Músicos da Banda de Exploradores de Viveiro, que fundou e dirixiu desde 1916 Juan Latorre Capón |
O contributo da música
relixiosa, heráldica e militar
Falamos
na primeira entrega deste traballo da vertente folclórica e popular
da música en Viveiro, salientando algunhas figuras e grupos
referenciais e aludindo a algúns dos cancioneiros e recollidas que a
conservan. Falaremos nesta segunda entrega do contributo esencial que
a música relixiosa e a heráldica supuxeron para a nosa tradición.
A
música solemnizou desde moi antigo os cultos e oficios relixiosos
nas catro igrexas da Vila (a de Santa María, a de San Francisco e as
desaparecidas de Santiago e Santo Domingos) e marcou, así mesmo, as
horas do vivir comunitario (desde os maitines
ata as completas)
dos seus catro conventos, dous deles masculinos, San Francisco e
Santo Domingos, ambos desaparecidos, e dous femininos,
Concepcionistas e Valdeflores, que chegan aos nosos días.
Estivo presente, xaora, nas celebracións
da Semana Santa, con motetes
cantados por José Pla Zubiri ou José Nistal desde algúns balcóns
no propio pecorrido das procesións nos comezos do século XX; con
cornetín e tambor na madrugada do Venres Santo para anunciar o
Encontro; con bandas de música interpretando marchas procesionais;
e, desde hai uns anos, con concertos de música sacra dentro do
programa “Adral” desenvolvido pola Xunta de Confrarías. A Banda
de Cornetas e Tambores da TAU, fundada a finais dos anos 70 por
Manolo do
Paraño
e dirixida actualmente por Pacucho,
antigo batería dos “Dominantes” e da “Paradise”, e a Banda
Naval de Tambores, Cornetas e Gaitas do Casino de Viveiro, creada en
2002, resultan elementos imprescindíbeis nos desfiles procesionais
da Semana Santa.
Cantos
litúrxicos de toda índole (Kiries,
Glorias,
Aleluias...),
misas cantadas e responsos fúnebres
foron
interpretados
durante séculos nos claustros e nos templos viveirenses por freires
e freiras e por sacerdotes educados en Mondoñedo na prestixiosa
capela musical da súa catedral, descrita na revista
Estudios Mindonienses
polo profesor Enrique Cal Pardo, a quen acabamos de perder
infelizmente en datas recentes. O pobo participaba musicalmente nesas
cerimonias relixiosas sobre todo nas misas do Nadal, como a do Galo,
con vilancicos tradicionais que non renegaban da lingua galega e mais
nos fatos de cativos que saían polas rúas a cantaren os “Reises”
e pediren o aguinaldo.
A presenza do órgano como
instrumento para acompañar o ceremonial relixioso do Viveiro antigo
está ben documentada, pois sábese que os dragóns franceses
fixeron leña do órgano de San Francisco durante a ocupación da
Vila en 1809 e que os dominicos, despois dunha primeira
exclaustración forzosa durante o Trienio Liberal, solemnizaron o seu
regreso ao convento a carón da Porta da Vila o 24 de setembro de
1823 cunha procesión acompañada do son solemne dese instrumento.
Esa presenza do órgano ten o seu reflexo, ademais, no primeiro libro
que tratou da historia da nosa vila, o Bosquejo histórico,
político y religioso del Antiguo Reino de Galicia,
publicado por Jacobo Araújo en Pontevedra en 1854. Nesa obra lemos
(páx. 107) que a igrexa de San Francisco
“posee
también el cuarto completo de un órgano con varios tonos, servido
con bastante gusto por un organista que reúne además la
circunstancia de una voz esbelta y agraciada, que le acompaña en sus
solemnidades”.
Patricia Rejas Suárez
catalogou e editou recentemente o repertorio musical existente no
arquivo do mosteiro de Valdeflores e Clara Rodríguez Núñez
(El monasterio de Valdeflores
de Viveiro, Ferrol, p. 472.) informounos do nome dalgunha das monxas organistas que exerceron nel,
como Micaela de Lemos (1710), e do estatus diferenciado de que gozaba
dentro da comunidade conventual, pois
“era
la única religiosa de coro que podía ingresar sin dote en la
comunidad, dado que su trabajo era retribuido por el Estado. Debía
dar una hora diaria de clase de canto a todas las novicias y monjas
con menos de cuatro años de profesión, debiendo instruirlas
musicalmente para su participación en el culto divino".
Órgano da igrexa de San Francisco de Viveiro |
Durante o século XVIII
foron recompensados economicamente por tocaren o órgano en San
Francisco de Viveiro Domingo Pernas (1724) e Frei Luís Fernández de
la Peña (1753-75) e en 1788 renovouse o instrumento no convento de
Valdeflores.
A música fixo parte
imprescindíbel, xunto coas danzas gremiais e os correspondentes
lábaros ou estandartes, da procesión do Corpus, noutrora o evento
colectivo máis relevante da Vila. Na súa comitiva participaban os
distintos gremios existentes (mareantes, zapateiros, ferreiros,
carpinteiros, xastres...), moitas veces pouco ben levados en
cuestións de protocolo e a música púñana, segundo informaba Noya
González en El Eco de Vivero, referíndose ao Corpus de 1827,
gaiteiros e tamborileiros como Francisco Rodríguez e Benito López,
ambos da Vila; Francisco Rocha, de Landrove; Rafael Pérez, de Covas;
Antonio Leal, de Vieiro e algúns outros máis.
Nesta mesma perspectiva cabe
sinalar o relevante papel xogado na tradición musical viveiresa
polos coros parroquiais. En 1913, o de Santa María estaba formado
por Teodomira Peña, Consuelo Lorenzo, Águeda Vizoso, Pilar Cotilla,
Dolores Otero e Rosario Fernández Sampedro, acompañadas ao
harmonium por Luísa Lage. En épocas recentes destacaron
coros parroquiais como os de Dona Herminia Salas e Vicente Casas, en
San Francisco, e o de Lolita Girón, en Santa María. Salientaremos
entre os solistas destas agrupacións a Saleta Couceiro Ínsua
e a Nina Gómez Meitín, entre as sopranos, e a José Luís Rivera,
entre os tenores, sen menoscabo doutras boas voces que fican hoxe no
tinteiro.
A capela coral das irmás
Concepcionistas cantou na inauguración en 1925 da réplica da cova
de Lourdes, baixo a dirección do sacerdote José Pérez Barreiro, e
as irmás Dominicas de Valdeflores gravaron en 1981 unha cassete con
himnos litúrxicos arranxados por María del Carmen Villar, co título
de Nacidos de la luz.
E aínda debemos amentar,
nesta orde de cousas, a achega da grande escritora Luz Pozo Garza co
seu himno eucarístico “Gloria al divino cordero”, musicado por
Antonio Amigo, para o 2º Congreso Eucarístico Comarcal de maio de
1961, que tivo lugar na cidade do Landro: “Gloria al divino cordero
/ cantemos llenos de amor. / Que en la ciudad de Vivero / reine por
siempre el Señor”. Cómpre referir que o feito de que o entón
alcalde, Francisco Vázquez Ramudo, non tivese en conta máis opcións
poéticas que a da súa entón esposa para dotar de himno ese
Congreso Eucarístico causou o desagrado do sacerdote Tomás Moar y
Garazo, que desexaba candidatar un poema da súa autoría a tal fin.
Ese poema recolleríao posteriormente no volume Desahogos del
alma.
Por outra banda, a música
deulle pompa e ornato, asemade, aos desfiles cívicos das autoridades
en todo tempo, por medio das chamadas “fanfarrias” heráldicas no
pasado ou coa banda de música en tempos máis recentes.
Cando se fixo en novembro de
1843 a proclamación da maioría de idade de Isabel II, defendida
ardentemente por Nicomedes Pastor Díaz fronte ao xeneral Espartero,
houbo en Viveiro pasarrúas de gaiteiros e un pequeno grupo de
instrumentistas interpretou na Praza a Marcha Real e outras pezas.
Segundo a crónica que ofreceu o xornal coruñés El Centinela de
Galicia (27-I-1843),
“en
la plaza, los estallidos de innumerables y vistosos cohetes alternaba
con la música, que colocada en un tablado o tribuna, recreaba el
oido y brindaba al pueblo a bailar y solazarse".
Do mesmo xeito, en setembro
de 1923, solemnizando os actos do traslado dos restos mortais de
Pastor Díaz desde Madrid a Viveiro, actuou unha banda militar que
interpretou na Praza diante da estatua do noso poeta o “himno
galego” no mesmo día en que o xeneral Miguel Primo de Rivera
estaba a implantar a súa ditadura...
Tamén a música acompañou
determinadas actividades educativo-ecoloxistas impulsadas nos anos 10
do século XX polo mestre Luís Tobío Campos, como a Festa da
Árbore, que ademais de incluír unha plantación na Furada dos
Asnos, implicaba o canto do himno composto ad hoc polo poeta
Sinesio Delgado con música de Chapí, que comezaba: “Cantemos al
árbol / que voy a plantar. / Si Dios lo protege / del rayo y del
viento / salud y riqueza dará”.
A presenza de bandas
militares ou paramilitares na nosa Vila tivo motivacións diversas.
Ás veces respondeu ao feito de Viveiro carecer en determinados
períodos de banda de música municipal de seu. Nese contexto
explícase a visita de bandas militares vidas de Ferrol, Coruña ou
Compostela e o propio nacemento da Banda de Exploradores de Latorre
Capón en 1916. Mais outras tivo algo que ver, non debe negarse, co
clima militarista que dominaba o ambiente da inmediata posguerra
franquista. Esa atmosfera ideolóxica e social explica a aparición
da banda dos Flechas Navales, en 1944, sobre a que ten escrito
interesantes artigos J. L. Moar. Impulsada polo comandante de Marina
Luís Cebreiro, participou en todo tipo de desfiles e procesións,
sendo axiña bautizada co nome do Almirante Chicarro.
Rexistramos, no mesmo
sentido, a presenza de bandas militares de Lugo (rexemento de San
Fernando) ou Ferrol (Infantería de Marina) para amenizaren as
xornadas festivas ou solemnizaren determinados eventos oficiais e
relixiosos no período de preguerra. Na posguerra trouxéronse tamén
a banda do rexemento de infantería Isabel a Católica da Coruña
(1950) e a do rexemento de Zaragoza nº 30, de Compostela (1955).
Ningún comentario:
Publicar un comentario