eu

eu
eu

xoves, 29 de setembro de 2016

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (III)

A música como elemento esencial do lecer vilego e un crítico musical viveirense inxustamente esquecido



O grupo de gaiteiros BRISAS DO LANDRO, de Viveiro, a finais dos anos 50 do pasado século

As vertentes relixiosa, oficial e militar da música en Viveiro non recollen de seu toda a intensidade da tradición melómana local, que se complementa cunha vizosa listaxe de agrupamentos (rondallas, orquestrinas, cuartetos, tunas...) creados sobre todo e ante todo para contribuír a facer máis ameno o tempo de lecer dos nosos devanceiros.


A música foi elemento esencial da diversión e do lecer para amplas capas da sociedade. Na rioleira de festas patronais de todas e cada unha das parroquias da Terra de Viveiro non faltou desde que hai memoria un gaiteiro con acompañamento de tamboril, ou un cuarteto, ou un acordeonista, ou unha orquestrina, ou unha sección de banda de música ou, en tempos máis recentes xa, unha orquestra ou conxunto músico-vocal.

Do tecido societario e recreativo que vai xurdindo na Vila desde o século XIX en adiante, como imos ver a seguir, non cesan de aparecer agrupamento e iniciativas musicais. En realidade, ata os enterros levaban antigamente na Vila do Landrove acompañamento musical de fagot, competindo co toque de defunto das campás...

O espallamento a partir da segunda metade do século XVIII da moda italianizante na música (Rossini, Bellini, Donizzeti, máis tarde Verdi e Puccini...) trouxo consigo a difusión de certos xéneros operísticos, como a “aria”, o “recitativo” e a “cantata”, que dos salóns da aristocracia cortesá e capitalina se contaxiaron axiña a estratos sociais máis baixos pero ansiosos de cultura e refinamento, como a fidalguía e a burguesía vilegas. Este gusto musical consegue romper o ata entón case monopolio relixioso da música culta e pon en marcha unha “desacralización” imparábel. Agora nacen novos ámbitos de sociabilidade, alleos ao estamento eclesiástico, que queren gozar activa ou pasivamente da música: son os Liceos, os Casinos, as Sociedades Filharmónicas, os Cafés-Concerto...

En Viveiro, ao igual que acontece noutras vilas como A Coruña (Círculo de Artesáns), Lugo (Círculo das Artes) ou Ferrol (Recreo Artístico), os mediados do século XIX marcan a aparición da primeira das entidades deste xénero.

Segundo datos ofrecidos polo actual cronista oficial nunha entrevista en 2008 para La Voz de Galicia, en 1848 naceu en Viveiro unha Academia Filharmónica, da que era encargado Tomás Rebellón e director Julián González Llobes. Máis tarde, pequenos agrupamentos musicais, encabezados respectivamente por José Botino, Francisco Martín e Antonio Travieso, ocupábanse de actuar nos actos festivos e relixiosos de maior relevancia que tiñan lugar na Vila.

Hai noticia de que en 1852 existiu na vila un Circo-Recreo, que ocupaba un local que lle alugou Benito Galcerán e que dispuña dun piano que adquiriu o avó materno dos irmáns Villar Ponte, José Mª Ponte. Nese Circo-Recreo constituíuse unha sección lírico-dramática, animada por Florencio Pla Sampedro e Vicente Sergio López Núñez e composta por señoritas de boa familia (Clementina Ponte, Rita Pardo de Cela, Concha Osorio, unha filla do Rebellón...), que debutou en xaneiro de 1873 con números musicais diversos, como o dúo de tiples da zarzuela El relámpago, fragmentos das óperas Semiramis e Campanone para piano e frauta, a melodía “El despertar” e o bolero da zarzuela Los amantes de la Corona. A mesma sociedade Circo-Recreo contratou os servizos profesionais do músico Lorenzo de Castro, por un soldo de 1.000 reás ao ano e obriga de ofrecer concertos todos os xoves e domingos, con horario distinto segundo fose inverno ou verao.

En 1869 constituíuse o Círculo Artístico, Instructivo y Recreativo de Vivero, auspiciado polos republicanos locais que lideraba Salustio Vítor Alvarado e con local no futuro “Chipe”. En novembro de 1882, este Círculo e o Circo-Recreo fundíronse nunha soa entidade, o “Círculo de Recreo de Vivero”, con local no que hoxe é o bar “A Fragata”, na rúa de Abaixo. Tras sufrir diversas escisións (a da conservadora “Tertulia de Confianza” en 1889, á que pertencei Don Ponciando Villar Bermúdez, pai dos irmáns Villar Ponte; a de “La Peña” de Ramón Díaz Freixo en 1908, con local na rúa María Sarmiento), o “Círculo de Recreo” acabaría refundándose en 1915 como “Centro Vivariense”, baixo a presidencia de Balbino Franco Fernández e a vicepresidencia de Eusebio Bujados (irmao do xenial debuxante Manuel). O Centro desembocaría finalmente na sociedade “Casino de Vivero”, en maio de 1935, que herdou o fermoso local nos xardís do Malecón que lle viñera servindo de sede ao “Centro” desde 1924. Como é ben sabido, o Casino trasladaríase á súa sede actual en decembro de 1982.

Precisamente no período de existencia do citado “Centro Vivariense” intentouse crear no seu seo unha Academia de Música e funcionou un cadro lírico-dramático liderado por José Vilar Sixto, con orquestra de pulso incluída que formaban, ademais do propio Vilar Sixto, Eusebio Bujados, Antonio Cora e Jesús Antas, coa posterior incorporación de Ramón Canosa ao violonchelo.

No seo desas entidades recreativas que acabamos de citar, os bailes de gala ou de asalto de Antroido, Nadal, Aninovo, a Candelaria, a Pascua, o Carme e o San Roque, as veladas músico-literarias e os festivais benéficos (pro vítimas do cólera, pro viúvas e fillos de mariñeiros náufragos, pro feridos na guerra de Cuba, pro Asilo de anciáns, etc.) abren a posibilidade dun goce frecuente e reiterado de números musicais de toda índole interpretados por variadas formacións: solistas, dúos, cuartetos, orquestrinas....

Son, por iso mesmo, o humus ambiental preciso para que poidan xurdir figuras como a de José Muñiz Carro (1855-?), un nome apenas coñecido e divulgado hoxe entre nós mais que ten un valor enorme desde a perspectiva da tradición musical que pode exhibir Viveiro, como tentaremos explicar brevemente a seguir.

Fillo de Balbina Carro e do militante republicano e vicecónsul británico no porto de Viveiro Joaquín Muñiz Riobóo, o aludido José Muñiz Carro foi tradutor (en solitario ou en colaboración con Giner de los Ríos) de varias obras literarias e xornalísticas de Edmundo D'Amicis ao castelán, enviou o texto “Las verdaderas glorias” para a velada en honor a Pastor Díaz que se celebrou en Viveiro en 1882 e, sobre todo, exerceu como crítico musical de grande relevancia no Madrid do seu tempo.

Efectivamente, foi redactor desde decembro de 1880 ata o mesmo mes de 1882 dunha prestixiosa publicación denominada Crónica de la Música, fundada en Madrid polo musicógrafo Andrés Vidal y Llimona e que se editou desde setembro de 1878 co subtítulo de “revista semanal y biblioteca musical”. Por certo que á publicación non lle faltaron asinantes no propio Viveiro, que aparecen aludidos na sección administrativa coas iniciais F. L., F. R. L. e S. L. T.

Muñiz Carro exerceu de crítico habitual dos espectáculos de música clásica, ópera e zarzuela que se celebraban nos teatros líricos madrileños de maior renome: o da Ópera, o Real, o da Zarzuela… Da súa pluma foron saíndo comentarios das interpretacións de pezas como Guillermo Tell, Rigoletto, Hamlet, Hernani, Fra Diavolo, Os Hugonotes, Aida, Un ballo in maschera e un longo etcétera. Ocasionalmente, cubriu tamén información de concertos fóra de temporada na localidade alacantina de Alcoi ou comentou as obras pictóricas que puideran verse na Exposición Nacional de Bellas Artes celebrada en Madrid en 1881.

Teñen grande interese os seus artigos de divulgación sobre o compositor Richard Wagner e, en particular, sobre a súa ópera Lohengrin, así como a súa cálida acollida da soprano Sofía Menter e do pianista Antonio Rubinstein, aínda que tamén cómpre amentar as súas agres polémicas con Manuel de Palacio, redactor de La Europa.

En Crónica de la música publicou así mesmo algún traballo sobre historia da música antiga en Grecia e outros que tenden ao ensaio propiamente dito, como a serie de cinco “Cartas musicales a una mujer” (núms. 150 a 154, agosto de 1881), das que extraemos este significativo fragmento:

La música, arte verdaderamente moderno, es fruto de un sucesivo desarrollo de la razón, de la inteligencia y del corazón. La razón formula sus reglas, la inteligencia las coordina y el corazón se aprovecha de ellas para infundirle sentimiento.
Si es cierto, como yo creo, que en el alma humana hay algo de impersonal, de infinito, de divino; á ese algo, á esa región del alma debe dirigirse y se dirige la música (…). El músico no podrá presentar un paisaje, como el pintor; te hará sentir otro género de belleza más indeterminada, más vaga, pero también más conmovedora (…)”.

Volvendo ao rego principal, diremos que a crecente “popularización” da música que se verifica ao longo do século XIX en Viveiro, como en todas partes, trae consigo a aparición de novos agrupamentos, onde a participación de elementos do artesanado, do incipiente proletariado e aínda da pequena burguesía é fundamental. Falamos dos primeiros orfeóns, das primeiras bandas de música (Juan Latorre chega a Viveiro en 1886 contratado para tal fin), das primeiras rondallas e “murgas” de antroido, das primeiras “tunas”.

O fenómeno coincide, non por acaso, coa eclosión do Rexionalismo musical galego, con compositores como Marcial del Adalid, Pascual Veiga, Xoán Montes, Xosé Castro Chané, Xosé Baldomir que compoñen melodías preciosas (“Negra sombra”, “Unha noite na eira do trigo”, “Os pinos. Himno galego”, “Dous amores”, “Lonxe da terriña”, etc.) sobre textos dos autores do Rexurdimento (Rosalía, Curros, Pondal, Salvador Golpe, Aureliano Pereira...) e nutren de rapsodias e alboradas inspiradas na música folclórica galega o repertorio desas agrupacións citadas. Paralelamente, a difusión popular da zarzuela e do “xénero chico” (Barbieri, Chapí...) dota moitas desas agrupacións de numerosas pezas de repertorio, que se completa cun abano de ares musicais vidos de fóra, ao socaire de diversos movementos culturais da atribulada Europa: valses, polonesas, mazurcas, lieds...

Dous instrumentos gañarán nesta época o fervor musical nos ámbitos cultos: o piano e a guitarra. En breve, un terceiro instrumento, o acordeón, farase dono de todos os salóns de baile populares da contorna, como o Salón de Camilo, de Vieiro; o de Mangas Rubas, en Celeiro; o do Gaiteiro, en Grallal, etc., substituíndo a típica formación de “tres e a caixa” (cornetín, bombardino e clarinete).

Ningún comentario:

Publicar un comentario