Morreu
hoxe, 27 de novembro de 2015, o escritor máis verdadeiramente lido e
popular da literatura galega de posguerra, o meirande investigador da
epopea emigrante en Cuba e un dos exemplos máis sobranceiros de
compromiso e lealdade coa Nación dos Humildes. Na súa honra
transcribimos as liñas que lle dedicamos nun manual de literatura
galega para 2º de bacharelato.
Nado
en Gres-Vila de Cruces (Pontevedra) en 1928, no seo dunha familia
labrega pobre, fixo estudos de contabilidade por correspondencia e
comezou a traballar desde moi novo nun aserradeiro. En 1949 emigrou á
Arxentina, traballou en diversos oficios e alí relacionouse cos
sectores máis galeguistas da colectividade, o que explica a súa
participación en iniciativas como o xornal Adiante,
das “Mocedades Galeguistas”, o “Iº Congreso da Emigración
Galega” (1956) ou a editora-distribuidora “Follas Novas”
(1957).
En
1961, ao mesmo tempo que publica o seu primeiro libro, Memorias
dun neno labrego,
instálase en Cuba coa súa compañeira, a escritora Anisia Miranda (1932-2009),
e desempeña diversos postos na administración revolucionaria
cubana. En 1969 crea e dirixe a Sección Galega do “Instituto de
Literatura e Lingüística de Cuba” e desde ese posto emprende un
inxente labor de investigación e recuperación da presenza e do
legado galego en Cuba, que se traduce nos volumes Galegos
no Golfo de México
(1980); Castelao
en Cuba
(1985); A
prensa galega en Cuba
(1985); Índice
da revista El
Eco de Galicia (1988), Guerilleiros
(1991); Rosalía
de Castro e Cuba
(1992); Eduardo
Blanco-Amor dende Buenos Aires
(1995); A
lingua galega en Cuba
(1995); Memorias
da emigración I, II e III
(1994-1996), Galegos
que loitaron pola independencia de Cuba
(1998), etc. Desde o seu retorno a Galiza, vive na súa aldea natal
desenvolvendo un intenso labor cultural e xornalístico.
Alén
da súa decisiva obra narrativa de creación, hai que salientar o
papel de Neira Vilas como pioneiro da literatura infantil en galego,
con libros como O
cabaliño de buxo
(1971), Espantallo
amigo
(1971), A
marela Taravela
(1976), De
cando o Suso foi carteiro
(1988), Chegan
forasteiros
(1993) e Contos
vellos para rapaces novos
(1983), escolma de contos populares de todas as latitudes vertidos ao
galego.
Como
poeta é autor de Dende
lonxe
(1960) e Inquedo
latexar
(1969). Ambos volumes reuníronse, xuntamente con outros poemas
soltos, en Poesía
recadada
(1994). A poesía de Neira Vilas caracterízase pola súa sinxeleza
expresiva e polo contido comprometido, abordando temas como a
infancia, a loita dos pobos, a emigración, a morte, o papel do
escritor na sociedade... Tamén traduciu para o galego obras de
autores como Nicolás Guillén, Vítor L. Molinari, Ho-Chi-Minh,
Fidel Castro, José Martí e Alejo Carpentier.
Neira
Vilas presenta varias particularidades a respecto dos autores
englobados na Nova Narrativa Galega (Mourullo, Queizán, Ferrín...).
Entre as extra-literarias, cabe sinalar que o autor se move nun marco
vivencial – a América da emigración, a Cuba castrista - moi
distinto ao dos escritores do interior, sen manter con eles un
contacto xeracional. Entre as estritamente literarias, destaca o
feito de que non manifesta o interese renovador que conscientemente
asumen os seus coetáneos.
A
fórmula narrativa de que fai gala nos seus inicios está máis
atenta ao narrado –temática, argumento, situacións- que á
conformación do discurso narrativo. A característica que máis
distancia a Neira Vilas dos autores da NNG é, con todo, o máis
definidor do seu mundo literario: o tratamento cruamente realista dos
xeitos de vida da Galiza rural. Mentres os “novos narradores”
buscan como referente espacial o medio urbano e a conflitividade dos
seus personaxes xira arredor de confusos desexos e frustracións, a
temática dos relatos e novelas de Neira Vilas concéntrase nas
miserias e traxedias da aldea galega nos tempos da guerra civil e da
inmediata postguerra. Aínda que os seus personaxes mostran unha
psicoloxía altamente desenvolvida, os seus conflitos non son
internos: xorden do enfrontamento co medio, cos seus opresores ou
semellantes, na loita cotiá pola supervivencia.
Neira
Vilas cultivou o conto e a novela, cunha tendencia cara ao primeiro
que fai dalgunhas das súas narracións longas simples acumulacións
de relatos curtos de estrutura pechada conectados por tenues fíos
como poden ser o marco espacial, a voz narrativa ou a paulatina
evolución dos personaxes cara á autoafirmación. Tendo en conta as
súas características técnicas e temáticas, acostúmase clasificar
a súa narrativa en cinco núcleos:
a) Obras que xiran arredor
da vivencia infantil do mundo da aldea: Memorias dun neno labrego
(1961); Cartas a Lelo (1971) e Aqueles anos do Moncho
(1977).
b) Narracións en que o
mundo rural é observado desde o punto de vista do adulto: Xente
no rodicio (1965), A muller de ferro (1969) e Querido
Tomás (1980).
c) Narracións centradas no
mundo da emigración: Camiño bretemoso (1967), Historias
de emigrantes (1968), Remuíño de sombras (1973), Tempo
novo (1987) e Relatos mariñeiros (2003).
d) Narracións centradas no
mundo urbano, visto desde unha pespectiva sumamente crítica: O
home de pau (1999)
e) Coleccións de estampas
líricas e de semblanzas: Lar (1973), Nai (1980) e Pan
(1986).
O
primeiro
núcleo
agrupa as obras de protagonista infantil, reunidas polo autor no
volume O
ciclo do neno
(1978). Nelas ofrécesenos a percepción que ten o neno do mundo da
aldea: os labores inhumanos que está obrigado a desempeñar; as
condicións de necesidade e miseria; a vivencia da inxustiza social
perante o poder dos fillos do señorito; a frustración da
curiosidade intelectual nunha escola en que non consegue integrarse
por falar galego ou por abandonala para axudar no traballo familiar;
a auto-represión por uns costumes e unha moral que non consegue
entender...
A
través da mirada infantil Neira Vilas reconstrúe o hábitat rural
galego dos anos 30 e 40, que ofrece como única saída redentora a
emigración. Paralelamente asistimos ao proceso de maduración
psicolóxica dos protagonistas, sendo polo tanto crónicas
iniciáticas en que a vivencia da inxustiza vai modelando a súa
personalidade até optaren pola rebelión: nas Memorias...
(unha das obras máis traducidas, vendidas, lidas e divulgadas da
literatura galega de todos os tempos), abandonando Balbino a súa
casa tras sufrir do pai un castigo humillante a causa dun
enfrontamento co fillo do señor; en Aqueles
anos...,
mediante o compromiso de axuda aos guerrilleiros que Moncho
estabelece.
Do
punto de vista técnico-formal estas obras mostran unha grande
sinxeleza construtiva: as dúas primeiras seguen un modelo secuencial
–breves apuntamentos narrativos sobre calquera personaxe ou
circunstancia da vida infantil nas Memorias...
e técnica espistolar en Cartas
a Lelo-,
mentres que Aqueles
anos do Moncho
mostra un narrador heterodiexético que dota o texto dunha maior
complexidade estrutural.
O
segundo
núcleo
narrativo da obra de Neira Vilas, que se fecha dalgún xeito con Esperando o leiteiro (2012), ten claras coincidencias co
anterior, mais o autor opta aquí polo punto de vista do adulto.
Prosegue a exploración do mesmo universo narrativo con claves
temáticas e de-senvolvementos similares: a alienación do campesiño,
a violencia irracional e cega, a superstición, a insolidariedade,
etc. O tratamento técnico-formal dos materiais narrativos é
diverso.
Nos
vinte relatos de Xente
no rodicio
predomina o tratamento realista para nos deseñar os habitantes dunha
aldea pecha e opresiva condenados á emigración ou á
auto-destrución. Os contos de A
muller de ferro
están cargados dun forte simbolismo, concibidos todos eles como
parábolas ou fábulas moralizantes cun marcado nesgo ideolóxico.
Querido
Tomás
presenta unha notábel complexidade estrutural, fronte á sinxeleza
característica dos anteriores relatos. Nesta novela asistimos ao
longo monólogo dunha mestra rural, Sara. Estando cerca da vellez
rememora os primeiros anos da postguerra e as distintas fases do seu
amor de mocidade con Tomás, un rapaz labrego ao que, a pesar das
diferenzas de clase social existentes entre eles, estivo ligada antes
de que o mozo emigrase ao Brasil. A novela desenvólvese en dous
planos temporais: o presente en que Sara relembra, un mes de agosto
que simboliza a progresiva estiaxe da vida da protagonista e do mundo
da aldea, e un pasado de ilusións definitivamente truncado. Querido
Tomás
está concibido na súa esencia como un alegato contra a emigración,
que a cambio dunha falsa esperanza vén destrozar a existencia de
dúas persoas e, simultaneamente, a de todo un pobo.
Se
nesta novela a emigración preséntase desde a vivencia do que se
queda, no terceiro
núcleo narrativo
Neira Vilas aborda a epopea tráxica do emigrante en terras
americanas. O ámbito espacial desprázase, se ben a aldea e Galiza
seguen sendo un referente na distancia, evocado desde a lembranza dos
protagonistas. Camiño
bretemoso
é a novela que inicia este ciclo. Nela preséntasenos o relato oral,
sórdido e amargo, que un emigrante realiza a un interlocutor mudo
das súas peripecias desde que abandona aos dezaoito anos Galiza por
un imperativo ético –a vergoña que sente por non se atrever a
desfacer un malentendido sobre as súas relacións coa criada da
casa-, até chegar á situación final en que só, enfermo e
desprezado, agarda pola morte nun suburbio bonaerense.
Na
mesma cidade arxentina desenvólvense as Historias
de emigrantes,
un feixe de contos en que se nos narra o conflitivo proceso de
adaptación ao novo medio urbano dunha galería de personaxes
representativos de toda a colectividade galega na cidade do Plata: a
incapacidade para comprenderen o novo marco social en que se moven,
mantendo a mentalidade tradicional e individualista; a loita para
saír como sexa da miseria; o conflito entre as súas raíces
culturais galegas, que queren conservar, e a necesidade de
integración nunha nova cultura, etc.
Hai
tamén intención globalizadora ao enfocar a emigración bonaerense
na novela Remuíño
de sombras,
considerada pola crítica como a obra de construción máis
innovadora e polo tanto máis próxima ao movemento da “Nova
Narrativa”. Neira Vilas recorre nela a unha técnica
cinematográfica en que se van montando de forma caótica distintos
planos e secuencias que recollen fragmentos de conversas, noticias
sobre o mundo do espectáculo, actos sociais da comunidade galega,
etc., xuntamente con secuencias narrativas de maior extensión e
distintos protagonistas que son os que dan unidade á novela. Esta
complexidade técnica, con recurso ao flash-back
e á aceleración ou ralentización temporal, vai acompañada por un
xogo continuo de voces e modos narrativos, así como por unha
multiplicidade de rexistros lingüísticos (linguaxe coloquial,
periodística, literaria, etc.). No volume Relatos
mariñeiros
(2003), Neira Vilas desenvolve con brevidade, condensación e grande
riqueza idiomática vinte historias ambientadas nos anos 30, 40 e 50
do século XX e protagonizadas por mariñeiros de orixe galega en
Cuba.
A
temática urbana que inauguran os libros antes citados segue presente
na obra titulada Un
home de pau
(1999), obviamente fóra xa do ciclo da emigración e configurando un
cuarto
núcleo.
Son quince relatos centrados na vida da cidade e nos inconvenientes
que nela encontran os seres humanos para a realización:
cousificación, masificación, soidade, illamento, incomunicación,
ruído, acoso publicitario, présa, tráfico, falta de zonas verdes,
etc. O propio autor ten explicado que con estas historias tento
achegarme mediante alegorías a algunhas das eivas crónicas que
padecen as cidades do noso tempo.
Os
alardes técnicos de Camiño
bretemoso
teñen o seu contrapunto nas tres obras que compoñen o quinto
e derradeiro núcleo
narrativo dos arriba sinalados, reunidas polo autor no volume
Charamuscas
(1993). Dúas delas –Lar
e Nai-
están máis próximas á linguaxe poética que á narrativa, dado
que nas breves secuencias que as compoñen os elementos argumentais
ceden perante a evocación acentuadamente subxectiva e emocionada do
que o Neira Vilas emigrante deixou atrás. Na primeira recréanse os
espazos, os obxectos e as xentes da infancia rural do autor. Na
segunda, reconstrúese con breves trazos a figura da nai. Por último,
en Pan
estas evocación líricas van acompañadas dun maior desenvolvemento
dos elementos narrativos, para daren lugar a trinta e nove estampas
cunha técnica e estilo moi semellantes aos empregados por Castelao
en Cousas.
Neira Vilas ofrécenos de forma densa e sintética un resumo de todo
o seu mundo narrativo anterior a través dunha nutrida galería de
personaxes: o cacique, o xornaleiro, o emigrante, a regateira
estraperlista, o mutilado de guerra, etc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario