Dentro
da corrente de popularización da música, poucos agrupamentos teñen
tanta relevancia e incidencia como as bandas. Desde certa perspectiva
os seus compoñentes, individuos case sempre de extracción social
humilde, achan nas nocións elementais de solfexo que teñen que
adquirir e na posterior habilidade interpretativa unha vía feliz de
culturización efectiva, que os fai ademais merecentes do respecto
social. Desde outra, as bandas achegan ás masas que forman o “gran
público” pezas musicais de toda índole, facéndoas permeábeis a
variados estilos e xerando nelas unha afección que será levada e
multiplicada logo por todo tipo de novos agrupamentos musicais.
Na época de entre dous
séculos, entre finais do XIX e comezos do XX, existiu unha vibrante
rivalidade musical entre Ortigueira (os fúfaros)
e Viveiro (os vilanchos),
deliciosamente retratada no seu día por Ramón Canosa no duodécimo
capítulo da súa Historia
menuda de un pueblo gallego
(1953).
A saga dos Garrote de
Landoi, formada polo pai José María, fundador da banda ortegana en
1886, e os fillos Manuel, Francisco e Luís, que a dirixiron dende
1901, personalizou daquela a figura do músico popular de cualidade,
espertando envexa e admiración a partes iguais en todos os
municipios da contorna.
A superioridade técnica dos
orteganos sobre calquera dos músicos viveirenses daquel tempo era
unha espiña cravada no orgullo local que tardou tempo en poder ser
arrincada... Por se fose pouco, os músicos de Landoi introducían no
seu repertorio pezas da máis alta alcurnia musical, como fragmentos
de ópera, causando o desconcerto das xentes que asistían ás
romaxes da comarca querendo simplemente “botar un baile”. A
confusión músico-danzante que causou a banda ortegana nunha edición
do San Pantaleón de Galdo, segundo conta con graza Canosa, levou a
que o ramista da comisión imprimise para a seguinte edición da
festa unha folla voandeira para espallar entre o público que incluía
este desconcertante recado: “¡Alto a la parranda! (...)
Bailarines: abstinencia!”.
En realidade, Viveiro non
dispuxo dunha banda estábel ata 1916, cando conseguiu formar a
chamada “Banda de Exploradores”, da man de Juan Latorre Capón
(Lugo, 1858-Viveiro, 1936). O propio Latorre viñera a Viveiro en
1886 con esa misión e, de feito, ao amparo dos desexos dos entón
alcaldes conservadores César Riego Almoina e Benito Quintana, que
adquiriran a tal fin unha vintena de instrumentos, creara un
agrupamento musical bandístico. Mais aconteceu que este primixenio
intento chocou coas feroces rivalidades políticas en que se vía
inmerso o Viveiro desa época, que habían desembocar traxicamente no
tiroteo de 1911 que levou por diante a vida inocente dunha vendedora
de queixos na Praza e que foi abondosamente aireado en toda a prensa
peninsular co revelador nome de “Los sucesos de Vivero”.
Efectivamente, os liberais,
por medio do semanario El
Vivariense,
levaron adiante unha campaña de críticas constantes ao traballo de
Latorre, denunciando as súas presuntas ausencias inxustificadas ás
clases da Escola municipal, protestando polo pésimo estado do
instrumental da banda, facendo burlas sobre a súa cualidade musical,
etc. En 1896 os concelleiros liberais Trobo e Rafael Galdo defenderon
na Corporación unha proposta de destitución de Latorre, que foi
rexeitada, mais o propio director presentou daquela a súa renuncia
alegando motivos de saúde, para trasladarse de seguido a Ribadeo. O
instrumental desa frustrada banda, segundo Nuevo Cal (“As Bandas de Música de Viveiro
(1848-1936), Viveiro en Vivo, Ano I, nº 2, nadal 1988, pp. 20-27), sacouse a subhasta e os músicos
repartíronse en dúas novas agrupacións de menor entidade, a
“Música de Cazadores”, encabezada por Francisco Peláez, e a
“Banda de Ingenieros”, dirixida por Juan Rivas.
Banda de Música "La Lira", de Viveiro, promovida nos anos 20 por Manuel Amor, (a) Tolino. |
José Botino tomou o relevo
durante algún tempo como director dunha pequena banda popular que
atendía as actuacións nos festexos máis relevantes do ano
viveirense. Trala súa precoz morte, xurdiu un novo agrupamento, da
man de Balbino Díaz Deán (O
Cristino)
co nome de “La Escala”, que conviviu nos anos 10 do pasado século
con outros como a banda da Liga de Amigos e a Sociedad Filharmónica
(1913), ambas baixo a batuta de Juan Latorre, retornado a Viveiro
desde 1904. Da citada Filharmónica facían parte os
violinistas Moisés Peláez, Ricardo Galdo, Jesús Pena, Jesús
Fernández Veiga e Ramón Canosa, o tanxedor de viola Manuel Mera, o
contrabaixista Nemesio Barreiro Casal, o violonchelista José
Salaverri e o frautista Francisco Pena.
A banda do Cristino,
chamada con malicia “banda d'o esgarro”,
na que formaban músicos viveirenses de orixes populares, moitos
deles zapateiros, como Vicente Pérez (Camacho),
Antón do Forno,
José Bermúdez (Pepe
Randa),
Antonio Rodríguez López (Cuco),
José Guerreiro (Goyo)
e os irmáns Preñados,
tíos
da muller de Vicente Pérez, foi finalmente absorbida en 1917 pola
Banda de Exploradores de Juan Latorre Capón, gozando así Viveiro
por vez primeira dunha Banda de Música de valía certa.
A banda de Exploradores, que
non tiña vínculo co Concello, debutou en xuño de 1917 nunha velada
no Teatro Nemesio e a comezos de 1918 estaba composta por un total de
vintecinco músicos, máis o director, entre os que figuraban Eugenio
González e Cirilo Romero (bombardinos); Manuel Amor (baixo);
Francisco Yáñez, Benigno Soto e Cesáreo González (trombóns);
Felipe Fernández (trombino); Juan Paraños e Manuel García Atadell
(fliscornos); Herminio Amor, Benigno Gómez, Bernardo Fernández e
Vicente Cociña (cornetíns); Francisco Pena, Nemesio López, Eusebio
Taboada e Agapito García Atadell (clarinetes); Andrés Mariño
(requinto), etc.
Ben
é certo que esa agrupación padeceu axiña problemas internos, que a
debilitaron enormemente tras a marcha de varios elementos encabezados
por Manuel Amor, o
Tolino.
Refeita nos anos finais da ditadura de Primo de Rivera e asumida
nalgún instante como “banda municipal”, asistiu xa en plena 2ª
República ao momento de xubilación do seu director Latorre, con
nada menos que 75 anos de idade, que cedeu a batuta, tras a
correspondente oposición, a Hixinio Cambeses Carrera.
A chegada a Viveiro en 1935
deste músico marca un punto culminante no panorama local nos tempos
da 2ª República. Cambeses, que era fervente republicano e
simpatizante do Partido Galeguista, traía consigo unha prolífica
obra musical propia inspirada nos motivos tradicionais galegos e foi
un director pioneiro á hora de introducir as gaitas na formación,
opción esta que nunca sería do agrado do músico e xornalista
viveirense Jotraque.
Desa obra de Cambeses, pendente de recuperación na maioría dos
casos, pois non en balde o seu autor fixo parte do bando dos
derrotados e represaliados no 36, cabe sinalar pezas como os
pasodobres “¡Ard'o eixo, carballeira!” e “Cántigas da ría”,
a balada “Terra Nosa”, a muiñeira “Miña xoia” e a xota
“Carballeira”, mais tamén o danzón “Allá en Camagüey” ou
a marcha-diana “¡Libertad!”, de título ben elocuente.
Banda de Música de Viveiro, con Hixinio Cambeses como director (Anos 30 do século pasado) |
Logo da destitución
represiva de Cambeses fíxose cargo da Banda de Viveiro Jesús Pérez
Rivas (Camacho), quen cesou no posto por traslado en 1944.
Tras períodos de interinidade en que estiveron á fronte do
agrupamento musical, sucesivamente, directores como Francisco López
Díaz (O Curto), Carlos Adrán Cambón e Ramón Amor o Tolino,
asume o posto o músico ortegano Manuel Rebollar Martínez, que llo
traspasa pola súa vez en 1956 a un mozo de apenas vintesete anos
entón, chamado Alfonso Mariño Parapar.
Cómpre sinalar, en
paréntese, que cando Ramón Amor deixa de dirixir a banda de música
de Viveiro é para crear a orquestra “Amor”, que con figuras como
Benigno Soto na batería, Toniño no contrabaixo e Juano de
Xove no acordeón, estará en activo ata 1963, coa “Variedades”
como grande e “eterna” rival nos palcos...
O 28 de marzo de 1958 fixo o
seu debú a Banda de Música de Viveiro de Alfonso Mariño Parapar.
Tras unha pequena paréntese, reorganízase en 1965, con mulleres
entre os integrantes (cousa nada habitual entón) e chega en activo
ata 1992, con algún interregno en que exerce como director interino
Antonio Amigo (1960-61).
Desde mediados dos anos 80,
porén, a Banda de Don Alfonso, que sempre tivo unha forte compoñente
xuvenil no seu cadro, estivo atravesada de tensións, por motivos moi
diversos. Un, a polémica sobre o alcance do seu carácter
“municipal” e os dereitos que iso daba presuntamente aos músicos
en canto traballadores do Concello. Outro, a necesidade de dotarse
dun regulamento interno e dunha Xunta Directiva que non deixase ao
albur do director absolutamente toda a xestión e todas as decisións,
incluídas as disciplinares. Para a elección dos representantes dos
músicos nesa Xunta chegaron a enfrontarse en 1987 senllas
candidaturas, encabezadas respectivamente por Modesto Fustes e Hernán
Naval, respectivamente, con triunfo da primeira por 23 a 16 votos.
Outro motivo de discordia intestina foi a demanda de creación dun
Conservartorio na vila, que non foi acollida nin moito menos con
entusiasmo por algúns sectores. Outro máis, aínda, o xuvenil
descontento interno dunha boa parte dos seus músicos, por polémicas
como a negativa do director a actuar gratis para a televisión ao
paso dunha Volta Ciclista. Moitos deses músicos novos (Cayetano
Navarrete, o Yupi, Beni, Paco Flo, etc...)
marcharán da banda nun momento dado para fundaren a charanga “Os
Yoscos”.
Esta crise da Banda
comezaría a superarse cando se produza a xubilación de Mariño
Parapar (1992) e, tras un breve período de Carlos Méndez como
director no propio ano de 1992, a entrada na dirección de Francisco
Javier Vidal Suárez, que permanecerá no posto ata 2005. O período
posterior, co ponteareán Delio Represas Carrera á fronte e coa
entidade rebautizada como Banda de Música “O Landro”, resulta de
grande brillantez e incluíu un solemne concerto de conmemoración,
en novembro de 2008, do cincuenta aniversario da súa refundación,
no que participamos cun texto (logo publicado por entregas no semanario Heraldo de Vivero) en que evocamos as anécdotas e vivencias da nosa
etapa de músico nesta agrupación, que vive desde agosto de 2015 un
novo cambio, baixo a competente batuta de Carlos Timiraos Timiraos.
Desde 2011 celébrase nas
vésperas da Semana Santa un Certame de Bandas Cidade de Viveiro que
permite coñecer e gozar do traballo de moitas destas agrupacións
chegadas desde diversos puntos da Península.
Grazas pola información.
ResponderEliminar