eu

eu
eu

domingo, 6 de decembro de 2015

ANTÓN VILLAR PONTE E O XORNAL ACCIÓN CORUÑESA

Joaquín Martín Martínez, avogado coruñés, antigo director de Tierra Gallega (xornal republicano desaparecido en 1914) e, na altura, principal dirixente na Galiza do Partido Reformista que lideraba no Estado o asturiano Melquíades Álvarez, será o principal impulsor dun semanario que co título de Acción Coruñesa e ao prezo de 10 céntimos, comezou a se publicar na cidade herculina (concretamente no obradoiro gráfico de El Noroeste), a partir do primeiro de novembro de 1920.

Editáronse, ata a súa desaparición o 26 de xuño de 1922, un total de 86 entregas desta publicación que se reclamaba defensora "de los intereses de Galicia y de su capital" e que tivo na súa nómina de colaboradores destacadas figuras das Irmandades e da ING (Álvaro Cebreiro, Blanco Torres, Alfredo Somoza, Xosé Calviño, Lugrís Freire, Peña Novo, Ricardo Carballal, Iglesias Roura, Antón Valcárcel, Ramón Cabanillas, Lustres Rivas...) e máis do republicanismo coruñés (Casares Quiroga, César Alvajar, Suárez Ferrín...).

Tamén frecuentaron as súas columnas colaboradores non encadrábeis en ningunha das categorías antes citadas, como Ángel del Castillo, José García Acuña ou Francisca Herrera Garrido.

O nome de Antón Villar Ponte debe ser engadido a esta lista de colaboradores dunha publicación que non deixou de informar sobre as evolucións do nacionalismo galego: de feito, o seu número 26 (25.4.1921) dará comprida información sobre o desenvolvemento da 3ª Asamblea Nacionalista, celebrada polas Irmandades en Vigo, e o seu número 66 (30.1.1922) reproducirá integramente a mensaxe de solidariedade dirixida polos irmandiños ao Congreso da Raza Irlandesa que estaba a se celebrar por esas datas en París.

No semanario que nos ocupa publicará o xornalista viveirense o artigo intitulado "Para bien de La Coruña y de Galicia. Una reacción que se impone" (nº 45, 5.9.1921). Trátase dun texto en que Villar Ponte advirte contra a deturpación urbanística e espiritual que, ao seu ver, estaba comezando a padecer a cidade herculina por mor da acción combinada dun mal entendido coruñesismo, aventado por algúns xornais (velada alusión a La Voz de Galicia, sen dúbida), e dunha extemporánea mentalidade de permanente comparación con outras cidades, nomeadamente Vigo (cidade que non achara aínda o seu carácter orixinal e estaba chea, a xuízo de Villar Ponte, de "pomposas exteriorizaciones mimetistas") ou a propia capital do Estado, Madrid.

O autor partía da base de que a cidade coruñesa "es una urbe con personalidad propia", posuidora dun carácter peculiar e inconfundíbel que se reflictiría claramente tanto na súa populación, alegre e aberta a todo o novo, como na súa arquitectura, "un alma de cristal llena de ritmos", harmonizada coas condicións naturais e meteorolóxicas e baseada na combinación respectuosa de elementos moi caracterizadores como son o soportal, a pedra e a galería. No entanto, o xornalista avisa alarmado neste seu artigo do proceso de dexeneración que, ao seu entender, estaba a vivir entón a cidade, proceso que de non atallarse acabaría por facer que A Coruña perdese "todo lo coruñés para convertirse en una ciudad cualquiera de silueta vulgarísima". Os síntomas reveladores desa depravación que experimentaba a urbe son descritos e resumidos por Villar Ponte da seguinte maneira:

"Los propietarios fuerzan a los arquitectos obligándoles a ofrecerles planos de edificaciones sin carácter. Los ediles sueñan con hacer de su pueblo 'un Vigo' acuciados por aquella literatura periodística precitada. Y propietarios, ediles y periodistas se esponjan de orgullo cuando alguien con criterio meseteño, que es el criterio más pobre, más estrecho y menos europeo que pueda darse -¡oh, Unamuno!- habla de que la Coruña 'es un Madrid en pequeño'".

Villar Ponte predi que os rañaceos e as "rapsodias arquitectónicas del estilo vienés, incompatibles con nuestro clima e incompatibles también con el buen gusto", acabarán matando a orixinalidade e singularidade urbanística e arquitectónica coruñesa se non se reaxía urxentemente. Non é estraño, pois, que o xornalista puxese ramo ao seu artigo facendo o seguinte chamamento:

"Que la Coruña siga siendo coruñesa. Que no mate, por Dios, la característica envidiable de su ligereza material y espiritual. Que piense más en los árboles que en los edificios. Que cubra de verdor y de sombra las alopécicas lomas a cuyo borde se asienta. Y que mire con desdén a cuantos profieren para halagarla la frase hecha ridícula y deprimente de que es 'un Madrid en pequeño'. Porque un Madrid en pequeño o en grande significa cualquier urbe sin objeto que apenas sería ciudad sino fuese corte. Significa un pueblo con la burocracia por toda riqueza (...) Todo propio en tierra propia. No existe otro lema más universal. Pues el cosmopolitismo por el cosmopolitismo es la ilusión de los que no tienen ninguna, a causa de llevar el espíritu colonizado".

Melquíades Álvarez, líder do Partido Reformista
A sintonía de Villar Ponte co grupo promotor da publicación que nos ocupa, porén, durou ben pouco. Efectivamente, nun artigo que apareceu o 24 de decembro de 1921 nas páxinas de El Noroeste, co título de "Lo que acaso interesa a Galicia", Villar Ponte establecerá unha clara dicotomía entre o coruñesismo transcendente, aquel que interesaba a todos os galegos, e outro tipo de coruñesismo, localista e egótico, confinado, segundo el, "entre las propagandas circunstanciales de una pasión político-municipal". Sería este último o encarnado, na opinión do autor de Viveiro, polos mentores do semanario Acción Coruñesa.

Estas afirmacións van ter, como é lóxico, cumprida resposta do responsábel máximo da publicación, Joaquín Martín Martínez (na altura presidente da sección cultural do Circo de Artesáns e secretario do Concello herculino) en forma de carta aberta que, aínda que "sirve para otros muchos", vai dirixida explicitamente a "mi amigo A. Villar Ponte" (cf. "Epistolar", nº 62, 2.1.1922).

Martín Martínez considera falsa a dicotomía establecida polo autor de Almas mortas, por canto non ve diferenzas substanciais entre o programa de Acción Coruñesa e ese coruñesismo transcendente que pregoa o xornalista de Viveiro. Pon como testaferros da súa aseveración a numerosas figuras do republicanismo e do galeguismo que participan no proxecto de Acción coruñesa e que tempo andado, engadimos nós, confluirán tamén na ORGA: Lois Peña Novo, Santiago Casares Quiroga, Eduardo Paredes, Suárez Ferrín, Manuel Insua, Julio e Juan Wonenburger, Alfredo Somoza, Arturo Taracido, Enrique Hervada, José Calviño, César e Saturno Escudero, etc. Doído polo que considera inxustas aseveracións, Martín Martínez interpela a Villar Ponte directamente:

"Pero, en serio, amigo Villar Ponte cree V. que nosotros, no hacemos más que propaganda circunstancial fiados por una pasión político-municipal? ¿No nos conoce V. a todos? Bien o mal, acertando o equivocándonos, ¿no llevamos muchos años de vida política activa coruñesa y gallega? ¿Pero en qué merece censuras de los buenos gallegos nuestra obra de ACCIÓN CORUÑESA?".

O proxecto do grupo, agora que está asentado, acrecenta o seu responsábel, é comezar unha expansión á que son invitados

"(...) cuantos amando a Galicia y queriendo su autonomía integral, crean que solo haciendo de la Coruña una gran urbe que sea asiento de capitalidad gallega, podrá realizarse, en las próximas etapas de la vida política española, el ideal porque todos nosotros, aunque no afiliados oficialmente al nacionalismo, venimos peleando desde nuestros primeros tiempos de vida pública.
Para esta etapa precisamos de hombres como V. y de sus amigos. Déjese de señalar diferencias que no existen más que aparentando desconocer nuestra ideología y nuestras personas, y piensen - sinceramente se lo digo - que ya debemos cerrar el ciclo en que, por leves discrepancias de matiz, de humor o hasta de simpatía personal, los hombres gallegos de relieve se creen en la necesidad de discutir unos de otros y aún de exteriorizar con frecuencia estos discutimientos, originando con ello confusión perjudicial a la causa de Galicia (...)
¿No es tiempo ya, de que, en armonía y colaboración leales, nos entendamos siempre los espíritus liberales gallegos que, desde distintas capillas adoramos los mismos principios de la religión patria gallega?".

As palabras de Martín Martínez cobran aínda máis valor se temos en conta que neses mesmos instantes un sector das Irmandades está a provocar a saída forzosa de Antón Villar Ponte da dirección do boletín A Nosa Terra, preludio do enfrontamento e escisión do nacionalismo na Asemblea de Monforte, en febreiro de 1922.

O certo é que Villar Ponte respostará desde as páxinas de El Noroeste en termos absolutamente conciliatorios e de consenso ás requisitorias expresadas por Martín Martínez. Este, en nova carta dirixida ao viveirense por medio de Acción Coruñesa (nº 63, 9.1.1922) amosará a súa satisfacción por esta actitude, que, ben mirado, está na base da futura alianza entre republicanismo e galeguismo que a partir de 1930 se plasmaría no proxecto da ORGA:

"Hace mucho tiempo que ustedes los nacionalistas y nosotros, algunos republicanos de los que formamos en el grupo, coincidimos en todo lo que es fundamental para la causa gallega; no íbamos a discrepar en la necesidad y en el propósito de transformar espiritual y materialmente a la Coruña en una ciudad moderna que sea asiento de la capital de nuestra tierra gallega organizada para regirla autonómicamente".

Ningún comentario:

Publicar un comentario