENTACIÓN DE XOÁN FAJARDO


A primeira desas persoas é Xoán Fajardo Recouso, vilagarcián de nacemento, informático de profesión, activo en política nas fileiras do PCG e de Esquerda Unida desde que era un adolescente, cabeza de lista e voceiro municipal da candidatura desa forza en 2003, 2007 e 2011 e deputado de AGE pola provincia de Pontevedra, como cabeza de lista que foi nas pasadas eleccións autonómicas, no actual Parlamento de Galiza.

A súa irrupción na política municipal vilagarciá, en 2003, marca probabelmente un antes e un despois. O seu traballo constante e o seu estilo, directo e contundente, transporta aos recintos institucionais, moitas veces prisioneiros de solemnidades impostadas, a forza das indignacións que moitas persoas vivimos a cotío. E aínda que non o escribiu loxicamente pensando nel, venme á cabeza para presentárvolo dunha vez, un poema do seu camarada e correlixionario na distancia Manuel Lueiro Rei, tan vencellado ás terras de Ogrobe, que se titula “Xa sabedes”, recollido no poemario de edición póstuma Derradeira escolma ferida e que di así:


Xa sabedes,
hei seguir cantando o que me peta,
botando fóra o que me morde o peito.

Xa sabedes,
chamareille as cousas polo nome:
ao pan pan e ao viño viño
caín a quen nos mata nos camiños
ladrón a quen nos rouba o pan e hastra o alento
fillo sen nai a quen non sufre a dor
dos que sofriron medos e cadeas,
papanatas, lambóns e burricallos
os lamecús sen tasa pra ir tirando,
malandríns, teixugos, lobos, hienas,
cobra retorta, morcego chupasangues,
verme sen ollos e alacrán maldito
a quen aldraxa e asoballa os pobos.

Son home
e non calo.

Hei seguir cantando o que me peta
pois se non canto e berro
hastra arrebento.
E non quero.

Xa sabedes.

Con todos e todas vós, Xoán Fajardo.

[...]

SEGUNDA INTERVENCIÓN

As persoas que teñen investigado na Historia sinalan que na Ría de Arousa existiu en tempos milenarios un sistema de alarmas para frear os ataques que perpetraban contra ela os lormandi ou normandi, os “homes do norte”. Na Lanzada, en San Tomé, no barrio da Torre da Illa de Arousa, no desaparecido mosteiro vilanovés de San Cibrán de Cálago, en Vilagarcía mesmo non lonxe do lugar que ocupamos e así sucesivamente ata chegarmos ao Castellum Honesti de Catoira, a esas Torres do Oeste “tan tristes e tan soias” cantadas por Rosalía, erguíanse e aínda vemos hoxe as ruínas de toda unha serie de construccións que tiñan esa finalidade defensiva esencial.

Hoxe como daquela tamén necesitamos, diante da ofensiva neoliberal e reaccionaria que padecemos, na Ría de Arousa, no resto da Galiza, no conxunto de pobos da Península Ibérica e na Europa toda, prender lume no alto das almenaras e chamar ás xentes de ben á acción, convocar ao pobo traballador enteiro, ás clases populares e levantar o espírito de loita que aínda sobrevive no corazón decente das maiorías sociais agredidas pola Troika, o Fondo Monetario Internacional e a Comisión Europea.

Atácannos tribos feras, desapiadadas e, avísovos (porque a palabra ten dobre significado), sobrecolledoras.

Xa están aquí, vaciando as nosas despensas, roubando as nosas pensións e aforros, deixándonos sen sanidade gratuíta, desmantelando o ensino público e universal, obrigándonos a traballar máis e peor por menores salarios, colocando concertinas ferintes nos valados, etc. as tribos dos gurtelianos e os pokemianos (recoñecíbeis polos seus bigotes, as súas correas, os seus elegantes traxes regalados e os seus talonarios de mordidas ao tantoporcento), os conderroanos (avaros do noso ouro, nomeadamente en tabletas), os roucovalerianos (tribo aínda sen cristianizar máis que superficialmente), os barcinianos (antigos senadores do Imperio que gardan o seu arsenal nas recónditas montañas suízas, cando non directamente nas cloacas), os montorianos (partidarios da amnistía fiscal aos delicuentes de guante branco e do saqueo das pensións dos emigrantes retornados), os deguindianos (que entran a saco nos petos de todos nós despois de participar como asesores na estafa piramidal dos Lehman Brothers), os aguirreanos (especialmente treinados para loitar e embestir contra os vehículos dos seus opoñentes, sobre todo se son axentes públicos), os paulapradianos (que só combaten en silencio e sempre que reciban “regalos que te cagas” a cambio) e, sobre todo, os cospedalianos, aínda que ben é certo que estes últimos fano só en diferido ou simulando...

Bromas á parte, atácannos, xogan coas nosas vidas, cáusannos sufrimento no presente, hipotecan o futuro dos nosos fillos e fillas e cómpre que nos defendamos!.

PRESENTACIÓN DE YOLANDA DÍAZ

Precisamente a querer defenderse e defendernos, como avogada, como militante da Esquerda Unida e do PCG desde a mocidade, como concelleira en Ferrol entre 2003-2012, como actual coordinadora nacional de EU e como viceportavoz do grupo de AGE no Parlamento de Galiza que é, ven dedicándose desde que ten uso de razón a persoa que vos vai dirixir a seguir a palabra, Yolanda Díaz Pérez.


Dela admiro e envexo, teño que dicilo publicamente, a súa capacidade de cantarlle ás corenta día si e día tamén e de sacar constantemente de quicio a ese individuo que, antes de chegar aonde chegou, aupado na maquinaria inquietante do seu partido, facía prácticas de timonel no barco dun tal Marcial Dorado, de profesión disque fariñeiro.

A Yolanda, á súa coraxe, á súa xusta rebeldía, ao seu compromiso, acáelle este poema de Bernardino Graña intitulado “En contra a desventura reclamamos” que seguramente ela xa coñece e que atoparedes, se o queredes reler despois na intimidade, como Aznar falaba o catalán, no libro Sen sombra e sen amor. Di así:

EN CONTRA A DESVENTURA reclamamos
porque hai nais ferozmente violadas,
e hai imperio global, escravitude
que dan fillos doentes, extraviados...;

porque ás portas de pazos, de despachos,
de antesalas de mármore e frialdades,
agonían no chan negros de fame
anciáns, mozos, meniños desgrazados...;

porque morren cada hora a milleiros,
corazóns inocentes que preguntan
con espantados ollos, acendendo,
nos que teñen conciencia, dor e escándalo...,

porque acoden a nós desesperados
mulleres e homes bos, pobos honrados,
escuros polo sol e a miseria,
pedíndonos traballo, desprezados...;

porque a usura dos ricos agrilloa
nacións empobrecidas, espoliadas,
ateiga inmundos cárceres con tolos
sen luz e sen escola, marxinados...;

porque reinan piratas do petróleo
a converter o mar nun triste estrago,
a matarnos o pan, o peixe, a vida,
a rompernos as praias, a roubarnos...;

porque hai moitos berrando xustamente
con flor branca e pacífica nos dentes
contra o abuso dos fatos e finchados
por Seattle, Praga, Xénova, Florencia,
Lisboa, Gotemburgo, Barcelona,
Porto Alegre, Bangkok, ou Santiago.

Con todas e todos vós, Yolanda Díaz

[...]

TERCEIRA INTERVENCIÓN

Anda preocupado este días o Presidente xunteiro que veraneaba nalgún lugar onde había neve polas ausencias do Beiras a determinadas sesións do Parlamento galego. Que o Beiras comunicase á Presidenta do Parlamento con antelación esas ausencias e, ademais, as xustificase con arreglo a compromisos previos da súa axenda pública, é un detalle menor e sen importancia que un home que non recorda exactamente o lugar onde veraneaba con neve non ten por que recordar tampouco antes de botar a lingua a pacer, claro está. En todo caso, ao ilustre e ínclito de Os Peares parécelle que o Beiras non está a merecer o soldo que cobra como deputado...

Pola parte que me toca como cidadán dunha democracia representativa, e coido que falo en nome de moitas, moitísimas persoas, xa lle podo ir dicindo ao tal ínclito que o Beiras ten a folla de servizos prestados gratis et amore a este pobo máis chea que un ovo e que xa cotizou nas arcas da nosa seguridade social e nacional, práctica e simbólica, máis anos e con máis xenerosidade e brillantez dos que o aprendiz de timonel en barcos de Marcial Dorado podería facelo aínda que tivese coma os gatos sete vidas e aínda que lle durasen os días que lle quedan 25 horas.

Pensa o ladrón que todos son da súa condición. Pensan os dirixentes do PP, co seu líder á fronte, que toda persoa que vai á política vai para o que van eles: á mamandurria e a enriquecerse, como vemos ben pertiño en certos presidentes da deputación que acaban de ser imputados pola Xustiza estes días; a ter retiros dourados en grandes empresas con porta xiratoria desde e para a política “de alcurnia”, ás que antes beneficiaron coas súas decisións ministeriais (lembrades Eduardo Zaplana, Josep Piqué, Loyola de Palacio, Pilar del Castillo...?); a contratar sen transparencia nin concurso coas empresas dos familiares e dos amigolos, ¿ou que outra cousa senón son as redes Gürtel e Pokemon?; a recibir sobres en negro, como fixeron todos e cada un dos líderes do PP durante o aznarato; a chupar dietas indebidamente como o Cristóbal Montoro (que llas pasaba ao Congreso sendo propietario de tres pisos en Madrid) ou, máis preto de nós, o Rodríguez Miranda de Allariz (antigo voceiro parlamentario do PP no Hórreo que tamén as cobraba indebidamente, por desprazamento); a enchufar en altos postos ben remunerados aos seus familiares, como acaba de facer días atrás a conselleira de Sanidade co seu marido e recompensar despois con asesorías a dedo aos membros do tribunal que fixeron a manganchada; e así poderíamos seguir enunciado casos e casos, exemplos e máis exemplos ata a náusea, esa náusea que fai que cando abesullamos as siglas PP interpretemos nelas non Partido Popular senón Partido Podre, ou sexa, como indica a propia etimoloxía da palabra, Corrupto.

¿E os líderes dese Partido Podre, incursos tantos e tantas deles en delitos de prevaricación, de falsidade, de estafa, de apropiación indebida, de nepotismo..., reos todos eles dun monumental fraude á democracia e á facenda pública por levaren durante lustros unha contabilidade en B encabezada polo Bárcenas a quen Rajoy recomendaba vía sms “Sé fuerte·”, etc. e alimentada por ese grupo de magnates e mangantes, encabezados polo banqueiro Botín, de apelido revelador, que queren despido libre, fóra pensións, fóra convenios colectivos, fóra salario mínimo, fóra servizos de protección social, etc., eses líderes do Partido Podre, digo, son os que lle veñen esixir honestidade persoal, honradez política e renuncia salarial ao Beiras? Évos o conto para rir se non fose verdadeiramente indecente e indignante...

PRESENTACIÓN DE BEIRAS

Presentarvos ao Xosé Manuel Beiras é, en certo modo ben o sei, tempo perdido. Coñecedes de sobra a súa traxectoria, o seu carácter, o seu compromiso, a súa loita, a súa capacidade e a súa entrega apaixonada. Tomo emprestadas, en todo caso, unhas palabras do escritor Xosé Mª Álvarez Cáccamo para proclamar que

“No espazo ideolóxico de Galiza habita unha fonte de enerxía que chamamos Beiras. É motor de enerxía limpa, natural e renovábel. Alternativa. Fronte ao desarmamento ideolóxico da esquerda institucional, fronte ao rearmamento monopolístico do pensamento reaccionario e do capitalismo depredador, que nos esmaga con fórmulas propagandísticas, económicas e militares de acción fascista, Beiras pronuncia a súa confianza na forza do nacionalismo emancipador en diálogo coa voz dun novo suxeito histórico plural e internacional. E nós, moitos de entre nós, apostamos por esas certezas da vontade colectiva (...)”

Beiras é para moitas e moitos de nós esa figura referencial imprescindíbel deste tempo e desta hora en que toca construír, por riba de desencontros puntuais, de reticencias herdadas, de erros efectivamente cometidos e de pasos dados en falso, ese novo espazo político amplo, plural, horizontal e combativo que este maltratado país noso necesita como auga de maio e éo, como moi ben sintetiza nos seus versos outro poeta amigo seu (que tamén o é meu), Miguel Anxo Fernán Vello,

“Porque estás cos de abaixo, co pobo maltratado,
coa dor que non se expresa, coa xente do común”.

Con todos e todas vós, Xosé Manuel Beiras.

[...]


DERRADEIRA INTERVENCIÓN: PRESENTACIÓN DE LIDIA SENRA

Enfiamos xa o remate deste acto público e toca presentarvos a quen sendo hoxe a última das oradoras, por orde de intervención, ha de ser a partir do 25 de maio, con certeza, unha das nosas principais voces defensoras no Parlamento de Estraburgo.

Ela é Lidia Senra Rodríguez, unha nena da aldea nacida na Pobra do Brollón á que lle naceu a conciencia cando comprobou no instituto de Monforte de Lemos que os compañeiros señoritos se rían dela por ser do rural, muller e falar galego; unha moza que participou na loita contra a cuota empresarial agraria cando aínda Franco non acabara de morrer; unha muller que accedeu á máxima responsabilidade organizativa das Comisións Labregas en 1984 e exerceu logo a secretaría xeral do Sindicato Labrego Galego entre 1989 e 2007, parándolle os pés aos que de portas para dentro querían que a organización que ela encabezaba fose mera correa de transmisión de non se sabe que consignas. E, dando un exemplo extraordinario, cedeu logo a secretaría xeral sen deixar a militancia para pasar a vivir dos produtos da súa explotación familiar agraria en Vedra. Fálovos dunha das artífices da existencia desa magna organización labrega e altermundista chamada Confederation Paysanne Europenne. Fálovos dunha das principais activistas femininas da Vía Campesina, defensora pioneira do modelo de agricultura familiar sostibel, da soberanía alimentar e da agroecoloxía.

Non sei se entre os futuros 751 deputados que ocuparán os escanos do Parlamento de Estrasburgo a partir do día 25 de maio haberá moitos e moitas que se poidan presentar coa fortaleza, coa paixón, co convencemento e co compromiso con que o vai facer Lidia e que poidan intervir ademais desde a tribuna dicindo coa boca chea e sentíndoo a corazón batente de orgullo no peito como poderá ela: “SON A VOZ DO POBO”.

Con todas e todos vós, Lidia Senra.

[...]

sábado, 10 de maio de 2014

UN NOVO LIBRO POÉTICO DE CÁNDIDO DURO


Hai non moitos días visitei, por razóns derivadas do meu labor como sindicalista do STEG, o instituto “Aquis Celenis” de Caldas e aproveitei a ocasión para conversar unha miga e tomar un café co vello amigo Lois G. Magariños, a quen había xa algún tempo que non vía. Na concisa conversa, indo e vindo de tema en tema, apareceu que o noso común camarada poético Cándido Duro viña de editar un novo libro. O comentario que me fixo Lois entón non puido ser máis sintético e elocuente: “O libro é Canducho en estado puro”. Poucas xornadas despois Moncho da Cabanillas reclutábame para este acto e Saúl Otero pasábame un exemplar impreso da obra...

Agora que xa lin o Manual de astronavegante vexo toda a lucidez e acerto que encerra o cariñoso comentario de Lois e confeso que, por máis que o intente, non serei quen de achegar unha mellor definición do poemario: Canducho en estado puro. Mais, en que consiste esa pureza?, preguntarédesvos os que por acaso non coñecedes o autor nin tedes noticia ou contacto coa súa obra precedente. Que estilo, que temas e que trazos a definen? Vaiamos por partes para explicalo.

Cándido Duro Domínguez é un escritor nado en Pontecesures o 7 de outubro de 1965, no seo dunha familia de extracción popular, emigrante e traballadora (ferreiro, o pai; peixeira, a nai). Vítima desde moi cedo dun sistema educativo, diriamos coa xerga pedagóxica actual, que non atendeu as súas necesidades educativas especiais nin soubo administrar as súas precoces e apaixonadas competencias e vocacións (as literarias, as reflexivas e as cívicas), talvez por iren envoltas desde o comezo en xuvenil rebeldía desmascaradora e en insubmisa inadaptación xeral ao hipócrita e inxusto medio dominante, axiña se botou Cándido ao mundo do traballo para gañar o pan de cada día coa suor da súa frente, mais sen renunciar por iso, máis ben ao contrario, a cultivar a escrita na compaña alentadora doutros mozos de Pontecesures e contorna, entre os que cabe amentar ao xa citado Lois Magariños, a Fernando Rodríguez, a Luís Álvarez Angueira, a Begoña e a outros dos promotores de revistas tan paveras e incisivas, por contestatarias, como O coche de pedra.

Obreiro das palabras e obreiro manual, fundador precoz dunha familia con fillos de nome bíblico (Ezequiel e Xacob), pasou nun tempo por fundacións formativas de certo sindicato que lle ensinou que non todo o que de revolucionario e patriótico reloce é ouro e que entre os que máis forte parecen berrar envolvéndose en bandeiras proletarias tamén hai vividores, trepas, tiralevitas e, maiormente, sectarios. Fun testemuña directa do proceso e compartín a acedume do desencanto deses días con Canducho. Penso que desde entón, considerámonos algo máis que simples coñecidos... E cómpre dicir que tamén nos uniu moito e cordialmente a común participación nas actividades da lembrada asociación cultural cambadesa “Santa Compaña”, a finais dos anos 90.

Das voltas laborais e das reviravoltas vitais que viñeron despois, en precipitada sucesión de felicidades e fracasos, de rupturas e resurreccións, mellor fala e informa a propia poesía confesional do noso autor do que o podería facer eu, de maneira que entrarei sen máis demora no repaso da súa traxectoria autorial, sempre buscando que entendades esa definición do Manual de astronavegante como Canducho en estado puro coa que empecei este meu relato.

A traxectoria comezouna Cándido autoeditando en 1989, con tan só 24 anos, o volume Breixo, monólogo dun traballador baixo a choiva. Este primeiro libro inscríbese de cheo na estética do socialrealismo poético galego. É, pois, unha obra epigonal dunha tendencia que ocupara o centro do escenario a raíz da Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro (homenaxeado explicitamente por Cándido na obra, por certo, como moitos outros autores da poesía social: Miguel Hernández, Víctor Jara, Gabriel Celaya, Blas de Otero...), mais que nesa altura retrocedía desacreditada e un moito gasta ata a marxinalidade, empurrada polo “boom” da chamada “poesía dos 80”, repleta de culturalismo e sensualidade, sumida en venecianos aires e alérxica, xaora, a todo atisbo de compromiso explícito no verso.

Lido hoxe, este primeiro libro de Cándido revela un algo de inxenuidade, transparenta as lecturas iniciáticas que están na base da súa composición, presenta talvez moitos versos sen puír (“o meu verso sae en bruto e déixoo en bruto”, recoñece el propio no limiar) e aparece lastrado en exceso por unhas formulacións temáticas de fondo que resultan consabidas e tópicas. Mais no seu favor direi que conserva frescas, cando menos para min, dúas características que pasarán a configurar ese “estado puro” do Canducho poeta que queremos definir. 

A primeira é a capacidade de exploración e emprego de recursos expresivos moi diversos que levan a poesía lonxe dos territorios do xeroglifo cifrado só apto para exquisitos versófagos e a achegan á condición de “xénero total” e totalizador, á procura de públicos tan amplos como intelixentes: aquí un xogo de palabras, logo un símbolo químico, alí un caligrama, acolá un lema comercial parodiado, máis adiante un verso directamente manuscrito, aló un xogo tipográfico, agora unha fórmula físico-matemática, aquí un palíndromo, a seguir un estribillo, de súpeto unha imaxe inédita ou unha metáfora chea de forza e orixinalidade... Nada foxe ao aspirador poético-lingüístico que aplica o autor sobre a realidade para, despregando toda clase de ferramentas formais da linguaxe, apreixala, condensala, extractarlle a cerna ou desmascarala. Poesía chea de vida, sobre a vida, para a vida, que se expresa ora con contundencia, ora con apuro, ora con raiba, ora con sarcasmo, ora con acentos de delicado lirismo, nunca con finximento, xamais con afectación, lonxe de poses preconcibidas para a feira das vaidades literarias nas que nunca quixo participar. 


A segunda característica valiosa presente xa en Breixo e que fecundará o resto da traxectoria de Cándido, ata chegarmos ao Manuel de astronavegante, é o mundo referencial propio e confesional que formula e debulla, no que é posíbel distinguir diversos nódulos reiterados, moitos deles conmoventes, carimbados polo selo da autenticidade máis pura e esencial:

    • a evocación da infancia pobre mais feliz, marcada pola emigración do pai e polas estreiteces materiais;
    • a inadaptación ao medio escolar e social dominante;
    • os choques adolescentes coas angurias sobre o futuro que experimenta a súa familia (seus pais advírtenlle reiteradamente que de poeta non se pode vivir e que non se pode ser teimudo e protestón como unha burra de Caldas...);
    • o espertar da conciencia crítica fronte ao mundo e aos demais;
    • as experiencias da explotación cotiá no traballo;
    • o contraste dos valores humanistas coa realidade insolidaria, cínica, inxusta e abusadora en que se instalan os privilexiados;
    • a procura do amor e da plenitude vital;
    • a vivencia desgarradora da soidade e da incomprensión;
    • os autorretratos reflexivos;
    • o afán por condensar no verso o que se leva e proe nos adentros; etc.   
En Breixo xa está o “astronauta azul”, a “burra de Caldas”, o aprendiz de poeta á procura de voz propia, o anotador en servilletas de papel, o perpetuo reflexivo que fuchica nas feridas do espírito ou o lúcido rebelde que zorrega no lombo da mentira social cun látego de sarcasmo tan eficaz como iconoclasta. 

Precisamente o grande mérito que eu proclamaría na traxectoria xeral de Cándido como poeta é ter sabido ir afinando pouco a pouco, tanto formal como perlocutivamente, os seus poemas para acadar unha voz propia, inconfundíbel, coa que seguir contando, en esencia, o mesmo sempre suxerente mundo referencial que xa presentara no seu primeiro libro... isto é, Canducho en estado puro... 

O xardín das matanzas, editado a medias en 1996 nun mesmo volume da colección “Dobre Espacio” da A.C. Santa Compaña de Cambados, co Manuscrito de poeta con suicidio final, de Pedro Gonzalves, con ilustracións de Lois Magariños e Saúl Otero, respectivamente, supuxo un paso adiante moi firme na traxectoria do noso autor. Canducho, sen renegar dos modelos da poesía social e mesmo homenaxeándoos en forma de citacións ou texto adicados (Manuel María, Blas de Otero...), aprendeu aquí a depurar, a prescindir, a seleccionar e non por iso renunciou a continuar expresando ese puñado de verdades vitais contraditorias, por veces corrosivas, que alimentan o seu verso. O novo libro sitúase maiormente na órbita da poesía da experiencia e amosa un pendor intimista e autorreferencial, con algunha excepción na liña da poesía social sarcástica e irónica.

Os poemas de O xardín das matanzas van abalando entre a plenitude e o desacougo, entre a ardencia do amor e a friaxe da soidade. O eu recoñécese sumido nun mar de dúbidas, traído e levado por ondas de signo contraditorio, propietario dun “almacén de derrotas”. Hai esperanza e desespero, ledicia e tristura, soidade e compaña, serenidade e axitación, acougo e fervenza; hai un Cándido que toca fírgoas de luz e outro Cándido que se sente preso na “torre da derrota” e “náufrago á deriva” como “un astronauta polos espacios intergalácticos”... Cando o eu poético se disfraza de pobre tolo chamado Urdo Dancodi Minugódez constrúe un autorretrato lírico e irónico ao mesmo tempo no que é doado recoñecer trazos que reaparecerán no Manual de astronavegante:

“Velaquí un home
chamado Urdo Dancodi Minugódez,
fillo de Cándido o ferreiro e Rosa.
De profesión obreiro da palabra
coa voz muda enterrada na area do deserto
dos indios chumichumas do Cesurestám (...)”.

No 2001 apareceu o terceiro libro de poemas de Cándido, Rompendo os adivais da gorxa. Confésovos que non pode dicir moito del, pois só coñezo catro poemas que lin por internet. A cousa, ben sei, ten delito pola miña parte: unha persoa coma min que ten chea a casa de libros e que presume de estar moi ao tanto do que en poesía galega se fai e se edita e non ten o libro dun amigo... Máis imperdoábel aínda resulta que non teña Rompendo os adivais da gorxa cando constitúe, ata onde sei, o único libro do mundo mundial onde un poema está inspirado nun verso da miña autoría:

"As palabras limitan co silencio máis ca nunca"
Emilo Xosé Insua


Porque sinto a necesidade
de botar sobre os ollos
unha placa de cemento armado
para non ver o que vexo.

Porque doen os ollos
coma se tivesen miñocas dentro.

Porque me doe sentir a friaxe desta gorxa muda,
a friaxe destes dedos sen tento
incapaces de abrir as portas
ás caricias.

Porque choro de rabia.

Porque son incapaz de largar os aparellos
e defender este humilde oficio
de pescador de palabras e de soños
como peixes neste mar sen nome,
este oficio que me leva
a pegar cos puños nas paredes
e berrar de dor
ata romper os adivais da miña gorxa.


En fin, apliquémonos o sabio refrán: En casa de ferreiro, coitelo de pau....

Deses escasos poemas de Rompendo os adivais da gorxa que coñezo deduzo, non obstante, unha esencial continuidade coas liñas temáticas e expresivas dos libros anteriores. Vexo, ademais, que poboan os versos imaxes, evocacións e metáforas que volven aparecer no Manual de astronavegante.

Aí está a rapazada rillota de Pontecesures á que Cándido pertenceu, feliz na pobreza e millonaria en soños, que fana (fai a gata) ás clases de Don Elías para xogar ao fútbol con botellas de plástico e porterías imaxinarias e que gasta dez pesetas aos domingos na taberna de siña Pepa a Barcalesa mentres ve a tele en branco e negro, soñando ser astronauta... Aí está o eu poético confuso e solitario na voráxine dunha cidade, “mundo de cemento e asfalto prefabricado”, chea de reclamos publicitarios e de seres humanos que deambulan con présa, automatizados e en silencio... E aí está o Cándido teimando nas razóns da propia escrita, no sentido último dos soños que se deborcan en versos, agarrado á poesía como a un salvavidas en pleno naufraxio vital:

Escribo si
necesariamente como o ar que respiro
para poder camiñar
cos meus pés de barro
neste río
de lastras
que me leva.

En 2008 Cándido edita Só palabras como garabullos. Faino na colección poética Hipocampo Amigo, que xestiona desde Madrid un poeta e editor de orixes pontevedresas, Sabino Torres Ferrer (1924), que compartiu con Celso Emilio Ferreiro en plena posguerra a aventura da colección de poesía “Benito Soto”.

O libro ten un ton xeral de felicidade e de optimismo que responden, dedúcese, a unha situación vital e familiar de relativa plenitude. A luz inunda a casa habitada, saltan faíscas de humor conxugal nos versos, exprésanse olladas tenras sobre a xente do traballo do noso país de outrora (vellos mariñeiros, patifas, vellos que falan de defuntos que xa non están...), destílase o celme da vida segundo a segundo e axótase a depresión botándoa a patadas...

Non é esta a única mudanza contrastiva do poemario de Cándido con respecto aos anteriores. Hai agora unha aposta clara pola fórmula condensada e esencializada do texto, que devén breve, sentencioso, por veces lacónico, sempre filosófico, na liña do haiku oriental ou da poesía que tamén cultivan por esa época Gonzalo Navaza, xogando cos palíndromos, ou outro amigo e poeta cesureño, Fernando Rodríguez Gómez, en libros como Miradas Ausencias (2004), que mereceu o Premio de Poesía Prados Ledesma do Concello de Viveiro (comigo, Xoán Neira, Isidro Novo e Antóm Fortes no xurado, por certo). En palabras de Cándido:

Palabra

Quérote
por riba de todo
sinxela e transparente

Mais non desaparece, non, o Canducho lúcido e incisivo que olla o mundo criticamente e que ataca o militarismo a conta dos mísiles disque “intelixentes” da guerra do Afeganistán ou que nos advirte sobre os peores lobos, dito sexa en termos do filósofo Hobbes, que non son senón, dinos o poeta, “os disfrazados de ovellas”...

E chegamos así ao Manual de astronavegantes (2013), que é un libro, como case toda a obra de Cándido, autoeditado, desta vez en Meubook. O poemario, composto por 23 textos, ten de novo unha concepción altamente confesional e autorreferencial do discurso e aparece tinguido outravolta de cores emotivas predominantemente grisáceas. O contido deses 23 poemas, penso, pódese agrupar nos seguintes ciclos:

  • Poemas de evocación do tempo infantil (“Burro de Caldas”, “Libreta de escola”, “Casiña na rúa Deputación 39”), que lle serven ao eu poético non só para repasar vivencias dese tempo orixinario, definido por notas como a feliz inconsciencia, a labazada da inadaptación, o fracaso escolar e as angueiras e angurias familiares omnipresentes (traballo, emigración, estreitez económica, doenza...), senón tamén para plasmar o desencanto e a decepción do individuo adulto que non foi quen de catapultar os soños acariñados naquela época até a atalaia da felicidade (“Non veu hoxe Charles Bukowski a saudarnos”, “Discusión familiar”).

  • Poemas de crítica social (“Alta costura en movemento”, “Outro sur”, “Champion league”, “Tantoporcento”, “Chove en Compostela”), que poñen en solfa, con sarcasmo e ironía unhas veces, con raiba outras, valores e prototipos da sociedade capitalista e de consumo que padecemos ou que visan denunciar realidades horrorosas padecidas por seres humanos abandonados á súa sorte polo sistema: inmigrantes que morren en pateras, pobres que remexen nos colectores do lixo para se poderen alimentar, desempregados que non dan atopado traballo, etc..

  • Poemas dedicados a persoas admiradas ou queridas que xa non están entre nós, como “Aldea de Vilar”, en memoria de Xosé Lois Miguéns Castaño; “Artesáns da palabra”, en honra do poeta Manuel María, ou “Da poesía non se vive”, escrito para Manuel Alonso Pérez. A idea do valer e do valor da poesía preside este monllo de composicións.

  • Poemas de indagación no propio eu (“Propósito poético”, “Inventario”, “Presente”, “Ceo despexado”) ou de xélido desamor, que reflicten o fracaso e a ruína paulatina dunha relación humana e sentimental noutrora sinónima de plenitude: “Hoxe xa non é onte”, “Poema da nocturna ausencia”, “Cómpre seguir vivindo”, “Busca”, “Out”...

  • E, por último, un poema final de renacer, vinculado á vivencia esperanzada dun novo amor: “Hai Luz”.
   
Así pois, e xa concluíndo, este Manual de astronavegante, libro que cabe catalogar como de definitiva madurez na traxectoria do seu autor, convídanos a explorar as galaxias do intimismo evocativo e sentimental e as constelacións do compromiso cos desfavorecidos. Canducho en estado puro, dixo Lois Magariños e subscribo eu. Ou sexa: poesía, sentimento, sensibilidade, lucidez, raiba e humanidade regaladas a raudais desde unha voz ferida pola vida.

Moitas grazas pola vosa atención e un parabén moi grande para o camarada poeta Cándido!


[Este texto corresponde á miña intervención no acto de presentación do libro Manual de astronavegante que tivo lugar o día 9 de maio de 2014 en Cambados, organizado polas librarías "Contos" e "Cabanillas"]