O intelectual viveirense Lois Tobío Fernández (1906-2003) encarnou un galeguismo europeísta e universal, verdadeiramente antitético ao que a miúdo se nos presenta nesa visión tópica dos nacionalismos que hoxe tanto se estila, como doutrinas do exclusivismo e do desprezo por todo o alleo. Ben polo contrario, Tobío e moitos outros membros da súa xeración, a do Seminario de Estudos Galegos, demostraron por activa e por pasiva que só desde o amor e a identificación cordial co propio (lingua, historia, costumes...) se pode acceder á percepción, á comprensión e ao verdadeiro gozo do distinto, do foráneo, do alleo. Ser universal e universalista non é, non pode ser, renegar do particular e do propio, nin tampouco menosprezalo, senón proxectar ese particular e ese propio ao mundo e sobre o mundo, para o enriquecer. Desde esa perspectiva, amar, valorizar e coñecer a propia lingua, a propia terra, a propia cultura non é senón a chave mestra para amar, valorizar e coñecer tódalas demais.
O
amor do galeguista Tobío polas linguas e o seu poliglotismo activo
son síntomas clarísimos desta actitude aberta e autenticamente
universalista de que fixo sempre gala, pois para el “o coñecimento
dunha nova lingua é coma entrar nun mundo novo, coma ter outra vida”
(Décadas
de T.L.,
p. 343). Ao castelán en que foi educado polos seus pais e pola
escola e ao galego dos seus amores, zugado desde o berce no Viveiro
popular de comezos do século XX e na Compostela e arredores da Amaía
dos anos 20, foi agregando durante a súa dilatada existencia o
coñecemento e o cariño por outras moitas linguas: o francés, o
alemán, o portugués, o búlgaro, o catalán, o inglés, algo de
checo, algo de ruso... Nas súas Décadas
deixou
reflectida a decepción que o embargou por non ter disposto no
transcurso da súa vida académica de bos profesores na lingua de
Roma, “pois non sei o que hoxe daría por poder ler en latín de
corrido a Tácito u Ovidio” (Décadas,
p. 81).
A
súa intensa experiencia viaxeira, quer como estudante, quer por
razóns do traballo como diplomático, quer polos avatares penosos da
súa traxectoria cívica de republicano e galeguista exiliado após a
guerra incivil, quer, en fin, por puro pracer, espertou nel unha
especial sensibilidade cara á diversidade cultural e cara ás
linguas en que aquela, efectivamente, asenta e se manifesta.
En
1926, contando tan só vinte anos de idade, o mozo Tobío atreveuse a
impartir no Seminario de Estudos Galegos un curso de Fonética
Galega, “en comparanza coa dos demais idiomas peninsuares”,
segundo reza a nota que a tal respecto inseriu o boletín ourensán
Nós
(nº 35, 15.11.1926). No verán de 1928, para celebrar a súa
licenciatura, Tobío pasou na Guarda uns días na casa do seu amigo e
compañeiro de estudos Xoaquín Sobrino e aproveitou a ocasión para
visitar por vez primeira Portugal. Alí, segundo confesará máis
tarde, sentiuse como na súa casa, “pero nunha casa enriquentada,
en que as cousas dadoito estaban como enlevadas, dignificadas, a
comezar pola fala. Vía como a miña pobre fala, desdeñada,
esquecida pola nosa burguesía e señorío, botada do mundo oficial e
do ensino, tiña alí status senlleiro e total con todos os
beneficios e vantaxes que lle cumpren. E, xa que logo, sentía
vergonza, envexa e mágoa polo que na miña terra pasara. Pero dábame
certo consolo saber que, gracias a Portugal, nel e noutras nacións
espalladas polo mundo se tiña salvado a antiga e nobre lingua dos
meus” (Décadas,
páx. 194).
O
seu coñecemento do alemán foi moi profundo. Comezou a adquirilo
cando adolescente en Compostela, da man dos profesores José Arbaiza
Basoa, Marcial Rodríguez Cebral e Emil Blechmann. Nas Décadas
explica
a este respecto (páx. 117): “Ademais matriculeime no curso de
alemán pois, anque só era obrigatorio para os que seguían
medicina, coidei interesante coñecer unha lingua coma esa xa que
tiña ocasión. E esta decisión que tomei un pouco á lixeira e sen
moito pensar, por sport,
coma se dicía entón, ha ter grande importancia na miña vida”.
Tobío perfeccionou definitivamente o seu alemán durante a súa
estadía en Berlín no curso 1929-1930. Nesa cidade, que fervía
daquela política e socialmente, nos prolegómenos do ascenso ao
poder das hostes hitlerianas, coincidiu e conviviu con Felipe
Fernández Armesto (Augusto
Assía),
Francisco Ayala, José Canedo, Corpus Barga e Vicente Risco. Do seu
saber sobre a lingua teutónica valeuse, xa nos anos 30, Emile
Skézely, futura esposa de Salvador de Madariaga, para dar cumprido
cabo a unha tradución da obra de Hans
Fallada
(pseudónimo de Rudolf Ditzen, 1893-1947) intitulada Kleinner
Mann, was nun?,
traducida para o español como ¿Y
ahora qué?.
Canto
ao francés, aprendido na escola desde neno, foi idioma empregado
acotío por Lois Tobío no seu labor diplomático, tanto en Bulgaria
como, xa durante a guerra incivil, noutros países da área
mediterránea. Como veremos, Tobío foi un namorado da literatura
francesa, desde François Villon (en homenaxe a esta figura medieval
bautizou unha sección súa no xornal de Montevideo El
Día
co rótulo de “Nieves de antaño”, inspirado nun verso seu), ata
os decadentistas decimonónicos finiseculares todos (Baudelaire,
Rimbaud, Verlaine...).
Na
capital búlgara, Sofia, tratou moitos xudeus sefardís (descendentes
daqueles expulsados no século XV da Coroa de Castela pola raíña
Isabel a Católica) e mercou libros escritos nese arcaico castelán,
aínda que acabaron perdéndose nas reviravoltas da guerra do 36.
Tamén durante a súa estadía en Bulgaria, Tobío, segundo as súas
propias palabras, “no desexo de coñecer máis a fondo aquel pobo e
tamén por curiosidade intelectual”, púxose a aprender o búlgaro
e tratou a varias escritoras nesa lingua, como Dora Gabé e maila
autora de O
eterno e o sagrado
(Vechnata
i svyatata),
Elisaveta Bagriana (1893-1991).
Á
nómina de linguas que aprendeu aínda hai que engadir aínda o
catalán que falaba a súa muller, María del Carmen (Melu)
Soler, e o inglés aprendido durante a súa breve estadía como
exiliado en New York e en Cuba, antes de recalar en Montevideo.
Loxicamente,
Tobío aproveitou este seu dominio de diversas linguas de moi
diversas maneiras. Fundamental foi, por exemplo, o seu saber do
alemán e o francés para aprobar a oposición de ingreso na Carreira
diplomática, en 1933. Valeulle tamén, profesionalmente falando,
para entrar a traballar, en 1947, no departamento de publicacións e
propaganda da casa farmacéutica “Roche” (para facer traducións
desde e/ou para francés, inglés e alemán), e algún tempo despois,
acceder a un posto de tradutor na ONU, ao que non obstante
renunciaría axiña. Cando foi xubilado pola “Roche”, en 1973,
dedicouse durante medio ano a facer traducións de índole comercial,
ata que puido reingresar na carreira diplomática.
As
traducións foron actividade e complemento económico fundamental
para Tobío poder afrontar as cruezas e intemperies do duro exilio
americano, após o tráxico 36.
En
1939 emprendeu en Cuba a tradución da Teoría
del Estado
(Staastslehre)
de Hermann Heller (1891-1933), profesor seu en Berlín durante a súa
estadía como bolseiro da “Junta de Ampliación de Estudios” na
Universidade alemá. Este labor, que en palabras do propio Tobío
“constituía para min un grande gozo intelectual”, concluíu en
1942 e foi editado en 1943 no Fondo de Cultura Económica mexicano,
sendo obxecto aínda hoxe de constantes reimpresións (en 1987 ía
pola duodécima, hoxe debe superar a vixésima...).
Tamén
traduciu desde o alemán para a editorial bonaerense NOVA, moi
vencellada á figura de Luís Seoane, varios discursos de contido
anti-hitleriano e anti-nazi (“Escoita, Alemaña”, outras veces
traducidos como “Alemáns, oíde”) do escritor e premio Nobel de
Literatura (1929), Thomas Mann (1875-1955), autor de ben coñecidas
obras como A
montaña máxica
(Der
Zauberger)
e Morte
en Venecia
(Tod
in Venedig).
Pro
pane lucrando
realizou o noso Lois en Uruguai, durante os seus longos vinte anos de
exilio nese país do Plata, algunhas traducións do inglés e do
alemán para o español, con destino á Editorial Sudamericana
bonaerense. Asinou, deste xeito, a tradución do Narziss
und Goldmund,
de Hermann Hesse (1877-1962), premio Nobel de Literatura (1946). Como
é sabido, trátase dunha novela de forte pegada autobiográfica e
introspectiva, editada orixinariamente en 1930, que desenvolve as
vidas paralelas de dous seminaristas medievais, Narciso e Goldmundo,
de personalidades en moitos aspectos antitéticas. Desde 1976, esta
tradución de Tobío figura no catálogo da casa editora Edhasa, de
Barcelona. A novena reimpresión, na colección Pocket, nº 18, data
de novembro de 2002.
Tamén
saíu da pluma do noso autor a tradución de The
Nephew,
obra editada en 1961 polo novelista norteamericano James Purdy (n.
1927), famoso no seu tempo por introducir a temática da
homosexualidade masculina nos seus textos e por ofrecer unha visión
moi crítica da sociedade.
Tobío
verteu para o español, igualmente, cos títulos de La
juventud del Rey Enrique IV
e La
madurez de Enrique IV,
as dúas partes da biografía novelada do monarca Henrique IV (o
instaurador da dinastía dos Borbóns no solio francés) feita por
Heinrich Mann (1871-1950), irmán do autor de Morte
en Venecia. Ambas
novelas foran publicadas orixinariamente en 1935 e 1938,
respectivamente, e están accesíbeis para o lector hispano desde
1998 na xa citada colección Pocket de Edhasa, números 123 e 124,
respectivamente.
Así
mesmo, como tivo ocasión de demostrar na súa tese de doutoramento
sobre Tobío o investigador Francisco Maseda, que puntualizou e
corrixiu nela erros dun artigo da nosa autoría, foi Tobío
responsábel da tradución publicada pola editora Hermes arxentina en
1963 dunha das obras do profesor da Universidade de Georgetown,
Carrol Quigley (1910-1977), La
evolución de las civilizaciones.
Alén
destas traducións de índole estritamente literaria, Tobío afrontou
a de senllos volumes de divulgación histórica, The
Life of Greece
(=Vida
dos gregos)
e Caesar
and Christ
(César
e Xesuscristo),
ambos do estadounidense Will Durant (1885-1981) e mais a do libro The
Man of the Renaisaance (=O home do Renacemento),
de Ralph Roeder (n. 1890).
Todos
estes traballos valéronlle a Tobío constantes eloxios dos
principais críticos literarios porteños da época, como J. L.
Borges, Bioy Casares, Victoria Ocampo ou Rodríguez Monegal, mais
tamén suscitaron algúns avatares desagradábeis. Así, a tradución
das citadas novelas de H. Mann foi alterada e retocada posteriormente
por ditado do editor sen a pertinente autorización de Tobío, e,
como el propio relatou nas Décadas
(p. 518), a súa tradución do Narciso
e Goldmundo
hessiano resultou descaradamente plaxiada en México por certo autor,
que procedeu “mudando tamén algunhas frases e palabras e dándoa
como sua”.
A
motivación basicamente económica das traducións hispanófonas que
Tobío realizou para diversas editoras durante o seu exilio uruguaio,
ás que vimos de nos referir, está totalmente ausente nos seus
traballos de vertido para o galego (“mi lengua natural, cultural y
fundamental”, segundo lle contesta ao xornalista Carlos García
Bayón nunha entrevista publicada en La
Voz de Galicia
en xullo de 1991) dunha serie de textos emblemáticos de diversas
literaturas europeas (alemá, inglesa, francesa...).
Efectivamente,
foi este un labor arduo, paciente, constante, xeneroso e altruísta,
co que o intelectual viveirense quixo emprestar un servizo
fundamental, outro máis, á causa da dignificación do noso idioma e
á tarefa de modernización das nosas letras, posibilitando o seu
diálogo coa matriz literaria europea. Constanza Tobío Soler, a súa
filla, ten escrito nalgunha ocasión que esa actividade de poñer en
galego textos dos máis importantes escritores europeos foi “fonte
para el de enorme pracer, á vez que cargada de intencionalidade en
canto achega á cultura galega” (Galicia
Hoxe,
Santiago, 11.3.2004).
Que
o noso autor coidaba que moito do prestixio do galego se xogaba na
súa capacidade para asimilar o melloriño da literatura feita no
Vello Continente ponse ben de manifesto no arroubo e admiración con
que fala nas súas Décadas
(páx. 164) da pioneira tradución dalgúns fragmentos do Ulysses
(1922) de James Joyce (1882-1941) - para moitos, a novela que inicia
tecnicamente a narrativa contemporánea- feita por Otero Pedraio en
1926 e publicada no boletín ourensán Nós.
En
1946 e desde Montevideo, Tobío envía unha colección de poemas
ingleses e franceses traducidos para galego ao certame convocado pola
Federación de Sociedades Galegas na Arxentina, co gallo de se
cumprir o vintecinco aniversario da fundación desta entidade
referencial da nosa colectividade emigrada en Bos Aires. Coma el fan
o propio con senllas coleccións de poemas tamén traducidos outros
dous galeguistas exiliados, o valdeorrés Florencio Delgado
Gurriarán, desde México, e o corcubionés Plácido Ramón Castro
del Río, desde Inglaterra. A citada Federación reuniría finalmente
estes traballos (57 en total, dos cales 24 corresponden a Plácido,
13 a Gurriarán e os restantes a Tobío) no volume Poesía
inglesa e francesa vertida ao galego
(Ed. Alborada, Buenos Aires, 1949), que foi reeditado pola Editorial
Galaxia de Vigo en 2005, co patrocinio da Fundación CaixaGalicia.
No
limiar que o propio Tobío redixiu (e non Arturo Cuadrado, como se
ten dito algunha vez) para o volume que nos ocupa, fican expresadas
con claridade meridiana as coordenadas desde as que cumpría entender
e acoller unha obra desas características. A lingua e a literatura
galegas benefícianse do contacto con outras, pois, son palabras
tobianas, “os aires de fora limpan, refrescan, renovan. A voz de
Galicia ten que se ouvir no mundo e as do mundo en Galicia”. O
labor tradutor, duro e difícil, resulta non obstante sumamente
frutífero, tanto para o escritor que o emprende como para a lingua á
que verte as producións foráneas. Mercé a traducións como as que
no volume se recollen, conclúe Tobío, “o alleo é agora noso”.
Na
nómina de autores que Tobío traduce para galego figuran os
románticos “lakistas” ingleses Shelley (1792-1822), Keats
(1795-1821), Tennyson (1809-1892) e Longfellow (1807-1882) e os
“decadentistas” e pre-vangardistas franceses Charles Baudelaire
(1821-1867), Paul Verlaine (1844-1896), Paul Bourget (1852-1935),
Arthur Rimbaud (1854-1891), René Laporte (1905-1954) e Louise de
Vilmorin (1902-1969).
Non
pode sorprender este profundo e variado coñecemento da poesía
inglesa e francesa do século XIX en Tobío, pois el mesmo se ten
referido á intensidade con que as lía durante diferentes momentos
da súa traxectoria vital. Así, na súa adolescencia e
mocidade, en tempos do Seminario de Estudos Galegos, acontecía que
“eu lía tamén daquela moita poesía galega, castelá, francesa e
mesmo catalana: Maragall, o “Himne ibèric”, “La vaca cega”.
Despois de varios anos cos románticos, na adolescencia, Zorrilla,
Espronceda, o meu Pastor Díaz, Lamartine e Musset, eran agora meus
compañeiros cotiáns os modernistas, Rubén, os poetas malditos,
máis ca nada Verlaine (Ai, Verlaine!). Adoitaba ler a poesía en voz
alta para gustar da sua música, mesmo diante de amigos, en pequenos
recitais caseiros. Deste xeito cheguei a saber de memoria moitos
poemas” (Décadas,
p. 161). Así tamén durante a súa estadía como diplomático en
Sofia (Bulgaria): “Podo dicir que endexamais estiven tan mergullado
coma entón na literatura francesa do momento: Claudel, Morand,
Giradoux, Montherland, Maurois, Mauriac... e o patriarca Proust eran
a miña compaña diaria, xunto cos poetas malditos, nunca esquecidos,
e, dos recentes, a condesa de Noailles e o gran Valery” (Décadas,
p. 339).
Tobío
verte para o idioma galego, igualmente, algunhas das xoias das letras
alemás, das que adquirira os primeiros exemplares xa en 1930, cando
vivira en Berlín. Así os Sonetos
a Orfeu
(Die
Sonette an Orpheus)
do escritor checo en lingua alemá Rainer Mª Rilke (1875-1926),
publicados polas Ediciós do Castro en 1980 e reeditados en edición
da benquerida amiga Marga Romero pola “Biblioteca Galega de
Clásicos Universais” que promoveu o xornal coruñés La
Voz de Galicia,
facendo o seu volume 31.
Tamén fai Tobío a versión para galego (nun galego, conste, repleto de modismos típicos da fala popular da Terra de Viveiro, como alpuxarra, abitar, etc.) da peza Nai coraxe e máis os seus fillos, de Bertold Brecht (1898-1956), publicada polas Ediciós do Castro en 1987. Editada orixinariamente en 1941 e ambientada nas guerras de relixión centroeuropeas de mediados do século XVII, constitúe esta obra, como é ben sabido, un dos cumios do teatro político e antibelicista universal, pola contundencia con que denuncia os males da guerra e amosa a inversión de valores que esta leva sempre aparellada.
Despois
de que Otero Pedraio fixese os primeiros intentos, é Lois Tobío
quen culmina final e felizmente a ciclópea tarefa de traer para a
nosa lingua o monumental Fausto
de Goethe (1749-1832), tirado do prelo pola casa Laiovento, de
Francisco Pillado, en 1997, merecedor do Primeiro “Premio de
Tradución Plácido R. Castro” (2002) e reeditado tamén na xa
citada “Biblioteca Galega de Clásicos Universais” (volume 10).
Cónstanos,
por último, que tamén traballou Tobío na tradución para o galego
das Elexías
de Duíno,
de Rilke, mais ao coñecer por indicación nosa, durante unha
conversa polas rúas de Viveiro dun xa afastado agosto de 1996, a
edición da obra que Jaime Santoro de Membiela preparou e editou en
1995 na “Espiral Maior” de Fernán-Vello, decidiu gardar o seu
traballo no caixón, nun enésimo acto de humildade e de “diplomacia”
pola súa parte...
Olaa! Compráceme avistarte de que nominamos o teu blogue aos Black Wolf Blogger Award. Na nosa páxina tes as instrucións para aceptar a nominación!
ResponderEliminarUn saúdo e noraboa!!