eu

eu
eu

luns, 12 de maio de 2014

DISCURSO COMO PRESENTADOR DO MITÍN DE ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA EN EUROPA EN VILAGARCÍA (11.5.2014)


O domingo día 11 de Maio participei en calidade de presentador (como independente e a título estritamente persoal) no acto que AGE en Europa celebrou na Praza da Peixería, en Vilagarcía de Arousa. Moitos amigos e amigas alí presentes pedíronme despois que divulgase o texto das miñas intervencións. Velaquí fica para quen quixer lelo:


PRIMEIRA INTERVENCIÓN

Moi boas tardes, amigos e amigas, compañeiros e compañeiras. Saúde a todos e todas!

Moitas grazas pola deferencia de acudirdes a este acto público, sexa para arroupardes nuns casos ou sexa simplemente para coñecerdes de primeira man, noutros, as propostas programáticas e as alternativas da candidatura da Alternativa Galega de Esquerda en Europa. Uns e outros sede todos benvidos!

Quixera, antes de máis nada, deixar explicitado o meu persoal agradecemento ás tres forzas políticas organizadoras do acto, ANOVA, EU-Os Verdes e Espazo Ecosocialista, por convidarme a participar como presentador. Considéroo toda unha honra, un privilexio e unha demostración de afectuosa irmandade. Agardo de corazón saber e poder estar á altura da encomenda.

Non pertenzo a ningunha desas tres organizacións, pero, como galego, como persoa de esquerdas e como cidadán, acudo con ilusión e con responsabilidade ao seu chamado, na consciencia de que, como expresou o cantautor cubano Silvio Rodríguez nunha das súas creacións

La era esta pariendo un corazón.
No puede más,se muere de dolor,
y hay que acudir corriendo
pues se cae el porvenir
en cualquier selva del mundo,
en cualquier calle.

Debo dejar la casa y el sillón.
La madre vive hasta que muere el sol,
y hay que quemar el cielo
si es preciso, por vivir,
por cualquier hombre del mundo,
por cualquier casa.

Desde que o Madrid e o Barça xogan cada temporada cinco ou seis “partidos do século” e desde que cada eliminatoria da Champions é “histórica”, o adxectivo “histórico” padece unha certa banalización.

E, no entanto, parece innegábel que os pobos e as sociedades viven instantes no seu decorrer que cabe cualificar así. Coxunturas onde se poñen sobre a mesa proxectos de convivencia, regras de xogo sociais e alternativas políticas que condicionarán o devir comunal por lustros ou por décadas. Contextos onde a partida entre o descarnado egoísmo connatural do capitalismo e a humanizadora utopía do ben común parece que se resolverá a todo ou nada.

E na Galiza presidida por ese cínico visitador despistado de montañas onde había neve que responde ao nome de Núñez Feixó, e na España dese esforzado señorito pontevedrés rexistrador da propiedade, compulsivo lector do “Marca”, que disque anda “moi contento” por como vai todo e que responde ao nome de Mariano Rajoy e na Europa desa chanceler teutona de nome, só de nome, anxelical, a señora Merkel, que anda a mandar aos gobernos que estampen si ou si nas constitucións dos seus estados que antes estará o deber de pagar á Banca que o deber de atender as propias sociedades necesitadas de pan, traballo, teito e liberdades, estamos, non vos caiba a menor dúbida, nunha desas horas históricas e transcendentais.

Non é por acaso que o lema da coaligación AGEen Europa sinale con rotundidade: “É a hora do pobo!”. Porque estamos convocados o día 25 de maio a determinar co noso humilde pero poderoso voto quen gaña esta partida entre os que converten Europa e o mundo nun espazo de explotación, sufrimento e desigualdade e os que loitan por un modelo europeo que poña as persoas e os pobos antes que os capitais e os dereitos individuais e colectivos antes que as ganancias.

E non vale absterse moi indignados ou ficar na casa todos cheos de razón, porque os partidarios do statu quo, de que nada mude, poden gañar as eleccións o día 25 por partida dobre: se moven os seus siareiros fieis, claro!, pero tamén, aínda que eses siareiros sexan cada vez menos, de certo, se aquelas persoas que queremos cambiar de raíz as cousas non acudimos ás urnas a darlle unha viraxe en redondo ao rumo político austericida polo que nos están levando.

Este estado de cousas que vivimos nos últimos tempos e que veñen chamando habitualmente crise, e que, en realidade, non é senón o sistema capitalista en estado puro e desbocado, é un rosario de horrores sociais: aumento da pobreza e das desigualdades, desemprego masivo, deterioro das condicións laborais, rebaixa dos salarios, perda de dereitos, desafiuzamentos de vivendas, represión...

Mais tamén tivo unha virtualidade: destapar e tornar máis visíbeis ca nunca as esencias do proxecto de Europa e de mundo en que nos quere facer vivir a casta privilexiada que goberna: un mundo esencialmente inxusto, guiado pola única racionalidade do lucro, esquilmador dos recursos naturais e depredador da dignidade e dos dereitos que todo ser humano está chamado a poder disfrutar, con independencia da súa raza, cor, orixe, lingua, xénero ou condición.

As clases capitalistas e os seus terminais políticos, financeiros e mediáticos, lanzan nestes días contra as maiorías sociais do Vello Continente a maior ofensiva involucionista do modelo social que se recorda desde o final da 2ª Guerra Mundial. Todas e cada unha das conquistas sociais e cívicas que se acadaran na Europa, froito de loitas populares sen fin durante décadas, e que constituían iso que demos en chamar “estado do benestar” son colocadas hoxe sistematicamente na picota neoliberal, coa complicidade dunhas organizacións de orixes socialdemocratas que non son xa nin a sombra do que eran.

E por iso cómpre reaxir. E por iso cómpre tender mans entre os de abaixo, poñendo de lado matices secundarios e etiquetas pre-estabelecidas. E por iso cómpren alianzas. E por iso aquí tedes os homes e mulleres da Alternativa Galega de Esquerda en Europa que vos van dirixir a palabra para darvos conta das profundas e poderosas razóns polas que queren pedirvos a confianza en forma de voto para os vindeiros comicios europeos do domingo 25 de maio.

PRESENTACIÓN DE XOÁN FAJARDO


A primeira desas persoas é Xoán Fajardo Recouso, vilagarcián de nacemento, informático de profesión, activo en política nas fileiras do PCG e de Esquerda Unida desde que era un adolescente, cabeza de lista e voceiro municipal da candidatura desa forza en 2003, 2007 e 2011 e deputado de AGE pola provincia de Pontevedra, como cabeza de lista que foi nas pasadas eleccións autonómicas, no actual Parlamento de Galiza.

A súa irrupción na política municipal vilagarciá, en 2003, marca probabelmente un antes e un despois. O seu traballo constante e o seu estilo, directo e contundente, transporta aos recintos institucionais, moitas veces prisioneiros de solemnidades impostadas, a forza das indignacións que moitas persoas vivimos a cotío. E aínda que non o escribiu loxicamente pensando nel, venme á cabeza para presentárvolo dunha vez, un poema do seu camarada e correlixionario na distancia Manuel Lueiro Rei, tan vencellado ás terras de Ogrobe, que se titula “Xa sabedes”, recollido no poemario de edición póstuma Derradeira escolma ferida e que di así:


Xa sabedes,
hei seguir cantando o que me peta,
botando fóra o que me morde o peito.

Xa sabedes,
chamareille as cousas polo nome:
ao pan pan e ao viño viño
caín a quen nos mata nos camiños
ladrón a quen nos rouba o pan e hastra o alento
fillo sen nai a quen non sufre a dor
dos que sofriron medos e cadeas,
papanatas, lambóns e burricallos
os lamecús sen tasa pra ir tirando,
malandríns, teixugos, lobos, hienas,
cobra retorta, morcego chupasangues,
verme sen ollos e alacrán maldito
a quen aldraxa e asoballa os pobos.

Son home
e non calo.

Hei seguir cantando o que me peta
pois se non canto e berro
hastra arrebento.
E non quero.

Xa sabedes.

Con todos e todas vós, Xoán Fajardo.

[...]

SEGUNDA INTERVENCIÓN

As persoas que teñen investigado na Historia sinalan que na Ría de Arousa existiu en tempos milenarios un sistema de alarmas para frear os ataques que perpetraban contra ela os lormandi ou normandi, os “homes do norte”. Na Lanzada, en San Tomé, no barrio da Torre da Illa de Arousa, no desaparecido mosteiro vilanovés de San Cibrán de Cálago, en Vilagarcía mesmo non lonxe do lugar que ocupamos e así sucesivamente ata chegarmos ao Castellum Honesti de Catoira, a esas Torres do Oeste “tan tristes e tan soias” cantadas por Rosalía, erguíanse e aínda vemos hoxe as ruínas de toda unha serie de construccións que tiñan esa finalidade defensiva esencial.

Hoxe como daquela tamén necesitamos, diante da ofensiva neoliberal e reaccionaria que padecemos, na Ría de Arousa, no resto da Galiza, no conxunto de pobos da Península Ibérica e na Europa toda, prender lume no alto das almenaras e chamar ás xentes de ben á acción, convocar ao pobo traballador enteiro, ás clases populares e levantar o espírito de loita que aínda sobrevive no corazón decente das maiorías sociais agredidas pola Troika, o Fondo Monetario Internacional e a Comisión Europea.

Atácannos tribos feras, desapiadadas e, avísovos (porque a palabra ten dobre significado), sobrecolledoras.

Xa están aquí, vaciando as nosas despensas, roubando as nosas pensións e aforros, deixándonos sen sanidade gratuíta, desmantelando o ensino público e universal, obrigándonos a traballar máis e peor por menores salarios, colocando concertinas ferintes nos valados, etc. as tribos dos gurtelianos e os pokemianos (recoñecíbeis polos seus bigotes, as súas correas, os seus elegantes traxes regalados e os seus talonarios de mordidas ao tantoporcento), os conderroanos (avaros do noso ouro, nomeadamente en tabletas), os roucovalerianos (tribo aínda sen cristianizar máis que superficialmente), os barcinianos (antigos senadores do Imperio que gardan o seu arsenal nas recónditas montañas suízas, cando non directamente nas cloacas), os montorianos (partidarios da amnistía fiscal aos delicuentes de guante branco e do saqueo das pensións dos emigrantes retornados), os deguindianos (que entran a saco nos petos de todos nós despois de participar como asesores na estafa piramidal dos Lehman Brothers), os aguirreanos (especialmente treinados para loitar e embestir contra os vehículos dos seus opoñentes, sobre todo se son axentes públicos), os paulapradianos (que só combaten en silencio e sempre que reciban “regalos que te cagas” a cambio) e, sobre todo, os cospedalianos, aínda que ben é certo que estes últimos fano só en diferido ou simulando...

Bromas á parte, atácannos, xogan coas nosas vidas, cáusannos sufrimento no presente, hipotecan o futuro dos nosos fillos e fillas e cómpre que nos defendamos!.

PRESENTACIÓN DE YOLANDA DÍAZ

Precisamente a querer defenderse e defendernos, como avogada, como militante da Esquerda Unida e do PCG desde a mocidade, como concelleira en Ferrol entre 2003-2012, como actual coordinadora nacional de EU e como viceportavoz do grupo de AGE no Parlamento de Galiza que é, ven dedicándose desde que ten uso de razón a persoa que vos vai dirixir a seguir a palabra, Yolanda Díaz Pérez.


Dela admiro e envexo, teño que dicilo publicamente, a súa capacidade de cantarlle ás corenta día si e día tamén e de sacar constantemente de quicio a ese individuo que, antes de chegar aonde chegou, aupado na maquinaria inquietante do seu partido, facía prácticas de timonel no barco dun tal Marcial Dorado, de profesión disque fariñeiro.

A Yolanda, á súa coraxe, á súa xusta rebeldía, ao seu compromiso, acáelle este poema de Bernardino Graña intitulado “En contra a desventura reclamamos” que seguramente ela xa coñece e que atoparedes, se o queredes reler despois na intimidade, como Aznar falaba o catalán, no libro Sen sombra e sen amor. Di así:

EN CONTRA A DESVENTURA reclamamos
porque hai nais ferozmente violadas,
e hai imperio global, escravitude
que dan fillos doentes, extraviados...;

porque ás portas de pazos, de despachos,
de antesalas de mármore e frialdades,
agonían no chan negros de fame
anciáns, mozos, meniños desgrazados...;

porque morren cada hora a milleiros,
corazóns inocentes que preguntan
con espantados ollos, acendendo,
nos que teñen conciencia, dor e escándalo...,

porque acoden a nós desesperados
mulleres e homes bos, pobos honrados,
escuros polo sol e a miseria,
pedíndonos traballo, desprezados...;

porque a usura dos ricos agrilloa
nacións empobrecidas, espoliadas,
ateiga inmundos cárceres con tolos
sen luz e sen escola, marxinados...;

porque reinan piratas do petróleo
a converter o mar nun triste estrago,
a matarnos o pan, o peixe, a vida,
a rompernos as praias, a roubarnos...;

porque hai moitos berrando xustamente
con flor branca e pacífica nos dentes
contra o abuso dos fatos e finchados
por Seattle, Praga, Xénova, Florencia,
Lisboa, Gotemburgo, Barcelona,
Porto Alegre, Bangkok, ou Santiago.

Con todas e todos vós, Yolanda Díaz

[...]

TERCEIRA INTERVENCIÓN

Anda preocupado este días o Presidente xunteiro que veraneaba nalgún lugar onde había neve polas ausencias do Beiras a determinadas sesións do Parlamento galego. Que o Beiras comunicase á Presidenta do Parlamento con antelación esas ausencias e, ademais, as xustificase con arreglo a compromisos previos da súa axenda pública, é un detalle menor e sen importancia que un home que non recorda exactamente o lugar onde veraneaba con neve non ten por que recordar tampouco antes de botar a lingua a pacer, claro está. En todo caso, ao ilustre e ínclito de Os Peares parécelle que o Beiras non está a merecer o soldo que cobra como deputado...

Pola parte que me toca como cidadán dunha democracia representativa, e coido que falo en nome de moitas, moitísimas persoas, xa lle podo ir dicindo ao tal ínclito que o Beiras ten a folla de servizos prestados gratis et amore a este pobo máis chea que un ovo e que xa cotizou nas arcas da nosa seguridade social e nacional, práctica e simbólica, máis anos e con máis xenerosidade e brillantez dos que o aprendiz de timonel en barcos de Marcial Dorado podería facelo aínda que tivese coma os gatos sete vidas e aínda que lle durasen os días que lle quedan 25 horas.

Pensa o ladrón que todos son da súa condición. Pensan os dirixentes do PP, co seu líder á fronte, que toda persoa que vai á política vai para o que van eles: á mamandurria e a enriquecerse, como vemos ben pertiño en certos presidentes da deputación que acaban de ser imputados pola Xustiza estes días; a ter retiros dourados en grandes empresas con porta xiratoria desde e para a política “de alcurnia”, ás que antes beneficiaron coas súas decisións ministeriais (lembrades Eduardo Zaplana, Josep Piqué, Loyola de Palacio, Pilar del Castillo...?); a contratar sen transparencia nin concurso coas empresas dos familiares e dos amigolos, ¿ou que outra cousa senón son as redes Gürtel e Pokemon?; a recibir sobres en negro, como fixeron todos e cada un dos líderes do PP durante o aznarato; a chupar dietas indebidamente como o Cristóbal Montoro (que llas pasaba ao Congreso sendo propietario de tres pisos en Madrid) ou, máis preto de nós, o Rodríguez Miranda de Allariz (antigo voceiro parlamentario do PP no Hórreo que tamén as cobraba indebidamente, por desprazamento); a enchufar en altos postos ben remunerados aos seus familiares, como acaba de facer días atrás a conselleira de Sanidade co seu marido e recompensar despois con asesorías a dedo aos membros do tribunal que fixeron a manganchada; e así poderíamos seguir enunciado casos e casos, exemplos e máis exemplos ata a náusea, esa náusea que fai que cando abesullamos as siglas PP interpretemos nelas non Partido Popular senón Partido Podre, ou sexa, como indica a propia etimoloxía da palabra, Corrupto.

¿E os líderes dese Partido Podre, incursos tantos e tantas deles en delitos de prevaricación, de falsidade, de estafa, de apropiación indebida, de nepotismo..., reos todos eles dun monumental fraude á democracia e á facenda pública por levaren durante lustros unha contabilidade en B encabezada polo Bárcenas a quen Rajoy recomendaba vía sms “Sé fuerte·”, etc. e alimentada por ese grupo de magnates e mangantes, encabezados polo banqueiro Botín, de apelido revelador, que queren despido libre, fóra pensións, fóra convenios colectivos, fóra salario mínimo, fóra servizos de protección social, etc., eses líderes do Partido Podre, digo, son os que lle veñen esixir honestidade persoal, honradez política e renuncia salarial ao Beiras? Évos o conto para rir se non fose verdadeiramente indecente e indignante...

PRESENTACIÓN DE BEIRAS

Presentarvos ao Xosé Manuel Beiras é, en certo modo ben o sei, tempo perdido. Coñecedes de sobra a súa traxectoria, o seu carácter, o seu compromiso, a súa loita, a súa capacidade e a súa entrega apaixonada. Tomo emprestadas, en todo caso, unhas palabras do escritor Xosé Mª Álvarez Cáccamo para proclamar que

“No espazo ideolóxico de Galiza habita unha fonte de enerxía que chamamos Beiras. É motor de enerxía limpa, natural e renovábel. Alternativa. Fronte ao desarmamento ideolóxico da esquerda institucional, fronte ao rearmamento monopolístico do pensamento reaccionario e do capitalismo depredador, que nos esmaga con fórmulas propagandísticas, económicas e militares de acción fascista, Beiras pronuncia a súa confianza na forza do nacionalismo emancipador en diálogo coa voz dun novo suxeito histórico plural e internacional. E nós, moitos de entre nós, apostamos por esas certezas da vontade colectiva (...)”

Beiras é para moitas e moitos de nós esa figura referencial imprescindíbel deste tempo e desta hora en que toca construír, por riba de desencontros puntuais, de reticencias herdadas, de erros efectivamente cometidos e de pasos dados en falso, ese novo espazo político amplo, plural, horizontal e combativo que este maltratado país noso necesita como auga de maio e éo, como moi ben sintetiza nos seus versos outro poeta amigo seu (que tamén o é meu), Miguel Anxo Fernán Vello,

“Porque estás cos de abaixo, co pobo maltratado,
coa dor que non se expresa, coa xente do común”.

Con todos e todas vós, Xosé Manuel Beiras.

[...]


DERRADEIRA INTERVENCIÓN: PRESENTACIÓN DE LIDIA SENRA

Enfiamos xa o remate deste acto público e toca presentarvos a quen sendo hoxe a última das oradoras, por orde de intervención, ha de ser a partir do 25 de maio, con certeza, unha das nosas principais voces defensoras no Parlamento de Estraburgo.

Ela é Lidia Senra Rodríguez, unha nena da aldea nacida na Pobra do Brollón á que lle naceu a conciencia cando comprobou no instituto de Monforte de Lemos que os compañeiros señoritos se rían dela por ser do rural, muller e falar galego; unha moza que participou na loita contra a cuota empresarial agraria cando aínda Franco non acabara de morrer; unha muller que accedeu á máxima responsabilidade organizativa das Comisións Labregas en 1984 e exerceu logo a secretaría xeral do Sindicato Labrego Galego entre 1989 e 2007, parándolle os pés aos que de portas para dentro querían que a organización que ela encabezaba fose mera correa de transmisión de non se sabe que consignas. E, dando un exemplo extraordinario, cedeu logo a secretaría xeral sen deixar a militancia para pasar a vivir dos produtos da súa explotación familiar agraria en Vedra. Fálovos dunha das artífices da existencia desa magna organización labrega e altermundista chamada Confederation Paysanne Europenne. Fálovos dunha das principais activistas femininas da Vía Campesina, defensora pioneira do modelo de agricultura familiar sostibel, da soberanía alimentar e da agroecoloxía.

Non sei se entre os futuros 751 deputados que ocuparán os escanos do Parlamento de Estrasburgo a partir do día 25 de maio haberá moitos e moitas que se poidan presentar coa fortaleza, coa paixón, co convencemento e co compromiso con que o vai facer Lidia e que poidan intervir ademais desde a tribuna dicindo coa boca chea e sentíndoo a corazón batente de orgullo no peito como poderá ela: “SON A VOZ DO POBO”.

Con todas e todos vós, Lidia Senra.

[...]

2 comentarios:

  1. Grazas Emilio. Déboche tantas grazas que ás veces non son quen de transmitirchas. Alégrome de que te animases a compartir estas verbas co mundo. Vémonos. Por certo, aproveito para difundir un blog educativo que intento administrar: Lume na cinza http://lumenacinza.wordpress.com/

    ResponderEliminar
  2. xa estranaba non verte en politica. Ainda me rin un pouco, tamen e certo que nestes tempos o chiste politico poñenolos moi facil a casta/caspa.

    ResponderEliminar