eu

eu
eu

martes, 23 de agosto de 2016

DA TRADICIÓN MUSICAL DE VIVEIRO (I)

O acervo folclórico popular e a música de raíz

O pasado mércores día 3 de agosto de 2016 inaugurouse nos locais do Conservatorio de Viveiro a exposición “Musiqueando. Unha ollada retrospectiva ao acervo musical viveirés”, froito do traballo de recompilación de Antonio Navarrete. Tivemos a honra de participar no acto inaugural desa exposición cunha necesariamente breve disertación sobre as múltiplas vertentes da tradición musical de Viveiro. Queremos compartir  aquí un texto, que publicamos orixinariamente no Heraldo de Vivero, en que nos debruzamos con algún pormenor sobre ese mesmo tema.

Unha das moitas cualidades que adornan Viveiro como colectividade ao longo da súa historia é, sen lugar a dúbidas, o seu acendrado amor pola música. A presenza constante desta faceta cultural alimentou a existencia na nosa vila de numerosas agrupacións musicais de todo tipo: gaiteiros solistas e grupos de gaitas, rondallas, comparsas e murgas de antroido, coros, corais e orfeóns, orquestras de pulso e puga, bandas de música, charangas, orquestras e conxuntos músico-vocálicos, cantautores...

No discorrer cotián da vila do Landrove ao longo dos séculos, a música cumpriu, efectivamente, numerosas e variadas funcións, que a fixeron parte esencial e insubstituíbel da súa vida social.

En primeirísimo lugar, a música acompañou desde tempo inmemorial os ingratos traballos e o vivir esforzado das humildes xentes do agro e da ribeira para facelos algo máis levadeiros, creando así o tesouro do noso folclore popular, recollido en parte en Cancioneiros como os de José Pérez Ballesteros, a finais do século XIX, Bal y Gay e Eduardo Torner, nos anos 20 do pasado século e Dorothé Schubart e Antón Santamarina, nos finais do século XX, respectivamente.

No segundo destes cancioneiros citados, por exemplo, hai dúas ducias de pezas recollidas na Terra de Viveiro, entre as que figuran estas dúas:

“Eu ben vin, virirín,
estar un corvororó
na pola dun castiñeiro,
cunha subela na mao, marramiau,
deprendendo a zapateiro”

*
“Pasei a ponte da vila,
paseina de madrugada.
Topei un anillo d'ouro:
é pra ti, miña namorada”

En 1992, a filóloga Salomé Díaz Muñiz fixo para o Arquivo Sonoro de Galicia unha nutrida recolleita folclórica no Centro de Servizos Sociais de Viveiro, valéndose de nada menos que corenta persoas informantes. Con refráns, adiviñas, coplas, romances, vilancicos, cancións infantís, cantares de cego, nanas, ensalmos curativos, fórmulas oracionais, contos, etc. resulta o repertorio máis completo de folclore viveirés vivo do que temos constancia e contén pezas simpáticas, picarescas e mesmo un algo irreverentes, como estas que nos resistimos a non citar:

“Padre Nuestro capuchín
fun ó ceo e volvín,
encontrei a meu padriño
cargadiño de touciño
e pedinlle un cachiño,
deume con el no fuciño.
Pasei por un carreiro torto
e encontrei un carneiro morto
e víronme os ladrós
e arrancáronme os collós”.
*
“Cando o Ruso toca a gaita
con tamboril e roncón,
as rapaciñas de Bravos
acarreiran pa o balcón”.
*
“- Viveiriño, Viveiriño
con tódolos seus arredores.
- Non me chames Viveiriño,
chámame xardín de flores”.

Entre as moitas manifestacións dese tesouro de música folclórica cómpre sinalar especialmente dúas: as chamadas “parrandas mariñeiras”, de especial celebración no porto de San Cibrao polo San Andrés (patrón das xentes do mar en moitos portos galegos antes de que se instaurase o padroado oficial da Virxe do Carme, en 1903) e os “Maios”.

Conta Lois Tobío nas súas Décadas (p. 29) que nos tempos do Seminario de Estudos Galegos, o seu amigo Filgueira Valverde quedou moi impresionado coa melodía do “maio” de Viveiro (“Maio, maio, / entra de crego /, non revolvas o tempo / xurando. Maio, maio, / na cruz da Mariña. / Bótennolo maio, / señores caballeros, / se non teñen maio / bótennos diñeiro. / Aí vén o Maio / pola calle do Sol, / aí vén o maio / de roubar a Valledor....”), que lle recordaba o derradeiro movemento da novena sinfonía de Beethoven, e que certo día, durante unha misa maior en Compostela, Tobío e Filgueira escoitárono interpretado polo órgano da catedral, “ennobrecido pola arte, solemne e grandioso”.
Chumín de Céltigos
Nesta mesma perspectiva cómpre situar a figura do gaiteiro Chumín de Céltigos (Juan Gómez de Andrade, natural das Negradas-O Vicedo, 1823-1911), retratada por Antón Villar Ponte en varios artigos e poemas e por Xoán Pla Zubiri, Ramón Canosa e Chao Espina en prosa; a de Rosario, a cega do violín, evocada por Tobío nas súas Décadas (p. 49) e a de Emilio Caxete Lamelas (O Rabeno), cantor popular irrepetíbel, cheo de enxeño e graza non exenta de crítica, do Viveiro das primeiras décadas do século XX. Con aire de habaneira compuxo en 1926, como recolleu José Nistal Anécdotas e personaxes dun Viveiro que se foi (p. 159) as famosas estrofas:

“-Plaza de Abastos:
que vas facer?
- Vou poñer puestos
para vender.
O primeiro puesto ha de ser
para Antonia d'a Paraña,
que ten un barco na Coruña
cargado de tela... de araña”.

Ben coñecida é a rivalidade que enfrontou no seu tempo Chumín de Céltigos co famoso gaiteiro de Ventosela (Xoán Míguez González, 1847-1912), a quen o das Negradas descualificaría en mordaces versos de copla (“Ventosela… Ventosela… / moita chavería na canaveira…”) por empregar chaves de clarinete na gaita para conseguir interpretar así os bemoles e sostenidos

“Os Trintas” de Trives, dirixidos por Ricardo Courtier, visitan Viveiro no verao de 1907. Ao seu exemplo nacerá o cuarteto local “Os Montes” (inicialmente barallaron chamarse “Os Corentas en bastos”, por darlle irónica réplica ao nome dos triveses...). Estaba formado por Antón da Costa (Antonio Soto), Salaverri, Juan Latorre e Eugenio González (o Madono). En 1908 viaxaron a Cuba e animaron na colonia viveiresa emigrada na Illa o espírito que levaría pouco despois á fundación da sociedade de instrución “Vivero y su Comarca”.

Máximo representante da música tradicional galega en Viveiro nos mouros anos do franquismo foi o quinteto “Brisas do Landro” (de Ramón Bermúdez Fernández, “Pepe Randa”, e os seus fillos Pepe, Rasputín, Moncho, Gilberto e César), número musical imprescindíbel da romaría do Naseiro e das festas patronais durante varios lustros.

Falando de Naseiro, é ben coñecido que grupos de gaitas como “Os Montes” de Lugo, “Os Rosales” de Rianxo e “Os Campaneiros” de Vilagarcía de Arousa encheron de música tradicional a romaría nos anos 50, 60 e 70, na compaña do grupo local xa citado dos Pepe Randa.

José Travieso Quelle, "Jotraque"
Do xornalista e compositor viveirense José Travieso Quelle é a autoría dunha peza, “Catro vellos mariñeiros”, que xa fai parte por dereito propio do acervo das cancións populares galegas máis cantadas e coñecidas de todos os tempos. 

A agrupación “Bágoas da Terra” promoveu durante anos unha Mostra Folklórica Internacional que trouxo a Viveiro bailes e músicas de todas as latitudes. 

Na actualidade, o noutrora fundador do grupo de gaiteiros “Nova Semente” Javier Pena Louzao (Bossa) e o director da escola de música “O son do Sor” do Barqueiro, David Bellas, fan virtuosismo coa gaita, o noso instrumento tradicional máis emblemático.

Inscrito no movemento da “nova canción galega” que espertou á calor da loita antifranquista a finais dos 60 e durante os anos 70 está o viveirense Jei Noguerol (Xosé Antonio González Noguerol), con discos como “Denantes dos vinte anos” (1976), “Cantigas de Fradería” (1978) e “Lúa nova” (1997) e temas como o celebérrimo “Señor Ministro, por favor”, “Cabaleiros” e “Polo Atlántico Norte”.

 
No seu ronsel cabe citar o grupo “Xistra”, formado por Caxete, Atadell e Andrés, que musicou poemas de Noriega Varela, Bernardino Graña, Celso Emilio Ferreiro e Rosalía, entre outros, e gañou en 1982 o Festival da Música Galega en Vigo e en 1984 e 1986 o certame musical de Bergantiños. Editou nos anos 90 a cassete Xurdindo do mar, en que aparecen dous dos seus temas máis fermosos, ao noso humilde parecer: “Temporal” e “Os velliños de Celeiro”. O seu segundo e derradeiro disco titulouse Mistura na ialba (1993).

Ningún comentario:

Publicar un comentario