Edicións Xerais ofrece na súa colección Libro X este ameno ensaio
do historiador e recoñecido medievalista Anselmo López Carreira,
vigués de nacemento (1951) e ourensán de infancia. Seguindo o
percurso en diagonal do río Miño pola nosa xeografía e facendo
“paradas” en moitos dos lugares emblemáticos das súas ribeiras,
desde o nacemento no Pedregal de Irimia ata a desembocadura na
Guarda, pasando por Lugo, Portomarín, Ourense, O Ribeiro, Tui, etc.,
o autor reconstrúe con rigor e brevidade moitos momentos, figuras,
fenómenos e circunstancias da nosa historia comunal, sen deixar de
deitar de cando en cando agudas reflexións historiográficas ou
evocar aspectos do seu relacionamento persoal co río. O arqueolóxico
mestúrase sabiamente co etnográfico, o económico co cultural, o
propiamente histórico coa Galiza problemática de hoxe e así o
libro vai debullando un sinfín de coñecementos enriquecedores que
se presentan por xunto nunha prosa limpa e fluída. Unha magnífica
achega para un verdadeiro “coñecemento do medio” galego.
A MORTE
DE VALLE INCLÁN. O ÚLTIMO ESPERPENTO, de Carlos G. Reigosa, Javier
del Valle Inclán e José Monleón
Tres ensaios de diversa fasquía compoñen este interesante volume
sobre a figura do xenial Valle Inclán editado por Xerais. O primeiro
deles, de José Monleón, fai, para comezar, un esclarecedor
contraste entre a escasa compracencia coa que foi recibido no seu
tempo o teatro de Valle Inclán e a posterior eclosión de entusiasmo
que espertou nos círculos culturais e dramatúrxicos do
antifranquismo. Na continuación, ofrece as notas dunha viaxe do
propio Monleón a Galiza nos anos 60, á procura dos espazos
valleinclanianos máis emblemáticos.
O segundo ensaio, o de Javier del Valle Inclán, neto do escritor,
reconstrúe con minuciosidade, case día por día, os derradeiros
meses de vida de Valle Inclán na Compostela de 1935 ata o seu
pasamento o 5 de xaneiro de 1936, dando conta das relacións humanas,
das excursións, das últimas xestións editoriais e dos penosos
avatares médicos que afrontou o autor das Comedias bárbaras.
Tamén dá conta das xestións
para renderlle diversas homenaxes póstumas ao escritor e do impacto
que a noticia da súa morte tivo en diversas publicacións e medios
intelectuais e políticos da España e da Galiza desa época.
Por último, Carlos G. Reigosa
reconstrúe o clima de tenso enfrontamento que rodeou o pasamento e
enterro de Valle Inclán en Compostela, coa cidade polarizada entre
os sectores clericais que non aceptaban que o escritor morrese sen
confesión e intentaban impedir o carácter laico da cerimonia
fúnebre e os sectores esquerdistas, que quixeron facer do
soterramento do autor de Luces de bohemia
un acto reivindicativo. Nesta última perspectiva, destacou a nutrida
presenza galeguista nas exequias, con Castelao, Antón Villar Ponte e
Ánxel Casal á fronte.
En coidada tradución desde o
croata debida a Jairo Dorado Cadilla, a editora Hugin e Munin publica
esta novela intensa e desacougante de Josip Mlakič (1964), en que o
protagonista principal, Jakov Serdar, escribe por prescrición
terapéutica psiquiátrica un caderno no que irá deitando as imaxes
e intres máis relevantes do seu pasado, sexa inmediato, como
integrante dunha pequena unidade combatente croata na guerra de
Bosnia, sexa remoto, nunha infancia e adolescencia na Xugoslavia de
Tito, cando non se albiscaban aínda as fontes polas que manarían os
escuros odios do recente conflito nos Balcáns, que a novela retrata
con ferinte precisión en moitas das súas páxinas.
SEIQUE, de Susana Sánchez Arins
A nosa compañeira sindical e
activista Susana Sánchez Arins, que xa ten asomado varias veces ás
páxinas de Aulas Libres, deu ao prelo da reintegracionista
Através Editora o seu libro Seique. Brillante
produto literario, que se presenta cunha fermosa capa da nosa
deseñadora Rosa Herraiz e que lembra por momentos a delicadeza
expresiva da Seda de
Alessandro Baricco, é un libro capaz de superar con nota a
dificultade de abordar máis unha vez o tema da guerra civil e da
represión mercé a un coidadísimo e orixinal tratamento do material
narrado, que procede en derradeira instancia de procuras inéditas
arredor dun familiar que protagonizou infelizmente numerosos
episodios do furacán de violencia asasina desatado no 36.
Ese
tratamento foxe á mantenta dos cauces narrativos tópicos e
habituais, organizándose por contra en secuencias mínimas, a xeito
de microrrelatos ou flashes;
enchéndose ora de lirismo poético, ora de reminiscencias teatrais,
ora de apretada prosa testemuñalista, ora de xogos entre o pasado e
o presente, peneirados polas lembranzas dos seres queridos. Susana
fai un uso intelixente da repetición e de certos “ritornellos”
expresivos e apela, en fin, a subtítulos cargados de forza, que
actúan como balizas nun percorrido a cada máis dantesco e
revelador. Pesquisa histórica, mergullo na memoria, nos silencios e
nos danos familiares, dolorosa constatación e, tamén dalgún xeito,
catarse de medos e violencias padecidas noutros corpos e noutras
vidas, cuxo sacrificio e sufrimento non se apagarán xa máis grazas
ao esforzo da nosa autora.
FIN
DE FESTA, de Diana Varela Puñal
Autora dos poemarios Fíos
(2006) e Animal Abismo (2010), ambos editados por Espiral
Maior, e de varias pezas de literatura infantil, a avogada e
escritora Diana Varela Puñal publicou recentemente en Laiovento unha
novela breve, co título de Fin de festa.
Está ambientada nas décadas finais do pasado século nunha vila mariñeira galega que ben podería corresponder ao Corme natal da autora e ofrece, ante todo, unha orixinal galería de evocacións na que destacan algúns seres peculiares, raros, especiais, solitarios e maiormente fracasados. Preside o conxunto, expresado con tenrura e grande viveza estilística por unha voz narradora-testemuña e no que alternan faíscas de riso e fíos de pranto, a protagonista Susi Arnela, unha noutrora moza admirada por todos que vive horas baixas con plena consciencia do seu paulatino descenso aos infernos.
Está ambientada nas décadas finais do pasado século nunha vila mariñeira galega que ben podería corresponder ao Corme natal da autora e ofrece, ante todo, unha orixinal galería de evocacións na que destacan algúns seres peculiares, raros, especiais, solitarios e maiormente fracasados. Preside o conxunto, expresado con tenrura e grande viveza estilística por unha voz narradora-testemuña e no que alternan faíscas de riso e fíos de pranto, a protagonista Susi Arnela, unha noutrora moza admirada por todos que vive horas baixas con plena consciencia do seu paulatino descenso aos infernos.
CHEIRO
DE CHOIVA, de Rodolfo Alonso
Méndez Ferrín é quen prologa
este poemario do escritor e tradutor galego-arxentino Rodolfo Alonso,
publicado pola editora Barbantesa de Cangas do Morrazo.
Rodolfo
Alonso publicou o seu primeiro libro en 1954 (Salud
o nada)
e participou nas actividades culturais e políticas, en chave
republicana, galeguista e de esquerdas, da Federación de Sociedades
Galegas bonaerense, á que pertenceran, precedéndoo, figuras como
Blanco Amor, Alonso Ríos ou Suárez Picallo. En 2006 deu un adianto
na revista A
trabe de ouro
(nº 68) da súa produción na lingua de noso, que oíu falar desde o
berce a seus pais emigrantes. Agora reúne un corpus de case medio
cento de poemas galegos escritos nun amplo período de tempo, entre
1952 e 2014, con estéticas, xeitos de dicir e temas moi diversos,
mais todos eles de grande rigor conceptual, depurada dicción e que
resultan en moitas ocasións estremecedores pola profundidade e a
emoción que encerran. Así, sen dúbida, aqueles nos que evoca as
figuras de súa nai e de seu pai ou o que dá título ao propio
volume.
Ningún comentario:
Publicar un comentario