Banda de música La Lira de Viveiro, formada nos anos 30 por membros da familia Amor, coñecida popularmente polo alcume de "Os Tolinos" |
Algúns
grandes músicos e algúns escritores viveirenses musicados
Ao falarmos
nunha entrega anterior das Bandas de Música, aludimos ás
rivalidades musicais existentes entre viveirenses e foráneos,
vilanchos e fúfaros, mais en honra á verdade debemos
dicir que igual de intensas ou máis foron algunhas que se deron
entre as colectividades musicais da propia Vila.
A que leva
a palma neste sentido, sen dúbida, é o “pique” que existiu nos
anos finais da Ditadura de Primo de Rivera e primeiros compases da 2ª
República entre a recomposta Banda de Exploradores, dirixida por
Juan Latorre Capón e da que facían parte, entre outros, os irmáns
Lole e Xuxo de Manaí [Manuel e Jesús Cora Quiroga], O
Curto [Francisco López Díaz], Nito do Chucho, Emilio
Timiraos, Quiberio e Paco do Chirivico, e a banda de “La
Lira”, fundada e sostida pola familia Amor, os Tolinos, de
aí que moitos a chamasen ironicamente “A Sagrada Familia”...
Esa
rivalidade tivo a súa máxima expresión na celada que a banda dos
Tolinos lle tendeu aos pupilos de Latorre durante un pasarrúas
nas festas do Carme de 1930.
Agochados nun calexón dos que
desembocan na rúa de Abaixo, agardaron a que pasase a Banda dos
Exploradores tocando, situáronse detrás dela en silenciosa
formación e, cando foi dado o sinal, comezaron a tocar os seus
instrumentos ad libitum en barafunda tremenda, que causou o
susto primeiro e a indignación despois dos de Latorre, que
responderon arremetendo contra os provocadores e brandindo os
instrumentos como quen leva unha moca... A batalla campal que alí se
armou non figura en ningún libro épico porque non houbo poeta en
Viveiro capaz de retratar en toda a súa intensidade semellante
“bélica” ocasión...
Pacífica, aínda que a “cara de can”,
resultou posteriormente a coincidencia de ambas bandas nas festas de
Naseiro de 1932 e, como explica Nistal no seu Anécdotas e
personaxes dun Viveiro que se foi (2001: 112):
“había
que ver como se dividían las opiniones y como sonaban los aplausos
de los partidarios de unos y otros, y con que calor se discutía
sobre la superioridad de este sobre aquel”.
A esa saga
de músicos extraordinarios que foron os Tolinos pertenceu
Ramón Amor García, animador de numerosos grupos musicais en Viveiro
(bandas, rondallas, orquestras...) e autor de algunhas melodías
sobre versos do poeta Francisco Leal Ínsua, que habería que facer
por resgatar; Raúl Amor García, que chegou a dirixir a rondalla da
“Hermandad Gallega” de Caracas; Herminio Amor García, que
exerceu como músico trompetista na Banda de Infantería de Marina de
Ferrol; Antón Amor García, que foi bombardinista; Manuel Amor
García, que tocaba o baixo; e, por último, Chudo Amor
García, frautista. Varios dos vástagos Tolinos fixeron parte
do grupo “Salsa Mandinga”, que acompañou a artista Rocío Dúrcal
na época en que se puxeron moi de moda as “rancheras” mexicanas.
Por outra
banda, canda aludimos a algúns conflitos que se
deron no seo da banda dirixida por don Alfonso Mariño, amentamos
puntualmente a figura de quen cabe considerar, pensamos, un dos
grandes músicos da historia de Viveiro, aínda que non fose
precisamente “profeta na súa terra” nalgúns aspectos, por
razóns que non é o caso comentar aquí.
Hernán Naval |
Falamos de
Hernán Naval (1962-2001), que se formou en diversos conservatorios,
foi músico trompetista da Banda dirixida por Alfonso Mariño,
profesor do Conservatorio de Música de Viveiro nos seus primeiros
pasos, director da coral polifónica do C.I.T. de San Cibrao entre
1987-1989 e director da banda e da escola de música municipal de
Ribadeo entre 1992 e o ano da súa morte. Foi, ademais, autor de
pezas musicais como “Saraxevo” e “Port-Bou”, presidente da A.
C. Sementeira e da A. C. Francisco Lanza, autor teatral e colaborador
asiduo de cabeceiras como os semanarios A Nosa Terra, Badal,
O Trasno de Burela ou Beiramar de Ribadeo, onde
coincidiron os seus escritos cos nosos moitas veces.
Á súa teimosa
e lúcida defensa da idea en 1988 debemos hoxe todos os viveirenses
que o Teatro Pastor Díaz non fose pasto da piqueta e fose
debidamente restaurado e acondicionado para cumprir o papel que lle
corresponde como espazo cultural. Tamén cabe atribuírlle a Hernán
boa parte do esforzo propagandístico, a comezos dos anos 80, para
crear un estado de opinión favorábel á feliz creación en Viveiro
dun Conservatorio de Música, institución que hoxe resulta
consubstancial xa coa localidade.
Outra rica
perspectiva sobre a tradición musical de Viveiro dánola considerar
a existencia de numerosos escritores viveirenses que forneceron ao
longo da historia versos do seu enxeño para acompañar as melodías
que interpretaban as comparsas e agrupacións musicais da localidade,
fose en Antroido, fose durante as festas de verao, fose en
determinadas solemnidades, como os Xogos Florais ou o primeiro
centenario de Pastor Díaz, en 1911.
Entre eses “letristas”
ocasionais pero de luxo cabe citar nomes como Vicente Sergio López
Carril, Xoán Pla Zubiri, Alfredo García Dóriga, Antón Villar
Ponte, Antón Noriega Varela, etc.
Algúns
deses escritores viveirenses beneficiáronse da amizade e o talento
de determinados compositores e viron versioneados musicalmente
traballos literarios seus. Tal é o caso de Xoán Pla Zubiri, cuxa
composición “Morriña” é convertida en “melodía gallega”
en Trives, en 1906, por Ricardo Courtier, director do famoso cuarteto
“Os Trintas”.
Do mesmo
xeito, Antón Villar Ponte colabora con varios coros populares na
creación dun repertorio de estampas galegas musicadas, con pezas
como A probiña está xorda, inspirada nun texto de Rosalía
de Castro e musicada por Mauricio Farto para o coro coruñés
“Saudade”, que a estrea en maio de 1926, e A festa da malla,
con música de Fernández Amor, feita por encargo do coro ferrolán
“Toxos e Froles”...
Lugar
de honra merece, dentro da historia da música operística galega, a
versión que Eduardo Rodríguez Losada Rebellón fixo da peza teatral
O Mariscal,
escrita por Antón Villar Ponte en colaboración con Ramón
Cabanillas. Esa versión musicada estrenouse no Teatro Tamberlick de
Vigo en maio de 1929. Un dos compañeiros dos irmáns Villar Ponte
nas Irmandades da Fala, o violinista pontevedrés Manuel Quiroga,
actuou no Teatro Nemesio de Viveiro en xuño de 1924, cando a súa
proxección internacional xa era enorme.
Cabe falar
tamén da relativa boa “sorte” do poeta da Montaña, Noriega
Varela, cuxos textos foron obxecto de versións musicadas, tanto a
nivel popular, caso do grupo viveirense “Xistra” (Andrés,
Atadell, Dani Fernández Caxete), como a nivel culto, con pezas como
“O demo”, con música de Xoán L. Fuertes Saavedra, “Saudade”
con música de J. F. Vide, “Laverquiña”, con música de Miguel
Lustres ou “As froliñas dos toxos”, con partitura de Eduardo
Toldrá.
Xa falamos
do “himno eucarístico” escrito por Luz Pozo Garza e musicado por
Antonio Amigo en 1961, para o 2º Congreso Eucarístico, mais cómpre
engadir que no Programa de Festas de Viveiro de 1945 inseriuse unha
composición poética de Plácido Holguín Moas, titulada
“¡Viveiro!”, que coñecerá posteriormente moita fortuna como
peza de repertorio coral entre nós: “Nacín entre un paraíso /
das froles máis feiticeiras, / nacín n'aquel Viveiriño / do rexio
mar âs súas beiras (...)”.
Por
último, a banda infantil do colexio Lois Tobío,
dirixida polo profesor Manuel Rodríguez, atesoura entre outros
moitos méritos o de terlle posto música ao primeiro poemario
infantil do noso amigo Xoán Neira, Recreos,
publicado en 1997 pola editora coruñesa Baía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario